Podemos e Galicia

As mobilizacións sociais do 15-M supuxeron unha toma de conciencia de amplos sectores das clases medias a respecto da deterioración do sistema político institucional español e da necesidade da súa rexeneración (candidaturas abertas, primarias, limitación de mandatos…), da extensión e profundidade da corrupción e do secuestro da axenda dos partidos do bipartidismo dinástico (PP-PSOE) polo 1% que representa a oligarquía financeira e política española, que comezara o asalto ao limitado Welfare State español por volta do verán do 2010.
Mais a estas novas xeracións e a grande parte dos novos desencantados, nomeadamente das clases medias, non lles pareceron acaídas as vellas estruturas políticas que constituían a oferta política alternativa ao bipartidismo monárquico. Neste senso, Podemos é a principal concreción política tanto da axenda como do espírito cívico do 15-M.
Podemos, certamente, dista de ter un programa de goberno polo miúdo. Mais ten un relato e un proxecto. Que, de xeito inequívoco, camiña pola centralidade política, despois de arrombar as propostas extremoesquerdistas da chamada Izquierda Anticapitalista. Evitando, deste xeito, un grupo-guía ou un partido dentro do partido. Por outra banda, a meirande pegada electoral de Podemos semella estar nas clases medias no canto das clases traballadoras. A música soa a radicalidade democrática e propostas da socialdemocracia europea dos 70.
Comenta un amigo “oes, de ser murciano, madrileño ou zamorano pertencería a Podemos…”. E velaí un verdadeiro problema dende o punto de vista, non xa só dos galeguistas, senón dos que partillan unha visión centrada no País. O Consello Cidadán de Podemos, eleito por proposta de Pablo Iglesias, non garante o menor equilibrio interprofesional e territorial, inzado de madrileños profesores da Complutense. Galicia fica extramuros do seu discurso. O recoñecemento da plurinacionalidade do Estado é, polo de agora, unha baleira apelación sen contido práctico ningún.
Un goberno español de Podemos non solucionaría mañá os problemas dos sectores económicos que son estratéxicos para Galicia e prescindíbeis para o Estado español. Velaí que, no noso País, a tarefa de rexenerar a democracia e a sociedade ha ser compatibilizada coa defensa dos intereses e do autogoberno de Galicia. Sen subordinala.

Bandeiras dos nosos pais

Galicia viviu, no tempo que vai dende a guerra de Cuba do 1898 á guerra civil do 1936, un tempo de acelerado desenvolvemento económico nalgúns sectores, en grande parte xerado pola repatriación de capitais de Cuba e polas achegas dos nosos emigrantes en América, que activou un grande progreso social e cultural. Velaí que os galegos e galegas nados entre 1925 e 1940, aproximadamente, estaban chamados a protagonizar a continuidade deste proceso de desenvolvemento, incorporando o noso país ao concerto da Europa moderna.
Mais a guerra, que estas xeracións non fixeron, mais si sofreron, mancou este proceso. No 1940 volveu a fame. E aqueles nenos máis privilexiados da postguerra -coma os meus pais- que non coñeceron esta fame física viviron as privacións económicas, as frieiras e as limitacións á súa educación e desenvolvemento como persoas. Nas cidades galegas as mulleres da xeración das nosas nais perderon aqueles progresos na igualdade que acadaran as nosas avoas. Ás privacións económicas engadíase a represión política e a vixilancia sobre as condutas cotiás. Aquel país que medraba nos 30 retrocedera medio século por volta de 1953.
Malia estas privacións, os nosos pais traballaron na longa noite de pedra máis aló do límite das súas forzas para que os seus fillos tivesemos a oportunidade que a guerra lles negara. O plan de estabilización do 1959 forzou a ducias de milleiros outravolta á emigración. As crianzas ficaron no País cos seus avós e moitos deles, nenos sen pais nos 70, souberon responderlles ao sacrificio e hoxe protagonizan a Universidade, a empresa ou a sanidade. Outros pais tiveron de enfrontar, despois da transición, o andazo da droga e da sida nos seus fillos. E moitos destes, compañeiros nosos, morreron por centos antes dos seus pais.
As xeracións dos nosos pais e nais tiveron claro que o futuro pertencía ás políticas da convivencia e da tolerancia. E que cumpría evitar, como for, un conflito como o que determinou a súa neneza e xuventude. Velaí que hoxe semelle acaído lembrar as angueiras, as bandeiras dos nosos pais. Malia que só fose para aprender delas no próximo futuro.

