A necesaria reforma electoral

A nosa normativa electoral é a que é e cómpre acatar os resultados obtidos de acordo coa súa aplicación. Mais semella que as regras da representación non se están a cumprir de xeito moi acaido á vista de que o voto do 45% (28,5% do censo electoral) xera unha maioría absoluta de 41 sobre 75. A caída do segundo partido a niveis do vinte e poucos por cento poderá seguir a deparar esta caste de escenarios, á vista da fortísima corrección que a normativa D’Hondt impón a proporcionalidade a prol do partido máis votado.
Que lle cómpre, pois, ao noso Dereito electoral? Recuperar certa proporcionalidade, para non contribuír ao desleixo cara o público, evidente nas últimas eleccións na alta abstención e votación nula, en branco ou a prol do partido Escanos en Branco. Proporcionalidade que, de primeiras, esixe unha circunscrición electoral única para toda Galicia en toda caste de eleccións superalocais (galegas, estatais e europeas), evitando que o voto dun ourensán valla moito máis ca o dun coruñés ou ferrolán. Tamén require da substitución da regra D’Hondt por un sistema proporcional no que cada partido quitaría un número de escanos proporcional aos seus votos, adxudicándose os últimos escanos aos mellores restos. Xa que logo, cos resultados do 21-O, o PP tería 35 deputados e AGE 10. Neste sistema suprimiríase a pouco democrática limitación de acceso ao Parlamento ás forzas que obtiveran menos do 5% dos votos.
Mais unha tal reforma requiriría dun certo consenso social e político e para iso compre, en primeiro lugar, asumir a plena conciencia de que o noso sistema electoral é antigo, pouco representativo e favorecedor en exceso dos partidos maioritarios e, nomeadamente, do bipartidismo. Ao mesmo tempo, a adopción das candidaturas abertas semella, tamén, inaprazábel.

A ARRINCADEIRA: UNHA EUROPA A 29?
Rajoy e Cameron coinciden en ameazar escoceses e cataláns coa súa suposta exclusión da Unión de se decidir pola independencia, sen dúbida para os asustar no seu imparábel proceso de autodeterminación. Territorios tan vencellados á Europa acadarían a plena integración como novos Estados da UE en moi pouco tempo, mesmo sen períodos transitorios. Alemaña e os pequenos e medianos Estados serían moi favorecedores desta integración. Ou sexa que ese conto, a forza de se repetir, cada vez vai asustar a menos xente.

As eleccións do señor D´Hondt

O PP gañou, cunha nidia maioría absoluta, as eleccións galegas de onte, cun 45,6% dos votos (38%, por certo, na cidade d’A Coruña) sobre unha participación do 63,64%. Unha maioría de 41 sobre 75 deputados. Feijóo gobernará de xeito hexemónico con só o 29% dos votos. Perdendo 125.000 votos en termos absolutos (de case 750.000 a uns 625.000) É a primeira lección destes comicios: coa regra D´Hondt unha minoría maioritaria rendibiliza extraordinariamente os seus votos con menos do 30% dos apoios do electorado.
As forzas que até de agora monopolizaban a oposición (BNG e PSOE) sofriron un severísimo castigo, con 12 deputados menos (o PSOE baixa de 25 a 18 e o BNG de 12 a 7). Porque o carisma de Beiras foi a segunda grande novidade destas eleccións, onde os proxectos emerxentes chantados na proposición construtiva, como Compromiso por Galicia (CXG) obtiveron o desinterese do electorado, malia que moi condicionado polo pouco tempo e pouquísimos medios cos que compareceron coa súa oferta.
Así e todo, the winner takes it all. Feijoo recibiu un aval ás súas políticas de recortes orzamentaria e desatención a respecto do crecemento e da xeración de emprego. Probabelmente porque a propia oposición maioritaria tampouco demostrou crer na posibilidade dun outro modelo económico, chegando a se desmarcar de xeito evidente dos avances sociais e económicos proxectados e parcialmente desenvolvidos polo pasado goberno de coalición. E, tamén, porque a desafección política encarnou nunha ilusión resistencialista (AGE) que está por ver que sexa quen de se converter nunha xenuína alternativa de goberno, malia que Xosé Manuel Beiras teña capacidade abonda para se reinventar e para tecer fórmulas que superen esta eiva.
Probabelmente o galeguismo terá que pescudar fórmulas que lle permitan construír unha alternativa ao PP que o PSOE deixou de representar. Mais é certo, tamén, que Galicia non vive mellor nin ten máis potencia económica e social ca hai tres anos e medio. Feijóo terá que resolver a supervivencia dunha Galicia mergullada na depresión económica. Compre agardar do seu sentido da responsabilidade que mude a axenda de prioridades nos vindeiros catro anos.

