“Podemos” e o noso benestar

Partillo con Podemos en que non existe, na nosa Galicia, un problema social máis grave ca garantirlle vivenda digna aos despexados ou subministración eléctrica abonda á cidadanía que evite a pobreza enerxética. Sen dúbida son os problemas da exclusión social os prioritarios. Mais…
Mais a garantía do benestar para a cidadanía galega non depende só da grande mutación institucional e política que propón Podemos. Tamén depende en grande medida da saúde da nosa economía. A queda das rendas agrarias, a crise do naval, a imposición dunha tarifa enerxética discriminatoria para os nosos consumidores e industrias malia aturar os custos ambientais de producir a electricidade… xeran subemprego, desemprego, pobreza. A desindustrialización de Galicia xera pobreza e exclusión social.
Entón, ten razón Anxo Quintana cando expón, nesa xeira de palestras que está a desenvolver ao longo e largo do País, que Pablo Iglesias de Presidente do Goberno do Estado non garantiría o pulo da nosa economía e do noso benestar. Porque os alicerces da economía galega (lácteo, naval, pesca e acuicultura, enerxía, forestal e madeira…) non son os alicerces da economía española. O que é estratéxico para Galicia é prescindíbel para España. Xa que logo, por moi boa intención que puxer Pablo Iglesias (na que acredito) non poderá desenvolver políticas que beneficien a economía galega, tendo en conta que somos o 5% PIB e o 6% da poboación, sen tensións cos operadores económicos dos sectores que si son cruciais para a economía española. E aí contamos pouco. Precisamos da forza da nosa identidade, da nosa diferenza.
Velaí que a experiencia de Podemos sexa tan prometedora para outros territorios e mesmo para un mellor encaixe de Galicia no Estado. Porque por primeira vez o galeguismo político pode ter un interlocutor razoábel no Estado. Un interlocutor que recoñece a plurinacionalidade española e está disposto a un proceso constituínte.
Mentres, na Galicia seguimos precisando dun relato de noso que xunga o rexeneracionismo social e institucional cun proxecto de País que sirva ao progreso da nosa economía para garantirmos o benestar da cidadanía galega. E ese relato só pode vir fornecido dende o galeguismo político, dende unha opción xenuinamente nacional que constrúa dende a inclusión, a cohesión social e a transparencia.

Un novo pulo para a lingua

Dicíamos a semana pasada que unha política lingüística eficaz habería apoiarse na complicidade social e mesmo ratificarse a medio dun referéndum ou consulta. Mais que é o que hai que mudar nesta nova política?
O Goberno Feijóo non é o único responsábel do devalo nos usos lingüísticos, mais si un dos principais. E non só polo dano inflinxido por algunhas das súas políticas, senón nomeadamente polo relato desenvolvido dende hai seis anos, como vén de sinalar o sociolingüista e secretario da RAG, Henrique Monteagudo. Para desenvolver os usos dunha lingua minorizada fronte á privilexiada lingua castelá é preciso, mais non abonda, un relato de goberno a prol da lingua. E este falta dende hai seis anos. O que latexa dende as políticas autonómicas desenvolvidas por Feijóo (supresión da obriga de coñecer a lingua para acceso á función pública, erradicación do galego como lingua vehicular para matemáticas e ciencias) é a idea da prescindibilidade do galego. Os efectos sociais deste relato gobernamental son letais.
Sen dúbida é urxente a remuda nas políticas da Xunta -e tamén nas dos gobernos da Coruña e Vigo-. Cómpre derrogar o Decreto de plurilingüísmo do 2010 para garantir un coñecemento e uso da lingua tan fluídos como os do castelán. Mais tan importante será restaurarmos un consenso político e social sobre a lingua, coa finalidade de quitala fóra do debate político, de xeito que a conxuntura electoral non inflúa no rumo da política a seguer.
Han ser desenvolvidas novas políticas dende o consenso. Políticas radicalmente esixentes coas Administracións Públicas, concesionarios e contratistas das mesmas, pero moi abertas, amábeis e sedutoras coas persoas e entidades privadas. Tentando gañar espazos para o uso da lingua alén da educación e da cultura. Sanidade, xustiza ou empresa son sectores nos que a lingua ten moito por avanzar e nos que axentes sociais coma as Irmandades Xurídica e Sanitaria, Foro Peinador ou a Irmandade de Adegueiros están a desenvolver un traballo dende a base continuado e eficaz. Porque no mundo empresarial, profesional ou deportivo o uso da lingua amosa identidade e a identidade distingue o produto. Mágoa que moitos políticos non o dean entendido.

