A desfeita do bipartidismo

PP e PSOE tiveron o peor resultado dos últimos 25 anos en Galicia e no Estado. O PP baixa ao 35% na Galicia, perdendo quince puntos a respecto do 50% obtido no 2009 e o PSOE ao 21% fronte ao 35% que tiña hai cinco anos. No Estado o PP perde 8 escanos (de 24 baixa a 16), cun 26% e o PSOE 9 (de 23 a 14). Izquierda Unida e aliados (AGE na Galicia) foi terceira forza política, mentres que Podemos, con 5 escanos constituíu a sorpresa da xornada, acadando a cuarta posición na Galicia e no Estado. O BNG baixa do 9 ao 8%, mais a súa coalición con EH-Bildu retén un escano, mentres a Coalición por Europa, partillada por CompromisoxGalicia con CiU, PNV e CC, obtivo 3. Porén, o subsistema electoral galego perde identidade, asemellándose ao esquema estatal non só nos grandes partidos, senón ás súas alternativas na esquerda e na dereita. Sen dúbida que o galeguismo ten moito a reflexionar cara as municipais do 2015, onde se xoga unha posición real de alternativa ao bipartidismo que está a se esfarelar.
Nos resultados estatais cómpre salientar a elevada participación catalá, onde ERC acadou o “sorpasso” a respecto de CiU e onde as eleccións interpretáronse en clave de apoio ao chamado dereito a decidir. Catalunya constituíu a cara a respecto da cruz galega canto ao apoio a forzas nacionais, demostrando que o seu sistema político está totalmente independizado do español, co PP e o PSC a niveis moi minoritarios. Canto a Euskadi gañou o PNV, malia que EH Bildu gañase en Guipúscoa e Álava.
Na Europa salienta o trunfo dos socialistas en Portugal, dos nacionalistas do Scottish National Party (SNP) na Escocia (ás portas do referendo de setembro), o da Front Nationale de Marie le Pen na Francia, a da esquerda radical de Syriza na Grecia, a das forzas da grande coalición de goberno alemá e a do eurófobo UKIP (Partido da Independencia) en Inglaterra. Baixa o PP europeo, soben os non adscritos e euroescépticos da dereita radical, manténdose demócratas e liberais, verdes e socialistas. Juncker será Presidente da Comisión Europea, mais socialdemócratas, liberais e demócratas e verdes e nacionalistas terán unha importante presenza no Parlamento Europeo. E influirán decisivamente na gobernanza, á vista da corrección á baixa do PP europeo.

Aquelar a Lei Concursal

No ano 2003, na segunda lexislatura de José María Aznar, que daquela tiña maioría absoluta, aprobouse a vixente Lei Concursal. Vaia por diante que a aprobación foi por unanimidade, hoxe non cómpre falar de política partidaria.
O texto viña precedido dun amplo ditame na Comisión de Codificación do Ministerio de Xustiza e publicitábase como unha ferramenta para resolver axiña as crises empresariais. Dende unha perspectiva de crecemento económico moi intenso e pouco equilibrado, tratábase de botar fóra axiña ás empresas en dificultades para que os seus problemas non apodrecesen e se transmitisen ao resto do tecido empresarial.
Veu a crise e a Lei Concursal, malia mellorar a moi vella regulación anterior, demostrou a súa incapacidade para servir de canle á supervivencia das empresas. Máis aínda, foise xerando unha dinámica procesual, alicerzada sempre nos mesmos xuíces, auditores e avogados, que esquecía o principio de mantemento da empresa en funcionamento e priorizaba as liquidacións das empresas e dos activos empresariais. Casos houbo recentemente, na nosa Galicia, nos que os Bancos e Administracións Públicas acredoras rexeitaron a mantenta acordos que poderían garantir a supervivencia empresarial, cando na fase posterior de liquidación, a subhasta da empresa no seu conxunto deu cartos abondo para pagar a todos os acredores. Mentres, había quen fachendeaba da súa celeridade en tramitar os concursos, case sempre para rematalos coa liquidación dos activos da empresa e o despedimento dos seus empregados.
É verdade que no 2009, 2011 e 2012 se promulgaron reformas para simplificar e abaratar os procesos concursais. E que as recentes reformas de marzo do 2014 favorecen a salvación dalgunhas empresas. Mais é difícil que as pemes concursadas receban o coidado que as grandes (Fadesa, Pescanova) receben dos bancos, Seguridade Social e facendas públicas, que son os acredores cotiáns en case todos estes procesos.
Velaí o repto do futuro. Aquelar a Lei Concursal para salvar máis pemes e para reestruturar o pasivo das familias que o precisen. Aquelando, tamén, as actitudes, principiando polos profesionais.

