España: nin proxecto nin identidade

A España da transición batía récords de paro e aturaba un sistema fiscal inxusto e uns equipamentos e renda “per capita” moi inferiores á media europea. As desigualdades eran ferintes e o acceso aos servizos públicos moi deficiente. Porén, existía un proxecto común, basicamente alicerzado na estrea das liberdades, na integración europea, na superación da crise económica e no común degoiro no acceso xeneralizado á educación e aos demais servizos públicos. Os españois descobriron horizontes máis anchos e percorreron un longo treito no que atinxe ao recoñecemento dos dereitos da muller e das persoas homosexuais. Mesmo semellaba que os españois ían abrirse a outras culturas, principiando polas culturas nacionais catalá, vasca e galega coas que coexistían.
Foi este un periodo que rematou por volta da crise do 1992-1993, da que España sairía en 5 ou 6 anos con non poucos sacrificios e damnificados. Entre eles a vinculación directa dos sectores regulados privatizados por Aznar e González coas elites madrileñas. A maioría absoluta do PP representou, no que atinxe aos valores e principios xeralmente aceptados, unha volta á España única e cañí, malia que coa fachenda da “España va bien”.
Velaí que, asulagada España na Grande Recesión e nunha moi fonda crise institucional, non se advirten os bimbios para enfrontar un proxecto común, porque non hai nin unha diagnose común dos problemas. Mesmo nin existe consenso a respecto das reformas fiscais a desenvolver ou da diagnose sobre os efectos das actuais desindustrialización e emigración das xeracións novas e estudadas.
Estes trinta e tantos anos de convivencia non construíron unha identidade comùn española que trascendese daquela España uniforme, taurina e cañí dos anos 60 do século pasado. É verdade que temos unha parte da historia común e partillamos importantísimos vencellos sociais, económicos, culturais e familiares. Mais u-la identidade moderna e plural que se poida chamar a identidade española do século XXI? U-la identidade española pluricultural e plurilingüística, superadora de elementos que só son de parte, coma os touros, o Real Madrid ou a mentalidade de turismo de sol e praia?
Hoxendía España está falta de proxecto e de relato. E tamén dunha identidade plural e moderna común.

Abanca

NCG Banco mudou a súa marca este xoves, rematando un proceso que pasou pola efectiva adquisición por Banesco do 88% da titularidade do Banco e pola elección dun novo Consello de Administración. Deste xeito, rematou a historia das Caixas de Aforro de Galicia (fica viva, baixo a fasquía xurídica de Cooperativa de Crédito, a Caixa Rural Galega) e máis a fase provisional de nacionalización do principal Banco galego, agora de maioría venezuelana.
Vaia por diante que, no contexto decidido por Rajoy e De Guindos hai agora un ano, o –provisional– remate deste proceso non é o peor posíbel. Seica se salvou o domicilio social e fiscal e a sede operativa no noso País, canda unha marca e unha oferta financeira propias.
O emprego salvouse, tamén, en proporcións moi superiores ca os que conlevaría unha adquisición a prol do Banco Santander, BBVA ou Caixabank. Por outra banda, semella que a nova maioría do capital entende máis a xeito o valor da diferenza, da identidade e da complicidade coa cidadanía galega a respecto dos antigos xestores das Caixas, na liña tracexada pola equipa de Castellano.
Dito isto, cómpre lembrar que a Facenda de todos perdeu 9000 M€ neste proceso e que esta perda podería ter sido moito menor se o Goberno central xogase limpo co noso País, simplesmente outorgándolle a NCG o rango sistémico que lle deu a Bankia e non forzándoa a un proceso de poxa competitiva no peor dos momentos dos mercados financeiros. Galicia perdeu dúas entidades financeiras de base social, e deste feito existen sinalados responsábeis por acción e/ou omisión. As responsabilidades penais, civís e administrativas non poden ficar no xuízo da Audiencia Nacional polo asunto das pensións por cesamento dalgúns dos seus xestores e este intre histórico é o axeitado para, sen nos parar en consideracións, (re) abrir as pescudas que cumpran en Dereito. Doa a quen lle doa.
Cómpre constatar, tamén, que a nova equipa entendeu o dano reputacional que á entidade lle xeraba a crise da débeda subordinada, aínda non resolvida de todo, mais certamente en vías de amaño parcial. Pois na vinculación co aforro galego pode residir boa parte do éxito da futura saída a Bolsa da anovada ABANCA, ligando de xeito estábel o seu futuro co deste País.

