Relato de País

Algúns lectores fixéronme chegar as súas achegas a respecto do artigo da semana pasada sobre a Marca-Galicia. E unha delas, dunha cidadá da Mariña luguesa, resume aqueladamente o sentido xeral destas: “Xoán, está ben facermos unha Marca-País, pero eche ben máis importante termos un Relato de País”.
E si, á sociedade galega cúmprelle un relato para respostar as preguntas “quen somos?” e “onde imos?” de xeito que unha ampla maioría da cidadanía galega poida reflectirse nel. E teño para min que un tal relato habería pensar máis en ofrecer propostas en positivo ca resistencialismos ou definicións “en contra”. Tamén por proxectar os nosos valores de modernidade e os nosos campións científicos, empresariais e tecnolóxicos. Galicia é o País onde remata o camiño, principal itinerario cultural europeo. É o País dos cientificos Ángel Carracedo e Jorge Mira, dos deportistas Raña, Gómez Noya ou Verónica Boquete. E de Inditex, coas súas luces e, tamén, coas súas sombras.
Este relato habería ser inclusivo: Galicia é plural e un tal relato habería integrar e interpretar esta pluralidade. O que esixe unha grande cordialidade e apertura a respecto de España e dos demais países europeos e iberoamericanos. Mais tamén por copiar dos modelos que interesan. E eses non pasan hoxe, de certo, por ollar cara Madrid, senón por aprender democracia directa e participación cidadá dos suízos e californianos, de explotacións forestais dos suecos, do fomento das exportacións dos vascos, de ordenar o territorio e potenciar o turismo dos escoceses ou de explotar os portos de flamengos e holandeses.
Este relato habería apostar pola cohesión social. A educación e sanidade públicas e os servizos sociais de calidade son conquistas que definen un modelo de sociedade orientada á convivencia e ao equilibrio. Un tal relato habería apostar polo equilibrio e declarar á exclusión social como o maior inimigo público.
Este relato apostaría, en fin, por unha Galicia con vocación de concorrencia no mundo con voz propia, como país de noso e non como provincia ou rexión. O que obrigaría a definir os instrumentos políticos de integración do País na Unión Europea e no Estado, como mínimo dende esquemas de soberanía partillada. Esixíndoos dende a firmeza máis cordial.

Elección de alcaldes e vantaxismo

A constitución só esixe que os concellos se integren por cadanseu alcalde e concelleiros. Os alcaldes poden ser elixidos polos veciños ou polos concelleiros. Xa que logo, unha lei orgánica, que só require da maioría absoluta nas dúas Cámaras estatais (no poder do PP dende decembro do 2011) sería quen a impor, quer a elección directa dos alcaldes, quer unha sobreprima de concelleiros á minoría máis votada, de xeito que se lle atribuísen de pleno dereito a metade máis un dos concelleiros.
Velaí a trascendencia de lle outorgar maioría absoluta nas dúas Cámaras a un partido, porque ficará libre de aprobar os Decretos-Leis e Leis Orgánicas que lle peten e de controlar a elección dos Tribunais Constitucional, Supremo, de Contas e do Consello do Poder Xudicial e, dende logo, a axenda do primeiro dos mesmos. Un poder case omnímodo.
Mais, con ser plenamente constitucional e con contar o PP estatal con lexitimidade de orixe abonda, unha reforma desta caste carece de lexitimidade de exercicio, pois que suporía unha mutación institucional implícita ás regras do Dereito electoral, que até de agora constituiron, no nível local, materia consensuada. Igualiño ca en todos os sistemas democráticos da nosa Europa. Para máis, esta reforma constituiría unha inaceptábel concentración de poder, lesiva para a participación cidadá, para o control democrático e para a efectiva prevención da corrupción.
De se concretar esta reforma na atribución da maioría absoluta da Corporación ao partido máis votado, a segunda forza política sería a máis prexudicada, pois que repartiría co resto dos partidos o resto dos concelleiros proporcionalmente, enfrontando á maioría absoluta en moitos casos unha pluralidade de forzas sen segunda opción salientábel. Velaí un risco que ao mellor non calculou o PP: a formación de inéditas coalicións preelectorais, lexitimadas politicamente por mor da lesividade e unilateralidade dunha tal reforma.
Unha reforma que, por moitas voltas que lle dean, non lle atoparán máis xustificación ca a consecución dos intereses partidistas –e conxunturais- do PP.

