Unha política resistencialista

En realidade no BNG convivían e, até de agora, conviven dous proxectos nacionalistas moi diferentes. Para simplificarmos a análise (a risco de non sermos precisos ao 100%) grande parte da UPG, MGS e independentes aliados acreditan nunha opción moi cohesionada internamente, de lento progreso no achegamento a novas capas sociais e moi coordinada coa CIG e outras organizacións sociais do ámbito do nacionalismo. Neste prantexamento a tendencia é máis de resistencia e de nuclear unha forza de oposición rotunda ca de gobernar ou transformar de xeito progresivo. Considérase, dende esta perspectiva, que hai unha parroquia propia e desconfíase da ampliación da base social e mesmo da militancia.
Fronte esta cosmovisión, outros sectores dentro e fóra do BNG acreditan dun outro xeito de facer política galeguista: instalada na centralidade, aberta á sociedade, basicamente institucional e constituíndo unha forte alternativa de poder, orientada a moi amplos sectores da sociedade deste País. Mais este polo, maioritario na candidatura onte competencia da que resultou gañadora da Asemblea Nacional do BNG, non monopolizaba esta alternativa, que resultou heteroxénea de máis e, en último de contas, perdedora por moi poucos votos. Claro é que a vitoria ten moitos pais e a derrota é orfa.
Sendo pírrica a vitoria onte da UPG e aliados, non é menos certo que as derrotas orgánicas nunca son doces. E que a UPG resolveu quizais o derradeiro esforzo por lle desputar a hexemonía, o que lle permite xestionar unha organización moi activada que pode gañar apoios na actual recesión, malia que renuncie, como na xuntanza congresual de hai dous anos e medio, a se dirixir dende unha opción central ao conxunto da sociedade galega.
Porén, semella que existe unha sensibilidade abondo ampla para prognosticar que ese proxecto galeguista central, competitivo, moderno e europeo vai estar presente, dun ou doutro xeito, nos próximos anos, cando Galicia (e a Europa toda) se xoga o futuro.

A ARRINCADEIRA
Baltar non pasará á historia por achegar idea ningunha á construción social, nin por desenvolver obras ou servizos sociais úteis. Baltar pasará á historia só pola súa concepción caciquil da política e por ser o autor da máis caluniosa agresión a un candidato (Quintana, do BNG) na historia da democracia, que só unha discutíbel decisión da Audiencia ourensá posibilitoulle eludir o xuízo que decretara a Xuíza d’o Carballiño.

A responsabilidade da oposición

O goberno galego do PP amosa sinais preocupantes nos estudos demoscópicos non publicados que comentan sotto voce dirixentes políticos e xornalistas usualmente ben informados. A Xunta carece de pulo director e de proxecto, os seus conselleiros de predicamento social e iniciativa política e Galicia, prisioneira dunha radical política de recurtes fiscais nunca acompañada por medidas de pulo á actividade produtiva, é campioa de inverno na xeración de desemprego por conta allea e na destrución de pemes e outro emprego autónomo.
O peor de todo é que transitaremos no resto deste 2012 polos vieiros da recesión cos seus corolarios de máis desemprego e pobreza, pois que o Goberno do Estado semella que tamén desbota estímular á economía. Recurtes estatais máis recurtes autonómicos só poden xerar máis recesión, que podería verse moito máis agravada pola liquidación a baixo prezo do noso Nova Galicia Banco, que de seguro demoraría no tempo a solución dos problemas de financiamento das nosas pemes e condenaría á exclusión financeira de milleiras destas.
Noutras verbas, remataremos a lexislatura pairando este sentimento de negatividade xeralizado sen que a acción da Xunta e do seu Presidente poida xerar ningunha caste de ilusión ou confianza, como en privado recoñecen unha maioría dos nosos empresarios e líderes sociais.
Mais, hai alternativa ao PP? Até de agora socialistas e nacionalistas amosáronse desnortados, máis pendentes dos seus problemas organizativos ca do prantexamento en positivo dunha fórmula que fose quén de aunar a adhesión de distintas capas sociais e mesmo sen un diagnóstico común a respecto dos problemas e necesidades da Galicia de hoxendía. Velaí que teñan que aproveitar cadansúas citas congresuais para artellar complexos procesos de refundación que lles devolvan a interlocución coa sociedade. Só así lles sería posíbel evitar unha nova maioría absoluta do PP, malia que desenvolverá a peor xestión da historia do autogoberno galego.

A ARRINCADEIRA
O experimentado Newt Gingrich (vencedor de Clinton nas lexislativas do 1994) ten a fasquía de dereitismo radical, sen caer no fanatismo relixioso ou no “freakism” político, preciso para gañaren a elección republicana. Hoxe é xa favorito. E teño para min que será un mal inimigo para Obama.

Xuízos televisivos

De certo que habería fendas na instrución do caso de Marta del Castillo, na presentación de probas por parte da acusación e mesmo na súa avaliación polo Tribunal. De certo que hai que ir a unha investigación penal dirixida pola Fiscalía na que o Xuiz de Instrución limite o seu labor a garantir os dereitos (nomeadamente o de defensa) dos imputados e a igualdade entre as partes, sen se contaminar coa actividade instrutora. De certo, tamén, que hai que mellorar a loita contra esta caste de delictos cometidos por persoas aparentemente integradas na sociedade, que semellan dispór de toda caste de información, axuda e mesmo coñecemento para cometer os seus crimes.
Mais non podemos perder de vista que vivimos nun réxime de liberdade e democracia. E este réxime obriga a sermos máis coidadosos na prevención da condena do inocente mesmo ca no castigo ao culpábel. E démonos, democrática e historicamente, varias regras do xogo. En virtude da presunción de inocencia. todos somos inocentes até sermos condenados por sentenza definitiva. Esta só pode basearse, alén de dúbidas razoábeis, en probas directas ou indicios relacionados entre si a medio dun razoamento directo e racional. E, de fallar a proba ou non ser abonda, compre aplicar o principio “na dúbida a favor do reo” e absolvelo. Aínda que non se demostrase a súa inocencia ou haxa indicios non concluintes de culpabilidade. E a Lei, tamén, recoñece o dereito de todo reo a non declarar ou non se confesar culpábel, o que proscribe o uso do polígrafo, da tortura psicolóxica ou da droga da verdade.
O que ocorreu neste caso é que vivimos, como tantas outras veces, un xuizo paralelo nas TV (nomeadamente en A3 e T5) que competían en audiencia presentando o caso do xeito máis sensacionalista do que foron quen. E esta tolemia en espiral xera esa falsa sensación de que o sistema protexe aos delincuentes, cando o sistema español é, dos europeos, de penas máis duras e adoito cumpridas íntegramente “a pulso”.

A arrincadeira
A UPG e os seus aliados internos confirmaron a Guillerme Vazquez e Paco Jorquera na súa cualidade de candidatos á Portavocía Nacional do BNG e á Presidencia da Xunta. Semella que na vindeira cita congresual dos nacionalistas non existirá solución de consenso e si confrontación democrática. O problema vai ser a convivencia dos dous proxectos que cohabitan no BNG despois do 29.