Xustiza, non vinganza

Dende o Código Penal Belloch do 1995, agravado por reformas varias do segundo mandato de Aznar, o sistema punitivo español é dos máis rigorosos e represivos da Europa toda, malia que o Estado español presente menores níveis medios de delictuosidade. Non é certa a lenda urbana que dí que os delincuentes entran por unha porta e saian por outra. O que vemos decote os xuristas é, pola contra, que as penas tenden a se cumprir íntegras (“a pulso”, na fala do cárcere) e os beneficios penitenciarios a se limitar substancialmente. Por outra banda, a aplicación de tipos penais agravados baseados moitas veces en conceptos xurídicos indeterminados (organización criminal, banda armada, medio perigoso…) determinan a imposición de penas absolutamente desproporcionadas, como as impostas hai meses aos acusados de pertencer a Resistência Galega.
A maioría absoluta do PP decidiu unilateralmente agravar de xeito substancial estas penas, deseñando entre o novo Código Penal e a Lei de seguranza cidadá un “Dereito penal da perigosidade”, que tende a considerar todo cidadán crítico e consciente coma un perigo social. As condutas relativas aos dereitos de reunión e manifestación despenalízanse para convertelas en infraccións administrativas, nas que non xogará xa a presunción de inocencia propria das infraccións penais, senón a presunción de veracidade dos atestados policiais. É dicir, os cidadáns aos que se lles impoñan as elevadas multas lexisladas terán que recorrer na vía contencioso-administrativa, pagando taxas desproporcionadas e arriscándose á condena ás custas procesuais, xa que non sempre será viábel atopar probas que destrúan a presunción do atestado policial.
Canto á reforma do Código penal, o PP introduciu unha “prisión permanente revisábel” que non é nin máis nin menos ca o cárcere perpetuo prohibido na Constitución. Poderase impor esta pena para delictos graves e só revisábel xudicialmente aos 25 e 35 anos consonte con criterios moi restritivos. Se, ao ler isto, lles veu a imaxe de Edmond Dantès no castelo de If acertaron. Pechar e guindar coa chave.
A deriva autoritaria do PP agrávase tamén pola imposición dunha maioría parlamentaria -que xa non existe socialmente- para decidirmos cuestións que só cómpre facer por consenso, como son o Dereito Penal ou a lexislación sobre as liberdades.

A continua recentralización

A Constitución garantiunos, canda cataláns e vascos, o acceso ao nível máis elevado de autogoberno, a medio dun Estatuto negociado entre os parlamentarios galegos e o Congreso. Porén, dende a aprobación dos tres estatutos das nacionalidades galega, catalá e vasca a tensión recentralizadora foi continua. O Madrid político e económico ten pulado sempre por unha -inexistente- España monolítica e monolingúe e pola concentración financiera e empresarial en Madrid, en claro prexuízo das periferias españolas.
Malia que fracasou no Tribunal Constitucional o primeiro ataque recentralizador (a Lohapa aprobada por UCD e PSOE), os recortes ao autogoberno continuaron. Os gobernos de Felipe González usaron as leis básicas e o proceso de unificación europeo para recentralizar, ao tempo que retiñan os traspasos de medios materiais obrigados polas competencias asumidas en virtude do Estatuto de Galicia. A segunda lexislatura de Aznar foi unha continua sucesión de iniciativas recentralizadoras. E Zapatero usou de vías indirectas, como o uso centralizado de fondos estatais (vivenda, medio rural) que haberían estar territorializados, por non lle pertencer xa ao Estado estas competencias. Así e todo, o goberno Rajoy foi o máis intensivo nos recortes do autogoberno. No ámbito financeiro limitou extremadamente o déficit autonómico, flexibilizando o estatal, prexudicando gravemente a sanidade, a educación e os servizos sociais. A reforma educativa da LOMCE impuxo contidos absurdamente uniformes para todo o Estado, mentres relegou ao galego a lingua subordinada no ensino.
A reforma local tirou dos nosos concellos as competencias sociais para llelas atribuir a unhas Deputacións fracasadas e inoperantes. Galicia foi privada das súas competencias en materia de horarios e superficies comerciais, en claro prexuízo do seu comercio de proximidade e do consumidor galego en xeral.
A nosa especifidade económica e territorial determina que todo recorte ao autogoberno se traduza, sempre, en recortes ao benestar da cidadanía galega. Velaí que sexa tan preciso, no próximo futuro, un marco xurídico que garanta un autogoberno blindado e financiado a xeito.

