Os emigrantes galegos pagan a crise

Cae o mito de que Galicia vive da solidariedade estatal. O aforro galego pagou o saneamento bancario a medio da quita das preferentes e subordinadas, das comisións abusivas e das cláusulas adoito. Agora, é o ministro Montoro quen lles esixe aos emigrantes galegos retornados que cobran dúas pensións as cotas IRPF atrasadas dos últimos catro anos, con cadanseus xuros de demora do 4% anual e sanción do 30 ao 70% da cota omitida.
Unha inxusta lei fiscal fainos pagar aos que botamos acó máis da metade do ano por todo o que gañamos no mundo adiante. O que quere dicir que os emigrantes galegos, cando voltan de Suíza, p. ex., han pagar no Estado español os impostos directos polas pensións que lles paga o sector público ou privado suízo xeradas cos traballos e penalidades vividas aló. Se só cobramos unha pensión menor de 22.500 €/ano non estamos obrigados a declarar. Mais, se cobramos dúas pensións, temos que declarar o IRPF dende 11.200 €/ano.
Calquera persoa que gañe 19.000 €/ano habería tributar o mesmo ca outro que gañe a mesma cantidade e teña as mesmas circunstancias persoais e familiares. Mais se cobro os 19.000 € dunha soa pensión española non terei que pagar IRPF ningún, por estar exento legalmente da obriga de declarar. Xa que logo, esta norma permite un efecto inconstitucional: que uns paguen e outros non a igualdade de rendementos e circunstancias.
Velaí que fronte a esta agresión, os afectados haberían reaccionar seguindo o modelo dos preferentistas: defensa xurídica e mobilización social e política. Defensa xurídica para anular unhas sancións que non se teñen en pé pola ausencia total de dolo ou culpa (a Axencia Estatal até antonte lles dicía que non tiñan que declarar) e mesmo para requirir nun futuro contencioso perante o TSXG a formulación dunha cuestión ao Tribunal Constitucional que poida anular esta lei inxusta e, canda ela, estas liquidacións, malia o desprestixio institucional do Alto Tribunal e o seu Presidente.
E mobilización social e política para esixir a derrogación desta lei discriminatoria e para tomar conciencia de que, coas nosas pensións, coa quita das preferentes ou coa penalización tarifaria que sofrimos por producir enerxía eléctrica, Galicia está a financiar a mala xestión económica española.

“Non imos impoñer unha política de alianzas nos concellos”, entrevista en A Nosa Costa

Reproduzo a continuación a entrevista en A Nosa Costa, o luns 23 de setembro de 2013. O orixinal pode verse aquí.

“O avogado e dirixente de Compromiso por Galicia participou na noite deste luns nunha charla informativa en Santa Comba, promovido por esta organización política, desde a súa agrupación comarcal de Bergantiños, coordinado por Suso Deus Gende. Con anterioridade, Pérez Lema visitou os estudios de Radio Xallas (Radio Obradoiro), onde gravou unha entrevista para o programa Na Encrucillada. Neste encontro nas ondas falou sobre as participacións preferentes, as reclamacións tributarias aos emigrantes retornados e sobre o proxecto de Compromiso por Galicia.
No aspecto político, o dirixente galeguista defendeu o carácter municipalista de CxG e salientou que a diferencia doutros partidos, “nós nunca vamos impor unha politica de alianzas porque é imposible impoñer un pacto en Santa Comba, Carballo ou Cee co BNG ou co PSOE obrigatoriamente “, puxo como exemplo.
Tamén falou sobre dous temas de máxima actualidade, as preferentes e as reclamacións tributarias aos emigrantes retornados.
A entrevista pódese escoitar nesta ligazón, desde o minuto 18 de emisión.
Posteriormente, Pérez Lema participou nunha charla informativa no Restaurante Molesón de Santa Comba. Estivo acompañado polo dirixente da executiva galega, Suso Ares, os coordinadores en Bergantiños e Compostela, Jesús Deus e Anxo Franco e a responsable de comunicación de Compromiso en Carballo, Esther Iglesias.”

