Violencia na rúa

Os graves incidentes violentos das últimas semanas obrigan a unha seria diagnose da situación. Que pasa por recoñecer que o grao de violencia na rúa non respostou, ate de agora, á gravísima situación social, económica e institucional e á tensión social que vive a maioría da poboación. Pasa por afirmarnos sempre do lado das Policías, mais non necesariamente dos Gobernos que as dirixen; velaí a diferenza entre a prevención e represión policiais do 15-M do 2011 e do 22-M do 2014. E pasa por rexeitar a idea, a eito difundida por algunhas forzas “anti-sistema”, de que os incidentes da rúa son máis autodefensa social ca violencia. Afirmarmos esa idea é unha barbaridade en termos éticos, mais tamén políticos. Porque a reacción violenta da rúa fronte á política gobernamental non xera máis ca dor, represión e división social.
Dito isto, afírmolles a miña convicción de que o Goberno Rajoy non ten unha idea democrática da seguridade cidadá. Porque no canto de garantir o pacífico exercicio dos dereitos cidadáns na rúa está a usar o mesmo para favorecer, coa impagábel axuda dalgúns radicais violentos, a división social e o conflito. Velaí decisións políticas e operativas tan desafortunadas como deixar quince policías illados e inermes fronte a ducias de violentos, cargar no mesmo día contra unha demostración legal pondo en perigo a integridade física de crianzas e cidadáns ou, no caso dos incidentes do cerco en Santiago, disolver unha manifestación provocando unha descontrolada ruada e ulterior persecución cara o centro do Ensanche compostelán na hora da recollida dos colexios.
Xa que logo, semella que este Goberno non sabe ou non quere garantir a seguridade cidadá e tende usar este ben xurídico a xeito de instrumento para a súa política de división social e criminalización da discrepancia. Neste senso, a coincidencia entre estes incidentes e o debate previo a respecto do inconstitucional anteproxecto de lei de Seguridade Cidadá amosa ben ás claras esta instrumentación.
No caso de Galicia esta crise serve tamén para pór en valor a necesidade de transferir o mando da policía de seguranza á Xunta. Porque a garantía policial no exercicio dos dereitos require, no Mando e na Policía, proximidade e coñecemento do País e da súa cidadanía.

O café para todos

O recente pasamento de Adolfo Suárez lémbranos os erros da transición canto ao desenvolvemento autonómico. Uns erros que se deron, nomeadamente, nos anos posteriores, porque o deseño constitucional respostaba a criterios moito máis acaídos.
A Constitución recoñeceu que Galicia, Cataluña e Euskadi, por ter plebiscitado cadanseu Estatuto na República, tiñan dereito ao acceso inmediato a unha autonomía política, con cadanseu Parlamento e Tribunal Superior de Xustiza. Deseñábase un Estatuto de Autonomía “paccionado”, a negociar bilateralmente e ratificar nun referendum autonómico que de seu implicaba un certo recoñecemento do dereito a decidir. Definíanse Galicia, Cataluña e Euskadi como realidades políticas preconstitucionais facilitándolles cadanseu “status” de amplo autogoberno. A estes territorios engadíaselle Navarra, á quen se lle reintegraba o seu Foro, contemplándose a posibilidade futura de se integrar con Euskadi.
Canto aos restantes territorios, deseñouse un sistema aberto, onde eran as rexións as que tiñan que lle dar pulo á súa transformación en comunidades autónomas, mais dirixidas a un réxime competencial e institucional moito máis reducido, que podería ficar na mera autonomía administrativa sen Parlamento. Abrindo a porta para que as autonomías non históricas puidesen acceder á autonomía plena das nacionalidades a medio dun esixente referendum ou ampliasen o seu autogoberno aos cinco anos.
Este esquema rachouse coa política do “café para todos” que chegou ao enxendro xurídico de igualar as competencias das nacionalidades coas das rexións a medio da transferencia de competencias exclusivas do Estado. E Aznar púxolle o ramo á obra transferindo a sanidade e a educación a territorios que nin querían nin precisaban a xestión descentralizada destas importantes competencias.
Como lle eu dixen este día a Jordi Évole: “O erro foi o café para todos. E ficamos con úlcera de tanto café”.

