Ha abdicar

A alta probabilidade de que El Rei renuncie nos vindeiros meses está moi vencellada á depreciación pública da súa figura e ao desgaste da propia Institución, sometida aos furacáns Urdangarín, Botswana e Corinna. Mais o que non se adoita salientar na mesma medida é a evidente conexión entre o devalo da Monarquía e o dos alicerces esenciais do réxime da transición, entre eles a ocupación bipartidista do Poder, o modelo partitocrático de elites cada vez máis pequenas que dirixen burocracias cada vez máis grandes, o afastamento da política a respecto da cidadanía e máis a aposta por un capitalismo castizo de BOE, baseado máis nas prácticas de avantaxe nas empresas reguladas do IBEX 35 ca nas regras dunha economía eficiente e dunha libre concorrencia empresarial na que moitos din acreditar e poucos defenden.
Xa que logo, a decadencia da Monarquía reflicte tamén a decadencia dun sistema político-institucional que xa é moito máis un problema ca unha solución e atópase absolutamente esgotado para estruturar a nosa convivencia cidadá. Velaí que unha abdicación poida ser vista por sectores do PP e do PSOE como unha medida de axuste lampedusiano que permitiría sobrevivir, no esencial, este modelo esgotado.
Mais semella que, monárquica ou republicana a saída, é obrigada unha fonda reestruturación do sistema xurídico-político, nomeadamente no que atinxe aos valores de transparencia e renovación democrática, á viabilización do Estado de Benestar e ao recoñecemento e garantía da plurinacionalidade do Estado.
Calquera outra saída non sería máis ca un remendo.

A ARRINCADEIRA: Que Aurelia fique na súa casa
Aurelia ten na súa contra unha sentenza definitiva. Mais os acontecementos vividos nos últimos días e a propia inxustiza e inconveniencia social do seu desafiuzamento haberían facer reflexionar ás dúas partes en litixio para tentar un acordo que garanta por riba de todo o dereito á súa vivenda por parte de Aurelia Rey, ou polo menos o dereito a unha vivenda digna na súa contorna.
O que a ninguén lle pode convir é o espectáculo dun desafiuzamento manu militari ou a adopción de medidas contra uns bombeiros que só cumpriron co seu deber de servidores públicos.

O sexto sentido

Na longametraxe O sexto sentido o neno protagonista comunícase con persoas xa falecidas que “non saben que están mortas” e “non son quen a se ver entre si, porque só ven o que queren ver”. Conto que ben se lle podería aplicar aos relatos de Rajoy e Rubalcaba no último debate de política xeral no Congreso. Porque ambos os dous políticos executaron unha representación teatral que semellaba dirixida a unha sociedade inexistente. Unha representación que, á forza de falar como se non ocorrese, pasaba por alto a crise de credibilidade institucional (nomeadamente do modelo de ocupación bipartidista do Poder), a corrupción sistémica asfixiante e a mesma deslexitimación do Xefe de Estado.
Como os mortos de O sexto sentido, Rajoy pensou que calando sobre a corrupción, Bárcenas e a moi fonda crise política e institucional e actualizando algunhas promesas electorais incumpridas recuperaría o seu crédito cidadán e superaría o k.o. técnico xerado a partires das revelacións de El País e El Mundo. Pensou que a cidadanía segue a confiar nel e que só el pode salvar a crise. E non ponderou a extrema gravidade da fenda aberta nin a necesidade de ofertar e dirixir un programa rexeneracionista extraordinario para un deterioro institucional extraordinario. Porque pensa, canda Rubalcaba, que seguimos no 2009 e que o sistema é quen de porlle canle ao malestar cidadán e á desesperanza de crecentes sectores sociais que sofren o drama da exclusión social que trouxeron as políticas de ZP e Rajoy dende a primavera do 2010.
Hai, pois, unha realidade que morreu e outra que está a substituila e nin PP nin PSOE son quen a ver esta remuda, que ameaza con levar por diante a súa hexemonía bipartidista a xeito de “tsunami”.
Mais, no caso concreto da Galicia, non se albisca –aínda– unha alternativa de goberno, un relato galego do País e da sociedade, que poida ofrecer rexeneración democrática, integración social e políticas de crecemento. Porque as opcións da oposición parlamentaria, polo de agora, confunden o ruído coa eficacia e a retórica revolucionaria cun discurso coherente de transformación.

