Os abusos da banca

Nos últimos días os tres xigantes da banca española (BBVA, Santander e Caixa Bank) coincidiron en desacreditar a opción do Fondo Gugengheim para a adquisición de Nova Galicia Banco polo seu suposto carácter especulativo, cando o certo é que constitúe a única oferta viábel para salvar o emprego, a marca e unha oferta propia de servizos financeiros que limite os terríbeis efectos do oligopolio bancario. De todos os xeitos, resulta chocante esa crítica cando os propios BBVA e Santander son propiedade na súa maioría de Fondos e investidores internacionais.
A fachenda destes xigantes bancarios contrasta coa realidade, na que a banca privada española non cumpre coa súa función social e económica. Reciben do Banco Central Europeo (BCE) a baixo custo inxentes cantidades de recursos que logo prestan caro ao sector público e desatenden totalmente a demanda de crédito das pequenas e medianas empresas, nomeadamente de desconto de bo papel comercial. Demanda de crédito que constitúe a razón última das achegas do BCE. Malia que xa non vendan preferentes seguen a presionar ao seu persoal para que comercialice entre a xente común renda variábel e outros produtos pensados para investidores e non para minoristas. E obrigan aos seus empregados a traballar longas xornadas de tarde sen lles pagar por elas.
As recentes absorcións saldáronse coa perda de centos de postos de traballo, moitos deles ben cualificados e remunerados. Nomeadamente significativos foron os danos xerados pola absorción do Pastor polo Popular, tanto para os clientes galegos como para os empregados. Mais tamén a absorción do Banesto polo Santander produciu un sensíbel recorte do emprego.
A concentración bancaria exclúe dos servizos financeiros a milleiros de familias e pemes galegas. Velaí a necesidade de que a oferta de NCG Banco siga a existir independentemente dos outros operadores bancarios. E a conveniencia de garantirmos un instrumento financeiro da Xunta pensado para a mediana empresa galega, á que a banca privada española cada vez exclúe máis ou lle presta máis caro. Un Instituto Galego de Finanzas que absorbese Xesgalicia e ao inoperante IGAPE actual e que actuase no ámbito da banca corporativa.
Hoxendía a banca privada española no cumpre coa súa función económica e social. Polo menos na Galicia.

A subasta do aforro galego

A poxa de Nova Galicia corre o risco de se converter nun dos máis importantes xogos de vantaxe da historia da banca europea. Velaí ao ministro Guindos. Quen quería anexarlle Caixa Galicia a Bankia está a inzar de eivas a xestión cotiá de NCG e fai de Goirigolzarri, presidente de Bankia, un rei dunha taifa mantida con 30.000 M € de saneamento público. Guindos encargoulle facer o caderno de venda, instrumento fundamental para allear a nosa entidade bancaria, ao banco francés BNP Paribas, importante accionista do BBVA e do Santander, dous dos principais partillantes na poxa. Abondo para suspendela ou, polo menos, para eliminalos como licitadores. Mais Guindos e o FROB, a mantenta, insisten en favorecer a banca española nesta poxa. Velaí a esixencia, hai ben poucos días, dun depósito de garantía de 800 M€ para os Fondos internacionais, esixencia que non lle aplican aos bancos españois. Que, asemade, poderán compensar un máximo de 4500 M€ (fronte a un máximo de 2000 M€ os Fondos internacionais) de crédito fiscal, que lle cobrarán á Facenda española entre 2014 e 2017 até o derradeiro euro, o que determina un plus de prezo de 2500 M€ a prol de calquera ofertante non español. Diferenza que habería ser quen de eliminar calquera outro licitador diletante nun sistema democrático e transparente. A semana que comeza ha ser fulcral neste proceso, porque a sociedade galega ten dereito a saber os criterios que van imperar na poxa do Banco que acada unha cota de mercado superior ao 40% dos seus depósitos e dos créditos outorgados no noso País. Moito máis cando o oligopolio bancario determinou que o 45% do crédito estatal vaia xa cara familias e empresas catalás e madrileñas. Velaí que tanto teñan dous cuartillos coma un litro. Ou, o que é o mesmo, tan agresivas para o emprego, a dispoñibilidade de servizos bancarios para Galicia e a supervivencia da marca e da rede de NCG Banco sexan as ofertas do BBVA, Caixa Bank e Santander.