Presumirmos a inocencia

A traxedia do crime de Asunta enfróntanos con tres dilemas. O feito irrebatíbel da inseguridade da vida das nosas crianzas, fose cal for o grao de protección ao seu dispor. A falibilidade dos nosos referentes cívicos, mesmo daqueles nosos veciños máis exemplares. E a subordinación de todos os (pre)xuízos de análise fáctica e de valor ao principio esencial da presunción de inocencia. Vivirmos en democracia esixe un respecto ferreño polo imputado, sexa quen for o seu acusador, fosen as que fosen as pegadas primeiras. Do mesmo xeito que unha xustiza adiada é unha xustiza denegada, a xustiza ás presas ou, o que ven ser parello, a lei De Lynch, supón o fracaso do Estado de Dereito. Quere isto dicir que haxa que promulgar normas ou derivar xurisprudencia restritiva do dereito dos medios a informar? Non, o dereito á libre información e á transparencia na transmisión da mesma por parte dos Poderes Públicos son alicerces básicos da confianza democrática. A única regulación posíbel é o sentido da responsabilidade. Agás moi contadas e clamorosas excepcións, que adoitan repenicar modelos de exportación madrileña, os profesionais galegos demostran decote coñecer este principio. E, de todos os xeitos, é preferíbel o risco dos xuízos paralelos ao da noite de pedra do silencio. Mais convén dicir que os imputados pola morte de Asunta son inocentes até que un xuízo xusto, probabelmente perante un xurado de concidadáns, determine cousa distinta, se chegase a tal. Mentres, as reaccións de xenreira, paixón e descontrol son humanamente admisíbeis. Mais sería bo tentar enfrontalos dende a superioridade moral da liberdade e da democracia. Probabelmente será un xurado de cidadáns o que determine os feitos a probar no axuizamento dos imputados pola morte de Asunta. E, malia que todos os cidadáns que poden ser membros potenciais deste xurado puidesen ser sospeitosos de prexuízos, o decurso do tempo, as garantías xudiciais, o xogo do dereito á asistencia letrada e máis o sentido da responsabilidade dos elixidos haberá determinar un veredicto xusto, sempre recorríbel perante o Tribunal Superior de Galicia.

Dos delitos e das penas

Catro cidadáns galegos veñen de ser condenados pola chamada Audiencia Nacional a moi aflitivas penas de cárcere por condutas que, sen dúbida ningunha, son graves e merecentes de sanción penal. A posesión de explosivos nunca é desculpábel. Non existe violencia de baixa intensidade.
Mais as circunstancias da prisión preventiva, do axuizamento e da sentenza son impropias dunha democracia de calidade. A chamada Audiencia Nacional que os axuizou naceu o 4 de xaneiro do 1977 para substituir ao Tribunal especial da Orde Pública franquista, que xulgaba os delictos políticos. É un Tribunal especial con xurisdición en todo o Estado que substitúe nos delictos de violencia política aos Xulgados e Audiencias galegas, que son os xuíces ordinarios predeterminados pola Lei, polo que constitúe un elemento alleo á planta xudicial dunha democracia.
Para alén diso, o afastamento do Tribunal da realidade galega e a súa incardinación no máis politizado e centralizado do sistema xudicial impediulle relativizar elementos que permitirían unha aplicación máis aquelada e proporcional da lei e agravou as penas por mor da militancia independentista dos acusados. Logo dun xuízo no que o Tribunal xulgador limitou substancialmente o dereito fundamental á defensa penal dos acusados, impedindo o desenvolvemento de boa parte das probas de testemuñas e periciais propostas polos seus avogados, a quen tratou con parcialidade e desconsideración.
A sentenza só é recorríbel en casación perante o Tribunal Supremo, o que vulnera o dereito fundamental á dupla instancia penal, xa que só se revisarán feitos con apoio documental e non existirá unha revisión xeral das probas e dos feitos probados. Por outra banda, até de agora, os axuizados foron presos en lugares moi afastados de Galicia, o que vulnera tamén o seu dereito a permanecer no cárcere ou, eventualmente, cumprir pena próximos á súa contorna familiar e vital.
A sentenza, pois, constitúe un exercicio máis de política represiva que de xustiza. Moi probabelmente os axuizados fosen merecentes do cárcere. Mais só despois dun xuízo xusto, condenados polos seus xuíces ordinarios e cumprindo penas proporcionadas e orientadas á reinserción preto dos seus fogares.

