O Dereito e a Política

O Dereito e a Política haberían ser útiles aos intereses xerais e boas ferramentas para resolver problemas. Se non os resolven e mesmo se invocan para perpetuar os existentes ou crear outros novos, cómpre reformalos para a súa potencialidade ás demandas sociais.
Analisando a cuestión dende a visión puramente xurídica, o president catalá Artur Mas convocou este día unha consulta non vinculante (non un referéndum, coma o escocés) ao abeiro dunha lei catalá aprobada polo 85% do seu Parlament, no exercicio legal dunha competencia autonómica que o Tribunal Constitucional recoñeceu na súa sentenza do 2010, cando recortou substancialmente o marco estatutario pactado entre os Parlamentos estatal e catalán contribuíndo moitísimo ao actual sentimento arredista de boa parte da sociedade catalá. Porén, o artigo 161 da Constitución dalle ao Presidente do Goberno do Estado a competencia que lle nega aos Presidentes da Xunta ou da Generalitat: a mera interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra a lei e/ou contra a convocatoria da consulta determinará a suspensión da mesma en Dereito.
Mais o problema político non remata con esta suspensión. Porque o conflito sítuase entre dúas lexitimidades que xorden do voto cidadán e non se resolve antepoñendo España a Catalunya, nin unha cidadanía á outra. A aparente contradición xurídica esixe unha solución política, moito máis cando a recente votación escocesa nos aprendeu que por votar non caen as pontes nin rachan os países nin enferman as persoas. Á cidadanía catalá non se lle pode convencer da súa eterna minoría de idade nin da súa incapacidade para decidir o que nomeadamente lles cómpre dicir, malia que a cidadanía do conxunto do Estado teña tamén dereito a determinar algunha das premisas do resultado final.
Entón, a solución é pactar regras de xogo que fagan viábel a convivencia. O marco europeo habería garantir a unidade de mercado e a común acción, moito máis entre pobos con semellantes vencellos históricos. Os mecanismos de soberanía compartida, como vén de manifestar o lehendakari Urkullu, poden resolver a desafección.
Pero mirar cara outro lado e chamar polos maxistrados do Tribunal Constitucional que nomeaches para que che resolvan o problema non fai senón enquistalo e deixar ceibo o camiño á gangrena.

Ao benestar polo autogoberno

As políticas da austeridade e e recortes da dereita europea non foron respostadas a xeito polos partidos socialdemócratas estatais. Velaí que o sistema que máis calidade de vida xerou na historia recente da humanidade fose recortado en grande medida sen que o centro-esquerda fose quen de propor con forza, no nível europeo, un discurso do crecemento e da cohesión social.
Porén, en varios territorios europeos os seus partidos nacionais ou nacionalistas foron quen de trascender, sen o esquecer, o discurso da identidade para se centrar no discurso da inclusión e do benestar. Deste xeito incorporaron ao proxecto nacional a sectores tradicionalmente menos abertos ao discurso identitario, para lle ofrecer á maioría social un relato de futuro, arredor da convivencia e do benestar
Esencial a este proxecto é garantir unha sanidade e servizos sociais de calidade e unha educación pública competitiva. E para isto as cuestións do financiamento público e da autonomía fiscal son esenciais, porque só decidindo sobre os vectores dos que depende a recadación é posíbel garantir os servizos públicos.
Mais tamén esta caste de proxectos de integración e futuro priorizan o control sobre os piares do desenvolvemento económico, tentando promover os sectores con máis capacidade tractora e vertebradora. E non precisamente a medio de empresas públicas, senón do fomento dun emprendemento empresarial nado do País, ao que estas políticas lle teñen que garantir a competitividade coa grande empresa vinculada aos Gobernos estatais. Velaí, como exemplo frustrado polo PP, o plan eólico que os nacionalistas Anxo Quintana e Fernando Blanco promoveron no pasado goberno de coalición.
Esta caste de proxectos foron desenvolvidos polos gobernos nacionalistas de Euskadi e Escocia. E na propia Catalunya o movemento cidadán independentista é interclasista e transversal e trascende con moito o discurso identitario.
Os proxectos nacionais, malia o seu carácter inequivocamente progresista e integrador, trascenden tamén ao xogo tradicional esquerda-dereita e serán unha das alternativas ao esfarelamento dos grandes partidos socialdemócratas europeos.

