Galicia e a España única

O prestixioso constitucionalista galego, profesor Blanco Valdés, vén de se laiar da suposta “desaparición do Estado” en Cataluña e Euskadi e dunha excesiva influencia destes dous países na política xeral do Estado. Contrasta a súa opinión coa do non menos prestixioso constitucionalista galego -docente na mesma USC- profesor Pereira Menaut para quen o Estado se alicerza nunha recentralización que atenta contra a plurinacionalidade española e xera unha ineficiente concentración de recursos económicos e políticos en Madrid condenando á irrelevancia aos territorios alleos ao eixo Madrid-Andalucia-Valencia-Murcia e ás culturas distintas da madrileño-andaluza como cultura de exportación española.
Non entendo moi ben o da presenza ou desaparición do Estado nos territorios. É preciso, para que o Estado estea presente, que programemos nas nosas festas touradas ou outras manifestacións culturais madrileño-andaluzas? Cómpre, para termos presente ao Estado, recentralizar as políticas de execución para xerar máis ineficiencia? Son precisas máis políticas de Estado prexudiciais para o País, como a desprotección do sector naval, a penalización da nosa enerxía ou a persecución fiscal dos nosos emigrantes retornados?
O Estado actual sofre dunha chea de disfuncións, nomeadamente xeradas por desenvolver na dimensión errada políticas que haberían ser europeas (defensa, diplomacia, coordinación fiscal e bancaria) ou galegas (réxime local, promoción empresarial, portos, aeroportos e demais infraestruturas…). E xa non resposta ás necesidades dunha gobernanza moderna e non centralizada. Para alén diso, o Estado está concibido para unha España única e o traxe rebenta coas realidades nacionais galega, catalá e vasca. Probabelmente, unha gobernanza en rede, confederal nas cuestións de lingua, cultura, educación, Dereito Civil e réxime local e que recoñecese o dereito a decidir dentro de determinados requisitos e procedementos, podería resolver a convivencia plurinacional española. Mais ninguén quere falar en Madrid disto.
A cidadanía galega non gaña nada na defensa da España única. A recentralización prioriza outros territorios, outras empresas e outras xentes. Desexemos, pois, que os nosos líderes, principiando polos líderes de opinión, sexan quen a ver esta realidade.

A Europa das solucións

Ninguén pode dubidar da mala condución das políticas da Unión Europea durante esta Grande Recesión. A obsesión pola prevención da inflación e un deseño errado do Banco Central Europeo favoreceron a contracción económica e a crise. A lentitude na unión bancaria e na coordinación de políticas fiscais e a falla dun auténtico Orzamento Europeo agravaron os desequilibrios e empobreceron millóns de cidadáns europeos. A sobrecotización do euro prexudicou as exportacións e obrigou ás devaluacións salariais internas que arestora estamos a vivir.
Cómpre, pois, mudar as políticas europeas. Mais de ningún xeito orientarmos as solucións polos camiños de menos Europa ou por sairmos da Unión ou do euro. As solucións aos nosos problemas non están fóra da Unión Europea. Están dentro da UE e piden máis e mellor Europa. Piden avanzar na democratización das institucións europeas, até que o Parlamento desfrute do monopolio do poder lexislativo. Piden un Presidente eleito por sufraxio universal, unha única diplomacia e unhas únicas forzas armadas, como defende o flamengo Guy Verhofstdat, candidato polos demócratas europeos á Presidencia da Unión. Reclaman máis orzamento contra os desequilibrios, aproximación das polìticas fiscais e políticas de pulo ao crecemento e á investigación e atención real á cidadanía. Non foi Europa, senón o Goberno estatal do PSOE quen vendeu os intereses do naval ou da agrogandeiría galega. Non foi a Unión, senón o Goberno estatal do PP quen aceptou a prohibición para construír barcos civís en Fene. Non foi a Unión, senón os Gobernos estatais do PP e PSOE, os que gastaron un billón de pesetas de Fondos europeos á cohesión na nova terminal de Barajas.
E si foi a Unión quen lle deu pulo á igualdade laboral efectiva entre homes e mulleres e o seu Tribunal de Xustiza quen declarou ilegal o procedemento de execución hipotecaria para garantir os dereitos do consumidor e quen está a modificar substancialmente as regras do proceso civil español en beneficio do cidadán usuario.
Desconfiemos, logo, dos euroescépticos. Porque a Galicia convenlle, decididamente, máis Europa. E, de ser posíbel, sen intermediarios.