Vídeo-resumo da palestra sobre o novo mapa bancario galego en Lugo

Deixo aquí o resumo audiovisual da palestra Galicia en clave económica. O novo mapa bancario galego, que partillamos o xoves 19 de setembro no salón de actos do Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo, nun acto patrocinado e organizado pola Deputación, “El Progreso” de Lugo e Economía Digital, que contou, como se pode ver, cunha importante participación de público. O vídeo orixinal pódese consultar nesta ligazón.

O vídeo do debate completo pódese ver aquí:

A empresa galega precisa crédito

En varias ocasións El Correo Gallego ten advertido da continua restrición de crédito que vivimos dende hai 6 anos na Galicia. Ao longo de 24 trimestres seguidos este baixou continuadamente. Por outra banda, a relación entre depósitos (4,5 % do total estatal ao termo do 2012) e créditos (3,4% nesas datas) amosa que Galicia segue a ser financiadora neta doutros países do Estado.
As empresas galegas, nomeadamente as pemes que constitúen a súa amplísima maioría, enfrontan unha seca crediticia que mesmo afoga empresas viábeis. Papel comercial de calidade non atopa desconto que lles anticipe liquidez a moitas empresas galegas. As esixencias de cobertura de recursos propios sobre alleos (9%) prexudican nomeadamente esta modalidade crediticia, diante dunha conxuntura na que os Bancos teñen ben díficil acadar ese plus de capitalización que lles permita facer fluir o crédito.
Porén, son as pemes as máis prexudicadas por esa seca crediticia. Ao longo do 2011 o tipo medio de xuro das operacións de crédito superiores a 1M€ acadou o 2,8% e as inferiores, as propias das pemes, chegou ao 8,6 por cento.
Moitos empresarios refiren estar pagando tipos efectivos do 10%, mentres moita da grande Banca estatal prioriza a grande empresa como cliente e mira con prevención o negocio minorista.
Velaí, pois, a importancia de non restrinxir aínda máis a oferta financeira e garantir que Nova Galicia Banco poida seguer a ofrecer oferta minorista ás familias e pemes galegas. E a única posibilidade de que isto sexa posíbel, diante da actual conxuntura de venda, é a aposta polos Fondos internacionais que coordina o Fondo Guggenheim. Son estes os únicos que, pola súa ausencia de rede, poden garantir o emprego, o domicilio social para efectos de pagamento de impostos na Galicia e unha organización autónoma que limite os terríbeis efectos da exclusión financeira que produce o actual oligopolio bancario.
Para alén diso, non esixirán protección de activos, desfrutarán de moitos menos créditos fiscais e achegarán unha moderada inxección que permita recuperar parte dos cartos investidos no saneamento.

