Maré galega para soñar

Diversos partidos (CXG, BNG, EU, Anova…), canda entidades sociais, como Somos Nós, formularon xa a súa proposta para unha candidatura galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais. E dun xeito moi maioritario as distintas opinións concordan na necesidade de que a candidatura teña o seu centro de decisión na Galicia e dea lugar a un grupo parlamentario de seu e na altísima conveniencia de que a candidatura se constrúa dende a base social, cun nidio protagonismo da sociedade civil, ao xeito dunha maré galega.
Ocorre que Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos e factor esencial na renovación da axenda política no Estado, quere que as siglas do seu partido estean en todos os colexios electorais, quer en coalición (en Catalunya, Valencia e Galicia), quer sós (no resto do Estado). E semella que poderá acadar este obxectivo en Catalunya, en coalición con ICV, mais non tan doadamente en Valencia, na que os nacionalistas de Compromis ollan con moita desconfianza a primacía que tenta pór Pablo Iglesias.
Na Galicia, a forza desta maré galega, desta plataforma de unidade cívica semella incuestionábel. A unidade é un factor esencial, mais tamén o é o protagonismo social, cívico. Unha maré apoiada por x partidos achega moito máis ca unha coalición de x partidos. Velaí o evidente desenfoque que sofre Pablo Iglesias na súa proposta electoral no que se refire a Galicia.
Esta maré galega vai precisando a definición dun programa de mínimo común denominador moi inclusivo que ha dar resposta aos desexos sociais dunha maior transparencia e unha mellor gobernanza, xunto con propostas que poñan a economía ao servizo das persoas e da sustentabilidade. Pero tamén cara unha proposta de reforma político-constitucional que blinde o noso autogoberno, garanta un financiamento acaído dos servizos autonómicos e locais e lle restitúa a Galicia a súa plena capacidade de decisión sobre a súa economía. Como sempre, o autogoberno galego é a clave do noso benestar.

A arrincadeira: aniversario do Estatuto do 1936
Este domingo cumpríronse 79 anos dun acto de vontade moi importante: a aprobación por unha amplísima maioría de galegos do Estatuto do 1936. Un plebiscito que nos permitiu acadar o nível máis alto de autonomía na Constitución do 1978. Estará a sociedade galega do 2015 á altura?

Somos Nós

Na historia contempóranea de Galicia existiron exemplos abondo de movementos políticos de orixe cidadá ou veciñal. Velaí os casos das Irmandades da Fala ou o movemento agrario do primeiro terzo do século XX. Xa no século XXI, a plataforma “Nunca Máis” soubo mobilizar, dende o pulo cidadán, a persoas de todas as ideoloxías arredor da conciencia de defensa dun país ao que se lle estaba a mentir dende o Goberno do Estado.
Noutros países europeos as organizacións sociais Yes Scotland e a Assemblea Nacional Catalana souberon sensibilizar politicamente a sectores tradicionalmente alleos aos nacionalismos escocés e catalán. Isto non quere dicir que os partidos non sexan precisos. Mais, na Europa actual, na Galicia do 2015, xa non son abondo para monopolizar a participación política. Vén de se amosar na Coruña, co suceso electoral dunha Marea Atlántica de orixe moito máis social ca partidaria. Hai unha forza de cambio cívica que non colle no traxe das organizacións partidarias actuais e reivindica novos modos de expresión e participación.
Galicia ten só o 5,4% PIB e o 6% da poboación estatais e a súa economía alicérzase nunhas bases que para o Estado español son prescindíbeis. Velaí que o autogoberno sexa para Galicia fulcral en termos de garantía do benestar da cidadanía. As vindeiras eleccións xerais han traer unha nova recomposición de forzas que abrirá o debate da organización do Estado. Aí ten que estar Galicia, porque ninguén vai mirar por ela.
Neste contexto, a plataforma Somos Nós pode actuar transversalmente para facer que actúen xuntas politicamente persoas de variadas ideoloxías arredor deste obxectivo de afirmación nacional cívica como único camiño para o benestar. Considérense ou non galeguistas e falen na lingua que falen.