Estrasburgo: unha sentenza previsíbel

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) ven de resolver, de xeito inapelábel, que a chamada “doutrina Parot” é incompatíbel coa Convención Europea de Dereitos Fundamentais e, xa que logo, coa propia Constitución, pois que, dacordo co seu artigo 10.2, a normativa constitucional relativa a dereitos humanos ha ser interpretada consonte cos tratados internacionais asinados por España neste eido. Asemade, o TEDH constitúe o intérprete auténtico da lexislación de dereitos fundamentais común a todos os Estados da UE. É evidente, xa que logo, que as súas sentenzas definitivas, coma esta, vencellan totalmente aos Poderes Públicos e Tribunais españois.
Cómpre resumirmos a escea. O Código penal (CP) do 1973, vixente para delictos cometidos até fins de maio de 1996, permitía a redención de penas polo traballo, cun límite máximo de cumprimento de 30 anos (sempre que o triplo da pena máis elevada non for inferior). O CP do 1995 suprimiu de vez toda posibilidade de reducir condena a medio dos beneficios penitenciarios polo traballo.
Xa que logo, a “doutrina Parot” e a sentenza do TEDH aplícanse só a delictos xulgados ao abeiro do CP de 1973, polo que só poden cumprir un máximo de 30 anos. Os beneficios de redución das súas penas están xa recoñecidos por resolucións xudiciais ou da Administración penitenciaria irrecurríbeis. Até a sentenza do Tribunal Supremo do 2006 que resolveu a liquidación de condena do etarra Henri Parot, as reducións polo traballo descontábanse dos 30 anos de máximo cumprimento. Mais esa nova doutrina xurisprudencial determinou que a quita había que facela sobre o total da condena: é dicir, se un individuo foi condenado a 60 anos de cárcere por catro mortes penadas con cadanseus 15 anos cometidas entre 1993 e 1995, os seus 9 anos redimidos, por exemplo, non converten a súa pena efectiva en 21, senón nos 30 anos de máximo, xa que a conta teórica ficaría en 51.
Se estas regras xurisprudencias fosen incorporadas ao CP vello no seu día, o TEDH nada tería resolvido contra do Estado español. Mais do que estamos a falar é dunha xurisprudencia que, na práctica, modifica o CP e agrava as súas penas retroactivamente. Baixo a presión dunha lexítima opinión pública, pero dun xeito incompatíbel co principio de legalidade propio da liberdade e da democracia.
O grave problema é que os maxistrados do TS e do Tribunal Constitucional aplicaron esta doutrina coñecedores da alta probabilidade desta sentenza do TEDH (adoptada por 15 maxistrados a prol e só 2 en contra). Aplicárona conscientes de que podían estar a vulnerar a regra de que os delictos cometidos baixo o imperio dunha lei han ser xulgados baixo esa mesma lei e non baixo unha lei agravada posteriormente.
Claro é que poderíamos, de nós quixer, castigar os delictos dun xeito moito máis severo, sen atender aos requirimentos do principio de legalidade e do Estado de Dereito. Mais non viviríamos xa nun réxime de liberdades, porque este esixe cumprir a irretroactividade das leis penais.
Velaí, pois, a sentenza, plenamente vinculante, do Tribunal europeo, que non ten volta de folla ningunha.

