España como proxecto

Asubiar un hino é, case sempre, a constatación dunha certa impotencia e falla de ideas alternativas. Mais nunca, de ningún xeito, é ou pode ser un delicto. Quizais sexa un síntoma. Un síntoma de que a convivencia plurinacional na España non desfruta de boa saúde. Como o son as opinións dunha Presidenta madrileña que, a velocidade de cruceiro, amosa querer representar á España intolerante, en certa medida para agochar as mentiras do seu déficit e os fracasos da súa xestión. Malia que, en moi boa medida, tamén, para se postular a xeito da alternativa da extrema dereita madrileña á suposta moderación de Rajoy.
Mais teño para mín que os asubios do 2012 non teñen a mesma fasquía e entidade ca os do 2009. Foron máis intensos e tiñan outra expresión. Moi probábelmente máis social e institucional ca de mera reivindicación nacional. Ou, unha mistura de todo. De fastío a respecto do fracaso daquel proxecto da España da transición, cando os nosos pais acordaron convivir co resto dos cidadáns españois, en pleno respecto á identidade, autogoberno, economía, lingua e cultura de cada un dos países do Estado e, sobre todo, construir unha sociedade inclusiva e cohesionada socialmente, no que ricos e pobres non estivesen afastados por distancias inasúmibeis e as institucións servisen á cidadanía e non todo o contrario.
E, claro, a España do crecemento sen límites e da economía onde máis cartos se podían gañar en pouco tempo, deu paso á España financeiramente afundida e ineficaz. Á España da progresiva recentralización en Madrid, primeiro das infraestruturas, despois da economía e agora da política, que inviste 23.500 M€ en salvar o Banco que algúns (entre eles De Guindos) quixeron que absorbese Caixa Galicia, mentres os españois viven os peores recurtes en servizos sociais, sanidade e educación. Á España dunha institución monárquica que resultou, como pouco, insensíbel cos problemas da xente común e asumiu o rol de ser a primeira abandeirada da España única. Se a isto lle engadimos a criminalización das identidades galega, catalá ou vaca a pouco máis que tenten ir máis aló do mero folclorismo, comprenderemos que España, arestora, non é, xa, aquel suxestivo proxecto en común que os españois da transición debullaron.

A ARRINCADEIRA
Apenas principiamos a albiscar a revolución económica que pode supór aproveitar a nosa vocación portuaria, xusto catro anos antes da apertura da nova canle de Panamá. Galicia non é periférica cando falamos dos tránsitos marítimos entre Europa e América. É dunha centralidade fulcral. Aproveitaremos como País este reto?

Banca pública?

Os males para o sistema financeiro español viñeron da súa sobreexposición ao ladrillo e aos produtos financeiros especulativos “made in USA”. Xa que logo, o seu patrimonio encheuse de vivendas e locais sen saída comercial ou, o que aínda é máis grave, solares e terreos sen perspectiva ningunha de se urbanizaren a xeito, logo do fatal estoupido da burbulla inmobiliaria. Para alén diso, as entidades de orixe social e fundacional (as Caixas), agás moi contadas excepcións, non foron quén a preservar os seus obxectivos fundacionais (fluidez e suficiencia do crédito necesario ás pemes e familias) e embarcáronse en aventuras descapitalizantes. Unha desas, sen dúbida foi a da promoconstrutora valenciana ASTROC.
Mais os males foron comúns e mesmo as entidades botaron mán de produtos financeiros fraudulentos que lles permitirán sanear os seus balances, nos que sobrancearon os grandes Bancos privados españois, coa súa emisión masiva de obrigas subordinadas. Todo para agachar que o sistema financeiro español, emperador dos tempos da purpurina e baleira brillantez, ía polo mundo, en realidade, espido.
Semella que reestruturarmos o sistema financeiro vai esixir un lote de recursos públicos. Os mesmos que se están a retirar do estímulo á economía produtiva, da educación, da formación profesional, da sanidade e dos servizos sociais, que haberían garantir unha cohesión e inclusión social nas que a España mesmo era deficitaria nos mellores intres do autoengano.
Velaí que sexa tan razoábel esixir, canda esta achega de recursos públicos, o control público da Banca intervida para garantir que a función esencial do sistema bancario (que flúa o crédito á produción e ao consumo) poida ser desenvolvida en beneficio das nosas empresas. E que os gaños indubidábeis no medio prazo desta reestruturación revirtan, en último de contas, no patrimonio de todos.
Na nosa Galicia, asemade, o artigo 55 do Estatuto facúltalle ao Poder Galego para asumir a representación das Institucións estatais (entre elas o FROB) nas empresas participadas polo sector público, mesmo NG BANCO. Sempre para acadarmos o obxectivo esencial, que non é a nacionalización nin a privatización da Banca, senón que o crédito flúa. Para garantirmos unha actividade económica que sexa quén a nos tirar fóra deste pozo.