Solucións para o galego

No que atinxe á nosa lingua propia, hailles feitos evidentes. Galego e portugués son ponlas do mesmo tronco lingüístico, afastadas pola separación política dos irmáns do sur. Deste xeito, mentres o vello galegoportugués chegou ser o código común de 230 millóns de persoas na Africa e Asia lusófonas, Portugal e Brasil, na Galicia foi excluído da vida administrativa, relixiosa e profesional por parte das autoridades civís e eclesiásticas, moitas veces foráneas, como escrebiu o padre Sarmiento. Velaí que o galego tivese de fixar o seu propio padrón culto pola falla secular de uso nos ámbitos da vida empresarial, educativa e do pensamento. Foi este un proceso non sempre comprendido polos falantes naturais dunha lingua usual moi deturpada e a respecto do que a minoría dos inimigos da lingua despregou un bo feixe de lugares comúns. Mais o proceso desenvolveuse e o galego ten, hoxe, un padrón culto.
Tamén é evidente que a maioría da cidadanía quere o galego como algo propio. Como ven de escrebir unha revista norteamericana, que un dos xeitos seguros de anoxar un galego é alcumar a súa lingua de ¨dialecto´. Mais existe unha minoría moi influínte que rexeita todo empoderamento da nosa lingua. Probabelmente pola vaga noción de que un galego empoderado supón unha transformación social que non lles beneficia. Esta minoría chegou mesmo condicionar en grande medida a política lingüística do PP de Feijóo, que abandonou o consenso unánime do Plan de Normalización do 2004.
Que solucións precisa o galego? A igualdade xurídica real, que equipare as dúas linguas oficiais en dereitos e deberes e estableza unha decidida política de discriminación positiva en todas as ordes da vida social e pública. Unha apertura real ao mundo da lusofonía, para que a cidadanía sinta a utilidade de dominar dúas das máis útiles linguas do mundo. E o recoñecemento de que o castelán pertence xa a esta sociedade e constitúe a lingua de centos de milleiros de galegos.
Son, pois, tempos de novos consensos para lle dar solucións á nosa lingua. Creación única do noso pobo. Mais, tamén, unha ferramenta útil e valiosa na Europa e no mundo do século XXI.

Sonlles así

Os comentarios machistas do candidato Arias Cañete reflicten unha mentalidade antiga, prexuizosa e pouco aquelada á propia dunha sociedade europea, moderna e avanzada. Chove sobre mollado, porque xa no 2000 proclamara nunha das súas ocorrencias que o regadío había que usalo con xeito, como ás mulleres. E, para a nosa desgraza non é o único caso. Porque estamos diante dun fenómeno bastante xeneralizado na sociedade. Hoxe é o machismo, mais tamén o racismo e a homofobia.
As persoas prexuizosas, que acreditan que a homosexualidade ou transexualidade son doenzas, que a muller é unha cidadá de segunda ou que os brancos sómoslle máis listos ca os negros, non constitúen unha excepción illada, malia que por sorte non sexan maioría. Pero é indubidábel que teñen certa presenza en determinadas elites, como concordarán os que de xeito cotián ou espallado partillen determinados ambientes. Os que tiñan que dar exemplo coas súas actitudes democráticas e integradoras moitas veces non o dan. E, claro, tras dun homófobo Putin hailles millóns de rusos. Como son moitos centos os que apupan os xogadores negros nas canchas de fútbol españolas ou italianas.
Di SOS Racismo Galicia que o problema xa o temos nas nosas cidades. Que nos centros de ensino e no Twitter multiplícase o acoso ás persoas de pel escura. E os observatorios de violencia de xénero denuncian que moitos dos nosos adolescentes teñen interiorizado roles patriarcais: mulleres submisas e homes ciumentos.
En realidade unha mentalidade machista, homófoba ou sexista é propia de persoas pouco intelixentes, reaccionarias e refractarias ás novidades. Velaí que sexa un problema, nomeadamente, de educación. Mais tamén pode chegar a ser un problema de convivencia cívica e de seguridade cidadá.
O que é máis seguro, polo de agora, é non acreditar nesta caste de personaxes para dirixir nin a comunidade de veciños. Porque, como moi ben saben vostedes, sonlles así.