Paralos e facerlles frente

Verdadeiramente o conxunto dos recortes principiados por Feijóo en abril do 2009 e seguidos  no nivel estatal por ZP, dende maio do 2010 e por Rajoy, dende decembro do 2011, xerou unha terríbel espiral de menos actividade, máis desemprego, menos recadación fiscal, máis recortes e menor cantidade e calidade dos servizos públicos. Unha espiral suicida como a xerada pola política de austeridade do presidente Hoover nos USA dende fins do 1929 até fins do 1933 e que só salvou Roosevelt coa súa acción decididamente socialdemócrata do New Deal.
Diante desta suicida política da dereita conservadora o PSOE, campión canda Feijóo na xeración de desemprego, fai parte do mesmo problema e carece de credibilidade para liderar ningunha política alternativa, porque non foi quen a desenvolvela cando podía. Porque, en realidade, ZP asumiu as mesmas receitas ca o PP ao reformar os dous xuntos a Constitución hai un ano, coa finalidade de priorizar o equilibrio orzamentario sobre a creación de emprego, o crecemento económico e o benestar. PP e PSOE demostraron preferir o balanceo do budget á creación de jobs, en afortunada comparanza de Obama. É dicir as contas sobre a creación de emprego e riqueza.
A reacción do BNG e da coalición de IU e Beiras fronte esta enxurrada de empobrecemento e recesión inducida é facerlles frente e paralos. Resistencialismo xustificado na gravidade do momento histórico, mais que non achega, en ningún dos dous casos, propostas en positivo cara á construción dunha Galicia do futuro. Porque semella que a alternativa ás receitas da dereita non serán vellos modelos fracasados no Leste de Europa, Cuba ou Corea do Norte nin ocorrencias antisistema. A alternativa pasará por defender propostas eclécticas e mixtas, que faciliten o financiamento aos pequenos e medianos empresarios e o propio emprendemento empresarial, canda a blindaxe dunha sanidade, educación e servizos sociais universais e de calidade. É dicir, reformar e mellorar o sistema de economía mixta que xerou, na nosa Europa, a meirande concentración de riqueza e mellor reparto da mesma  da historia do mundo contemporáneo.
Velaí que non exista alternativa política a esta espiral de empobrecemento e recortes sen propostas en positivo e centradas que vaian moito máis aló ca de paralos e de facerlles frente.

