Xogo de caloteiros

Feijóo ven de propór reducir 14 deputados do Parlamento (de 75 a 61), cun aforro neto anual de 1,25 M€. Claro é que os 14 deputados que suprime non son proporcionais, senón que se corresponden coa máis poboada Galicia atlántica (circunscricións da Coruña e Pontevedra) onde o escano valerá uns 60.000 votos, mentres que nas circunscricións luguesa ou ourensá custará só uns 28.000. Eis, esta reforma vai facer que o voto dalgúns galegos teña unha valor dupla ao doutros.
Velaí que a tal reforma sexa un calote que tentan pasar por inxenua medida aforradora. Porque o PP, consciente do seu inexorábel e acelerado recuar electoral, quere rachar as regras do xogo no tempo de desconto para poder tirar un penalty no minuto derradeiro.
O aforro proposto podería mesmo duplicarse mantendo o mesmo número de deputados e reducindo as súas retribucións á contorna de 3300 €/mes, cinco veces o salario mínimo interprofesional, que semella unha digna retribución para as circunstancias da Galicia actual. Esta é a proposta de Compromiso por Galicia e habería ser ben considerada e mesmo apoiada por unha oposición parlamentaria (PSOE e BNG) que semellan absolutamente deslocados diante do calote de Feijóo.
Mais Feijóo sinalou o camiño; falemos de grandes recurtes nas estruturas administrativas. Principiando pola supresión das 4 Deputacións e dos seus 108 deputados provinciais galegos, cos seus catro Presidentes e moitos Vicepresidentes á fronte. Porque son estruturas ademocráticas, caciquís, ineficientes e absurdas desque existen as Institucións autonómicas galegas. E sigamos co Delegado do Goberno e cos 4 subdelegados do Goberno e demáis servizos da Administración periférica estatal na Galicia. Para rematarmos cos Ministerios de Sanidade e Asuntos Sociais, Educación, Cultura e Deporte, Medio Rural e Medio Ambiente e Industria e Comercio, que non teñen rol ningún que desenvolver existindo os Gobernos autonómicos e os Ministerios de Economía, Facenda ou Fomento.

A ARRINCADEIRA
A AP-9 do Atlántico conecta o noso eixo atlántico e, xa que logo, o 70% da nosa poboación. E a N-550 é impracticábel, polo que non representa  unha alternativa sen peaxe como as que ten Madrid ou as infraestruturas que a conectan radialmente co resto do Estado. Do 1 de xaneiro ao 1 de setembro a suba das peaxes na Galicia sobardará o 20%.

Centrarmos as preferentes

A mobilización cidadá desenvolvida polas plataformas dos afectados pola comercialización das preferentes acadou xa moi importantes obxectivos. A conciencia social e mediática de que un número moi importante dos seus compradores non prestou o seu consentimento en termos legais, unha demanda colectiva presentada polo Fiscal Superior de Galicia por mór desa xeralizada nulidade na prestación do consentimento ou a propia aceptación-parcial-da solución da arbitraxe de Dereito, a resolvermos no ámbito galego, son éxitos impensábeis dende a perspectiva dos afectados doutros territorios tamén atinxidos, como Catalunya, Andalucía, Madrid ou Cantabria.
Sucede que a adquisición das preferentes ten a apariencia dun contrato válido, que cómpre destruir para acadar unha devolución non condicionada ás regras que Europa marcou no seu “memorándum of understanding” para devolver os cartos (as entidades só poderían ofrecer o prezo da obriga no mercado secundario incrementado nun 10%). Velaí que o bó traballo desenvolvido até de agora polas plataformas teña de se completar coa preparación das mellores condicións (estudo, aproveitamento das sinerxias. menores custos posíbeis para os afectados) para o exercicio das accións en sede xudicial ou arbitral.
E cómpre dicir algunhas cousas claras. A arbitraxe de Dereito é a mellor solución por custo e rapidez e lle vai resolver o problema á grandísima maioría das persoas de cultura financeira básica nas que se evidencie un perfil aforrador, afastado e/ou ausente na súa vida dos investimentos de risco. Na eventualidade de que, a respecto dalgunhas destas persoas, NG Banco rexeitase a arbitraxe, haberían adherirse á demanda colectiva presentada pola Fiscalía Superior de Galicia e que arestora tramita un xulgado coruñés.
Canto ás persoas nas que non se dean con claridade eses perfís ou exista base documental que faga dubidar da nulidade do seu consentimento, haberían presentar demandas individuais perante o Xulgado da súa residencia, de non ser que prefiran agardar polas condicións de canxe que lles ofreza a entidade.
Son, xa que logo, tempos para concretar. Tamén para a asociación de usuarios financeiros ADICAE e para as plataformas, que haberían evitar posicionamentos de autoenroque que non levan a ningures.