Marca Galicia

Como nos vén de lembrar o estudo do antigo presidente da Xunta Fernando G. Laxe e o xornalista José Luís Gómez, a Marca-País é esencial para a identificación da economía e cultura dun país no contexto dos mercados internacionais. A Marca-País esixe de amplos consensos na construción dunha imaxe corporativa común, na que non só han participar os Gobernos e demais axentes institucionais e empresariais, senón as institucións cívicas e culturais. Porque a Marca Galicia require do consenso cos empresarios e demais sectores económicos, mais tamén do acordo coa sociedade civil e cos sectores máis dinámicos e activos da cultura e da cidadanía.
Malia que no noso País botáranse importantes alicerces para a Marca Galicia (Galicia Calidade foi a máis importante achega), moi decote esqueceuse tamén da proxección de Galicia non só como territorio de moi altas cualidades produtivas no sector agroalimentario, senón tamén da proxección doutros sectores produtivos vencellados con outras tecnoloxías, do seu turismo e da súa identidade cultural. Neste senso, os Centros galegos no exterior constitúen unha oportunidade moi aprezábel para espallar Marca-País, malia que haberíamos ter en conta o devalo demográfico e de actividades de moitos destes Centros, pezas esenciais para apoiar nesta rede de galeguidade e identidades partilladas parte destas estratexias.
Iberoamérica, a lusofonía, as Illas Británicas e a Europa central, setentrional e occidental, xunto co pulo do Camiño xacobeo (outro dos nosos principais recursos para presentarmos ao mundo) na Corea e no Xapón son os ámbitos máis permeábeis para espallar esta Marca-Galicia, esencial no que atinxe á nosa promoción turística (que non pode repenicar o modelo español de sol e praia), ás nosas producións alimentarias e forestais e á presentación das nosas realizacións no ámbito empresarial e institucional do coñecemento, incluída a acción exterior das nosas Universidades e demais axentes da investigación e innovación.
Mais a Marca-Galicia, como lembran Laxe e J. L. Gómez, precisará sempre dunha identificación cultural para sermos coñecidos como País. Sen a definición exterior da nosa identidade será imposíbel a identificación dos nosos produtos, recursos e realizacións humanas. O que sería fulcral para a nosa recuperación económica.

A aldraxe da AP-9

Para o noso país a AP-9 é un eixo fundamental de comunicación, atendendo nomeadamente a súa falla de alternativas practicábeis, evidente entre Compostela e Pontevedra e noutros moitos lugares. Ocorre que a concesionaria recibiu no 2002 o agasallo dende o Goberno Aznar da prórroga do seu dereito concesional até 2038 apenas en troques da construción do treito Fene-Ferrol e da gratuidade do treito Rande-Puxeiros. Despois, a concesionaria foi adquirida pólo grupo Citi ao grupo español Sacyr. Dende sempre, mais moi especialmente dende entón nótase un grande desleixo e neglixencia no cumprimento das súas obrigas, e as peaxes medraban substancialmente no 2012 e 2013, mentres madrilenos, castelánleoneses ou andaluces circulan entre as súas cidades por autovías de balde.
A competencia sobre o control desta concesión non lle pertence, contra toda lóxica, á Xunta senón ao Goberno do Estado, que está a amosar seguido grandes doses de tolerancia co desleixo dos xestores concesionais. Velaí a conveniencia, mesmo a necesidade, do inmediato traspaso desta competencia ao Goberno galego. Disque a ministra Ana Pastor rexeitou esta transferencia por mor da suposta cualificación desta vía como vía de interese xeral. Mais esta cualificaciõn non impediría o traspaso da autoestrada pola fórmula do artigo 150.2 da Constitución, ao ser plenamente susceptíbel de transferencia ou delegación. Mesmo máis inmediata sería a descualificaciõn da vía como de interese xeral, pois que transita ao cento por cento polo territorio galego e non conecta con Portugal, ao ficaren a varios quilómetros da súa raia. Non por acaso Catalunya recibiu no seu día o traspaso de parte da estrada estatal N-II e as Deputacións Forais o da A-8 e N-I ao seu paso por Euskadi. O que determina que a desculpa da ministra sexa ben pouco defendíbel.

