Non máis café para todos

O problema do encaixe de Catalunya na España, como tamén a chamada crise do Estado autonómico e máis a orixe da pulsión recentralizadora, vén, en grande medida, daquela transición. UCD e PSOE prantexaron o café para todos e, despois, a lei da falsa harmonización (LOHAPA) a xeito de freo aos autogobernos catalán, vasco e galego, únicos deseñados na Constitución para implantar pola vía rápida e até o máximo de autogoberno posíbel. Outro freo, no caso catalán e galego, foi a imposición polo Tribunal Constitucional das provincias e Deputacións como contrapeso ao autogoberno autonómico.
Creáronse 11 ou 12 autonomías sen substrato histórico, económico ou político ningún e dotóuselles, con trampa, de case o mesmo teito competencial galego. Aznar propio foi quen deu cabo a este absurdo, obrigando as dez chamadas “autonomías do artigo 143” a coller as competencias educativa e sanitaria. Mentres, xeralizábanse os Parlamentos e outras institucións políticas, de primeiras só concibidos para Galicia, Euskadi e Catalunya.
Descentralizouse moi substancialmente o gasto, mais, agás en Euskadi e Navarra, o ingreso ficou moi centralizado. Por razóns totalmente diferentes, nin Galicia (déficit de investimentos chamado débeda histórica e deficiente avaliación do avellentamento e dispersión poboacional a respecto dos gastos social e sanitario) nin Catalunya (transferencia da sanidade moi precaria e falla de consideración do incremento da poboación e da inmigración) recibiron un financiamento xusto, que o Estado estaba lonxe de garantirlle a ningún territorio, pois que retiña os cartos en fondos estatais que repartía discrecionalmente mentres mantiña as funcións sanitaria, social e educativa (transferidas ás CC.AA.) sempre mal financiadas.
E, logo dun proceso que demostrou a plena vixencia de todas as leis de Murphy, dixoselle ao pobo catalán que o novo marco de relacións con España que tiña refrendado xa non valía. Véuselle dicir polo Tribunal Constitucional o que tantas veces escoitamos en Madrid “oye, gallego, pero tú te has creído que eso de la autonomía va en serio”. Entón, ninguén pode ficar sorprendido que o que se podería resolver coas disposicións políticas e económicas do Estatut do 2006 agora poida precisar de solucións que pasen, cando menos, pola cosoberanía de Catalunya.

O calote da AP-9

Foi Aznar, en febreiro do 2000, quen prorrogou a concesión da autoestrada do Atlántico até agosto do 2048, excusando a mesma na gratuidade dos treitos Rande-Puxeiros e Fene-Ferrol. AUDASA, titular da concesión, fora nacionalizada por mor das súas perda e foi privatizada no 2003, pertencendo primeiro a Sacyr e despois aos americanos de Citi. Durante este tempo Audasa salientou por unhas peaxes caras e un mal servizo, peor aínda nos últimos tempos. Velaí os grandes beneficios acadados pola concesionaria, pois que ingresan moito e gastan pouco en persoal e servizos.
Este alongamento da concesión e ulterior privatización ilustra ben o xeito de facer as cousas por parte da dereita española, sempre pendente de darlle negocio ás elites financeiras de Madrid. Velaí que as comunicacións radiais de Madrid e moitas das súas autovías sexan de balde, mentres os galegos teñamos que pagar por comunicarnos entre nós. A AP-9 conecta ao 70% da poboación galega e ao 80% do PIB do noso País e, malia esta realidade, sofriu un encarecemento brutal estes anos,que rematará este 2012 cun incremento de case o 20% entre o1 de xaneiro e 1 de setembro. Cando o certo é que non contarmos cunha estrada alternativa, libre de peaxe, tendo en conta as graves chatas e carencias da N-550.
O Ministerio de Fomento, quer con Arias Salgado, Álvarez Cascos ou Ana Pastor, quer con Magdalena Álvarez ou Pepe Blanco, sempre amosou a súa proximidade coa concesionaria e o seu afastamento da cidadanía. Velaí a urxencia de transferirmos a autoestrada (xunto coa central AP-53) á Xunta de Galicia para que esta vixile de preto aos xestores da concesionaria en interese só do País.Uns xestores, hoxe dependentes do grupo norteamericano Citi, sempre pendentes do seu negocio e nunca de que xestionan un dos servizos públicos fulcrais deste País. Un servizo esencial que non habería custar ao pé dos 45 euros no eixo A Coruña-Vigo cando circular polas autovías castelás, madrileñas ou andaluzas segue a ser de balde.