As cartas caledonias (IV)

O FUTURO POLÍTICO DA ESCOCIA

O 55% dos escoceses votaron NO á independencia e o 45% a prol dela. A participación foi dun 84,5% sobre os electores rexistrados. Os números son nidios abondo para concluír que Escocia quere seguer a partillar o Reino Unido moitos anos. Mais…
Mais o first minister demisionario Alex Salmond e a campaña pro independencia fixeron medrar o número dos seus partidarios dun 30 a un 45% e votar YES a un 71% da xente nova, mentres rexeitaban a independencia o 73% dos maiores de 65 anos. Os sectores máis populares apostaron tamén pola independencia (velaí Glasgow, cun 54% a prol), xunto cos verdes, o mundo das organizacións solidarias e os empresarios máis dinámicos e innovadores.
E dirán vostedes, “Home, deixe estar, o tema estalle xa ben pechado”. Hoxe doulles a razón. Pero resulta que os tres partidos británicos maioritarios, para evitar que o voto afirmativo gañase, prometeron unha mellora substancial dos poderes fiscais, orzamentarios e de protección social do Goberno escocés. E agora o líder laborista, Ed Miliband, por razóns de curto interese partidista, di que non é o tempo axeitado, mentres varios deputados conservadores rexeitan esta proposta de ampliación competencial, disque “fartos de que 5 millóns de escoceses determinen o futuro de 52 millóns de ingleses”.
Se esta ampliación do autogoberno escocés non se aproba no que fica da lexislatura do Parlamento de Westminster (até o vindeiro maio) as bases do SNP, o partido nacional escocés e dos seus aliados da campaña YES SCOTLAND denunciarán que os unionistas gañaron con amaños e mentiras o referéndum. Por outra banda, a posíbel convocatoria no 2016 dun referéndum para a saída do Reino Unido da Unión Europea sería outra ocasión para pór de manifesto un proxecto político distinto para Escocia, reivindicando a súa permanencia na UE e, xa que logo, cuestionando a súa adhesión ao Reino Unido.
Semella que esta acción futura vaina liderar dende novembro unha nova primeira ministra escocesa e líder do SNP, Nicola Stugeon. Porque seica moi pouca xente no seu partido, que obtivo maioría absoluta no Parlamento escocés no 2011, cuestiona o proxecto de Salmond de facer transversal o proxecto do YES SCOTLAND, que mesmo foi adherido pola maioría dos residentes nados fóra do Reino Unido.