A aconfesionalidade laica

É inimaxinábel unha Galicia sen a Invención apostólica ou o Camiño de Santiago, do mesmo xeito que Roma sen a Sede de Pedro. Inglaterra e Escocia levan en cadansúas bandeiras as cruces de San Xurxo e Santo André, como nosoutros levamos no noso escudo o Sacramento de Lugo. A cruz define cadansúas bandeiras suíza, norueguesa, sueca ou danesa. Xa que logo, non se pode entender a cultura e a civilización europeas sen o cristianismo, que constitúe, asemade, a principal achega aos valores comúns da ética civil europea. Ao tempo, o cristianismo foi quen de enfrontar, hai xa moitas ducias de anos, a separación entre as cuestións políticas e relixiosas, separación que segue pendente noutras relixións monoteístas.
Malia todo isto, na Europa aínda non fomos quen a deixar de lado condutas incompatíbeis coa aconfesionalidade laica recollida nos nosos sistemas constitucionais. Deste xeito, na Galicia e no Estado seguimos a celebrar Funcións do Voto, Ofrendas ao Apóstolo e funerais de Estado que non han ter acollida neste tempo, lugar e réxime político. Por outra banda, Mr. Cameron, o premier británico, vén de defender unha volta a uns valores relixiosos que xa non son comúns a unha Britania pluriconfesional. Semella que confundimos a antropoloxía cristiá (que evidentemente informa Europa) con rituais concretos que xa non integran toda a cidadanía.
Velaí a necesidade de sermos nomeadamente coidadosos en preservar esta aconfesionalidade laica, de xeito que ateos, agnósticos, cristiáns e membros doutras relixións poidan partillar uns valores convivenciais comúns, sen que uns ritos acaden prioridade simbólica sobre os outros. Agora ben, “aconfesionalidade laica” non significa “indiferenza laicista”. É evidente que os diferentes cultos han ser considerados dende unha radical igualdade de trato que, porén, teña tamén en conta cadansúa implantación e labor social. Polo que o labor social e a raigame popular das organizacións católicas non poden ser esquecidas.
O que si faría ben a Igrexa Católica sería esquecer esa mistura visual entre relixión e civilidade que se segue a dar nalgúns actos públicos e que prexudica, máis ca a ningunha outra cousa, á singularidade e autenticidade dos propios valores cristiáns.

O entendemento PP-PSOE

Xosé Blanco e Alberto N. Feijóo veñen de deixalo claro abondo: os cidadáns han elixir só entre PP e PSOE. As outras alternativas servirían simplesmente para “estragar o voto”, porque só os partidos maioritarios son dignos de ter en conta.
En realidade, desque as enquisas anuncian o derrubo ou, polo menos, a substancial diminución electoral do bipartidismo dinástico, PP e PSOE andan a se apoiar reciprocamente, como se a sorte electoral do primeiro fose definir a sorte electoral do segundo. Porque as enquisas prognostican, no nível estatal, un 50-55% de votos para ambos os dous partidos cando nas eleccións xerais do 2008 ou nas europeas do 2009 acadaron porcentaxes de até o 80-85%.
Dende 1982 sempre gobernou na Moncloa un destes partidos sen a participación dun terceiro, agás no que atinxe a apoios puntuais parlamentares. Deles é toda a responsabilidade da dirección da loita contra as crises económicas e a actual Gran Depresión, da definición do modelo económico que fracasou nestes anos e máis da ocupación das Institucións do Estado (entre elas os Tribunais Constitucional, Supremo e de Contas). Sen nos esquecer da reforma express da Constitución que acordaron en 24 horas, por imposición da chanceleira alemá, para priorizar o pagamento da débeda a respecto do gasto social, sanitario ou educativo.
Xa que logo, a Depresión económica e a grave crise institucional son, en boa parte, responsabilidade do PP e do PSOE. Eles son o problema e non a solución. Polo que a desafección cidadá respecto dos dous de sempre constitúe un comportamento racional e lóxico.
Mentres, PP e PSOE amósanse máis preocupados por cadansúa supervivencia burocrática ca pola adopción das transformacións sociais, institucionais e económicas que esixen os tempos. Unha supervivencia burocrática que os obriga a mirar por manter as ducias de milleiros de cadros que viven da súa ocupación institucional. E que fai cada día máis factíbel esa Grande Coalición que debullan a pouco que saibamos ler entre liñas.