Corrupción endémica e recorrente

O auto de apertura do xuízo oral (que determina que unha instrución penal xa pasa a xuízo e os acusados van sentar no banco) da primeira peza da Gürtel e máis os termos da acusación da Fiscalía Anticorrupción sentan no banco aos tres últimos tesoureiros do PP, para os que se piden severas penas e imputa ao proprio PP como responsábel civil, reclamándolle máis de 250.000 € só polo beneficio directo obtido nuns anos en só dous concellos de Madrid. Fican varias outras pezas separadas desta causa que seguirán a xulgar persoas chave do PP que presidiron Aznar e Rajoy, canda unha organización á que se lle entregou dende a sede popular de Génova a organización de milleiros de eventos na España do aznarismo. Velaí que ao caso Gürtel ben se lle poida chamar caso PP.
O estadio das pescudas da xuíz Alaya reflicten unha corrupción endémica na Administración andaluza, que o PSOE dirixe ininterrompidamente dende 1982. O saqueo dos fondos públicos para a promoción do emprego resulta nomeadamente inmoral, o mesmo que a conciencia xeneralizada de impunidade que acubillaban os altos cargos andaluces atinxidos. Velaí que ao caso EREs ben se lle poida chamar caso PSOE de Andalucía.
E, no noso país, estes días coñecemos do auto da xuíza de instrución 1 de Lugo, Pilar de Lara, no que lle outorga a cualidade de testemuña protexida a un técnico do Acuario coruñés, mentres relata supostas relacións moi íntimas e colusorias entre o actual contratista do mantemento biolóxico do Acuario, algúns dos funcionarios municipais que alí serven e o vicealcalde coruñés Julio Flores. Sen poder determinar a entidade penal destas condutas (a presunción de inocencia ha ser respectada absolutamente) o texto deste auto e o que coñecemos da instrución reflicte univocamente a existencia de comportamentos absolutamente inmorais en termos cívicos, que merecen a absoluta reprobación política. A que agarda o alcalde Negreira para cesar ao vicealcalde Julio Flores? Non se decata o alcalde que está a proxectar o espectro da dúbida a respecto do conxunto do goberno local da Coruña?
A corrupción endémica desprestixia as institucións, dana a competitividade empresarial e manca animicamente a cidadanía, que terma en esixir unha clara remuda de paradigma que recupere para a política os valores da decencia.

Xogarmos coa saúde pública

O importante, xa nolo dicían os nosos pais e avós, é a saúde. Ao colexio moitos non imos voltar, mais polo centro de saúde e polo hospital pasa todo o mundo. A sanidade é a xoia da coroa do Estado do benestar. E os seus usuarios na Galicia saben que, malia os grandes esforzos do persoal sanitario do Sergas, a deterioración da calidade asistencial, nomeadamente da hospitalaria, é un feito dende o 2011.
Preguntarmos se son os recortes financeiros os causantes desta deterioración é insultar á nosa intelixencia. A Xunta opta por pechar 2.600 camas no cuadrimestre do verán (un terzo do ano) e por consorciar con hospitais privados, mal dotados de persoal, no canto de cubrir as vacacións e baixas curtas dos sanitarios. Na tempada do nadal ocorre algo semellante. Xa que logo, se se adianta un ano o andazo da gripe, como pasou este ano, o caos asistencial está garantido.
Mais isto só é o ronsel que vemos. No fondo está a pasar algo peor. Están a xubilar os doutores aos 65 anos e só repoñen de 3 a 4 prazas por cada 10 baixas definitivas por morte ou xubilación. A sanidade pública galega descapitalízase. E cando un outro Goberno galego queira mudar esta situación pode ser tarde.
O noso país sofre os prexuízos dunha sanidade infrafinanciada (o avellentamento e máis o espallamento da nosa poboación requirirían 500 M€ máis), da factura en xuros da parte da débeda pública galega emitida cando a prima de risco era alta e da limitación do déficit autonómico imposta por Rajoy, mentres flexibilizaba o déficit estatal. Cando na Galicia é a Xunta a que paga os servizos importantes, fóra da cobertura do desemprego.
As resultas dos recortes xa están aí. A falla de hematoloxía en Ourense e Lugo deu nunha mortandade cardiovascular máis elevada cá coruñesa, compostelá ou viguesa. Aos doentes de hepatite C négaselles o tratamento por cartos (que haberá que pagar máis importante que a saúde?). E na rúa moitos aconsellan, retranqueiros, non enfermar no verán, nas fins de semana nin no nadal.
Salvarmos a sanidade pública habería ser a primeira proposta de todo programa de goberno que quixer conectar coa cidadanía. Porque só unha sanidade pública de calidade garante o dereito á vida.

