Aeroportos e localismos

O balbordo continuo dos tres localismos, agravado polas opinións parciais dos Clubes Financeiros de Compostela e Vigo e pola disputa interna no PP santiagués sobre a paternidade do novo voo a Estambul de Turkish Airlines (un voo que habería atribuír moito máis á potencialidade de Inditex que á política turística das nosas Institucións), xustifica insistirmos, outravolta, nalgunhas realidades sobre o país que temos e sobre que servizo aéreo precisamos.
Galicia ha integrar as súas infraestruturas nun único sistema aeroportuario. Mais esta integración require dunha política común de especializacións, complementariedades e, xa que logo, atracción de compañías, mesmo a medio de subvencións que haberían ser xestionadas conxuntamente. Pola contra, os tres aeroportos precisan de autonomía na xestión dos seus propios servizos, porque a centralización de AENA é ineficiente e prexudicial para as oportunidades da empresa galega. Xa que logo, o modelo futuro require dunha concepción local autónoma que lle encomende o día a día dos aeroportos aos concellos e sociedade civil da área de cadanseu aeroporto, nun esquema participativo de colaboración público-privada.
E logo está a especialización. Se decidimos que Vigo é o aeroporto cara París, A Coruña cara London-Heathrow ou Compostela para o hub británico de Stansted (que garante, dende a flexibilidade e comodidade dun pequeno aeroporto a interconectividade galega con ducias de cidades europeas), temos de prover unha conectividade total do País co avión de que se trate. E para isto cómpre garantir unha comunicación frecuente por bus coas outras cidades. Nun prazo indefinido, haberemos definir que remuda aeroportuaria implicará un novo mapa ferroviario que, polo de agora, nin está nin se agarda por el.
Hai quen defende pechar Alvedro e Peinador. E, outros, Lavacolla. Mais, ao día seguinte de pechar esa/s infraestrutura/s, van chegar mellor turistas e viaxeiros galegos a cadanseu destino? Alguén está a pensar na importancia da carga e da súa conexión cos nosos portos?
Para falarmos de aeroportos compre arrumbar os localismos. Mais, para lle garantir a todos que non han sufrir prexuízos, cómpre que a Xunta asuma xa as competencias da xestión aeroportuaria e defina, dende unha ampla participación cidadá, territorial e do coñecemento de expertos, o terreo de xogo.

Aznar nas dez de últimas

A definición aznarista vai moito máis aló ca unha chamada de atencion a Rajoy. Abrolla unha rebelión no PP estatal que só a maioria absoluta do actual líder popular é quen de aturar. O problema chámase negocio. Nunha realidade de crise económico-financeira estrutural é absolutamente lóxico que os axentes económicos, sociais e políticos adopten medidas para expansionaren as súas achegas. E estas vanse referir, sen dúbida ningunha, aos seus intereses. Cando fallan outra caste de negocios, a sanidade, a educación e os servizos sociais que xestionan as nacións e rexións do Estado español son unha boa oportunidade. Canda as pensións públicas.
Rajoy é consciente da xogada e, logo de moito pensar arredor, decidiu xa que a axenda ideolóxica do Partido apareza en escea. Porque e quen de ver a realidade dunha organización deprimida e desconcertada, que esixe resultados senón económicos (pouco menos xa que imposíbeis) políticos. Esperanza Aguirre, Ignacio Gonzalez e outros líderes extremistas falan, abertamente e a tutti quanti, das bondades dunha substitución no liderado do PP para “salvar España”.
Mentres, as nacións do Estado miran con medo e prevención un proxecto lexislativo (lei de réxime local, lei da suposta unidade de mercado, LOMCE educativa) que xera fonda desafección en Catalunya, Euskadi e, seica, en Galicia. Mais Aznar depréndenos que a cuestión, sendo ideolóxica, alíñase nos esforzos dos seus amigos das empresas intervidas do IBEX 35 para obter aínda máis beneficios da degradación dos servizos públicos. Semella que á Galicia non lle vai nin lle ven nesta andrómena. Porén, seica case todos os Gobernos están na man do Partido que discute entre o peor e o malo. Partido que comeza a sofrer o esgazamento dunha maioría absoluta filla da demisión fáctica da antiga equipa socialista. Socialistas que non son quen de xestionar as abdicacións do seu programa que ZP fixo en maio de 2010 e máis as convencións do pacto de reforma constitucional que Rubalcaba asinou con Rajoy no outono de 2011.