De mareas e maiorías sociais

Xurdiron na Galicia varias iniciativas a prol da formación de candidaturas municipais de base ampla e plural e iniciativa máis cívico-social ca de coalición interpartidaria.
Trátase dun proceso que hai que entender dende a crise das organizacións políticas, o fondo anovamento da axenda política que supuxo o abrollar do 15-M e doutros movementos sociais dende 2010, o suceso electoral de Podemos, a esixencia cidadá de transparencia e participación e máis a punxente necesidade de pór en primeiro plano da axenda política actuacións sociais e económicas pensadas nos intereses das maiorías sociais. Deste xeito, xurdiron Marea Atlántica n’A Coruña e Somos Miñor na bisbarra que integra Gondomar, Nigrán e Baiona, mentres que un milleiro de persoas asinaban o manifesto “Somos maioría”, dirixido a toda Galicia.
Estas iniciativas van moito máis aló dunha coalición multipartita. Hai, si, iniciativa partidaria, mais existe nomeadamente un pulo cidadán, que xorde da base e pretende adoptar as súas decisións e a escolla dos candidatos a medio de procedementos participativos e democráticos no canto de estas decisións seren adoptadas a medio de pactos entre as directivas dos distintos partidos e axentes. O que vai supór, probabelmente, pasarmos dunha cultura política representativa do século XX a unha participativa do século XXI.
O éxito destas propostas dependerá da súa capacidade para combinar esta rexeneración democrática coa eficacia comunicacional e cunha actitude inclusiva, aberta e plural. Dentro destas novas alternativas vai haber moita pluralidade. O que cómpre é quitar un mínimo común denominador, nomeadamente nos tres eixos que preocupan ás maiorías sociais: promoción do emprego de calidade (unha economía para as persoas), a blindaxe do Estado do Benestar e a transparencia para arrincar a corrupción e garantir a boa gobernanza.
Canto ao galeguismo político, haberá afacerse a traballar con independentes e progresistas que partillen dese mínimo común denominador. Malia todo, cómpre entender estas iniciativas no País que xorden: Galicia. Entendelas dende os parámetros de Madrid, Logroño ou Salamanca sería un grave erro. O mesmo que non contar cos bos alcaldes e alcaldesas que xa traballan decote a prol da maioría social.

A desmontaxe das axudas á dependencia

O parlamento do estado aprobou en decembro do 2006 a chamada lei de Dependencia, orientada ao apoio das persoas con dependencia severa ou grande dependencia (graos II e III). Axiña comprobouse que nacía cun financiamento insuficiente que cargaba o custo da meirande parte dos novos servizos na Xunta, entón dirixida polo bipartito. O sistema funcionaría máis a xeito cunha dotación de recursos programada e outorgándolle plena autonomía ao sistema galego de benestar para orientar os recursos ás necesidades da poboación dependente galega, moito máis precisada de axudas a coidadores familiares e centros de día. Indubidabelmente fican para a historia os erros de indeterminación e dirixismo de Zapatero e os esforzos do vicepresidente Anxo Quintana por dotar os novos servizos.
Malia isto, a fins do 2011 atendíanse no Estado 700.000 grandes e severos dependentes. Dende entón, Rajoy ten desenvolvido unha política de deconstrución que desfixo un sistema de atención individualizada para convertelo nun conxunto non integrado de respostas asistencialistas.
E Galicia non ten usado do seu autogoberno para blindar o tratamento dos seus dependentes, facendo seguidismo desta desmontaxe. Inflúe decisivamente o oneroso do pagamento do servizo da debeda pública polos altos tipos de xuro que se lle aboan a unha parte significativa e non amortizábel da mesma, herdanza da xestión da conselleira Fernández Currás.
UXT ven de denunciar que menos do 48 % dos dependentes galegos están a recebir algunha prestación. O servizo universal de transporte adaptado (ese popular 065 creado por Anxo Quintana que tanto facía pola autonomía persoal -viaxes aos centros de día, consultas médicas, piscinas…) dos dependentes galegos vén de ser reducido na fin deste inverno nun 70 %.
Mentres, amplíase o copagamento de servizos a milleiros de dependentes galegos con rendas absolutamente insuficientes, ao lles ponderar un patrimonio irreal, baseado nun valor absurdamente elevado de bens urbanos e rústicos que ninguén paga no mercado. O mesmo valor que está a penalizar á cidadanía galega cando liquida os Impostos de Sucesións e Transmisións Patrimoniais.

