A síndrome de Sergi Arola

En todos os países civilizados as empresas que non pagan os seus impostos sofren diversas represións e penalizacións xurídicas. Mais as Administracións tributarias adoitan mirar de manter a xeración de recursos para garantir o mantemento da actividade e do emprego que, en último de contas, garantirán a recadación fiscal futura, agás situacións extremas nas que a inviabilidade empresarial determina a embargabilidade dos seus activos de xeito separado como xeito de satisfacer, polo menos, unha pequena parte da débeda. Dende hai pouco máis dun ano a Axencia tributaria estatal preocúpase só por garantir a recadación deste mes e do mes seguinte e non mira de xeito ningún pola supervivencia das empresas que compoñen o tecido produtivo. Cada vez son máis frecuentes os casos de empresas que propoñen e aboan importantes pagamentos mensuais e non acadan, malia este grande esforzo, a consolidación dun plan de pagamentos aprazados que evite a actuación dos embargos. Das resultas deste proceso moitas teñen pechado as súas portas e xa non xerarán actividade económica nin emprego. Tampouco IVE nin impostos directos.
Mais a Axencia Tributaria estatal semella que non ten máis ladaíña que lle comentar aos pequenos e medianos empresarios, como ven de nos transmitir lle dixeron ao empresario hostaleiro Sergi Arola, logo de sofrir o embargo da súa adega de viños e restaurante e, xa que logo, do paralisamento da súa actividade: “Si no puede pagar, cierre”. Señores da Facenda estatal, se esta é a súa receita seguirán a pechar milleiros de empresas. Velaí a ruína de moitas pemes mentres a grande empresa desfruta dunhas exencións no Imposto de Sociedades que lle permite pagar cantidades mínimas polo devandito Imposto. Mentres os patrimonios das sociedades de investimento mobiliario (SIMCAV) tributan ao 1%. Mentres esta actuación recadatoria está a lle pechar toda saída aos que crean o emprego e a riqueza. É a síndrome de Sergi Arola. Que agora, ao xeito desta España cañí, pasará de ser o grande restaurador español ao grande debedor fiscal catalán.

Condenarmos a violencia

A violencia política de baixa intensidade non existe. Pór unha bomba é sempre un acto de violencia e terror, aínda cando se procure non causar vítimas persoais. Porque, logo de encetares ese xogo, non é doado botar a marcha atrás. Velaí que as manifestacións de Beiras, alcumando aos catro imputados galegos por terrorismo de “anoxados”, rifen con toda consideración aos valores democráticos e á prudencia política. Diante da violencia política (como da machista ou da xerada polos cárteles da droga) non é posíbel a equidistancia. Só a condena inequívoca e incondicionada.
O que non quita para rexeitar o oportunismo do PP ao pór o foco sobre unha violencia política que non constitúe, arestora, motivo ningún de preocupación para a cidadanía galega. Que si vive con grande anguria o desemprego e a falla de impulsos ao crecemento, o deterioro na educación e na sanidade públicas, a ameaza ao sistema público de pensións ou as agresións ambientais do pouco pan para hoxe e moita fame para mañá.
E tampouco quita para analisarmos a resposta xudicial e policial a respecto desta caste de condutas e atoparmos disfuncións e ilegalidades. Os tempos de prisión preventiva semellan manifestamente longos de máis, impropios das limitacións constitucionais que considera esta de aplicación moi restritiva e nunca como pena anticipada. O afastamento dos presos de Galicia atenta contra do recoñecido principio de Dereito penitenciario de que os presos permanezan preto de cadansúas familias e contornas. Para seguirmos co axuizamento da Audiencia Nacional, que é un Tribunal especial totalmente alleo ao principio constitucional do xuiz ordinario predeterminado pola lei. Non por acaso, a Audiencia Nacional sucedeu, no 1977 e sen solución de continuidade, ao Tribunal de Orde Publica franquista.
Cómpre falarmos, tamén, de que as persoas a xulgar son inocentes até que non se decida o contrario nunha sentenza definitiva. Mais nada poderá xustificar a desubicación política e mesmo axiolóxica (nesta cuestión) de X. M. Beiras nin o oportunismo tacticista do PP ao plantexar este debate para dividir á sociedade e agachar os problemas– e mesmo determinadas agresións á cidadanía- verdadeiramente importantes.