Carga de dignidade

A dependencia do Goberno do Estado sempre lle xerou desgrazas á construción naval civil ferrolá. A salvaxe reconversión de Felipe González reduciu os empregados de Astano-Fene de 6500 a uns 1000, mentres priorizaba os estaleiros de Sestao e Puerto Real, a pesar de que Astano era o máis experto e eficiente. Pola súa banda, Aznar pactou sen decoro ningún a prohibición da construción naval civil até 2015 da factoria fenesa para garantir o saneamento da débeda de 1200 M€ de Navantia, xerada entre 1999 e 2004 pola ineficacia andaluza e cartaxeneira, xa que Navantia-Fene estaba inactiva na altura.
Esta prohibición impediu a única iniciativa da Xunta (a do vicepresidente Anxo Quintana e do conselleiro Fernando Blanco no 2006) nestes trinta anos para lle dar carga de traballo aos activos ociosos de Navantia-Fene. Impediu que esta puidese construir barcos, a pesar de se tratar dunha actividade na que estaba preparada para concorrer internacionalmente.
A suicida dependencia de Madrid neste eido non leva a ningures. Velaí a boa idea dos promotores da plataforma cidadá ferrolá “Rumbo 21”: compre segregarmos Navantia-Fene e artellala a xeito de empresa pública galega aberta á entrada de capital privado, no marco da consideración da construción naval como estratéxica para Galicia, que fixou a Lei galega de fomento do sector naval de 2010.
Mais esta independización da empresa non garante soa o éxito no relanzamento da construción naval en Ferrol, que require da continuidade da acción cidadá do cadro de persoal de Navantia-Fene e dos axentes sociais de Ferrolterra canda as Administracións Públicas para a construción do dique flotante e a inmediata fixación dun marco xurídico-financeiro (“tax-lease”) viábel.

A ARRINCADEIRA: Unha nova política portuaria
Os pobres resultados acadados do grandisimo investimento feito no peirao exterior coruñés poñen o foco na falla de eficacia e profesionalidade dos seus dirixentes politicos. Cómpre rendibilizar este investimento no contexto da apertura inminente da Canle de Panamá, porque Galicia é central no tránsito maritimo entre América e Europa. Mais precisa asumir a xestion duns portos que España non sabe xestionar e, no caso da Coruña e Ferrol, fusionar a súa administración nunha Autoridade conxunta.

Ensino centralista e elitista

Patente a súa falla de ideas e incapacidade no eido da economía, o Goberno do Estado tenta substituílas contentando no político os sectores máis extremistas do seu electorado. Velaí as súas iniciativas sobre Poder Xudicial, aborto, réxime local e, agora, o proxecto de lei de modernización da calidade educativa (Lomce) do ministro José Ignacio Wert.
A proposta, máis ca modernizar ou incrementar a calidade do ensino, está pensada para elitizalo, investindo moitos menos recursos. Establecendo avaliacións (na primaria, fin da educación secundaria obrigatoria e remate do bacharelato) estrañas ás Administracións educativas autonómicas e afondando nos recortes orzamentarios ás bolsas e ao ensino en xeral, elitizará progresivamente o ensino superior, derivando os estudantes dos segmentos populares e das clases medias a outros itinerarios que impedirán toda promoción social.
Neste senso, o proxecto é moito menos incluínte e cohesionante socialmente cá Lei Villar Palasí do ano 1970 e, xa que logo, lembra a normativa do franquismo, reflectida tamén no cómputo da relixión para efectos de avaliación do aproveitamento na concesión das bolsas.
O outro vector que nos retrotrae ás épocas predemocráticas é a recentralización do ensino ou “españolización”, como dixeron explícitamente Wert e implícitamente María Dolores de Cospedal.
Seica o Estado non ten para bolsas nin para reformar a Formación Profesional (FP), mais terá para lle pagar os colexios privados aos que queiran estudar en castelán (fará o mesmo coas familias que queren unha praza de ensino infantil en galego?). E definirá contidos comúns nas materias troncais (50 por cento do horario lectivo), reducindo a marxe da Xunta para estruturar os seus contidos educativos.
A educación ten que garantir curricula compatíbeis no espazo europeo. Mais no pacto constitucional e estatutario de 1978-1981, definiuse como materia basicamente de competencia galega, catalá e vasca sen prexuízo da garantía dos dereitos fundamentais e do seu financiamento público.
Velaí o acerto da definición da consellera catalá de Ensino, Irene Rigau (CiU): “o proxecto é predemocrático e inexecutábel”.