Adolfo Suárez

Dicirmos Adolfo Suárez é dicirmos transición política española. Xa que logo, os que por razóns xeracionais non vivimos conscientemente aquel proceso quizais poidamos xulgalo máis obxectivamente ca os seus protagonistas e coetáneos.
Suárez, fillo dun republicano derrotado na guerra, foi un funcionario do franquismo que chegou á dirección da RTVE e á secretaría xeral do Partido único. Escoller ese camiño non era obrigatorio, como demostran outros coetáneos de Suárez (Pujol, Arzalluz, Nicolás Redondo…) que fixeron política contra o franquismo, sufrindo das resultas graves trastornos na súa vida. O Suárez que forma goberno quere afondar no reformismo e achegarmos un réxime homologábel con Europa. Mais o seu obxectivo fundamental é evitar a ruptura democrática, indo “da lei á lei”. A democracia virá dende o franquismo e existirá un pacto de impunidade a respecto das arbitrariedades da ditadura.
Este espírito de reforma pactada co Réxime permitiulle que as Cortes franquistas votasen a súa propia morte e legalizar un PCE que, en troques, asumía a Monarquía e a economía social de mercado. E permitiulle aterrar no Centro Democrático que fundara Areilza e usar con parcialidade o amplo aparello do Poder para gañar, sen maioría absoluta, as eleccións xerais de xuño do 1977 ás que non puideron concorrer determinadas forzas republicanas e nacionalistas.
Suárez foi quen de propiciar un amplo pacto político e económico para aprobar a Constitución e os Pactos da Moncloa. Mais tamén impuxo uns Acordos coa Santa Sede que blindaban a xerarquía católica, malia a formal aconfesionalidade estatal e deixou ben claro que o dereito a decidir de galegos, vascos e cataláns e a Monarquía ficaban out of question.
O mellor Suárez é o do seu derradeiro ano de Goberno. Aquel que revisa o Estatuto galego da aldraxe para homologar Galicia ás outras nacións históricas. O que lealmente recoñece os autogobernos catalán e vasco. Aquel que enfronta o Rei para non nomear Armada segundo xefe do Exército ou o que fuma displicente en claro desafío á barbarie de Tejero e Milans del Bosch. Aquel que sabe dimitir e dimite.
O Suárez das luces e das sombras. A transición das luces e das sombras.

O galeguismo útil

Case medio millón de galegos residen fóra do Estado (25% do total estatal). Se a isto lle engadimos un desemprego do 22% e un 54,3% de poboaciòn activa -fronte ao 59,6% estatal- podemos albiscar a magnitude da recesión en Galicia, alimentada por delongadas políticas de austeridade.
Mais non son só as políticas da austeridade as que fracasan. Tamén fracasan as políticas da dependencia e da subordinación, as que non son quen a reactivar os nosos sectores mar-industria e monte-industria, as que non poñen en valor os nosos portos como grande hub entre a nova canle de Panamá e a rica Europa do Mar do Norte. Ou as que non poden garantir un potente sector enerxético ou un medio rural ordenado e produtivo.
Para irmos cara políticas de éxito compre desenvolvermos un amplo autogoberno financiado a xeito. Mais, por riba de todo, compre acreditar neste País. Galicia ten demostrado abondo a súa capacidade de resistir. Cómpre agora que poida desenvolver un proxecto autocentrado e propio, aberto á España e toda Europa.
A fonda crise do bipartidismo dinástico actual xera as mellores oportunidades para que o galeguismo político puidese representar ese papel de liderado e remuda.
Mais ocorre que tanto o BNG como Anova priorizan un discurso de parte sobre un discurso global. E pódenlles a teoría e os apriorismos ideolóxicos sobre a capacidade de solucionar problemas e dialogar coa sociedade civil. Unha sociedade que vive tamén procesos de remuda e transformación que o galeguismo máis radical nin entendeu nin dixeriu.
O recentemente falecido Iñaki Azkuna, alcalde de Bilbao, foi bo representante desa nova mensaxe e estilo que precisa o galeguismo político. Porque soubo compatibilizar o seu nacionalismo vasco co imperativo que se impuxo de ser o alcalde de todos. Amosando que unha cidade socialmente cohesionada e con proxecto de seu é imparábel.
O galeguismo político só ten sentido como forza de goberno e como praxe aberta, universal e integradora da cidadanía toda. Dirixir a súa mensaxe á sociedade no seu conxunto e non só a unha parte dela será, nos anos vindeiros, o seu grande reto.