Unha contrarreforma política

Di ben o profesor Pablo González Mariñas que a reforma administrativa suxerida no informe Sainz de Santamaría (aprobado antonte polo Goberno Rajoy) non é tal, senón unha xenuina contrarreforma política. Porque a existencia de duplicidades, ineficiencias e gastos inúteis é evidente. Mais a súa orixe non foi a devolución do autogoberno a Galicia, Euskadi e Catalunya, senón, nun primeiro momento, a xeneralización do “café para todos” (teñen que xestionar Murcia e Extremadura cadanseu servizo de saúde?) e, dende Felipe González, a conservación a mantenta das estruturas do Vello Réxime: Deputacións (só coa súa supresión gañaríamos 22 M €, ben máis ca os 8 M€ de aforro que disque xeraría esta reforma), Gobernadores Civís (hoxe os prescindíbeis Subdelegados e Delegados) e órganos administrativos centrais (Educación, Cultura e Deporte, Sanidade, Medio Ambiente, Turismo) sen sentido ningún dende a transferencia das súas competencias ás Administracións autonómicas.
No canto da supresión de duplicidades e aforro de recursos a medio da Administración única (que sexan os concellos e as autonomías as que executen e xestionen, suprimindo a metade dos Ministerios, os Delegados e Subdelegados do Goberno estatal e máis as Deputacións), a Rajoy ocórreselle ameazar aos galegos con novas restricións aos servizos públicos senón suprimimos o Consello de Contas (Institución estatutaria que, por sorte, precisa dunha improbábel reforma da nosa Norma Institucional Básica para a súa desaparición), o Valedor do Pobo e algúns deputados.
É dicir (outra vez nas acertadas verbas de Pablo G. Mariñas), Rajoy quere menos control político -menos Parlamento-, social –fóra Valedor–, e económico -fóra co Consello de Contas-. E non se nos diga que se pode facer o mesmo dende Madrid, porque todos sabemos que non é operativo nin eficiente. Mesmo non é posíbel. Non estamos diante dunha reforma que percure máis eficacia. Estamos diante dunha contrarreforma política que quere voltar á fallida centralización secular. Á exclusión do noso autogoberno. Á nosa inviabilidade como proxecto de vida en común.

Partidos e sociedade civil

A depresión económica decatounos das grandes feblezas do noso sistema político-institucional. De que o emperador ía espido. Grande parte destas gravísimas disfuncións teñen a súa orixe na ocupación das institucións polas elites populares e socialistas, nunha caste de bipartidismo dinástico, xa que foi reforzado pola complicidade da Monarquía borbónica. Esta crise viuse amplificada polo espallamento en tempo real das novas, resultado das novas tecnoloxías mais tamén da lóxica da Grande Depresión: no malestar xeral é moi difícil agachar as evidencias e calar as protestas.
Isto explica a extrema falla de adaptación do PP e PSOE ao novo paradigma. E a súa desesperada loita lampedusiana para tentar aparentar reformas cando en realidade queren que nada mude. Porque cómpre enxergar os signos dos tempos. A loita antifranquista non é máis ca unha curiosidade histórica para todos os que non puidemos votar esta Constitución. A cidadanía espertou e quere incorporar na axenda reformas institucionais inaprazábeis: máis proporcionalidade, candidaturas abertas adoptadas coa participación da cidadanía, candidaturas limpas, esixentes regras de transparencia, novos xeitos de participación. A onda mesmo lle chegou, no noso país, a Anova, que houbo seguir a rota de CXG e asumir candidaturas abertas reais, que abren os órganos partidarios ás minorías e evitan o dirixismo das burocracias partidarias.
A sociedade civil vai levar por diante, tamén, algúns dos seus axentes supostamente representativos. Como a CEG. Alguén pode pensar que esta representa verdadeiramente aos empresarios deste país? Mais os sindicatos tampouco ficarán á marxe deste “tsunami” cidadán, que ten a virtude de nos lembrar que ninguén pode gardar o viño novo nos pelexos vellos.

