Novo ciclo político?

Co 90% escrutado, PP e PSOE andaluces acadaron un empate técnico en votos, ao fío dun 40%, malia que, por mor da distribución territorial o PP acade 50 escanos (gaña 3) e o PSOE 47, que perde 9, dos que 6 van a IU, que duplica a súa representación, a rentes dun 12%. Os votos do centro-esquerda, se incluímos nel ao PA acadan un 55% fronte a un 44% do binomio PP-UPD. O xiro á esquerda é substancial.
O PP ficou moi lonxe da maioría absoluta e non é quén de rendibilizar o grande avance acadado nas últimas municipais e xerais que daban aquela por descontada. A pesares dun PSOE que levaba 30 anos gobernando e no que abrollaban casos de corrupción tan graves como o dos ERE. Unha volta máis a corrupción non decidiu a remuda política, como tampouco a decidiu en maio pasado no País Valencià.
Gobernará a esquerda, probabelmente en coalición. Esas coalicións que son a fórmula de goberno común en case toda a Europa. E abrolla, como grande vítima colateral Javier Arenas, ao que responsabilizarán dun fracaso en grande parte motivado pola política do Goberno Rajoy nestes tres meses.
Nas eleccións asturianas tampouco houbo maiorías absolutas e si 5 partidos representados nos 45 escanos do seu Parlamento. A grande baixa da participación prexudicou á dereita que, malia todo, mantén unha maioría en escanos, que non en votos (23 sobre 45; dos que un Foro xa consolidado achega 13 e o PP 10) que lle permitirá gobernar en coalición. Unha coalición lóxica, malia ser o PSOE a opción máis votada. Cherines Fernández partillará o goberno co Presidente Cascos.
O PSOE gañou en votos e escanos (16 sobre os 15 de hai dez meses). Os outros dous escanos que perde o Foro alargan a representación de IU (sobe a 5) e a UPD. Porén, PSOE e IU manteñen unha igualdade substancial en votos co bloque Foro Asturias-PP.

A ARRINCADEIRA
Hai outras ensinanzas destes dous procesos. Rachouse o dogma de que a abstención sempre prexudica á esquerda. Os máis votados non gobernarán. Rubalcaba aproba con notábel alto as súas primeiras eleccións despois do Congreso Federal do PSOE cunha porcentaxe de votos (40% en Andalucía e 32,5% en Asturias) que volve instalalo na centralidade, malia a suba moi evidente nos dous territorios de IU.
E o Goberno do Estado, con Rajoy á fronte, recibe un moi serio aviso.

Viva la Pepa

Cúmprense 200 anos da aprobación da primeira Constitución española, nunha cidade de Cádiz sitiada polo exército napoleónico. E, verdadeiramente, a chamada Pepa marcou un fito na historia pola súa reivindicación dos dereitos do cidadán e o arrumbamento da monarquía absoluta (que,malia todo, aínda duraría outros vinte anos, despois da reacción fernandina no 1814).
Mais a Pepa foi, en grande medida, un exercicio de radicalismo xacobino e, ao tempo, de intolerancia relixiosa (non se recoñecía nin a tolerancia a respecto dos cultos distintos á relixión oficial católica). O réxime parlamentar que deseñou non se inspirou na boa experiencia británica e norteamericana, senón que copiou o asemblearismo da Convención revolucionaria francesa de 1792. No canto de organizar a gobernanza arelou definir ás persoas (“todos los españoles serán justos y benéficos”). No seu xacobinismo asembleario levou a Pepa a penitencia da súa moi curta vixencia efectiva.
Que dícir de Galicia! A Constitución de Cádiz e as guerras napoleónicas sinalan o comezo do noso século XIX, un dos peores da nosa historia, despois do fecundo século XVIII, que desenvolveu a nosa agricultura e fixo agromar os alicerces dunha industria perdida no XIX. O xacobinismo constitucional liquidou o goberno dos vellos reinos e, canda él, a Xunta do Reino de Galicia, ben máis eficaz ca as catro provincias e Deputacións que De Burgos dexergou no 1833. Cádiz xerou un modelo centralista de gobernó e administración que afogou a nosa economía, agachou as nosas capacidades e xerou, como resulta inevitábel, a emigración americana.
Velaí que os historiadores galegos han facer un esforzo para nos lembrar, neste centenario, que Galicia ten bastante pouco que celebrar e moito que matizar, fronte a enxurrada de loubanzas interesadas a unha Constitución que non contribuiu ao noso progreso social e económico.

A ARRINCADEIRA
O PNG-PG deu cabo aos seus 23 anos de intregración no BNG e acordou concorrer con outras persoas e forzas á fundación dunha nova forza galeguista e progresista. Ten oco social outro BNG? Estou certo que non. Ten oco un proxecto verdadeiramente anovador, que integre persoas e non grupos, que sexa transversal a toda a sociedade e aspire a competir coas tres forzas parlamentares? Semella que, para un tal proxecto, si podería haber demanda social.

