O conto da balanza fiscal

Segundo a balanza fiscal do Ministerio de Facenda Galicia recebiu, no 2011, 3249 M€ máis dos que achegou. Mais esta conta é abondo cuestionábel, como ten amosado o economista Xosé Díaz (para quen no 2005 Galicia achegaba 3000 M€ máis do que recebía) ou para o BNG, que avalía o saldo do 2011 nuns 1.500 M€ que Galicia achegaría de máis.
Cal é o problema? Que Montoro bota as contas de xeito trampulleiro. Non se contabilizan diferenzas de fluxos financeiros senón unha desacreditada metodoloxía carga/beneficio que imputa nos investimentos que benefician an Galicia, por exemplo, os investimentos nas estacións do AVE de Madrid e no novo aeroporto desa cidade. Ao tempo, impútalle a Madrid a recadación de todos os Impostos especiais (alcol, viño, cervexa, carburantes), mentres que Citroën, Endesa, Gas Natural, Repsol ou Autopistas, que producen e xeran custo ambiental neste País, pagan o Imposto de Sociedades en Madrid ou Barcelona e non computan, xa que logo, nesta conta.
Mais o verdadeiramente incríbel é que o Ministerio considere que as pensións contributivas han computar na balanza fiscal como unha achega do Goberno central, cando as pensións contributivas son dereitos das persoas polos que se cotizou na Galicia, en Euskadi, Madrid, Alemaña, Suíza ou Arxentina. Pensións que, de certo, son as máis baixas do Estado español. Outro caso son as pensións non contributivas, que si constitúen mecanismos de solidariedade territorializábeis e si han ser medidas nas balanzas fiscais.
Velaí que non sexa certo que Galicia viva da solidariedade do resto do Estado. Nin en termos fiscais, nin en termos financeiros, onde a nosa capacidade de aforro foi drenada para financiar o saneamento bancario español, nin en pensións, onde aos emigrantes galegos que perceben dúas pensións se lles fai pagar o que non pagan os que cobran unha soa da mesma contía. Nin en termos enerxéticos, porque Galicia é autosuficiente e a súa achega exportadora non lle permite nin ter a enerxía máis barata (témola máis cara, por mor de imputar na tarifa os tributos autonómicos) nin recebir compensación polos custos ambientais dunha produción hidroeléctrica, térmica ou eólica que non xestionamos.
Así que, sr. Montoro, mire de non nos contar esta caste de contos, porque sómoslle quen a botar as nosas contas.

As responsabilidades políticas de Angrois

No aniversario da catástrofe de Angrois o primeiro que cómpre é respecto e memoria. Respecto polas vítimas e memoria do civismo humanitario dos veciños de Angrois e dos outros voluntarios e da competencia, profesionalidade e entrega dos empregados públicos e do persoal dos medios que edita esta Casa (Grupo El Correo Gallego).
Dito isto, cómpre tamén botarlle unha ollada á marcha das pescudas. O xuíz Aláez xa non está á fronte da instrución, mais fixo até de agora un bo traballo, moito máis en comparanza coa parcial e amañada investigación de Fomento, só orientada para salvar as responsabilidades dos Ministros José Blanco e Ana Pastor e para facer do maquinista Garzón o inimigo público. Mais a instrución xa nos deprendeu que o sistema de seguranza ERTMS non estaba instalado por unha decisión expresa de ADIF no verán do 2010, cando está instalado en todos os treitos do AVE e nalgúns convencionais de velocidade media-alta. E que este sistema tería evitado, si ou si, o accidente ao reaccionar automaticamente contra do exceso de velocidade que detectaría no comboio ao chegar á fatídica curva.
Sabemos máis. No proxecto orixinal suprimíase a curva d’A Grandeira, mantida en último de contas, malia a súa perigosidade, pola obsesión de Blanco por inaugurar o treito ferroviario Ourense–Santiago antes do seu cesamento. E, de feito, inaugurouse o 10 de decembro do 2011, cando só lle quedaban a Blanco cinco días no Ministerio. E xa neses días eleváronse as primeiras queixas do persoal de Renfe polo desaquelado da seguranza nese último treito e, nomeadamente, nesa curva. Sen resposta de ADIF.
O que anuncia, con alta probabilidade, que haberá máis responsábeis penais canda o maquinista e, de certo, gravísimas responsabilidades polìticas que apuntan, quer por acción, quer por omisión, aos ministros Blanco e Pastor e a PP e PSOE coincidentes en lle botar terra ao asunto e termar en dicir, urbi et orbe, que esta terríbel desgraza foi causada por un só home.