A caída do bipartidismo dinástico

Os últimos inquéritos reflicten o estado de ánimo electoral que tamen se percebe na rúa. Nunca na historia demoscópica coñecida existiu un Goberno do Estado que xerase máis desconfianza cara o seu Presidente e máis rexeitamento cara a xestión de todos e cada un dos seus Departamentos. O que non é chocante, non só polo absoluto fracaso gubernamental na xeración de emprego e crecemento e polo seu grave incumprimento do seu contrato electoral, senón pola actitude asocial, anticidadá e mesmo “freaky” de ministr@s como Gallardón, Wert, Ana Mato, Margallo, Montoro ou Fernández Díez. Este Gabinete é a proba definitiva de que os marcianos existen e habitan entre nós.
Rechamante tamén é o destrago das expectativas electorais do PSOE, moi comprensíbel se atendemos ao xiro a prol das politicas de recurte social e económico de ZP en maio do 2010 e ao pacto de Rajoy e Rubalcaba en setembro do 2011 para unha reforma constitucional “express”, case clandestina, que priorizou en diante o pagamento dos xuros e amortizacións da débeda sobre calquera outro gasto público. Tamén sobre o sanitario, social ou educativo.
PP e PSOE procederon hai máis de trinta anos á ocupación e partidización de institucións como o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Tribunal Constitucional ou o Tribunal de Contas, ao tempo que tentaban converter a democracia española nunha alternancia bipartidista afastada dos parámetros de transparencia, participación e renovación que esixe o propio sistema democrático.
Velaí a fondura da actual crise institucional, que abrangue tamen ao propio Xefe de Estado. Quen sempre ollou cara outro lado diante da praxe cotiá deste bipartidismo dinástico. Porque só dende eses valores de participación e transparencia, xunto cos de inclusión e cohesión tamén esquecidos, é posíbel rexenerar a convivencia democrática dende dentro e evitar a sua traumática liquidación.

A ARRINCADEIRA: É de xustiza
A Irmandade Xurídica Galega, integrada por centos de avogados, maxistrados, xuíces, fiscais e funcionarios, celebrou a súa Asemblea anual. Dixo no acto o profesor Gómez Segade: “tanta xente comprometida co galego ten que se notar xa na galeguización da xustiza”.
Usar a nosa lingua na Xustiza non pode xerar nin atrasos, nin ningunha caste de prexuízo, mesmo indirecto, para o cliente ou para o profesional.

O dereito a decidir

A democracia baséase no dereito a decidir. Dende os investimentos en Vista Alegre, Baio ou Brión até partillarmos un proxecto futuro cos portugueses ou cos cántabros. A vontade da cidadanía é quen máis ordena. E os referendos constitucional do 1978 e estatutario do 1980, con ser moi decisivos, non poden ser definitivos para todas as xeracións que non tivemos a oportunidade de votalos.
Non, vivimos xa outros tempos. Cómpre distribuirmos o custo da crise entre a cidadanía e iso só é posíbel se somos quen de lle darmos capacidade de decisión. Mais non só a medio dunha (ou varias) votación/s cada catro anos, senón dun conxunto de técnicas democráticas que farán posíbel o dereito a decidir.
E o máis próximo e aquelado é recuperarmos esa sinxela e sólida democracia suíza, que apela cada pouco aos referendos cidadáns. Sen nos esquecer daquel referendo revogatorio de metade de lexislatura que o grande galeguista e estadista Castelao defendía xa no 1933. E das candidaturas abertas, compostas de cidadáns escollidos dende a sociedade civil en primarias nas que voten, canda a afiliación dos partidos, os seus simpatizantes e cidadáns que queiran partillar ese evento, dende a adhesión ao seu ideario.
En último de contas, o dereito a decidir inclúe o de escollermos, xa que non á familia, aos socios, amigos e compañeiros de viaxe. E velaí o pouco sentido xurídico e grande significado político da suspensión do Tribunal Constitucional ao suspenderen a declaración de soberanía acordada por máis dos 2/3 do Parlamento catalán. Porque cando unha cantidade tal de representantes do pobo dín “xo” no canto de “arre”, a desafección cidadá cara España é un grave problena que non se resolve mirando cara outro lado ou predicando perfís baixos. Se queren marchar, quen os vai parar?