O perigo das maiorías absolutas

O sistema electoral adoptou a fórmula da proporcionalidade que, non por acaso, resultou ser a menos proporcional de todas: a regra D’Hondt, que permite unha moi importante corrección a prol das candidaturas máis votadas, de xeito que votacións do 43 ou 44 por cento, que en termos de censo resultaron andar polo 26%, permitíronlle no 2011 -por exemplo- ao PP desfrutar a maioría absoluta municipal acadada na Coruña ou en Compostela. Se a isto lle engadimos a obrigatoriedade de que as candidaturas acaden un mínimo do 5% dos votos para obter representación no Congreso, no noso Parlamento e nos concellos, teremos un mapa aproximado das moi restritivas condicións que as leis lle impuxeron á proporcionalidade enunciada teoricamente na Constitución e no noso Estatuto.
Non se trata de que as regras do xogo beneficien ao PP, ao PSOE ou ao sursum corda. Trátase de recuperarmos a proporcionalidade. Por que non apostamos por reflectir unha representación real da sociedade, de xeito que un 3% ou un 12 % dos votos se poida traducir en porcentaxes aproximadas de representación?
Fica a cuestión dos gobernos. Na Europa o normal son os gobernos de coalición e non os de maioría absoluta, porque as sociedades son plurais e as maiorías absolutas haberían ser puramente episódicas. Xa que logo, o normal será que os partidos dialoguen dende o veredicto da cidadanía e acaden acordos que xunten unha maioría da representación que faga posíbeis gobernos estábeis.
Claro que, quizais, habería que comezar a pensar se todas as forzas que acaden representación teñen que entrar nos Gobernos, malia que non se dea unha maioría absoluta a prol dunha única opción. Ao mellor as forzas emerxentes poderían reservarse na oposición sen prexudicar as súas opcións de remuda futura da gobernanza. Mais isto haberíao decidir cada opción en cadanseu momento.

A ARRINCADEIRA
COMPROMISO rexeita participar nas Deputacións. Os galeguistas de COMPROMISO acordaron este domingo no seu Congreso non participar nas Deputacións, por ser organismos inútiles e lesivos para a Facenda de todos e para a boa gobernanza deste País. Se hai consenso político nalgún asunto na Galicia é na nocividade destes entes desbaldadores do carto público pola súa xestión caciquil e ineficiente. Que mesmo poderían caer nunha próxima reforma constitucional.

Estarmos na Europa

O 75% da normativa emana da Unión Europea. Dende a mañá cedo Europa regula a auga coa que nos duchamos e os alimentos que almorzamos e segue todo o día a regular a nosa vida cotiá até que nos deitamos. O descanso da noite tamén entra nas regulacións europeas, que rexen a fabricación e composición de sabas e almofadas.
Non é certo que non se poida influír dende Galicia na elaboración e adopción dos regulamentos e directivas europeas. O que ocorre é que a disparidade de medios entre os lobbys financeiro e automobilístico, por exemplo, e o lobby dos consumidores é moi notábel. Neste senso, o Parlamento Europeo, o Comité das Rexións, o Comité Económico e Social… son Institucións que miran polos consumidores e polos dereitos da cidadanía. Tamén as que pulan polos intereses comúns europeos e polos intereses das rexións e nacións sen Estado como Galicia. Porque case sempre coinciden os intereses dos Estados cos do gran capital financeiro e os intereses comúns europeos e os dos territorios como Galicia cos intereses da pequena e mediana empresa, dos consumidores, da cidadanía e das maiorías sociais.
Velaí que nos interese, como consumidores, como cidadáns, como traballadores e pequenos e medianos empresarios, e como galegos máis Europa e menos España. E dotar de máis poderes ao Parlamento Europeo e á Comisión Europea no canto dos Consellos de Europea e de Ministros (entre eles o Ecofin), institucións que defenden os egoísmos dos Estados e os intereses dos grandes bancos e operadores financeiros. E velaí que nos interese que Galicia poida estar presente en todos os foros de decisión. Tamén nos Consellos de Ministros, para posibilitar a defensa dos sectores naval, enerxético, mar-industria, monte-industria ou agrogandeiro, que para España non son estratéxicos e si nidiamente prescindíbeis.
Mais o primeiro é estarmos na Europa. Neste senso, a absoluta postración e abandono no que se atopa a Fundación Galicia-Europa exemplifica o desleixo do Goberno Feijóo a respecto desa cada vez máis achegada Bruxelas, da que depende o noso benestar e a nosa prosperidade.

