Os erros históricos do PSOE

Pablo Iglesias fundou o PSOE no 1879. E axiña foi construíndo unha mesta organización político-sindical á que converteu nunha potente forza de masas entre 1910 e 1918. Mais logo comezarían os erros históricos desta organización. En 1923 Primo de Rivera implantou unha ditadura militar á que a maioría socialista (por proposta de Largo Caballero) lexitimou ao aceptar a súa participación no Consello de Estado. O mesmo Largo Caballero refugou, dende a súa saída do goberno -outubro do 1933- a vía institucional e democrática para pular pola vía revolucionaria, chegando a dicir que cumpriría no futuro unha resposta armada e que habería ir cara ela. Nestes anos o PSOE estaba dividido entre o sector revolucionario de Largo Caballero, o centrista de Indalecio Prieto e a dereita dun meu colateral devanceiro, o profesor Julián Besteiro, de orixe galega.
Durante a II República o PSOE, fídel á súa alma xacobina, fixo o posíbel por atrancar a aprobación do Estatuto de Galicia. No 1939, Besteiro adheriu á capitulación incondicional do coronel Casado confiando en Franco como mal menor: “de certo que nos vai deixar manter viva unha UGT ao xeito das Trade Unions”. Acertou de cheo.
Indalecio Prieto manexou de xeito abxecto uns fondos de axuda aos refuxiados españois entre 1939 e 1942, até que o Goberno mexicano, escandalizado, pasou a controlar estes fondos. O mesmo Prieto que vetou a aprobación, outravolta, do Estatuto de Galicia nas Cortes de México no 1945 e tentaba vetar a Castelao como ministro do goberno republicano.
No 1976, a Federación socialista galega do PSOE case non existía. Eran Paco Vázquez, Salvador F. Moreda e outros tres. A socialdemocracia galega aliñábase no Partido Socialista Galego (PSG), fundado no 1963. O PSOE, cos cartos da Fundación alemá Friedrich Ebert, fanou dende dentro ao PSG para acadar a súa destrución, ceifando así o campo.
En maio do 2010 Zapatero rendeuse ás presións de Merkel e Sarkozy e en outubro do 2011 o PSOE pactou co PP blindar constitucionalmente o pagamento dos xuros da débeda a respecto dos servizos públicos do benestar. Mais o PSOE xa tiña tradición na adopción de decisións que constitúen, de seu, erros históricos.

Galicia falará tamén portugués

Os presidentes galego e portugués veñen de presidir na RAG a sinatura dun convenio que posibilitará o ensino do portugués no sistema educativo non universitario galego. Dá froito, deste xeito, o único acordo substancial aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia nesta lexislatura, a iniciativa lexislativa popular “Paz Andrade”, nada do pulo cidadán dos 17.000 galegos que a promoveron. Velaí o valor dos amplos consensos cando non respostan aos intereses dos grupos políticos, senón a iniciativas cívicas que atenden cuestións sociais relevantes.
Porque foi propia de cegos a acción (a inacción, máis ben) desenvolvida até de agora polos Gobernos, institucións e sociedade galega cara ao mundo da lusofonía, que integra 230 millóns de falantes do portugués en América (Brasil supón máis da metade da América Latina), Europa (Portugal), África (Angola, Mozambique, Guiné-Bissau, Sâo Tomé e Cabo Verde) e Asia (Timor Leste). Que pequeno país europeo ten esa potencialidade? Que terían feito vascos e cataláns con esta potentísima ferramenta de seren eles nós?
Galicia ten de se integrar na lusofonía, principiando polos seus circuítos oficiosos, culturais e empresariais e rematando pola integración oficial, tan lonxe como sexa xuridicamente posíbel en cada intre. As oportunidades de exportación, investimento, internacionalización empresarial e colaboración económica son moi importantes e constitúen un camiño seguro de éxito. O camiño da lusofonía constitúe un eixo da acción exterior galega onde non imos atopar nin a comprensión nin moito menos a colaboración en Madrid. Este camiño teremos que transitalo nós propios.
Na orde práctica, cómpre desexar que nos centros se coordine o ensino do galego co do portugués, de xeito que os alunos acaden sinerxías que lle fagan máis doada recíproca aprendizaxe de ambas as ponlas do común tronco lingüístico. Tamén que a aprendizaxe do portugués se ofreza de xeito xeral e asequíbel na formación de adultos.
E o da normativa? Pois polo de agora non entremos en leas. Camiñemos. Academos un coñecemento xeral do portugués. E avaliemos, cando cumpra, pero sen atraso, as vantaxes e inconvenientes dun acordo ortográfico común cos demais países da lusofonía.