O emperador vai espido

Unha amiga galega, tamén avogada, recoméndame un “post” do “blog” da avogada madrileña Verónica del Carpio, que contén a súa opinión sobre a situación actual da xustiza e do Estado de Dereito español, concluíndo que, no noso sistema institucional, unha maioría absoluta no Congreso tradúcese en poderes omnímodos para o Goberno e a maioría que o sostén, de xeito que se deturpan os principios de control xudicial da legalidade da actuación administrativa e de control da constitucionalidade das leis.
E a análise desta avogada madrileña é ben lúcida. Porque a maioría parlamentaria e o Goberno controlan a elección do Tribunal Constitucional, que decide sobre se son ou non constitucionais as leis e decretos-leis que aproban os Parlamentos e Gobernos estatal e autonómicos. E, tamén, controla a elección do Consello Xeral do Poder Xudicial, que controla a elección dos maxistrados do Tribunal Supremo e doutros altos cargos xudiciais. Deste xeito, a incidencia gobernativa nos controis de legalidade e constitucionalidade convértese en abafante.
O Goberno do Estado pode aprobar, como fixo hai poucos días, un Decreto-Lei que modifique centos de leis e, logo de ser convalidado polo Congreso, só o Tribunal Constitucional poderá declaralo inconstitucional, malia que non exista esa extraordinaria e urxente necesidade que habilita constitucionalmente para o uso dese instrumento excepcional ou invada materia reservada aos Estatutos de Autonomía ou a leis orgánicas, invasión que determinaría tamén a inconstitucionalidade.
É o Tribunal Constitucional quen fixa a súa propia axenda; se por presión do Goberno que nomeou á súa maioría adian o fallo dun recurso contra un decreto-Lei inconstitucional, a sentenza virá cando o dano estea xa feito. Pola contra, cando lle interesa a este degradado sistema institucional, resólvese axiña. Velaí o atraso en resolver o recurso contra as taxas xudiciais.
Vivimos, xa, nun sistema xurídico contaminado polo Goberno do Estado. Cómpre, pois, vermos a realidade dun emperador que vai espido para enfrontar na vindeira reforma constitucional unha regulación que garanta o equilibrio de Poderes e o control da constitucionalidade das normas por un Tribunal Constitucional obxectivo e independente do Poder Executivo.

Galicia na España aparente

Por primeira vez, quizais dende a aprobación da Constitución, dende Madrid un conxunto de líderes de opinión vencellados á Universidade, ao xornalismo, á avogacía, á política e á creación cultural (Elías Díaz, Nicolás Sartorius, José Antonio Zarzalejos, Ignacio Escolar ou Ángel Gabilondo) ven de defender “Unha España federal nunha Europa federal”, asumindo como precisa unha reforma constitucional que limite as competencias do Estado blindando as autonómicas, aposte pola unidade federal europea, garanta un financiamento autonómico xusto e equilibrado e recoñeza a identidade plural do Estado.
Das poucas sinais de lucidez da “España aparente”. Os asinantes decátanse que non se fala galego nin catalán por amolar, que o financiamento autonómico e as políticas económicas non son neutrais cos territorios e xeran graves desequilibrios entre eles ou que a recentralización prexudica a unidade europea e a gobernanza aquelada.
O problema é que estes persoeiros tiveron moita menos repercusión en Madrid ca o simultáneo manifesto centralista de Boadella e Vargas Llosa, para o que non hai problema territorial ningún, apenas a axitación do separatismo e doutras xentes de mal pensar e mal vivir. Un manifesto que sintetiza como poucos a cegueira deses superficiais inmobilistas aos que Castelao chamara hai setenta anos como “separadores”.
A reforma constitucional virá máis tarde ca cedo e os galegos teremos que pensar se queremos partillar este inmobilismo político ou aproveitarmos a oportunidade para situar os nosos intereses no centro do debate político. E resolvermos cuestións fulcrais para o noso futuro como as inxustas tarifas enerxéticas, un financiamento autonómico que asfixia á nosa sanidade e aos nosos servizos públicos ao non ponderar o espallamento e o avellentamento da nosa poboación, ou a falla de competencias para gobernar os nosos portos, aeroportos e infraestruturas e para impulsar a nosa economía.
Que Galicia poida contar. E decidir o seu encaixe no Estado e na Europa. Ou iso ou sermos Murcia ou a Rioxa.