Candidatura de país

O baño de realidade das pasadas eleccións locais e a velocidade de vertixe á que se moven hoxe en día as tácticas políticas xerou un escenario que ningúen tería prognosticado hai seis meses: o BNG, co seu capital organizativo, social e sindical renunciando ás súas siglas cara ás vindeiras eleccións e Podemos, coa súa marca, recoñecendo que en Galicia habería presentarse ás mesmas en unión doutras forzas sociais e políticas, mentres lle nega a IU outra saída no resto do estado (agás Catalunya e o País Valenciano) que a de integrar as fileiras podemitas.
Diríase que está todo feito e que haberá converxencia ou maré galega nos comicios do outono. Mais subsisten algúns problemas de solución complexa, aínda que totalmente resolúbel dende a intelixencia e a xenerosidade. É moi posíbel unha candidatura galega que integre galeguistas e non galeguistas. É, tamén, factíbel que esta candidatura teña unha orixe máis cidadán que de partidos, mais tamén precisará destes, dos novos axentes sociais e dos alcaldes-referentes do galeguismo e das marés cidadás.
Mais a chave do asunto é o nível de relación desta candidatura de converxencia con outras forzas estatais e territoriais. Ou, para sermos máis directos, o seu grao de dependencia de Podemos e do seu candidato nas xerais, Pablo Iglesias.
E aí é onde cómpre a finezza. Porque Podemos semella querer mandar e os demais actores políticos e sociais (e non só os galeguistas) semellan estar por unha candidatura galega con centro de decisión no País e que forme grupo parlamentario de seu e independente. Sen prexuizo de apoiar Podemos e outras forzas estatais ou territoriais nas súas iniciativas lexislativas ou mesmo cara ao Goberno do Estado.
Mais é evidente que o valor da converxencia, da unidade cidadá, é superior ao da marca Podemos, polo que as solucións haberían ir máis pola independencia da candidatura galega de país. Unha Independencia que tamén afortalaría as expectativas electorais de Podemos no conxunto do Estado. Porque en Madrid, Málaga ou Valladolid o pacto preelectoral de Podemos cos galeguistas ou cos valencianistas de Compromis lles restaría un bo lote de votos.

A normalidade das coalicións

Nos países máis avanzados da Europa democrática as maiorías absolutas son insólitas. E despois das eleccións, os seus analistas e xornalistas adoitan dicir que a cidadanía pediu que os partidos negocien e pacten entre eles para definir un programa de goberno.
No Estado español as maiorías absolutas son menos insólitas, por mor do inxusto sistema D’Hondt, que prima ao gañador, de xeito que se teñen acadado maiorías absolutas de só un 42% dos votos. E esta menor excepcionalidade, xunto coa falla de cultura e praxe democrática, xera continuas descualificacións das coalicións postelectorais. Algúns mesmo atrévense a dicir que son “contra natura” ou que van contra a vontade da cidadanía, porque presuntamente o cidadán votaría polo partido B, pero non pola coalición do partido B co C.
Estas teorías non resisten a menor análise a serio. A persoa que vota xa se representa a dificultade de que o seu partido acade a maioría absoluta e no seu voto vai implícito un mandato ao seu partido para que negocie un programa de goberno coas forzas máis afíns. E, de non ser posíbel, para que controle dende a oposición ese goberno. O fracaso relativo da eventual coalición (máis ben a conciencia subxectiva do elector de que a coalición non cumpriu as súas expectativas) determinaría o castigo ao partido votado na seguinte elección. É a lóxica da democracia, que resposta a unha cidadanía de persoas adultas e informadas.
Os partidos que laian seguido por eses supostos (e falsos) pactos entre perdedores máis ben haberían mirar a súa falla de aptitude para chegar a acordos postelectorais con outras forzas. Porque o suceso dunha forza política non se mide só polos votos que acade, senón pola capacidade de coalición que teña, que incrementará a súa influencia social e institucional.
Tamén é verdade que un pequeno partido que quitase un só concelleiro co 5,5% dos votos habería medir se os seus electores lle deron mandato para partillar un goberno ou máis ben para medrar dende a oposición ou dende o control ao goberno e o seu apoio puntual, no seu caso. Mais isto xa pertence á estratexia interna desa forza política.