Tres aeroportos para un país

Os aeroportos galegos son un bo exemplo de como esa catástrofe chamada AENA xera ineficiencia e división entre galegos. AENA é a Administración aeroportuaria máis centralizada e ineficaz da Europa. Compre pois, a transferencia á Xunta dos aeroportos, reservándose o Estado o control do tránsito aéreo no marco da UE.
Mais a futura Administración aeronáutica galega non poderá incorrer no mesmo erro de AENA. Hai que descentralizar a xestión aeroportuaria. Os servizos (aparcadoiro, handling, restauración…) poderíanse xestionar por tres Consorcios público-privados autónomos, liderados pola Xunta e cadanseus concellos e nos que se integren os axentes sociais principais de cadansúa área urbana.
Dende estes alicerces, a captación de voos debería ser coordinada. E as subvencións haberían ser decididas pola Xunta co sentido de país e equilibrio de servizos, por proposta dos concellos e operadores económicos e evitando contraprogramacións suicidas. Neste contexto sería posíbel certa especialización aeroportuaria, sempre que nos decatemos que os tres aeroportos están comunicados deficientemente co resto do territorio galego. Xa que logo se decidimos, por exemplo, que o aeroporto “x” monopolice a interconectividade galega coas Illas Británicas, ha existir, coma en Irlanda, un servizo frecuente de bus-lanzadeira que comunique ese aeroporto coas outras cidades, sexa cal for a remuda normativa que cumprise.
Os aeroportos serven para conectar Galicia co resto da Europa, nomeadamente para garantirmos unha ampla e conveniente achega de turismo destes países e do resto do mundo. Cumpriría decatármonos que este, o turismo, é o obxectivo principal e non, pola contra, as conveniencias do pequeno grupo de galegos que usan decote os aeródromos.
Nos aeroportos, como en tantas outras cousas, o problema chámase centralismo. E o centralismo chama polo localismo e pola ineficiencia. Galicia ten que xestionar a súa política aeroportuaria e esta basearse nos seus tres-si, tres- aeroportos.

Reestruturarmos o Estado

O novo Goberno italiano suprimirá as provincias, ao considerar que son unha estrutura administrativa antiga e caduca, despois da xeneralizada rexionalización italiana. Mentres, o Goberno de Rajoy potencia as deputacións co obxecto de nivelar por abaixo a prestación dos servizos nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
É evidente a necesidade de reestruturarmos o Estado para aquelar unha estrutura administrativa do século XXI. Na sociedade do email, da xestión de dados accesíbel a distancia e da videoconferencia a Administración periférica do Estado (delegado e subdelegados do Goberno, etc.) está de máis. A provincia tamén, xa que foi unha estrutura de administración territorial do XIX que non ten sentido dende a implantación, no 1982, da Administración autonómica, coa que xera duplicidades que supoñen desbalde de cartos públicos e disfuncións na xestión, cunhas deputacións pouco transparentes e orientadas á discriminación política das alcaldías pola súa cor política.
E en Madrid outro tanto. Segue a haber ministerios e secretarías de Estado (Sanidade, Igualdade, Vivenda, Turismo, Cultura, Educación, Deporte, Medio Ambiente…) que tamén están de máis por duplicar estruturas da Administración competente –a autonómica, polo menos no noso país–. Moitos están cheos de ordenanzas, conselleiros técnicos e subdirectores e directores xerais: nin hai ordenadores nin teñen quen escreba. Nun Estado estruturado de xeito moderno, en rede, ao xeito do século XXI, abondaría coa metade dos actuais ministerios.
Polo demais, cumpriría outorgarlle o monopolio da execución á Xunta e aos concellos e recoñecer que só ao Poder Galego lle correspondería a competencia de organización e réxime local, co obxecto de aquelar as reformas territoriais precisas para unha xestión eficiente da gobernanza e dos servizos públicos.