Divorcio entre sociedade e Parlamento

O recente debate sobre o estado da Nación reflectiu un fondo divorcio entre o contido dos debates no Parlamento e as angueiras da cidadanía. É decepcionante a incapacidade das forzas parlamentares para acadar os consensos fundamentais que precisa este País, mais non deixa de ser certo que foi Feijóo quen rachou anteriores consensos e quen deconstruiu as políticas de prevención de lumes, mellora do medio rural, ampliación do benestar social e potenciación das enerxías renovábeis do pasado goberno de coalición. Sendo certo tamén que a axenda dos Gobernos do PP é tan radical canto ás políticas de recortes que é moi difícil que o electorado dos partidos da oposición sinta a mínima atracción pola idea de pactar co Goberno.
Mais é inconcibíbel que PSdeG, AGE e BNG non sexan quen a se pór dacordo nunha axenda común ou, polo menos, nun conxunto de propostas comúns que lle ofrecer á cidadanía e coa que confrontar coa ausencia de proxecto da maioría absoluta do PP. É evidente que a alternativa ao PPdeG só pode ser multipolar. Pero semella que as forzas da oposición están a xogar ao xogo das cadeiras musicais, a ver quen fica fóra ou dentro. A ver quen mellora coa súa táctica a posición relativa entre as tres forzas opositoras, malia que cadanseus electorados obxectivos sexan moito máis compatíbeis entre si e pidan accións e propostas comúns.
Fronte a esta incapacidade, a cidadanía anda a artellar novas fórmulas para se facer ouvir. Velaí o suceso da Iniciativa Lexislativa Popular xurdida dunha comisión cidadá luguesa formada por persoeiros representantes da sociedade civil, entre eles o antigo alcalde Vicente Quiroga, que acadaron en poucas datas máis de vinte mil sinaturas para garantirlle a todas as cidades galegas os servizos de radioterapia e hemodinámica.
Sen dúbida a sociedade vai moi por diante dos partidos e non vai agardar por eles.

A ARRINCADEIRA: Sen fotocopiadoras nos xulgados
Varios Xulgados da Coruña están sen fotocopiadora ou coa mesma avariada. Non se cobren as baixas por enfermidade nin os días de feiras do persoal. O servizo resíntese, malia a dedicación xeralizada dos xuíces e dos funcionarios. Os recortes están a afogar a Administración de Xustiza.

Confiarmos no xurado

Hai días que dixemos aquí que do xuizo pola morte de Asunta ía coñecer, si ou si, un xurado. Confirmouse a nova e seica percorre toda Galicia unha onda que denuncia a posibilidade que o futuro xurado estea “contaminado”, é dicir, influído polo xuízo mediático paralelo. Dende esta sospeita, importantes xuristas, xornalistas e opinadores dubidan da imparcialidade de calquera xurado. E cuestionan abertamente a Institución, porque seica os pais de Asunta –e mañá outros moitos– correrían o risco dun xuízo subxectivo.
O xurado é a única canle na que a cidadanía participa na Administración de Xustiza. Introduciuse en Inglaterra e Gales, dende unha tradición medieval, para todos os xuízos penais, en virtude da “Declaración de Dereitos” do 1688. A Francia democrática introduciuno no 1791 e a España no 1888. Non por acaso foron as ditaduras de Primo de Rivera e Franco as que suprimiron o xurado.
O xurado constitúe unhas das institucións democráticas que ultrapasa o mero exercicio do dereito a voto para introducir ao cidadán na categoría de suxeito activo do sistema, neste caso, da Administración da súa Xustiza. Na democracia de calidade a cidadanía participa nas distintas funcións da gobernanza pública e dos poderes, e exerce o seu dereito a decidir.
O problema da eventual contaminación do xurado amáñase dende o propio funcionamento institucional. Porque só entende de delictos axuizábeis sen necesidade de especiais coñecementos xurídicos. Porque precisa para condenar o voto a prol de sete dos nove membros e para absolver definitivamente o voto de cinco sobre nove. E porque prevé mecanismos para peneirar a selección dende a acusación e defensa, así como unha intensa actividade destas para pechar a listaxe de preguntas que o maxistrado-presidente lles proporá para a súa resposta.
Nunca a cidadanía estivo tan preparada para ser xurado. A presión da opinión pública existe dende sempre. Por que este medo agora? Seica amola a participación cidadá nas funcións dos poderes públicos?

A quen beneficia a recentralización?

