A singularidade da Marea Atlántica

A Marea Atlántica gañou as eleccións locais n’A Coruña, obtendo 10 concelleiros, fronte ao alcalde Negreira (PP) que retivo outros 10 cuns poucos menos votos. Os socialistas obtiveron 6 e o BNG 1. Ninguén máis obtivo representación.
Cal é a clave para lermos este resultado? De onde saíron estes milleiros de votos que empoleiraron Xulio Ferreiro a unha segura alcaldía? Sen dúbida en xerar un amplo espazo de confluencia. Porque fronte a moitos proxectos que se dicían -e non o eran- semellantes, a Marea Atlántica naceu dun pulo cívico, cun núcleo de arrincada importante de independentes vencellados a unha cosmovisión progresista, galega e coruñesa. Mentres que os seis partidos que apoiaron o encontro, dende Compromiso por Galicia até Podemos ou Equo, pasando polos partidos do espazo AGE, souberon cederlle o protagonismo aos candidatos e á fórmula de unidade. Unidade que o electorado soubo recoñecer e apoiar. Na Marea converxeron nacionalistas e non nacionalistas e toda caste de sensibilidades progresistas. O electorado que quería unha fonda remuda do goberno local soubo velo e votalo. Acadar a unidade dende a pluralidade ten agasallo.
Mais Coruña é de vello un espazo bo para esta caste de proxectos, que recoñecen Coruña e Galicia como proxectos cívicos de todos. Que prefiren a eficiencia da mestizaxe aos purismos estériles. Exemplos témolos a esgalla, na longa historia coruñesa. Nos anos 20 do século pasado os galeguistas defenderon fronte a Risco na Irmandade Nazonalista o pacto cos progresistas e republicanos e Peña Novo foi concelleiro. Castelao e Bóveda atoparon na Marineda un apoio sobranceiro ao seu proxecto de gañaren o autogoberno dende a asociación coa Izquierda Republicana e despois coa Fronte Popular. A CNT da II República era n’A Coruña un espazo pacífico de encontro, lonxe do radicalismo da FAI. E, no 1979, as eleccións deixaron unha escea ben semellante á de agora. Pactouse un goberno plural e Merino foi o primeiro alcalde galeguista e progresista da cidade dende a II República.
Ese espirito plural e amplo, tan propio da galeguidade coruñesa, foi a clave do éxito da Marea Atlántica. O resto, aínda, está por escrebir e depende do bó criterio e sentido común dos gañadores das eleccións coruñesas.

Prioridades dos novos gobernos locais

O primeiro reto dos novos gobernos locais ha ser a transparencia para arrincarmos a corrupción. E o ámbito senlleiro para exercela é o da contratación pública. Cómpre elaborar mapas da vixencia e condicións das principais concesións e contratos e esixir o cumprimento das obrigas por parte dos concesionarios, chegando ao resgate no caso de graves incumprimentos.
Os novos gobernos locais haberían priorizar a xestión pública da auga e saneamento e da recollida e tratamento de lixo, por ser máis rendíbeis socialmente. Noutros servizos non tan fulcrais (mantementos, xardinería, obras) bo é manter a xestión privada. Mais evitando os macrocontratos aos que só poden concorrer os grandes grupos concesionais madrileños, substituíndoo por contratacións de servizos concretos e medianos orzamentos que sirvan para darlle pulo á especialización e potenciación das pemes locais.
A clave para o mantemento e ampliación dos servizos locais non será tanto a fusión de concellos como a xestión consorciada destes servizos entre varios concellos. E a prioridade absoluta haberían ser os servizos sociais, para previr a exclusión social, nomeadamente garantindo vivenda digna ás vítimas dos despexos, facendo funcionar os comedores sociais e escolares e resolvendo o drama da pobreza enerxética.
O fomento do emprego de calidade ha ser outra prioridade, na liña do pulo a esa especialización da economía local. Os novos emprendedores precisan formación e infraestruturas físicas a custos moi baixos e os principais concellos galegos teñen a posibilidade de fornecer estas achegas. A especialización e viabilización do comercio de proximidade, fronte ao modelo de grandes superficies, incide nesta creación de emprego de calidade e constrúe vilas e cidades harmónicas e integradas.
Os concellos, tamén, precisan de máis autonomía e mellor financiamento. E isto só é posíbel asumindo Galicia competencias exclusivas sobre o goberno e réxime local e tendo en conta os factores de avellentanmento e dispersión poboacionais, que poderían incrementar o financiamento local galego nuns 1.100 M€/ano (case 500 € por galeg@), segundo ven de salientar Somos Nós.