Cataluña y Escocia seguirían perteneciendo a la UE aún siendo independientes

Los primeros ministros británico y español, Cameron y Rajoy, se han hartado de amenazar a los escoceses y catalanes, respectivamente, con la automática expulsión de la Unión Europea en la hipótesis de que decidieran su independencia. En dicho empeño han obtenido cierta complicidad en el Presidente del Consejo Europeo, Van Rompuy y en el Presidente de la Comisión Europea, Durâo Barroso, mientras que la Vicepresidenta de la Comisión, Viviane Reding, también integrada en la derecha europea, se ha mostrado mucho más respetuosa con la eventual autodeterminación de catalanes o escoceses.
Es cierto que la segregación de Escocia del territorio del Reino Unido o de Cataluña del Reino de España determinaría el efecto de su exclusión de la Unión. Pero en absoluto lo es que ambos países (o cualquier otro que ejerza su autodeterminación en este sentido en el futuro) tuviera que integrarse necesariamente a través del largo y complejo proceso del artículo 49 del Tratado de la Unión Europea. Graham Avery, experto del European Policy Center, lo ha manifestado en un informe encargado por el Comité de Política Exterior de la Cámara de los Comunes. Para el experto británico, el procedimiento adecuado sería el simplificado del artículo 48 del Tratado de la Unión, que sirvió para admitir a los antiguos ciudadanos de la Alemania oriental en octubre de 1990. Un procedimiento simplificado que podría resolver, en el caso escocés, su integración en la Unión en los 18 meses previstos entre la celebración de un eventual referéndum favorable a la independencia hasta la efectividad de la misma. Esto es, se trataría de que Escocia pasara sin solución de continuidad, desde su pertenencia a la Unión como parte del Reino Unido hasta su pertenencia a la Unión como Estado independiente.
Graham Avery incluso duda de que se pueda excluir a los ciudadanos escoceses o catalanes de los derechos de una europeidad ininterrumpida de 40 años en el primer caso o de 28 en el segundo. Porque la Unión no es una mera asociación de Estados, sino una estructura institucional de base confederal que comporta derechos individuales para sus ciudadanos. Se ha ido construyendo una ciudadanía europea junto a la ciudadanía del propio Estado miembro. Y jurídicamente resulta muy poco claro que catalanes y escoceses puedan ser excluidos de esta ciudadanía al acceder sus países a la independencia.
Este argumento jurídico, junto con la evidencia de las ventajas para Europa de la continuidad territorial escocesa o catalana (se trata de países que aportan economías diversificadas con ciudadanías de alta formación laboral y buen nivel cultural) hace dudar absolutamente del escenario catastrofista que Durão Barroso, Cameron o Rajoy plantean. Literalmente para atemorizar a los ciudadanos catalanes y escoceses con las eventuales consecuencias de sus procesos de autodeterminación.
Es posible que los escoceses rechacen su independencia el próximo 18 de septiembre. Y también es posible que los catalanes no puedan decidir el próximo 9 de noviembre. Pero lo que resulta muy poco probable es que una decisión a favor de su independencia pudiese condenar a cualquiera de estos dos países a una prolongada espera a las puertas de una Unión a la que sus ciudadanos pertenecen por derecho propio y que forma parte de su sistema institucional y de valores.

Madrid e a España cañí

Concordo coa avaliación do profesor Antonio Carlos Pereira Menaut, constitucionalista da USC, considerando fracasado o proxecto de recentralización desenvolvido ao longo de máis de vinte anos de felipismo e aznarato. Un proxecto que imaxinou un inmenso “hub” aéreo (lembran o billón de pesetas,con b de burro investidos na T-4?) en Madrid, centro dun sistema radial de estradas e alta velocidade, mentres os eixos ferroviario atlántico e cantábrico, fulcrais para os obxectivos galegos foron aparcados ou ralentizada a aínda non rematada Transcantábrica.
PP e PSOE, canda as elites financeiras de Madrid, potenciaron a capital do Estado como único centro financeiro, de comunicación e empresarial, cando a Comunidade de Madrid contaba con só o 12% da poboación estatal. Tratábase de facer a España cañí, alicerzada sobre o eixo Madrid-Valencia/Murcia-Andalucía. Unha España que non entendía a súa propia pluralidade cultural, lingüística e de estrutura e vocacións produtivas. Esa España que deixou ao pairo na negociación do ingreso da CEE á pesca, gandaría ou construción naval galegas para beneficiar ás producións mediterráneas da oliva andaluza e da laranxa valenciá. Onde Esperanza Aguirre se permite requirir do millonario galego residente na Coruña: “Fulano, a ver cando vés vivir a España” ou a TVE non convida nunca a un artista que non cante en castelán.
É evidente o fracaso deste modelo, mais as persoas que crearon o problema seguen a mallar no mesmo: recentralización educativa potenciando o ensino en castelán, recorte de competencias fiscais ás autonomías, tarifa enerxética que grava aos países que producimos e ás empresas que coxeneran… Semellan non ser conscientes de que xa queren liscar máis da metade dos cataláns e vascos e da inviabilidade desa España cañí cun único cerebro que todo o entende e todo o sabe.
Tamén é evidente que só será viábel unha España policéntrica, en rede, que politicamente podería funcionar cun federalismo fiscalmente competitivo e moi descentralizado, ao xeito dos USA. Federalismo misturado con solucións confederais no que atinxe aos asuntos de lingua, cultura, educación e Dereito civil, polo menos no que respecta ás nacionalidades galega, vasca e catalá.