A ARRINCADEIRA
A liberdade de horarios comerciais decretada por Rajoy danará aínda máis ao comercio de proximidade galego e contribuirá desertizar os nosos centros urbanos, barrios e vilas. A medida, tamén, é inconstitucional por vulnerar as competencias en comercio interior de Galicia.

A catástrofe Rajoy

A mediocridade dos dous últimos Presidentes dos Gobernos do Estado amosa o deterioro institucional da España, ao que non é alleo a invasión metastática do tecido social polas burocracias partidarias do PP e PSOE. Burocracias que arelan controlar a sociedade, regular limitativamente o acceso das persoas á actividade política e parasitar a recadación fiscal para acadar remuneración para centos de milleiros de burócratas.
Esta metástase bipartidista obrígalles a incrementar a presión fiscal sobre as clases medias no canto de reformar o Estado, mantendo absurdos sistémicos como as Deputacións, a metade dos Ministerios, os delegados e subdelegados do Goberno e todos os senadores de elección provincial directa. Por outra banda, PP e PSOE representan os intereses da grande empresa concesional, comercial, bancaria e de distribución eléctrica. Velaí a súa obsesión cos Gobernos autonómicos das nacionalidades, que son os que teñen a capacidade para modular o impacto ambiental e territorial de determinadas actividades e para planificar as superficies comerciais na garantía dos dereitos dos consumidores e da non desertización comercial das nosas cidades e vilas.
As medidas do venres (RDL 20/2012 e outras que se anuncian), ás que xa chaman “a catástrofe Rajoy” teiman na crise institucional española e van agravar a súa recesión económica. Porque a suba dos impostos vai incrementar a fraude fiscal, a inxustiza na redistribución da renda e deprimir máis o consumo e, xa que logo, o crecemento económico. A rebaixa das retribucións aos funcionarios e a liberalización de horarios comerciais vai agravar moito máis a crise do noso comercio de proximidade. E a falla de reformas institucionais vai afondar nunha aparataxe estatal sobredimensionada nos ámbitos estatal e provincial, pensada para que as burocracias do PP e PSOE sigan a parasitar na sociedade.
Velaí porque as medidas son catastróficas.-Porque nin resolverán o déficit nin tenderán á viabilización das nosas Institucións. Porque deprimirán axiña o consumo e o crecemento, xerando moito máis desemprego e exclusión social-.

A ARRINCADEIRA
Para Galicia manter e ampliar substancialmente o autogoberno é esencial para a súa economía e benestar. Mais compre revisar o café para todos. Galicia non é Cantabria. Nin Ceuta, nin Murcia.