Ninguén pode xa dubidar da axenda recentralizadora do PP. Velaí a reforma local, que fanará a autonomía local e potenciará as Deputacións, a aprobación da Lei educativa -LOMCE-, coa imposición do castelán como lingua vehicular e as súas reválidas de Estado que descoñecen as competencias educativas de Galicia ou o estéril tentamento de blindaxe das touradas ao consideralas patrimonio cultural inmaterial. Pasando pola imposición ás Comunidades Autónomas do copago das menciñas, descoñecendo a autonomía de cadanseu servizo sanitario ou da proposta Sáenz de Santamaría de supresión de controis externos como o do Valedor do Pobo ou do Consello de Contas.
Qui prodest? A quen beneficia esta recentralización, que leva vinte anos baleirando de contido o noso Estatuto de Autonomía e, xa que logo, modificando indirectamente o pacto constitucional que recoñeceu a personalidade nacional de Galicia? A resposta apunta aos intereses que tentan esfarelar o Estado do Benestar. Porque a ofensiva contra a autonomía política de Galicia e a autonomía local dos seus concellos busca, sempre, reducir os níveis de cobertura e calidade dos servizos sociais, educativos e sanitarios para ir recentralizando a súa prestación, unificando por abaixo a súa calidade e privatizando a súa xestión dende Madrid, de xeito que só grandes empresas españolas de amigos do Poder estatal poidan optar á coxestión destes servizos. Velaí como a recentralización persegue a desmontaxe do Estado do Benestar, ademais da redución dos níveis democráticos, ao afastar o Poder da cidadanía e suprimir os controis exteriores á gobernanza.
Tamén latexa tras desta recentralización a obsesión por concentrar en Madrid todo o poder financiero e empresarial do Estado, patente na absurda andaina de levar o AVE a todas as capitais “de provincia” ou de construir un inviábel “aeroporto central” que agora peta despois de consumir 6000 M€ -un billón de pesetas-. A obsesión de potenciar as grandes empresas dos sectores regulados e do IBEX 35 impedindo calquera política efectiva de Galicia, por exemplo, para potenciar o seu desenvolvemento empresarial endóxeno.
A quen beneficia a recentralización? Non de certo á cidadanía galega, nin aos empresarios e traballadores deste País.

Participación na mesa redonda sobre o futuro de Novagalicia Banco, no acto inaugural de CREACORUÑA