Previrmos a corrupción

Hai anos que Carlos Varela, Fiscal Superior de Galicia, chama á atención da Xunta e do Parlamento sobre da necesidade de dotarmos de instrumentos para previrmos a corrupción, como aconsellan tamén dende a organización Transparencia Internacional ou mesmo dende grupos de traballo do propio Consello de Europa. Velaí o exemplo portugués, que creou o Consello de Prevención da Corrupción no 2008.
Mais as sucesivas Memorías da Fiscalía foron acollidas só con boas palabras por parte de todos os partidos con representación parlamentaria, sen que ninguén fixese uso de cadansúa iniciativa lexislativa para trasladar á lexislación galega as recomendacións da Fiscalía Superior galega e destas institucións internacionais. Semella que a algúns non lles interesa e aos outros non lles semella importante, quizais por pensar que a corrupción é consubstancial ao sistema.
Semella que este baleiro normativo encherase no futuro, xa que o sábado foi presentada no Parlamento unha iniciativa lexislativa popular, que será debatida aló por primeiros de verán, sempre que os seus promotores, pertencentes á dirección nacional do partido Compromiso por Galicia (CxG), sexan quen de acadar as 15.000 sinaturas que esixe o Dereito galego para que esta caste de iniciativas poida chegar ao debate no Pleno do Parlamento.
A nova proposta lexislativa introduce a limitación a dous mandatos dos cargos públicos en Galicia, xunto coa obrigatoriedade da declaración anual de bens e intereses de todos os cargos públicos e representativos e a implantación dun referendo revogatorio á metade da lexislatura no que a cidadanía podería revogar o mandato conferido dous anos antes. Tamén se recollen limitacións de contía máximas na acumulación de contratos administrativos adxudicados negociadamente, isto é sen concurso ou subhasta. E proponse a creación dun Consello de Prevención da Corrupción seguindo o modelo portugués, só orientado á prevención das actividades de risco a respecto da corrupción.
As forzas políticas galegas terán, xa que logo, unha boa ocasión para demostrar que a loita contra a corrupción é para elas algo máis ca unha ladaíña. Porque a corrupción política é, xa, unha das principais preocupacións da cidadanía galega.

A ARRINCADEIRA: Non no Estado de Dereito
Mais a loita contra a corrupción non xustifica excesos como a presentación xudicial, esposado polos pulsos, do ex-concelleiro compostelán Albino Aldrey. Non existía risco de fuga nin de agresión que xustificase este trato degradante. Suspenso para os axentes que trataron este cidadán dun xeito tan desaquelado.

Unha reforma local desaquelada

Ninguén nega a necesidade dunha fonda reforma do réxime local no conxunto do Estado español. Mais o Goberno Rajoy erra pola base, porque a plurinacionalidade española e o diverso do seu poboamento requiriría que esta reforma fose deseñada e implementada por cada Goberno autonómico. Non se pode comparar Euskadi, onde as deputacións forais representan os tres territorios históricos ou as Castelas e Andalucía, que viven o feito provincial, co noso País ou Catalunya, onde provincias e Deputacións son enxendros absurdos pertencentes ao século XIX, cando Catalunya e Galicia tiñan arredor de cadanseus 1,6 millóns de habitantes distribuídos de xeito máis ou menos semellante entre as 4 provincias coas que De Burgos nos agasallou a galegos e catalás para esfarelar a identidade común de ambos os dous países.
Pois ben, Rajoy e Montoro esquecen que só coa supresión das Deputacións galegas aforraríamos 22 millóns de euros por ano e acordaron potencialas a nível de todo o Estado, nomeadamente para que fagan de ‘policías dos concellos de menos de 20.000 habitantes, garantindo a uniformidade na prestación dos servizos’. Unha uniformidade por abaixo, en detrimento non só da autonomía local e da participación dos usuarios, senón do benestar cidadán e da calidade na prestación destes servizos públicos.
O PP segue a pensar en termos do século XIX e acredita nunha única lexislación para todo o Estado, nun Estado recentralizado, cun único cerebro que todo o pensa e todo o entende, no canto de construir un Estado moderno e en rede, que poida liberar recursos que este sistema centralista absurdo estraga por mor das duplicidades que se seguirán a repetir “ad infinitum”, xa que dicir “Deputación” e “provincia” é dicir superposición de esquemas preconstitucionais e desbalde de cartos.
Mais nada disto sería posíbel se Alberto Núñez Feijoo e Alfonso Rueda usasen da súa suposta influencia en Xénova e fosen quen a substituir este despropósito por unha fonda e consensuada reforma local, específicamente galega, que todas as forzas políticas e sociais, canda a FEGAMP, haberían debater e aprobar no canto desta reforma desaquelada que nace dos cerebros do PP andaluz.

