Despolitizarmos o poder xudicial

A grande maioría dos xuíces e maxistrados nos níveis inferiores e medios (Xulgados unipersoais, Audiencias, Salas do Contencioso e do Social dos Tribunais Superiores autonómicos) son independentes de toda caste de presións políticas. O seu problema é a falla de horas no día para atender o exceso de traballo (o Estado español ten un 40% menos de xuíces que a media europea) e máis a falla de medios materiais, humanos e técnicos para desenvolver de xeito eficaz o seu labor.
Porén, cando subimos na escada profesional atopamos a polítiquería do bipartidismo dinástico. Porque o Consello Xeral do Poder Xudicial, deseñado de primeiras na Constitución para preservar a xudicatura das inmisións dos Ministros de Xustiza, converteuse, coa praxe do tempo, nun órgano partidista que controla con man de ferro os nomeamentos dos Maxistrados do Tribunal Supremo e doutros altos cargos xurisdicionais. Se a isto lle engadimos o control que estes mesmos partidos exerceron sobre o nomeamento dos maxistrados do Tribunal Constitucional (hoxe refén dunha maioría mecánica que xorde da santa vontade de Mariano Rajoy) podemos entender a degradación que vive o noso sistema de garantías xurídicas nos seus chanzos máis determinantes.
Velaí a axenda do Tribunal Constitucional, sempre disposto a lle resolver os problemas institucionais ao Goberno do Estado e lento a adoptar decisións tan importantes como axeitar a nosa xurisprudencia ás resolucións dos Tribunais Europeos de Xustiza e de Dereitos Humanos. Ou as resolucións da Sala do Penal do Tribunal Supremo, que sentaron precedentes coma a “doutrina Parot” ou a desproporción retributiva entre os reos de corrupción e os que sobardan levemente os límites do exercicio dos dereitos á libre expresión ou manifestación. Sen contar a doutrina xurisprudencial dunha Sala do Contencioso do Tribunal Supremo que confirma a ruptura das regras do xogo retributivas das enerxías renovábeis, para facilitar a axenda pro grandes distribuidoras eléctricas do Goberno do Estado.
E velaí como, de paseniño (e ás veces dun xeito acelerado), vaise impondo na cidadanía a idea de que a xustiza non é independente, cando a meirande parte dos seus servidores loita continuamente para manter a súa ecuanimidade e para atender a xeito as súas axendas inabarcábeis.

As derradeiras deputacións?

As deputacións provinciais respostan á extensión no territorio da gobernanza do Estado centralista, dividido en provincias copiadas dos departamentos franceses que creou Napoleón I. Provincias que dividiron Galicia en “catro cachos coma a túnica de Cristo”, como dixo D. Manuel Murguía, mais que respostaban, tanto en Galicia como en Catalunya, a certa homoxeneidade poboacional, por volta de cadanseus 400.000 habitantes dos anos 30 do século XIX.
Semellaba evidente que estes entes non haberían sobrevivir á institucionalización da autonomía galega. De feito, no Estatuto do 1936 xa se prevía a súa desaparición. Mais o Goberno do Estado viu nas provincias a posibilidade dun contrapoder ás nacentes autonomías e recorreu a lei catalá que as suprimía, acadando do sempre procentralista Tribunal Constitucional a consagración das teses da garantía institucional das provincias e da competencia exclusiva do Estado sobre as bases do réxime local. Bases entendidas nun sentido extensivo e uniformador.
A recente contrarreforma local de Rajoy baseou nas deputacións a súa estratexia para igualar por abaixo a prestación dos servizos públicos municipais e para facilitar unha privatización dos mesmos a prol de grandes grupos multinacionais ou radicados en Madrid.
Esta contrarreforma e a propria pervivencia destas estruturas caducas desafían o diktat da opinión pública, fronte á que estas Institucións se amosan deslexitimadas. Pois a súa é unha elección indirecta e pouco transparente, xa que non saberemos os candidatos de cadansúa opción política o día da elección local. Para máis, as deputacións son unha catástrofe en termos de boa gobernanza. Só a rentes dun 20 por cento dos seus orzamentos vai a fins de investimento público. O gasto corrente improdutivo domina a súa xestión. Todo sinala que na seguinte lexislatura estatal se vai abrir, cando menos, unha limitada revisión constitucional, da que Galicia habería quitar canto menos a competencia exclusiva para definir o seu réxime local e a súa organización territorial sen inxerencias estatais. Velaí porque estas a elixiren en xuño poderían ser as derradeiras deputacións provinciais. Non se preocupen. Ninguén, agás os que viven delas, haberá botalas a faltar.

