ETA: camiño da autodisolución

Os presos de ETA veñen de sinalar a fin da violencia en Euskadi. Até a fin do 2011 o colectivo, canda o resto da organización terrorista, teimaba en esixir concesións políticas inaceptábeis, como denunciou o PNV ducias de veces. Despois da declaración de cesamento indefinido da violencia, a banda xa desbotaba calquera esixencia política e limitábase a pedir “paz por presos”, mais esixindo algo semellante a un indulto xeral.
A declaración deste día recoñece o mal causado pola violencia e admite que o achegamento dos presos a Euskadi e máis a súa progresiva liberación se desenvolva un a un e no marco dos beneficios e progresións de grao do Dereito penitenciario. Dereito penitenciario que, por certo, recoñece o dereito de todos os presos a cumprir condena preto das súas familias, sexan de ETA, de Resistencia Galega, atracadores ou estafadores. Velaí que alcumar esta declaración de falsa ou irrelevante, manifeste unha evidente falla de visión social e política ou o propósito de tirar proveito electoral a curto prazo do inmobilismo político que segue a sobrancear na acción da UPyD e do PP, malia que neste último caso con evidentes.excepcións no mundo das conversas privadas e dos contactos informais.
Agora o seguinte paso habería ser o desmantelamento total da estrutura militar da banda e a entrega e/ou inutilización das súas armas e explosivos. Unha tarefa que é, xa, urxente e que vai requerir da intervención dalgunha caste de control obxectivo e independente, quizais mellor residenciado no ámbito europeo.
Acadado o desarme total sería preciso reagrupar todos os presos a carón da súa residencia e avanzar en solucións individuais de progresión penitenciaria que sexan quen de cumprir a décima regra do Pacto de Ajuria Enea (1988): a reinserción social dos presos logo de se acadar a permanente ausencia de violencia. Un Pacto, cómpre non esquecelo, tamén asinado daquela polo PP.
Canto ás vítimas cómpre multiplicar o apoio (canda ás vítimas da violencia machista e, en xeral, ás secularmente esquecidas vítimas dos delictos) e ouvilas sempre nesta caste de procesos. Mais, de certo, non se lles pode recoñecer ningunha caste de dereito de veto.

Voltarmos á Administración Única

A calidade da xestión administrativa e máis as regras da moderna boa gobernanza esixen a redución desas duplicidades administrativas que estragan todos os anos un bo feixe de recursos. Na vixente Constitución autonómica do 1978 consagrouse a garantía institucional da provincia, fonte de moitas destas duplicidades ao seren os modelos provincial e autonómico, de seu, incompatíbeis. A Constitución só pensaba de primeiras nas autonomías galega, catalá e vasca, polo que a provincia era o sistema básico de organización territorial da parte do Estado que seguiría suxeito á xestión centralizada. Velaí como o “café para todos” é orixe tamén deste despropósito.
A provincia está chamada a desaparecer se queremos unha xestión eficiente e moderna e esta desaparición terá os seus efectos no nível da administración local, coa supresión das 4 Deputacións provinciais con cadanseus 4 Presidentes, varios Vicepresidentes e 108 deputados. Mais, sobre todo coa fusión dos 4 Plans provinciais de obras e servizos nun só Plan galego e coa correcta asignación dos recursos que as 4 Deputaciòns destinan a competencias (cultura, deporte…) que só lles pertencen à Xunta e aos concellos.
Mais a supresión das provincias suporá tamén a dos redundantes Subdelegados do Goberno. Abordarase entón o debate da necesaria supresión da Administración periférica do Estado, dacordo coa teoría da Administración Única, formulada por alguén tan pouco suspeitoso de nacionalismo como o Presidente Fraga. A execución das políticas no territorio e o monopolio da función executiva, perténcelles, nos sistemas federais aos Poderes autonómicos e locais. O Delegado do Goberno e a presenza no territorio da Administración estatal son incompatíbeis con esta caste de modelos federais ou plurais e absurdos no estadio actual de avance das novas tecnoloxías.
Ficaría pendente despois unha fonda reforma local galega xa sen interferencias de Ministros descoñecedores das claves sociais, económicas e territoriais deste País. Na que cumpriría consorciar servizos entre varios concellos máis do que suprimir estruturas de participación e representación veciñal de custo moi baixo.

