Catalunya plural

Co 95% escrutado, as até de agora principais forzas políticas catalás sofren un duro castigo, mentres que o resto das forzas melloran posicións, compoñendo un mapa parlamentario catalán moito máis plural e equilibrado.
Cunha moi alta participación (70%), o soberanismo (CiU, ERC e CUP) acada unha cómoda maioría absoluta (74/135 deputados), malia que baixe 2 dende os 76 que tiñan CiU, ERC e SI, gañando 5 dende os 69 de ERC e CiU do 2006. Porén, os partidos a prol do dereito á autodeterminación (os soberanistas e ICV) gañan 1 deputado (agora son 87), pola importante suba dos ecosocialistas. Medra tamén o españolismo, que antes acadara 21 deputados e agora 28 (19 do PP e 9 de Ciutadans, que sobe 6).
Artur Mas xogou as súas cartas e perdeu o envite. Malia que retén a minoría maioritaria (50 /135 deputados, cun 30,7% de votos), perdeu 12 deputados e oito puntos (todo o que gañou entre 2006 e 2010) e precisará do PP, PSC ou ERC para gobernar. Un dilema complexo, tendo en conta que ERC non lle pode mercar os recurtes e nin PP nin PSC lle poden mercar a consulta á cidadanía catalá.
Cal foi a causa desta perda de votos (uns 150.000 votos)? A aposta polo Estado propio? Os recurtes? Semella que a cidadanía apostou polo pluralismo, fuxindo das maiorías absolutas e optou polo dereito a se autodeterminar sen cheques en branco e coa ollada posta nunha xestión máis social e plural da crise.
Canto ao PSC, baixou de 28 a 20 deputados, con só un 14,6% e acadou o peor resultado da súa historia, practicamente empatado en votos co PP e con ERC. Seerá terceiro en escanos, superado por ERC, que acadou os 21 que tiña Carod-Rovira no 2006. Cun discurso independentista, mais integrador, Oriol Junqueras substraeu votos do sector máis catalanista do PSOE e dos sectores da CiU máis socialdemócratas. Porque semella que algúns, diante do repto do Estado propio, decidiron que a xestión do camiño cara ese obxectivo tería que ser cousa de tres, empoleirando a ERC e ICV, mentres entran no Parlament os soberanistas antisistema das CUP con 3 deputados, como clara mostra dun avance xeneralizado, pero contido do que semella, das plurais esquerdas catalás.
O PP acadou tamén o resultado máis importante da súa historia (13% e 19 deputados, gañando 1 a respecto do 2010 e 2 a respecto do 2006). Mais semella que son poucos estes réditos á vista da radicalidade do seu discurso. Porque, malia que ficou ben claro que case o 35% dos cataláns non queren saber nada da independencia, non é menos certo que arredor dun 60% están a prol da mesma, polo menos de que Catalunya decida libremente o seu futuro.

Solucións aos desafiuzamentos

O agravamento da crise e máis a reforma financeira (que obrigou a Banca a provisionar os seus activos sobrevalorados, incrementando deste xeito as execucións hipotecarias que antes non lles interesaba instar) xerou unha multiplicación dos desafiuzamentos. Moitos deles, porén, teñen a súa orixe na falla de pagamento dos alugueiros e todos han constituír unha prioridade máxima das políticas sociais. A perda da vivenda xera a máxima exclusión social e imposibilita na práctica para a busca de emprego e mesmo para a custodia dos propios fillos.
Mais no caso dos desafiuzamentos das resultas das execucións hipotecarias compren outras medidas ademais das sociais. Cómpren reformas lexislativas reais e non parches como o que ven de aprobar o Goberno do Estado. Parche inútil e que incide nesa política tan cara ao PP de tentar dividir á cidadanía. Neste caso entre necesitados e super-necesitados. Porque non son as cargas familiares nin os niveis de renda o problema, senón as propias leis.
O primeiro problema é procesual. A Lei de Axuizamento Civil impide hoxe en día que os debedores poidan formular unha oposición ás demandas de execución hipotecarias por causas de fondo (por exemplo, por vicios do consentimento ou pola taxación dunha vivenda hipotecada por un valor substancialmente superior). Oposición que hoxe en día non paralizaría o desafiuzamento, o que motivou o informe da avogada xeral do Tribunal de Xustiza da UE considerando que esta normativa procesual vulnera o principio de protección ao consumidor e, xa que logo, o Dereito da Unión Europea. Permitir que os debedores poidan alegar canto ao fondo con carácter suspensivo permitiría que os xuíces controlen individualmente a posíbel existencia de cláusulas abusivas ou vicios do consentimento, o que semella foi moi común na época da burbulla.
Mais a nosa lexislación require doutras reformas. Neste senso é fundamental que a dación para pagamento se impoña como obriga para as entidades financiadas con cartos públicos e, tamén, unha reforma da lei concursal que facilite, como nos USA, que as persoas físicas poidan comezar outra vez de cero despois dun proceso concursal.