Recentralización e elites madrileñas

Outra volta xuntáronse os gobernos catalán e vasco (a primeira vez foi en decembro) para avaliar o implacábel proceso de recentralización desenvolvido por Rajoy desque chegou ao Goberno do Estado. E os seus voceiros chegaron dicir que o PP estaba a destruír o autogoberno deseñado nos Estatutos de Autonomía.
Rajoy está a rematar unha silente e trampulleira reforma constitucional, blindada pola absoluta parcialidade do árbitro, pois que un partido que desfruta de maioría absoluta nas dúas Cámaras estatais nomea ao seu xeito ao Tribunal Constitucional, como de feito fixo o PP nesta lexislatura.
Velaí a recentralización de contidos e o empoderamento do castelán no ensino da contrarreforma educativa da LOMCE. A desmontaxe de moitos dos estándares de calidade ambiental e control administrativo en beneficio dos consumidores da Lei de unidade de mercado ou a adopción da licenza deportiva única contra do criterio de case todo o mundo federativo galego. Xunto co desapoderamento dos concellos en beneficio dunhas Deputacións concibidas como ferramentas favorecedoras da privatización a prol de grandes grupos empresariais estatais e da igualación por abaixo dos servizos públicos locais.
A recentralización ten claros gañadores e perdedores. Gañan as elites madrileñas no seu proceso de hexemonización da intermediación financeira, das concesións dos servizos públicos e do espazo comunicacional de todo o Estado, como vén de definir a xeito Suso de Toro nun seu recente artigo. E perden a calidade dos servizos públicos, as empresas locais, nomeadamente as pemes e as posibilidades de espazos territoriais que tenten desenvolver con políticas de proximidade os intereses da cidadanía e dos consumidores, o desenvolvemento sostíbel e a saúde ambiental.
Galicia sofre este proceso moito máis ca Euskadi ou Catalunya, que posúen ferramentas empresariais, políticas e sociais que nós non temos. Galicia representa só o 5% do PIB e o 6% da poboación estatal e depende duns alicerces económicos que para o Estado son prescindíbeis. Velaquí que os recortes do seu autogoberno se traduzan de xeito directo en perda de tecido empresarial e de benestar para a súa cidadanía.

Votos de primeira e de segunda

A escolla dos candidatos electorais a medio de primarias abertas á cidadanía constitúe, de lonxe, o sistema máis democrático e que máis implica aos electores. Resolvendo, deste xeito, o problema dos candidatos vencellados de xeito excesivo a cadanseus aparellos dos partidos, e promocionando no seu canto a perfís máis abertos e conectados coa cidadanía.
Cando as opcións políticas respostan a unha grande pluralidade interna (como lle pasou historicamente ao PP, PSOE e BNG e agora ás novas iniciativas municipalistas -Mareas e análogas-) non é inusual que se tente substituír a competición entre candidatos por esquemas cooperativos ou de consenso. Tenta representarse á pluralidade para pactar entre as distintas sensibilidades. O sistema carece da forza democrática da elección, mais a dinámica colaborativa ou consensuada pode respostar mellor á cohesión e equilibrio interno de cadansúa opción política.
Mais cando se decide una dinámica competitiva para a escolla das persoas que han ser candidatas e se aproban para o efecto unhas regras de xogo cómpre estar indefectibelmente ás súas resultas.
A opción municipalista “Ourense en Común” celebrou a pasada fin de semana as súas primarias, que gañou con claridade Xosé Mosquera, afiliado a Compromiso por Galicia, ficando segunda Ana Bande, pertencente tamén a esta organización política. Mais algúns dos candidatos derrotados e dos seus seareiros pediron xa a remoción de Mosquera da candidatura, coma se os seus votos fosen distintos ou menos valiosos ca os dos demais. Coma se, ao xeito da “Animal Farm” de George Orwell, todos fosemos iguais, pero algúns máis iguais ca os outros.
Velaí como, na nosa Galicia -probabelmente tamén noutros países- aínda existen persoas que, considerándose a si proprias da “esquerda rupturista” e propagando “urbi et orbi” a súa total lealdade á “vontade popular”, tentan rachar as regras de xogo cando o partido xa rematou e o marcador non cadrou ao seu xeito.

