A CRTVG é un servizo público

Os representantes do pobo galego crearon por unanimidade, no 1984, a CRTVG como instrumento fundamental para a normalización lingüística, cultural e informativa deste País. No 1999, outro Parlamento, tamén unanimemente, encargoulle a función de axente mobilizador do sector audiovisual e das industrias culturais, que xeran un 2,5% do PIB galego.
Nestes máis de 25 anos, canda moita luz e novidades, existiron sen dúbida sombras e despropósitos na xestión da Radio e TV públicas de Galicia. Mais a CRTVG non se atopa na creba técnica do Canal Sur andaluz ou do Canal Nou valenciano. Nin resposta ao exclusivo desexo de contar cun altofalante gobernamental, como a Telemadrid que goberna a ultradereitista Esperanza Aguirre.
Xa que logo, a reforma lexislativa que promove o Goberno do Estado, que obrigará ao equilibrio orzamentario das TV autonómicas que continúen en réxime de xestión directa, non se lle debería aplicar á nosa Radio e TV públicas. Pero, asemade, constitúe unha violación inconstitucional das competencias autonómicas. Porque crear unha radio e TV publicas é unha competencia exclusiva de Galicia, recoñecida no Estatuto.
E, nese marco, temos dereito a definirmos se pagamos a nosa Radio e TV públicas con publicidade, a medio dunha contribución publica (de certo ponderada ao que esixan as circunstancias económicas) ou mesmo a unha taxa ou canon polo seu uso, ao xeito do Reino Unido.
Velaí como o PP estatal e, en xeral, a opinión madrileña amosan que non entenden a pluralidade do Estado e as singularidades galega, catala e vasca. Métanlle man ás TV de Madrid ou Murcia e deixen que os galegos gobernemos na RTVG.

A ARRINCADEIRA: MAFO CONTRA NG BANCO
NG Banco e o seu plan de recapitalización parcial teñen dous grandes inimigos: o gobernador Fernández Ordoñez e o ministro De Guindos. Semella que MAFO quere regalarlle o noso Banco ao BBVA antes de marchar do cargo, en maio. E De Guindos quere activar a poxa de NG Banco o mes vindeiro. Castellano precisa de tempo para que desapareza Mafo da escena e Rajoy controle ao seu Ministro. Terá Rajoy o valor e sentido común a facelo? Se a totalidade do NG Banco vai á pública poxa o grande responsábel será Mariano Rajoy.

Non estaba no seu sitio

O Nobel Cela dixo nunha ocasión que, na democracia española, “só El-Rei sabía estar no seu lugar”. Teño para mín que D. Camilo habería corrixir a súa opinión á vista da manifesta inoportunidade da viaxe real a Botswana para partillar nun safari de elefantes.
Porque esta viaxe pon no foco unha evidente falla de sensibilidade real coa realidade dunha sociedade empobrecida, onde millóns de persoas sofren os rigores do desemprego. Na semana na que o Goberno do Estado anunciaba recurtes adicionais por 10.000 M € na sanidade e na educación, D. Juan Carlos participaba nunha actividade absurdamente custosa (uns 30.000 €/cazador), sen clarexar se a mesma foi por conta do orzamento da Casa Real (que só se recurtou nun 2% neste 2012 de restricións xeralizadas do gasto público) que El Rei distribúe libremente por precepto constitucional.
Cazar elefantes, asemade, é unha actividade que pouco ten de deportiva e moito de cruel, polo menos para a sensibilidade social  maioritaria en toda a Europa, tendo en conta como se desenvolve. A participación real neste safari, malia pertencer á súa vida privada, reflicte unha total falla de sensibilidade a respecto dos valores da conservación na natureza e do respecto pola vida animal, atinxindo asemade unha especie en risco obxectivo de extinción.
É evidente que este incidente non ten nada a ver, canto á súa gravidade, co caso Urdangarin. Porén, vai afondar no divorcio entre a sociedade e a institución monárquica e reducirá de seguro o grao do chamado juancarlismo entre as xeracións que xa non viviron a transición. Neste senso, o futuro da Institución vai depender cada vez máis do xiro que lle poida dar Felipe de Borbón, que habería pasar, de certo, por unha meirande austeridade e apertura á sociedade, así como á realidade plurinacional da España.