Máis do mesmo

A proclamación de Felipe de Borbón como novo Xefe de Estado non foi quen de transmitir ningunha caste de pulo renovador ou transformador, senón pura continuidade, cando non continuismo.
O proceso da abdicación, activado pola decisión súpeta do seu pai, o rei dimisionario, non deu enchido de monárquicos nin as rúas do traxecto real nin a propria Praza de Oriente, malia o carácter feirado do día na capital do Estado. O comezo do reinado de Felipe VI, por outra banda, veu sinalado por decisións de excepcionalidade (prohibición de concentracións, prohibición do uso da bandeira republicana) abertamente inconstitucionais.
Poucas veces coma nesta fomos quen de albiscar o poder real de determinadas elites, hoxe vencelladas ás empresas do IBEX 35 e, por vez primeira, á propiedade dos principais grupos mediáticos madrileños e das principais TV privadas estatais. Porque é evidente que foi Rajoy e non Felipe VI quen marcou os contidos da mensaxe real e os tempos dos actos de proclamación. Mais Rajoy, canda Rubalcaba, actuou como intérprete do Sanedrín que axiña enfriou a pulsión de cambio que latexaba e mesmo latexa en sectores importantes da base social do PP e do PSOE. As elites financeiras e mediáticas madrileñas queren, como moito, moi pequenos retoques. Mesmo até semellan refugar de reformas lampedusianas. Por eles non haberá nin reformas institucionais cosméticas.
Deste xeito, o Xefe do Estado introduciu tres agradecementos en galego, catalán e euskera, cousa que nunca foi quen de facer o seu pai. Mais introduciunos ao fío das ideas de “unidade e non uniformidade” e “linguas rexionais que son unha riqueza para todos”. Ideas que pertencen á realidade da España preconstitucional e que son impropias para definir a percepción dun Xefe de Estado da nosa xeración a respecto das nacionalidades.
Como tamén foi impropia a apelación á súa xeración -que tamén é a miña- para reactivar un suposto rexeneracionismo que non se albiscou noutras partes da mensaxe real, fóra de xenéricas apelacións á honestidade.
Máis do mesmo. Iso si, contado dende a máis absoluta unanimidade dos grandes “media” madrileños. Dende hai algúns meses, noutros casos xa anos, directamente controlados polas elites financeiras da España cañí.

Galicia e a reforma constitucional

Poucos dubidan xa, arestora, que o comezo do mandato do novo Xefe de Estado vai traer, máis cedo ca tarde, a reforma constitucional. Probabelmente máis unha fonda reforma ca unha total mutación, pero de certo tamén máis ca unha cosmética remuda.
Penso que non teño que explicar moito a corrente maioritaria ou, polo menos, presente nas sociedades vasca e catalá. Están xa, ambas as dúas, noutra dimensión. Que non exclúe de certo, en todos os escenarios, algún xeito futuro de vencello político co estado español. Mais vascos e cataláns mentalmente están xa noutras coordenadas. Mesmo os chamados unionistas.
Naturalmente isto non deixa de ser un problema deles. Mais tamén noso. Somos o 5 por cento do PIB e o 6 por cento da poboación do Estado. Quere dicir que achegamos ben pouco, en termos cuantitativos. A nosa especificidade nacional apenas reside aínda nunha Disposición Transitoria Segunda da Constitución que, canda o noso Estatuto, recoñece o noso carácter propio e nacional. Queremos seguir a mantelo? Que pensa a nosa sociedade? U-lo noso Goberno? U-las nosas forzas políticas, sociais e empresariais?
É certo que os problemas sociais e persoais son, arestora, moito máis punxentes ca os estritamente nacionais. Mais tamén é verdade que esa diferenza, ese dereito recoñecido a sermos distintos tradúcese, de xeito actual, en moito máis potencial, en actividade económica, en PIB, en riqueza. E, dende o parámetro do galeguismo, en cohesión social.
Vaise abrir, si ou si, un proceso de remuda xurídico-política, de reforma constitucional. Onde estamos ou queremos estar os galegos nese proceso? Que queremos ser de maiores, cando o século XXI siga a avanzar nas nosas vidas? Somos conscientes que sermos como Murcia ou a Rioxa nos vai converter nun ente con só un 5% de influencia dun Estado español que asumirá unha función de terceira orde no contexto europeo?
Velaí que a sociedade galega, como fixo para defender a galeguidade de NCG, terá que se definir perante este repto. O que apela, de primeiras, ao galeguismo, mais tamén ao Goberno deste País, ás súas elites e aos partidos estatais.

