Máis iniciativa privada

O Goberno Rajoy ratificounos este día que o desemprego e, xa que logo, a cohesión social, o crecemento e mesmo o sufrimento das persoas non son as súas prioridades. Rajoy, ao tempo, ratificou que non ten un relato para promover nin a actividade económica nin o emprendemento. Demóstrase nidiamente que a dereita española é remisa a confiar na iniciativa privada e social e non ten un plan para os emprendedores.
Compre dicir que, ás veces, abusamos ao fiarmos a recuperación, só e sen matizarmos, ao emprendemento empresarial privado. Agachar subemprego baixo a aparencia de supostos autónomos ou enfrontar a aventura de fundar unha microempresa sen unha acaida formación en xestión empresarial e -na meirande parte dos casos e sectores- sen un financiamento acaido é a crónica dun fracaso anticipado, que mesmo pode deixar unha lousa familiar por moitos anos.
Mais certo é que vivimos nun sistema político-institucional e nunha sociedade refractaria ao emprendemento, xa non só individual, senón social. Refractaria á creación e, por riba de todo, ao mantemento do emprego é tarefa, nomeadamente, das pemes.
Un clima favorábel para o emprendemento require dun forte pulo público en termos de acceso ao financiamento, avantaxes fiscais (adiantar o IVE non cobrado e as altísimas cotizacións sociais afogan o emprendemento autónomo e social), recursos estruturais que faciliten os primeiros tempos (partillando estruturas físicas e administrativas para aforrar custos) e unha modificación da lexislación concursal que lle permita ao emprendedor pechar un fracaso empresarial non intencionado para poder reinsertarse social e laboralmente sen necesidade de vivir perpetuamente á marxe da actividade económica legalmente regularizada.
Porén, os partidos do bipartidismo dinástico enchen a boca falando de emprendemento cando desenvolven de feito unha política que liquida as posibilidades de supervivencia das pemes, como fixeron cando aprobaron no outono do 2011 unha reforma constitucional que prioriza o pagamento da débeda ás políticas de pulo ao crecemento. Mais tampouco as outras dúas forzas presentes no Parlamento galego semellan ter un relato para xerarmos máis e mellor iniciativa privada e social na nosa actividade empresarial. Unha iniciativa que require, tamén, dunha fonda remuda na mentalidade social  imperante na Galicia.

Falarmos do importante

Na semana na que cumpriu dixerirmos as gravísimas crises de Pescanova, Caramelo, Pórtico e a falla de expectativas do naval e da nosa economía portuaria (malia Pemex e a apertura da nova canle panameña no 2015) o debate parlamentario impediu tratar as cuestións verdadeiramente importantes. Mesmo impediu falar de Dorado, a quen a oposición levara ao debate por vía de pregunta.
Alberto Núñez Feijoo e Xosé Manuel Beiras enfrontáronse nun incidente que demostrou que as normas de urbanidade que aprendemos na casa (respectar a dignidade e propia imaxe das persoas, non falar de terceiros cando non poden retrucar, mantermos a moderación nas formas malia que reaccionemos con moita firmeza no fondo) non constitúen uso cotián neste noso Parlamento. Porque son malos tempos para o exercicio da oposición crítica, do goberno responsábel e do xogo de propostas e alternativas. O que inequivocamente anuncia, duns e doutros, a irreductibilidade en cadansúas propostas, o esgotamento do sistema institucional e o anuncio de que esta lexislatura non será nunca a do confronto de alternativas, senón a da representación escénica dos opostos.
Se as dúas forzas que monopolizan na práctica a dialéctica parlamentaria galega xogan a alimentar esta dinámica estéril é moi probábel que sexa pola convicción, dunha banda, que nin a oposición nin a cidadanía requiren grandes atencións nin caste ningunha de diálogo. E, pola outra, que o sistema está tan desfeito que o xogo institucional só permite o recurso ao aceno concienciador.
En calquera dos dous relatos, os valores da alternancia política, da resolución negociada dos gravísimos problemas sociais e económicos, da integración e cohesión social, afástanse do foco, mesmo contra da máis que probábel boa intencionalidade dalgúns dos actores.
En calquera dos dous relatos ficaremos na anécdota, no aceno e na fotografía. E non enfrontaremos os problemas da economía e da sociedade, nin seremos quén de xerar alternativas de crecemento económico e inclusión social que sexan quén de abrollar a esperanza.

