A creba do Estado de Dereito

A intromisión do Goberno do Estado na administración xudicial está a pór en risco a meirande parte dos controis que nos recoñecen como un Estado democrático de dereito. Intromisión que ten a súa orixe no outorgamento cidadán (novembro 2011) dunha maioría absoluta nas dúas Cámaras estatais, que lle dan ao PP o control dos Poderes lexislativo e executivo estatais. E nos graves defectos da regulación xerada polo PSOE e PP no tempo desque aprobaron a Constitución.
Este control determina que a maioría que apoia ao Goberno do Estado elixa indirectamente unha maioría absoluta do Tribunal Constitucional (TC). Isto quere dicir que as leis aprobadas pola maioría absoluta do Parlamento estatal van ser controladas canto á súa constitucionalidade por ese TC indirectamente nomeado por Rajoy e que fixa unilateralmente a súa axenda. Adiantando as cuestións que interesan (Catalunya, por exemplo) e adiando as que non conveñen (lei de taxas). Polo mesmo, os recursos de inconstitucionalidade contra leis autonómicas van ser decididos por un árbitro caseiro, case sempre favorábel aos intereses centralistas, pois que o Executivo estatal nomea indirectamente ao TC.
Mais este control falla tamén no que atinxe ao control da normativa regulamentaria e da actividade administrativa. As taxas limitan substancialmente o acceso á xustiza e, xa que logo, o control da legalidade da actividade administrativa. E o Goberno do Estado nomea indirectamente unha maioría absoluta do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), órgano de goberno dos xuíces que determinan os maxistrados que chegan ao Tribunal Supremo (TS) e á Audiencia Nacional (AN), que son os que levan a meirande parte do control real da actuación regulamentaria e político-administrativa do Goberno do Estado. Si, acertaron vostedes. Controlan indirectamente aos que lles controlan.
Velaí que sexa urxente unha fonda reforma, quizais constitucional, que garanta a independencia da xustiza, hoxe reducida aos níveis de Xulgados, Audiencias e, parcialmente, Tribunais Superiores. No caso da Galicia cumpriría, ademais, vincular a xustiza ao noso sistema de autogoberno e facela rematar a todos os efectos no TSXG.

Galeguidade empresarial

Este xoves, 23 de outubro, El Correo Gallego entregou perante dúas mil persoas os agasallos aos Galegos do Ano, distinguindo nomeadamente persoeiros da sanidade pública e líderes empresariais, con Roberto Tojeiro, presidente de Gadisa, como referente senlleiro. Porque son dous os eixos de toda sociedade cohesionada, inclusiva e de futuro: o emprendemento empresarial nun clima axeitado que fomente a creatividade privada e un Estado do Benestar constituído por unha mesta urdime de servizos públicos financiados a xeito e prestados dende parámetros de calidade total, transparencia e servizo público.
O mesmo xoves o Foro Peinador celebraba no Parlamento perante máis dun cento e medio de empresarios o “Día da Galeguidade Empresarial” arredor da asunción da lingua e da identidade como sinal de diferenza e compromiso de calidade que forma parte xa do ADN de empresas como R, San Luis ou Progando. Mágoa que PSOE, BNG e AGE confundisen os conceptos e non apoiasen esta iniciativa, cando o certo é que a propria acción do Foro Peinador semella máis solidaria da política lingüística de recuperación do consenso que propoñen colectivamente as forzas da oposición.
Este día, pois, reflectiu que un País con futuro ha ter empresas de presente e futuro. E que non nos pode ser indiferente a quen lle merquemos, por exemplo. Porque mercando en Gadis ou nas outras superficies comerciais galegas promovemos a creación de valor neste País. Fagan vostedes a proba e comparen a presenza de provedores galegos de viños, froita, leite, ovos ou carne nunha superficie de capital galego e noutra de capital foráneo.
Mais as empresas galegas precisan do acompañamento dun autogoberno forte que mire polos seus intereses. O Goberno central sempre mira polas grandes empresas españolas, polo que cómpre equilibrar nos mercados esta deriva a prol dos grandes. Apoios reais á exportación e á internacionalización, unha oferta de banca corporativa pública para empresas de mediana fasquía e medidas lexislativas que protexan as nosas denominacións de orixe e o noso comercio de proximidade xunto cunha activa promoción da marca-país. Medidas que dependen máis da forza do noso autogoberno ca de esquerdas ou dereitas.