A rexeneración democrática

Hoxe en día gran parte da cidadanía concorda que a nosa é unha democracia de baixa calidade, nomeadamente por mor da colonización das institucións públicas (mesmo o Tribunal Constitucional e o Consello Xeral do Poder Xudicial) pola burocracia do PP e do PSOE, que levan case monopolizando o noso sistema político e representativo dende primeiros dos anos 80 do século XX.
Esta burocratización e xerarquización dos principais partidos xerou graves eivas na calidade democrática, que foron xustamente denunciadas polos “anoxados” do 15-M. Velaí a consagración das candidaturas pechadas e bloqueadas, en beneficio dos xefes dos partidos e dos profesionais da política, evitando que a cidadanía poida priorizar en positivo as súas escollas ou refugar de determinados candidatos a medio do emprego das candidaturas abertas.
Mais a rexeneración democrática (chamada por outros “radicalidade democrática”) require doutras medidas, como a limitación a un máximo de dous períodos dos mandatos dos deputados e concelleiros, para evitarmos a profesionalización da actividade política e favorecermos a rotación dos nosos representantes. E, tamén, da xeralización das consultas cidadás e referendos, mesmo do referendo revogatorio á metade da lexislatura, para evitarmos limitar a democracia ao exercicio do voto cada catro anos.
Os partidos haberían comprometerse coas chamadas “candidaturas brancas”, compostas por persoas que non estean condenadas ou imputadas penalmente. E os seus candidatos haberían comprometerse a dimitir se resultar imputados, sen prexuízo do dereito de todos á presunción de inocencia e da necesaria reforma da lei procesual penal para evitar a “pena de banco”, modificando o réxime xurídico da imputación ao xeito USA ou portugués para que aquela se fixer cando os indicios incriminatorios foran xa de certa dimensión.
Pois ben, os programas electorais do PP, PSOE e BNG omiten estas propostas, reflectindo outra das razóns da súa tendencia inexorábel á baixa e da emerxencia doutras forzas que lle outorgan á rexeneración democrática a importancia que xa lle dá a cidadanía deste país.

O AFFAIRE PEMEX
Se é certo que Feijóo ten amarrada a Pemex non lle custará amosar os documentos que o proban. Mais o candidato do PP non pode pedirlle aos cidadáns que confíen  na súa xestión, verdadeiramente cativa no eido dos proxectos empresariais, como amosan a liquidación de feito do IGAPE ou o fracaso do concurso eólico.

O pacto bilateral con España

De súpeto, a que semellaba imparábel onda recentralizadora refugou non pouco ao abrollar con moita máis forza a realidade dunha grande porcentaxe das cidadanías catalá e vasca que dan por pechado o percorrido do Estado autonómico e plantexan abertamente, cando non a independencia, si algunha caste de fórmula confederal de soberanía partillada ou a xeito de Estado asociado que lles garanta un autogoberno pleno.
É evidente que este proceso vai definir as vindeiras eleccións autonómicas que van vivir estes dous países nas vindeiras semanas. Ao tempo, no resto dos territorios vaise abrindo paso a pulsión recentralizadora a prol de mudar a estrutura xurídico-política. Probabelmente as CC. AA. seguirán a ser entes dotados de autonomía administrativa, mais semella evidente que a autonomía política (capacidade lexislativa dos Parlamentos, axendas propias para o crecemento económico, máis competencias e mellor financiadas) desaparecerá en varias destas rexións que mesmo poden reasignar a prol do Estado competencias tan importantes como a sanitaria, a educativa e a dos medios materiais da Administración de Xustiza.
Onde ficará Galicia? Canda as nacións, loitando por unha relación bilateral co Estado? Canda as rexións, substituíndo o seu autogoberno limitado por unha autonomía administrativa a xeito de Mancomunidade de Deputacións? Está claro que o noso interese económico esixe priorizarmos o factor nacional, diferencial e, con isto, a bilateralidade na relación, porque co 5% do PIB e o 6% da poboación estatal a recentralización condenaría ao noso País á pobreza económica e á marxinalidade. Parte da cidadanía intúe esta realidade, mais non son poucos os que cren que vai ser posíbel ficar como estamos, entre o encaixe bilateral no Estado e a absorción indiferenciada da recentralización. E compre situarmos no mapa, porque xa non vai haber café para todos. Nin tampouco barra libre de recursos.
Velaí que o novo papel de Galicia no Estado esixa unha nova fórmula constitucional e estatutaria de bilateralidade, é dicir, de diálogo na procura do consenso entre as Institucións españolas e galegas para definirmos os límites competenciais e financeiros do noso autogoberno.
O mínimo que lle podemos esixir aos nosos políticos é que perciban a importancia deste repto. Porque se eliximos ser Murcia cando Catalunya e Euskadi deciden ser soberanos estaremos a nos condenar á pobreza económica e á irrelevancia política, cando non á máis apartada marxinalidade.