A ARRINCADEIRA
A política exterior española sempre se caracterizou pola súa cobertura dos intereses dunhas poucas grandes empresas, no canto de promover os intereses de tantas medianas empresas que adoitan enfrontar sen axuda a súa internacionalización. Menem malvendeulle a Repsol a petroleira YPF (unha das xoias da coroa do sector público arxentino) e dende entón Repsol incumpre as súas obrigas canto aos investimentos na Arxentina. Mais Rajoy prefire ser o Goberno de Repsol ca o Goberno das pemes españolas.

Liberdade e seguranza

A convivencia en democracia é unha escolla común que case todos partillamos. Mais é posíbel que non todos saibamos algunhas resultas inevitábeis desta escolla. Como que a democracia refuga da pena de morte e do cárcere perpetuo e prefire absolvermos ao inocente antes que castigarmos ao culpábel.
Porén, vivimos tempos nos que semella termos que escoller entre liberdade e seguranza. E moitos políticos teiman en agravar o Código Penal e a súa interpretación xudicial. Velaí a proposta de Feijóo a respecto dos lumes forestais, descoñecendo a mantenta a pescuda xeral que a Fiscalia Superior de Galicia e a Garda Civil desenvolveron e da que tiraron a nidia conclusión de que a meirande parte dos lumes son intencionais, malia qu os delincuentes adoitan actuar sós e ser persoas de moi baixas intelixencia e socialización.
Tamén cómpre salientar aqueles endurecementos punitivos pensados ápenas para terroristas ou violadores que rematan por se espallar aos outros delincuentes, tencionando converter a excepción na regra xeral. Mesmo hai poucos días o Ministro do Interior propuña agravaren as penas para a violencia de rúa de baixa intensidade á fin de que os seus autores puidesen mesmo seren presos de xeito cautelar. Semella que, amáis de nos esquecer dos alicerces da democracia, estamos a esquecer da súa regra fulcral canto ao Dereito Penal: este ha ser o derradeiro recurso. Porque se castigamos con largura os delictos menos graves, os delincuentes tenderán a perpetrar os máis graves, para garantir a comisión das súas accións. Eis o risco da sobrepunición.
Alén diso, semella que os cidadáns que pretendan achegarse á rúa (á ágora) como lugar para amosar as súas percepcións e sentimentos sociais están a ser desvalorizados. Velaí o cámara detido en Vigo na pasada folga xeral ou os recorrentes incidentes urbanos das nosas cidades.
Por iso compre lembrar seguido que non é posíbel a liberdade sen seguranza nin a seguranza sen liberdade.

A ARRINCADEIRA
Sería bo que a política exterior galega estivese sempre coordenada ao 100% coa española e europea. Mais se a España esquece Portugal, Brasil ou a Lusofonía, Galicia haberá deseñar a súa presenza neses ámbitos.
España está a tratar o Brasil como se fose Guatemala, cando é máis da metade da América Latina. E os galegos estamos a sofrir as consecuencias desta cega política.

Pormos os marcos. Transversalidade e a centralidade como eixos do novo galeguismo

Os grupos e personalidades individuais adscribíbeis no galeguismo están a vivir un proceso de debate e análise do que podería saír a formulación política do novo proxecto galeguista. Participan deste debate persoas que militaron até hai pouco (noutros casos até hai algún anos) no BNG xunto con outros sen militancia anterior notoria ou mesmo próximos e/ou  até de agora integrados noutras forzas políticas estatais.
O debate, arestora, deriva nomeadamente en dúas cuestións esenciais: a orgánica e a ideolóxico-programática. É dicir, a determinación da tipoloxía e fasquía da futura organización política galeguista xunto cos alicerces da súa oferta política e programática á sociedade galega.

Deixar de considerar ao BNG un referente en negativo. Normalizar as relacións co BNG.