Ollan de máis cara Madrid

Os galegos tendemos a ler en boa medida os nosos proprios xornais e sintonizar as nosas proprias emisoras de radio e TV. Quere isto dicir que buscamos informacións e opinións achegadas á nosa realidade. É evidente, xa que logo, que as informacións e opinións elaboradas dende Madrid non enchen a demanda da nosa cidadanía.
Velaí que un non entenda por que profesores galegos eminentes, que salientan pola calidade dos seus artigos xornalísticos e achegas en debates audiovisuais varios, teimen ultimamente en repenicar na Galicia a opinión que a eito pontifican dende os xornais, radios e TV madrileñas. Deste xeito, algúns defenden as políticas de austeridade como única resposta económica posíbel e máis a inflexibilidade do “patriotismo constitucional” como única resposta do Estado fronte á mobilización cidadá catalá a prol do dereito a decidir. Outros sinalan os tres nacionalismos (vasco, catalán e galego) como responsábeis das peores vivencias españolas dende a Restauración do 1975.
Próeme que algunhas das mentes máis brilantes do País ollen de máis a Madrid para conformar un relato agradábel aos que alí mandan, no canto de construír unha cosmovisión galega propria, que saiba explicar os acontecementos no Estado, na Europa e no mundo en clave galega. Porque defender as políticas de austeridade na Galicia descoñece a realidade dun País que liquidou boa parte da súa base industrial nos cinco anos e medio de goberno Feijóo e que fanou aquel diferencial baseado nunha menor exposición ao ladrillo de segunda residencia. E esquecer que o galeguismo foi o único que achegou neste país un discurso sobre o territorio, as carencias e potencialidades da economía galega ou a vocación europea e marítima de Galicia amosa unha notábel desconexión co noso presente e co noso pasado.
Pola contra, pouco lemos nalgúns destes profesores a respecto da especificidade da economía galega, construída sobre alicerces ben distintos á española (construción naval, complexos mar-industria e monte-industria, sector agrogandeiro, turismo non masivo) e de como require dun amplo autogoberno para a súa competitividade e para xerar benestar aos galegos. Nin tampouco a respecto da actual desafección da cidadanía co marco político pactado na transición.

A ruptura do pacto de transición

Os que viviron aquelas datas saben que no 1975 e 1976, despois da morte de Franco, existía unha grande crise económica, derivada da do petróleo do 1973 que mancaba gravemente ás clases medias e traballadoras, mentres os níveis de protección social eran moi baixos. Só a educación estaba no camiño de se considerar un servizo universal, ao abeiro da Lei de educación do 1970.
A falla de liberdades e de servizos sociais, a crise económica e o atraso relativo da sociedade española facían un “cóctel” explosivo, tendo en conta que existía tamén unha extrema dereita franquista moi minoritaria, mais ben arraizada nos postos de mando da organización sindical franquista, na burocracia e nas Forzas Armadas. No mundo da esquerda e dos nacionalismos vasco, catalán e galego constatábase a vontade de construír unha democracia dende a ruptura co franquismo e que recoñecese o dereito á autodeterminación das nacións –nacionalidades, na linguaxe da época– que integran o Estado español.
Neste senso, o pacto político e social da transición (que comeza cos acordos económico-sociais dos Pactos da Moncloa, segue coa Constitución e os Estatutos e remata coa crise do 23-F, o trunfo de Felipe González nas eleccións do 1982 e a súa primeira lexislatura) vai atender ao alargamento da clase media, a xeneralización da cobertura do desemprego e a universalización da sanidade e da educación públicas, garantindo un “complemento social” aos baixos salarios e unha certa mobilidade social. En troques, a ruptura fíxose reforma, arquivouse a memoria histórica, garantiuse a impunidade do franquismo e afastouse a cidadanía dun sistema político representativo axiña derivado ao bipartidismo de quenda, á proscrición “de facto” da democracia participativa e a negación do dereito á autodeterminación das nacionalidades, diluindo o seu dereito ao autogoberno no café para todos que tanta úlcera nos deu.
Hoxe o pacto da transición rachou, porque as institucións e partidos españois non foron quen a manter o pequeno Estado do benestar que o facía posíbel. E velaí que cando non se garanten rendas mínimas nin servizos públicos esenciais, a cidadanía reclame o dereito a construír o público por si propria.