O afogo do audiovisual galego (II)

Outravolta a entrega dos premios Mestre Mateo do sector audiovisual galego pon baixo o foco a deconstrución inmisericorde nun sector que achegaba (canda o resto das industrias culturais) antes da Gran Depresión máis do 3% do PIB galego (6% na Europa).
Hai agora 25 anos das primeiras tres longametraxes galegas (Sempre Xonxa, Urxa e mais Continental) e 15 da Lei galega do Audiovisual do 1999 que o Parlamento galego aprobara por unanimidade e definira un marco, hoxe semella que acaido, para o desenvolvemento dun sector que xerou moitísimos retornos. Pensemos que o 80% dos gastos dunha longametraxe invístense en pagar soldos aos traballadores (de 400 a máis de 1.000).
Mais o Goberno de Feijóo decidiu que o audiovisual non é un sector estratéxico. E o Goberno do Estado, ao subir o IVE do 8% ao 21%, decidiu que a creación cultural constituía un luxo asiático, mentres que a merca de obras de arte, actividade estratéxica para as elites, recibía de contado o agasallo da rebaixa do IVE ao tipo xeral do 10%. A mensaxe era nidia: o sector non lle era grato aos gobernantes. Nas prudentes verbas dun voceiro do sector no 2012 “de hoxe en diante convén confiar nos Poderes Públicos”.
E, malia o 60% de taxa de desemprego sectorial e os máis de dous mil empregos perdidos desde que principiou a crise, a creación audiovisual galega segue viva, amosando a altísima capacidade técnica e profesional do sector. Mais ocorre que as canles de distribución, polo menos na Galicia e no Estado, non son quen de pagar dignamente uns produtos de grande calidade. Por mor da roñería dos Gobernos actuais, ben é certo, mais tamén por erros na planificación do desenvolvemento dun sector que debeu pensar na súa internacionalización.
Mais, no que atinxe ao mercado interno, sucede que os galegos gostan dos seus produtos audiovisuais. Pero é dez veces máis doado que un produto de serie D de Hollywood chegue aos nosos mozos ca un produto sobranceiro do noso audiovisual. E iso ten solución. Custa cartos, autoaprezo e imaxinación. Mais achegará un lote de retornos económicos e sociais.
Un país que non é quen de vender as súas historias será, sempre, un país irrelevante. Se non contamos as nosas historias, outros contarán as súas. E teremos que lles pagar royalties.

Galicia vs. catro provincias

A demarcación xudicial que prantexa o ministro Ruiz-Gallardón volve caer no erro da lei de modernización do goberno local: basear a actuación do Estado nunha división territorial, a provincia, que non pertence a este tempo e só xera problemas no canto de resolvelos.
A reforma xudicial prantexada suprimiría todos os xulgados actuais para integralos en cadanseus Tribunais de Instancia civil, penal, social e contencioso-administrativo ubicados nas capitais de provincia, malia que poderían abrir delegacións noutras cidades e vilas. Xa que logo, trataríase de vincular a actividade xudicial a catro cidades galegas que non acadan por xunto o 18% da poboación global. Destragando o importantísimo investimento que leva facendo a Xunta na dotación de equipamentos xudiciais entre 1997 e 2009. E danando substancialmente o equilibrio territorial do noso País, baseado en grande medida nas nosas sete cidades e no rol de equilibrio de vilas como Monforte, O Barco de Valdeorras, Viveiro, Verín, Arzúa, Corcubión-Cee ou Carballo no artellamento dun equilibrio territorial e na achega dos servizos á poboación.
Porque a reforma afasta a xustiza da cidadanía, como xa fixeron Gallardón coas taxas e Caamaño coa regra de condenar nas custas aos cidadáns que perdesen os seus recursos contencioso-administrativos. E descoñece a distribución poboacional do noso País, que non se basea nunha gran capital como Cataluña, Aragón ou o complexo Madrid-Castelas. Hoxendía as catro provincias de Javier de Burgos, de cadanseus 400.000 habitantes no 1833, non teñen ningunha caste de pegada social nin virtualidade integradora.
Velaí a importancia de facermos unha organización territorial antes de que nola fagan. Se tivésemos suprimido as provincias ao comezo da transición teríamos gañado moito equilibrando o territorio e aforrando duplicidades. E evitaríamos agora as ocorrencias centralistas deste Goberno na administración xudicial e no goberno local.
Sen nos esquecer que, ao abeiro do noso Estatuto, só a Xunta pode fixar a poboación sede das demarcacións xudiciais. Mais o Goberno galego hai tempo que deixou de defender diante de Madrid os intereses do noso País.