É xeralmente coñecido o relativo peso e relevancia que moitos antigos militantes e mesmo antigas correntes do BNG teñen neste proceso de debate, polo que, de primeiras, resulta lóxico en termos psicolóxicos que estas persoas tenten marcar as distancias coa súa pasada militancia e mesmo xustificar as decisións adoptadas nos últimos meses. En non poucos casos mesmo existen tensións anímicas que cómpre ir resolvendo de xeito individual e colectivo.
Mais é absolutamente preciso que o novo proxecto nacionalista poida nacer independizado do BNG como referente en positivo e-máis aínda-en negativo. No proceso político da estruturación deste novo galeguismo partillan e partillarán sectores e sensibilidades que nunca militaron no BNG. E, o que é moito máis importante, a oferta política a definir e concretar tería de se afastar tanto do escisionismo como da consideración de que o BNG é o adversario na disputa dos votos.
O novo proxecto nacional requiriría dunha nova mensaxe e cultura políticas e dunha anovada praxe para poder ser competitivo na centralidade do espazo social e electoral galego. E, para competir coa abstención, co PP e co PSOE, a sociedade habería advertir a radical novidade do proxecto e o seu afastamento de todos os actuais modelos partidarios. Doutro xeito, o novo galeguismo sería outra vaca no millo, a disputar os votos da esquerda co PSOE e BNG e non pagaría a pena o inxente esforzo que milleiros de persoas están dispostos a desenvolver.
Ao tempo, urxiría normalizar as relacións políticas co BNG, para que de hoxe en diante ambos os dous proxectos poidan concorrer con pleno respecto e conciencia da estabilidade e permanencia de ambos os dous. As agresións orgánicas e mediáticas só danan a todos.

A transversalidade do novo proxecto.

Os axentes deste debate insisten ás veces na pluralidade e existencia de distintas sensibilidades nesta concorrencia galeguista, o que é un feito positivo e evidente. Agora ben, trátase dunha pluralidade creativa e integradora ou existen incompatibilidades na conformación dunha única forza política?
Baixo o foco dos acordos programáticos, semella que a transversalidade daríalle largura e densidade social ao proxecto, sen xerar tensións inaturábeis. Os puntos básicos do programa do novo proxecto nacionalista  nos vindeiros anos focalizaríanse na defensa e ampliación do autogoberno, na afirmación política da  plurinacionalidade do Estado, na reivindicación dunha Unión Europea federal que mire polos cidadáns e garanta o control dos chamados “mercados”, na afirmación dos servizos públicos e do Estado do Benestar como garantías da inclusión e cohesión social, na aposta polo territorio e polo desenvolvemento sostíbel no marco dunha economía social de mercado, na regulación como garantía dos dereitos e intereses das maiorías sociais, na aposta pola extensión da educación e da innovación tecnolóxica, na reforma local e administrativa…
Transformar para construír unha Galicia autónoma e estimuladora do emprendemento social e empresarial que regule e corrixe o mercado para garantir unha sanidade, unha educación, uns servizos sociais e un ambiente natural de calidade. Máis Galicia, máis Europa e menos España. Democracia de calidade, transparencia e afondamento na garantía real dos dereitos e liberdades públicas. Velaí os vectores unitarios.
Importante sería, tamen, transmitir as ideas e solucións galeguistas dun xeito directo, sinxelo e comprensible. E, sobre todo, en positivo. Cumpriría fuxir dos “antis”, das mensaxes en negativo, para amosar a capacidade de concibir, construír e axuntar. Sería preferíbel definirmos como pacifistas que como antimilitaristas e, tamén, definirmos a prol da defensa dos dereitos dos consumidores e da regulación da libre concorrencia ca definirmos antimonopolistas.

