Adiantarmos o IVE

Autónomos e pemes sufrimos o chamado “criterio do devengo” no IVE: pagamos o imposto repercutido canda a facturación e non canda o seu efectivo aboamento.
Este criterio do devengo agrava ate extremos inaturábeis a situación financeira das nosas pemes e autónomos, nun contexto recesivo onde medran a morosidade e os prazos de pagamento e mingua o crédito bancario. Xa que logo, autónomos e pemes pagamos o IVE de importantes contías facturadas e aínda non percibidas sen que poidamos financialo bancariamente e só, en determinadas circunstancias, botando man dos aprazamentos que conceden as propias Administracións Tributarias, a tipos medios de xuro do 5%.
O Dereito europeo permite xa que os Estados membros poidan aplicarlles aos autónomos e pemes o chamado “criterio de caixa” (pagaremos o IVE cando cobremos a factura) no canto do criterio do devengo. E, de feito, esta remuda era unha das propostas electorais incumpridas polo PP, que ven hai poucas semanas de rexeitar no Congreso unha proposta de CiU para introducir este criterio fiscal. Porque a única prioridade de Rajoy, como xa teño dito, é cadrar as contas do mes que ven, custe o que custe en termos de desemprego, desindustrialización ou exclusión social.
Autónomos e pemes obterían un moi importante balón de osixeno da introdución deste sistema, o que redundaría, sen dúbida, nun mantemento do emprego que xeraría unha inducida recadación fiscal adicional. E o custo administrativo e informático para as Administracións Tributarias seria moi asumíbel. Mais para situar este tema fulcral na axenda política cumpre que autónomos e pemes poidan facerse ouvir, superando unhas organizacións patronais sempre pendentes dos intereses da grande empresa e uns sindicatos refractarios historicamente á peme.

SUBVENCIONAR A EDUCACIÓN SEPARADA É INCONSTITUCIONAL
O Ministro Wert ven de amosar o  seu extremismo ao propor unha nova lei que permita subvencionar os colexios que separan as persoas dun e doutro sexo. Mais o certo é que a norma legal que prohibe os concertos con centros de ensino separado xorde do propio artigo 27 da Constitución. O sistema de educación separada pode xerar resultas moi perversas. Velaí algúns que opinan, xa, que hai que lles ensinar máis ciencias aos rapaces e máis humanidades as rapazas.

O futuro do novo galeguismo

Con certos atranco e atrasos, mais dun xeito que se vai facendo evidente, estase a construír unha outra alternativa política dende o novo galeguismo. Unha alternativa que atopa o campo aboado pola incapacidade do BNG para ser a casa común dos galeguistas, mais tamén pola incapacidade do PSOE para defender o Estado do Benestar e pola deriva recentralizadora e radicalmente dereitista do PP.
Semella que este proxecto situouse onde tiña que se situar: no amplísimo espazo dos galegos que rexeitan as solucións liquidacionistas do Estado do Benestar que defende a dereita española e non cren nas propostas antisistema ou colectivistas. É dicir, os que cren na mellor coexistencia do público e do privado, nun Estado do Benestar redefinido e ampliado que anime, ao tempo, os valores do emprendemento e da libre empresa.
Un espazo tan amplo outórgalle a esta nova política (nomeadamente representada por CXG) unha grande capacidade de sumar dende todos os sectores pola súa transversalidade, integrando s tres grandes correntes políticas do Estado do Benestar europeo: social-liberais ou liberal-progresistas, socialdemócratas e ecoloxistas. Unha integración que non habería prexudicar a súa centralidade, é dicir a súa capacidade de dar solucións pragmáticas e mixtas aos gravísimos problemas económicos e sociais de hoxendía, atendendo aos intereses das clases medias e das maiorías sociais. Nin tampouco á súa aposta pola democracia de calidade, priorizando as primarias, os referendos e as listas abertas e brancas.
Nun tan amplo espazo é evidente que habería coller toda cidadanía que non estea pola inxustiza do capitalismo financeiro salvaxe nin pola subversión do sistema para construír algunha caste do colectivismo que tanta dor xerou no mundo. Velaí que sería suicida para esta nova política partillar alianzas anticapitalistas con organizacións estatais guiadas por partidos comunistas. Cando o que lle compre é artellar esa transversalidade, da que non tería sentido non fixeran parte, tamén, aqueles sectores da esquerda nacionalista que, na praxe, están por solucións substancialmente socialdemócratas, como as que exitosamente encarnou Beiras no 1997 e no 2001.

A ARRINCADEIRA. O CINEMA GALEGO TRUNFA CON VILAMOR
Como fixera hai catro anos con Pradolongo, Ignacio Vilar amosou en New York con Vilamor que a calidade do cinema galego e a súa capacidade de sedución argumental está a un altísimo nível internacional. Unha mágoa que moita xente non poida asistir á exhibición desta fita, incomprensibelmente ausente das principais salas de exhibición das cidades galegas.

