O pacto galego polo crecemento

Non existe vantaxe ningunha a respecto do Estado no mapa do desemprego galego. Os cinco pontos porcentuais de diferenza na Enquisa de Poboación Activa (EPA) fican sen sentido ningún diante dos nosos baixísimos nìveis de actividade (en comparanza con cataláns e madrileños) e de inmigración ou diante da traxedia dun 30% de titulados superiores galegos que están a emigrar fóra do noso País. Factores todos que coa nosa demografía son unha lousa pesada de máis para esta nosa Galicia.
Até o propio FMI recoñece que, de seguirmos nesta tolemia de consolidamento fiscal, deste xeito morreremos. Velaí que cumpra falarmos, en primeiro lugar, da distribución dos esforzos entre a cidadanía nesta Gran Depresión. O que esixe falarmos de fiscalidade e de financiamento público. Da necesidade, a nível galego, de atallar a fraude fiscal, gravarmos ás grandes superficies comerciais e abordarmos a inxustiza máxima dunha distribución do déficit que condena os servizos sanitarios, sociais e educativos (que presta a Xunta) fronte os moitos gastos improdutivos do Estado, como o gasto militar.
Xunto ao consenso social sobre a distribución do sacrificio compre o diálogo social, porque desta só sairemos con políticas de crecemento. E, nunha conxuntura de restrición, isto esixe un grande pacto galego que non só xunte forzas políticas, sindicatos e organizacións empresariais, senón aos autónomos, pemes, cooperativas e sociedades laborais. Único xeito de priorizarmos os eixos desta política consensuada para o crecemento.
E cales serían os eixos deste pacto galego polo crecemento e o emprego? Semella que, cando menos, un marco inovador de apoio ao emprendemento empresarial, o ordenamento rural para a revitalización dos complexos agroindustrial, mar-industria e monte-industria, o consenso sobre unha política de ciencia e teconoloxía, un marco protector para o comercio de proximidade, a internacionalización da nosa empresa e o pulo á exportación e ao turismo de calidade.

Unha fiscalidade inasumíbel

É un lugar común que a queda da actividade económica xere de seu unha queda na recadación fiscal. Mais os estudos do economista galego Manuel Lago demostran que o grande burato fiscal entre a recadación do 2006 e ao 2011 foi o Imposto de Sociedades (IS), que pagan as compañías mercantís polos seus beneficios. No 2006 a recadación estatal acadou os 183,5 mil M€, que caeu no 2011 a 158,5. Pois ben, estes 25 mil millóns menos foron responsabilidade exclusiva do IS, que caeu en 28 mil millòns (duns 43,7 mil M€ a só pouco máis de 11 M€), mentres a recadación por IRPF sobía en case 4 mil millóns e o IVE e os Impostos especiais mantiñan, en xeral, os seus números.
Evidentemente, a caída nos beneficios explica parte desta queda, mais non a meirande parte. No ano 2011 os beneficios das empresas societarias sobardaron os 115 mil M€, dos que máis de 46 mil M€ ficaron exentos de tributación, por mor dun conxunto de complexas bonificacións, exencións e deducións fiscais e outras ferramentas de enxeñería tributaria que só benefician ás grandes corporacións, que veñen pagando de media só un 11,6%, fronte á media do 12,2% das familias na renda ou o case 18-19% de media que pagan as pemes societarias.
Velaí que o problema do déficit haxa que velo, sobre todo, dende a perspectiva do ingreso. A recadación fiscal española perdeu quizais máis de 20.000 M€ (máis da metade do que paga o Estado polos elevadísimos xuros da débeda) por mor dunha lexislación fiscal regresiva que non axusta o pagamento dos impostos ao beneficio real das grandes empresas, unicas que teñen na súa man as complexas ferramentas de enxeñería financeira precisas.
Semella que unha normativa fiscal xusta e progresiva achegaría moitos máis recursos á caixa. E achegaría unha perspectiva moi diferente a respecto dos recurtes sanitarios, educativos e sociais que a dereita vende como inevitábeis. Malia que fose o PSOE, por certo, quen aplicara esta lei fiscal tan pouco social.

A ARRINCADEIRA: Grande parte da sociedade quere máis galego
O éxito da manifestación a prol da nosa lingua non habería facermos esquecer a necesidade de combinar (e mesmo transcender) esta caste de respostas na rúa con medidas eficaces e proactivas para recuperar falantes e presenza social nos sectores até de agora pouco receptivos á nosa lingua.

