Traballar para a maioría social

O feito obxectivo de que o Estado español sexa o terceiro menos xusto en termos de distribución da renda da UE (despois de Letonia e Romenia) danos unha idea exacta do fracaso colectivo tanto do suposto proceso acumulativo da “segunda miragre española” como do peor proceso de destrución de emprego e benestar da Europa que vivimos dende 2007-08. Indubidabelmente a crise é europea e internacional, mais a desprotección española fronte á pobreza e exclusión social ven de lonxe e coñece de características individualizadoras de seu, como foi o modelo de crecemento baseado no ladrillo e segunda residencia, a priorización do cemento sobre o coñecemento, a inoperancia das medidas do Goberno ZP, a falla de previsión do Goberno Aznar-Rato e máis a falla de sentido integrador das grandes organizacións políticas e sociais.
Velaí que a temperatura social vaia “in crescendo” e que gañen enteiros as opinións que esixan grandes recurtes no recorrente gasto militar ou que relativicen a suposta necesidade de sanear as entidades financeiras con cartos públicos. Porque, verdadeiramente, semella que unha influínte corrente de pensamento a respecto dos Gobernos estatal e autonómico do PP (mais tamén a respecto do pasado Goberno ZP) priorizan os recurtes en políticas sociais, educación, sanidade e mesmo na política de rendas compensatorias por desemprego ou de subsistencia e prevención da exclusión, mentres (como ven de facer o Ministro Morenés) priorizan o gasto militar a respecto do gasto social, nunha grave subversión das prioridades políticas.
Calquera observador imparcial dirá que aquí se tende a gobernar para unha minoría no canto de pensar na promoción económica e nos valores de inclusión e cohesión social que require a maioría e que alicerzan o sistema político e social que, dende 1945, nos dimos os europeos.

A ARRINCADEIRA
Compre defender a presunción de inocencia do duque de Palma e a grave restrición do seu dereito de defensa por mor do segredo do sumario. Mais, no ámbito político, o caso Urdangarín abre o debate sobre a forma de Estado. Moitos pensan nunha futura República. Unha República que podería ir máis ao xeito coa realidade plurinacional desta España.

Rubalcaba ou o medo ao cambio

Rubalcaba foi elixido Secretario Xeral do PSOE cunha moi curta maioría (51,1%-48,8%) entre os 956 delegados federais, máis ben representativos das elites burocráticas do Partido ca das bases militantes e, sobre todo, dos simpatizantes. Tratábase, sen dúbida, de escolleren a máxima responsabilidade orgánica e non a candidatura á Presidencia do Goberno do Estado.
E tamén é certo que Carme Chacón, a alternativa, partillou con Rubalcaba o pecado de integrar o Goberno Zapatero, responsábel da viraxe neoconservadora de maio do 2010. Mais o que non se pode negar é que a burocracia socialista pensou nomeadamente en si propia ao escoller o candidato máis fracasado desque o PSOE voltara á legalidade, no 1976.

Lóxica conservadora e burocratizante

Na escolla por Rubalcaba agroma unha lóxica conservadora moi perigosa para o PSOE. Porque esta vitoria non sería  posíbel sen botar mán de todos os arteiros trucos propios da peor tradición do felipismo e do guerrismo, incluíndo unha reportaxe abxectamente parcial a catro  páxinas o último domingo anterior ao Congreso no xornal de PRISA, alén doutras informacións contra Chacón que lle foron inducidas ao xornal dereitista de Pedro J. Ramírez.
O acto de votación dos burócratas compoñentes do 51% de Rubalcaba tentou, desafortunadamente, non xa parar as agullas do reloxio da historia, senón mesmo atrasalas para voltar aos felices 80 das maiorías socialistas. Non hai reflexión ningunha a respecto dos feitos nacionais periféricos da España plural, porque -afirma Rubalcaba- a mensaxe socialista hase escoitar “coas mesmas verbas e o mesmo acento en todos os territorios españois”.
Por outra banda, tampouco hai achegamento ningún á realidade do paro xuvenil, ao movemento dos anoxados do 15-M, aos emprendedores, ao drama das familias afundidas pola escaseza e o desemprego. E si hai un aceno de desprezo ao ditame popular do 20-N. Aínda por riba de obter Rubalcaba o peor resultado electoral da historia moderna do PSOE os mandaríns escollérono para Secretario Xeral. A mensaxe ao cidadán potencial votante socialista é nidio:  “vos non entendedes de política, nós si.
Este PSOE recentralizador, burócrata e afastado da cidadanía vaino pasar moi mal de hoxe en diante. Porque a súa capacidade de constituir o polo de atracción dos españois de centro-esquerda e esquerda pertence xa á historia. Dende xa haberá competir duramente e quizais non sempre con avantaxe con IU, Equo e as forzas nacionalistas de Galicia, Euskadi, Catalunya, Nafarroa, Illes Balears e País Valenciá.
Quizais esta escolla de Rubalcaba marque definitivamente ao bipartidismo como un sistema do pasado.