Novas canles de participación política

Os partidos políticos son instrumentos fundamentais para a participación cidadá na política. Mais non son os únicos. A tradición das iniciativas cívicas vén de lonxe no noso país, Galicia. Velaí as Irmandades da Fala (1916), que nunca se constituiu específicamente en partido ou o movemento agrario dirixido por Antón Alonso Ríos, nos últimos anos ben próximo ao Partido Galeguista, mais nunca confundido con el. A primeiros deste século Nunca Máis, dende unha iniciativa cidadá fondamente política, mais apartidista, supuxo un antes e un despois para a conciencia política da miña xeración.
Noutros países, esta caste de movementos políticos cidadáns acadou grande suceso, como na Chequia que se liberou da ditadura soviética ou coa plataforma Yes Scotland, que fixo chegar entre 2012 e 2014 a mensaxe soberanista escocesa moito máis aló dos marcos nacionalistas. Tamén coa Assemblea Nacional Catalana, iniciativa cidadá na que partillan afiliados de varios partidos e independentes e que lle marca a axenda política a Convergència e a ERC.
Velaí que non sexa acaído considerar Somos Nós como un instrumento para a unificación das diversas ponlas do galeguismo nin como outra opción partidaria. O sentido desta iniciativa cívica non pode ser o de substituír o que xa está, senón fornecer á sociedade galega dun espazo plural e transversal que constrúa novas ferramentas de análise e acción atendendo substancialmente aos intereses de Galicia como suxeito político. Uns intereses sistematicamente esquecidos no esquema político actual por mor de representarmos só un 5% do PIB e un 6% da poboación e depender en grande medida duns alicerces económicos que non son os que definen a economía do Estado español. Ferramentas para afondar nunha visión do mundo dende Galicia, como clave para afondarmos no autogoberno e xerarmos benestar para a cidadanía.
Logo no galeguismo hai sitio para partidos, para axentes sociais e para este movemento cívico, como existe este espazo tamén en Catalunya ou en Escocia, países cos que partillamos sentimento de identidade e europeidade, malia distinguírmonos nun bo feixe de características e circunstancias.
O importante, en último de contas, non é o instrumento, senón o obxectivo. O importante é que o gato sexa quen a cazar ratos.

Fraude fiscal e hepatite C

Calquera persoa cunha mínima sensibilidade humana reaccionará diante da decisión do PP de non lles financiar o tratamento aos doentes da hepatite C. Porque esta decisión abéirase só nunha cuestión de cartos: “o sistema público de saúde non pode pagalo”, amosando unhas prioridades de gasto absolutamente afastadas do sentido común e dos máis elementais valores da inclusión e cohesión social. Hai cartos para a promoción taurina, Deputacións e gastos duplicados na defensa e non os hai para lle salvar a vida ás persoas? O despexo da sede parlamentaria dos doentes, ao tempo, denuncia que as reducións nas prestacións do Estado do Benestar adoitan adubiarse con visións restritivas das liberdades de expresión e manifestación.
Velaí a importancia das revelacións de Falciani. Revelacións que, xunto con outras pescudas publicadas ou no seu decurso, reflicten que a evasión fiscal é estrutural para unha maioría das sociedades que cotizan no IBEX 35 e que constitúen a elite que controla o funcionamento das entidades financeiras e da economía regulada española. Si, leron ben. Grande parte destas elites decidiron que o esforzo fiscal só habería pesar sobre traballadores e autónomos, as empobrecidas capas medias e as pequenas e medianas empresas. O HSBC, como outros bancos, colaborou eficazmente a que os máis ricos do mundo non paguen nada ou case nada. Nada que non teñan feito algúns Gobernos. Eis as denuncias de grandes empresarios norteamericanos por pagar menos ca os seus empregados ou das organizacións profesionais dos inspectores tributarios españois a respecto do noso Imposto de Sociedades, que determina que os xigantes corporativos paguen polos seus beneficios reais moi inferior porcentaxe ca as empresas medianas.
Quere isto dicir que, tanto no nível global canto nos níveis locais, existe unha coalición eficaz para que as grandes corporacións e as grandes fortunas fiquen á marxe do financiamento dos servizos públicos. Dándose o paradoxo de que sexan estes mesmos sectores os que propugnen a retirada, polo menos parcial, do sector público da sanidade para abrilo ás grandes aseguradoras estatais e multinacionais, nas que partillan eles propios.