Condenados a morrer de fame

É evidente que o Goberno Rajoy vive fóra da realidade. Doutro xeito non se explica como, a poucas horas de rematar a vixencia da paga dos 400 euros aos parados sen dereito a prestación ou subsidio, esta non se renovara. Este Goberno pode deixar á intemperie os centos de milleiros de persoas que receben esta paga, da que non coñecemos nin o número de beneficiarios por mor da desidia, cando non da mala fe, da equipa de Rajoy.
Cáritas vén de nos explicar que con 400 euros é moi difícil vivir, pero si se pode manter unha vivenda, un teito. E sen teito non hai inclusión social posíbel. Manter esta paga garante que centos de milleiros de cidadáns non van vivir debaixo dunha ponte e, xa que logo, manterán algunhas posibilidades de mellorar a súa formación e mesmo percurar algún emprego. Suprimirmos esta paga xeraría miseria, fame, exclusión e moito máis gasto público: Gasto asistencial e, tamén, gasto represivo, pois que a inseguranza cidadá medraría de xeito moi considerábel. Mais este Rajoy só é quén de mirar de cadrar as contas da semana vindeira.
Non lembro se era Samuelson ou Lipsey o autor do primeiro Manual de Economía que estudei na Universidade. Mais sempre me chamou a atención o seu kennediano precepto “esta sociedade decidiu que as persoas han recebir certos ingresos para subsistir malia que non poidan traballar”. Semella que, na España do 2012, esta lei ficou derrogada e gañamos, xa, a liberdade de morrer de fame.
O debate sobre o mantemento da paga dos 400 euros pon no foco a procedencia de lle garantir unha renda básica a todos os cidadáns, malia que non poidan traballar. Previría da exclusión social e do incremento do gasto policial e en seguranza e reactivaría o comercio, por se tratar de rendas destinadas ao consumo no seu cento por cento. A redución do gasto militar e do fraude fiscal haberían prover os recursos precisos.

A ARRINCADEIRA: REIXA TRIUNFA CO SEU MUSICAL GALICIA CANÍBAL
GALICIA CANIBAL, O MUSICAL, de Antón Reixa, é o grande trunfador lúdico, festeiro e cultural deste verán 2012. O espectáculo mellora mesmo aquela lembranza da “movida” dos que a coñecimos de adolescentes. O remate é apoteósico e as interpretacións de todos, nomeadamente de Vítor Mosqueira, Iván Marcos, Teté Delgado ou a novísima Ana San Martín son moi brillantes. Un espectáculo galego de moi alta calidade.

PP-PSOE: o mesmo problema

O fracaso do actual modelo institucional español é o fracaso da súa colonización pola burocracia bipartidista PP-PSOE. Un modelo que xurdiu con forza das eleccións do 1982, aproveitando o afundimento da UCD e do PCE e abeirándose nun inxusto sistema D´Hondt que beneficia os gañadores relativos e, en máis reducida medida, as segundas forzas. Mais este plus de representatividade institucional converteuse en quasemonopolio institucional a partires da xeralización do “café para todos” autonómico, do mantemento das Deputacións como contrapeso aos novos poderes territoriais e da vergoñenta colonización, mesmo parasitaria, de institucións que haberían ser independentes: Tribunal Constitucional, Consello do Poder Xudicial, Tribunal de Contas…
O asalto ás institucions da burocracia dos dous grandes partidos desenvolveuse a carón dunha estricta xerarquia partitocrática. Dende primeiros dos 80, PP e PSOE priorizan a obediencia ao xefe sobre calquera cualidade profesional, académica ou política dos seus militantes. Velaí o resultado: persoas sen perfil nin currículo social ou profesional parasitan nas estruturas institucionais sen que nunca estean dispostos a se retirar á sua carreira ou posto civil, pois que moitos deles non o teñen. Esta caste de persoas fará o preciso para continuar na súa carreira de políticos profesionais co PP e co PSOE, que lles garanten unha continuidade e ulterior xubilacion cómodas, sempre que amosen non pensar por si propios, como si fixeron persoas como o ex ministro Pimentel.
E velaí o resultado: listas pechadas, sistema D’Hondt, limites cuantitativos do 5% que xeran resultados moi pouco proporcionais, candidatos que non se escollen en primarias ou éstas desenvólvense  excluíndo á cidadanía.
A gravísima recesión actual manifestou, tamén, o esgotamento do modelo institucional español da transición: o emperador vai espido.

A ARRINCADEIRA. ASSAD SEGUE A ASASINAR IMPUNEMENTE NA SIRIA
A complicidade da ditadura chinesa e da protoditadura rusa e máis a falla de decisión dos USA e da UE permítelle ao ditador Bashar al-Assad continuar coa masacre da poboación civil siria, onte en Damasco e hoxe en Alepo. E contra os ditadores xenocidas non hai máis medidas que as de illamento internacional e mesmo o uso  da forza, se cumprise. Agardemos que a esquerda democrática europea sexa inequívoca na súa defensa dos cidadáns sirios e no seu apoio ao derrocamento da ditadura baasista.