Gaña Catalunya

Josep, o avó dos meus amigos Marc e Mireia, tería agora 97 anos. Na guerra do 1936 fixo parte, como afiliado ao partido Estat Catalá, da 132 brigada mixta e sofriu, logo de caer preso na fin do 1938 en Borges Blanques, dez anos de campo de concentración e desterro. L’avi Josep, como lle chamaban todos, botou anos desterrado no noso País e casou en Ourense con Carmiña, quen aprendeu a fillos e netos sentir a galeguidade como l´avi Josep lles transmitiu a súa pertenza a Catalunya.
Porén, hoxe si votou o seu amigo Lluís, que integrou a garda do President Companys dende 1936. E votou pensando no Companys. Aquel president da Generalitat que foi extraditado dende a Francia ocupada por Hitler e fusilado por Franco en Montjuïc o 15 de outubro de 1940. O mesmo Companys que salvou a vida do primado catalán, o cardenal Vidal i Barraquer.
Velaí como o proceso principiado no verán do 2010 coa sentenza do Tribunal Constitucional que anulou parcialmente o novo Estatut do 2006 foi quen de activar vellas vivencias e lembranzas que semellaban esquecidas. Porque 1714, 1934 ou 1936 son datas históricas ás que as novas xeracións dan un ou outro sentido en función do seu percorrido vital. E á vista está que millóns de cidadáns cataláns non acreditan que España rectificase de todo as políticas desenvolvidas a respecto de Catalunya na historia. E iso que non escoitaron este sábado ao antigo alcalde da miña cidade d’A Coruña, cando falou diante dos -poucos- nacionalistas españois convocados pola plataforma “Libres e iguales” de levar a Garda Civil ou quitar os tanques.
Este domingo participaron máis de dous millóns de persoas nunha consulta que, evidentemente, non ten valor xurídico, mais si un nidio valor político, recoñecido na Europa toda. Madrid non pode, xa que logo, seguir a se pór de esguello. Hai sinais claros de que millóns de cataláns queren decidir o seu futuro.
Tempo, pois, de dialogar para facer posíbel un referendo con todas as garantías. Nin máis nin menos que o que tiveron na Escocia hai menos de dous meses ou en Quebec noutras dúas ocasións.
É a hora da política.

Galicia precisa liderado

Dicíamos a semana pasada que Galicia tiña de enfrontar a rexeneración democrática que tamén precisa a cidadanía do conxunto do Estado incardinándoa nun relato de noso, nun novo paradigma que garanta un amplo autogoberno como ferramenta absolutamente esencial para xerar benestar, porque a economía galega alicérzase nuns sectores estratéxicos que para España son perfectamente prescindíbeis e só representamos o 5% do PIB estatal.
Este relato require dun amplo proceso de participación cidadá para a recuperación do público. Da colaboración da pluralidade e transversalidade da sociedade civil galega. E, tamén, dun liderado. Naturalmente non ha ser un liderado cesarista ou afastado das persoas, senón liderados modernos, empáticos, próximos, amigábeis, mesmo agarimosos, que entendan que na política e na economía o importante son as persoas e que perceban que a súa dirección non pode substituír a crecente intervención no espazo público da sociedade civil galega.
Mais este liderado ha ser dinámico, moderno e activo. Nada a ver, xa que logo, con Mariano Rajoy et alter, as súas pantallas de plasma, a súa linguaxe politiquesa, pasividade, aversión á rúa e tendencia a se pór de esguello. E tampouco co vello paradigma do reactivo nacionalismo español, reflectida na presentacióneste sábado do manifesto contra o dereito a decidir da plataforma “Libres e iguales”, que en Galicia adoptou as facianas da minorización lingüística do galego, da secundarización de Galicia e dos seus intereses e do uso da sacralizada Constitución como arma arreboladiza de división social no canto de marco de convivencia e resolución de problemas.
Porén, un tal relato e liderado haberían evitar outros erros cometidos historicamente polo galeguismo político e garantir a verdadeira participación democrática de todos os cidadáns que queiran vivir nun País máis democrático, próspero e non subordinado aos intereses doutros territorios ou elites. O que esixe grandes doses de intelixencia e tolerancia e o desarme de moitos dogmatismos pouco operativos xa na Galicia do 2014.