Foi unha cazaría

O grande traballo do reporteiro galego Xaquín López para TVE vén de demostrar que a morte do seareiro deportivista Jimmy, o pasado 30 de novembro, non ocorreu das resultas de ningunha liorta concertada, senón da actuación unilateral dos seareiros da fronte madrileña, que atacaron sen provocación ningunha aos seareiros deportivistas cando almorzaban preto do estadio colchoneiro, contra as 8:30 da mañá daquel domingo negro.
Xa ficara demostrado que o mando policial galego advertira da viaxe dos seareiros coruñeses e de que a delegada do Goberno de Madrid, Cristina Cifuentes, mentiu. E agora cae o relato que cociñaron os “media” en Madrid para explicaren o que pasou en clave de equidistancia e mesmo de provocación branca e azul: “quedaron uns radicais galegos cuns rapaces da Fronte Atlética, bateron entre eles e morreu un galego de moi mala vida”.
Iso foi o que nos contaron e o que lles mercaron non poucos galegos, vía determinado medio coruñés. Pouca conciencia do propio amosan aqueles que non son quen a contar o que nos pasa dende a propria percepción e que recorren a un relato importado que degrada aos nosos. Malia que cumpra deixar ben clariño que a TVG e a maioría dos nosos media souberon contar o que pasaba e o que se ía descobrindo.
Cómpre rachar de vez con esa cínica equidistancia e dicir ben claro a realidade. A organización chamada Frente Atlético, canda os teoricamente disoltos Ultra Sur son grupos que partillan unha ideoloxía parafascista e, cando menos, de extrema dereita españolista e rexeitan violentamente calquera idea ou identidade que non sexa a súa. As sucesivas directivas atléticas apoiaron estes extremistas (como denunciou Eduardo Inda, ex director do Marca e pouco sospeitoso de pertencer aos Riazor Blues) e non pasaba nada. Os nosos Blues abranguen unha mesta largura de seareiros, moitos de tendencia progresista, mais de ningún xeito unitarios nas súas tendencias. E que, claro, coma sempre pasa no fútbol, acollen algunhas persoas non moi acaídas nin equilibradas. Grande minoría a respecto da maioría extremista dos atléticos.
Velaí que teñamos que pensar dun xeito á galega de combater esa violencia que tanto lle preocupa, de xeito súpeto, a eses inimigos do deportivismo que se chaman Tebas e os seus compañeiros de quenda.

Galego e política

Hai agora seis anos a cimeira do PPdeG partillaba canda Rosa Díaz (UPyD) e os sectores máis extremistas contra o “status” xurídico e social da nosa lingua unha demostración nas rúas compostelás contra o Decreto do Goberno de coalición que regulaba o galego no ensino. Decreto que obtivera a aprobación da representante do PP, Manuela López Besteiro, malia trasacordasen no último intre por razóns de cálculo electoral.
Deste xeito, o PP rachaba o consenso lingüístico (presente no Plan de Normalización do 2004, aprobado pola unanimidade do Parlamento) para tentar apañar uns milleiros de votos. Poucos cuantitativamente, pero fulcrais para acadar cadanseu escano adicional nas circunscricións d’A Coruña e Pontevedra. A ladaíña, o conto, da imposición do galego comezaba.
Xa con Feijóo na Xunta, aprobouse unha reforma da lexislación de emprego público que eliminou a obrigatoriedade das probas en galego e promulgouse un Decreto de plurilingüismo que, na práctica, excluiu o galego do ensino infantil nas cidades e do ensino das matemáticas e das ciencias nos níveis educativos obrigatorios. Os orzamentos para a normalización lingüística, mentres, diminuían un 60%.
O Goberno de Feijóo non é o único responsábel dos dados alarmantes reflectidos na última enquisa do IGE, pois que existen outros factores históricos, sociais e económicos. Mais si é responsábel de boa parte da tendencia de devalo dos últimos anos. Nun contexto no que o Estado español non recoñece a igualdade xurídica do galego na Constitución e tende, na práctica, ao monolingüísmo, os Poderes autonómico e locais son os únicos que poden compensar, só en parte, esta tendencia abafante. Por outra banda, o desleixo, cando non neglixencia, do Goberno de Feijóo e dos gobernos locais d’A Coruña e Vigo (este socialista) emitiu unha clara mensaxe: aos que mandan non lles interesa o galego nin que os axentes sociais evolúan cara un escenario de normalización. E as mensaxes do Poder sempre se entenden a xeito.
Velaí que sexa urxente chegarmos a novos consensos sociais para lle dar un novo pulo á lingua, que comece por arrincar o galego da liorta política. Liorta onde, por certo, o meteu o PP ao racharen o consenso lingüistico hai agora seis anos.