Verdades a respecto das preferentes

A sensibilización social e xurídica acadada pola mobilización das Plataformas de afectados polas preferentes é, quizais, o fenómeno máis notábel deste proceso polo que condiciona as análises xurídicas e as reaccións mediáticas. Porque é moi distinto contarlle a un xuíz a historia dun engano ou erro na prestación dun consentimento na adquisición dun produto financeiro ca inserírllelo nun fenómeno social que atinxe a uns 45.000 aforradores. Polo mesmo, a innovadora e intelixente demanda de clase que presentou Carlos Varela, fiscal superior de Galicia, amosou as moi comúns eivas na prestación do consentimento na maioría dos aforradores atinxidos.
Compre recoñecer que a nova dirección de NCG Banco, precisada de restaurar unha danada reputación, posibilitou unha canle pouco custosa e moi rápida de resolución dos conflitos, como é a arbitraxe de consumo, que se resolve en Dereito dende a Administración galega de consumo. Por Castellano a arbitraxe tería comezado xa hai seis meses, cando non se intensificara aínda a fuxida de depósitos. A responsabilidade deste adiamento é cousa de Feijóo, Almunia e Rajoy-Guindos.
Estaba visto tamén que a UE non ía permitir unha solución colectiva que non pasara pola peneira da declaración de nulidade, quer xudicial, quer arbitral. A durísima normativa de troco promulgada polo Goberno Rajoy avoca ao exercicio da acción de nulidade e as Plataformas e partidos políticos ben farían en recoñecer esta realidade e axudarlle aos aforradores a defender os seus casos perante o Instituto Galego de Consumo ou os xulgados competentes.
Semella, por outra banda, que existe unha minoría de varios milleiros de casos moi dubidosos que non terán máis remedio que acudir á vía xudicial individual, por non ter canle axeitada nin na arbitraxe nin na adhesión á demanda colectiva do Fiscal. De todos os xeitos, moitos destes casos dubidosos acadarán sentenzas civís favorábeis por mor dos graves defectos no proceso de contratación por parte das antigas Caixas.

A ARRINCADEIRA: O EXTREMISMO DE GALLARDÓN
Por se o Código Penal non fose un dos máis duros de Europa, o extremista Gallardón prométenos unha fonda revisión no sentido de penalizar condutas de oposición na rúa e introducir un cárcere perpetuo inconstitucional. A comunidade xurídica habería  facer ouvir a súa voz contraria de xeito inequívoco.