NCG e os políticos galegos

Teñen razón PSdeG, BNG e AGE na condena ao inxustificábel adianto da poxa de NCG Banco. A UE esixía a súa venda antes da fin de 2017 e o proceso adiantouse tres anos. Velaí que só se recuperarán 1000 M€ dos 9600 públicos investidos, cando de aproveitar os tempos sinalados NCG acadaríase unha recuperación multiplicada. Malia que a inmisión do FROB na xestión do día a día do Banco galego estaba xa a eivar unha xestión racional e coherente.
AGE e BNG non foron quen de transcender da defensa das esencias para adoptar unha decisión política a respecto do concreto proceso de poxa. Comezado este, haberíanlle explicar á opinión pública que cumpría defender NCG como banco público galego (opción que era moi razoábel), mais que no curto prazo e como mal menor cumpría defender o mantemento do emprego, da rede (fulcral para evitar a exclusión financeira do noso rural), dos centros de decisión na Galicia e a supervivencia dunha opción bancaria distinta da grande banca estatal na concorrencia de servizos financeiros.
AGE e BNG (malia a reacción positiva do Xavier Vence das últimas semanas) demostraron non usar información de calidade neste proceso e enrocarse en posicións maximalistas que non resolvían os problemas urxentes do emprego, da oferta bancaria e dos centros de decisión. Das forzas galeguistas, só Compromiso x Galicia (CXG) soubo distinguir os seus obxectivos a longo prazo da necesidade de facer política no curto. Sendo os únicos que, criticando os abusos e privilexios do proceso, souberon dar apoio e cobertura á solución menos mala.
Besteiro non foi quen de modificar de vez a deriva dun PSdeG, solidario coa idea de Xosé Blanco e Fernández Ordóñez a prol da absorción de NCG por un grande Banco estatal (Blanco e Pachi Vázquez teñen dito que a súa opción era Caixabank). E Feijóo soubo xogar habilmente as súas cartas, consciente de que a desaparición de NCG nunha rede bancaria estatal íase apuntar, sen apelación, no seu debe como liquidador do sistema financeiro galego. Malia que nunca saberemos se o seu indubidábel suceso a curto prazo foi, en grande medida, xerado pola ruindade das ofertas españolas e pola chapuceira xestión dos tempos e regras por parte do FROB, que activou as alarmas da sociedade civil galega.

Sete verdades sobre a venda de NCG

1.- A recuperación de só 1000 millóns de euros dos máis de 9.500 investidos no saneamento de NCG Banco foi xerada, en moi grande medida, por anticipar o Goberno do Estado a venda do noso banco 3 anos en relación co mandato da UE, que esixía a súa liquidación antes do 31-12-2016.
2.- Este adianto ten todas as características dunha decisión parcial que quería, de primeiras, entregarlle a rede de NCG a un grande banco estatal, decisión que respostaba á lóxica recentralizadora do sistema financeiro e promotora do oligopolio bancario que rexe a política económica do PP e do PSOE desque Zapatero e Rajoy pactaron a creación do FROB no 2009.
3.- A venda de NCG Banco ao Banco Etcheverría–Banesco garante a rede comercial, o mantemento do emprego, un novo operador bancario que reduza os efectos do devandito oligopolio e, con moi alta probabilidade, unha entidade de certa dimensión con centro de decisión neste País.
4.- O Goberno do Estado planificou a liquidación total de NCG, malia o seu evidente carácter sistémico, si recoñecido, en troques, a Bankia. Nos últimos meses a inmisión do FROB na xestión cotiá da equipa Castellano sobardou os límites do aturábel, fronte á total autonomía desfrutada na altura en Bankia por Goirizorri.
5.- Feijoo soubo entender que a cidadanía galega non entendería o seu fracaso na absorción de NCG Banco e soubo actuar, por unha vez, en clave de Presidente dun país e non en clave provincial.
6.- O PSOE acreditaba na integración de NCG Banco nunha rede estatal. Besteiro tentou mudar o guión ao remate do proceso, mais non foi quen de lle transladar á súa organización unha decisión coherente e aliñada cos intereses do País.
7.- Das outras forzas políticas só Compromiso por Galicia (CXG) amosou posuir información sobre o proceso e ser quen a delimitar as súas propostas a curto e a longo prazo. BNG, coa excepción do mellor Vence nas últimas semanas e AGE amosaron o difícil que lles resulta descer das teorizacións ás propostas pragmáticas do día a día.