Os comentarios de Fernando Vázquez en Arzúa hai que contextualizalos

Tino Fernández é un imaxinativo e brillante emprendedor galego que foi quen de converter Altia nunha das primeiras tecnolóxicas españolas, pulando pola innovación e desenvolvemento dun dos sectores de máis futuro da economía galega. Fixo unha campaña electoral exemplar, vencellada ás ideas de cambio e reconexión coas sociedades coruñesa e galega e rematou con suceso unha negociación financeira encetada por A. C. Lendoiro. Unha negociación que nunca tería sido viábel sen o ascenso do Dépor feito posíbel polo adestrador Fernando Vázquez.
Fernando Vázquez apostou polo clube coruñés nos seus días infaustos da Segunda e aquelou a súa retribución á tristeira realidade daquelas semanas. A súa implicación e a súa intelixencia emocional fíxolle contar coa aprobación xeral da afección, nomeadamente das súas peñas. Só eran fríos ou críticos con él agás algúns pequenos circuítos en clara decadencia cidadá, malia que puideran ser influíntes hai algúns anos.
Era evidente a falla de química entre os dous. Mais o deportivismo apenas lles pedía que cohabitasen, non cumpría que fosen amigos. Estaban chamados a desenvolver roles ben diferentes e complementarios nesta primeira etapa do novo Dépor.
Mais Tino Fernández non soubo estar á altura dun presidente de Primeira. Porque un clube coma o Dépor, que é, en grande parte, sentimento e experiencia comunitaria, non se pode gobernar coma se fose a empresa dun. Os comentarios de Fernando Vázquez en Arzúa hai que contextualizalos: este consello apenas comezou a fichar e a un adestrador non se lle pode pedir a lei da “omertà” que se lle adoita pedir a un director de sucursal ou de departamento. Para máis, a estratexia de comunicación non foi acaída: o presidente non deu transmitido a xeito as razóns para cesar Fernando Vázquez, para fichar Víctor Fernàndez nin moito menos para prescindir do millón de euros precisos para liquidarlle o finiquito neste contexto de economía de guerra imposto por cadanseus convenios reitores da devolución das débedas concursal, fiscal e bancaria.
Para consolo do deportivismo e vantaxe para o actual consello, Fernando Vázquez é un profesional que sente as cores da nosa equipa e non quere furgar na ferida. Doutro xeito podería facer ben dano.
Tino Fernández haberá de aprender a lección para o futuro. O Dépor non é unha empresa privada, senón un proxecto deportivo, si, mais tamén cívico e identitario. Como é un home intelixente estou certo que deprenderá esta ensinanza.