Semella que unha tal oferta programática, presentábel polo miúdo con máis acento aquí ou acolá, sería asumíbel por moitísimos galeguistas e, o que é máis importante, por sectores moi variados e relevantes da sociedade galega. A transversalidade, deste xeito, viría garantida pola recondución á unidade de acción programática e de praxe política dunha grande pluralidade de persoas con diferentes sensibilidades que, porén, partillarían un programa e unha acción  política comúns. A sociedade require solucións moi actuais e pragmáticas, require moitas veces solucións eclécticas que combinen solvencia técnica e profesional,coñecemento da realidade e pragmatismo alicerzado en valores. Non semella, pois, bo momento histórico para que os dogmatismos arruínen a converxencia.
Mais, mesmo para aqueles que teimen en definirse en clave ideolóxica, o novo proxecto galeguista habería incluír dende o centro-dereita até a esquerda non dogmática. É dicir, nin máis nin menos ca as tres sensibilidades fundadoras do Estado do Benestar europeo (democracia cristiá, radicais e liberais-progresistas e socialdemócratas), canda a sensibilidade pacifista, ecoloxista e feminista do movemento verde que abrollou na Europa e na Galicia dende os anos 70 do século pasado. Só as opcións totalitarias, autoritarias, neocom e, en xeral, de dereita conservadora e de esquerda dogmática haberían ficar “extra muros” do novo proxecto. Como, tamén, as sensibilidades abertamente antisistema.

A centralidade do novo proxecto.

Porque fulcral na nova estruturación do galeguismo político habería ser a súa centralidade, non entendida como centrismo ou neutralidade aséptica, senón como proximidade ás pulsións vitais e á evolución social das maiorías sociais, con nomeada atención aos novos sectores sociais emerxentes. E esta vocación obriga tanto a refugar das políticas que só miran polas elites privilexiadas como a refugar dos reducionismos de clase. O galeguismo só pode ser praxe política de inclusión, cohesión e integración, polo que as visións políticas abeiradas na loita de clases  teñen outros lugares onde se desenvolver.
A transversalidade e pluralidade do novo galeguismo non pode ignorar, porén, onde habería estar o centro das súas políticas, malia que tenten integrar a sensibilidades máis sociais, máis liberais, máis ecoloxistas  ou máis alternativas. E este centro de gravidade haberíase alicerzar nas devanditas políticas progresistas, de afirmación dos servizos públicos e sociais, de xestión transformadora, eficiente e transparente, de acollida ao emprendemento empresarial e social, de afirmación e ampliación do noso autogoberno nacional. Xusto as políticas que levaron ao SNP escocés, de ter o 13% dos votos no 1974 a acadar hoxe en día a maioría absoluta no actual Parlamento de Holywood.

Pormos os marcos.

Do até aquí dito tírase que a capacidade integradora deste proxecto sería amplísima. E moi potente a súa capacidade de competitividade social e electoral, dirixida aos electores mudábeis, á abstención e voto en branco e  nulo e, tamén, ao electorado dos tres  grandes partidos, proporcionalmente a cadansúa largura electoral. Velaí que os marcos a pormos haberían ter a flexibilidade de acomodar a base social do novo galeguismo á evolución dunha sociedade moi parella a outras sociedades europeas e, xa que logo, constantemente suxeita a remudas.
Mais ten de haber límites á cualidade do novo galeguismo para abranguelo todo. Xa falamos antes dalgúns deles. En xeral, semella que podería participar todo o que acredite no País e na necesidade de políticas transformadoras e equilibradas. E, pola contra, estarían de máis os que insistan en privilexiar os intereses das elites sobre as clases medias e as maiorías sociais e os que non aspiraran á transformación do actual marco institucional, social e económico, senón a súa radical e integral demolición.

Organización de adscrición individual.

Canto á súa autoorganización, desbotada a fórmula frontista o novo proxecto tería varias alternativas: federación de partidos, coalición ou organización partidaria propia.

A solución definitiva haberíase axeitar ás avantaxes e inconvenientes  que cada formula presente para garantir a convivencia de todos e a meirande eficiencia institucional e electoral. Mais semella conveniente estudar formulas que posibiliten a disolución efectiva “de iure” e “de facto” de cantos grupos e partidos se integren no Novo Galeguismo para tentar unha organización de adscrición individual como garantía da meirande transparencia e eficiencia democráticas.