A tarde noite do xoves 10 de outubro, o Clube Financieiro Atlántico da Coruña acollía con grande éxito de audiencia e participación, a presentación en sociedade de CREACORUÑA, que debutaba cunha mesa redonda sobre “o futuro de Novagalicia Banco”.
Participaron nesta primeira experiencia os economistas Xosé Antonio Pena Beiroa e Marcelino Fernández Mallo (vicepresidente de CREACORUÑA), o avogado e secretario xeral de AGAPROFI Xoán Antón Pérez Lema, e o xornalista e economista José Luis Gómez, editor de Mundiario, moderados polo xornalista Fran Espiñeira, delegado na Coruña de La Voz de Galicia.
Xosé Antonio Pena ofreceunos una visión do que é o entramado empresarial galego e de como viña operando coas entidades financeiras. Colocounos ante una realidade na que as microempresas son a nota dominante, é dicir, empresas con dez ou menos empregados. As pequenas empresas galegas amosaron tradicionalmente a súa vocación de traballar con entidades con sede en Galicia, tanto polo coñecemento de tecido produtivo que estas amosaban como porque as decisións se tomaban no propio ámbito galego. Hai menos de quince anos, Galicia dispuña de nove entidades financeiras –cinco banco e catro caixas–, que foron desaparecendo ata a situación actual que pode derivar na pervivencia dunha soa, a cal ademais carece dun alto potencial de servizo pola súa escasa dimensión. A desaparición de Novagalicia Banco sería, por tanto, crítica para as pequenas empresas galegas.
Pena insistiu en que na actualidade, as entidades financeiras non están atendendo as necesidades de financiamento das empresas, tampouco Novagalicia. A razón, na súa opinión, radica nos requirimentos de capital que recaen sobre os créditos o cal fai que as entidades tendan a reducir ao máximo as concesións de préstamos, créditos e desconto comercial, incluso o de boa calidade.
Terminou afirmando que, igual que Bankia se pode considerar sistémica para a economía española, Novagalicia Banco será sistémica para a economía galega onde acapara un 40% de cota de mercado. Así pois, o mesmo trato que merece Bankia, ha recibir Novagalicia Banco.
A intervención de José Luis Gómez, moi instrutiva e amena, versou sobre a necesidade de manter Novagalicia como banco galego. A súa desaparición sería un feito histórico de extrema gravidade. Lembrou o editor de Mundiario, a traxectoria do conxunto de entidades que terminou de conformar a Novacaixagalicia actual, e a súa participación directa nas principais empresas galegas a través das súas corporacións industriais. E agora ese pequeno imperio financeiro industrial pode desaparecer para sempre. De feito, leva xa tempo en transo de desaparición. E recordou que o gran atractivo de Novagalicia Banco hoxe en día está na fidelidade que aínda conserva do mercado galego, presentando a maior cota de mercado dunha entidade nunha comunidade autónoma.
Antes as distintas posibilidades existentes, José Luis Gómez afirmou que a entrada dun banco español en Novagalicia implicaría a súa desaparición de facto. Se o comprase o BBVA ou o Santander, terminaría coma o Banco Pastor, sendo simplemente un rótulo no medio da rúa. Se é o fondo americano quen a adquire, a organización manteríase como está durante un número de anos ao cabo dos cales haberiamos ver a situación. Sería un xeito interesante de gañar tempo para que Galicia conseguise artellar unha opción viable para recuperar a propiedade do seu banco principal.
Mais a pregunta clave é: por que queren vender con tanta présa? Quizais pola mala imaxe actual de España nos mercados, que podería mellorar se o banco é adquirido polo fondo americano.
O misterio non acaba aquí, senón que atinxe tamén á pasividade dos políticos galegos (goberno e oposición), así como de empresarios, xornalistas e a sociedade en xeral. Non se debate, non se buscan alternativas, non se sinte a presión do poder político galego, nin sequera se esixen responsabilidades ante un feito que, de concretarse, traería extraordinarias consecuencias negativas para Galicia.
A mellor opción a día de hoxe: é difícil pero non imposible, conservar a sede en Galicia e agardar a recuperar o banco no futuro. A alternativa: volver empezar de cero. E para iso precisamos construír conciencia real de país, apostar por una visión e modelo colectivo, común, para, a partir dos grandes capitais que atesoura Galicia, levantar un proxecto novo financeiro e industrial. A historia nos demostra que se pode facer.
Xoán Antón Pérez Lema subliñou a necesidade de crear opinión e debate en torno aos grandes temas de Galicia entre os cales o futuro de NCG revélase dunha enorme transcendencia. Como secretario xeral de AGAPROFI, e polo tanto con coñecemento de causa, falou de como os aforradores galegos, e tamén os autónomos e pequenos e medianos empresarios, foron afectados pola venta de preferentes e subordinadas. Afirmou que a orixe do gran problema do banco reside na mala xestión das caixas, con operacións inmobiliarias nefastas, que debilitou o seu capital o cal se intentou resolver con activos de alto risco colocados sen garantías aos pequenos aforradores.
Coincidiu con Pena en que a concentración bancaria se traduce en menos oferta e peores condicións para os clientes ademais dos peches de oficinas bancarias nas vilas máis pequenas, o que deixaría a moitos cidadáns sen acceso a servizos financeiros. E considerou que o proceso de venda está a resultar nada transparente e si demasiado acelerado, e que pode rematar nunha auténtica estafa para o cidadán pois finalmente o prezo a pagar pode ser moi inferior ao valor real da entidade.
Ante as opcións sobre a mesa, Xoán Antón Pérez Lema decantaríase, como o menor dos males, pola venda ao fondo americano, esperando que trala operación chegue a solución definitiva para o contencioso en torno ás participacións preferentes.