Hai alguén aí?

Cumprido xa o prazo para a presentación das ofertas vinculantes no proceso de concorrencia competitiva de NCG Banco, semella que non se terá en conta como parte do prezo a diferenza a prol da Banca estatal no cómputo dos créditos fiscais diferidos que o potencial adquirente poida compensar entre 2014 e 2017.
Cómpre explicarmos o dito. Os fondos internacionais e o banco venezolano Banesco poden compensar dos gaños futuros un máximo de 2340 millóns de euros de perdas fiscais de NCG, fronte aos 4600 millóns de euros que poderían compensar BBVA, Caixabank ou Santander. Até aquí todo OK, sempre que eses 2160 millóns de euros fosen considerados parte (aprazada) do prezo que ofrece o Fondo ou banco estranxeiro, xa que van ser impostos que non se van pagar, nos outros casos. Mais Guindos di que non. Que esa diferenza non computará como mellora ou decrecemento do prezo contractual.
Esta xogada non se entende nunha concorrencia transparente, mais si dende a perspectiva dun pagamento de favores ou dun amaño. E mesmo neste proceso escuro e argallante as regras foron mudando a metade de partida, como adoita facer España con Galicia cando se trata de cousas de cartos. Porque cómpre lembrar que hai só unhas semanas os fondos foron obrigados a depositar 800 millóns de euros para participar na poxa, unha obriga que non se lle aplicou aos bancos estatais.
O vicepresidente Rueda di que a marxe de actuación do Goberno galego é moi cativa. Non é certo. A Xunta pode mobilizar as forzas sociais para evitar un espolio histórico que agravará de vez as graves dificultades crediticias dos galegos. A Xunta coñece os efectos adversos que produce e producirá a concentración bancaria. E, en último de contas, Feijóo e Rueda saben que se este espolio se fai efectivo moi poucos van acreditar na súa falla de responsabilidade, quer por acción, quer por omisión.
O conto pódeselle moi ben aplicar ao alcalde coruñés Negreira. Dos 2600 postos de traballo que se han perder no caso de venda de NCG a un Banco estatal, a metade perderanse na Coruña, case todos eles persoal de alta cualificación e remuneracións bastante boas. Malia esta realidade, o alcalde mantivo un silencio absoluto, como se a cousa non fose con el. Como se fose un problema alleo á Coruña.
Hai alguén aí?

Banana republic

Estes días rematou o prazo para que os concorrentes por NCG Banco formulen as súas ofertas vencellantes e xusto o xoves 12 de decembro fontes próximas aos investidores internacionais (seica os Fondos USA e os venezolanos de Banesco) laiábanse da falla de transparencia e concreción a respecto da eventual compensación cos gaños futuros dos créditos fiscais diferidos e máis da cobertura de posíbeis perdas por reclamacións xudiciais futuras e pola perda de valor de determinados activos. Segundo fontes próximas aos devanditos investidores semella que a partida está xa xogada a prol da grande banca estatal. Graves sospeitas, pois, no proceso de concorrencia competitiva menos transparente da historia contemporánea da banca europea. E Guindos, ministro de Economía e Restoy, presidente do FROB, mirando cara outro lado como se este escándalo non fose con eles.
Mais non remata aquí a crónica das dúbidas, trasacordos, rectificacións e, en xeral, da inseguridade xurídica que ven caracterizando ao Reino de España dende hai anos e que acadou con este Goberno Rajoy níveis de campionato mundial. Velaí o brutal e inxustificado incremento do prezo da enerxía, que condena ás perdas a importantes industrias galegas, mentres a senrazón da tarifa eléctrica castiga ás nosas familias a pesar de ser o País que máis enerxía produce do Estado. A arbitrariedade fiscal do Goberno do Estado, que castiga ás economías dos emigrantes retornados que perceben pensións de fóra. Ou unha xestión centralizada de Navantia que pechou a vella Astano para resgatar os ineficientes estaleiros públicos cartageneros e gaditanos. Canda unha penalización á produción eólica que desfixo un sector de futuro no que Galicia era referente internacional.
Se a isto lle engadimos a asfixiante recentralización que cada vez prexudica máis os intereses produtivos galegos, explicarémonos a imparábel desertización industrial e demográfica deste noso País, silente e doente fronte un Goberno e Administración estatais que salientan pola súa ineficacia, falla de obxectivos e desprezo polas regras de xogo.