Mancaron á Eólica Galega

A patronal sectorial Asociación Eólica de Galicia (AEGA) vén de denunciar que o sector no noso País vai perder 270 M€ co efecto do novo Regulamento estatal de enerxías renovábeis. E vén de criticar, por morna e ineficaz, a actitude do Goberno Feijóo, que no canto de botar man dos recursos xudiciais de inconstitucionalidade ou contencioso-administrativos abriu ineficaces procedementos de conciliación da Comisión Bilateral sen obter nin a máis mínima concesión de Rajoy nin do seu Ministro Soria, malia a influencia, quizais máis aparente ca real, que moitos lle atribúen ao Presidente do noso País na Moncloa.
Galicia era unha potencia en enerxías renovábeis no 2008. Eramos o primeiro territorio do Estado en potencia instalada e encetáramos unha fase na que o sector trascendía da mera explotación do vento galego, para pór as bases dunha punxante actividade de desenvolvemento industrial que chegou a acadar níveis de PIB sectorial semellantes ao da nosa industria conserveira.
Ben é verdade que o Goberno Zapatero, co seu Decreto de pre-asignación do verán do 2009, condicionou nomeadamente as posibilidades de desenvolvemento sectorial da xeración eólica galega e que a creba parcial do sistema financeiro español supuxo unha pesada pexa para os novos proxectos. Mais precisamente por estas circunstancias externas o Goberno galego non debeu anular o concurso eólico do 2008 e convocar un outro proceso que, en último de contas, está xa liquidado. Porque non había tempo para desenvolvelo e porque se vulneraba a seguranza normativa da que haberían desfrutar os investidores.
No que atinxe á ruína do sector das renovábeis, o PPdeG non soubo, nin cumprir a doutrina Madison conservando o pulo do concurso bipartito que lle esixía o principio de seguridade xurídica, nin garantir o espazo vital dun sector que estaba a acelerar e industrializar a economía galega.
E velaí as resultas: un sector industrial no que eramos líderes agonía sen reacción ningunha da nosa Xunta. Son as nosas empresas de segunda categoría? Por que o Goberno galego non defendeu este sector de futuro no que eramos líderes?

A Monarquía como problema

En termos estritamente abstractos, o confronto entre República e Monarquía é moi desigual, pola evidente eiva democrática da provisión hereditaria propia da Monarquía. No caso español, asemade, a Monarquía foi instaurada “ex novo” por Franco no 1969. Velaí a falla absoluta de lexitimidade de orixe do rei Juan Carlos á altura da fin do 1975, cando principiou o seu mandato.
Mais Juan Carlos de Borbón gañou a súa lexitimidade co exercicio que fixo da “auctoritas” real entre a fin do 1975 e a fin do 1978. Unha tempada na que a a aprobación da Constitución reasignou a prol de Institucións democráticas determinados poderes reais que sobardaban os dunha monarquía parlamentaria no sistema das Leis Fundamentais franquista. Pero o voto favorábel dunha moi ampla maioría do corpo electoral español o 6 de decembro do 1978 non supuxo, en termos sociolóxicos, un cheque en branco “in aeternum” para a restauración do réxime monárquico. Porque a cidadanía española comprendeu que o pacto pola reforma levaba no lote a Monarquía e a negación do Estado plurinacional en troques das liberdades, do pluralismo político e dunha limitada descentralización política.
Malia os 33 anos decorridos dende o golpe de estado do 23-F do 1981, aínda non ficou clarexado o ambivalente papel do Xefe do Estado nesta crise. O que si ficou evidente foi a virada cara a consolidación dun bipartidismo monárquico e a limitación do autogoberno das nacionalidades, diluído no “café para todos”. Dende entón, a Coroa é o elo que define a España contemporánea, dándolle sentido a un sistema politicamente bipartidista e economicamente definido por un “capitalismo castizo de BOE”, alicerzado na colusión entre política e empresa, na hexemonía das empresas financeiras e construtoras sobre o sistema produtivo e na potenciación extrema de Madrid como inviábel centro económico.
Velaí que, hoxe por hoxe, a Coroa, ademais do seu anacronismo histórico e da súa evidente falla de utilidade e exemplaridade, teña o problema engadido de non poder cumprir a función simbólica de lle dar abeiro a un fondo anovamento constitucional que lle recoñeza á cidadanía o dereito a decidir para construír unha democracia de calidade nunha sociedade inclusiva e cohesionada.