O .gal, o dominio da Galicia
O ICANN, organismo regulador da Internet, ven de abrir a porta para o dominio galego (.gal). Foi un traballo apartidista, estruturado precisamente no seo da sociedade civil. Un proxecto de país. O .gal abre grandes posibilidades de promoción cultural e exterior para a noso país e cultura e, xa que logo, moitas posibilidades económicas e empresariais. Ogallá avaliemos este instrumento polo que custou e polas súas potencialidades. O .gal é o recoñecemento mundial por sermos diferentes.

A nulidade das cláusulas solo

O Tribunal Supremo ven de adoptar unha decisión das que reconcilian co Estado de Dereito, coma a do Tribunal da UE a respecto dos despexos ou as de ducias de Xulgados galegos declarando a nulidade da venda de híbridos financeiros (preferentes e subordinadas). O TS ven de declarar, baixo determinadas circunstancias, a nulidade das chamadas “cláusulas solo” que fixan un mínimo para o tipo de xuro do préstamo hipotecario, malia que se pacte este variábel e referido ao Euribor. Esta caste de cláusulas constituiu, canda a venda masiva dos híbridos financeiros e a abusiva imposición de comisións (mantemento, reclamación de posicións debedoras…), unha das grandes fontes de ingresos abusivos da Banca. Porque o financiamento do saneamento bancario foi e está sendo custeado polos aforradores. Velaí as quitas dos híbridos financeiros vixentes dende mañá, só anulábeis a medio da demanda xudicial ou da arbitraxe. Cómpre prever que esta decisión xudicial (só executiva, polo de agora, para NCG Banco, BBVA e Cajamar) acade níveis moi altos de xeneralización e redistribúa importantes cantidades a prol dos debedores que non recebiron unha información a xeito do funcionamento desta caste de cláusulas. Por outra banda, a legalidade das mesmas non só se ha basear nesa información transparente e veraz, senón na funcionalidade contractual da cláusula. Estas poderían ter un sentido nos anos 90 do século pasado, cando viñamos dun contexto de tipos de xuro altos, mais non no 2002-2007, nunha conxuntura sostida de tipos de xuro baixos. Vivimos tempos nos que moitos dos nosos xuíces están a reivindicar a súa independencia e unha aplicación do Dereito axeitada á realidade social duns consumidores de produtos financeiros inertes nas mans da Banca. Porque se polas forzas do bipartidismo dinástico (PP-PSOE) for non estarían na axenda social nin os despexos nin a dación para pagamento. Tampouco as preferentes nin as cláusulas solo.