Palestra sobre A República Galega, na A. C. O Facho

O martes 17 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Paideia Galiza (Praza de María Pita, 17) da Coruña, impartirei, convidado pola A. C. O Facho, decana da cidade da Coruña, unha palestra baixo o título A República Galega, dentro do ciclo de actividades que esta vedraña e meritoria Institución está a desenvolver no curso 2013-2014, e ás que fun convidado como secretario do Grupo Local de Compromiso por Galicia da Coruña e conselleiro do Consello Político Nacional desta formación.
Esta ocasión permitirá a posibilidade de transmitir unhas reflexións, alén de sistemas de goberno e graos de soberanía ou independencia, sobre o estado da “res publica” en Galicia dende un proxecto galeguista, progresista e socialdemócrata, fixándome nomeadamente na necesidade dunha fonda transformación institucional construída sobre valores de transparencia, autogoberno e crecemento económico.
A segunda parte da palestra dedicareina á necesidade de construír o proxecto dunha Coruña moderna e reconciliada plenamente coa súa galeguidade. Unha Coruña líder en Galicia e presente na Europa do século XXI.
Remataremos o faladoiro coas vosas preguntas e consideracións.

Agardámosvos!!!

A deriva autoritaria de Rajoy

Na España desta fin do 2013, a seguranza cidadá na rúa, que constituiu un problema de discreto nível de preocupación social hai uns vinte anos, non lle preocupa xa á cidadanía, agás manifestacións delictivas concretas como os roubos nas casas habitadas ou determinados secuestros “express”. Porén, o Goberno do Estado, consciente da súa total falla de creto e de “auctoritas”, vai tipificar a xeito de infraccións administrativas moi graves condutas perfectamente comprensíbeis nunha sociedade democrática avanzada, moito máis cando son os Gobernos e Institucións os responsábeis do malestar social, do recorte dos servizos públicos e do empobrecemento colectivo.
A xogada está, ademais, maquiavelicamente estudada, pois que sanciona as infraccións administrativas graves da seguranza cidadá con multas de 1001 a 30.000 € e as moi graves con multas de 30.001 a 600.000 €. E estas infraccións serán obxecto de denuncia policial dotada de presunción de veracidade a respecto das condutas denunciadas. Malia confíarmos na profesionalidade democrática dunha moi ampla maioría dos policías, o certo é que a centralización das competencias (agás Catalunya e Euskadi) no Ministerio do Interior determinará que só os máis submisos ás autoridades políticas serán promovidos a cargos policiais, vencellándose a emisión de denuncias ao devengo dos complementos salariais de produtividade.
Esta centralización das competencias en Madrid determinará tamén que sexan os órganos centrais do Ministerio os que impoñan as sancións máis graves, o que obrigará á cidadanía galega a recorrer perante os Tribunais contenciosos da Audiencia Nacional, que constitúe auténtica excepción ao principio constitucional de que nos xulguen os xuíces ordinarios legalmente predeterminados.
Alén diso, a interposición de recursos contencioso-administrativos contra as sancións administrativas do Ministerio do Interior obrigará aos recorrentes a aboar elevadas taxas e ao pagamento das custas procesuais no caso de perder o recurso, o que vai ocorrer moitas veces pola complexidade, para os avogados da defensa, de propor proba a xeito para destruir a presunción de veracidade das denuncias policiais.
Semella propio da Rusia de Putin. Pero vai ocorrer aquí.