Recoñecermos o dereito a decidir

O proceso da sociedade civil catalá cara ao recoñecemento do seu dereito de decisión, a desafección da maioría vasca a respecto da súa integración constitucional no Estado e máis a gravísima crise política xerada pola ocupación das institucións polo bipartidismo dinástico obriga a pensar en solucións xurídico-constitucionais que fagan coexistir o dereito a decidir coa estabilidade dos acordos constitucionais para a convivencia común das distintas nacións no Estado. Non por acaso foi a declaración parcial de inconstitucionalidade do actual Estatuto catalán e o inmobilismo do Goberno do Estado a respecto do cumprimento das súas disposicións financeiras o que moveu aló o actual proceso social a prol da autodeterminación.
Na propia Constitución existen dúas normas, a Disposición Adicional Primeira e a Disposición Transitoria Segunda, que permitirían garantir un estatuto especial a Cataluña, Euskadi -e Navarra- e Galicia (como de feito se tiña decidido no 1978), delimitando as nacionalidades das rexións que o artigo 2 da Constitución enuncia e non determina. A Disposición Adicional Primeira abeira e respecta os dereitos dos territorios forais e dispón a súa actualización estatutaria. A Disposición Transitoria Segunda acordaba o inmediato acceso ao máximo grao de autonomía constitucional dos territorios que tiñan plebiscitado durante a II República cadanseu estatuto (as tres nacionalidades).
Trataríase, pois, de refundir dende o concepto de “dereitos históricos” o concepto máis limitado de “foralidade” para abranguer Cataluña, Galicia e quizais Canarias, incorporando á Disposición Adicional Primeira o seu estatuto xurídico, blindando as súas competencias exclusivas e financiamento automático, recoñecéndolles plenas facultades en lingua, cultura, educación, Dereito Civil e réxime local e deseñando un réxime federal asimétrico nas outras materias competenciais. A norma abriríase tamén a recoñecer o dereito a decidir, de xeito que estes países puidesen acceder a outros marcos de relación co Estado, a medio de referendums nos que se esixirían concretos requisitos de participación e a súa non repetición nun determinado período de tempo, ao xeito da lexislación que rexe no Quebec.

A Europa das persoas

A desafección cidadá a respecto do proxecto europeo xorde dun sistema institucional afastado e incomprensíbel. Nin os xuristas comprendemos unha andamiaxe institucional moi complexa, onde o Parlamento vai gañando competencias, pero non é a base única de lexitimidade nin de poder institucional, onde a Comisión Europea non é aínda un auténtico goberno e onde os estados reteñen as funcións esenciais, nomeadamente no que atinxe ao pulo da transformación constitucional da Unión Europea. Estados que desenvolven un xogo duplo, porque sempre aproveitan para lle botar as culpas á Unión das decisións impopulares que adoptan eles propios no Consello Europeo.
Outro factor de desafección é un Banco Central Europeo (BCE) independente de toda supervisión democrática. Un Banco Central non pode ser un departamento administrativo calquera, precisa dun certo “status” que garanta a súa autonomía e actuación profesional. Mais non pode asumir o rol de dirección da política monetaria europea sen se vencellar ao benestar das persoas. Porque, nesta crise, a súa absoluta e incomprensíbel independencia e máis a obsesión constitucionalizada polo control da inflación xeraron as condicións dunha treboada perfecta. E cando Draghi actuou con seriedade na defensa do euro para garantir a liquidez do sistema, atopámonos con que o BCE non podía financiar territorios nin Estados como Banco de derradeiro recurso, senón que tiña que facelo a medio duns bancos que aproveitaban esa barra libre de liquidez para axustar cadanseus balances recibindo diñeiro público ao 0,50% e prestándollelo aos Estados ao 3,50 por cento, mentres as empresas agoniaban pola falla de circulante.
Se os cidadáns non entenden un sistema político europeo que dista aínda de ser democrático e se a politica monetaria do BCE xerou tanto malestar social non é estraña esa desafección. Mais só dende dentro é posíbel transformar a Unión Europea, a medio dun conxunto de reformas institucionais e políticas que recuperen a democracia e a proximidade. A medio de reformas que constrúan a Europa das persoas.