Recurtamos o Estado

É xeralizada a impresión de que, no Estado español, existen abondo duplicidades administrativas, que xeran gasto público improdutivo e problemas para acadarmos a eficacia e a eficiencia na xestión. Mais para suprimirmos estas duplicidades compre pór o foco moito máis na Administración do Estado ca nas Administracións autonómícas.
En realidade tanto os Gobernos de Felipe González como os de Aznar retiveron milleiros de funcionarios e empregados públicos sen función ningunha. Cumpriría reducir o Estado a seis ou sete Ministerios de sinxela estrutura e transferir os restantes medios persoais aos Gobernos autonómicos. Ao tempo, están de máis os 57 subdelegados do Goberno e os 19 delegados do Goberno con todos os seus gabinetes. O Estado non precisa de estrutura periférica ningunha na época das novas tecnoloxías da información e comunicación.
En troques, son as autonomías as que sosteñen os servizos sociais, a sanidade e a educación. É dicir, o núcleo esencial que da sentido ao Poder Público. Velaí o absurdo de lle permitir ao Estado déficits próximos ao 4,5% mentres as Administracións autonómicas hanse cinguir a un 1,3%.
Mais semella que Rajoy non quere botar man das tesoiras para recurtar de seito substancial o Estado e mesmo nin vai tocar as innecesarias e mal xestionadas Deputacións, que son institucións que non teñen encaixe no noso Estado. Mentres as reformas fiscal e laboral maximizan o sacrificio económico dos traballadores, autónomos e pequenos empresarios e, en xeral, das clases medias, semella que PP e PSOE non se decatan da magnitude dos reptos deste momento histórico e seguen pendentes de fornecer de traballos institucionais ben remunerados a cadansúas burocracias.
Asumir dunha vez que a Xunta de Galicia e os concellos han ser a Administración única deste País contribuirá a mellorar substancialmente a eficiencia pública, aforrando recursos esenciais para darlle pulo á actividade económica.

A ARRINCADEIRA
Malia que teñan importantes motivos na reforma laboral para combatela con todas as ferramentas á súa man, os sindicatos non entenden que as pemes precisamos capacidade de descolgamento da negociación colectiva e un marco xurídico, laboral e fiscal de noso. As pemes son máis do 95% das empresas deste País e as únicas que creamos emprego. Xa que logo, os sindicatos farían ben en non se trabucar de inimigo.

Outra vaca no millo

O déficit autonómico galego acadou no 2011 o 1,6% do PIB, bastante lonxe do 1,3% de obxectivo máximo sinalado polo Goberno ZP. Malia isto, constitúe o segundo mellor rexistro no nível estatal, despois do Goberno madrileño que preside Esperanza Aguirre: sobrefinanciado (coa nova lexislación de financiamento autonómico que aprobou Feijóo), neocon e campión dos recurtes fiscais.
Qué custos tivo para a cidadanía galega este discreto déficit? Nin máis nin menos ca o deterioro visíbel e agravado día a día dos servizos públicos (servizos sociais, sanidade, educación) e a acelerada perda de emprego autónomo e por conta allea, por mor da absoluta inactividade da Xunta no que atinxe á promoción económica. Cando o certo é que tiñamos, no 2008, un plus de resistencia (sermos menos sensíbeis á construción de segundas residencias e máis exportadores).
Fronte estas evidentes feblezas do Goberno Feijóo e fronte á súa falla de proxecto de País a oposición do BNG e do PSdeG non é quén de visualizar unha alternativa. O BNG decidiu nos seus últimos dous Congresos (2009 e 2012) definir unha política que só resposta aos intereses e necesidades de determinados sectores sociais, afastándose da transversalidade e da centralidade. No PSdeG rexurden as pulsións municipalistas e grupalistas, que ficaran silentes no tempo de liderado de Touriño. Hoxendía os socialistas non teñen proxecto de País e o do BNG é parcial e non comprende a evolución sofrida pola sociedade galega (unha nación europea que partilla moitos máis problemas con Irlanda ou Bretaña ca con Venezuela ou Cuba).
Velaí que haxa politólogos que albisquen a viabilidade dunha outra forza galeguista que sexa quén de ofrecer un proxecto de País integrador para case todos os sectores sociais e que naza da reivindicación da forza da sociedade civil e da comprensión das remudas sofridas pola Galicia moderna. Mais os seus promotores farían ben en evitar reproducir esquemas organizativos e “tics” políticos existentes na política actual. Porque, de non nacer de alicerces novos e non se dirixir a competir electoralmente con todas as forzas dende a centralidade política, esa opción “non nata” sería outra vaca no millo.

A ARRINCADEIRA
É verdade que a intervención en Libia non garantiu -aínda- un tránsito democrático nin a evitación de crimes como o linchamento de Ghaddafi. Mais o xenocidio sirio que dirixe o presidente al-Assad e a carreira nuclear iraniana constitúen liñas vermellas que nin a UE nin os USA poden aturar sen grave risco da paz mundial.