Recentralización e aleivosía

O estado xurdido da Constitución do 1978 presenta moi importantes duplicidades administrativas que xeran desbalde de recursos e graves ineficiencias. Alguén tan pouco sospeitoso de nacionalista como o Presidente Fraga, consciente do mantemento de estruturas estatais que xa non tiñan sentido no noso réxime de autogoberno, propuxo a Administración única como solución, para que só o Poder Galego tivese o monopolio da execución, reducindo substancialmente as funcións do Estado.
Neste contexto, as primeiras duplicidades que haberíamos suprimir son as caducas Deputacións (26 M€/ano de aforro só na Galicia), a Administración periférica estatal cos seus Delegado e Subdelegados e o 60% dos Ministerios e Axencias estatais.
Mais seica Rajoy vai por outro camiño e velaí o informe recentralizador de Moncloa, que lle pide ao noso País a supresión do seu Valedor do Pobo, do seu Consello de Contas e doutras institucións.
A teima en facermos suprimir MeteoGalicia é absurda. Os galegos ignoramos á Axencia Estatal de Metereoloxía (AEMET) e confiamos no noso servizo meteorolóxico. Se cadra por sucedidos como o publicado o 15.01.2010 neste El Correo Gallego, que contaba como AEMET esquecera dar a alarma dun grave trebón ocorrido o 10 dese mes que si fora alertado por MeteoGalicia.
Canto ao Consello de Contas, pídesenos substituir este organismo, que só demora 2 anos en avaliar as contas públicas autonómicas, pola incompetencia dun “Tribunal de Cuentas”, puro cemiterio de elefantes e cun funcionamento irregular e asistemático. Canto á supresión do Valedor do Pobo cumpriría preguntarmos cando se preocupou o lonxano “Defensor del Pueblo” polas deficiencias dos servizos públicos no noso País.
Suprimirmos o Valedor e o Consello de Contas sería suprimir controis a prol da transparencia e contra da inmunidade do Poder.
Rajoy tenta unha recentralización alevosa cando está máis que demostrado que o centralismo madrileño é ineficiente e prexudicial para o tecido social e económico galego. O autogoberno é moito máis xusto e eficiente. Alén de consagrar o dereito fundamental dos galegos a defender e gobernar o noso.

Cataluña e Escocia sempre serán da UE

Semella que o medo en Londres a un eventual resultado positivo no referendo escocés pola independencia, o 18 de setembro de 2014, está a medrar de xeito substancial, xa que doutro xeito non se entenden as mensaxes medoñentas, certamente desaqueladas, dos prime ministers Cameron e Rajoy avisando que unha Escocia independente podería non ser admitida na UE.
Escocia pertence á Unión dende hai 40 anos, Cataluña dende hai case 28. Os dous países, de se declararen independentes, manterán o cumprimento do Dereito europeo. Manterán o cumprimento da Convención Europea de Dereitos Fundamentais e cadanseu sistema democrático. Os seus cidadáns están afeitos á pertenza a Europa e non poden ser privados automaticamente da súa cidadanía europea. Os seus territorios insírense na continuidade dos sistemas de transporte europeos.
Xa que logo, ten razón o profesor en Oxford e no European Policy Center, Graham Avery: “por razóns políticas e pragmáticas os escoceses non poden ser expulsados da UE e obrigados a pedir a readmisión. De se aprobar en referendo a independencia, os Gobernos escocés e británico e as institucións europeas negociarán durante o período de transición a integración de Escocia na UE, ao abeiro dun procedemento simplificado que garanta que a Escocia independente pertenza dende o primeiro minuto á UE”.
Este plantexamento é trasladábel ao 100% a unha hipotética independencia catalá, que presenta problemas constitucionais internos, nunca europeos. De todos os xeitos, como vén de publicar este venres John Palmer no xornal londinense The Guardian, o eventual veto español ao dereito catalán a decidir remataría por constituír un grave problema para o propio Estado español.
As negociacións entre London e Edinburgh ou entre Madrid e Barcelona para executar unha eventual decisión catalá ou escocesa a prol de cadansúa independencia serán moito máis sinxelas a respecto da continuidade na UE (reasignar os dereitos de voto ponderado, o número de eurodeputados e comisarios de cada Estado e outras decisións institucionais) ca noutros ámbitos nos que cumpriría facer partixas. Por exemplo, para distribuír a débeda pública.