O tsunami catalán

O erro de Rajoy e das elites políticas e mediáticas madrileñas é crer que o potente movemento soberanista catalán é dirixido dende a Generalitat, CDC ou ERC. E non é certo. Trátase dun movemento que nace da base e vai moito máis aló do nacionalismo ou do catalanismo histórico, para acadar transversalmente toda a sociedade civil de Catalunya, con nomeada forza entre castelanfalantes e cataláns de segunda xeración e, en xeral, entre os sectores sociais que até hai anos votaban PSC ou non partillaban nas autonómicas. Velaí a extrema dificultade de que Artur Mas poida frear ou adiar indefinidamente o proceso de expresión da decisión catalá, porque este pode levar por diante partidos e políticos e, de feito, vaino facer.
Na pulsión soberanista, porén, xúntanse outras aspiracións sociais que xorden da crise institucional e da depresión económica. Maniféstanse as arelas por unha política de transparencia, pola participación cidadá, por unha sociedade máis moderna e xusta ou polo mantemento dos servizos públicos. As arelas por decidir o futuro persoal e dos seus.
O dereito a decidir atopa unha numantina resistencia no Madrid político e mediático, atado ao inmobilismo dunha Constitución do 1978, expresión dun réxime político territorial e institucionalmente esgotado. Constitución que, non por acaso, foi modificada en 24 horas polo PP e PSOE para unha remuda tan substancial como priorizar o pagamento da débeda a respecto do mantemento dos servizos públicos.
É a hora da política para deixar a decisión á cidadanía. Mais semella que un Rajoy amortizado polos recortes e a corrupción carece de liderado na súa parroquia para abrir un diálogo sen condicións.

A ARRINCADEIRA: Unha sentenza desproporcionada
A Audiencia Nacional constitúe unha excepción ao principio constitucional do xuiz ordinario predeterminado pola Lei. O feito de que delictos cometidos en Galicia sexan xulgados por un Tribunal de excepción non casa cunha democracia de calidade. Máis cando nese Tribunal non foron quen de gardar as formas da imparcialidade e do respecto ao dereito de defensa.
As condutas imputadas aos catro membros de Resistência Galega son moi graves, merecen reproche penal. Mais a sentenza é absurdamente desproporcionada. 18 anos de cárcere non é xustiza, é pura represión.

O perigo Caixabank

Hai só tres días, El Correo Gallego amosaba unha solvente representación da sociedade civil que defendía a adquisición da maioría do capital de Novagalicia Banco polo “pool” de Fondos internacionais que coordina o Guggenheim. É dicir, o chamado Plan Castellano.
Era un consenso lóxico, pois que esta opción é a máis económica en termos de mantemento do emprego, a máis rendíbel en termos de retorno parcial dos fondos públicos investidos no saneamento da entidade e a única con capacidade de manter unha marca e Banco con domicilio e dirección efectivas en Galicia para afondar nunha vocación minorista de atención ás pequenas e medianas empresas e ás familias galegas. Vocación minorista que ha constituir o seu obxecto, tanto pola folla de ruta expresada polos seus xestores como polas directrices emanadas da Unión Europea, que queren NCG lonxe de aventuras financeiras.
Fronte este consenso da sociedade civil, os partidos con representación parlamentaria non foron quén de constituir un sólido polo en defensa deste proxecto. Desexábel sería que BNG e AGE, sen deixar de defender a Banca pública, apostasen inequivocamente por esta opción distinguindo curto e longo prazo. Tamén semella que a remuda de liderado no PSdeG podería afastar aos socialistas das súas veleidades a prol de CaixaBank.
Máis preocupantes, porén, semellan certas informacións que anunciarían posíbeis diferenzas de criterio na dirección do PPdeG a respecto da súa defensa da galeguidade operacional de NCG. A man do “President” de Caixabank, Isidre Fainé, é moi longa e os seus aliados no FROB e no Ministerio de Economía moi potentes. Só faltaría que consolidase amizades no Goberno e no Parlamento galegos.
Velaí que cumpra, urxentemente, un pronunciamento inequívoco do presidente da Xunta a prol da única opción viábel para que NCG sexa un instrumento real para abeirarmos dos terríbeis efectos do oligopolio financeiro. NovaGalicia non pode caer na rede dun banco estatal.
Ogallá que a Xunta e os partidos parlamentarios estean á altura do que demandaba este día, nestas mesmas páxinas, a sociedade civil.