Gobernarmos en coalición

Disque a forza de goberno perderá a maioría absoluta en varias das nosas principais cidades. E xa hai quen prognostica as grandes pragas do Éxodo. Cando as maiorías absolutas son circunstancias inducidas polo pouco aquelado sistema D´Hondt, entregándolle o goberno a partidos con menos do 45% dos votos e, ás veces, con menos dun 28% dos electores.
Na meirande parte da Europa máis avanzada funcionan os sistemas proporcionais (Bélxica, Holanda, Suecia, Noruega, Dinamarca, Alemaña, Austria, Escocia, Gales) e, xa que logo, os gobernos dun só partido son máis exóticos ca un gatipedro. Os analistas e xornalistas deses países adoitan concluír ao día seguinte das eleccións que a cidadanía quixo un goberno de varios, que o pobo ordenou que varias opcións senten e falen para chegar a un acordo. E aí xoga a capacidade de cadaquén para chegar a acordos. O normal será que a forza máis votada lidere os esforzos para chegar a un goberno, mais daranse casos (pensen nun alcalde con maioría absoluta moitos anos que a perde) nos que poderá haber gobernos de coalición alternativos. Será, entón, a responsabilidade de todos os que os partillen darlle canle á competición e potenciar a cooperación para que a cidadanía avalie a xeito a resultante.
No caso do Estado español, a hexemonía do bipartidismo dinástico levou proxectar a idea de que os gobernos de coalición son gaiolas de grilos ou pactos entre perdedores. E nada máis lonxe da realidade. Son, de feito, as formulacións cotiás dos gobernos locais, territoriais e estatais da Europa maioritaria, onde sistemas maioritarios coma o británico (cun partido que, con menos do 37%, vén de quitar 331 dos 650 deputados) son, por sorte, unha excepción.
Certo é que, na nosa Galicia, as coalicións non tiveron boa sona, malia que constituíron os gobernos máis próximos ao cidadán, máis modernizadores e menos autoritarios. Velaí os gobernos locais que xurdiron do Pacto do Hostal (1979-1983), que democratizaron e modernizaron os nosos concellos. Ou os proprios gobernos de coalición na Xunta (1987-89 e 2005-2009), que salientaron pola súa capacidade de transformación e atención aos problemas da cidadanía, malia o curto das súas experiencias.
A quen lle pon medo as coalicións? A quen quere gobernar a todos dende unha minoría máis ou menos activa e cohesionada.

David Cameron impulsará la máxima devolución de competencias a Escocia

David Cameron podrá gestionar su agenda sin obstáculos. Pero en su lucha por ese estrecho margen (pensemos que los laboristas obtuvieron sólo 228 escaños con un 30,4% de votos) neutralizó a los euroescépticos del UKIP (12,6% de votos y sólo un MP, debido a las injustas paradojas del sistema mayoritario) con su promesa de convocatoria de un referéndum para que los británicos puedan decidir respecto a su continuidad en la Unión Europea. Y tendrá que cumplir su promesa, como el antiguo first minister escocés, Alex Salmond, tuvo que cumplir la suya de pactar con Cameron la convocatoria del pasado referéndum escocés de septiembre 2014. Nigel Farage, aún líder del UKIP por haber rechazado su partido su dimisión, mantiene más de tres millones de votos que podrían incrementarse si Cameron duda en cumplir su solemne ofrecimiento.
Cameron también tendrá que cumplir las promesas de septiembre 2014, cuando aseguró, junto con los hoy dimisionarios líderes laborista y lib dem, Ed Miliband y Nick Clegg, un sustancial incremento del autogobierno escocés si triunfaba el “NO” en el plebiscito del 18-S. Para ello acaba de visitar en su despacho oficial a la nacionalista Nicola Stugeon, first minister escocesa, en un claro gesto de respeto al autogobierno escocés poco común en los usuarios del Palacio de la Moncloa. El prime minister tory prometió “la mayor devolución de competencias y de instrumentos de financiación nunca vista en el mundo”.

