Feijoo agravou a recesión

A depresión económica que sofre Galicia ten dimensión europea e veu determinada, en moi grande medida, polas dúbidas, inacción ou manifestos erros tanto das Institucións da Unión Europea como dos Gobernos Zapatero e Rajoy. Culpar o Goberno Feijóo sería, xa que logo, inxusto.
Mais é evidente que Feijóo adoptou dende a primavera do 2009 unha liña de goberno marcada pola obsesión da austeridade, da consolidación orzamentaria. E ocorría na altura que a economía galega e, nomeadamente, algúns dos sectores consolidados ou emerxentes (enerxías renovábeis, tecnoloxías da información e comunicación, industrias audiovisuais e culturais, automóbil) precisaban de selectivas políticas de fomento e innovación que foron practicamente arquivadas (agás parcialmente as do automóbil) coa chegada de Feijóo a Monte Pío. Outros sectores (naval, mar-industria, agrogandeiro, monte-industria) padecían o desleixo histórico do Goberno español cara eles, polo que precisaban dun acompañamento continuo do Goberno galego e dunha acción exterior decidida de promoción, que tampouco existiu, agás no que atinxe ás xestións mexicanas -aínda sen froito coñecido-.
A Xunta liquidou de feito á súa ferramenta financeira, o IGAPE, mentres asistía pasivamente á venda do Pastor ao Popular e ulterior dilución da Fundación Barrié no seo deste e á venda do Gallego ao Sabadell. E non foi quen a acadar do Goberno Rajoy igual trato para NCG Banco e Bankia, malia partillaren a entidade galega o carácter sistémico desta.
Das resultas deste proceso, o Goberno Feijóo agravou a nosa recesión: na construción naval pasamos, dende 2010, de representarmos o 50% da produción estatal a só o 24%, os nosos subsectores de enerxías renovábeis, TICs e industrias audiovisuais e culturais enfrontaron o peche ou deslocalización, o investimento en I+D+I baixou a niveis de 1993, sen que os sectores agrogandeiro, forestal e monte-industria coñecesen medida eficaz ningunha nestes anos.
Feijóo aínda pode mudar un chisco este proceso se mantén Novagalicia como oferta autónoma de banca minorista para pemes e crea un instrumento financeiro público para Banca corporativa de empresas de certa dimensión. Porén, semella que para o primeiro fáltalle o poder e para o segundo a vontade.

O público e o privado

Nunca dei entendido dogmatismos como “o sector privado non ten lugar ningún no servizo público” ou “o público non funciona”. O sector privado pode colaborar eficazmente á provisión do servizo público, sempre que se esixan axeitados estándares de calidade e cumprimento da lexislación laboral, fiscal ou ambiental vixente e non se permita o filibusterismo das ofertas desproporcionadas ou temerarias, que recurtan os dereitos laborais e degradan a calidade do servizo público.
Mais vivimos tempos nos que determinados axentes económicos apostan polo desprestixio do público, cando o gasto sanitario en relación co PIB na sanidade galega, por exemplo, é moito máis baixo ca o alemán ou o dos USA. Proceso que viaxa na compaña da recentralización, obsesionada en que Madrid recupere competencias en sanidade, educación e servizos sociais para privatizar a prol das grandes empresas concesionais, relacionadas coas elites políticas estatais, en prexuízo da calidade do servizo público e do tecido empresarial galego, que sería o destinatario lóxico das fórmulas de colaboración público-privada no noso País.
Este proceso coincide co da concentración bancaria, que reduce radicalmente -e tamén recentraliza en Madrid e Barcelona- a oferta de crédito e servizos financeiros. Crédito que se ven limitando máis e máis para as pemes pola falla de cumprimento por parte da Banca privada da súa función económica e social, pois que desfruta dunha barra libre de liquidez do Banco Central Europeo ao 0,50% para llelos prestar ao sector público e ás grandes corporacións dos sectores regulados e do IBEX ao 3,5-4%.
Xa que logo, non só é precisa unha banca minorista que garanta crédito ás pemes, senón unha Banca corporativa para empresas galegas de certa dimensión que corren o risco de non ter banqueiro que apoie as súas necesidades.
Un instrumento público galego para finanzas corporativas? Semella que non hai outra. Porque os dogmatismos non lles son bos para xestionarmos a realidade. Nin moito menos para transformala.