A ARRINCADEIRA: Que traten aos demais igual ca ao Dépor
Que as S. A. deportivas han ser tratadas como todos os cidadáns perante as Administracións Tributarias é evidente. Mais os afeccionados galegos non entenderíamos que outros clubes da Primeira gozasen dunhas condicións máis vantaxosas que o embargo xeral de todas as fontes de ingreso que sofre arestora o Dépor.

A avogacía contra as taxas

O ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, dispuxo e o Goberno Rajoy e o PP dispuxeron. Esta mesma semana entran en vigor as taxas xudiciais, que haberán aboar todos os cidadáns aos que non se lles recoñeza o beneficio á xustiza gratuíta canda a presentación de toda caste de demandas e recursos xudiciais (agás a xurisdición penal, as demandas na orde social dos traballadores na primeira instancia e as reclamacións civís de menos de 2000 euros). É evidente que as taxas xudiciais afastarán das clases medias e da xente común o acceso á xurisdición en garantía dos seus dereitos e intereses, estruturando unha xustiza para ricos e outra para pobres. A aprobación desta lei é a medida lexislativa máis lesiva para os dereitos fundamentais dende a aprobación da Constitución.
Semella que os xuíces, instados en cadanseus procesos polos avogados, plantexarán perante o Tribunal Constitucional unha enxurrada de cuestións de constitucionalidade. Porque, xa no 2002, o Tribunal Constitucional, ao declarar a conformidade coa Carta Magna da taxa xudicial ás grandes empresas que impuxera Aznar, advertía que a taxa sería inconstitucional de se aplicar ás persoas físicas e pemes de xeito que restrinxise substancialmente o acceso destas aos tribunais por razóns económicas. Agardemos, pois, un seu pronunciamento rápido que, de se producir nesa liña xurisprudencial, deixará sen efecto esta agresión ao noso réxime de liberdades.
A avogacía galega reaccionou unanimemente contra esta agresión inconstitucional, de xeito que a aplicación destas taxas xudiciais xerou a meirande unidade no foro dende as mortes de Atocha, no ano 1977. Esta reacción ampliouse ao conxunto da avogacía do Estado días despois. Deste xeito, non é arriscado prognosticar que este extremista ministro Gallardón enfrontará unha coalición de case todos os avogados e xuíces fronte ás súas antidemocráticas políticas, mesmo tamén dos avogados e xuíces máis conservadores. Xa que logo, a medio prazo Rajoy haberá derrogar as taxas e cesar ao peor ministro de Xustiza da democracia.