Unha educación para ricos

A educación universal e de calidade é condición necesaria para garantirmos unha relativa igualdade de oportunidades que faga inclusiva e aturábel a convivencia social. Dende a Lei de Educación de 1970 e, nomeadamente, dende a xeralización do sistema de bolsas, medrou substancialmente a achega de alunos das clases medias e traballadoras ao ensino superior e, canda ela, a mobilidade social.
O proxecto Wert tenta revertir este proceso de mobilidade e inclusión, voltando a un ensino superior reservado ás clases privilexiadas, con certas concesións ao estudo de persoas moi brillantes a medio de bolsas. Velaí que no futuro sistema do PP poidamos aprobar cun 5, mais teñamos que acadar un 6,5 para obter ou anovar a bolsa, estruturada como unha excepción para “rapaces pobres con aproveitamento”.
Non existe un dereito absoluto a desfrutar indefinidamente de bolsas sen aproveitamento nin a accedermos ao ensino superior. Do que se trata é de garantirmos que os menos privilexiados vexan removidas as chatas habitacionais, culturais e mesmo alimentares para o seu acceso aos níveis educativos, sen que esas chatas sexan unha barreira infranqueábel. E de propiciarmos esa mobilidade social inseparábel da democracia.
O proxecto Wert limita moi substancialmente as bolsas e tenta desincentivar o acceso dos estudantes menos privilexiados ao ensino superior, agás os máis dotados intelectualmente. Na Galicia haberá reválidas nas que empresas contratadas polo Ministerio van corrixir …os resultados educativos da Xunta de Galicia! Unha caste de señores de negro que cumprirán o plan de converter o ensino máis nun instrumento de adoutrinamento ca de cohesión social e preparación intelectual.

A ARRINCADEIRA: Galicia Bilingüe na Academia de Belas Artes
Galicia Bilingüe ven de presentar a súa revista na sede da Academia Galega de Belas Artes, nun acto partillado polas Presidentas de cadansúas entidades. Esquecen a Presidenta Goicoa e demáis colaboradores de quenda que, no eido lingüístico, a autoridade é a Real Academia Galega. Unha Corporación de Dereito Público, que lle debe a súa sede e financiamento ás Administracións Públicas, non pode secundar teses de parte e menos as dun grupo que disinte de xeito radical dos valores de consenso lingúistico do Estatuto de Galicia.

Aprendermos a historia de España

Disque os pobos que descoñecen a súa historia condenados están a repetila. Velaí un bo motivo para coñecermos a historia do noso País e da nosa contorna. E, se falamos desa realidade plurinacional chamada España ou do Estado español, cómpre coñecermos de onde vimos. Porque a historiografía oficial contounos unha pauliña, deseñada por Menéndez Pelayo e outros historiadores de quenda, que insistían moito en que nin cataláns, nin vascos nin galegos tiveran nunca Reino de seu nin foran autónomos de xeito ningún.
Esta teoría descoñece que Catalunya constituiu o nervio e referente fundamental da Coroa de Aragón, integrada polo pacto federativo entre o Principat catalán e os Reinos de Aragón e Valencia. Foron os cataláns os que conquistaron Sicilia e Sardeña e os que sobrancearon na reconquista valenciá e exclusivizaron a reconquista das Illes Balears, explicándose así que estes territorios falen variantes do catalán.
Pola súa banda, o reino de Navarra (fundado no século IX polo rei vasco Eneko Aritza) perviviu independente até o 1512 e nucleouse en torno a un eixo pirenaico-euskaldun que integraba Iparralde, Gipuzkoa e a actual Navarra.
Galicia foi a potencia hexemónica do chamado pola historiografía española reino astur-leonés. E Compostela e o camiño xacobeo déronlle sentido e contido a este reino occidental, no que os reis escolleron Oviedo e, despois, León como sedes periféricas e excéntricas que tentaban substraerse da influencia da omnipotente Mitra compostelá e da nobreza galega. Os reis galegos Fernando II e Afonso VIII repoboaron os portos e cidades de Baiona e A Coruña, reconquistaron Extremadura e sinalaron o apoxeo deste reino hexemonizado por galegos, até que a súa Coroa se uniu persoalmente á castelá con Fernando III de Castela, marcando o comezo da nosa decadencia.
Esta historia española agachouse. Até o extremo de que calquera cidadán do Centro peninsular pode pensar na irrelevancia de galegos, cataláns e vascos no proceso de conformación da historia peninsular. E dos descoñecementos sempre xurden malquerencias, tirapuxas e mesmo xenreiras.