Rajoy tiña que sabelo

O actual -e inaturábel- nivel de corrupción da actividade política no Estado ten a súa causa sobranceira na colonización das institucións desenvolvida os últimos 30 anos pola cada vez máis ampla burocracia do bipartidismo PP-PSOE. Unha burocracia que medra para, porén, depender cada vez máis dun pequeno grupo dirixente, que decide as candidaturas electorais e os postos institucionais, convertendo a louvanza ao xefe, a adhesión acrítica e o espírito gregario nos principais valores para desenvolver unha carreira política.
Esta colonización institucional bipartidista, así e todo, non explica por si propia o actual nivel de corrupción senón entendemos a súa estreita relación con determinadas elites financeiras e empresariais madrileñas que xiran arredor do BOE, en sentido amplo. É dicir, do mundo das contratacións e concesións. Elites que, no que atinxe a Galicia, amosáronse historicamente belixerantes diante da posibilidade de que as empresas autóctonas puidesen obter unha parte importante das contratacións públicas ou do reparto eólico. Por certo, son as mesmas que din que as autonomías son ruinosas e que as clases medias vivíamos por riba das nosas posibilidades.
España é un dos Estados máis corruptos dentro das democracias occidentais, segundo Transparencia Internacional e o único Estado da Unión Europea sen unha lexislación específica que sancione a falla de transparencia nos Poderes Públicos. Semella, xa que logo, que, como moitas veces, a solución futura pasará nomeadamente por darmos máis e mellor regulación.
Agora ben, hoxe non é protagonista a corrupción sistémica en xeral, senón a que aferrolla a sede central do PP. Se as revelacións das últimas horas son certas e os dirixentes estatais do PP cobraron sobresoldos en diñeiro B até 2009 é evidente que os Presidentes do PP até 2009 tiveron que coñecer ese feito. Tamén Aznar (máximo dirixente até setembro do 2003) e Rajoy, que lidera dende entón. Xa que logo, semella que o futuro do Partido que goberna con maioría absoluta en Madrid e moitas capitais autonómicas pode depender da chantaxe dun presunto delincuente. Porque, se esa caste de comportamentos ilegais existiron no seu tempo, Rajoy tivo que coñecelos.

A ARRINCADEIRA: O PPdeG volve apelar ao galeguismo
Consciente do deficiente comportamento electoral que tivo nas cidades o pasado outubro, o PP vestiuse en Lugo coas galas do galeguismo cordial de Fraga. Polo de agora non hai síntoma ningún de que sexa algo máis ca unha proclama oca no Partido que bloqueou a aprobación do novo Estatuto, lexislou contra o galego ou renunciou a usar o autogoberno para crear crecemento, emprego e benestar. Mais a política estalles a mudar todos os días, sendo evidente que Madrid/España xa non ofrece marca, prestixio nin prosperidade.

A Galicia doente

Verdadeiramente o pulso do Goberno galego e das nosas forzas políticas e sociedade civil é ben cativo. A política ocúpase decote de pequenas liortas partidistas, mentres agocha lixo e corrupción que semellan aferrollar os Estados maiores das burocracias do bipartidismo de quenda. Por demografía, músculo financeiro e reivindicación do autogoberno semella que nos conformamos co guión que España e Europa nos deseñan, inermes diante do papel secundarizado, cando non irrelevante, que nos queren facer representar.
Podíamos ter aprobado un novo Estatuto ou, polo menos un corpo legal regulador da nosa organización territorial e réxime local que arestora tivese racionalizado e modernizado a nosa gobernanza e posto en valor o noso territorio como alicerce infraestrutural da nosa vocación produtora de alimentos, auga e enerxía. Mais Feijoo leva catro anos dubidando e arestora estanlle a facer unha reforma que liquidará a autonomía local, limitará substancialmente o autogoberno e confiará nas Deputacións a execución dos “diktats” do capitalismo castizo do BOE que sobrancea en Madrid.
Un capitalismo castizo dobremente atarefado en recentralizar competencias autonómicas e expectativas de beneficio e en pactar na Europa dos mercados a condición de elite subordinada sobre un espazo de máis de 40 millóns de persoas, para o que precisará, ante a propia subordinación europea da súa posición, da destrución ou da radical redución das clases medias.
Diante dunha realidade tan nidia, as respostas políticas e sociais apenas abanean entre o conformismo máis uniformante até a rebeldía superficial sen un proxecto de construción alternativa. Cando o que cómpre é un discurso a prol do Autogoberno como ferramenta de benestar e dunha fiscalidade renovada e autoxestionada dende Galicia como garantía dos servizos públicos. Dun pacto social e político a prol do crecemento e o emprego. Dun conxunto de políticas sectoriais sobre a economía, a empresa, o territorio e a ciencia e tecnoloxía que tenten xerar as derradeiras oportunidades para non perder o tren da historia e da prosperidade por ducias de anos.