Ensinanzas do referendo escocés

O primeiro que nos aprende o proceso de autodeterminación escocés é que decidir é posíbel e non sempre leva á independencia. Abonda con se pór dacordo os Gobernos e institucións atinxidos para regular unha normativa mínima que garanta a expresión dun pobo. Xa que logo, Rajoy adébedalle aos cataláns unha explicación, como mañá llela pode adebedar calquera usuario da Moncloa a calquera outro país do Estado. Por que non regular a xeito o dereito a decidir?
Cómpre salientar, tamén, a claridade do resultado. A cidadanía escocesa votou nun 84,5% e decidiu 55 vs. 45% a prol do NON. Mais, sendo nidio abondo, o resultado amosa unha base importante de escoceses a prol dun Estado proprio, que ten a súa orixe na potencia da campaña do YES SCOTLAND e do first minister escocés, Alex Salmond, que conseguiu abrir unha grande fenda no electorado laborista e mesmo mobilizar sectores sociais até agora alleos á mesma participaciòin electoral. Base electoral alicerzada no case 54% obtido na meirande cidade escocesa (Glasgow), na xente máis nova, nos sectores máis urbanos e nas clases traballadoras (moitas veces alleas ao discurso nacionalista do SNP), mentres o unionismo gaña en grande parte por mor do voto idoso, rural, de residentes de orixe inglesa (11% do electorado) e sectores máis abastados economicamente.
Sendo así, porque demite o líder nacionalista Alex Salmond? As fontes que manexamos debullan algunhas claves. Dunha banda, a súa aposta persoal polo referéndum tensionou un partido moi transversal e interclasista, mais que tivo que gañar novos e definitivos espazos entre verdes, traballadores e sectores máis novos e idealistas da sociedade escocesa, o que pode non aceptar de bon modo a vella garda partidaria. Doutra, o pulo de acadar un partido máis común ca personalista, tendo en conta que a viceprimeira ministra Nicola Stugeon garantirá, polo menos substancialmente, a continuidade na liña política seguida por Salmond, principiando por vixiar que Cameron e demais partidos británicos aproben no 2015 a moi substancial ampliación do autogoberno escocés que prometeron nesta campaña.

As cartas caledonias (III)

ESCOCIA VOTOU CONTINUIDADE E, TAMÉN, CAMBIO

Ás 8:00 am hora galega, cando escrebo esta carta, aínda non son definitivos os resultados do distrito das Highlands, mais si nos outros 31 distritos do País. A opción pola continuidade no Reino Unido gañou con claridade cunha diferenza superior aos dez puntos (máis do 55% fronte a menos do 45% da opción independentista). A alta participación (84,5%) determinou este resultado, na liña do 54-46% avanzado nas sondaxes feitas na xornada. Onde a participación foi máis baixa gañou o YES (53,5% fronte ao 46,5% en Glasgow, primeira cidade do país e de maioría traballadora, onde votou un 75% dos rexistrados ou 57,5% fronte ao 42,5% en Dundee, cun 79% de participación).Noutros distritos, como Edinburgh, a capital, a diferenza foi duns 23 pontos a prol do NO (61,5% fronte ao 38,5%). Salientábel é a relativa derrota do first minister nacionalista Salmond no seu condado de Aberdeenshire, onde o YES non chegou ao 40% dos votos.
O NO gañou nas zonas rurais, entre a xente de máis idade, nos lugares onde existen porcentaxes superiores de residentes nados en Inglaterra (12% do censo naceu neste país) e nas contornas máis encadrábeis nas clases medias e superiores. O YES mellora os seus resultados nas contornas urbanas e traballadoras e semella ter sido maioritario entre residentes nados fóra do Reino Unido e votantes de menos de 35 anos, o que determina unha tendencia cara unha meirande nivelación de resultados no futuro.
Canto á alta participación (84,5% dun censo onde é esixíbel o rexistro previo, que asinou o 97% dos potenciais electores) xogou a prol do voto negativo, malia que explica tamén os máis de 1.650.000 votos positivos emitidos, faltando as Highlands por contar.

Efectos políticos deste referendo

Salmond zafou, dende logo, ao obter un resultado que amosa a fortaleza do sentimento independentista, hoxe espallado moito máis aló do nacionalismo. O elevado número de votos obtido sobarda con moito os rexistros máximos dos nacionalistas do SNP cando obtiveron a súa maioría absoluta, no 2011. Mais tamén zafou Cameron e, nomeadamente o antigo premier laborista Gordon Brown, que contribuiu para reter electores cun discurso ben matinado a prol da Unión a véspera electoral que evitou máis desercións a prol do YES entre os sectores urbanos de voto histórico a prol do laborismo.
En realidade, a cidadanía escocesa pronunciouse con claridade non tanto polo “status quo” como pola perspectiva do máximo autogoberno posíbel dentro do Reino Unido. A prol daquela terceira opción que Salmond quería introducir na pregunta, en outubro do 2012, e que Cameron rexeitou para mancar de morte ao nacionalismo escocés. Que, pola súa transversalidade e por eses case 1,7 millóns de votos obtidos (malia que moitos deles sexan de orixe verde ou ex laborista) semella estar moi vivo.