Diferencias con el Reino Unido
Indudablemente, el modo en el que Cameron cumple sus promesas resulta chocante en el Estado español, donde Rajoy responde a la pulsión nacional periférica y, singularmente, catalana aprobando leyes como las de unidad de mercado, modernización del sistema educativo, racionalización de gobiernos locales o incluso la que eleva la fiesta taurina a dudoso patrimonio cultural estatal para limitar el alcance del autogobierno territorial, especialmente el de las naciones históricas (Galicia, Catalunya y Euskadi).
En 2017 o, quizás, en 2016 Cameron convocará un referéndum sobre la permanencia del Reino Unido en la Unión Europea, cumpliendo su promesa electoral. Y la first minister Nicola Stugeon, arropada por la mayoría absoluta del Parlamento de Holyrood y por 56 de los 59 MP que elige Escocia en Westminster (minoría que constituirá la tercera fuerza política en el Parlamento británico y que dirigirá el antiguo líder nacionalista Alex Salmond), podría aprovechar la especial circunstancia para exigir un nuevo referéndum de independencia, que resultaría totalmente exitoso para la suerte de la secesión. El rechazo de Cameron exigiría, en contrapartida, una segunda “devolution” (tercera desde 1997) que llevaría los límites del autogobierno escocés hasta la “devolution plus” (pleno autogobierno salvo diplomacia, defensa y moneda). El objetivo que realmente constituía el principal objetivo estratégico de los nacionalistas de Salmond y Stugeon cuando obtuvieron la mayoría absoluta en las elecciones al Parlamento de Holyrood en 2012, aunque hoy a millones les sabrá a poco.

Londres monopoliza Inglaterra y el Reino Unido
Detrás quedan muchas cosas. La liquidación de los laboristas y lib dem escoceses, sí, pero también una deriva, acusada en los últimos 15-20 años, del Reino Unido hacia un espacio económico hegemónico fuertemente anclado en el SE inglés que incluso tiende a despreciar territorios como Yorkshire y las Midlands cada vez más anecdóticos en cuanto a su peso respecto a un Great London que constituye una de las principales capitales financieras del mundo y que parece sentirse desvinculada, cada vez más, no sólo de la suerte de Gales, Escocia o Irlanda, sino de grandes áreas del norte y centro de la propia Inglaterra.

Lingua e sentidiño

No sentimento xeneralizado dunha ampla maioría o galego é unha lingua sentida como propria e aprezada como parte do legado trasmitido polos nosos devanceiros (como dicía Celso Emilio Ferreiro polos “abós que temos mortos”). Algúns quererán moito máis pulo normalizador e outros seica non vexan tan urxente unha actuación política decidida. Mais só unha moi pequena minoría olla ao galego como algo alleo, inconveniente ou, máis aínda, rexeitan a nosa lingua.
Xa que logo, habería existir un ambiente axeitado para acadar un amplo acordo sobre as políticas públicas a desenvolver a respecto do galego, como existe en Quebec ou en Catalunya. Mais, para a nosa desgraza, Feijóo decidiu introducir o galego na liorta partidista por unha presa de votos, cando non existía problema ningún. E, xa no Goberno, aprobou un Decreto de ensino que supuxo o veto práctico para o galego na aprendizaxe das Ciencias e na Educación infantil, mesmo fronte a porcentaxes moi amplas de pais e nais das cidades que queren galego para os fillos na escola infantil e non o atopan.
Os sinais de alarma están a chegar ao conxunto da sociedade galega, cunha xuventude que abandona o uso da nosa lingua malia querela e valorala. Velaí que cumpra o meirande consenso para arrincarmos o galego da loita partidaria e aprobarmos unha normativa de ensino baseada nunha inmersión tranquila que garanta que o alunado saia do ensino obrigatorio cun nível oral e lectoescrito abondo para manexar a lingua como propia.
Ademais, cumpriría afortalar este consenso na sociedade civil para dinamizar o galego da man dos axentes sociais, nomeadamente nos ámbitos da sanidade, da empresa, da administración de xustiza e na publicidade. E, sen entrarmos a curto prazo en lameiras normativas, usar da Iniciativa Lexislativa Popular “Valentín Paz Andrade”, de unánime aprobación parlamentaria, para dar nunha xeración ese grande achegamento ao mundo da lusofonía que partillan máis de 260 millóns de persoas e que supón, ao tempo, tantas posibilidades de negocio.
O galego non é un problema. En absoluto. É un sinal de identidade que vai no noso ADN, que nos permite contar o relato do mundo cos nosos ollos e que nos fai máis cultos e atractivos, ademais de nos abrir portas.

Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde, a quen conmemoramos no vindeiro Día das Letras Galegas, é unha figura cultural de primeira orde que sería, con xustiza, o orgullo de calquera país europeo. As súas achegas a diversas ponlas da nosa cultura son dun valor innegábel. Malia que, quizais, sexa responsábel por omisión de ter agachado Castelao no Museo de Pontevedra, a pesares de contar con tanta obra do noso Daniel.
Canto ao seu labor político, Filgueira foi fiel ao seu conservadorismo fundando Dereita Galeguista no 1935. Un partido que podería ter desenvolvido un rol fundamental na República para atraer aos sectores católicos do País, ao xeito da Unió catalá do mártir Carrasco i Formiguera. De feito, o abraiante trunfo do Si e máis a alta participación do referéndum do Estatuto galego do 28 de xuño do 1936 quizais non se poida entender sen a colaboración da Dereita Galeguista, que mesmo chegou a neutralizar o pulo centralista doutras dereitas.
Agora ben, o que si resulta incompatíbel con todos os parámetros éticos da democracia europea é a súa participación activa no franquismo, chegando ser alcalde de Pontevedra e procurador nas Cortes da Ditadura nos 50 e 60 do século pasado. Porque esta actuación non constituía esixencia ningunha do seu conservadorismo nin da súa catolicidade e si unha plena integración consciente no aparello institucional dun Réxime ilexítimo e opresor, baseado na prolongación da loita civil e na liquidación ou invisibilización do inimigo. Abondan os exemplos de milleiros de persoas que, dende os supostos parámetros ideolóxicos de Filgueira, rexeitaron cargos no franquismo. Tolerarmos eticamente a súa participación política canda o xeneral Franco é incríbel dende a óptica de calquera europeo demócrata.
Podemos, pois, recoñecer os grandísimos méritos culturais do pontevedrés e a súa achega sobranceira ao noso acervo cultural. E mesmo conmemoralos sen restricións. Mais sen esquecer que, canda Heidegger, Carl Schmitt ou Marinetti, o seu activismo político durante o franquismo é incompatíbel coa ética democrática e non terá perdón de Deus por moito tempo que pase.

O exemplo de Escocia

As eleccións británicas do xoves salientan tanto pola non agardada maioría absoluta dos tories de Cameron no conxunto do Reino Unido (330 sobre 650 escanos con só un 36,9% dos votos) como polo esmagante trunfo do Partido Nacional Escocés (SNP) na Escocia, onde gañou 56 dos 59 escanos.
O SNP fundouse no 1934, acadando moi baixos resultados ate que no 1974 definiu unha estratexia nidiamente socialdemócrata que lle deu un terzo dos votos e 11 escanos, a mellor votación para Londres que obtivo até este día. Conservadores e laboristas fixeron o imposíbel para desprestixiar as propostas do SNP e mesmo chegaron agachar a riqueza que o petróleo escocés lle xeraba ao reino Unido. No 1978 o referéndum para a autonomía escocesa fracasou ao non acadar o “yes” o 40% do censo, malia gañar en votos e o SNP esmoreceu, mentres os gobernos de Mrs Thatcher mallaban na estrutura social e industrial escocesa.
Blair obtivo unha grande vitoria no 1997, nomeadamente polo voto escocés. Votouse outra volta a “devolution” e gañou o “yes” de xeito hexemónico. Mais o SNP, xa dirixido por Alex Salmond, desenvolveu unha politica socialdemócrata e de proximidade, que priorizaba a defensa da sanidade pública e dos servizos sociais e que afondaba nas propostas ecoloxistas e feministas do partido. Ao tempo, a defensa do emprendemento empresarial convertíase en parte inseparábel da súa proposta. No 2006 o SNP gañou con maioría relativa as eleccións ao Parlamento autónomo e puido desenvolver –á fin e con grande éxito– o seu programa, coa axuda do Partido Verde. Velaí o grande trunfo das eleccións autonómicas do 2011, onde acadou 69 dos 129 escanos do Parlamento de Holyrood, malia prometer un referéndum pola independencia.
Salmond pagou coa súa demisión a derrota dese referéndum (55% do non fronte ao 45% do si), mais a cidadanía escocesa comprobou axiña que os partidos estatais non estaban dispostos a outorgar o incremento substancial do autogoberno que prometeran. A nova first minister Nicola Stugeon foi unha boa remuda e acadou este éxito electoral, que converte o SNP no partido hexemónico da Escocia. No 2017, o SNP podería pedir un novo referéndum se Cameron insiste no que quere convocar para saír da UE.