A obsesión uniformista

Escrebín este día nun artigo doutra xeira que Galicia aproveitara ben a súa competencia en Dereito Civil para se aproximar ás novas realidades sociais ao lexislar unha substancial liberdade de disposición testamentaria, ao tempo que se axustaba á tradición xurídica galega ao recoñecer institucións tan útiles como o testamento mancomunado ou os pactos sucesorios. E axiña houbo quen defendeu a unificación lexislativa, sen matinar nas diferentes realidades sociais que esixen pluralidade de respostas normativas e sen se decatar que a autonomía política se diferencia da mera autonomía administrativa precisamente na capacidade de lexislar distinto.
É evidente que a coordinación ou mesmo certo grao de unidade lexislativa da fiscalidade e dos Dereitos Mercantil e Laboral é precisa para dotarmos a Unión Europea dun acervo común coherente. Mais as respostas lexislativas no Dereito Civil e Administrativo haberían ser diferentes, como diferentes son cadansúas realidades sociais e estruturas cívicas e económicas de, por exemplo, Galicia, Canarias, Murcia, Bavaria, Escocia ou o Piamonte.
Cal é a causa desta obsesión uniformista, deste eterno pulo irracionalmente centrípeto que adoitan exercer dende o centro do Estado os media e determinadas elites financeiras, universitarias e políticas? Por que un país como Galicia, coa metade dos núcleos de poboación do Estado e sen unha grande capital, ha partillar a lexislación de horarios comerciais madrileña, pensada para un macroespazo urbano de seis millóns de persoas? As razóns son tanto de prexuízo ideolóxico (as elites da España tradicional non aturan a distribución do Poder nin a autonomía dos distintos territorios á hora de elixiren cadansúas decisións) como do interese económico destas elites pola recentralización. Dito doutro xeito, que Galicia, por exemplo, non poida pór atrancos á cobiza de determinados axentes económicos.
En realidade, tras desta obsesión uniformista latexa o medo ao cambio e a dificultade para operar en espazos máis libres e participativos. Ou, se preferir, o medo a traballar en rede e horizontalmente e a pulsión para manter un Estado xa inviábel, cun só cerebro que pense e dirixa todo. A pulsión, xa que logo, por parar as agullas dun reloxio que camiña inexorábel.

Referéndum para a lingua

Se matinamos nos dados que se reflicten na última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre usos lingüísticos é moi difícil manter esa actitude optimista que para algúns constitúe parte da nosa natureza. A redución no uso do galego entre 2008 e 2014 foi parella á desindustrialización e empobrecemento deste país nestes case seis anos de goberno Feijóo. Mais todos os anteriores Gobernos teñen parte de culpa. Porque, miren vostedes, manter a lingua propia no seo dun Estado que vive en castelán e promove por terra, mar e aire a lingua oficial española é case imposíbel sen unha potente política normalizadora coordinada dende o Goberno autonómico, partillada polos gobernos locais e alicerzada na complicidade social.
Porén, a cidadanía galega apreza maioritariamente o seu idioma, mesmo moitísimas persoas que non adoitan falalo. Os galegos contrarios á súa lingua ou absolutamente desleixados a respecto do seu futuro son moi poucos. Existen vimbios para pactar unha política lingüística asumida por case todos, porque este proceso é revertíbel, mais só a medio dunha política intensa, decidida e continuada. Unha política onde se investirían de xeito continuo recursos e se adoptarían decisións que requiren do apoio social. Vivimos tempos nos que a promoción do galego require menos despotismo ilustrado e máis cidadanía. Se unha maioría queremos galego cómpre que as súas políticas de promoción teñan o aval maioritario. Cómpre un referéndum ou consulta no que emitamos un mandato inequívoco de promoción e normalización para os vindeiros vinte anos.
Porque unha decisión popular desta clase permitiría formarmos opinión previa e xeneralizada sobre as principais cuestións que haberían facer parte das políticas de promoción e normalización. E o seu resultado calaría de vez as minorías desleixadas e mesmo opostas á nosa lingua, que acadan un eco social absolutamente desproporcionado á súa entidade real.
O galego precisa dunha política gañadora. E para iso require consenso social e apoio cidadán inequívoco. Por que non decidimos en conxunto o pulo normalizador para os vindeiros vinte anos? Decidir sempre interesa.