Un país sen industria

O peor dos datos do emprego na nosa Galicia xa non son uns níveis elevados de desemprego, unha baixa actividade ou a volta dunha sangría emigratoria. O peor é unha dinámica de desindustrialización que nos últimos cinco anos ten destruído un terzo do emprego industrial existente a mediados do 2008. De xeito que temos destruído todo o emprego industrial xerado nos vinte anos anteriores ao comezo desta Grande Recesión.
Certo é que a Xunta, agás accións illadas nos sectores do automóbil, non foi quen a estruturar unha política industrial. Mais tamén os gobernos de Zapatero e Rajoy careceron da mesma.
Durante o mandato do primeiro entrouse de esguello no debate da necesidade de sentar novos alicerces para a economía, de construir un modelo que fose quen de relevar a economía baseada no turismo e na construción. Mais ninguén voltou falar daquilo e o ritmo de destrución de emprego industrial no conxunto do Estado español foi, tamén, notábel.
Neste primeiro trimestre do 2014 seica hai algún sinais contraditorios na economía (non no noso País, onde case todo vai mal), mais dende logo non hai boas novas para a industria. Porque o incremento dos custos da enerxía (superior ao 30% a respecto de moitas empresas) ten compensado negativamente toda a mellora da competitividade exterior produto da deflacción salarial. E varios xigantes industriais enfrontan tensións imposíbeis de tesouraría, como o Grupo Torras. Importantes industrias galegas, pertencentes a sectores estratéxicos para este país, viven os seus peores intres desque principiou esta Recesión.
O recorte da capacidade produtiva ten sido moi importante. Mais o peor é que o emprego industrial é pouco recuperábel. Corremos o risco de destragar a capacidade de milleiros de bos traballadores que serán en poucos anos moi dificilmente substituíbeis.
Pablo Isla, presidente de Inditex, vén de dicilo ben claro no Foro Global de Bilbao: fóra das sociedades industriais é difícil acadar unha boa calidade de vida. Mágoa que os Gobernos non escoiten o que di a primeira empresa galega.

A (I)lóxica antisistema

Case todos estamos dacordo que, na Europa actual, está a avanzar un capitalismo financeiro que tende a liquidar todos os avances sociais obtidos despois de 1945 (no Estado despois do 1977) e que posibilitaron, co Welfare State e co Estado social e democrático de Dereito, a meirande liberdade e calidade de vida obtida na historia contemporánea universal. Tamén cómpre recoñecer que moitos partidos socialdemócratas europeos non foron quen a parar esta onda, senón que mesmo contribuiron á mesma, como os Blair e Zapatero de cadansúas derradeiras etapas.
Mais o recoñecemento desta indubidábel realidade non constitúe chata ningunha para arquivar definitivamente as políticas gradualistas de transformación social, de progresividade fiscal, de inclusión e cohesión social, de reformas electorais cara unha meirande transparencia e proporcionalidade, de igualdade de xénero… para adoptarmos unha táctica maximalista de todo ou nada onde se desprezan os avances transformadores co pretexto de que o que cómpre é facer unha revolución na que todos podemos estar dacordo contra que é, pero da que ninguén coñece o obxectivo. Mesmo adoito se teñen presentado estas actitudes baixo fasquía pseudocientífica, segundo teses defensoras de que xa non son posíbeis os sistemas mixtos porque a lóxica do capitalismo levaríao á liquidación de calquera concesión á integración social.
A historia moderna apréndenos que só as sociedades cohesionadas son quen a avanzar. Se non hai inclusión social haberá barbarie e mesmo violencia. Unha persoa oposta á integración social dos minusválidos ou á garantía social da suficiencia enerxética ou alimentaria da cidadanía non é conservadora, é fascista. E o fascismo tende á liquidaciòn do sistema democrático.
A política ten que xerar solucións concretas e de ampla base que enfronten os problemas económicos e sociais. E mentres algúns só consideren avanzar a medio de procesos revolucionarios, non serán posíbeis alianzas sociais amplas que lle dean pulo aos procesos de transformación que garantan a cohesión social. Porque só se pode reverter o actual proceso dende formulacións que se dirixan a todos ou case todos e non só a unha parte.
Gobernar supón decidir entre o malo e o menos malo todos os días. Non obrigar a escoller entre eu e o caos.