Seleccións nacionais

A tripla coroa acadada pola selección española de fútbol constituíu o meirande suceso dunha equipa de selección de todos os tempos. A xeira principiada no 2008 ofreceunos unha equipa moi conxuntada, que desenvolve un extraordinario xogo colectivo baseándose no esquema do Barça de Guardiola e alicerzándose nos tres p (posesión, presión e profundidade no pase), malia que o estilo de Vicente del Bosque dea un produto máis efectivo ca efectista, máis eficiente ca jogo bonito.
Hai lugar, pois, para a ledicia, malia que non formen parte xogadores galegos desta equipa e os evidentes esforzos por agachar a incompetencia dos Gobernos Rajoy e Feijóo a conta do rebumbio do trunfo na Eurocopa. Outra caste de reaccións ou sentimentos sería propia de mentalidades negativizadas ou profetas do non, aínda que só fose por razón de proximidade mental, boa veciñanza ou polo discreto movemento económico que estes acontecementos xeran na contorna.
Isto non prexudica o dereito lexítimo que Galicia ten para partillar, coas súas equipas absolutas, toda caste de competicións internacionais deportivas. Non existe, no caso do fútbol, norma xurídica internacional, europea nin española que prohiba a participación da selección galega na fase limiar dos vindeiros Mundial e Eurocopa. Non, simplemente a FIFA dálles dereito de veto ás Federacións estatais para impedir que participen as equipas das nacións sen Estado ou territorios do seu ámbito. E a Federación española de fútbol decidiu que Galicia, Euskadi e Catalunya non poidan participar en competición internacional ningunha na que participe España como tal.
É, pois, un veto abusivo, mais tamén medoñento. Porque a Federación Galega podería decidir, unha vez levantado, non participar directamente e acollerse ao pavillón español para participar internacionalmente. Pois logo, por que a Federación española non lle da a voz decisoria ás Federacións nacionais galega, vasca e catalá nesta cuestión? Ao mellor a moitos lles interesa ficar como estamos. Mais temos dereito a decidilo por nós propios.

A ARRINCADEIRA: RAJOY OU A INPORTUNIDADE
Rajoy non é quen de comparecer perante a opinión pública para explicar a súa política. A que ven, logo, a Santiago? A pechar un culebrón? A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do 1995 outórgalle competencias exclusivas á Xunta na conservación e custodia do patrimonio cultural de Galicia, sen prexuízo da obriga de colaboración da Igrexa canto ao patrimonio da súa propiedade. Cando se van responsabilizar Feijóo e o conselleiro Vázquez desta obriga?

Rajoy e as deputacións

A punxente actualidade do rescate bancario e da cesión da soberanía á UE deixou nun segundo plano o insólito plan do Goberno do Estado para afortalar todas e cada unha das 47 Deputacións españolas de réxime común, que asumirían os servizos públicos dos concellos menores de 20.000 habitantes no suposto, xeneralizado, de insuficiencia de recursos destes.
A opinión pública galega e mesmo parte da española era case unánime: suprimirmos as Deputacións e fusionar Concellos para organizarmos de acordo cun primeiro nivel: o País, a Autonomía e un segundo nivel, que en Galicia habería estruturarse nuns 40 a 60 concellos que fosen poboacional, territorial, administrativa e financeiramente viábeis para prestar os servizos públicos e artellar o urbanismo, os transportes e o territorio. Este modelo suprimiría as duplicidades no ámbito local e constituiría unha boa ferramenta para aforrar custos e fomentar o crecemento económico. Que sentido ten este Plan Rajoy para potenciar as Deputacións?
Cara aos concellos, paraliza as súas fusións para homoxeneizar a prestación dos seus servizos dende a capital provincial. As Deputacións garantirían un mesmo nivel de xestión e prestación de servizos en todo o Estado, o que impediría calquera políticas locais de mellora ou priorización de determinados servizos. Unificaríase, por exemplo, a xestión dos servizos sociais, de acordo con criterios provinciais e estatais.
E cara ás Comunidades Autónomas potenciaría o elemento provincial como contrapeso do autonómico para, progresivamente e baixo pretexto das necesidades de aforro administrativo, reducir ás Administracións autonómicas a Mancomunidades de Deputacións, na práctica, tirándolles a súa autonomía política.
Un Plan agresivo para o autogoberno galego, mais tamén para a a autonomía local e para a calidade dos servizos públicos. Agora sabemos porque Feijoo estivo inactivo canto á reforma local durante estes tres anos longos de lexislatura.

O SUPREMO DÁLLE A RAZÓN A OBAMA
O Tribunal Supremo dos EE.UU. declarou constitucional a reforma sanitaria de Obama que xeneralizou o seguro médico. De calquera xeito, a catro meses das eleccións, Romney empátalle nas enquisas. Obama precisa do crecemento económico até novembro. E Europa xoga aí un rol fulcral.