Salvarmos a sanidade pública

Calquera que teña un familiar nestas datas nun Hospital galego constatará a absoluta insuficiencia do persoal, das resultas do peche de 1240 camas durante todo o cuadrimestre do verán. Porque, máis barato ca contratar substitucións de persoal sanitario, sae consorciar unha praza nun Hospital privado, onde adoitamos ver dúas persoas asistindo ás noites un andar hospitalario completo, as máis das veces con doentes moi maiores e con patoloxías graves. Mais na pública, no Hospital Universitario da Coruña, este sábado había só tres médicos de garda no conxunto dos andares de hospitalización.
Somos xa o terceiro territorio do Estado con menos investimento sanitario por habitante. Os doutores do Hospital Comarcal de Valdeorras denuncian a desmontaxe deste Centro, como antes fixeron os de Monforte. A xubilación forzosa aos 65 está a descapitalizar a nosa sanidade, onde xa se contan tres mil prazas menos nos últimos 4 anos.
A que se debe isto? Indubidabelmente no PP estatal existe unha corrente cualitativamente moi poderosa que quere liquidar o Estado do benestar e a sanidade pública, beneficiando, non aos hospitais privados fundados polos médicos e investidores galegos, senón ás grandes multinacionais sanitarias, conectadas coas elites financeiras de Madrid. Mais os recortes sanitarios actuais débense tamén aos graves erros económico-financeiros de Feijóo e Elena Currás. Por aceptaren, no verán do 2009, un financiamento autonómico que desequilibra continuamente as contas da nosa sanidade polo noso avellentamento e dispersión. E por financiaren a débeda pública precisa para cubrir o déficit a tipos altos, nos peores momentos da prima de risco, por mor dunha deficiente previsión e por esa fachenda que non precisaba acudir ao financiamento sensibelmente máis barato do Fondo de Liquidez Autonómico.
Salvarmos a sanidade pública requirirá replantexarmos a política de endebedamento autonómico e garantir un sistema de financiamento autonómico xusto con Galicia. Un mellor financiamento que recoñeza eses 500 M€ que custa ao ano a nosa sanidade de máis por mor do avellentamento e do espallamento poboacional. E requerirá que os cidadáns esteamos atentos para defender unha das conquistas máis importantes do noso modelo de sociedade.

Reindustrializarmos a economía

Os que imos tendo aniños aínda lembramos a trabucada sentenza do ministro Solchaga: “A mellor política industrial é a que non existe”.
Nin no noso País nin no conxunto do Estado se desenvolveu dende a transición unha política industrial a xeito. No conxunto do Estado as elites financeiras e políticas primaron a atención a respecto da construción, dos negocios concesionais, da banca e dos sectores regulados, como o da enerxía. A industria non ten a forza que debería ter, nese contexto de capitalismo castizo, sempre pendente do BOE.
Na Galicia a crise levou por diante todo o emprego industrial creado dende mediados dos 90 e moitas empresas industriais viven hoxendía os seus peores momentos. Porque, con independencia dos problemas de cada empresa e sector, as nosas industrias pagan a enerxía máis cara de Europa, o que está a lastrar fatalmente a súa competitividade.
A Unión Europea aprobou a súa Estratexia 2020, dirixida a unha economía para o crecemento, a innovación, a competitividade e a integración social. E esta Estratexia aposta claramente pola reindustrialización, que garante rendas altas ao xerar emprego de calidade e ten un efecto vertebrador da economía. Mais aínda agora descoñecemos cal é a estratexia dos Gobernos estatal e galego a respecto desta reindustrialización. Cando, pola súa banda, o Goberno catalán xa distinguiu sete sectores clave para atender e o Goberno vasco leva anos desenvolvendo políticas dirixidas a atenuar o impacto da crise a respecto das súas pemes industriais.
Todo crecemento sen industria é un crecemento desigual e feble. A industria ten un efecto multiplicador sobre a demanda de servizos e de coñecemento do que carecen outras actividades económicas. As propias escollas educativas, ao crearmos e mantermos na Galicia as escolas de enxeñeiros de telecomunicacións, navais e industriais, haberían axudar a cubrir esa eventual demanda de coñecemento.
Mais, polo de agora, a falla de pulo político, a falla de financiamento e os custos da enerxía, xunto con outros problemas sectoriais específicos, están a afogar moitas das nosas industrias. Que sofren ben máis agora ca no 2011.