Sen dúbida as distintas sensibilidades agromaran no futuro de xeito cotián ou recorrente, mais esta estrutura de adscrición persoal permitiría priorizar as pulsións cooperativas sobre as centrifugas e por en relación de igualdade e susceptibilidade de traballar en rede a todos os axentes, asociados e participes no marco dunha organización que habería ser, por forza, moito mais horizontal e participativa ca piramidal e xerárquica. Un proxecto que habería concibirse moi inclusivo e participativo  no proceso de análises e recollidas de opinións, moi democrático na adopción das súas decisións e moi executivo e eficaz na real implementación destas.

Conclusión. A institucionalización de Galicia.

Este novo proxecto fracasaría se non recollese a experiencia das mobilizacións do 15M e se non mantivese e estruturase unha intensísima capilaridade social. Mais non sería bo que desprezara as posibilidades do marco institucional que é onde, nomeadamente, vai desenvolver a súa acción política. O novo galeguismo habería ser fondamente institucional dende a súa apertura e proximidade sociais e habería tentar facer das Institucións ferramentas participativas, democráticas e eficaces para xerar calidade de vida e benestar publico e social.

Os axentes que enfronten o repto de estruturar o Novo Galeguismo desenvolverían un labor difícil, mais apaixonante. E, de moi probábel éxito se fan coexistir os valores de inclusión e cohesión cos de participación e eficacia. Se reconcilian os sectores urbanos e emerxentes coa necesaria potenciación do medio rural e a atención á terceira idade e aos sectores en risco de exclusión. Se saben ser populares sen caer no populacheirismo demagóxico.

Novagalicia: Hai solución

NG BANCO ven de aprobar as contas anuais do 2011 (cunhas perdas consolidadas de 168,7 M€, malia que acadase un EBIDTA positivo) e de lle remitir ao Banco de España o plan de recapitalización que lle esixe o R.D.L. 2/2012, promulgado por Rajoy. Plan que recolle a posibilidade dunha poxa ao xeito Unnim ou Catalunya Caixa (que beneficiaría, eventualmente ao Santander, Caixabank ou mesmo Bankia) ou a achega de socios privados nun 20% do capital, garantidos por un esquema de protección de activos. A primeira fórmula non é, evidentemente, a alternativa de Castellano e González-Bueno, presidente e conselleiro-delegado de NG Banco. A súa formulación documental respostaría, máis ben, a presenza de conselleiros do FROB na entidade galega, que esixirían un documento neutral.
Galicia xógase moitísimo nesta andaina. Mais tamén o interese xeral estatal, a xeito de devolución parcial dos recursos públicos investidos polo FROB. A poxa determinaríá a absorción de NG Banco, a liquidación do sistema financeiro galego, a perda de milleiros de emprego e máis  a exclusión financeira de milleiros de familias e pemes galegas. Mais, tamén, a perda de moitos dos recursos estatais inxectados. Pola contra, o alleamento dun 20% a investidores internacionais determinará unha real recuperación de recursos estatais e máis o mantemento da galeguidade da sede do Banco líder no noso País en canto captación de pasivos e concesión de préstamos. Galicia e o conxunto do Estado gañarían coa inxección de recursos exteriores. E, nuns meses, os capitais minoristas galegos poderían completar o núcleo fulcral do capital a medio dunha saída, polo menos parcialmente minorista, á Bolsa.
A decisión será política. Só Rajoy podería impedir que agromase a solución de posibilitar a continuidade de NG Banco como entidade autónoma de seu. E semella que, se elixe escoitar a un parcial De Guindos (de quen o xornalista José Luis Gómez ven de lembrar a súa pasada aposta pola absorción de Caixa Galicia por Caja Madrid), sería quen a facelo.

A ARRINCADEIRA
Foi unha semana negra no humanitario e no ambiental por mor desta terríbel vaga de anticipados lumes. Como sempre sería inxusto responsabilizar en exclusiva á Xunta. Mais boa parte da responsabilidade, polo menos indirecta, hase residenciar na falla de medios e previsión da Consellaría de Medio Rural. Os recurtes aforran recursos, mais moitas veces -esta vez- nos deixan -nos deixaron- indefensos fronte un dano e empobrecemento moito maior.