Catalunya  e Galicia

Alén diso, a derrota de Carme Chacón proxecta unha sombra alongada a respecto da sempre difícil relación entre PSC e PSOE. A frialdade de Rubalcaba cos socialistas cataláns prognostica tensións moi importantes. Por outra banda, semella que Carme Chacón vaino ter difícil para manterse como alternativa até as primarias do 2015. Semella que a nova dirección vaille negar o pan e o sal e tampouco ten doado atopar cuarteis de inverno cómodos na súa casa de orixe: o PSC.
Canto á Galicia o resultado constitúe un evidente reforzo de Pachi Vázquez e dos seus até de agora circunstanciais aliados, os alcaldes de Vigo e Lugo. O Congreso do PSdeG está practicamente decidido,ao se sumar ás forzas da rúa do Pino ás de Ferraz. Fran Caamaño haberá agardar mellor ocasión, quizais baixo o abeiro da Secretaría Territorial da circunscrición coruñesa. Agás que se produzan, despois do Congreso Nacional do PSdeG, eventuais movementos de converxencia entre os sectores críticos do BNG e do PSdeG, o que é posíbel, mais pouco probábel.
Como conciliará este PSdeG dominado por Pachi no seu próximo Congreso galeguidade con socialdemocracia? Pois semella que moi mal, á vista do recentralizador discurso de Rubalcaba e do incoherente relatorio congresual  do exconselleiro Méndez Romeu a prol dunhas Deputacións Provinciais que constitúen o máis ineficaz, impopular e caciquil sistema de xestión territorial deste País que chamamos Galicia.

Non me toquen a sanidade

Semella que algúns non entenden o éxito do noso sistema de sanidade pública (o sexto máis eficiente do mundo xa que só inviste no sistema o 6,8•% do PIB), propoñendo copiarmos os modelos USA (que inviste na súa sanidade máis do 14% do PIB, malia que exclúa máis de 50 millóns de persoas por non poder pagar un seguro privado) ou inglés (moi mellorado por Tony Blair logo de que a dereitista Mrs. Thatcher destruirá a boa sanidade británica dos anos 70 do século pasado).
É evidente que hai marxe para xestionarmos mellor a sanidade, nomeadamente no axeitamento do gasto farmacéutico (a praxe política de Nelson Mandela concienciounos da necesidade de potenciar os xenéricos e recurtar o poder da industria farmacéutica) e nunha mellor administración dos recursos. Mais non o hai para recurtar soldos, aumentar xornadas ou reducir as prestacións, reducindo os tempos de asistencia e de hospitalización cando iso arrisque a saúde dos doentes ou aumentando o tempo de agarda para as intervencións cirúrxicas, mesmo a medio de trucos trampulleiros de listaxes “B” como fixo no noso País a antiga conselleira Farjas.
Porque detrás do esforzo por presentarmos a sanidade pública como cara, ineficiente ou un luxo que non podemos aturar están determinados operadores económicos que tentan aproveitar a súa demolición para facer negocio ofrecéndonos os seus servizos. O que non prexudica que a iniciativa privada complemente a oferta sanitaria, mais sempre dende a defensa da asistencia universalizada e de calidade.
Porque, miren vostedes, se esta sociedade non pode pagar unha sanidade que custa o 6,8% do PIB terá que recurtar noutras moitas frontes: Deputacións, senadores de elección provincial directa, Delegados e Subdelegados do Goberno, gasto militar (o que non podemos pagar é un Exército de seu en cada un dos Estados europeos) e da Casa Real… Mais non me toquen a sanidade pública.

A ARRINCADEIRA
Alguén dixo no 2008 que esta crise habería devorar aos Gobernos entón operantes e máis aos futuros. Fenómenos como as reviravoltas gobernamentais grega e italiana e o progresivo arrumbamento das institucións democráticas na Europa toda obrigan considerar que a actual recesión pode mesmo danar á propia democracia. Á crise económica vai seguir unha amplísima crise política.