O anticatalanismo primario

Sectores importantes da sociedade española, nomeadamente da madrileña (longamente beneficiada en renda e infraestruturas polo chamado efecto-sede) manteñen a respecto da periferia española, das realidades nacionais catalá, galega e vasca, unha relación de polos opostos, unha dialéctica de amigos contra inimigos, onde é imposíbel cooperar para gañar ti e gañar eu. Percíbese nidiamente coa negación ao chamado dereito a decidir dos cataláns e percibímola tamén a respecto de Euskadi. Algúns dirían que esa dialéctica non existe a respecto de Galicia. Mais velaí temos feitos como a prohibición da construción naval civil até 2015, a desatención das nosas vocacións produtivas fronte ás mediterráneas, castelás e andaluzas dende 1985 ou mesmo a oposición, tinxida ás veces de falso paternalismo, a consolidarmos Nova Galicia Banco como oferta bancaria de noso ou a defendermos sectores empresariais galegos emerxentes, como o das enerxías renovábeis.
As elites españolas que viven do capitalismo castizo do BOE teñen claro os seus territorios amigos: Madrid, Valencia, Murcia e, no que atinxe a manter o equilibrio de rendas e o predominio cultural, Andalucía. O resto, como di o constitucionalista galego Carlos Pereira Menaut, somos prescindíbeis. Ou, en acertadas verbas de Iñaki Anasagasti, “estraños”.
Este martes o Congreso desbotará a proposición de lei orgánica (aprobada por unha amplísima maioría do Parlament catalán) para que a Generalitat poida convocar un referendo o 9 de novembro, co que ficará xuridicamente pechada esta vía e só será posíbel, no ámbito das competencias exclusivas da Generalitat, convocar unha consulta non vinculante. Mais semella que esta dinámica de enfrontamento entre cadansúas maiorías parlamentarias catalá e española non pode demorarse indefinidamente.
Porque, se unha parte ampla do electorado dun país que integra un Estado -á súa vez inserido na Unión Europea- quere decidir a respecto da relación ou integración que quere ter con ese Estado, mantendo a vinculación europea, é moi difícil resolver a cuestión, apelándose só á Constitución e sen xerar en Cataluña máis insatisfacción e desafección.
Non hai dúbida. Terá que intervir a política, a conciliación, o win to win, máis cedo ca tarde.

A extorsión eléctrica

Na economía de mercado é esencial a libre concorrencia. E precisaremos dun Regulador que mire só polo consumidor canto menor sexa o grao de concorrencia e maior a concentración empresarial do sector.
A distribución de enerxía en España é un mercado oligopolístico de tres empresas (Gas Natural-Fenosa, Iberdrola e Endesa) que non compiten de feito, mantendo acordos fácticos que lles garanten cadansúa posición territorial de monopolio. Por outra banda, son empresas de elevada capitalización bursátil que manteñen relacións privilexiadas co Poder estatal e cos partidos do bipartidismo dinástico PP-PSOE (Felipe González é conselleiro de Gas Natural-Fenosa e José María Aznar asesor de Endesa), inspirando, deste xeito, a política tarifaria, a regulación do sector e mesmo a execución no día a día da regulación.
O problema tense agravado coa política desenvolvida polo ministro Soria. A tarifa eléctrica e a ruptura das regras do xogo canto á produción de renovábeis condenou a millóns de usuarios á pobreza enerxética, incrementou substancialmente os custos de produción da industria e reduciu a retribución percibida por esta pola coxeración, prexudicando gravemente a súa competitividade no peor desta depresión.
Galicia é a gran prexudicada desta inxusta regulación. Porque pagamos máis cara a enerxía, penalizándose a produción para subvencionar o custoso transporte, nunha regulación feita no interese do Madrid consumidor e nunca produtor.
Porque a ruptura das regras de xogo a metade do partido inviabilizou o noso sector eólico, onde hai só 5 anos éramos líderes europeos e mundiais.
Porque os concellos sofren unha sobrefacturación ao lles aplicar Gas Natural unha discriminación horaria non axeitada, que detraiu ilegalmente millóns de euros aos concellos, que se terían destinado a servizos sociais.
O sistema enerxético español prexudica ás empresas e familias para lles garantir ás tres empresas distribuidoras uns ingresos nunca xustificábeis no mercado. Unha vez máis, velaí a mentalidade arancelaria, allea á libre concorrencia, do rexistrador da propiedade Mariano Rajoy Brey.