A ARRINCADEIRA: “D. Valentín, aquí estamos”
Ninguén mellor ca o homenaxeado no Día das Nosas Letras, Paz Andrade, para deprendermos a lección da Galicia como tarefa, do País como espazo de creatividade e emprendemento empresarial, do galego como lingua de comunicación empresarial. D. Valentín, aquí estamos.

A España do caos

Escribín hai dous anos que PP e PSOE e, nomeadamente, os seus líderes, ZP e Rajoy (aos que alcumei no noso galego de “fenómenos”) eran parte do problema e nunca poderían traer a solución. O tempo, no seu rol de implacábel executor do principio de Peter, multiplicou exponencialmente as razóns a prol deste xuizo.
ZP gabábase do sistema financeiro máis sólido do mundo mundial, negaba a crise, vía brotes verdes e pactaba o PP estatal a liquidación das nosas Caixas de aforro, mentres investía milleiros de millóns de euros nun Plan E que non xerou nin emprego estábel nin desenvolvemento tecnolóxico, social ou económico e tivo a triste honra de demostrar que ás veces até o keynesianismo pode fallar, nomeadamente cando non se escollen os obxectivos nin se dimensionan os instrumentos.
Mais sendo a herdanza recibida polo PP unha pexa moi grande, en catro meses Rajoy alargou a sensación de malestar económico e xerou o caos, malia a gozar dunhas primeiras semanas relativamente doces por mor da achega de liquidez do Banco Central Europeo aos principais Bancos. Pero a desconfianza a respecto de Rajoy e do PP xa se fixo, polo menos, tan potente coma a desconfianza a respecto do goberno ZP, ao que contribuíu certamente o adiamento ou agochamento de determinadas medidas como trampa para gañar as eleccións andaluzas.
Pois ben, o PP perdeu as andaluzas, subiu os impostos directos e subirá os indirectos, inxectará entre 12 e 15 mil millóns de euros en Bankia e recortará outros 10.000 millóns de euros da sanidade e da educación, medidas todas non previstas na investidura do 19-D. E, con ser todo isto representativo da súa falla de vergoña política,o peor de todo é a idea que transmiten de que todo isto non chega e que non saben por onde andan. A sensación dun De Guindos, que cada vez que fala sobe o pan. E dun De Wert, un Gallardón ou unha Ana Mato que non saben por onde andan.
Mentres, Rajoy considera que non compre que compareza perante a opinión pública. O mesmo pensa nalgunha fórmula para que non lle sigan, cada día un pouco máis, a asubiar os ouvidos no futuro.

A ARRINCADEIRA: O 15M NO SEU PRIMEIRO ANIVERSARIO
Semella que algúns políticos aprenderon a lección recibida dos demócratas anoxados do movemento 15-M, mentres estes entenderon que i) Galicia non é Soria. ii) Non todos os políticos son iguais. iii) O futuro do movemento é a súa dimensión europea e universal e iv) A clave é puxar por unha fonda transformación social que garanta a cohesión e inclusión sociais e non por unha revolución anarquista ou comunista.