A deconstrución da Xustiza

A axenda que está a desenvolver Ruiz-Gallardón dende o Ministerio de Xustiza constitúe a total comprobación de que as decisións do PP teñen unha fonda carga ideolóxica, mesmo moitas veces contraria aos intereses da maioría dos seus militantes e votantes.
No caso da administración de xustiza, a implantación das abusivas taxas ten afastado claramente á cidadanía do exercicio das accións xudiciais. Apelar unha sentenza custa un mínimo de 800 € e recorrer unha multa un mínimo de 350 €. Os beneficiarios da xustiza gratuíta non pagan taxas, mais a aplicación da normativa vixente fai cada vez máis díficil obter este beneficio. Os bancos e as grandes corporacións son as grandes beneficiarias, non só porque haberá máis medios para os seus preitos, senón porque afastar a xustiza do cidadán fai que se demande menos en reclamación da nulidade das cláusulas adoito, comisións bancarias, tarifas enerxéticas e, en xeral, abusos en materia de consumo.
Por outra banda, a proposta de nova regulación do Poder Xudicial tenta calar xuíces e maxistrados e mesmo cuestiona a súa independencia. E a concentración de todos os Xulgados e Tribunais nas capitais provinciais afonda nese pretendido afastamento da xustiza do cidadán, en clara vantaxe para os grandes bufetes de avogados. Porque a este Goberno e a este Ministro moléstanlle os profesionais liberais, o mesmo ca os xuíces independentes.
No caso de Galicia, a Xunta ten investido nos últimos 15 anos 50 M€ en sedes xudiciais. Os xulgados das vilas, canda a notaría, o Rexistro da Propiedade ou a oficina comarcal da Xunta, fan parte esencial deses servizos comarcais que vertebran o territorio. Xa que logo, suprimir os partidos xudiciais non só reduce a calidade do servizo público da xustiza, senón que manca as posibilidades de desenvolvemento social e económico das nosas vilas. A provincia no noso País non pinta nada e cómpre pensar en suprimila na primeira oportunidade que se teña.
Demostra este proceso que a planta e demarcación xudicial, canda as grandes decisións no eido da administración de xustiza, son abondo importantes como para llelas deixar ao coidado dos de Madrid. Galicia habería ter moi axiña competencias xudiciais plenas para amañarmos estas trapalladas.

Galeguismo sen adxectivos

Chama a atención a continua obsesión por situar a xeito ao galeguismo político no eixo esquerdas-dereitas. Deste xeito, moitos pensan que “cómpre un galeguismo de centro, como o do PNV ou CDC” e outros din “a nosa proposta é inequivocamente nacionalista e de esquerdas”. Porén, Castelao e Bóveda, que escribiron a eito sobre o galeguismo político, nunca se definiron de esquerdas, centro ou dereitas. Escrebiron a prol dun sistema fiscal progresivo, dunha sociedade xusta e inclusiva, dun País e dunha sociedade emancipada. No PG da II República existía, si, pluralismo, mais consenso sobre o modelo de sociedade, interclasista e baseado na xustiza social. De feito, a creación da Dereita Galeguista por Risco e Filgueira Valverde no 1935 non foi causada por desavinzas ideolóxicas, senón pola coalición electoral coa Fronte Popular que non tiña máis alicerce que o de percurar socios para quitar adiante o Estatuto de Autonomía.
Ben é certo que a refundación do galeguismo político nos anos 60 do século pasado mudou para moitos o enfoque. Mais, no fundamental, o galeguismo político non precisa facer apelacións continuas ao seu autoposicionamento no eixo esquerdas-dereitas, senón que ten que construír un marco plural e democrático para representar á maioría social galega. E se o galeguismo é un proxecto de empoderamento colectivo, evidentemente, non pode propor ou desenvolver políticas de exclusión social, como as que está a ditar o PP. Mais tampouco poderá entender as relacións sociais en termos de loita de clases, porque só dende o interclasismo é comprensíbel un galeguismo dirixido ás maiorías.
Entenderon moi a xeito esta especificidade dos nacionalismos democráticos os vascos do PNV e os escoceses do SNP, que construiron dende cadanseus gobernos nacionais sociedades integradas e moito máis xustas que as veciñas, desenvolvendo políticas substancialmente socialdemócratas, mais sen se preguntar continuamente diante do espello se son moito, pouco ou nada de centro ou de esquerdas. Porque teñen claro dabondo que son demócratas e diríxense á maioría de cadansúa cidadanía.