Que pasa coa fábrica de armas?

Un emprego industrial inferior ao 20% dos ocupados sinala unha sociedade economicamente feble. Un emprego industrial do 13%, como no caso da Coruña, sinala unha sociedade empobrecida e pouco viábel. Velaí que sexa absolutamente fulcral xerar emprego industrial na cidade e na área urbana da Coruña.
Nesta andaina é esencial que o proxecto industrial da fábrica de armas poida aproveitar o colectivo laboral desta factoría. Un colectivo que ten unha formación moi especializada e polivalente que serve para moitas actividades industriais de alta precisión e valor engadido e que son precisos para crear escola entre a xente nova.
Mais a adxudicación recente do Ministerio de Defensa a prol de Hércules de Armamento (desbotando, xa que logo, a proposta da outra ofertante, o grupo IFFE) achega moi serias dúbidas sobre a viabilidade do seu proxecto, até de agora totalmente descoñecido. Porque, por unha banda, falan de oito millóns en vendas de armas a Iberoamérica no primeiro ano de facturación, cando a lei e o prego de contratación deixan moi claro que a empresa precisa da autorización do Ministerio de Defensa para calquera exportación de armamento. Por outra banda, a empresa fundouse cun capital social de 3.000 euros o 12 de decembro de 2013 e acadou o capital mínimo de 600.000 euros a medio dunha ampliación de 507.000 euros o 12 de maio deste ano. Este diñeiro non foi ingresado, senón que disque se lle debía aos socios e a empresas participadas por eles e accederon a convertelo en capital. Débedas xeradas en só cinco meses que só poden vir de achegas de diñeiro ou prestacións de servizos/vendas de bens facturadas a crédito por estas empresas vinculadas. Por que a adxudicataria non clarexa esta cuestión? Por que o concurso do Ministerio non esixe o uso íntegro da parcela da fábrica de armas e deixa 200.000 metros cadrados sen uso industrial garantido? Hai presións para recualificar a medio prazo estes terreos non vinculados á concesión?
A falla dun proxecto industrial sólido e diversificado, sobre todo canto ás actividades industriais civís (proxecto que semella posuír IFFE), pode facer perder esta oportunidade, destragar a magnifica formación dos antigos traballadores da fábrica de armas e deixar o campo ceibo para as presións do sector inmobiliario. Que existen a eito, como sabemos.
Velaí que o alcalde e o presidente da Xunta, dando por bo un proxecto que din descoñecer, nos fagan dubidar gravemente do compromiso dos Gobernos galego e coruñés a respecto do futuro industrial dos terreos de Pedralonga.