Quedar ben con Madrid

51 peñas deportivistas, que representan aos sectores máis activos e conscientes da afección, veñen de criticar duramente a política desenvolvida nas últimas datas por Tino Fernández e o seu Consello de Administración, reprochándolles ter preferido “quedar ben con Madrid” antes ca esixir unha pescuda xudicial a xeito que descubra os asasinos de Jimmy e antes ca defender unha “política contra a violencia que non sexa equidistante entre as vítimas e os agresores”.
Arrepía pensar en que sexan o propio Ministerio do Interior e a Delegación do Goberno en Madrid, responsábeis por omisión desta morte, os mesmos que fabricasen o relato que se lle vendeu aos media madrileños (agás algunha excepción honrosa) e que de aló exportaron ao resto do Estado, mesmo a algúns media do noso país. Un relato onde os malos son os galegos, que veñen amolar aos da capital, que serían moi bullangueiros e moi de saltar á primeira, coma bos latinos. Porque focalizando na vítima no canto dos asasinos conseguen que menos xente se pregunte polas mentiras de Cristina Cifuentes, que coñecía dende tres días antes que 50 blues viaxarían na mañanciña do domingo 30-N. Que menos xente se pregunte que está a ocorrer na investigación, que en 15 días non foi quen a xerar unha soa detención nin unha soa explicación.
Para a cidadanía galega feitos coma estes haberían servir para aprendermos como, para o que non interesa, non somos considerados da Casa. A decisión política, as elites financeiras e mediáticas, a conformación da opinión dunha España a cada máis polarizada e centrípeta…están en Madrid e Galicia, co 5% do PIB e o 6% da poboación, non conta. Moito menos A Coruña nin o Dépor.
Velaí que sexa tan importante mirar polo noso e apostar sen dúbidas por máis autonomía mental. Por máis capacidade para formarmos os nosos propios xuizos dende aquí, o que esixe tamén máis coñecemento e achegamento á nosa propia contorna. E velaí que sexa tan deprimente que tanto o Presidente de Galicia como o alcalde da Coruña prefiran tamén quedar ben con Madrid, mercándolle a súa falaz historia, antes ca defender o verdadeiro relato dos feitos que, se non coñecen, haberían coñecer en razón do cargo que ocupan. Precisamente polo voto da cidadanía galega e coruñesa.

Custodia compartida e separación de bens

Galicia desfruta de competencias exclusivas no ámbito do Dereito Civil propio. Os galegos podemos dispor en vida dos nosos bens a medio dos pactos de mellora ou apartación, outorgar testamento mancomunado (os dous cónxuxes xuntos) ou desfrutar da facultade de dispor libremente do 75% dos nosos bens. Mentres, o Dereito civil común, que rexe no resto do Estado agás Catalunya, Illes Balears, Valencia, Aragón, Navarra e Euskadi non soubo adaptarse á vida moderna. Por exemplo, unha persoa madrileña cun único fillo só pode dispor libremente dun terzo dos seus bens. Sendo galega podería dispor libremente dos tres cuartos.
Urxe introducir na nosa Lei galega a custodia compartida como réxime xeral de atribución da garda dos menores nos supostos de separacións dos seus pais, como xa fixeron en Aragón. Poderá haber centos de excepcións, mais semella que na Galicia actual os homes non estamos menos preparados ca as mulleres para enfrontar as nosas responsabilidades paterno-filiais. Cumpriría, pois, que o xuíz decretase sempre este xeito de partillarmos a custodia por defecto, optando só pola custodia exclusiva cando houbese unha situación que o aconsellase.
No que atinxe ao réxime económico do matrimonios e parellas de feito (en Galicia equiparadas en dereitos) cómpre afastarmos do réxime de gañanciais que rexe por defecto, adoptando a separación de bens que rexe na Catalunya. Nunha sociedade que tende á igualdade e á plena integración laboral das mulleres, semella inconveniente que se produza esa total confusión patrimonial do réxime de gañanciais, cos seus problemas adicionais de liquidación. A lei podería determinar que se tiver en conta a maior dedicación ás tarefas comúns ou de coidado dos fillos, para equilibrar algunhas situacións. Polo demais, cada un dono do seu e contribuíndo ao común. É moi útil desfrutar dunha lei galega, de áxil adaptabilidade, para resolvermos os problemas cotiáns da convivencia. O autogoberno interesa.