Os cataláns decidirán

Hai poucos anos tiven a honra de representar este País dende un cargo público. No decurso dunha tensa negociación co Goberno do Estado correspondente, en Madrid, un vedraño alto cargo do Ministerio de quenda, con bastante acritude espetoume “Gallego, tú te has tomado en serio eso de la autonomía. Es inadmisible que queráis negociar de Gobierno a Gobierno y en el futuro, sea quien sea el partido de Gobierno en Madrid, no se os va a permitir”.
A actitude do Madrid político co Estatut de Catalunya que foi aprobado polo 90% do Parlament, rebaixado polas Cortes e ratificado pola cidadanía catalá en referendo foi exactamente a do alto cargo do conto. Que os cataláns aproban unha ampliación do seu autogoberno? Tentémola desprestixiar na rúa, na opinión pública e, se é o caso, xa virá o Tribunal Constitucional a lles avisar de que isto da autonomía non vai de verdade en serio, que todo Estatuto vai depender cada vez máis do que se decida en Madrid. Tras da vaga soberanista atópanse centos de milleiros de cataláns que confiaron nun novo marco de relacións co Estado até que se lles dixo que non, que a solución futura non era máis autogoberno e mellor financiamento, senón probabelmente menos e peor e que Catalunya, votase o que votase, non sería nunca suxeito da decisión colectiva, que sempre dependería do bipartidismo monopolizador do réxime de Madrid.
Unha ampla maioría de cataláns, hai cinco anos, non eran soberanistas. Mais agora viraron os ventos e semella que nada vai ser igual ca antes. En dous anos haberá referendo en Escocia, mentres Flandres camiña cara á súa soberanía. A Unión Europea, o Reino Unido e o Reino de España aceptarán o que decidan flamengos, cataláns ou escoceses, sen axitar a pantasma dun veto á adhesión de novos estados na UE absolutamente impracticábel. É cousa só de tempo.

A ARRINCADEIRA: Os 85 primeiros do profesor Alonso Montero
O 24 deste mes Ribadavia nomeará fillo adoptivo ao profesor e académico Alonso Montero, coincidindo cos seus primeiros 85 anos de idade. A lingua e cultura deste País teñen unha grande débeda co traballo monumental de D. Xesús, dos primeiros na tarefa de que o galego desfrutase de mil primaveras máis e non se cumpriran os prognósticos sobre a súa extinción que el mesmo escribiu no seu lendario Informe dramático sobre a lingua galega de 1973.

Autogoberno e aeroportos

Se a semana pasada analisabamos a necesidade de integrar nas competencias do Poder galego os portos de interese xeral de Ferrol-San Cibrao, Vilagarcía, Marín, Vigo e A Coruña, hoxe desenvolvemos a tese da mesma necesidade a respecto dos nosos tres aeroportos da Labacolla, Peinador e Alvedro.
AENA é a xestora aeroportuaria máis centralizada do mundo occidental, xunto coa portuguesa (coa excepción do autónomo Saa Carneiro do Porto, non por acaso o máis eficiente). E a esta grave eiva engádeselle o seu pecado orixinal de tentar facer de Madrid o único “hub” exterior da Península, para o que se investiron 6000 M€ (un billón das vellas pts.; a 127 €/residente no Estado), que se detraeron dos Fondos de Cohesión, destinados de primeiras ás infraestruturas ambientais e de comunicación dos países con menor renda na Europa, como Galicia. Velaí unha das razóns principais pola que as nosas rías non están saneadas ou os nosos portos tardarán en estar conectados por camiño de ferro.
Este esquema centralista é moi ineficiente. Pensen vostedes que o servizos de “handling”, cafetaría-restaurante, tendas, xestión dos aparcadoiros, etc., contrátanse dende Madrid sen a menor idea das necesidades de cada aeroporto e da súa contorna. Velaí a necesidade, si, da transferencia á Xunta (coas especialidades que se queira a respecto da navegación aérea, única competencia que ten sentido reteña o Estado ou mellor a UE) para construirmos un sistema aeroportuario galego integrado onde os aeroportos tendan á súa especialización- nomeadamente nos supostos de Peinador e Alvedro-, sen concorrer entre si.
Para isto, o modelo aeroportuario a xestionar pola Xunta habería fuxir de substituir o centralismo de AENA polo dunha futura AEGA e apostar, no canto desta solución caduca, por unha xestión autónoma dos tres aeroportos por cadanseu Consorcio, nun esquema de colaboración público-social-privado que dera participación aos Concellos e axentes sociais principais de cada área, xestionara –directa ou indirectamente– os principais servizos do aeroporto e mesmo tentara captar rutas dentro das liñas xerais que marcaría a Xunta para garantir a mellor integración do sistema.