Autoaprezo e cosmopailanismo

Atopei noutronte un antigo compañeiro de colexio na coruñesa praia de Riazor:
– Mira, Xoán Antón, o que fixo o xerente do pub ese de Sanxenxo, ao suspender o concerto de Mónica de Nut ao terceiro tema tivo moi pouco estilo, pero tamén é verdade que ese local ten maioría de veraneantes madrileños e non entenden o jazz cantado en galego.
– Home, Tito, ese día estaba inzado de seareiros galegos da artista. Pero que eu saiba escoitamos a ópera en italiano ou alemán, en inglés a The Corrs, Leonard Cohen ou Bruce Springsteen. O deste tipo é pura censura, motivada polo seu carácter intolerante e pola súa falla de cultura e educación.
– Pero, Xoán, para atraer o turismo non podemos andar co da cultura galega, temos que nos abrir máis a España. Teríamos que mirar máis polo español, que é o noso.
– Iso é un erro de concepto, meu amigo. O turismo que interesa é o que vén coñecer os nosos recursos. Nós non podemos nin queremos competir en sol, praia e alcol barato. E a xente non vén a Galicia para ver touradas, feiras de abril ou Oktoberfests, porque se buscase cousa desa iría a Andalucía ou a Bavaria. Vén por sermos nós, polo noso clima, cultura, lingua, costumes e gastronomía.
– Pero o da cultura galega estando ben limita moito… Hai que abrirse ao mundo.
– Estou de acordo e de feito penso que a nosa literatura, as nosas artes plásticas, o noso folk, o noso jazz, pop, rock ou hip-hop están a facer un enorme esforzo de evolución e apertura ao mundo. O que ocorre é que en Madrid teñen moi claro que queren ocupar os espazos das culturas periféricas, porque iso supón facturación. Canto hai que non canta en galego un dos nosos artistas nunha TV estatal?
– Pero á nosa xente góstanlle as touradas e as sevillanas.
– Non, ho! Na Coruña non hai touradas este ano por falla de interese cidadán e semella que en Pontevedra cada vez hai máis oposición e menos afecto popular. Pertencer a unha peña para ir de troula non é gostar das touradas. As touradas, as sevillanas e outras exoticidades son produto dunha mentalidade cosmopailá moi interiorizada nas concellerías de Festas de moitos gobernos locais, que son os que están a mal investir cartos públicos en espectáculos sen raigame nin afeccionados. É politiquería pura.

Unha terceira vía para a España plurinacional

A historia está inzada de casos que demostran a inviabilidade para reter poboacións e territorios que deciden maioritariamente vivir a súa vida. E oporse sempre a que a cidadanía decida (máis aínda, a que sexa simplemente consultada) semella non ter moito percorrido.
O futuro da Unión Europea é o da soberanía partillada. Son tempos para a gobernanza en rede e para consensos amplos. Velaí que exista unha terceira vía, non para contentar á cidadanía catalá, senón para o mellor encaixe da plurinacionalidade española.
A base xurídica sería a actualización das Disposicións Adicional Primeira e Transitoria segunda da Constitución. A primeira dalle abeiro aos ordenamentos forais vasco e navarro. A segunda dispón o máis amplo grao de autogoberno para Catalunya, Euskadi e Galicia. Trataríase de integrar as dúas para rachar o café para todos e recoñecerlle a estes territorios, a Canarias pola súa condición ultraperiférica e aos demais que o decidan exclusivas competencias sobre lingua, cultura, educación, Dereito Civil e réxime local, así como plenas potestades executivas (Administración única), o que conlevaría a transferencia de competencias de economía e fomento básicas (portos e aeroportos de interese xeral, costas, salvamento marítimo, policía de seguridade) e a recadación tributaria, nun marco de autonomía e coordinación normativa que determinase as achegas ao Estado para compensar os servizos públicos que presta e dotar determinados Fondos de Solidariedade. Os demais territorios terían espazo para asumir este réxime, a medio de referéndum ou para devolver competencias (sanidade, educación, xustiza…) ao Estado e/ou desenvolver procesos de fusión entre si.
O sistema habería pecharse cunha cláusula que permitise o dereito a decidir destes territorios, mais condicionado a prazos, procesos e maiorías que haberían ser fixados constitucionalmente.
Esta terceira vía constitúe un marco potencialmente asumíbel para moitos e nomeadamente favorábel para Galicia. Cómpre, pois, perspectiva moderna e vontade de servizo para desenvolvela.