Menos sanidade pública

O galego Dr. Juanatey, un dos máis senlleiros cardiólogos da Europa, vén de dicir que se a mortaldade cardiovascular luguesa e ourensá é ben máis alta que a das áreas coruñesa, viguesa ou compostelá, a razón ben podería ser a falla de mantemento dun Servizo de Hematoloxía operativo as 24 horas no HULA lugués ou no CHOU ourensán. O mesmo doutor lembra que a pobreza xera doenza cardiovascular, e esta morte, e que, desde que principiou a Grande Recesión, a mortaldade resultante da doenza cardiovascular repuntou un chisco. Cos recurtes imos, pois, cara atrás nun eixo tan importante da sanidade e do benestar como é a redución da mortaldade cardiovascular.
A Xunta pechou 2600 camas entre xuño e setembro por mor das feiras do persoal sanitario. Os usuarios son coincidentes en afirmar que a atención sanitaria reduciuse e que o verán é un tempo perigoso para enfermar. Por suposto, dende o Goberno galego o problema non existe ou non está enfocado a xeito. Mais a cidadanía -e o persoal sanitario- din o que dín.
Mentres, a cidadanía asiste pampa como se lle negan os dados esenciais para coñecermos as características da prestación sanitaria que vai desenvolver o Hospital vigués de Povisa a prol dos usuarios desa área do sur do noso País. E os usuarios coruñeses reclaman o reactivamento da Medicina Interna no Hospital Abente y Lago ou o mantemento integral do Centro de Planificación Familiar de Orillamar.
Por non falar da deterioración da asistencia farmacolóxica aos nosos maiores e dependentes desde que existe o copagamento. Ou do gravísimo problema que enfronta un país que xubila aos 65 anos aos seus mellores médicos e sanitarios.

A ARRINCADEIRA. Rajoy segue a apostar polo inmobilismo e a “non política” fronte ao problema catalán, mentres Europa mira con desconfianza a incapacidade do Goberno español para enfrontar este problema. Disque un 20% das persoas catalás que defenden a independencia asumiron esta proposta dende a sentenza do Tribunal Constitucional do 2010. Non por acaso dicía Castelao que o Madrid político fabrica independentistas.

Outra vez Galicia ausente?

A Grande Recesión e a corrupción están a desfacer o sistema político-institucional nado despois da Constitución do 1978, principiando polo seu alicerce bipartidista. Dende unha visión ética ou xurídica a corrupción actual é igual de grave ca no 1995, mais dende unha visión política e sociolóxica a ruptura do pacto social xerada polos recortes multiplicou o rexeitamento social, xunto coa vontade de grande parte da cidadanía de participar na defensa e reconstrución do público.
Neste contexto, é evidente xa que Rajoy é parte do problema dun PP enchoupado na corrupción e, xa que logo, non pode enfrontar a catarse da dereita española. Mentres que Sánchez tampouco a do PSOE pola súa dependencia do PSOE andaluz dos ERES e os vencellos socialistas coas grandes distribuidoras eléctricas e as construtoras-concesionarias do IBEX 35. Terreo, pois, aboado a Podemos, que se afasta da esquerda radical anticapitalista para se instalar na centralidade e na transversalidade, mentres Pablo Iglesias cuestiona parte do seu programa das europeas e refuga as cuestións que poden xerar discordancia nas súa bases, pois sabe -e acerta- que son tempos de pór diante a transparencia, a participación e a rexeneración dos valores políticos e sociais no canto de insistir en utopías antisistema.
Imos, entón, cara un tempo de rexeneración que enfrontará, quizais en poucos meses, un proceso constituínte. Onde Galicia estará ausente, se non enfronta este proceso dende formulacións de noso. Vén de explicalo a xeito Anxo Quintana cando afirma que un futuro Goberno español progresista actuaría, no que atinxe ás grandes cuestións da economía produtiva galega, do mesmo xeito ca os Gobernos de onte e hoxe. Porque Galicia só achega o 5% do PIB e o 6% da poboación e as bases económicas para nós estratéxicas para España son prescindíbeis.
Hai oitenta anos xa se dixo que antes de Galicia estaba a República e hai trinta e cinco que primeiro era a democracia e despois o autogoberno. Hoxe en día tamén sería un gravísimo erro histórico priorizar a rexeneración democrática ao benestar da cidadanía galega, cando é posíbel enfrontar xuntos os dous obxectivos.