Son inocentes

A Audiencia ourensá ven de absolver, de xeito indiscutíbel, aos antigos tenentes de alcalde da cidade, Alexandre Sánchez Vidal e Andrés García Mata, xunto con outros concausados, no caso coñecido como o “dos paneis”. A absolución refírese á cualificación de suborno (e alternativa de tráfico de influencias), prevaricación e falsidade documental que mantiñan o Fiscal e o PP. A respecto do suborno a sentenza considera que as acusacións non foron quen de presentar a mínima pegada de ningunha promesa económica dos empresarios aos políticos e funcionarios, limitándose a formular, en nidio abuso acusatorio, meras conxecturas. E o mesmo decide a sentenza a respecto do tráfico de influencias. A crítica da sentenza á capacidade de tecer meras cábalas e non hipóteses serias, por parte das acusacións, é evidente.
No que atinxe á suposta prevaricación a Audiencia determinou que, tanto o convenio asinado por Sánchez Vidal (que había ser aprobado definitivamente pola Xunta de Goberno Local) como o “visto e prace” á colocación das marquesinas por parte de García Mata como Concelleiro de Infraestruturas (que só expresaba un acto de informe só referido ás necesidades do viario público e nunca a respecto da regularidade administrativa do expediente nin á conveniencia turística dos paneis), constitúen meros actos de trámite, nunca resolucións administrativas. No caso dos paneis non houbo nunca unha resolución administrativa e, xa que logo, non houbo prevaricación. Mais a Fiscalía e a acusación particular sabíano e, porén, acusaron por un delicto de comisión imposíbel, tendo en conta o grao de desenvolvemento do expediente administrativo.
A absolución das acusacións polo delicto continuado de falsidade documental é, asemade, categórica. Era evidente para as acusacións que as supostas incorreccións documentais non modificaron para nada a realidade xurídica, administrativa ou mercantil, polo que non podía existir delicto. Mesmo as acusacións nin se molestaron en precisar cal dos distintos tipos casuísticos do artigo 390 do Código Penal (que castiga as falsidades documentais) era o que podía abranguer a conduta dos acusados. Sinal inequívoco, a respecto deste delicto, da súa convicción “ex ante” da febleza e arbitrariedade da súa acusación.
A sentenza pode ser recorrida en casación perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo. Mais as acusacións coñecen que a Alta Corte non pode revisar os feitos probados e que tampouco vai corrixir a aplicación do Dereito por parte da Audiencia, que só se inspirou na propia xurisprudencia do Tribunal Supremo. Xa que logo, non se albisca cal é a razón pola que o Fiscal Provincial siga a defender, a mantenta, a interposición dun recurso que sabe chamado ao fracaso. Porque confundir determinadas incorreccións administrativas coa comisión de tan graves delictos é impropio dunha tal Institución.
E rematamos coas preguntas que, de certo, todos vostedes estarán a se plantexar: Quen lles repara a estes cidadáns o dano causado ao seu creto e reputación? Quen lles vai pedir desculpas? Quen lles vai agradecer a súa solvencia democrática ao demitir no seu día para lle evitar prexuizos ao Concello, ao seu partido e á cidadanía?