O erro Garzón

Vaia por diante o meu recoñecemento ao xuiz Garzón que legalmente inculpou ao presunto asasino e ominoso ditador, Augusto Pinochet, así como ao que enfronta arestora o axuizamento por mór da súa lexítima e progresiva interpretación de que os crimes contra a Humanidade (que foron os que se cometeron durante e despois da guerra civil) non prescreben e, xa que logo, que a Lei de Amnistía de 1977 non evita a pescuda penal a respecto destas condutas.
Mais ese recoñecemento non me permite esquecer que Garzón fixo parte dos dous graves problemas da nosa xurisdición penal: a anacrónica e inconstitucional Audiencia Nacional e a cualificación incompatíbel e simultánea dos xuices de instrución como axentes do avance na investigación e garantes dos dereitos dos investigados.
A Audiencia Nacional é a herdeira do franquista Tribunal de Orde Pública. Aos seus xuíces (entre eles Garzón) outorgáronselle medios abondo en comparanza cos restantes xuíces de instrución. Os seus titulares -non só Garzón- presentáronse moitas veces como “irreductíbeis” e “xusticieiros”, xuíces estrela que constituían os arietes do Estado fronte ao terrorismo, a corrupción e o narcotráfico. Os demais xuíces seica ficarían para causas menores.
Canto ao noso sistema de instrución penal (insólito na Europa toda), coñécense supostos casos de abuso das pregorrativas xudiciais sobre a liberdade de movementos dos imputados para perseguer o delicto. Algo semellante a “se falas xa veremos, se non falas imos mal…” .
Como é difícil repenicar e ficar na misa, Garzón rematou por gravar conversas de avogados con presos, vulnerando grave e conscientemente o dereito de defensa. Velaí o acerto na unánime ditame do Tribunal Supremo.
Hoxe foi Garzón. Mañá poderá ser calquera mentres non se vaia á raíz do problema: suprimirmos a Audiencia Nacional e outorgarlle a instrución penal ao Ministerio Fiscal, reservándolle aos xuices a decisión sobre a situación persoal dos imputados e a garantía da igualdade real entre a defensa e a acusación.

A ARRINCADEIRA
“Gesto por la Paz”, a organización mais antiga na reivindicación contra a violencia en Euskadi, celebrou a sua derradeira manifestación. Sabe que na paz non lle toca presionar nin definir as decisións políticas, como tentan outras organizacións. Decidirán os vascos.

Cárcere perpetuo

Para decatármonos do que é a prisión permanente revisábel que propón o Ministro de Xustiza, Ruiz-Gallardón, nada mellor que un (re) visionado da longametraxe “The shawshank redemption” (“Cárcere perpetuo”). Ópera prima de Frank Darabont sobre un conto de Stephen King, salientan as interpretacións de Tim Robbins e Morgan Freeman. A historia xira arredor dun fato de condenados á pena que quere introducir Gallardón. Persoas ás que se condenou e tirou a chave pondo a revisión de cadansúa condena nas mans dunha Xunta Administrativa Estatal (non dun Tribunal de Xustiza) que rexeita sistematicamente os pedimentos de condena condicional dos reos por coidar que nunca ofrecen plenas garantías de rehabilitación. E, deste xeito, o bibliotecario, preso dende a súa primeira xuventude, non acada a condicional até a súa vellez. Escuso dicirlles que non aturou a proba de vivir nun mundo extraño que xa non coñecía e deu cabo da súa vida.
O cárcere permanente revisábel é inconstitucional e se a revisión se deixa nas mans dun órgano gobernativo é, asemade, un despropósito. O sistema penal español é duro de máis, dende o Código Penal de Belloch (1995), nomeadamente en comparanza con outros Estados europeos que acadan meirandes níveis de criminalidade e onde as penas teñen un inequívoco xorne rehabilitador. Que os psicópatas e violadores adoitan ser de moi complexa rehabilitación? Impoñámoslles medidas de seguranza (ordes de afastamento, controis de presenza, restricións para determinadas actividades) mais manteñamos a limitación da duración da prisión, que é unha conquista fulcral da nosa cultura democrática, baseada no respecto aos dereitos humanos.
Determinados políticos tentan resolver os problemas da sociedade con máis castigos. Mesmo hai quen pretendería impoñelos de xeito restritivo. E semella que non nos decatamos que o trunfo destas teses é a derrota da civilización e dos valores liberais e democráticos.

A ARRINCADEIRA
O Congreso Federal do PSOE semella non ter aprendido a lección do pasado 20-N, pondo o seu futuro no corresponsábel (canda ZP) do último desastre electoral. En clave galega, semella que este trunfo vai dificultar as opcións de Caamaño, dende valores federalistas e ancorados na galeguidade. Semella que, baixo a dirección de Rubalcaba, o PSOE apoiará moitas das iniciativas recentralizadoras do PP.