Captarmos o investimento exterior

Galicia supón moi pouco para o conxunto do Estado, tanto en termos de PIB como en poboación. Quere dicir isto que a nosa forza é a diferenza, a identidade, unha Marca propria. Mellor sermos país de noso ca provincia.
Xa que logo, precisamos un proxecto económico proprio. Oportunidades económicas tan nidias como a potenciación dos nosos portos no eixo Panamá-Antuerpe-Rotterdam ou o noso sector enerxético, que foi número un no eólico e que no futuro, se houber ideas claras no Goberno galego, podería facer moito independizado mentalmente da famosa teoría do cerebro madrileño que todo o sabe e todo o pensa.
Para alén diso, temos unha demografía catastrófica e semella que calquera Goberno que mereza o nome de autónomo ou galego vai tentar revertela. Mais iso non abonda no curto prazo. Cómpre, xa, xerar emprego de calidade. E isto esixe unha aposta moi potente pola empresa galega. Galicia habería ser o país da Europa no que máis doado fose crear unha empresa, dixemos aquí hai pouco. Maticemos. Sempre no marco da legalidade laboral, fiscal e ambiental. E aí a función dos concellos será fundamental, pondo medios e recursos para o emprendemento local.
Mais nesa batalla do curto prazo, semella imprescindíbel a captación do investimento exterior. Galicia arestora é anecdótica nesta captación, agás operacións puntuais. Mais temos diante nosa grandes ferramentas ao noso favor, como nos relata o economista galego Vicente Martín Egaña. “Escolas de enxeñería industrial, civil, naval e de teleco punteiras, xente nova ben formada, con coñecemento de idiomas e que hai que traer canto antes da emigración, unhas infraestruturas viarias razoábeis”. A estas vantaxes cumpriría engadirlles a oferta razoábel de solo industrial e as canles variadas (lusofonía, ibeoramericana, europea) de potenciar a Marca Galicia.
Pero para todo isto cómpre que o noso Goberno e a nosa sociedade acreditemos en nós propios. E que non nos deixemos ir polo que outros fagan ou -máis ben- deixen de facer.

Morreu Juan Ramón Díaz
Vén de morrer Juan Ramón Díaz, vicepresidente da editora dos xornais El Ideal Gallego, Diarios de Arousa, Bergantiños e Ferrol e do deportivo DXT. Juan Ramón é xa parte da historia do xornalismo galego. Fica na lembranza a súa capacidade de construír proxectos e de facer equipas. Tamén a súa grande habilidade para radiografar problemas e diagnosticar solucións. Morreu, sen dúbida, un dos grandes.

Mirarmos polo noso

Hai quen di que promocionarmos a identidade vai contra os nosos intereses económicos. Mais a realidade é que Galicia só achega o 5,5% PIB e o 6% da poboación estatais. É dicir, contamos ben pouco por número, fronte a Catalunya ou Andalucía. E as actividades económicas que para nós son esenciais (forestal, lácteo, mar-industria, naval, a ubicación e potencialidade dos nosos portos…) para España son prescindíbeis. Canto á principal actividade económica española, o turismo, Galicia tamén ten intereses totalmente contrapostos. Porque non podemos vender sol e, xa que logo, temos que independizar totalmente a nosa oferta, o noso produto.
Velaí como Galicia precisa da propia identidade como garantía da súa viabilidade económica. E o exemplo aquelado da promoción turística independente (“mire, Galicia non lle pode ofrecer sol oito meses ao ano, mais ofrécelle outros atractivos”) é válido para camiñarmos o noso futuro como País. Galicia ten que pensar en si propia e nos seus propios intereses. E presentarse na Europa e no mundo como tal. Conta para iso coas inmensas vantaxes do camiño xacobeo, da lusofonía, da súa proxección ibeoramericana e do seu apreciábel coñecemento nos países celtas e en boa parte da Europa.
O que esixe (como ben dicía aquel grande coruñés e europeísta, Salvador de Madariaga) acadarmos os máximos níveis de autogoberno que permitan as circunstancias. Precisamente para pormos en valor todos eses alicerces da nosa economía que España non considera porque para o conxunto dela non son importantes. Para acadarmos outro financiamento (Anxo Quintana e “Sómos Nós” veñen de demostrar que Galicia é acredora de máis de 1150 M€/ano adicionais para os seus concellos por avellentamento e dispersión poboacional) e outra tarifa eléctrica. E para enfrontar unha acción exterior de noso que invirta os patéticos níveis de investimento exterior que captamos e poña a Marca Galicia no mundo.
Galicia non ten máis garantía da súa viabilidade económica ca identidade e o autogoberno. Despoxados da forza dos números só mantemos a da diferenza, a da nosa especificidade como galegos. Porque sen ela seríamos un recuncho noroeste de cativa demografía e economicamente empobrecido. Sen interese para case ninguén.