O espazo político do galeguismo

O enfrontamento electoral do 21-O librouse no eido da contradición entre dereita e esquerda e moito menos na contradición Galicia-Estado. Diríase que, diante dos gravísimos recortes ao Estado do Benestar e diante da gravísima recesión da actividade económica e incremento do desemprego cumpría pór en valor as dinámicas de oposición á enxurrada dereitista (hai que paralos, para facerlles frente) acadando un valor moi secundarizado a reivindicación do autogoberno e de asumir Galicia como medida social, económica e política de todas as cousas. A propia intercoalición técnica entre a Anova de Beiras (que integra partidos formalmente independentistas como a FPG) e a IU hexemonizada polo PCE respondeu (con grande suceso, de certo) a esta dinámica: segundo a que compre a unidade das esquerdas, sexan federalistas simétricas ou autonomistas, for independentistas.
Existe espazo entre a dereita ultraconservadora española e as formulacións  frontistas de esquerdas, con claro predominio actual no seu seo das opcións altermundialistas ou vencelladas ao marxismo dogmático? Da resposta depende a orientación política a desenvolver polos galeguistas. Poderán optar por ser bisagristas que garantan a maioría ao turnismo bipartidista e, tamén, por enfortecer a achega galega da fronte de esquerdas. Ou poderán traballar autonomamente para construír un espazo político e social de maiorías entre as formulacións desta dereita española e desta esquerda mixta.
A segunda opción é moito máis complexa, pero é máis proveitosa para o País. Opción que haberá de se construír sobre solucións mixtas e eclécticas alicerzadas no progresismo inclusivo e na socialdemocracia, con certas concesións no eido da promoción empresarial ás achegas máis social-liberais. Ou sexa, apoiar o emprendemento privado e defender eficazmente unha sanidade e educación gratuítas, universais e de calidade e un sistema galego de benestar que garanta a cohesión social.
Mais a liña individualizadora desta opción sería a adopción como eixo transversal a todos estes elementos dunha concepción do galeguismo como vertebrador da nosa sociedade e do autogoberno como o instrumento esencial para xerar crecemento económico e, xa que logo, emprego e benestar.
Se o galeguismo non adopta este camiño, serán outros os que constrúan ese espazo de maiorías dende a centralidade política, pero dende a explicación de Galicia como mera rexión ou apéndice da España.

Autogoberno e portos de interese xeral

A peculiar xeografía de Galicia fai nomeadamente estratéxica a achega dos seus portos, tanto á vertebración da súa actividade económica como á construción do seu espazo. A transferencia dos portos de interese xeral ao elenco das competencias da Xunta de Galicia constitúe unha ferramenta esencial para implementar políticas de crecemento eficaces que sexan quén de reverter a dinámica de desertización económica e xeración de desemprego que estamos a vivir dende hai máis de tres anos.
A vocación portuaria de Galicia é xeralmente recoñecida. Porén, a xestión estatal dos portos de interese xeral (Ferrol-San Cibrao, A Coruña, Vilagarcía, Marín e Vigo) segue a mancar esta vocación e ameaza con facermos perder a privilexiada opción que se abre para este país coa apertura da nova canle de Panamá, cara o 2015. Porque este fenómeno vai incrementar de xeito exponencial os tráficos marítimos da América coa Europa e os portos galegos poden constituir o grande “hub” portuario entre ambos os dous continentes. Precisamos unha conexión axeitada da rede ferroviaria cos nosos Portos. E unha plena integración das dársenas exteriores de Ferrol e A Coruña baixo a mesma Autoridade Portuaria, que habería integrar tamén os portos autonómicos de Sada e Mugardos.
Galicia (como xa apuntou, na altura, o conselleiro Cuíña no 1996) precisa que os seus portos constitúan un sistema integrado baixo a autoridade orgánica da Xunta de Galicia. Sen prexuízo da súa autonomía e da asociación dos axentes sociais e empresariais á planificación e xestión portuarias, a superior autoridade do Goberno galego -canto á coordinación de tarifas e cadansúas especializacións- semella unha esixencia de sentido común.
Porque o actual modelo de xestión mixta (a Xunta nomea aos xestores e Madrid determina a xestión) é unha vía segura cara ao fracaso. Xa que logo, reintegrarmos os portos de interese xeral no autogoberno galego constitúe a primeira condición para a xeración de emprego de calidade e de actividade económica multiplicativa a partires da xestión futura dos nosos portos.