De mareas e maiorías sociais (II)

Escrebíamos hai seis meses que estaban a xurdir na Galicia iniciativas cidadás municipalistas que querían artellar novos xeitos de lle dar canle á necesidade de arrombar os vellos xeitos e actitudes á hora de facermos política.
A verdade é que, neste eido, ben se pode dicir que os tempos son chegados, ou están xa a chegar. O 31 de marzo convocaranse as eleccións locais e os procesos que non teñan botado corpo vai ser moi difícil que reaxan nas dez de últimas.
Diciamos en agosto que esta caste de iniciativas querían pobo, querían cidadanía, querían votos. U-la fórmula acaída? Dende logo iniciativa cidadá, cunha boa pinga de independencia e de novos xeitos de facermos a política. O que non haberia é o desprezo de cadansúas identidades orgánicas e de proxecto dos partidos e demais axentes sociais que partillaran cadansúa marea ou iniciativa.
Tamén haberían enxergar fórmulas plurais, transversais, inclusivas. Cómpre, si, inserir na Marea municipal o ecoloxismo, feminismo ou o movemento veciñal operante. Mais, ao mesmo tempo, cómpre inserir ás clases medias maltratadas pola crise: comerciantes de proximidade, pequenos e medianos empresarios, sectores de tendencia conservadora anoxados coa implacabilidade do PP coa súa propria base social… A Marea quere largura social, quere pluralismo cidadán, quere moita xente e moi distinta.
Velaí a necesidade de construír a oferta programática desta caste de alternativas arredor de dous eixos: de máximos no que atinxe á radicalidade democrática, á transparencia, aos valores cívicos. De mínimos no que atinxe ao común denominador programático: emprego de calidade, Estado do benestar, inclusión e cohesión social. Para pormos un exemplo, a eficiencia enerxética e a loita contra a pobreza enerxética han ser vectores fundamentais desta caste de propostas; o decrecentismo non vai ser un valor común. Cómpre distinguirmos ben o que une e o que divide.
Esta caste de propostas han ser pensadas para unha cidade e para un país. No caso da Coruña, para pormos un exemplo, a Marea Atlántica ha pensar nun relato propio para a cidade e para a área urbana, inserido nun país chamado Galicia. Aprendamos de todo o mundo, mais nin Galicia é Murcia nin Coruña é Cáceres, Albacete, Madrid nin Barcelona.

Austeritarismo

Todos estaremos de acordo en que a axeitada administración é un valor proprio da ética civil democrática e da boa gobernanza. Os recursos que son de todos sempre son curtos e, xa que logo, cómpre administralos con xeito. Mais profesar estes valores non ten nada ver coa doutrina do austeritarismo que Merkel, Rajoy e Feijóo profesan. Unha doutrina que encaixa, no nível global, coa subordinación da economía produtiva á economía financeira e coa autonomía dos mercados financeiros para lles impor a súa dinámica aos Poderes democráticos. Para esta doutrina existiría unha “lóxica dos mercados” anterior e superior ao dereito das democracias a regular cadansúas economías e sociedades.
Os poderes democráticos non lle poderían pór atrancos á libre circulación dos recursos financeiros e haberían de someterse a esta lóxica, que penaliza selectivamente os Estados e territorios que pretendan exercer cadansúas decisións democráticas e defender o seu modelo de redistribución ou de reparto fiscal. A lóxica global dos mercados esíxelle ás democracias pagar a débeda nos prazos pactados, malia ser estes inasumíbeis, antes de financiar as necesidades básicas da sociedade. Velaí a reforma “express” da Constitución que fixeron PP e PSOE no outono do 2011. E, para acadar ese obxectivo, cómpre recortar os servizos públicos para que saian as contas.
Redúcese a calidade da educación e da sanidade pública, xérase exclusión social, destrúense as clases medias e grípase o motor económico. Menos emprego de calidade, menos produtividade, queda da actividade económica e menos recadación fiscal para pagarmos as facturas. O paradoxo ou círculo perverso do austeritarismo. Mentres, grandes grupos estatais ou internacionais acoden encher o oco da oferta pública degradada, con claro prexuízo da calidade e do control normativo público. E, tamén, das empresas galegas que operaban como provedoras na área dos servizos públicos provistos pola Xunta.
Baixa a calidade, baixa a cobertura social, si, pero tamén prívase a Galicia do seu dereito a exercer o control e fixar a calidade. Co que se abre a porta á entrada sen control de grandes grupos que subordinan, cando non botan fóra, ás empresas galegas que medraron coa extensión do Estado do benestar.