Tirarmos as hipotecas da lingua

A axustada elección presidencial na Academia Galega (RAG) amosa a necesidade de desenvolver unha intelixente política de concordia que reformule, canda outras Institucións e axentes sociais, os alicerces da acción normalizadora na sociedade dos últimos trinta anos, limitada canto aos seus éxitos.
Cómpre o máximo rigor a respecto das Administracións para acadarmos a igualdade xurídica real, só posíbel se equiparamos os deberes de coñecemento de ambas as dúas linguas oficiais. Mais cara á sociedade é urxente recoñecer a conveniencia do plurilingüismo como modelo onde aplicar eficaces políticas restitutivas que recoñezan a existencia normal dos galegos castelánfalantes e incentiven a modificación parcial dos seus hábitos para achegalos ao uso da nosa lingua propia.
Son os galeguistas e nacionalistas os primeiros interesados en tirar as hipotecas da lingua e rachar a equiparación galegofalante urbano=nacionalista. Porque só dende políticas flexíbeis e amábeis coa cidadanía (e firmes coas Administracións e axentes políticos) poderá esta sociedade ir illando as condutas contrarias aos valores do civismo democrático dos inimigos do galego, ao xeito de Galicia Bilingüe e demáis freakies de quenda, hoxe desgrazadamente presentes en boa parte das equipas de goberno dos Concellos coruñés e compostelán.
Cómpre, tamén, unha política normalizadora de menos despachos e máis rúa e rueiro para facer popular e cidadá a tarefa a prol da lingua.
Na súa estrea presidencial, Alonso Montero cometeu o erro de criticar a normativa de consenso aprobada no 2003. O galego precisa vivir, con normalidade, no contexto da lusofonía construindo máis pontes cara á integración política e cultural da Galicia no seu seo. Seica Alonso Montero podería corrixir as súas non matinadas reflexións e comezar por nomear académicos correspondentes escollidos nos distintos países que partillan a lusofonía, inserindo deste xeito a RAG na súa urdime académica e institucional.
Tamén habería retirar o recurso de casación contra o Decreto do galego, porque o Supremo, ademais de rexeitalo, fixará unha doutrina contraria á interpretación que o TSXG fai da Lei de Normalización. Cómpre salientar que non hai vulneración de Dereito estatal que alicerce nin este recurso nin o da Xunta, retirado por mor da presión cidadá.

Centralismo xudicial de Gallardón

A tradicional demarcación galega en partidos xudiciais, corrixida á baixa no 1966 e á alza no 1988, constitúe quizais a mellor división comarcal até de agora ensaiada. Estruturou, canda as feiras e mercados, Rexistros, Notarías e outros servizos, as nosas vilas e o noso territorio e ben podería ter sido o alicerce da división comarcal que, dacordo co noso Estatuto, habería ter superado, hai xa trinta anos, a ineficiente e caduca división provincial imposta polo centralismo español dende 1833.
Pois ben, cando no noso País e no resto do Estado (agás Euskadi) a tendencia cidadá xeralizada é a de suprimirmos as provincias, o Goberno de Mariano Rajoy tenta potenciar as Deputacións provinciais como Administracións para xestionar, convenientemente rebaixados, os servizos públicos locais, en claro conflito coa autonomía local, co autogoberno da nosa Galicia e, o que é peor, coa calidade esixíbel a estes servizos públicos.
E, para rematala, o peor Ministro de Xustiza da historia moderna propón suprimirmos todos os partidos xudiciais de Galicia e concentrar todos os órganos xudiciais en cadanseu Tribunal de Primeira Instancia Civil, Penal, Social e Contencioso-Administrativo de ámbito provincial.
É dicir, concentrar os funcionarios e profesionais todos nas catro capitais de provincia. Canto ás infraestruturas xudiciais modernas que o noso Autogoberno foi construíndo, irían botar silvas ou, no mellor dos casos, reutilizaríanse para outros usos.
Case todos sabemos ou, polo menos, intuímos que a xestión centralizada dos nosos asuntos dende Madrid tende a ser sempre lesiva e ineficiente. Mais desta volta o ministro Gallardón bateu records. Porque esta caste de propostas só se lle ocorren a xentes de poucas miras. Eses, como Gallardón, que cren que España toda vive a carón do Bernabeu, usa o Metro, fala castelán ou gosta das touradas.