Corrupción e economía de mercado

Coñecemos nos últimos días dúas revelacións que degradan máis a lexitimidade do actual Goberno do Estado. Por unha banda, sóubose que a ministra Ana Mato estaba casada en réxime de gananciais con Sepúlveda aínda no 2007. Pola outra, Mariano Rajoy publicou as súas declaracións fiscais. E destas tírase que no 2008, cando a crise xa era unha realidade, o PP -que depende segundo a súa contabilidade oficial nun 86% das subvencións públicas- incrementaba o soldo do seu Presidente nuns 28.000 euros até elevalo a máis de 200.000 €/ano. Lembremos que sería no 2008 cando, segundo a versión -desmentida polo PP- do xornal “El Mundo” Dolores de Cospedal suprimiría os sobresoldos da rúa Xénova, que ascenderían no caso de Rajoy a 25.200 €/ano, segundo os apuntamentos publicados no xornal “El País”, tamén desmentidos polo PP.
E mentres medra o malestar da cidadanía, o PCE ven de afirmar que a corrupción é consubstancial ao sistema. Velaí que só safaríamos da corrupción a medio dunha transición cara ao socialismo, esquecendo a evidencia da gravísima corrupción que existiu na Europa do socialismo real entre 1946 e 1990 e existe na Cuba castrista.
O repto é previrmos a corrupción dentro do sistema. E isto esixe, sobre todo, non confiar na autorregulación e establecer regras claras para garantirmos a transparencia e a boa gobernanza. Porque a grande ferramenta contra a corrupción é o Dereito. Un Dereito que emane dun pacto social e político que esixa altísimos estandares de calidade, moralidade e transparencia aos nosos políticos.
Cómpre falarmos tamén dos axentes privados facilitadores da corrupción política, residenciados nas grandes construtoras e nalgunhas empresas que cotizan no IBEX 35. Connivencia que non só degrada a política, senón a economía. Porque distorsiona a libre concorrencia, conforme ao modelo do “capitalismo de casino do BOE”: pouca atención á formación e motivación dos recursos humanos e ao I+D+I e construción de oligopolios. Estes axentes privados facilitadores tentan chuchar todos os grandes contratos, en detrimento do conxunto do tecido empresarial galego e degradan a contratación de moitos servizos públicos.

A ARRINCADEIRA: A xenreira do PP co galego
A Xunta, esquecendo que segundo o Estatuto os procedementos xudiciais nados na Galicia han rematar perante o TSXG, quere levar o Decreto do galego ao Tribunal Supremo, que só pode estimar o recurso se plantexa e obtén do Tribunal Constitucional a declaración parcial de inconstitucionalidade da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Será ésta a intención do Goberno de Feijoo? De calquera xeito, é un aceno que non só atenta contra a nosa lingua, senón que despreza o noso autogoberno, ao someter a normativa galega ás instancias xudiciais de Madrid.

Máis e mellor Europa

Os graves recortes que ven de sofrer Galicia a respecto da recepción de fondos europeos para o periodo 2014-2020 reflicten a insuficiencia absoluta da política orzamentaria da Unión, que inviste menos do 1% do PIB europeo, fronte a níveis do 5-6% da Facenda federal USA. Na Eurozona unificouse a política monetaria, mais vivimos aínda na relativa diverxencia de políticas fiscais e na absoluta irrelevancia das políticas orzamentarias e de reequilibrio que poidan construir un mercado transparente e aquelado dotando aos países menos desenvolvidos dos instrumentos precisos para poder competir.
A diagnose agrávase polo déficit democrático das Institucións europeas, que distribúen o Poder dun xeito demasiado complexo, pouco eficiente e orfo de transparencia e lexitimidade democrática.
A Unión só pode adoptar dous camiños de futuro: retraer o seu proxecto para formarmos unha mera unión alfandegaria ou camiñar cara á unidade política. E este segundo camiño esixe unha auténtica cidadanía europea, que o Parlamento europeo sexa titular único da potestade lexislativa, un Presidente e Goberno europeos e que as institucións de base estatal, como os Consellos Europeo e de Ministros reduzan progresivamente a súa relevancia.
É certo que Galicia sofre de xeito singular as resultas desta Europa que mira máis cara aos “lobbies” ca ás persoas. Mais a grande responsabilidade destes prexuízos hai que anotalos no “debe” da intermediación do Estado español. A negociación de ingreso desarmou os nosos sectores estratéxicos, preferindo as producións mediterráneas. Despois desnaturalizáronse axudas agrarias, dirixíndose aos ineficientes latifundios, e Fondos estruturais (6000 M€ no novo aeroporto de Madrid). Prohibiuse a construción naval civil en Navantia-Fene para salvar os estaleiros andaluces. E durante estes anos España bloqueou coa súa apatía e euroescepticismo a participación das institucións e sociedade galegas na toma de decisións da Unión Europea e nos seus “lobbies”.
Velaí que ao mellor o problema non sexa Europa, senón o xeito no que España fai participar a Galicia no teatro europeo.