Maís autogoberno para Escocia

Salmond aplicou de contado o seu Plan B e vén de lle esixir ao tripartito unionista da coalición Better Together que cumpra as súas promesas de transferir novas potestades fiscais, sociais e orzamentarias ao Parlamento escocés de Holyrood. E Cameron vén de anunciar que esta lexislación se presentará no vindeiro xaneiro do 2015 na Cámara dos Comúns de Westminster. Porén, non poderá ser aprobada até despois das eleccións xerais británicas do vindeiro mes de maio. Mais esta lexislación de ampliación do autogoberno abre o debate, segundo manifestan importantes líderes políticos e sociais ingleses, de reducir a capacidade dos membros escoceses do Parlamento estatal de Westminster de decidir en asuntos ingleses. Fálase xa da posibilidade de asembleas lexislativas autónomas para certas partes do territorio inglés, como as Midlands ou Cornualles, mentres a líder nacionalista galesa Jill Evans esixía unha substancial ampliación dos poderes do Parlamento galés de Cardiff Bay, na liña subliñada por Alex Salmond.

Outro referéndum en dez anos?

O experto constitucionalista Michael Keating, consultor do Goberno de Holyrood, non pensa que sexa factíbel un novo referéndum nos vindeiros dez ou quince anos. Considera que moitos esforzos foron investidos xa neste proceso e que agora a cidadanía require atender aos negocios e tecer complicidades. De feito, altos funcionarios do Goberno escocés recoñecen en privado que hai “demasiadas decisións adiadas dende hai máis de dous anos”.
Mais esta paz social require de que Westminister cumpra coa súa promesa de máis autogoberno, sobre todo fiscal e de que non se lle impoña ao Goberno escocés a axenda de recurtes sociais que Cameron está a desenvolver en Inglaterra. Desta volta a adhesión á independencia dos sectores laboristas non foi tan importante como para consolidar a secesión, mais no futuro podería agromar a proposta dunha nova decisión se non se escoita esa decisión maioritaria que esixe máis devolution e respecto polo modelo de benestar escocés.
O viceprimeiro ministro británico, o liberal-demócrata Nick Clegg, falaba ao amencer da convivencia entre as catro nacións británicas como un valor a preservar, mentres a libra medraba con forza nos mercados de capitais asiáticos. Mais no Greater London semella que nin lles vai nin lles vén coa decisión escocesa. E moitos esixen que Westminster non gaste máis na Escocia do que gasta na Inglaterra.
Remanecen, xa que logo, moitas dúbidas. Mais o que ninguén pode negar é que Escocia falou abondo claro e abondo en escocés.

Escocia, 19/09/2014.

As cartas caledonias (II)