Corrupción e proceso penal

O Goberno do Estado vén de aprobar o proxecto de lei para a reforma da lexislación procesual penal. Unha reforma totalmente limitada e continuísta, que non resolve os problemas das nosas investigacións penais.
Os titulares desta reforma son a substitución do termo “imputado” por “investigado” (na liña do “argüído” do proceso penal portugués) e máis a fixación de prazos máximos para as investigacións: 6 meses para as pescudas sinxelas e 18 meses para as complexas. Estes prazos serán máis ou menos ampliábeis “á carta”, mais sempre co acordo do Ministerio Fiscal, co risco de que o Fiscal Xeral do Estado, a medio da súa potestade xerárquica, poida pechar en falso as investigacións penais de corrupción e semellantes que non lle interesen ao Goberno do Estado, sexa cal for o que estea por quenda.
Mais o proxecto non aborda as grandes cuestións da xustiza penal no Estado español: a dotación de medios materiais e humanos e máis a atribución da instrución penal a unha Fiscalía totalmente independente do Goberno. Unha Fiscalía dirixida, en cadanseus ámbitos (autónomos entre si) por un Fiscal Xeral estatal e un Fiscal Superior de Galicia elixidos por cadanseus parlamentos por maiorías cualificadas (2/3 ou 3/5, cando menos).
Esta atribución á Fiscalía da competencia de investigación penal habería acompañar a atribución aos xuíces de instrución das competencias de control xudicial do proceso, para garantir a igualdade de dereitos entre as partes (con nomeada atención á defensa e á acción popular) e que todas as medidas cautelares (fianzas, embargos, a excepcional prisión preventiva) se adoptasen por órganos independentes dos que levan a instrución. Non se pode repenicar e estar, ao tempo, na misa. Non se pode dar pulo á investigación e, ao tempo, mirar polos dereitos dos investigados.
Canto aos medios, contamos con pouco máis da metade dos xuíces que nos corresponderían dacordo cos parámetros do resto da Unión Europea. E velaí o grande problema que manca a nosa xustiza penal. Ao que cómpre engadirlle a non cobertura de vacacións e baixas do persoal administrativo e recortes nos demais medios materiais, estes xa da plena responsabilidade da Xunta de Galicia.
O problema, daquela, é de medios e de concepto. Non de amaños trapalleiros nin de propaganda.

Carlos Varela, fiscal superior

Galicia precisa de referentes de noso. Os países pequenos, os países negados até por algúns dos seus fillos, precisamos de exemplos. Eis o do primeiro Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, que agora esgota dez anos de mandato. A demostración de que o valor das institucións é directamente proporcional ao seu traballo a prol dos problemas da cidadanía. Velaí o seu intenso traballo a prol do noso patrimonio cultural, en colaboración coa conselleira galeguista Ánxela Bugallo. Ou a monumental pescuda que dirixiu a respecto dos lumes forestais, que concluiu en que a meirande parte deles eran actos voluntarios, mais sen que existisen esas organizacións criminais das que falaron no seu día Romay Beccaría e Núñez Feijóo.
Carlos Varela e o entón vicepresidente Anxo Quintana déronlle pulo no 2009 á mediación familiar no Xulgado de Familia compostelán en colaboración cos Colexios de Psicólogos de Galicia e de Avogados de Santiago. Modelo de mediación que acadou estes anos un grande suceso, xa que a metade dos asuntos xudiciais de familia da área de Compostela acadan un acordo entre as partes, fronte ao 30% no resto de Galicia. E foi Carlos Varela o que atendeu dende o primeiro momento a punxente situación de milleiros de titulares de débeda subordinada das antigas Caixas galegas, contribuíndo substancialmente á solución xudicial do problema ao pór o foco nel a medio da presentación dunha demanda colectiva. O Fiscal Superior, que fixo da defensa dos consumidores galegos un eixo da súa actuación, transmitiunos a necesidade dunha fonda modernización procesual que permita xudicializar a contratación en masa dun xeito colectivo, superando as estreiteces da actual lei procesual civil.
E todo este traballo a prol do consumidor e do cidadán desenvolveuno na lingua propria de Galicia, amosando que o galego é lingua capaz para facermos Dereito e pulando por unha linguaxe xurídica galega afastada da artificialidade e pomposidade do castelán xurídico.
Carlos Varela amosou que existe capacidade de acción institucional eficaz para quen coñece, sinte e vive o País e o Dereito e segue as regras da comunicaciòn e da intelixencia emocional.