O Estado non é neutral

Unha parte hexemónicamente maioritaria dos nosos xuíces e maxistrados (fóra Tribunais Supremo e Constitucional e Audiencia Nacional) traballan a eito e tentan facer xustiza con imparcialidade e obxectividade. A inmensa maioría dos nosos policías e servidores públicos entréganse ao seu traballo con profesionalidade e espírito de servizo cidadán. E, porén, miñas donas e meus señores, o Estado non é neutral. Os Poderes Públicos tenden satisfacer preferentemente os intereses das grandes corporacións e das elites, no canto das pemes, clases medias, traballadores e excluídos sociais.
Unha parte da responsabilidade desta desgraza é a hexemonía do bipartidismo monárquico-dinástico (PP-PSOE; PSOE-PP) ao longo destes máis de trinta anos. Un bipartidismo hexemónico que residenciou o poder político real en dúas moi pequenas elites dos dous partidos maioritarios. Que, ao tempo, son quen fornecen os centos de milleiros de postos políticos de segundo, terceiro e cuarto nível e quen negocian cos poderes financeiros hexemónicos. Algúns, si, transnacionais, mais outros estreitamente vencellados ás propias elites popular e socialista. Non por acaso a meirande parte dos valores do IBEX 35 pertencen a antigas sociedades públicas privatizadas canda Felipe González ou José María Aznar ou a bancos, distribuidoras eléctricas e grandes construtoras-concesionarias de servizos que dependen do BOE. Velaí a forza no Estado do chamado capitalismo castizo do BOE.
Mais o control destas elites a respecto dos Altos Tribunais e dos mandos máis sobranceiros das Forzas de Seguranza garante que a estrutura estatal e máis estritamente, a da Administración do Estado dependente do Goberno central estea sempre aquelada para afastarlle os problemas ás elites e facer caer o peso da lei sobre os infractores que carezan de padriños ou mesmo sobre os que sobardan as canles convencionais de oposición e protesta e exercen accións non violentas de desobediencia civil. O Estado español multa manifestantes pacífícos, mentres desprega todos os seus esforzos para lle evitar trastornos a Rato ou á infanta Cristina.
Mal pode cualificarse de social, liberal ou democrático un sistema duro cos febles e tolerante cos poderosos.

A resaca do petroleiro

A sentenza do caso “Prestige” abriu unha fonda ferida na sensibilidade da cidadanía galega. O único proceso aberto no noso País por mor desta catástrofe ecolóxica fica -e ficará, pois que as posibilidades de recurso son mínimas- sen culpábeis penais.
Mais cómpre afastar de nós ese sentimento lexítimo de raiba e tentar comprender o que pasou. Nas pescudas xudiciais previas, o xuíz instrutor e a Audiencia coruñesa sinalaron unhas liñas vermellas que o propio relator da sentenza ven de denunciar. Porque aló non estaban acusados nin os armadores, nin os inspectores marítimos cualificadores nin os políticos. Só o capitán, o xefe de máquinas e o director xeral da Mariña Mercante do Goberno do Estado. No alborexar do proceso xudicial a nosa raiba centrábase nos Gobernos que mentían e a raiba deses Gobernos mentiráns no Mangouras. Das resultas deste xogo político veu este grande baleiro de imputacións.
O Dereito Penal non dá solucións absolutas nin “xuízos finais”. E menos un Dereito Penal cativo, como do Estado español, orfo de ferramentas operativas, daquela, contra os delictos ecolóxicos. E bo coñecedor de como condenar excluídos e absolver dirixentes.
Ben é verdade que a absolución penal de López-Sors ten a grande dúbida da probabilidade da existencia dunha alternativa para acoller o barco a un porto próximo. Mais a solución xudicial non pode alcumarse de ilegal, polo menos univocamente. Porén, é moito máis discutíbel a condena de Mangouras por desobediencia, que semella só xustificar a súa prisión preventiva.
Compre tirar dúas conclusións deste xuízo. A pragmática: se non hai inmediatas demandas civís con solicitude de embargo cautelar, os prexudicados non cobrarán nin os 22,5M€ consignados pola aseguradora. E máis a cívica: as responsabilidades políticas non poden confundirse -sempre e en todo lugar- coas responsabilidades penais.
Nun futuro proceso civil determinaranse as responsabilidades económicas e debullaranse as profesionais e políticas. A sentenza civil, de seguro, tería grande potencialidade reparadora.