A lexislación antiterrorista

Confésolles que nunca acreditei na utilidade nin na xustiza da lexislación antiterrorista. Son dos que creo que cómpre acusar, xulgar e, se é o caso, condenar terroristas ao abeiro da mesma lei que rexe para os restantes delincuentes. Dez días de detención, no canto de tres, constitúen unha barbaridade xurídica. O mesmo que o espallamento dos presos lonxe da súa contorna familiar e vital. Ou o mantemento dese Tribunal de excepción que é a Audiencia Nacional, que sucedeu ao Tribunal de Orde Pública franquista e vulnera, todos os días, o dereito constitucional ao xuíz ordinario legalmente presinalado.
O alto o fogo de ETA é unha realidade obxectiva e a sociedade civil está preocupada por outra caste de problemas. Velaí unha boa oportunidade para derrogar esta lexislación excepcional que, nos últimos anos, lle foi aplicada a varios mozos galegos. É evidente que calquera violencia política non pode xustificarse e ha ser castigada penalmente. Mais o que resulta un grave exceso son as longuísimas penas impostas e a duración da prisión preventiva atendendo á natureza dos feitos, a presunción automática da existencia dunha banda organicamente xerarquizada, o afastamento dos presos de Galicia ou a criminalización das entidades sociais ás que pertencen estas persoas. Porque o feito de que alguén cometa un delito non autoriza para incriminar automaticamente ás entidades sociais e políticas ás que o devandito individuo pertenza, como está a acontecer neste País.
En democracia cómpre perseguirmos o delito por medios proporcionais e compatíbeis cos dereitos humanos. Mais na persecución de determinados actos de violencia política en Galicia -non máis admisíbeis nin menos delitivos polo feito de non causar danos persoais- hai tempo que se sobordou toda medida e proporcionalidade.

A ARRINCADEIRA: Elvira Varela Bao e Arturo Kress
A Coruña homenaxeou, como republicana do ano, a profesora Elvira Varela Bao, que dedicou á súa vida a formar en valores de liberdade, galeguidade e responsabilidade varias xeracións de alumnos, aló no seu San Roque de Afora. Os pais de Elvira, galeguistas e republicanos, sufriron a dura represión que caracterizou o trunfo franquista n’A Coruña. Elvira é nai do grande músico Arturo Kress, autor, entre outras da banda sonora de El bosque animado.