SCOTLAND THE BRAVE

Case 4,3 millóns de escoceses (moitos deles por primeira vez e 100.000 entre 16 e 18 anos) votarán hoxe a súa independencia. O dereito a voto esténdese a todos os británicos ou cidadáns dun Estado da Unión Europea ou da Commonwealth con máis de tres anos de residencia, entre eles centos de galegos, 16.000 galeses ou máis de 400.000 ingleses. De feito, malia que catorce das últimas dezaseis enquisas danlle vantaxe ao NO (onte catro coincidiron en reflectir unha vantaxe de catro pontos porcentuais e unha quinta de só dous pontos), a falla de precedentes, o elevado rexistro electoral e o número de novos electores (moitos deles mozos ou residentes nados fóra do País) danlle aos resultados un elevado grao de incerteza.
A campaña do YES SCOTLAND, que promove o voto a prol da independencia, gañou indubidabelmente na rúa. Onte, nos Meadows, a carón da Universidade de Edinburgh, xuntaron varios milleiros en poucas horas de xeito espontáneo, a medio das redes sociais. Desta volta quixeron amosar o apoio doutros países á decisión escocesa e falaron representantes de Galicia, Euskadi, Catalunya, Gales, Bretaña, Quebec, Nova Guiné-Papúa, Francia, Polonia, Alemaña e Cachemira. Partillou xente de toda caste, con elevada participación de mozos, mulleres e residentes de orixe non escocesa. A festa espontánea rematou en Holyrood, diante do Parlamento escocés, coa rúa principal da cidade vella (a Royal Mile) totalmente ateigada de xente e grande ambiente de festa.
Poderíase dicir que o first minister Salmond e a viceprimeira ministra Nicola Stugeon xa gañaron, pois foron quen de chegar a hoxe con este grao de incerteza e porque obtiveron xa unha substancial ampliación do autogoberno escocés mesmo no suposto do voto negativo, como xa ofreceron Miliband, Cameron e Nick Clegg no nome dos tres principais partidos británicos. Mais quizais as cousas non sexan tan doadas. Esta ampliación da devolution non lle permitiría a Escocia administrar o petróleo do Mar do Norte (e os xacementos inexplorados da costa oeste, verdadeira chave do futuro da economía escocesa). Por outra banda, é sabido que na política non existen as derrotas doces. Unha derrota pola mínima do YES adiaría doce ou quince anos a convocatoria doutro referéndum e podería xerar certa frustración na cidadanía. De calquera xeito, a popularidade de Salmond e Stugeon non semella discutíbel, malia certas prevencións a respecto do primeiro das bases laboristas.
Porque, precisamente, a chave desta consulta son os tradicionais votantes do Labour Party, fondamente decepcionados coa terceira vía dos antigos prime ministers Tony Blair e o escocés Gordon Brown, voceiro da campaña unionista Better Together. Máis dunha terceira parte recoñecen que votarán afirmativamente e fontes oficiosas do SNP recoñecen que se esta porcentaxe acadase o 40% o YES podería gañar. Moitos destes milleiros de escoceses laboristas ollan con certa desconfianza a Salmond e ao SNP, por non partillar a visión nacionalista nin, ao cento por cento, as súas fórmulas económicas de centroesquerda (moi alicerzadas nas políticas sociais, mais tamén na promoción da empresa privada). Mais acreditan que a independencia daralle oportunidade aos socialistas escoceses de refacer un espazo laborista que sexa quen de lle desputar, a medio prazo, a hexemonía política aos nacionalistas.
De calquera xeito, miñas donas e meus señores, a resposta terémola mañá, venres, 19 de setembro, ben cediño. Mentres, unha longa noite de escrutinio, xa que todos os votos do país contaranse nun único Centro, condado a condado, rematando polas áreas máis poboadas.

Escocia, 18/09/2014.

As cartas caledonias (I)

O VOTO DO MEDO

A suba do YES nas sondaxes de primeiros deste mes espertou unha campaña unionista que adurmiñaba. O tripartito a prol do non (conservadores, liberal-demócratas e laboristas) botou man de toda a súa axenda. Primeiro foi o gobernador do Banco de Inglaterra quen dixo que de gañar o si os escoceses non poderán partillar a libra esterlina. Despois, o Royal Bank of Scotland e o Bank of Scotland ameazaron con deixar cadansúas sedes escocesas e transladalas a Londres no caso dunha maioría de votos afirmativos. Logo foi un voceiro da aseguradora Aviva quen dixo que un SI poría en risco infraestruturas chave. A propria raíña Elizabeth, nun aceno no que non poucos escoceses teñen visto unha substancial creba da súa neutralidade, pediulle á cidadanía caledonia que votase con xeito (carefully, foi a verba usada pola Xefa do Estado). Teñamos en conta que unha parte substancial da campaña do YES SCOTLAND baséase na continuidade relativa que representaría seguir a partillar a libra cos demais británicos e que a raíña continuase a ser a Xefa do Estado escocés, como é do Canadá, Nova Celandia ou Australia.
Están por ver as resultas desta campaña do medo. Mais a propria opinión publicada londinense é escéptica a respecto destas pauliñas. Velaí o xornalista económico Nick Goodway (London Evening Standard), que escrebe: “non se pode desbotar certa volatilidade a curto prazo, mais a medio prazo Escocia non preocupa aos investidores do Reino Unido. Sexa cal fór o resultado do referéndum non vai pasar nada”.