Non somos coma eles

Václav Havel, intelectual, líder do Foro Cívico e logo Presidente da República checa, acreditaba que os medios para loitar contra o totalitarismo checoslovaco non podían ser os mesmos empregados por este. “Nós non somos coma eles”, afirmaba Havel. E de certo non podemos selo. Porque se os terríbeis crimes de París van servir, como defenden o Front National e algúns sectores da dereita española, para limitar as liberdades, pechar as fronteiras, prohibir a inmigración e outorgar carta branca á demolición do sistema europeo de garantías democráticas, é seguro que non resolvemos o problema e que eles gañan. Porque a agresión do yihadismo diríxese nomeadamente contra a liberdade de expresión e contra a convivencia plural democrática.
Evidentemente Europa non pode enfrontar este repto dun xeito inerte. Cómpre mellorar os medios materiais, unificar as políticas de defensa e diplomática na Unión Europea, creando un auténtico Exército e servizo de información europeos e coordinar os sistemas de información policial. O terrorismo yihadista é unha ameaza real que require dunha resposta coordinada e eficaz. Mais sen se mover un chisco do sistema de garantías democráticas. Sen Guantánamos. Porque Europa non executa xornalistas nin pode torturar nin arrestar arbitrariamente. Non somos coma eles.
Cara á cidadanía europea cómpre unha pedagoxía de respecto á diferenza. O islamismo e o sionismo son ideoloxías da agresión, mais o Islam e o xudaísmo son civilizacións que achegaron elementos fundamentais para entendermos o noso mundo. O islamismo é moi minoritario no conxunto do Islam.
E, tamén, cómpre entendermos o multiculturalismo no contexto dunha ética civil e dunha legalidade democrática. Esenciais a esta legalidade son a igualdade dos homes e mulleres, a educación obrigatoria de todos, as liberdades relixiosa e de expresión ou a prohibición da poligamia. Nese marco de mínimos, o multiculturalismo é esencial á Europa de hoxe. E funciona. Un dos policías asasinados era un musulmán francés de orixe alxerina que protexía aos xornalistas do Charlie Hebdo e outro musulmán francés de orixe subsahariana foi quen salvou aos xudeus na tenda kosher atacada polo terror yihadista.

Os carburantes máis caros

Resultan paradoxais algunhas das chatas que padece a economía galega. Sofrimos os custos ambientais de producir grande cantidade de enerxía eólica e hidroeléctrica, exportamos a metade da enexía que producimos e a lei eléctrica española prexudícanos cun prezo máis caro para os nosos fogares e industrias, nun esquema tarifario pensado para favorecer o grande consumo doméstico e de servizos de Madrid, que non produce electricidade. E, tamén, sofrimos os custos ambientais de mantermos unha refinaría n’A Coruña e pagamos o gasóleo e a gasolina máis caros do Estado español.
Cal é o problema? Canto ao custo antes de impostos, o problema é que a libre concorrencia na Galicia non está a funcionar. O factor de redución relativa de prezos que noutras áreas do Estado supuxo a implantación de novas estacións de servizo independentes non funcionou no noso País, nomeadamente pola inactividade das autoridades estatais e autonómicas da Competencia e pola falla de reacción da Xunta canto a unha simplificación dos trámites administrativos que permitan mellorar a competencia entre operadores e atraer estas empresas independentes. Mentres, estamos nas mans dun oligopolio, por non dicir abuso da posición dominante de Repsol (case 56% do mercado galego), en prexuízo das empresas e dos consumidores galegos. A recente baixa do prezo do cru non se trasladou proporcionalmente ao consumidor, sinal inequívoco dun mercado falseado polos operadores dominantes.
Canto á fiscalidade, cada litro de carburante grávase na Galicia cunha taxa de 4,8 céntimos, a máis alta do Estado desde que foi duplicada ao comezo do pasado ano 2014. Unha taxa que teoricamente financia a sanidade, malia que non é quen de resolver os gravísimos problemas de xestión da sanidade galega patentes no colapso das urxencias no inverno, a substancial diminución da asistencia no verán, co peche de arredor de 2.600 camas e a redución xeral da calidade asistencial, que negara a Xunta, pero que calquera usuario galego é quen de confirmar.
Temos, pois, o gasóleo e a gasolina máis caros do Estado e dos máis caros da Unión Europea. Soportando sobre eles unha fiscalidade desaquelada que non nos evita doutro lado os graves recurtes que estamos a sofrir na nosa sanidade.