Corrupción e bipartidismo

A corrupción dalgúns políticos e, nomeadamente, do sistema, é unha das preocupacións fulcrais da cidadanía. E a súa gravidade ten unha das súas razóns sobranceiras na colonización institucional que os dous principais partidos levaron adiante dende a consolidación do esquema bipartidista (1982). Na Constitución do 1978 os partidos definíronse como as principais ferramentas para lle dar canle o dereito dos cidadáns á participación política, por mor da demonización que a ditadura franquista fixo das estruturas partidarias. Mais o que tiñan que ser uns vehículos de participación democrática foron, de paseniño, converténdose en burocracias dirixidas por unhas elites cada vez máis reducidas e omnipotentes, convertendo a carreira política nun tránsito só reservado aos fieis e silentes, no canto dos mellores ou máis comprometidos.
E velaí algunhas das graves chatas do noso sistema. Estruturas absurdas e duplicadas (Deputacións, Delegados e Subdelegados do Goberno, entes instrumentais) que só serven para lles dar cómoda ocupación aos seareiros e chegan a se transformar en monstros inoperantes que nin PP nin PSOE queren limitar ou suprimir. Burocracias partidarias que elixen e condicionan ao Consello do Poder Xudicial, ao Tribunal Constitucional ou ao Tribunal Supremo. Recursos detraidos para manter estas estruturas ineficientes e anular ou, polo menos, mancar substancialmente os instrumentos de control e fiscalización do sistema.
E que dicir dos esgrevios ex populares e socialistas. O capital oligopolista e, sobre todo, os beneficiarios das privatizacións de empresas públicas dos anos 80 e 90 do século pasado agasallan aos seus benefactores con boas retribucións sen responsabilidades coñecidas. Velaí os casos de Aznar e Elena Salgado (Endesa), Rato -considerado polo Business Week como un dos peores executivos internacionais- (Telefónica), Felipe González (Gas Natural) ou Acebes (Iberdrola). Outro día cumprirá falarmos da ineficiente xestión destas empresas privatizadas.

A ARRINCADEIRA: David Reboredo ou un indulto de xustiza
David Reboredo foi un de tantos do noso tempo afogado no inferno da droga. Soubo reaxir, reinventarse e ser un home útil á súa familia e á súa sociedade, até traballar incansabelmente contra as drogadicións. PP e PSOE indultaron a corruptos e banqueiros. Ninguén entendería non indultar a un cidadán que soubo erguerse logo de caer.

Un Goberno contra a avogacía

A oposición da xudicatura e da avogacía á xustiza para ricos que suporá a lei de taxas e máis ao cárcere perpetuo agachado tralo eufemismo “prisión permanente revisábel” fixo reaxir ao ministro Ruiz Gallardón, que prepara unha xeira de medidas legais que van alargar o campo de actuación de rexistradores, notarios e procuradores mentres tenta prexudicar no posíbel á avogacía.
Moito evoluiu o colectivo dende o 1977 lonxano no que os inimigos da liberdade mataron uns avogados demócratas en Atocha. Porque ao longo destes anos de democracia a avogacía soubo porse ao día na asignatura pendente da súa formación continua e especializada, mantendo uns bos estandares de calidade na prestación da xustiza gratuíta a pesares da endémica, grave e premeditada insuficiencia de recursos na que os sucesivos gobernantes de quenda do bipartidismo burocrático (PP-PSOE) mantiveron aos Gobernos autonómicos en todo o que atinxe aos medios materiais da Administración de Xustiza.
Nomeadamente grave é a reforma que fará dos rexistradores da propiedade e mercantís (o corpo ao que pertence, non por acaso, Mariano Rajoy) un super-corpo de funcionarios especiais que coordinará todos os rexistros (Civil, Mercantís, da Propiedade e máis os estatais de Asociacións e Fundacións), en boa medida exentos do control xurisdicional e suxeitando a pagamento por arancel no seu proveito persoal o que até de agora era de balde e responsabilidade das Administracións Públicas. Ou o outorgamento aos notarios dos expedientes de estranxería e matrimoniais, como se os funcionarios públicos fosen incompetentes para estas tarefas.
Latexa a carón deste apoio aos corpos de elite e deste desleixo á avogacía e a xudicatura a pulsión autoritaria no ministro Ruiz Gallardón, até de agora abertamente consentida e apoiada polo Presidente Rajoy. Molestan avogados e xuíces pola súa independencia, para alén de excepcións concretas.
Porque a independencia e a liberdade de criterio ofenden, hoxendía, aos que mandan no Ministerio de Xustiza. E mentres o Ministro Ruiz Gallardón siga exercendo as súas funcións é lexítimo pensar que ofenden, tamén, no Pazo da Moncloa.