A APELACIÓN SENTIMENTAL

A outra liña de campaña do tripartito unionista está a ser a chamada aos sentimentos, o que semella acaerlle ben ao prime minister Cameron, quen pediu hai poucos días encher o Reino Unido de bandeiras escocesas. O certo é que na nosa estadía de 48 horas en Londres só vimos pendurando as da residencia de Cameron, no nº 10 de Downing St. e as dos Ministerios e oficinas gobernamentais ao seu carón, en Whitehall. Mais Cameron seguiu a apelar aos sentimentos, quizais porque algúns dos seus analistas din que á campaña unionista lle faltou paixón. Velaí o seu discurso do martes: “Por favor ficade connosco… Se non gostas de min, outro virá. Se marchades, sabede que será para sempre”.
Claro é que para outros líderes conservadores é moito máis difícil. O alcalde de Londres, Ben Johnson, é un dos líderes máis populares dos dereitistas e semella estar ben chantado na carreira sucesoria, que mesmo principiará o venres se gaña o SI. Johnson rexeitaba hai semanas a ampliación do autogoberno financeiro e fiscal escocés, reclamándoo en troques para o seu Londres, e non quixo participar na campaña unionista. “Que queredes, que desfaga eu a campaña?”, foi daquela a súa brincadeira. Hoxe cala, probabelmente pola seriedade da situación para os conservadores, malia que de seguro partille esa opinión, presente en case a metade dos deputados tories, que considera que Cameron cometeu dous erros: permitir o referéndum e manter unha campaña de perfil baixo.

UN PROGNÓSTICO

Veño de chegar á estación central de Edinburgh, despois dunha viaxe nocturna de 7 horas, quizais unha das máis filmadas na historia do cinema. Nótase abondo como refresca o clima. O confronto entre os 25 graos do doce verán londinense e a paisaxe outoniza da néboa e dos 16 graos de Edinburgh ilustra as diferenzas entre dous países distintos que, porén, partillaron moitas aventuras e non poucas desventuras colectivas. Moitos pensan que a Unión de 1707 foi un mal negocio para Escocia (mentres entre 1707 e 2012 a pobiación escocesa medrou só até cinco millóns dende o millón inicial, a inglesa medrou até 52 millóns dende os 4,5 millòns iniciais) e que hoxe Escocia segue a ser un bo negocio para o Reino Unido. Outros pensan que Escocia escrebiu páxinas de gloria e tirou proveito do Imperio británico. Probabelmente todos teñan razón, cada un ao seu xeito e na parte de verdade que lle cumpre.
Que vai pasar o xoves? It depends, é a resposta máis común por parte dos amábeis cidadáns edinburghers. Unha resposta comparábel á que daría calquera galego prudente. A mobilización sentimental e a apelación ao medo haberían decidir moitos electores cara ao NO, máis está sen medir o efecto contraproducente dos discursos edulcorados de Cameron, a adhesión dos escoceses ao seu sistema público de sanidade e servizos sociais (que moitos consideran estar en risco nun Reino Unido onde o peso conservador de Londres e do sur-leste é cada ano máis importante) ou a propria composición dese 10% de indecisos que aparecen en case todas as enquisas. Están estes indecisos máis acó ca aló? Nesa resposta está a clave do referendo escocés.
O que si está claro, como recoñecen en privado moitos deputados ingleses (quer conservadores, quer liberais-demócratas ou laboristas) é que os escoceses van gañar en autogoberno e financiamento, si ou si. Co YES cunha independencia formal onde moi axiña se porán as bases dunha Escocia integrada na Unión Europea, partillando ademais moeda e Xefa do Estado con ingleses, galeses e norte-irlandeses (por certo que estes terán tamén un referéndum no 2016 para decidir a súa continuidade ou a súa anexión á República de Irlanda). E co NO a medio da substancial ampliación do seu autogoberno, recebindo esas novas potestades fiscais e financeiras prometidas agora polo Goberno bipartito de Cameron e Clegg e pola oposición laborista de Miliband. Si, esa ampliación da autonomía que podía contentar, polo menos no medio prazo, a parte das bases nacionalistas do SNP e que Cameron rexeitou converter na terceira opciòn do referendo en novembro do 2012, quizais pensando que o referendo sería, de certo, unha derrota para o first minister Alec Salmond e para o goberno nacionalista de Holyrood.