Concesións transparentes e eficientes

Quizais unha das máis graves consecuencias dos últimos escándalos sobre a corrupción en Galicia sexa o notábel dano sofrido a respecto da confianza da cidadanía na xestión dos servizos públicos que os concellos prestan en réxime de concesión. Existen dúbidas moi fundadas sobre a neutralidade da actuación de determinados políticos municipais, nomeadamente dos dous partidos maioritarios, canto á preparación, adxudicación e mesmo cumprimento e modificación de determinados procesos de contratación pública.
A falla de transparencia é unha das chatas fundamentais nestes procesos. O sector privado carece dun mapa claro sobre a vixencia, prezo, posibilidade de prórroga, persoal afecto, etc., das principais concesións. Deste xeito, as distintas empresas non poden preparar con tempo e dedicación propostas contractuais que xerarían moi probabelmente mellores ofertas e máis eficacia na prestación do servizos. Máis transparencia é, sempre, máis eficiencia.
Outra caste de eivas teñen unha nidia orixe lexislativa. Como a que permite formular ofertas claramente desproporcionadas ou anormais, nas que se sitúan as antigamente chamadas “baixas temerarias”. A solución normativa arestora vixente non é acaída, porque lles outorga ás Administracións Públicas amplísimas facultades para non considerar esta desproporción na normativa contractual ou para non considerala como eliminante na adxudicación. Exemplos temos a eito de propostas absolutamente anormais que, porén, obteñen a adxudicación contractual coma ponte a unha modificación (ou reformado) que lle salva os números á temeraria empresa adxudicataria, con grave dano para o interese público e para a libre concorrencia empresarial.
E, en último de contas, outra caste de medidas teñen a ver con procesos que garantan a meirande obxectividade, neutralidade e transparencia na adxudicación dos principais contratos, a medio da incorporación de representantes de todos os grupos municipais ás Mesas Xerais de Contratación ou para evitar esixir, de feito, unha dimensión empresarial que impida o acceso aos concursos públicos ás nosas pequenas e medianas empresas.

A forza das candidaturas abertas

Percorre a nosa sociedade a necesidade de acadarmos a transparencia do sistema de representación e máis a rexeneración das estruturas políticas, o que conleva precisamente a adopción das candidaturas abertas, a elección dos candidatos en primarias abertas á cidadanía e mesmo a adopción de mecanismos de control, como a posibilidade de que a cidadanía poida instar, na metade do mandato do cargo representativo correspondente, un referendo que confirme ou revogue o cargo eleito para o resto do mandato.
Fronte esta onda de cambio álzanse as xerarquías burocráticas das organizacións do bipartidismo dinástico -e máis algunhas outras- que queren manter un “status quo”, no que un Xefe manda e unha pequena elite dirixen os Partidos. Partidos nos que se tenta recrutar xente pouco crítica e pouco pensante, que non cuestione as ideas e ocorrencias dos líderes nin a lóxica interna destas burocracias. En troques, os partidos, nomeadamente PP e PSOE, provén de postos de traballo ben retribuídos a persoas que, malia o seu carácter de cargos gobernamentais, orgánicos ou eleitos, non teñen capacidade real de modificar nin influír no discurso e programas do Partido.
Co sistema de candidaturas abertas e coa elección dos candidatos en eleccións primarias abertas a afiliados, simpatizantes e simples cidadáns que manifesten a súa adhesión ao proxecto do Partido correspondente, tronzarase o mecanismo xerárquico que lles impide a moitos líderes cívicos fornecer as candidaturas. Nun sistema transparente e democrático de primarias o líder veciñal ou social, o profesional, o bo xerente, o comunicador ou o intelectual poderán concorrer con bo suceso fronte aos funcionarios de Partido favoritos de cadansúas direccións endogámicas. Abriranse as fiestras e ventilarase o abafante ambiente político, onde se achegarán persoas con opinión, traxectoria social e dedicación profesional de seu allea á política. Para alén diso, os candidatos estarán moito máis pendentes de conectar coas bases e coa sociedade e deixarán nunha terceira orde a compatibilidade cos burócratas ao mando.
Candidaturas abertas, primarias abertas á cidadanía, referéndum revogatorio e moita máis proporcionalidade electoral sen umbrais mínimos. Velaí unha boa proposta para acadarmos máis e mellor democracia.