Provincias fóra

Louzán destraga 280.000 € dende a deputación pontevedresa en publicidade da volta ciclista, mentres o vello Baltar é condenado penalmente por ter contratado ilegalmente ducias de traballadores para a deputación ourensá. As deputacións manteñen cadanseu presidente, 108 deputados e un aparello custoso sen funcións definidas e sen lexitimidade democrática. O delegado do Goberno do Estado, sen máis funcións coñecidas que a xefatura política das policías estatais, mantén catro subdelegados e unha estrutura periférica duplicada e redundante.
PSOE e PP frearon nos anos 80 e 90 do seculo pasado os esforzos lexislativos de Catalunya e Galicia (do conselleiro nacionalista Pablo G. Mariñas) para subordinar as provincias aos Gobernos autonómicos e mesmo abrir o camiño para a súa supresión devagariño. O bipartidismo dinástico seica considerou que as provincias ían ser un eficaz contrapoder que Madrid podería usar contra os Gobernos autonómicos. E o goberno Rajoy ven de potenciar os poderes das Deputacións fronte aos concellos para reducir a calidade dos servizos sociais e centralizar a prol de grandes empresas estatais privadas a súa xestión.
O pensamento galeguista e democrático sempre considerou estas estruturas provinciais como lesivas para a boa gobernanza da Galicia e niños de caciques e xestión desaquelada. Mais, naquela ilóxica centralista do XIX, as catro provincias galegas copiaban os departamentos franceses para construíren cadanseu distrito de 400.000 habitantes no que fose posíbel viaxar no día dende calquera das súas capitais municipais á capital. Hoxe mudou todo. Nunha Galicia na que o 55% da poboación vive nas súas oito principais áreas urbanas e na que decidimos en tempo real a medio da videoconferencia e o correo electrónico, a supresión destes enxendros inùteis e prexudiciais é necesaria.
Até agora sempre invocaban a Constitución. Mais agora albíscanse, si ou si, tempos para a remuda constitucional. Cómpre obter desa remuda, entre moitas outras novas competencias, a capacidade para que Galicia decida sen interferencias o seu réxime local para suprimirmos as provincias.
A lexislatura que comeza a vindeira primavera habería ser a derradeira para as deputacións galegas.

Botarlle a culpa ao de abaixo

O conselleiro de Sanidade de Madrid bótalle as culpas do seu contaxio á enfermeira galega infectada. O importante non sería a trapallada de repatriar persoas sen protocolos desenvolvidos con garantías, senón o erro puntual dunha sanitaria voluntaria que mesmo sería tan irresponsábel que “até foi á esteticista”. O Goberno do Estado responsabilizou en exclusiva do accidente ferroviario de Angrois á imprudencia do maquinista Garzón. E o PSOE apoiou incondicionalmente o PP nesta andaina. “En Galicia houbo un accidente de tren causado por un maquinista”, manifestou un alto dirixente socialista nunha conversa con compañeiros de partido galegos. O importante non sería a trapallada de manter unha curva moi perigosa ou de non implantar o ERTMS que garantiría frearmos aquel tren no caso dunha inacción do maquinista por despiste. E o grave non son as oitenta mortes e os feridos, senón o “dano inaceptábel á imaxe do tren español…”, como ven de afirmar un alto cargo de ADIF.
Ben, tamén ocorrera na do Prestige, catástrofe ecolóxica que tentaron botarlle ás costas do capitán Mangouras de xeito exclusivo e excluínte. Porque esta política está moi vencellada a unha concepción autoritaria do Poder, segundo a que os gobernantes non son responsábeis perante a cidadanía, porque en realidade lles pertence a función de gobernar por dereito proprio, quer vinculados a unha elite financeira e política que sería a única que sabe como facer as cousas, quer obsesionados por manter a cidadanía en estado permanente de desinformación. Dirán vostedes que moitos cidadáns -e mesmo algúns políticos- asumen e asumimos a responsabilidade polos actos das persoas que diriximos ou dependen de nós. É certo, pero, como en todo proceso de remuda social, esta concepción de que os Gobernos nunca teñen a culpa é o vello paradigma que teima por non morrer, axudada nos últimos tempos polo medo xerado pola crise. Esta idea de Goberno autoritario e irresponsábel perante a cidadanía latexa tamén na transmisión de ideas segundo as que os usuarios son os responsábeis dos recortes na sanidade ou os desempregados dos recortes na súa cobertura. O caso é xustificar a gravísima incompetencia desta caste de gobernantes.