Extraños en Madrid

O Madrid da postmovida era aberto, acolledor e liberal. Chamarse Roser, Koldo ou Xoán era un plus para gañares a curiosidade amábel da contorna. Cando no teléfono do pasillo dun colexio maior falabas en galego, euskera ou catalán coa túa familia ou con amigos da terra, os teus compañeiros da Castela ou Extremadura ollaban con complicidade e simpatía. Gostaban as letras en galego de Antón Reixa cos Resentidos e as de Serrat en catalán e o cinema e as equipas futbolísticas vascas. Políticos nacionalistas como Pujol, Roca, Garaikoetxea, Mariñas, Bandrés ou Camilo Nogueira eran respectados e escoitados.
Esta realidade mudou totalmente nestes 20 últimos anos. Falar galego polo móbil nun taxi ou nun bar madrileño é unha experiencia que se desenvolve moitas veces nun clima de silente estrañeza e hostilidade. Cos antigos compañeiros de carreira e amigos dalí xa non se pode falar de política nin de temas conexos. Todos profesionais ben formados, asumiron porén o discurso unánime dos seus “media” e acreditan que aquí non se pode estudar case en castelán, que o hino galego é inxurioso ou que falamos galego por amolar.
Que ocorreu para que unha cidade aparentemente aberta dese esta reviravolta? Desenvolveuse un proceso movido de enriba cara abaixo, dirixido polas elites españolas favorecidas polo capitalismo castizo do BOE e desenvolvido polos seus voceiros mediáticos e políticos para concentrar en Madrid o poder económico e político, converténdoa na única capital financeira do Estado e do seu Ibex 35, dotándoa dun aeroporto que se pretendía única porta co exterior e dun AVE radial, que condenaba á secundarización dos eixos ferroviarios naturais atlántico, cantábrico e mediterráneo. Son estas elites as que definen os chamados intereses de España. Intereses nos que non entran nunca os intereses galegos na agrogandaría, pesca, construción naval, sector enerxético ou novas tecnoloxías.
Fronte este discurso dominante, o galego, catalán ou vasco que defende a súa identidade propia e os intereses económicos de cadanseu país percébense como un “Outro”. Son -somos- os “Extraños en Madrid”, dos que escribiu Iñaki Anasagasti nun libro editado hai xa tres anos e que, porén, mantén grande actualidade.

Solución xudicial ás preferentes

No seu día sinalamos nestas páxinas a perda de 8400 M€ pùblicos no saneamento de Nova Galicia Banco. E denunciamos que o Goberno do Estado decidise a súa poxa dous anos e medio antes de que vencese o tempo máximo (decembro de 2016) outorgado no chamado “Memorandum of Understanding” imposto por Bruxelas. Sen dúbida, se a equipa de Castellano contase con estes case trinta meses máis, sen as continuas interferencias cotiás por parte do FROB, o saneamento tería acadado níveis moito máis satisfactorios.
Certo é que a adquisición do banco galego polo grupo Etcheverría–Banesco foi un mal menor que, de primeiras, salvou a marca, a rede, grande parte do emprego e o domicilio social. Mais o seu principal propietario prometeu unha solución en tres meses para os preferentistas que ficaban sen recuperar os seus aforros. Unha solución que non podía garantir sen a colaboración dun FROB que segue alleo ao problema dos nosos aforradores. Doutro xeito, o Banco galego non recuperaría do FROB o 85% do que lle pague aos preferentistas. Porque esa recuperación do FROB fica condicionada a unha decisión xudicial ou arbitral previa e –hora vai sendo de lembralo con claridade– o devandito Memorandum non admite solucións políticas xerais.
Sen dúbida Escotet, Etcheverría e Botas saben, poden e deben traballar para reparar o dano reputacional sofrido pola entidade por mor da crise da débeda subordinada. Mais para a meirande parte dos milleiros de aforradores que aínda non cobraron a solución non virá do FROB nin da entidade. Virá dos xuíces, quer pola vía da demanda individual, quer pola vía da demanda colectiva.
Velaí que sexan tempos para que as plataformas de afectados, que tanto traballaron para pór este problema no centro do debate cidadán e mediático, recoñecezan que a solución será nomeadamente xudicial, polo menos para boa parte dos aforradores atinxidos. Manter outras falsas ilusións só demorará a solución do problema. En prexuízo dos aforradores, mais tamén da propia entidade, que precisa falar canto antes de futuro.