Bipartidismo e deputacións

Semella que Rueda non percibiu ou non quere percibir, mais PP, PSOE e a Federación Española de Municipios e Provincias teñen aquelada xa unha nova Lei básica local, coas excepcións que cumpran a respecto de Euskadi e Navarra e mesmo de Catalunya, que goza en virtude do seu novo Estatuto da plenitude competencial no eido local. Nós tamén poderíamos tela, evitando o dano que nos vai xerar a reforma local que nos ven enriba, se Feijóo tivese sido abondo patriota para aprobar, a primeiros do 2007, o novo Estatuto que os tres grandes partidos de entón tiñan pactado no Parlamento.
Ben, Deus nos libre dun xa foi. Pero velaí ven a extrema potenciación das Deputacións, que asumirán os servizos públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Xa que logo, impediráselles aos pequenos concellos desenvolver políticas propias en benestar social, para unificar dende o nivel estatal (vía provincias) a xestión e prestación dos servizos, mesmo a colaboración e participación privada nos mesmos. Teremos máis centralización da contratación pública local nas Deputacións, menos autonomía municipal e menos calidade na prestación dos servizos.
Cara á Xunta estas Deputacións empoderadas constituirán unha caste de xurisdicións exentas, en directa conexión cos Ministerios, extremando deste xeito as contradicións entre Poder galego e Deputacións. E marcando o proxecto político-territorial do PP, que tentaría reconducir o autogoberno galego a unha caste de Mancomunidade de Deputacións. Proxecto que sería común a todos os territorios do Estado, agás Euskadi, Catalunya, Navarra e as Illas Baleares e Canarias.
A potenciación das Deputacións multiplica os riscos de corrupción, afasta a xestión da cidadanía e garante que a burocracia bipartidista (PP-PSOE) sigan a gozar de milleiros de cargos inútiles. Mais o que resulta verdadeiramente grave é a inacción do PPdeG e do PSdeG (se é que aínda se lles pode alcumar con esas siglas) diante dunha das peores agresións ao autogoberno galego, á autonomía local e á extensión e calidade dos servizos públicos desde que aprobaron o Estatuto deste País.

A ARRINCADEIRA: O alcalde compostelán ha dimitir
A xestión municipal do PP compostelán está a fanar moi gravemente o prestixio desa capital tan  universal. A imputación atinxe ao núcleo esencial da contratación administrativa municipal. Xa que logo, sen prexuízo da presunción da súa inocencia no ámbito xurídico-penal, Currás ha dimitir.

Emerxencia nacional

Cun 20% de desemprego, coa nosa reducida taxa de ocupación e coas meirandes perdas de emprego industrial e autoemprego de todo o Estado, a Depresión galega sobarda no contexto español e europeo, moito máis pola súa vantaxe comparativa da súa moito menor exposición ao mercado da segunda residencia ao principiarmos esta crise. Os dados do mes de decembro amosaron, ao tempo, a persistencia e gravidade desta situación, en comparanza con outros territorios. Os nosos dados son nomeadamente desfavorábeis a respecto non só de Euskadi e Navarra (que desfrutan dun autogoberno máis eficiente por mor do seu mellor financiamento), senón doutros territorios de financiamento autonómico común, como A Rioxa ou Cantabria.
A crise do noso tecido produtivo (que medrou aceleradamente dende 1998 até 2008) é ben nidia no que atinxe ás industrias téxtiles, construción naval, ciencia e novas tecnoloxías, gandaría, turismo, industrias culturais, audiovisual e servizos de apoio á industria e á construción. Resisten multinacionais como Inditex ou, en menor medida, Repsol ou Citroën ou empresas fortemente internacionalizadas, mentres a nosa urdime de pemes vai caendo por mor dos machados da peor crise da historia contemporánea de Galicia.
Todos podemos albiscar a dificultade dunha recuperación ao xeito, porque Feijóo, ZP e Rajoy coincidiron dende 2009 nunhas receitas de consolidamento orzamentario orfas de toda caste de políticas de crecemento. Orfas de políticas activas de emprego. Orfas de políticas de investigación e innovación. Carentes dunha estratexia europea, o que nos levou a recibir este ano só o 3,5% dos fondos de investimento agrario que a UE destina ao Estado Español ou a liquidar, na práctica, a nosa participación nos proxectos tecnolóxicos europeos, o que agoira lustros de pobreza e dependencia.
Velaí que urxa reaxir. Cómpre un pacto polo crecemento entre todas as forzas políticas e sociais. Que, ao tempo, tracexe estratexias para a reindustrialización, a revitalización do medio rural, a reforma local, a política científica e de investigación, as políticas comercial, turística e territorial e a loita contra a exclusión social.
Estamos diante dunha emerxencia nacional.