Gobernos ineficaces

No conxunto do Estado español, seis meses foron dabondo para desfacer o mito da solvencia gobernativa da dereita española. Os galegos, pola experiencia do goberno Feijoo xa sabíamos da súa ineficacia, malia que a Xunta desfrute, polo menos, da capacidade de comunicar os nulos resultados da súa xestión, que mesmo lle está vedada a Rajoy.
Que lles pasou aos Gobernos galego e español? U-la razón da súa ineficacia? O primeiro motivo é a fonda desconfianza que o novo PP mantén fronte á política, que substitúe por pura ideoloxía. Se Fraga sabía usar do seu Poder, Feijóo descoñece as potencialidades do autogoberno como arma. Velaí a razón pola que Galicia perdera moito máis emprego industrial e por conta propia dende abril do 2009. Canto a Rajoy, pérdelle o seu reducionismo mental e fáltanlle os reflexos e a cultura política para tentar consensuar as súas medidas e para abordar a recesión dende o punto de vista das persoas comúns. Nótaselle abondo ao pontevedrés, por outra banda, que escoita sempre as mesmas opinións e móvese sempre nos mesmos circuítos sociais.
Esta ineficacia dos Gobernos galego e español maniféstase adubiada coa súa innata tendencia á división social. Diríase que o novo PP pensa que o seu obxectivo nos Gobernos non é resolver os problemas, senón agravárllelos aos non adictos. O novo PP presenta aos cidadáns como responsábeis da crise e bota lume para avivar determinados conflitos sociais no canto de buscar a mediación e a resolución dos mesmos.
O corolario da súa ineficacia e das súas tendencias sectarias á división social é o seu carácter deconstrutor. O novo PP racha o consenso social da transición (que reflicte no Estado o acadado na Europa despois do 1945) e anda a desmontar, con máis ou menos intensidade, a sanidade, a educación, os servizos sociais públicos, máis tamén a lingua e identidade galegas e as políticas de promoción do crecemento.

A ARRINCADEIRA
O sábado celebrouse na Coruña a V Asemblea da Irmandade Xurídica Galega. Denunciouse, outravolta, a insólita situación do galego na xustiza demandando, como facía o defunto maxistrado Carballal Pernas (homenaxeado nesta edición) a necesidade de que os maxistrados e xuíces coñezan a nosa lingua para exercer no noso País.

A ruptura do pacto social

Adoitamos incorrer nun grave erro de xuízo: definir como simplemente capitalista o sistema económico-social europeo dende a II Guerra Mundial. E non o era. En realidade, misturaba elementos públicos e privados. Velaí a máxima do Congreso dos socialdemócratas alemáns en Bad Godesberg, no 1959: “tanta competencia como fór posíbel, tanta planificación como fose precisa”. Ou a definición do Curso de Economía Moderna do grande economista Samuelson: “o marco institucional define a actividade económica. Por exemplo, a sociedade decidiu que polo feito de non percibir rendas polas súas actividades un cidadán non ha pasar fame”.
En realidade, o sistema mixto, a economía social de mercado, estrutura un pacto social implícito. Os sindicatos e traballadores non cuestionarán a produción e distribución privada de bens e servizos nin o elemento inserido de crecemento económico desigual que leva no seu cerne se, en troques, o sector público garante a cohesión e inclusión social a medio de eficaces políticas de servizos públicos (educación obrigatoria e saúde gratuítas e de calidade, política redistributiva de rendas a prol dos máis febles e servizos sociais para que as persoas desfavorecidas eviten a súa exclusión social).
Pois ben, a loucura da austeridade, a transferencia das rendas públicas ao sector financeiro que xerou a crise e máis a falla de crecemento económico determinan a culpabilización do déficit público. Un déficit que compre usar de xeito racional e eficiente, mais que constitúe o núcleo esencial de calquera política dirixida a manter esa calidade prestacional dos servizos públicos e esa transferencia de rendas que definen de seu o noso sistema de economía social de mercado.
Os que tentan destruír este equilibrio entre público e privado son tan antisistémicos como os que pretenden a estatalización de toda a actividade económica. E debullarán un camiño que nos levará á definitiva destrución do pacto social e dos consensos que lexitiman a pax publica. Camiño que chegará, máis cedo que tarde aos escenarios que tentaron evitar os nosos avós despois do 1945: a exclusión social, a pobreza para a inmensa maioría, a desigualdade, Que nos levarán de seguro á violencia metastatizante e a guerra, en último de contas.