Por último, Marcelino Fernández Mallo reflexionou sobre a necesidade de reaccionar dende a sociedade e o poder político galego. Manifesta a existencia dun obxectivo oculto na precipitada poxa sobre Novagalicia. Con tal de esperar á data sinalada por Bruxelas, o Estado podería recadar ata tres veces o valor que se manexa hoxe en día. Por iso desbota a posibilidade de que o banco sexa vendido ao fondo americano e suxire que será un banco español quen se faga coa propiedade da entidade galega.
A pregunta clave para el é que podemos facer como país? Ante o que el percibe como unha pasividade xeralizada, entende que a sociedade e, sobre todo, o sistema político galego ten que reaccionar dunha maneira contundente e inmediata para conseguir que o poder de decisión e maila estrutura central da organización permaneza en Galicia.
Por último, formula unha proposta que entende posible. Considera que a economía galega precisa iniciar de vez a súa transformación de cara a nova competitividade global post-crise. Necesita crecer, agruparse, crear novas unidades produtivas, expandirse a novos mercados, adquirir empresas, captar investimentos. E para todo iso, unha banca pública especializada nos servizos financeiros corporativos revélase coma un elemento clave de éxito. Propón Marcelino Fernández a segregación do negocio empresarial actual de Novagalicia para, a través dun spin-off similar ao que se fixo con EVO, crear unha entidade inicialmente pública de intervención nos sectores básicos e de alto potencial económico, e de transformación do tecido empresarial galego. Galicia apenas ten empresas medianas e grandes. Un factor necesario para esta transformación sería un banco público de servizos financeiros corporativos.
Unha vez rematadas as intervencións dos relatores, tivo lugar un ameno debate, con fértil intercambio de ideas e preguntas. En resumo, unha experiencia positiva e proveitosa, o primeiro éxito de CREACORUÑA.

Foto de Nieves Taboada.

NCG, unha poxa pouco transparente

NCG Banco foi saneada con cartos públicos, polo que é de estrita xustiza e sentido común que o proceso de concorrencia competitiva que remate coa súa venda se desenvolva con absolutas garantías de obxectividade e transparencia. Mais este proceso desenvólvese cun obscurantismo impropio dunha sociedade civilizada e democrática.
A misteriosa xuntanza do mércores de Fainé co presidente Feijóo ou os comentarios de bar de altos executivos de La Caixa dando por feita a venda amosan que este non é un proceso obxectivo e que existen intereses políticos a prol da integración de Nova Galicia en Caixa Bank. Unha integración que repenicaría –con certas matizacións derivadas da orixe catalá e social de La Caixa e da súa distinta cultura corporativa– o modelo de total absorción empregado co Pastor polo Popular.
Mais esta falla de transparencia non só atinxe ao desenvolvemento do proceso, senón á propia xénese do mesmo. Dacordo coa normativa da Unión Europea, NCG tiña até fins do 2017 para se someter á poxa pública. Semella evidente que o valor do Banco nesa altura sería moi superior e, xa que logo, achegaría moitos máis cartos ao sector público polo seu alleamento. O que fai evidente a existencia de intereses de determinados grupos banqueiros españois para adiantar esta temperá subhasta.
É verdade, tamén, que Nova Galicia precisa dunha dirección forte e non condicionada á política de curto alcance do seu socio maioritario, o FROB, que interfire día si e día tamén en non poucas das decisións da equipa que preside Castellano.
Velaí que, neste contexto, sería difícil pensar noutros catro anos de inmisión política madrileña na vida cotián do Banco galego. De todos os xeitos, a existencia de rede propia na Galicia dos tres grandes bancos estatais prognostica a perda dun milleiro de empregos e a desaparición da entidade, como estrutura de seu, e da marca “Nova Galicia” se o adxudicatario é calquera deses tres xigantes españois. E isto será así en todo caso, calquera que for a caste das promesas que besbexen á orella dos nosos politicos.