Falemos de emprendedores

Bo sería que Galicia for o país europeo onde máis doado fose fundar unha empresa, respectando sempre á legalidade administrativa, ambiental, fiscal e laboral. A dereita e a esquerda españolas nunca miraron pola empresa. O capitalismo español foi historicamente un capitalismo alicerzado no BOE e esta situación non mudou, mesmo afortalouse, coas privatizacións de Felipe González e Aznar-Rato, que consolidaron un núcleo de empresas reguladas e moi politizadas, que sobrancean no IBEX 35 canda bancos e distribuidoras eléctricas.
Mais detrás dalgunhas propostas pro-emprendemento empresarial agáchase unha trampulleira maquillaxe das porcentaxes do desemprego para reduciren as prestacións. Non se lle pode propor a ninguén, con só 3000 euros de axuda e unha cota de SS de 50 €/mes algún tempo, que emprenda un proxecto empresarial para o que non conta con formación nin vai contar con financiamento. A aventura remataría nun ano coa expulsión do mercado dese falso autónomo, seica lastrado cunha débeda importante sobre o seu patrimonio e o dos seus máis próximos.
Promover o emprendemento obriga a outra caste de políticas. Obriga a moderar as cotizacións da SS para as pemes e a só percebir o IVE destas cando se cobre. Obriga a fornecer de instrumentos de formación empresarial continua que permitan coñecer os mercados e albiscar as oportunidades. E, nomeadamente, debe fomentar colaboracións e sinerxias entre emprendedores. Sós non podemos, ao mellor con socios si. E a economía social, coas súas cooperativas e sociedades limitadas laborais, estase a revelar como un eixo transversal que destrúe moito menos emprego que a grande empresa capitalista, por exemplo. Estase a revelar como un muro á destrución de emprego, polo menos na nosa Galicia.
Promovermos o emprendemento, si. Mais sen nos enganar con falsas cadraturas do circulo.

A ARRINCADEIRA: O absurdo localismo
O descenso non ten doada solución, agás confiar nunha nova equipa alicerzada no adestrador -Fernando Vázquez- que nos devolveu a ilusión e nesta afección, a mellor da Europa. Parabéns ao Celta, que demostrou ter unha afección maioritariamente galega e deportiva, agás excepcións lamentábeis.

A ruptura do pacto social

O Banco de España non foi quen de cumprir a súa función supervisando a estabilidade do sistema bancario, mais semella que ten vagar para propor contratar por baixo do salario mínimo profesional. A Comisión do Mercado de Valores considera que a meirande parte das entidades bancarias comercializaron a xeito as preferentes e subordinadas, descoñecendo as evidencias que demostran a súa neglixencia e mesmo complicidade no perverso financiamento de boa parte do saneamento bancario polos aforradores das clases medias e traballadoras. A Comisión de expertos nomeada “ad hoc” por Rajoy propón graves recortes nas pensións públicas a devengarmos no futuro, beneficiando nidiamente ao sector asegurador privado ao que pertence a maioría destes expertos.
Os europeos acadamos a mediados do século XX un pacto social: o mercado sería corrixido por mecanismos de inclusión e cohesión social que garantirían a todos uns níveis de subsistencia digna, unha pensión pública, quer contributiva, quer asistencial, e unha sanidade e educación universais e gratuítas, nun marco equilibrado de relacións sociais que evitaría a loita de clases. Este é o pacto social que definiu o noso sistema político e socioeconómico baseado na libre empresa, na intervención correctora pública e nun Estado de benestar alicerzado na provisión duns servizos públicos de calidade.
Velaí, xa que logo, o perigo que deriva da ruptura dos pactos ou convencións que garantían este equilibrio mixto da cohesión e inclusión social. Porque a ditadura do capitalismo financeiro é tan allea a este sistema como as solucións da extrema esquerda dogmática. Tensar tanto a corda pode xerar unha reacción cidadá que mesmo imposibilite a rexeneración democrática dende as bases que coñecemos. Ou, dito doutro xeito, que uns antisistema lle abran a porta aos outros.