O soldo dos empregados públicos

Os servidores públicos suxeitos ao Dereito Laboral están tan expostos aos despedimentos colectivos ou á amortización dos seus postos de traballo como calquera empregado do sector privado. Velaí a recente perda de ducias de postos de traballo na Consellaría de Traballo e Benestar por mor da aprobación da súa relación de postos de traballo. Por outra banda, ninguén pode negar o curto da remuneración dos nosos sanitarios, mestres, bombeiros ou policías, mais esta insuficiencia retributiva predícase tamén dos funcionarios da Administración xeral autonómica ou local e, tamén, da Administración de Xustiza.
O problema das retribucións agrávase, asemade, pola carga de traballo que as suicidas políticas de austeridade impoñen no sector público. A Consellaría de Xustiza non achega substitutos para baixas e vacacións, penalizando de primeiras ao conxunto dos funcionarios que han cobrir o déficit xerado polos compañeiros non substituídos e, ulteriormente aos cidadáns usuarios.
Ademais, a prohibición das reposicións de vacantes por xubilación manca os servizos públicos e prexudica a imparcialidade da súa prestación. Se un concello galego ten un único enxeñeiro e este se xubila non se vai cobrir a súa vacante. Xa que logo, o concello terá que buscar os seus servizos nunha consultoría privada, probabelmente ben máis mandadiña aos desexos do alcalde. U-lo aforro? E xa non falemos do dano que lle vai causar no próximo futuro á Sanidade galega a xubilación obrigada aos 65 anos de todos os seus médicos.
Os nosos servidores públicos son bos, demostrárono abondo a noite do accidente do Alvia. E traballan por poucos cartos en contornas complexas. Isto non quita recoñecer que os autónomos traballemos tamén nunhas condicións difíciles, mais non existe confrontamento entre os intereses duns e doutros. O que poden existir son dirixentes políticos interesados en xerar este conflito.

A ARRINCADEIRA: Subvencionan o ensino segregacionista
Moi mal amosa andar o Goberno do Estado de prioridades. Velaí a blindaxe das axudas e subvencións ás touradas, ao recoñecelas patrimonio inmaterial e as subvencións aos colexios que segregan por sexo, até agora ilegais e agora incorporadas á nova LOMCE. Mentres, avanza o deterioro do ensino público.

Clasismos e interclasismo

Os que non somos nin moi novos nin moi vellos aínda lembramos nas cidades galegas (e aínda máis nas nosas vilas) un pouso de clasismo serodio, que non deixaba de ser abafante. Un clasismo recuando cando novos, mais que mantiña a súa presenza en determinados clubes sociais e mesmo na contratación do persoal intermedio de distribuidoras eléctricas e caixas de aforro. Unha antigüidade que a democratización do acceso á Universidade e ao cadro de persoal da Xunta en Compostela, o fenómeno Inditex na Coruña e a fasquía emprendedora de Vigo liquidaron nuns poucos anos despois de morrer o xeneral Francisco Franco.
Aquel clasismo fanou moitos esforzos de progreso e modernización neste País. Cómpre lembrar que tivemos que liquidar á outrora poderosa fidalguía como clase social para sermos quen de que os nosos agricultores fosen donos da terra. Fenómeno que, por exemplo, na hoxe independente Irlanda precisou dun forte apoio financeiro da Coroa británica.
Hoxendía a redución da antes ampla clase media sinala unha rota perigosa. Porque o exercicio dos dereitos e libertades, o progreso técnico, científico e empresarial e a cohesión e inclusión social precisan do colchón desa ampla clase social, agora decimada en só cinco anos de recesión. Clase social que se basea na súa capacidade de consumo, na cobertura dos servizos sanitarios e sociais básicos, e, nomeadamente, na educación universal, gratuíta e de calidade, dende os 0 até os 18 anos.
Unha educación universal e de balde que constitúe o eixo de calquera política de reactivación social e económica. Unha educación que precisa, como non, de contidos e habilidades técnicas de proxección profesional inmediata, mais tamén de capacidades humanísticas e ferramentas axeitadas de traballo e estudo. Unha educación que garante unha Galicia estruturada socialmente e afastada daqueles clasismos que mancaron tantas veces a nosa capacidade de progreso social e económico.