Oligopolio bancario

Non é este o lugar para axuizarmos a xestión da equipa reitora de Pescanova. Mais, por deficiente que esta for, semella que a multinacional galega está a sofrer as resultas da deconstrución financeira deste País, que se levou por diante a independencia do Pastor e a solvencia das nosas caixas. O conto de Pescanova e a realidade do esfarelamento do noso subsistema financeiro apréndenos que só podemos manter as empresas que somos quen a financiar.
E, canda este baño de realidade, enfrontámonos nas nosas cidades, nomeadamente n´A Coruña, co feito da liquidación da meirande parte da estrutura de servizos centrais das nosas entidades financeiras. E co feito do inexorábel avance, a velocidade de cruceiro en só catro anos, cara a irrelevancia financeira deste País e cara a concentración da oferta crediticia española en cinco ou seis entidades, desaparecendo as restantes, mentres que as pemes alemás contan co privilexiado e abondoso financiamento das caixas de aforro de cadanseu länder. Porque Alemaña non creu na receita de concentración bancaria que pariron ZP e Rajoy.
Rolamos, pois, cara a exclusión financeira das empresas galegas. Porque mentres Caixabank e Kutxabank garantirán o financiamento das iniciativas empresariais catalás e vascas, Popular, Santander, BBVA e outros dirixirán a billa do seu crédito ao rego das xoias da coroa do Ibex 35 e demáis sectores regulados que compoñen o capitalismo castizo do BOE. Xa que logo, a economía produtiva galega non terá interlocutor bancario en Vigo, Compostela ou A Coruña.
Velaí a importancia de tronzar as estratexias que poñan Novagalicia Banco baixo o paraugas de Bankia, canda, en menor medida, do éxito da nova andaina do Etcheverría, da Caixa Rural Galega e da eventual integración do Banco Gallego nun grupo catalán ou portugués que respecte a vocación galega desta entidade.
Sen prexuizo de que a Xunta non dubide en propiciar unha Banca Pública galega, de cumprir a mesma. Porque se a banca privada non fornece de crédito ás empresas terá que facelo a banca pública.

O afogo do audiovisual galego

O audiovisual galego entregou os seus premios Mestre Mateo nun ambiente marcado pola crítica de Mabel Rivera e do presidente da Academia do Audiovisual, Antonio Mourelos e da incerteza sobre cando volverán ter traballo na Galicia os que o perderon e canto lles durara aos que o manteñen. Para os que adoitamos comparecer a estes xuntoiros non foi inadvertida a cantidade de ausentes e as historias que outros contaban a respecto da súa situación. Profesionais emigrados ou que malviven con traballos espallados. Galicia perdeu nos últimos dous anos mais de dous mil empregos nas súas industrias audiovisuais e culturais.
Dende a Lei galega do Audiovisual (1999) desenvolveuse discretamente este novo sector. Formáronse centos de profesionais xeralmente recoñecidos. Os cartos públicos investidos retornaron á sociedade multiplicados. Creouse o cerne dunha nova industria. A Axencia Galega do Audiovisual da conselleira nacionalista Ánxela Bugallo xerou ducias de novos creadores e proxectos de emprendemento.
As políticas suicidas de austeridade, combinadas co incremento do IVE do 8 ao 21% están a liquidar o sector na Galicia, canda a edición e as artes escénicas e musicais. Mais pasma a capacidade de reinvención da meirande parte do sector, que segue a xerar produtos de calidade e novas linguaxes a pesares deste proceso de destrución.

A ARRINCADEIRA: Galicia Caníbal
Publicouse hai días que a produtora de Antón Reixa recibiu da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) 140.000 euros poucas semanas antes do cesamento do anterior xerente Juan Carlos Fasero e da súa fichaxe como delegado pola SGAE que preside Reixa. Mais o respecto aos feitos acaecidos esixe coñecermos a información completa. Filmanova investiu en Galicia Caníbal por riba do 1M€, empregando máis de 60 artistas e profesionais (23 deles riba da escena e 40 na equipa técnica e de marketing) dende abril a novembro do 2012. A subvención outorgouse de xeito regrado e automático, nunha porcentaxe sobre o custo investido e xustificado. Na contía concedida influiu tamén a falla de concorrencia, ao non existir solicitudes de subvención elixíbeis desta dimensión no 2012, por mor da crise. Por outra banda, Fasero era xa o candidato do SGAE ao cargo de delegado en Galicia no 2010, moito antes da elección de Reixa.