Escocia, 17/09/2014.

Os ingleses diante do referéndum escocés

A prensa londinense deste domingo 14 de setembro recolle a dramática apelación do prime minister Cameron a encher os exteriores das vivendas dos ingleses, galeses e norirlandeses de bandeiras escocesas para “salvarmos a Unión”. Os tres partidos principais (conservadores, laboristas e liberal-demócratas) canda cadanseus líderes (David Cameron, Ed Miliband e máis Nick Clegg) tentan seducir aos indecisos escoceses para votar negativamente á independencia. En troques, prometen unha substancial ampliación do autogoberno escocés no eido fiscal e financeiro.
En novembro 2012, cando o first minister escocés pactou data e pregunta con Cameron, este rexeitou toda posibilidade de terceira vía cara unha opción intermedia que garantise a continuidade don Reino Unido incrementando substancialmente os poderes fiscais do Parlamento escocés de Holyrood, opción que enchía os degoiros a medio prazo dos nacionalistas escoceses do SNP. Cómpre salientar que o nível autonómico dos caledonios elles ben máis amplo ca o galego e moi semellante ao catalán (policía de seguranza, réxime local), agás en cuestións fiscais onde calquera autonomía española ten máis competencias.
Mais semella que moitos ingleses ollan para o problema escocés con certa distancia. Polo que puiden percibir nesta estadía, é maioritaria a opinión de que os escoceses non han dispor de máis financiamento por habitante ca Inglaterra. Por outra banda, o 48% dos ingleses están por activar controis fronteirizos con Escocia no caso que gañe o yes e o Goberno escocés asuma o espazo Schengen de liberdade de tránsito, segundo unha enquisa que este domingo publica o xornal The Mail.
É verdade que os galeses e máis as minorías de orixe asiática ou africana son máis receptivas ao mantemento de estreitas relacións cunha Escocia independente. Mais, lonxe de ser sensíbeis á chamada do premier Cameron, boa parte dos ingleses están máis dispostos a aceptar, con certa frialdade e afastamento, a independencia escocesa ca unha substancial mellora do seu financiamento e das súas capacidades fiscais.
Mentres, os populistas eurosescépticos do UKIP seguen a furar na Inglaterra a base electoral de Cameron, acadando un 20% nas sondaxes preelectorais para as vindeiras eleccións ao Parlamento estatal de Westminster.