Máis igualdade, máis cohesión social

A cuestión da igualdade das persoas (mellor que dos sexos, é evidente que aquí tampouco son acaídas as respostas bipolares ou bipartidistas) transcende moito do ámbito dos dereitos fundamentais. Porque constitúe unha cuestión fulcral na nosa vida social e económica.
O sexismo, o mesmo ca o racismo ou o clasismo, descoñece os valores da inclusión e cohesión social e ergue, si, barreiras inxustas e mesmo antixurídicas, mais tamén barreiras ao desenvolvemento social e ao crecemento económico, que precisan contar con todas as persoas posíbeis e no mellor de cadansúas capacidades. Contábame este día unha mediana empresaria, muller comprometida social e politicamente, que os plans de expansión da súa empresa estaban a se ver ameazados pola situación de violencia machista que sofría unha súa íntima colaboradora. Velaí unha visión da que moitas veces non nos decatamos: a violencia machista non é só un crime, é tamén un ataque ao benestar social e económico.
Sen chegar ao extremo da violencia machista, vemos como as retalladas, os recortes, afectaron nomeadamente ás mulleres pola súa menor vinculación cos núcleos duros de poder, mais tamén por ser até de agora os principais garantes do benestar das crianzas, persoas maiores e dependentes. O decremento substancial da cobertura social limita a incorporación plena da muller ao mercado de traballo, mais tamén a grande achega á creación de emprego e benestar que xeraría un mundo laboral, unha iniciativa empresarial, con participación parella de homes e mulleres.
Por outra banda, as substanciais deficiencias das nosas empresas e organizacións na orde de promovermos a conciliación da vida laboral coa persoal deriva en horarios inasumíbeis e dinámicas organizativas e funcionais absurdas que apartan millóns de mulleres ben preparadas das funcións de dirección e iniciativa. Novamente non perden só as mulleres, nin os sectores máis febles da sociedade. Perdemos tod@s.
E mire vostede, que pensa das cotas de xénero? Pois que lle vou dicir? Que non lle acredito nelas, mais si acredito en todo o que se acadou con elas. É dicir, penso que non podemos pasar sen as cotas.

Os gandeiros e a libre competencia

As sancións impostas polas autoridades estatais da Competencia ás grandes industrias leiteiras reflicten que o sector da transformación láctea xoga coa inestabilidade da demanda (“mañá non che recollo ou recólloche só a metade”), coa estabilidade da oferta e co carácter perecedoiro do produto (“mañá produzo outros dous mil litros e teño que vendelos xa”) para acadar prezos moi baixos que moitas veces non acadan os custos de produción. Mais tamén demostran que as máis sobranceiras destas empresas pactaron para poder manter estes prezos (“ti non lle ofrezas máis”) ou mesmo baixalos.
O sector da grande transformación leiteira, mentres, recebe o apoio por parte da Consellería do Medio Rural e do Ministerio de Agricultura. A propria Ministra amosou a súa preocupación polas consecuencias que puidesen xerar estas sancións no sector.
Velaí como a Xunta e o Goberno do Estado renuncian garantir a libre concorrencia, chave da economía de mercado que proclama a vixente Constitución. Porque vender por baixo dos custos de produción é ilegal por se tratar dunha práctica que tende a eliminar a competencia e pór o mercado na man duns poucos operadores.
Para máis, o sector lácteo precisa da estabilización temporal das relacións contractuais. É dicir, dos contratos escritos, que dean seguranza nun medio prazo ás partes canto ao prezo e as condicións de recollida. Tolerar os acordos verbais revogábeis en 24 horas é xogar co sector da produción, moi endebedado polo esforzo pasado de modernización produtiva.
No seu día, o conselleiro nacionalista Suárez Canal demostrou que se podía traballar pola estabilización dos contratos neste sector. Pola súa banda, o sector das telecomunicacións amosou que a competencia real beneficia aos consumidores. Logo, o camiño habería estar claro.
Mais a libre competencia vén esixida polo Dereito europeo e non pertence aos valores da dereita española, que tende a regular os sectores esenciais no beneficio dos oligopolios de determinadas -e históricas- elites financeiras de Madrid. Unha dereita española que non acredita na libre competencia, senón no capitalismo “castizo” do BOE.