A trampa olímpica

Despois de máis de tres anos de continuos recortes sociais, o prantexamento da candidatura Madrid 2020 amosaba unha suposta contención nos investimentos, mais agachando que cumpría construír todas as infraestruturas condenadas ao futuro desuso, como a Vila Olímpica. Ficaría un investimento pendente de 2300 M€ e estaban xa executados 6200M€, acadado mentres o Concello madrileño ten unha débeda de 7430 M€ (2300 €/residente). Na práctica, de lle outorgar a organización do evento, os números dispararíanse. Canto aos retornos, serían seguros, mais insuficientes para que as Administracións públicas madrileñas puidesen pensar noutra cousa ca en pagar a débeda. Non por acaso Roma, con ser Roma, desbotouse da carreira olímpica, ao priorizar o “panem” sobre os “circenses”.
Velaí como se advertiu nidiamente a diferenza entre as prioridades da cidadanía e clases medias e de determinada elite política, en colaboración con algúns operadores empresariais gorentosos de ladrillo e negocios dirixidos dende os Poderes Públicos. Porque o modelo de Madrid 2020 apostaba, no longo prazo, por unha débeda improdutiva no canto da reactivación empresarial e os servizos públicos. Para as Olimpíadas habería o que non haberá para a sanidade, educación ou innovación.
Esta realidade adubiouse estes días con doses de patrioteirismo e descoñecemento do funcionamento do Comité Olímpico Internacional verdadeiramente inéditas. Despois de Brasil 2016 tocáballe, por tradición, a vez a Asia e Madrid non xogaba. De feito, a poderosa París agardou a presentar a súa candidatura até a edición do 2024, cando teoricamente lle cumpra organizar a Europa. Malia esta evidencia, algún falabarato conseguiu que os “media” madrileños repenicasen seguido que Madrid contaba con 56 votos, unha cómoda maioría absoluta. Pois ben, 26 votos obtidos, u-los outros 30?.
Canto á Galicia, excluída por Madrid da asignación das 8 subsedes (Valencia, Andalucía, Castela e Aragón, coma sempre), non perde nada con este fracaso. Porque, nesta recesión, a recentralización brutal de gasto que agochaba Madrid 2020 tería sido moi prexudicial para o noso País, que desaparecería do mapa dos investimentos públicos estatais.

Transparencia e dereito a decidir

A democracia de baixa calidade que sofrimos caracterízase por unha “ocupación” das Institucións por parte da burocracia bipartidista, pola manifesta dependencia política dos máis altos Tribunais (Supremo, Constitucional e de Contas) e pola implicación do Rei e da Coroa nesta degradación democrática.
Os níveis de transparencia no Estado español, porén, son os máis baixos da Europa e as burocracias popular e socialista manteñen intereses propios, ben distintos dos da cidadanía á que lle pide o voto. Asemade, estes dous partidos conceptúan a democracia como o mero exercicio do voto a diversos níveis cada catro anos, subordinando á maioría valores esencialmente democráticos como o respecto polas minorías, o dereito de todos á información transparente ou os dereitos universais á educación, á saúde, á vivenda e ao acceso á xustiza en igualdade.
Velaí que calquera proceso rexeneracionista ou constituínte esixa afondarmos na transparencia. Que, asemade, adoita acompañar polo mundo adiante ao crecemento económico e á cohesión social. Transparencia nos criterios públicos para investir os cartos de todos e no acceso aos expedientes administrativos e de contratación pública. Transparencia no xeral coñecemento dos patrimonios inicial e final dos políticos. Transparencia a respecto de todas as Administracións Públicas, da Coroa e dos partidos políticos.
E o outro pólo é a implantación real do chamado “dereito a decidir”. Primarias abertas á cidadanía nos partidos políticos, candidaturas abertas, posibilidade de convocar referendos revogatorios dos cargos públicos eleitos á metade da lexislatura, xeneralización do “referendum” nos níveis local e galego para a adopción das principais decisións políticas, orzamentos participativos…
Os dous vectores do rexeneracionismo, pois, precisan un do outro. Porque sen transparencia non é posíbel exercer a cidadanía activa que comporta implementarmos institucionalmente o dereito a decidir.