Non á equidistancia

Na análise mediática do asasinato de Jimmy, o seareiro deportivista guindado ao Manzanares na mañá do 30-N, abrollou con forza dende Madrid xa nos primeiros momentos unha teoría da equidistancia: Riazor Blues e Frente Atlético eran todos extremistas, uns de dereita e outros de esquerda e partillaban os mesmos medios violentos. Mesmo algúns (e non sempre só os media da dereita madrileña) atrevíanse a formular a tese de que o principal responsábel era o proprio morto, por viaxar a Madrid. O presidente da Liga de Fútbol Profesional, antigo militante da extrema dereita inconstitucional, chegou a expresar o que moitos pensaban: “Teríamos suspendido o partido se o morto fose un seareiro normal”. Despois cesaría Lendoiro do seu cargo na devandita Liga, simplesmente por se achegar ao enterro de Jimmy a expresar as súas condolencias, como adoitamos facer a inmensa maioría dos galegos, sexa de quen for o velorio.
Non é certo que os Riazor Blues e o chamado Frente Atlético sexan iguais. Os atléticos profesan unha ideoloxía e simboloxía neonazi ou, cando menos, de extrema dereita españolista. E son coñecidos os vencellos de varios dos seus membros con actividades delictivas ou, cando menos, “lumpen”. Agardaron polos deportivistas con premeditación e bateron neles con aleivosía, armados de paos, bates, nunchakos e outras armas. Canto aos Blues é certo que algúns dos seus membros non fan exhibición de bo criterio e non dan bo exemplo. Mais semella que non son delincuentes nin profesasen unha ideoloxía de odio, violencia ou exclusión. Mesmo nin se pode dicir que exista unha ideoloxía común entre os seus seareiros, de non ser a afección incondicional polas cores brancas e azuis deportivistas.
Xa que logo, non é posíbel equipararmos os uns cos outros. Non é posíbel a equidistancia entre os que mallan na xente armados e os que se defenden. Non é admisíbel xulgarmos ninguén pola súa fasquía exterior. Non é presentábel botarlle a culpa do crime ao proprio morto.
E cómpre que dende Galicia non merquemos os relatos que dende Madrid constrúen para nos explicar a nós proprios. Cómpre menos preguiza mental, máis capacidade de análise e máis autoaprezo.

Alcoa ou a economía produtiva

Bankia, a grande entidade sistémica na que o Estado español inxectou case 24.000 millóns de euros, estafou os investidores canda a súa saída a bolsa do 2011. Seica os seus xestores, dirixidos, quer por Rato, quer por Goirizorri, falsearon os seus dados contábeis para reducir os seus pasivos. O Goberno do Estado non reparou en cartos para que Bankia fose reflotada polo sector público e continúe acubillada nel até acadar unha venda a xeito que garanta un núcleo duro de plena españolidade e confianza. Que diferenza de trato coa poxa pública ás carreiras de NCG Banco!
Mais este Goberno Rajoy, sempre preocupado polos intereses das elites financeiras e extractivas españolas, esqueceu os intereses da empresa industrial e, en xeral, da economía produtiva. E implementou unha reforma tarifaria eléctrica que converte o insumo enerxético nun luxo que desequilibra as contas dos grandes consumidores industriais, fronte a un prezo da enerxía sensibelmente máis barato no resto da Unión Europea.
Este desleixo pola industria agrávase substancialmente na Galicia. Velaí como unha empresa esencial no noso tecido produtivo como Alcoa, con centros de traballo n’A Coruña e n’A Mariña corre serio risco de pechar o primeiro, o que suporía a supresión de 400 postos de traballo directos e uns 2000 indirectos. Triste paradoxo o de Galicia. Exportamos case a metade da electricidade que producimos e os nosos consumidores domésticos e industriais pagan facturas máis caras, xa non só a respecto da UE, senón co resto do Estado. O sistema tarifario eléctrico español oriéntase decididamente no beneficio do mercado madrileño de grande consumo.
Fronte isto a Galicia do 2014 non ten quen lle valla. Non existe aquela Fenosa galega que promoveu Aluminios de Galicia, precedente de Alcoa. Nin o Banco Pastor nin as Caixas de Aforro. Temos na teoría, si, unha autonomía política e o concello coruñés desfruta de autonomía local. Mais nin o Presidente Feijóo nin o alcalde Negreira teñen a autonomía en cadanseus miolos. Velaí que asistan, caladiños e sen mandar nada, a unha etapa máis do proceso continuo de desindustrialización de Galicia, xa advertido moi recentemente por Luis Pousa.