Municipalismo e sentido de País

Foi o PSOE o que máis contrapuxo a sensibilidade local contra o sentido global de Galicia como país. A cidade-estado vazquista da Coruña constituiu o seu exemplo máis notábel. Exemplo seguido nos nosos tempos en Vigo pola vella política do seu alcalde, Abel Caballero. Mais, en conxunto, a caduca idea do localismo na sociedade está xa ultrapasada.
Porque hoxendía os problemas das cidades galegas son semellantes. Arrincarmos a corrupción. Abrirmos os concellos á participación cidadá, mesmo na determinación dos obxectivos do Orzamento local. Unha xestión transparente. Garantirmos uns servizos públicos de calidade. Pór a nosa lingua e a nosa cultura no lugar que lles cómpre. Reactivarmos a economía local, xerando emprego de calidade. Mirar polo comercio de proximidade para revitalizar as mallas urbanas. Entendermos os problemas urbanos de xeito supramunicipal.
Semella, pois, posíbel un municipalismo galego compatíbel, cando non intimamente vencellado, a unha idea de Galicia como País. Un municipalismo que entenda cooperativa e participativamente as Administracións locais, tentando interesar á cidadanía na súa gobernanza.
Agora ben, no nível global galego cómpre garantirmos certos mínimos. É urxente rematar co absurdo das Deputacións e das provincias. É preciso restaurar a autonomía local que a Lei de modernización local de Montoro reduciu substancialmente. Hai que colaborar no eido aeroportuario, porque non abonda aeroporto ningún, o que cómpre é especializalos. E, sobre todo, garantirmos a mobilidade de cadanseu aeroporto con cadansúa área urbana e co resto do País.
Nun tempo de reinvencións son precisos novos xeitos de facermos a política. Volver a nosa atención ao local lexitima a política e fai máis transparente e eficiente a gobernanza. Mais sen perdermos a común pertenza a unha galeguidade que trascende ás nosas diferenzas.

A ARRINCADEIRA. Dez anos de mandato de Carlos Varela como fiscal superior.
Carlos Varela cesará como fiscal superior de Galicia despois de dez anos de mandato. Varela vinculou Galicia e Ministerio Fiscal na súa loita contra a corrupción política e os incendios forestais, a comercialización de preferentes e subordinadas e pola normalización da nosa lingua na xustiza, deixando un baleiro moi difícil de encher. Mesmo para un grande profesional como o seu sucesor, Fernando Suances.

Poder financeiro e poder político

Abanca gañou o pasado ano 1.157 millóns de euros, dos que 601 son beneficios de explotación e 556 créditos fiscais. En medio ano Banesco amortizou de máis os 1003 M€ que lle custou NCG. Quere isto dicir que NCG era un grande negocio, como moitos xa advertimos. A capilaridade da rede, presente en toda Galicia, a calidade profesional e humana do seu persoal, a xestión da equipa de Castellano (malia que continuamente eivada dende o Ministerio de Economía) e a aposta de Escotet por manter a galeguidade da marca, subrogarse na orixe social da entidade e abrir un chisco o crédito explican estes números, case na súa metade créditos fiscais.
O Goberno Rajoy, xa que logo, malbaratou NCG, ao vendelo por un 11% do que se teña investido para sanealo. Por que? Porque Galicia non é importante dende Madrid, somos só o 5% do PIB e o 6 por cento da poboación. NCG era sistémico no noso país (30% dos depósitos e 40% dos créditos hoxendía), pero para Madrid era un Banco periférico, fronte a Bankia, que era o grande Banco sistémico. Cumpría que Bankia fose quen de recuperar forzas para ser un grande campión financeiro español. NCG non. Non era importante e podía usarse ao xeito de ensaio para “testar o apetito dos mercados”. Ademais, que Galicia perdese o seu sistema financeiro cadraba no esquema de Rajoy e Guindos. Mellor poucos bancos e con sede central en Madrid, quitando o que lle haxa que aturar a cataláns e vascos. A exclusión financeira das familias e das pemes galegas non lle preocupaba ao Goberno do Estado.
Perdéronse case 9.000 M€ públicos polas presas e polo desleixo do Goberno. E demostrouse que Galicia só pode defender as súas finanzas, a súa produción ou o seu benestar dende o exercicio dun poder político de noso. Non temos dimensión para influír no Estado por número, ao xeito catalán ou andaluz. Só podemos salvar o noso dende un ámbito blindado de autogoberno. Para os galegos NCG –agora Abanca– era sistémica, era fulcral. Para o Estado español non. Era sacrificábel.
Para chegar a estas conclusións non é preciso definirse como galeguista. Abonda con sentir este país e sumar dúas e dúas. Velaí o necesario de accións transversais que fagan de ponte entre galegos.