Solucionarmos as preferentes

Nas últimas semanas, dende o Goberno do Estado e dende o propio FROB estanse a proxectar medias verdades, cando non completas falsidades a respecto do problema dos clientes minoristas galegos afectados pola comercialización das preferentes e subordinadas. Mesmo se chegou a publicar en xornais de máxima difusión galega e estatal que non había outro xeito para eludir as futuras condicións de quita e canxe ca a arbitraxe, omitindo a vía da reclamación xudicial de nulidade.
As condicións de quita e troco que proporán NCG BANCO, BANKIA e demais entidades estatalizadas só rexerán para aqueles que non obteñan a declaración de nulidade do seu contrato de adquisición desta caste de produtos. Esta declaración pode acadarse, quer a medio dun laudo arbitral, quer a medio dunha sentenza xudicial. As dúas vías son incompatíbeis, pero só dende o momento no que o afectado asina a conformidade coa proposta de devolución que lle presenta o Banco. A mera solicitude de arbitraxe non aceptada polo Banco permite pedir a nulidade pola vía xudicial. Van aló máis de 13.000 casos resolvidos na arbitraxe, mais a Xunta ralentizou en grande medida o proceso dende as eleccións. Así e todo segue aberto e semella que unhas 2.000 persoas (menos do 7% dos casos pendentes que pediron arbitraxe) acadarían solución por esta vía. O resto terían que demandar xudicialmente para acadar esta nulidade. Doutro xeito ficarán suxeitos aos termos da quita e canxe.
A demanda xudicial individual é máis segura e rápida, malia que existan posibilidades obxectivas da viabilidade das demandas colectivas, a presentada polo Fiscal Superior de Galicia e a que está a preparar AGAPROFI. Neste senso, a admisión desta última dependerá de que os Tribunais consideren que o colectivo de clientes minoristas afectados constitúe un colectivo minimamente homoxéneo e doadamente determinábel. Porque o problema da comercialización das preferentes non é que se lle venderan a analfabetos ou incapaces, senón a toda caste de clientes minoristas (mesmo medianos empresarios e enxeñeiros) para os que non estaban concibidas. Vendas que nunha esmagadora maioría adoeceron de defectuosa información e abuso de confianza, o que define a relativa homoxeneidade do colectivo para o efecto da demanda colectiva.

Corrupción e crise de Estado

Malia que os apuntamentos contábeis de Bárcenas, por si propios, non teñan unha trascendencia xurídico-penal decisiva, constitúen a revelación decisiva para a definitiva ruptura da meirande parte da cidadanía co Goberno do Estado. Porque esta revelación engádese á fundada sospeita de que grande parte dos 20 M€ branqueados por conta de Bárcenas tiveran a súa orixe no financiamento ilegal do primeiro partido da España. E porque mesmo a amnistía fiscal, que antes podía ser só unha medida inxusta e, ao tempo, pouco eficaz, fica arestora baixo sospeita de se se decidiu para que o PP resolvese este seu problema.
Ogallá me trabuque, pero alén dalgúns desmentidos ou matizacións, sospeito que o substancial do relato non vai mudar. O que quere dicir que o Goberno do Estado vai perder a meirande parte da lexitimidade de exercicio que adquiriu na orixe, por mor da súa maioría do 2011. E non é só que o Presidente do PP e do Goberno do Estado entre de cheo neste manto de deslexitimación. O peor é que o seu propio Partido non poderá sair del sen un proceso de refundación indubidabelmente convulso. Proceso que tamén habería enfrontar o PSOE por partillar, non evidentemente a estrutura financeira de Bárcenas, mais si as tácticas de colonización e ocupación bipartidista das Institucións e de afastamento das súas burocracias a respecto da cidadanía.
Na historia moderna de Italia sempre houbo un vello Presidente da República, sen poder efectivo, mais investido de toda a “autorictas” que lle permitía exercer a súa función moderadora, mesmo cando o principal partido, a Democracia Cristiá, se esfarelou por mor da corrupción. Mais o noso Xefe de Estado tampouco está lexitimado socialmente para mediar e integrar. Sumémoslle esta Grande Depresión e as tensións territoriais xurdidas do proceso recentralizador que ven de Madrid e temos unha crise de Estado ás portas. Mesmo para pasado mañá.
Seica non fique outra ca a demisión de Rajoy e a convocatoria de eleccións. Mais, nesa hipótese, semella que as vindeiras Cortes serían máis constituíntes ca ordinarias.