Anxo Quintana

Pasaron máis de catro anos para acadarmos o relativo consenso de que a foto de Anxo Quintana con Jacinto Rey pertence ás últimas semanas do verán do 2005 no canto do do 2008, onde determinados media de Madrid aínda teiman en ubicala. Faltaban case tres anos para a convocatoria do concurso eólico (marzo de 2008) e case tres e medio para a súa adxudicación (decembro de 2008). Jacinto Rey era un dos principais empresarios galegos, empregando milleiros de traballadores e non enfrontara nin imputación nin dúbida ningunha a respecto da súa honorabilidade.
Quintana demitiu do seu posto na Mesa do Parlamento á metade da pasada lexislatura para se dedicar á súa actividade de internacionalización de empresas europeas, sen que teña nunca prestado servizos, nin ocasionalmente, a empresa ningunha de Jacinto Rey, como temerariamente seguen a afirmar determinados opinantes na capital do Estado. No decurso da súa actividade ninguén pode acusarlle que use ou teña usado as oportunidades que se lle presentaron nas súas tarefas de goberno. Non liscou, xa que logo, facendo uso da porta xiratoria que usaron Aznar, Acebes, Zaplana, Elena Salgado ou González.
Quintana pasea pola rúa como un cidadán normal sen sentir ese rexeitamento que impera contra os políticos. Atopouno, en troques, nunha certa elite financeira e mediática que manobrou para que non repetise no Goberno, se cadra porque a política de transformación tranquila que desenvolvía o galeguismo daquela preocupáballe bastante máis ca determinadas retóricas radicalizantes.
Mais boa parte do nacionalismo creu no relato dos inimigos desta transformación tranquila e pasou páxina tanto a respecto do liderado desenvolvido por Quintana como da propia orientación do nacionalismo como forza de goberno. Pero o mundo, ás veces, da lugar á reparación. E ningunha reparación mellor ca pensar e artellar o galeguismo como forza transformadora e de Poder, artífice da boa gobernanza.

Chamarmos as cousas polo seu nome

Todos, até Louzán, concordamos que Mahatma Gandhi non era filoterrorista. Foi un grande líder, sobre todo político, que obtivo boa parte dos seus obxectivos a medio do emprego dunha metodoloxía de axitación e protesta non violenta, pero dende logo abertamente delitiva ao abeiro do Dereito Penal vixente, na altura, na India británica.
Hai anos, unha protesta local dirixida contra o PXOM proposto polo alcalde Caballero interrompía unha conferencia do, na altura, vicepresidente Anxo Quintana na vella reitoría do Areal da universidade viguesa. A actitude dos manifestantes era moi agresiva e ameazante e mesmo a Policía autonómica tivo dúbidas sobre suspender a palestra ou disolver aos manifestantes. En último de contas, a actitude de tranquilidade e de diálogo permitiu que os manifestantes (un deles, sen pensar ben no que dicía, viña de ameazar de morte a quen isto escrebe) depuxesen a súa actitude e permitisen continuar o acto. O segredo foi non botar man da forza e darmos a cara para escoitar respectuosamente á xente.
Algo semellante vén de pasar no conflito das preferentes entre a actitude intelixente do alcalde de Moaña fronte á represiva da alcaldesa de Sanxenxo ou á medoñenta do alcalde de Ponteareas. Porque até o Ministro do Interior ha recoñecer que ás mobilizacións a prol dos afectados polas preferentes vai a xente común. Vai a xente que emigrou ou traballa arreo para quitar a familia adiante e estudar os fillos. Van os aforradores galegos, obrigados por lei a financiar o saneamento bancario. Ben dicía o mesmo  Santo Tomé –do que non se pode dicir que fose antisistema- que a lei inxusta non obriga.
É lóxico, entón, seguirmos a falar dos problemas destes aforradores -ou dos cidadáns desafiuzados por mor dunha normativa procesual declarada contraria aos dereitos dos consumidores polo Tribunal da UE- no canto de nos fixar no xeito que protestan Ada Colau ou as Plataformas galegas de afectados, sempre que sexa por medios pacíficos, como foi até de agora.
Gandhi dixo que os resultados da non violencia marabillan mesmo aos que a practican. Velaí a necesidade de que os seus axentes coiden da continuidade das súas protestas por estes medios pacíficos para seguir investidos da lexitimidade da que desfrutaron até agora.