Algunhas precisións históricas

O reino de Galicia, que abrangueu Asturias e León até o século XIII, foi o herdeiro do vello “regnum” suevo, o primeiro da Europa toda. Os reis deste Reino adoitaron residir en Oviedo e León, tentando eludir deste xeito a hexemonía da Mitra compostelá. Mais foron a actual Galicia e Compostela o auténtico cerne deste Reino, que chegou ao seu apoxeo nos 1150-1230, co Camiño Xacobeo, coa fundación ou pulo das grandes vilas portuarias da Coruña, Baiona, Noia ou Viveiro ou coa conquista da Extremadura.
O rei Fernando III uniu só persoalmente as Coroas castelá e galega, malia que dende aquela sofriramos un proceso decadente, agravado polas derrotas das escollas da aristocracia galega cos Trastamara e nos 1476-1485 coa raíña Isabel, que rematou coa nosa clase dirixente, incautou cara Castela as riquezas dos nosos mosteiros e impuxo maxistrados, bispos, abades e funcionarios casteláns, implantando un sistema de vicerreinado (Capitanía e Audiencia) que moi logo sería repenicado nas colonias americanas.
Os condados cataláns que fundara Carlomagno unificáronse arredor do condado de Barcelona. No século XII a dinastía catalá Berenguer uniu a Coroa aragonesa e a condal. Anos despois Aragón e Catalunya partillaron a conquista do reino de Valencia, coa que integraron unha estrutura confederal coñecida como Coroa de Aragón. Nesta os tres países mantiñan plena autonomía, malia que foi Catalunya a vangarda desta Coroa, responsábel da conquista de Mallorca, Sicilia, Sardeña ou Atenas.
A guerra que rematou hai agora 300 anos coa conquista de Barcelona polas tropas francesas e castelás de Felipe V non foi de xeito estricto unha guerra de Catalunya contra Castela e Francia. Porén, é evidente que a guerra se saldou coa supresión das Institucións políticas autónomas dos valencianos, aragoneses e cataláns e coa centralización da Monarquía borbónica, sometendo aos barceloneses a unha ocupación militar que durou case un século.
A historiografía española construiu un relato que minimiza a grande importancia de Galicia e Catalunya na historia das Españas. Un relato que non é verdadeiro, mais que constituiu un potentísimo instrumento político.

A decisión escocesa

O reino de Escocia formouse no sèculo IX e mantivo a súa independencia por séculos en loita continua contra Inglaterra. Dende 1603 até 1688 unha dinastía escocesa, os Stuarts, reinou sobre ambos os dous países e esta proximidade incrementou as presións anexionistas de Inglaterra. O Parlamento escocés aprobou no 1707 a Unión co reino de Inglaterra no novo Reino Unido. Foi unha decisión impopular, explicábel polos intereses da nunca fiábel aristocracia escocesa, dominante na Cámara e pola carga financeira xerada por unha fracasada aventura colonial no istmo de Panamá.
Os escoceses mantiveron a súa Igrexa, Dereito, sistema xudicial e réxime local, mais perderon todas as súas liberdades políticas despois de 1745 polo seu apoio aos Stuarts. A emigración, a aventura colonial británica e a industrialización da conca do Clyde serviron para encaixar o país no Imperio británico. Mais as guerras mundiais no século XX liquidaron o Imperio e Escocia perdeu os seus horizontes. Londres multiplicou a súa presenza no agora máis pequeno Reino Unido. Xa non era doado o encaixe de Escocia neste inglesizado Reino.
Hai algo máis de 40 anos apareceu o petróleo do Mar do Norte e Londres privou aos escoceses de grande parte dos seus beneficios, agachou a información sobre a magnitude da achega do cru ao PIB escocés e argallou unha campaña baseada na desinformación e no desprestixio dos nacionalistas do Scottish National Party (SNP), que acadaran o 32% nas eleccións ao Parlamento de Westminster no 1974.
Porén, no 1998 a Devolution foi aprobada por unha ampla maioría e o Parlamento escocés foi restaurado. O SNP gañou as eleccións no 2011 con maioría absoluta. En cumprimento das súas promesas electorais, o primeiro ministro escocés pactou co británico a celebración do referéndum de independencia o 18 deste mes que andamos.
Cameron rexeitou teimudamente unha terceira opción para lle devolver máis autonomía a Escocia, malia que o seu ministro de Finanzas, diante do avance da opción pro independencia (que gañaría 51-49% segundo unha recentísima enquisa do Sunday Times) ven de ofrecer esta ampliación autonómica no caso de gañar o yes.
A poucos días de que a cidadanía escocesa vote nada está decidido, malia o esforzo de Londres porque gañe o No.