A capitulación de Rajoy

A vice oficial negaba enfaticamente, canda o ministro Soria, a evidencia de que o Goberno pediría na tarde o resgate financeiro. Coincidían co xornal de Pedro J. Ramírez, que non só rexeitaba no seu editorial do sábado a inminencia da solicitude do resgate, senón que acusaba a xornalistas e políticos europeos de tecer rumores, contra a evidencia dun Eurogrupo convocado de urxencia para as 16 horas por videoconferencia que, evidentemente, non se ía xuntar para falar da Eurocopa de futbol.
A iniciativa do pedimento de resgate non foi española, senon do Eurogrupo. O Goberno Rajoy apostaba, antes da crise de Bankia, polos instrumentos aprobados en febreiro e abril (R. D. 2 e 18/2012) e pola subasta das entidades participadas polo FROB. Despois de descobrir a catástrofe Bankia barallou a posibilidade de financiala con débeda pública até que a falla de recursos do FROB fixo evidente que habería que pedir o resgate financeiro. Mais Guindos e Rajoy querían agardar a que fose inevitábel en termos de caixa. Porén o Eurogrupo impúxolle ao Estado español o pedimento inmediato dos fondos, co obxecto de previr as consecuencias para o euro da conxuncion entre o posíbel trunfo electoral de Syriza na Grecia e a imposibilidade española de se financiar a xeito.
Faltan á verdade Rajoy e Guindos cando din que o credito ás entidades financeiras vai ser incondicionado en termos macroeconómicos e fiscais. Pode que Rajoy non saiba ler inglés, pero o comunicado é inequívoco: o Eurogrupo “confía” que España intensifique o control do seu déficit e desequilibrios macroeconómicos e continúe nas súas reformas fiscais, laborais e estruturais e vixilará de preto para acadar estes obxectivos xa no vindeiro semestre.
Por que este engano, srs. Rajoy e de Guindos? Se con ler en inglés na paxina web da Comisión Europea somos quén a descobrilo. Somos menores de idade, por acaso?

A ARRINCADEIRA: NG BANCO E AS PREFERENTES
O resgate financeiro contribuirá a viabilizar o futuro autónomo de NG Banco e moito máis se esta entidade capta, nesta nova conxuntura e antes do 30-S, investidores privados internacionais que afasten mais a nefasta idea da absorción por Bankia. Asemade, a recapitalización xerará novas posiblidades para enfrontar financeiramente as inevitábeis sentenzas e laudos arbitrais futuros a prol dos titulares das preferentes.

A saúde como negocio

Veño de ler o excelente estudo A saúde como negocio, coordinado polo Dr. Pablo Vaamonde, que foi vicepresidente do Colexio Médico coruñés e Director Xeral de Asistencia Sanitaria no pasado goberno galego de coalición. O traballo estuda o discurso dominante da dereita a prol dunha suposta  e inexistente ineficiencia da sanidade pública, cando no Estado español “a porcentaxe do PIB destinada á saúde é das máis baixas da contorna e a pesar diso os indicadores sanitarios son dos mellores do mundo”, amais de xerar moito emprego e tecnoloxía inducidos. Mesmo especula coa posibilidade de que o PP aposte por intensificar a política privatizadora, ao estilo da desenvolvida pola Margaret Thatcher nos anos 80 do século pasado (que case desfai a sanidade pública británica, agoniante até o forte pulo renovador de Tony Blair) ou pola líderesa extremista Esperanza Aguirre en Madrid, onde constrúen todos os novos hospitais a medio do financiamento privado.
A equipa de expertos médicos galegos coordinada polo Dr. Vaamonde analiza tamén os graves inconvenientes do sistema de financiamento privado para o sector público, pois que as infraestruturas adoitan resultar con este sistema o triplo de caras en último de contas, amáis de sacrificar o interese público dos investimentos aos intereses privados. Tamén advirte da necesidade dunha xestión máis eficiente dos recursos, sinalando como frontes de redución racional sen deterioración do servizo o gasto farmacéutico, a potenciación da asistencia primaria e máis a racionalización da prescrición de probas diagnósticas.
Os expertos advirten que o copagamento de determinados servizos é absolutamente inxusto por supór un imposto sobre a doenza. A sanidade ha ser financiada con impostos e á sanidade privada cumpriralle un importante papel, malia que complementario ou subsidiario da sanidade pública. Porque sen sanidade universal de calidade non haberá xustiza, cohesión nin inclusión social.

A ARRINCADEIRA 
O 23 de xuño a Irmandade Xurídica Galega homenaxeará n´A Coruña ao maxistrado galeguista Ramón Carballal Pernas, cando se cumpren 30 anos da súa morte. Un home que lles aprendeu aos xuices e avogados do tempo á plena actualidade e vixencia social do Dereito Civil de Galicia como creación multisecular da cidadanía galega.