O absurdo da recentralización

A realidade territorial e poboacional galega é moi diferente á castelá, andaluza ou levantina, porque temos máis do 50% dos núcleos de poboación do Estado con só o 6% do seu censo. Velaí que as leis xerais que se facían dende Madrid no nível territorial descoñecían fondamente a nosa realidade e facían máis prexuízo ca beneficio.
A Lei de Costas do 1988 impuxo condicións moi duras de restrición de usos nos primeiros cen metros de territorio dende a costa, se non estaban xa consolidados como núcleos urbanos. A solución non servía para salvar determinados núcleos rurais tradicionais galegos consolidados nas nosas Rías Baixas. Velaí que na Lei do Solo do 2002 e na Lei de Vivenda do 2009 o Parlamento galego, por unanimidade, ampliou a solución da lei estatal para salvar estes núcleos tradicionais, onde moran non centos, senón milleiros, de persoas. Pois ben, o Tribunal Constitucional vén de anular esta norma galega por suposta inconstitucionalidade. Outravolta deixa na ilegalidade a estas persoas que mañá poden ser desaloxadas das súas casas.
Recentemente sufrimos outra das inxustizas e inconveniencias da mentalidade recentralizadora na supresión da gratuidade do transporte sanitario non urxente, que afecta, por exemplo, aos enfermos crónicos que precisan diálise. Semella que a norma española cre que todos os doentes viven en cidades e núcleos comunicados por tren, metro ou frecuentes liñas de bus… Velaí o gravísimo prexuízo para os doentes que viven no noso rural.
A última ocorrencia recentralizadora é a de potenciar as Deputacións para que lle sirvan de contrapoder aos Gobernos autonómicos. Semella que Rajoy aposta polas provincias e que as autonomías sexan meras Mancomunidades de Deputacións. De se confirmar, sería o peor sistema canto ao aforro e duplicidades, máis tamén para garantir a cohesión social e reactivación económica na nosa Galicia.

A ARRINCADEIRA
O Goberno do Estado conta, si, coa información das Policías españolas e da Europol para verificar o mantemento da capacidade militar de ETA. Mais os prestixiosos verificadores internacionais que agora rexeita poderían garantirlle a realidade da disolución organizativa e neutralización operativa da ETA en poucos meses. Semella, cando menos, pouco intelixente ignorar a competencia profesional e bó facer destas persoas, afeitas a resolver conflitos.

Gallardonazo contra a xustiza

Todos sabemos que Ruiz–Gallardón está a facer méritos diante do PP para se homologar co radicalismo de dereita que hoxe en día constitúe tendencia no partido de goberno. E velaí o anteproxecto de lei de revisión de taxas xudiciais que aprobou o Goberno do Estado o 30 de marzo. Todos os cidadáns pagaremos unhas elevadas taxas por preito, agás na xurisdición penal e na primeira instancia laboral (é dicir, os traballadores pagarán para poder recorrer en suplicación as sentenzas dos Xulgados do Social). Só zafarán os beneficiarios da xustiza gratuíta, é dicir, as familias que ingresen menos de 14.900 €/ano.
Gallardón mentiulle aos representantes da avogacía española, ao lles prometer que non habería taxas na primeira instancia. E continuou co seu plan de repagamento (a xustiza, como a sanidade, financiámola vía impostos) amosando o xorne deste Goberno, que confunde a maioría absoluta co cheque en branco para vulnerar os dereitos das persoas. O dereito á educación, a saúde e, agora, o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva.
Serán as Administracións Públicas, as organizacións máis abastadas e as persoas máis ricas as que se beneficien deste gallardonazo, que condena ás maiorías sociais a unha xustiza cara e desigual. Unha xustiza para ricos que coadxuvará, cos recortes sociais, educativos e sanitarios, a impór un modelo baseado na  desigualdade e na exclusión social. Velaí a altura moral coa que o Consello da Avogacía Galega (presidido por Antonio Platas) e decanos como Evaristo Nogueira defenderon o dereito dos cidadáns ao acceso á xustiza en condicións de igualdade, que é a primeira obriga que temos os avogados.

A ARRINCADEIRA
Os últimos días trouxeron dúas boas novas para a autoestima dos galegos. Antón Reixa gañou as eleccións ao SGAE cun programa para abrir as xanelas da institución e achegala á realidade plural territorial despois do nepotismo de Teddy Bautista. E o sector audiovisual galego, canda o acto de entrega dos premios Mestre Mateo, coincidiu na común diagnose da gravísima situación do sector e a apelación a prol do futuro dunha actividade estratéxica para a nosa economía e cultura, da que viven 3000 traballadores e que ten de seguir a crear contidos que nos representen e sexan exportábeis. Mágoa que o Conselleiro Vázquez, presente no acto, nin perciba nin queira percibir.