A obsesión dos taurinos

Hai dous motivos fundamentais para estar en desacordo coa celebración da feira taurina coruñesa. En primeiro lugar, o concello cede o Coliseum un sábado e un domingo practicamente de balde, pagando con cartos públicos o mantemento, limpeza e acondicionamento, subministracións e máis a banda de música. Xa que logo, a subvención indirecta municipal acada uns 100.000 €, segundo avaliacións de expertos. Con eses cartos cubriríanse os xantares de cen crianzas nun comedor escolar durante dous meses. Á vista da moi frouxa resposta dos seareiros ben se pode dicir que este gasto é un estrago de recursos públicos.
Mais, en segundo lugar, ao tempo de ser evidente a falla de afección taurina na Coruña e na Galicia, en xeral, obsérvase avanzar en amplos sectores a idea de que a festa taurina é unha mostra de maltrato animal incompatíbel cos valores que profesa unha sociedade moderna e europea. Neste senso, a manifestación deste domingo na Coruña foi un claro exemplo do xeito no que progresa esta toma de conciencia e como ten apoios moi plurais e transversais, no que atinxe á orixe social, pensamento político ou á idade dos manifestantes.
A verdade é que un nunca podía supor a importancia que seica tiña a feira taurina da Coruña e, en xeral, o mantemento deste espectáculo na Galicia, para os taurinos españois. Porque ante a evidencia do seu risco de desaparición reaccionaron como se a unidade de España e a felicidade cidadá dependesen de se manter as touradas no noso país. E as presións deste “lobby” sobre o Goberno local coruñés conseguiron o mantemento desta impopular feira, malia o seu absoluto fracaso económico.
A mensaxe enviada polo Goberno local e polo lobby taurino foi nidia: ás touradas poderán ir poucos, pero son merecentes dun trato privilexiado, quizais por ser os derradeiros mohicanos a gostar dun espectáculo que din tipicamente español, pero que non prendeu ao longo de 150 anos na Galicia. Mais a evolución imponse. Por razóns de idade e remuda social, os cidadáns que partillan as touradas son menos e menos influíntes. Á volta de poucos anos non haberá touradas na Coruña, nin en Sarria, nin en Padrón. E moi probabelmente a cidadanía esixa a derrogación da excepción á lei galega de protección dos animais que lle dá abeiro legal a esta caste de impopulares espectáculos.

Quintana e o galeguismo do futuro

Anxo Quintana voltou comparecer publicamente nunha ateigada sala ourensá para certificar a mala saúde política do noso País e para chamar á cidadanía á unha revolta pacífica que garanta que Galicia non fique illada e esquecida no panorama de mutación constitucional que xa se albisca.
Unha das ideas-forza da súa exposición insiste en que moitos dos problemas da economía galega, como as crises dos sectores pesqueiro, naval, leiteiro ou agrogandeiro, ou a discriminación enerxética, non dependen da aplicación de políticas de dereita ou de esquerda, senón do peso que teña Galicia. Para o Estado só achegamos o 5 % do PIB e o 6 % da poboación e, xa que logo, o leite, a pesca ou o naval non son sectores estratéxicos e si, en troques, as laranxas ou o aceite. Velaí que o máximo autogoberno posíbel sexa esencial para o benestar da cidadanía galega. E moito máis aínda que para os vascos ou cataláns, porque a economía galega ten outros alicerces distintos da española e precisa dunha política propia para desenvolver as súas potencialidades.
A outra idea fulcral considera que o galeguismo político ou o nacionalismo (o antigo vicepresidente da Xunta considerou sinónimos os dous conceptos) han dirixirse á maioría social que, sen se definir como galeguista, considere prioritario o progreso e o benestar de Galicia e se identifique co País. Neste senso, o galeguismo político habería non incorrer nos erros do pasado e integrar esta maioría social, tamén aos que pensan e viven o país falando castelán.
Para o antigo vicepresidente existen tres espazos políticos: dereita española, esquerda española e galeguismo/nacionalismo, sen prexuízo da pluralidade de forzas que operen en cada espazo. E a ampliación do autogoberno (tan precisa para o noso benestar e desenvolvemento económico) no horizonte da futura remuda constitucional dependerá directamente da forza do espazo político do galeguismo.
Mais hoxendía Galicia está ausente do debate sobre o futuro do Estado e corremos o risco de que fique excluída das decisións reitoras da etapa política que se vai abrir. Velaí que cumpra, ao xuízo de Anxo Quintana, un rearme cidadán, dende a base, para evitar que outros decidan o futuro deste país.