Decidirmos o futuro constitucional

As pasadas eleccións europeas, a reivindicación catalá do dereito a decidir (que semella podería continuar Euskadi) e máis a abdicación do Xefe do Estado amosan graves fendas nos tres alicerces do sistema institucional en crise: a Coroa, o bipartidismo dinástico e máis un determinado concepto da unidade de España que non recoñece a súa plurinacionalidade. Se a iso lle engadimos a desafección cidadá xerada pola corrupción enxergaremos a fondísima crise institucional que estamos a vivir.
Neste contexto, semella obrigado un proceso de mutación constitucional ou, polo menos, de fonda reforma da Carta Magna, para sentar os alicerces dunha anovada convivencia política e social. E, para estes efectos, a cuestión non é República española vs Monarquía ou República española vs. República galega, senón o dereito a decidir da cidadanía. Lembremos que só os maiores de 54 anos foron quen a votar unha Constitución na que a Coroa e a indisolúbel unidade da nación española foron o prezo para transacionar o recoñecemento das liberdades, o pluripartidismo e unha limitada descentralización política.
Velaí que a cidadanía teña que decidir non só sobre a cuestión da forma de Estado (monarquía vs república), senón sobre os demais alicerces desta revisión ou remuda constituínte: a modernización das nosas institucións políticas e administrativas, a blindaxe do Estado do Benestar, a profundización do noso réxime de liberdades e a autonomía real do Poder Xudicial. E, concretamente, a cidadanía galega haberá de decidir tamén sobre a ampliación do autogoberno, o grao de relación de Galicia co resto das nacións españolas e máis o seu encaixe, federal ou confederal, no Estado, preservando sempre o dereito a decidir da cidadanía galega.
Canto ás solucións xurídicas concretas, certo é que esta reforma constitucional se aprobaría nun referendo, mais cumpriría artellar outras consultas previas para definir a vontade da cidadanía sobre estas grandes decisións constitucionais. Algunhas serían privativas de cada nacionalidade histórica e outras do conxunto da cidadanía do Estado.
A peor das solucións, de certo, sería teimar no inmobilismo amosado até de agora polo PP e PSOE.

A fin da austeridade europea?

A súpeta renuncia do Xefe de Estado descadrou ao Goberno Rajoy e abriu o debate sobre o dereito a decidir da cidadanía a respecto dos alicerces fundamentais da convivencia nos próximos anos, mesmo a forma de Estado e o encaixe territorial das distintas nacións españolas. Mais pouco se ten debullado a respecto da eventual concorrencia entre as novas medidas pro-crecemento do Banco Central Europeo (BCE) e o debate constitucional que se está a abrir no Estado.
É indubidábel que o paquete aprobado polo BCE chega tarde, despois dunha política monetaria xeradora de recesión, desemprego e queda do crédito e da actividade económica en case toda Europa. A UE ten estragado moito tempo de sangue, suor e bágoas, sobre todo en comparanza coa decidida política expansiva dos Bancos de Suíza, Inglaterra e Xapón e da Fed dos USA. Mais as medidas de Draghi van xerar resultados evidentes; reactivarase, con limitacións, o crédito ás empresas e ás familias para merca de bens de consumo, a exportación beneficiarase dun recurte moderado do valor do euro e as Administracións Públicas poderán rebaixar substancialmente os seus obxectivos de consolidación fiscal.
Esta remuda non é casual e está directamente vencellada aos pasados resultados electorais, que acenderon todas as alarmas que miden a desafección cívica cara o proxecto europeo. Mais poderían ficar desaproveitadas se a Xunta e o Goberno do Estado non modifican substancialmente as súas políticas de irresponsábel “austeridade” e de desmontaxe dos servizos públicos (nomeadamente sanidade, educación, servizos sociais) e eliminación do pulo á inovación. Ou se o Goberno do Estado non modifica urxentemente a súa suicida política enerxética, que penaliza gravemente a competitividade das empresas galegas (sendo Galicia un país esencialmente priodutor de enerxía), nomeadamente ás industriais.
Son tempos de debate cidadán para unha fonda revisión do noso marco institucional. Sería bo, xa que logo, aproveitalo para propiciar un grande pacto social e político a prol da implantación de políticas de crecemento e de blindaxe do Estado do Benestar. Seica non haberá mellor oportunidade.