Suprimirmos as provincias

A división galega en catro provincias é un invento de 1833. Foi Javier de Burgos quen resolveu dividir o Reino de Galicia, provincia única até entón, en catro cachos, o mesmo que fixeron coa túnica de Cristo, en acertadas verbas de Murguía. O enxendro rematou coa Deputación única de Galicia, continuadora despois da Constitución de Cádiz de 1812 da Xunta do Reino, como nos deprendeu o profesor González Mariñas.
A división tetraprovincial galega, o mesmo que a catalá, atentaba contra a unidade do País. Mais tiña unha lóxica, malia que prexudicial. Dividía, á francesa, países duns 1,6 millòns de habitantes en catro departamentos de cadanseus aproximados 400.000 de xeito que dende calquera recanto da provincia fose viábel viaxar no día á súa capital.
Hoxendía a división provincial ficou absolutamente caduca e desaquelada, tendo en conta a grande mellora das comunicacións e das novas tecnoloxías. A poboación amoreouse arredor da costa e dos sete grandes concellos, o mesmo que a poboación catalá se foi concentrar na súa capital e na bisbarra do Barcelonès. As Deputacións son estruturas pouco democráticas, elixidas indirectamente. E conforman estruturas caciquís que constitúen unha eiva para unha única política territorial, producindo políticos do xorne dun Louzán, Cacharro ou Baltar. Por outra banda, os subdelegados do Goberno son órganos sen funcións na nova gobernanza, tristes remedos dos outrora temidos e omnipresentes gobernadores civís.
Velaí que existan poucas propostas tan desgrazadas coma a de Rajoy e Montoro de afortalar as Deputacións para desposuir aos concellos na gobernanza dos servizos públicos locais. Porque esta é unha fórmula que quere mudar democracia por dirixismo. Calidade competitiva por igualación á baixa. E xestión cidadá por privatización recentralizada. Rajoy e Montoro queren uns servizos máis cativos, dirixidos dende Madrid e as capitais provinciais e privatizados a prol das grandes empresas españolas, que liquidarán o sector das empresas locais, quer privadas, quer da economía social.
Suprimirmos as provincias aforraría, só no primeiro ano e na Galicia, 25 M€. Velaí que sexa un obxectivo fulcral para calquera proposta política de futuro que queira presentarse como progresista, moderna e galega.

Derrubarmos as barreiras

Defender a permanencia de Catalunya no Estado español ou de Escocia no Reino Unido é digno e lexítimo, como tamén é lexítimo defender outro camiño. O que non haberían valer son as trampas argumentais. Como a de que unhas hipotéticas Escocia ou Catalunya independentes ficarían moitos anos fóra da Unión Europea. Iso non é certo, ou, polo menos, certo de todo xuridicamente.
Mais, por riba de todo, non sería unha situación lóxica, nunha Europa que integra Estados que acadaron a súa independencia nos últimos 40 ou 50 anos, como Malta, Chipre, Eslovenia, Estonia, Lituania, Letonia (todos con menos poboación ca Galicia), Chequia ou Eslovaquia. Cando Catalunya e Escocia son dous países medios e plenamente integrados nos mercados europeos.
Esta caste de argumentos tenta pór unha barreira psicolóxica de medo ao dereito a decidir. E anticipa novas barreiras: se queredes decidir de voso deixamos de ser amigos, clientes/provedores e mesmo bos veciños. Reacción certamente absurda. Onde é que nacen as fronteiras?
As permanencias, as identidades partilladas e os proxectos de futuro han de se basear no acordo, na vontade. No “foedus” ou pacto. Nunca na imposición. Os pactos, tamén, han construir un proxecto de futuro e para iso só compren certas cesións de medios e potestades. É lóxico que Europa leve as políticas de defensa, diplomática e unifique as políticas fiscais e monetarias. O que non pertence á lóxica é que España pretenda blindar a festa dos touros, reter competencias en educación e sanidade ou impedir que a xustiza, o saneamento marítimo, a seguridade pública, os aeroportos e portos de interese xeral sexan transferidas ao Poder galego. Para garantirmos, precisamente, unha mellor xestión e un mellor benestar, mais tamén porque resulta de sentido común e de xustiza, ao non ser esas competencias precisas para construir un proxecto de convivencia común na España.
Velaí que os separatismos, historicamente, teñan nado en Madrid, París, Londres, Moscova ou Belgrado. E que moitos unionismos sexan o peor aliado de moitas unidades.