O Papa e a laicidade democrática

O Papa Bergoglio ven de falar perante o Parlamento Europeo. Os eurodeputados de IU, ICV e AGE deixaron os seus escanos a xeito de protesta por un acto que coidaban confesional. Na Galicia, X. M. Beiras declarou que non lle importaba o que dixera Bergoglio, senón só a Igrexa como estrutura de poder que nega ás mulleres os seus dereitos.
Mentres, os eurodeputados de Podemos ficaban na Cámara e o seu líder, Pablo Iglesias, saudaba o discurso do Papa. Un discurso no que Bergoglio dicía que os valores da democracia e da cidadanía son incompatíbeis co dominio dos axentes financeiros e que a dignidade da persoa é incompatíbel coa miseria e coa pobreza severa de tantos na Europa.
Cal é a resposta axeitada dende a laicidade democrática á revolución tranquila que está a desenvolver Bergoglio? Descoñecela, como fai AGE? Ou animala, como fai Pablo Iglesias?
Semella que a dúbida está fóra de lugar. Bergoglio está a desenvolver unha auténtica cruzada contra os abusos sexuais a menores e a corrupción na Igrexa onde está a arriscar moito, porque mesmo chega a desmontar a xerarquía alí onde pense que é preciso. É verdade que a exclusión feminina na Igrexa é inadmisíbel e seica non cómpre agardar grandes novidades a respecto deste tema nos anos vindeiros. Mais os avances son reais. Dende o punto de vista pragmático, Bergoglio é un aliado para as forzas que terman por máis democracia, máis cidadanía ou máis xustiza social, quer no ámbito galego ou estatal, quer no ámbito europeo. Tamén para desmontar o predominio extremista e españolista excluínte da xerarquía católica no Estado.
Outra razón esencial é a da liberdade relixiosa e ideolóxica. O teólogo galego Victorino Pérez Prieto xa nos aprendeu a grandísima achega de cristiáns como Castelao, Bóveda, Moncho Valcarce, Francisco Carballo, Torres Queiruga ou Pilar Wirtz na construción do galeguismo democrático. Defender que os cristiáns progresistas han continuar o seu tránsito cara á non crenza para construír unha alternativa transformadora vai contra os valores de liberdade e democracia que, supostamente, sosteñen os que tal propugnan.
Os cristiáns poden e deben construír democracia e cidadanía sen abdicar dos alicerces éticos e antropolóxicos da súa fe. Os valores da laicidade non esixen do anticlericalismo.

Oito anos máis de ORA

A Xunta de Goberno Local da Coruña aprobou o venres a contratación dos servizos públicos da ORA e do guindastre (retirada de vehículos) agora xa separados. O actual contrato conxunto remata o 30 de abril, polo que os contratos rexerán a partires de maio até maio de 2023 (a ORA) e maio de 2019 (o guindastre). É dicir, rexerán dende as vindeiras eleccións municipais.
A colaboración público-privada resolve mellor algunhas cuestións (mantementos, obras…), mais nos servizos públicos fundamentais (saneamento, fornecemento da auga, xestión do lixo, tráfico…) a súa privatización adoita ser o camiño para a redución da súa calidade e máis a precarización do persoal. Neste caso, Negreira contrata totalmente consciente que dende maio os novos adxudicatarios xestionarán os novos servizos ao abeiro dun novo Goberno local. A decisión é legal, mais carece de toda lexitimidade por lle condicionar ao novo Goberno que saia das eleccións do vindeiro maio. Nada que non fixera, por outra banda, o anterior alcalde socialista Losada co contrato do Ofimático, a respecto do que non sentimos protestar a Mar Barcón, daquela no goberno municipal.
A Coruña perde unha oportunidade única para recuperar a xestión directa do aparcamento e para sinalar un camiño cara á volta a unha xestión neutral, eficiente e pública dos servizos municipais. Por que Negreira insiste nun modelo de xestión do aparcamento fracasado?

A ARRINCADEIRA
A morte do afeccionado Jimmy en Madrid foi un asasinato na mesma porta do Vicente Calderón. 150 extremistas atléticos, de ideoloxía fascista, agardaban polos deportivistas sen que haxa probas de que houbese un repto previo.
Hai quince anos extremistas atléticos mataron ao afeccionado da Real Aitor Zabaleta, polo que, malia o extremismo violento destes seareiros atléticos, non se entende que fose considerado un partido de “baixo risco”.
Hai equipas futbolísticas que alentan aos seus seareiros violentos. O Dépor nunca o fixo nin o está a facer. Son responsábeis –non culpábeis, pero responsábeis– a Liga do Fútbol Profesional, o Ministerio do Interior e o Atlético de Madrid.