Hai partido

Os poucos inquéritos elaborados desde que Feijóo disolveu o Parlamento tracexan un escenario aberto no que, de calquera xeito, son constantes a tendencia á baixa do PP (entre catro e sete puntos), do PSOE (entre tres e cinco puntos) e do BNG (perda de dous a tres escanos). As bolsas de abstención decidida, voto en branco e antigo voto aos tres partidos parlamentares, hoxendía indeciso, constitúen un escenario no que resulta moi complexa a atribución de porcentaxes de voto definitivos e, xa que logo, de escanos. Polo que unha reedición da maioría absoluta popular é, nesta conxuntura, moi dubidosa.
Porén, o inexorábel desgaste da recesión non afortala as perspectivas electorais de BNG e PSOE, que baixan en conxunto tanto como o PP, en termos porcentuais. Canto á coalición táctica entre Beiras e EU semella que podería consolidar unha representación cinguida ás perdas do BNG, o que demostraría que a famosa Alternativa (autocentrada na esquerda anticapitalista e pechada de feito ao galeguismo, á socialdemocracia e ás correntes ecoloxistas e progresistas representadas por CXG) constitúe un xogo de suma cero que non é quen de lle tirar votos a un PSOE e a un PP que poderían perder votos a mancheas.
Semella evidente, xa que logo, que hai partido. E que os votantes dubidosos de PP e PSOE e máis os abstencionistas activos e pasivos poderían ficar na casa ou optar por un mal menor. Nin BNG nin Beiras-EU, polo de agora, teñen capacidade de incidencia real nestes amplos espazos electorais, tamén vetados á UPD pola súa nula implantación galega e polo seu centralismo extremo.
O que, aventuras de D. Mario Conde á parte, deixa como única forza con capacidade real de xogo transversal ao longo de case todo o abano político (excluída a dereita dura convencida da bondade da liquidación do Estado do Benestar e máis a esquerda dogmática) a CXG. Que, porén, xoga con moi graves limitacións de tempo e de medios.
O que ninguén pode dubidar é que esa demanda transversal e ese espazo electoral existen. Que as posibilidades reais de que o PP perda a maioría absoluta poden depender de que estes votos non fiquen no PP ou na abstención. E que, hoxendía, semella que nin o PSOE, nin o BNG nin a nova coalición anticapitalista teñen capacidade real de incidir nese espazo que é xusto no que se van xogar as eleccións.

A austeridade alimenta a recesión

Até os economistas máis ortodoxos recoñecen en privado que as políticas de consolidamento orzamentario, as políticas de austeridade, están a alimentar o ciclo recesivo. Os recurtes nos investimentos públicos e mesmo na prestación dos servizos esenciais agravan a caída da actividade económica, que xera máis desemprego e, xa que logo, fai diminuir moi gravemente a recadación fiscal, danada tamén polo incremento da fraude que xerará a recente suba do IVE.
Pola contra, as políticas contra o ciclo desenvolvidas por Obama nos USA foron quén de frear a recesión, malia manterse o crecemento en níveis baixos. Mais, de se impór a axenda da austeridade procíclica de Romney nas eleccións de novembro, axiña vai acompañar USA á Europa na recesión, agravando os peores níveis de desemprego coñecidos en Norteamérica dende os anos 30 do século pasado.
No caso galego, a Xunta de Feijóo fachendea da mellor contención do déficit no Estado. Mais estes números non foron inocuos. A falla de políticas de crecemento e estímulo económico xerou unha grave destrución de emprego industrial e autónomo nesta lexislatura agora rematada. De feito, esta destrución de emprego foi  das máis importantes a nível estatal. Os prazos de pagamento a proveedores e contratistas dilatáronse substancialmente, a medio de técnicas como o peche na práctica, polo menos parcial, do orzamento da Xunta en setembro do ano pasado. E, así e todo, a débeda pública galega duplicouse no seu impacto sobre o PIB (do 14% de primeiros do 2009 até o actual 27-28%).
En último de contas, o cidadán galego está a sofrir os mesmos recurtes nos servizos públicos ca o do resto do Estado, sen que esta teórica contención do gasto beneficiase, por exemplo, a respecto do copagamento que sofren os nosos maiores a respecto das menciñas que consumen.

A ARRINCADEIRA: SUPRIMIRMOS AS DEPUTACIÓNS
As vindeiras eleccións autonómicas actualizan o debate a respecto da supresión das Deputacións en Galicia. Non é comprensíbel a potenciación que tenta facer o Goberno central destes entes absurdos e nocivos, cando o que cómpre é suprimirmos as súas estruturas de representación indirecta (108 deputados, 4 Presidentes e un lote de Vicepresidentes na Galicia) e persoal de confianza política e distribuir os seus funcionarios entre os concellos e a Xunta.