As bágoas de Fernando Vázquez

Cando Fernando Vázquez choraba este sábado no banco deportivista, logo de acadar o ascenso da equipa galega á División de honra, moitos partillamos a súa ledicia e a súa emoción. Porque o ascenso do Dépor a Primeira supón para a Cidade e a área urbana e, tamén, para toda Galicia unha grande oportunidade. Ao suceso deportivo (ascender do inferno da Segunda é un obxectivo sempre moi difícil) engádeselle o negocio que xerará para a hostalería e outros sectores empresariais coruñeses o fútbol de primeira e máis a viabilización do convenio concursal de acredores e o extraconcursal coa Axencia Tributaria. O Dépor poderá pagar as súas débedas, entre elas a que ten co Fisco, que somos todos, e este feito sempre será positivo. Unha tempada máis na Segunda e a liquidación do clube tería sido case inevitábel. O que deixaría á Facenda pública sen cobrar.
Sucede tamén que este fito ocorre no quinto mes de xestión do novo Consello de Administración que preside Tino Fernández, despois de case vinte e sete anos de mandato de César Lendoiro, sinalado por moitos éxitos deportivos -impensábeis no 1992 e hoxe, mais tamén por unha xestión económica escura, que xerou unha débeda astronómica. Algo que non é privativo, dende logo, do Dépor na Liga BBVA, pero que non xustifica a executoria empresarial lendoirista. O Dépor volta a Primeira e isto é un grande reforzo para a nova equipa reitora. Malia que a contratación de Fernando Vázquez fose o derradeiro dos acertos deportivos de Lendoiro.
E están as imaxes dun galego que exerce de selo, o adestrador Fernando Vázquez, amosando a súa humanidade a xeito de bágoas e carreiras pola banda de Riazor. Dun galego que soubo xerar dinámica de equipa, mailos seus altos e baixos e que soubo reconciliar xogadores e afeccionados, nomeadamente aos máis novos destes. Dun home rigoroso na metodoloxía, mais cheo de corazón e intelixencia emocional.
No mundo do fútbol, petado de adestradores estrelas e egos desmedidos, Fernando Vázquez demostrou que a humildade non é incompatíbel coa teimudez nos obxectivos e que o traballo ben feito non precisa de poses. E non houbo que ir fichalo a Barcelona, Madrid, Londres nin Lisboa. Fernando Vázquez é un profesional galego que traballa como os mellores de fóra.

O galego na empresa

O Foro Peinador xunta moitas das empresas que usan o galego para todas ou algunhas das súas actuacións (publicitaria, sinaléctica, de documentación administrativa, de etiquetaxe…). A ela pertencen centos de empresas industriais, de servizos, construción ou agroalimentarias.
Neste clube empresarial rexe a idea de negocio, sen prexuizo da asunción dos compromisos que esixe a responsabilidade social corporativa. E, neste senso, a lingua galega percébese como un plus de calidade, de diferenza, de identidade. Para R, por exemplo, o uso do galego “pertence ao ADN”, á propia identidade corporativa. E achega un selo de diferenza e calidade fundamental para se individualizar no mercado.
Manifestan usar o galego para todas as súas actividades (e, subsidiariamente, sempre por defecto), respectar a opción lingüística do usuario e ter experimentado que o uso do galego achega unha avaliación positiva para moitos, élle indiferente a algúns e atopa rexeitamento só nunha ínfima minoría. NCG Banco, pola súa banda, pasou a usar o galego en todas as súas actividades coa chegada de Castellano á súa Presidencia. Chocante que as antigas Caixas, como entes sociais e fundacionais non tivesen a sensibilidade que amosaron os seus novos xestores cando a transformación en S. A.
Os empresarios do Foro Peinador defenden, asemade, a proxección internacional do galego, vieiro de comunicación con 250 millóns de potenciais clientes e provedores do Brasil, Portugal e a Africa e Asia lusófonas. Porén, como persoas prácticas, foxen de liortas normativas. Mais consideran que algúns “gurús” da publicidade están nun erro manifesto cando desaconsellan o uso do galego na publicidade. Consideran estes empresarios que esta caste de xuizo ven dado por apriorismos ideolóxicos ou deficiencias educativas.
É moi gráfica a expresión pública, hai poucas semanas, dun dos principais adegueiros exportadores deste País: “Nos USA o galego vende para etiquetar o albariño. O que non vendería é o italiano para etiquetar o cava ou o castelán para etiquetar o whisky”.
Velaí un bo sinal de autoaprezo e pragmatismo negocial. Porque a diferenza e a identidade venden no mercado, sempre que acompañen á calidade.