Nin crédito nin creto

A peme galega afoga por por falla de crédito. A banca española inviste os cartos baratos que obtén do Banco Central Europeo na ben pagada débeda pública e, suxeita á cobetura do 9% entre recursos propios e alleos, non presta. Mais existe unha grande demanda de circulante baseada en efectos de clientes solventes que a Banca non desconta, condenando á empresa galega a caer nas mans dos usureiros do desconto comercial, cando non á morte. No oligopolio bancario, a limitada capacidade crediticia ao sector privado derívase cara á grande empresa española, a dos sectores regulados e do “capitalismo castizo do BOE”, que pagan uns tipos de xuro do 2,5-3,5 % fronte ao 8-10% que pagan as nosas cando conseguen crédito.
Velaí a necesidade de que Nova Galicia desenvolva banca minorista a pemes e familias no País (límites funcionais e territoriais impostos pola UE), para reducir os negativos efectos do oligopolio bancario e da exclusión financeira. Banca minorista que só será posíbel se non cae nas redes dun banco español. Mais esta subsistencia de Nova Galicia habería ir acompañada da creación dun potente instrumento bancario público, quizais dirixido só ás empresas, para que a Xunta de Galicia puidese vehiculizar unha política de crecemento, desenvolvendo as funcións de soporte do tecido industrial que facían as Caixas e o antigo IGAPE, malia que con mellor criterio estratéxico.
Este fracaso da reforma financeira (a seca crediticia) únese á desindustrialización xeneralizada e perda de posicións nos sectores de futuro, ao altísimo e estábel desemprego, á desmontaxe do Estado do Benestar e aos peores níveis de déficit e débeda públicos. Xa que logo, esta catástrofe tiroulle todo o creto ao Goberno do Estado.
Na Galicia, a maiores, sofrimos un saqueo consentido, cando non planificado, por parte deste Goberno central: quita nas preferentes, machado fiscal ás pensións do extranxeiro, redución real das nosas pensións mínimas, tarifa eléctrica que penaliza o noso esforzo produtor de enerxía, bloqueo dos nosos sectores estratéxicos (mar-industria, naval, enerxías renovábeis, agrogandeiro) e falseamento sistemático dos dados de investimento público estatal. España non é para Galicia, arestora, un bo negocio.

Defensa penal e opinión pública

O procedemento xudicial pola morte de Asunta chama a atención de certos desaxustes no funcionamento do sistema xudicial, malia que os intervintes sexan tan bos profesionais coma os deste caso.
Deste xeito, os dereitos dos investigados/imputados non poden estar confiados á mesma persoa á que se lle encarga darlle pulo á investigación xudicial. Non se pode repenicar as campás e estar na misa. Cómpre reformarmos a lexislación procesual penal para que o Xuíz fique só como Xuíz de garantías (acordar fianzas e prisións preventivas, decidir sobre un segredo sumarial limitado a moi poucas semanas…), confiándolle ao Ministerio Fiscal unha investigación na que a defensa habería comparecer dende o comezo en igualdade de condicións. É aberrante que o mesmo xuíz que ten que lle dar pulo ás pescudas poida decidir a prisión preventiva duns imputados pouco colaboradores, como decretou no pasado algún antigo xuíz da Audiencia Nacional.
Despois, hai que anotar a desigualdade na que se atopan imputados e avogados defensores fronte a demorados segredos sumariais aos que, en troques, si pode acceder o Fiscal como acusación pública. Nomeadamente (como xa pasou en Lugo co caso “Campión”) cando é continuo o transvase de información dende diversas fontes con acceso ao sumario, remanecendo, entrementres, a defensa absolutamente inerte, con grave vulneración do dereito constitucional á tutela xudicial efectiva. Velaí a necesidade de afrontarmos dende a defensa penal auténticas estratexias de comunicación competitivas no ámbito do chamado “xuízo mediático”, para compensar as presións indirectas destas filtracións en todos os operadores do caso, mesmo nos futuros xurados.
Tamén cómpre salientar que o segredo sumarial e as propias actuacións de investigación rematarán, por lei, tan axiña sexa posíbel para que o caso poida ser sometido ao Tribunal do Xurado, previsibelmente na Sección VI da Audiencia con sede en Compostela.
Son esixencias todas dunha xustiza democrática. Hai outra, pero non é Xustiza.