Abanca e o galego

Algunhas persoas observarían este Nadal que a sinaléctica temporal das oficinas e máis a publicidade exterior da campaña de Nadal ían en castelán. E fontes oficiosas informan que se ten decidido moi alto relegar o galego a un uso testemuñal.
Abanca autoposiciónase no segmento da banca minorista e está a recuperar a cota de mercado que a Caixa fusionada chegou ter no mercado galego (máis do 40% dos créditos e depósitos). Isto é, quere fidelizar, lexitimamente, as empresas e familias que facían parte da clientela das Caixas galegas. É dicir, arela unha posición relevante no mercado financeiro galego.
R xa demostrou, canda moitas outras empresas galegas, que a nosa lingua nunca resta e sempre suma. Suma con todos aqueles que a usan e cos que non o fan, pero a queren e valoran coma unha riqueza de noso. Suma o valor da diferenza, produto da identidade e da proximidade. A diferenza -o ADN que din os de R-, é esencial na elección dunha rede e produto. Máis aínda na banca, que xoga con factores de proximidade e territorialidade. E máis no caso de Abanca que se chama herdeira dese “sentir común” da clientela galega.
Usar decote o galego non lle resta nada a Abanca. Porque eses centos de extremistas absurdamente antigalegos non constitúen o seu público obxectivo. De certo serán xa clientes doutra entidade con sede operativa no Madrid financeiro e nada contaminada pola galeguidade.
Galicia amosa unha práctica diglósica e certamente hai centos de milleiros de persoas que usan decote o castelán. Mais o uso das linguas na venda de produtos bancarios non é un problema do 50%, porque neste país todos entendemos e case todos aprezamos o galego. E para que Abanca poida vender galeguidade, proximidade, identidade e “sentir común” precisa apostar na súa publicidade, comunicación e sinaléctica polo galego como lingua de uso preferente. Outra decisión sería un grave erro de marketing.

A ARRINCADEIRA: Isidro Parga Pondal
O Foro Peinador homenaxea o xeólogo e empresario Isidro Parga Pondal, profesor da USC entre 1922 e 1936, cando foi depurado. Demostrou que é posíbel facer ciencia de calidade na Galicia e, sobre todo, compatibilizar ciencia e empresa. El estaría hoxe a nos advertir que recurtar en I+D+i é aceptar a pobreza, a dependencia e a mediocridade.

Remuda xudicial

O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, vén de propor no Parlamento unha nova estratexia xudicial para loitarmos eficazmente contra a corrupción institucionalizada que afoga o noso país. E, de xeito prioritario, chamou a atención sobre da necesidade dunha fonda remuda no proceso penal e na organización da xustiza criminal.
O Estado español constitúe unha excepción exótica na Europa canto á investigación penal. Porque o mesmo xuiz que investiga está encargado de mirar polos dereitos dos investigados. Unha grave anormalidade democrática, pois non se pode repenicar estando na misa. A instrución penal dos delictos de corrupción e formas de delincuencia económica sería máis eficaz e, tamén, máis garantista cun Ministerio Fiscal autenticamente independente que coordinase equipas interdisciplinares para as pescudas, nun sistema controlado por xuíces de garantías, non investigadores, que mirarían, ao tempo, pola igualdade procesual para que a defensa tivese acceso pleno ás pescudas da Fiscalía. E decidirían sobre fianzas, prisións preventivas (sempre con carácter excepcional), extensión e límites da investigación (escoitas, etc.), nulidade de determinadas actuacións de pescuda e semellantes.
Mais outra das claves está no achegamento da xustiza penal á cidadanía, suprimindo ese enxendro da Audiencia Nacional que vulnera o dereito ao xuíz ordinario legalmente predeterminado e asumindo na próxima remuda constitucional a necesidade de internalizar a xustiza como Poder autonómico integrado no noso sistema de autogoberno, co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como peche do sistema. Así como de garantir a independencia xudicial que hoxe non existe nos Tribunais Supremo, Constitucional e de “Cuentas”.
A corrupción, en último de contas, require tamén –e sobre todo– de medios materiais e persoais, dos que nunca nin PP nin PSOE dotaron a xeito a Administración de Xustiza. Porque con medios abondo garantirase máis doadamente a excepcionalidade do segredo de sumario, a limitación dos macroprocesos e máis a limitación temporal das instrucións.
Esixencias todas dunha xustiza democrática, por definición garantista e eficiente.