Rajoy e Feijoo liquidan as axudas da dependencia

Zapatero artellou un sistema de axudas á dependencia para dependentes severos (grao II) e grandes dependentes (grao III) e aprobou a Lei de promoción da autonomía persoal na fin do 2006. Unha lei e un sistema que presentaban a clara deficiencia da súa falla de dotación de recursos, que tiveron que ser suplidos, no caso de Galicia, pola política social que desenvolvía o Vicepresidente Anxo Quintana. Mais o certo é que cando Zapatero saiu do Goberno do Estado, na fin do 2011, as distintas Administracións autonómicas atendían máis de 700.000 dependentes de grao II e III.
Mais Rajoy aprobou por Decreto-Lei unha brutal redución dos fondos ás autonomías para pagar estas axudas. O recorte suprimiu o pagamento da Seguridade Social aos coidadores e reduciu as pagas nun 15%, que moitas autonomías aínda reduciron máis, no marco desta reforma lexislativa, até o 85% coma é o caso de Galicia. Deste xeito, fronte á moi notábel atención á dependencia de Euskadi, Navarra, a Rioxa, Asturies ou Castela e León, Galicia é dos territorios que presentan peor cobertura destes servizos. A UGT dicía no 2014 que menos do 48% dos dependentes percebían prestación. Pola súa banda, hai poucas semanas que CC. OO. denunciou que case o 30% dos dependentes galegos coa prestación recoñecida pola Xunta non a cobraban, fronte ao 18,7% estatal ou só o 0,77% de Castela e León, tamén gobernada polo PP. Un auténtico escándalo que habería facer demitir por vergoña á conselleira Beatriz Mato.
Unha miña amiga escríbeme contando o caso do seu pai. Hemipléxico, cunha incapacidade do 80%, non se vale por si para se vestir ou erguer da cama e precisa da asistencia continuada da súa dona, que perdeu a axuda da cotización á Seguridade Social e que ten que pagar a súa propria cota de autónomos, malia que a dedicación ao seu home lle impide traballar na súa actividade de toda a vida. A paga baixou o ano 2014 de 320 a 270 € e agora foi reducida a 68 €. Unha redución do 90% se contamos a da Seguridade Social.
E así milleiros de galegos e galegas. Rajoy e Feijoo liquidan as axudas da dependencia, mentres a supresión das Deputacións podería aforrarlle á cidadanía galega case 300 M€.

Claves da Marea Atlántica, nunha Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria

Coa elección de Xulio Ferreiro como alcalde d’A Coruña recupérase ese proxecto de cidade liberal, democrática, solidaria e galeguista que presidiu Coruña noutros intres da súa historia, como a alcaldía de Domingos Merino (1979-1981) ou o entendemento de galeguistas e republicanos nos primeiros anos 20 do século XX ou na II República. Unha Coruña esta pouco coñecida mesmo para moitos dos nosos concidadáns galegos, que gravaron os estereotipos sementados nos tempos do franquismo e do vazquismo.
Xulio Ferreiro foi investido alcalde da Coruña cos votos da Marea Atlántica (dez concelleiros), PSOE (seis) e BNG (unha) e os votos en contra dos dez concelleiros do PP. No seu primeiro discurso, o novo alcalde quixo lembrar os días augurais da democracia municipal coruñesa, cando na primavera de 1979 o nacionalista Domingos Merino fora investido como primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra do franquismo. Entón Merino dixera estas mesmas verbas: “hoxe é un día alegre e histórico para A Coruña”, salientando a remuda histórica que aquela primeira elección municipal supuxo naquel concello, secuestrado á vontade popular dende que o 21 de xullo de 1936 o capitán Fuciños, nomeado delegado municipal dos sublevados, destituíra ao alcalde republicano Alfredo Suárez Ferrín, que sería fusilado o 31 de agosto daquel desgrazado verán.
Para entendermos na súa verdadeira dimensión a singularidade da Marea Atlántica e a conexión de Xulio Ferreiro coa tradición galeguista, democrática e solidaria coruñesa cómpre lembrarmos algúns apuntamentos históricos que non se adoitan coñecer en amplos sectores da cidadanía galega por mor da imposición do relato da Coruña elitista e paifoca de Francisco Vázquez e do extinto lobby coruñés.

A Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria
Dende a fundación da cidade polo rei de Galicia Afonso VIII no 1208, o Concello coruñés tentou substraela ao dominio aristocrático e eclesiástico, nunha vila de vocación mareante, artesá e comercial. Coruña desenvolveuse aberta ao mundo e aos roteiros da navegación. Mais esta vocación houbo coexistir co rol que A Coruña asumiría como capital da Administración vicerreinal española na Galicia (Capitanía Xeneral e Audiencia) que encheu a cidade de burócratas casteláns. Esta compoñente funcionarial foránea xeraría historicamente tensións a respecto da vocación de liderado galego da cidade.
A vocación democrática abrolla con forza na punxente forza do Gremio de Mareantes, na rebelión popular de Sinforiano López no 1808 ou na adhesión á revolución liberal de 1820. Na cidade xurde o galeguismo liberal e democrático de Murguía e da Cova Céltica, que mobilizou a cidade no 1893 para que Galicia non perdera a Capitanía Xeneral e fundou a Academia Galega no 1905 e a primeira das Irmandades da Fala no 1916. O enterro de Curros Enríquez no 1905 foi a demostración silente do xorne solidario, galeguista e republicano da cidadanía coruñesa.
O galeguismo coruñés comprendeu que se quería ser opción de goberno e transformación habería coordinarse co republicanismo federal que gobernaba o Concello dende fins do século XIX. Esta entente permitiu que Lois Peña Novo fose elixido primeiro concelleiro galeguista no 1922. Mentres, a CNT convertíase no principal sindicato da Coruña, practicando un unionismo integrador de galeguistas, republicanos e liberais de esquerdas e afastado da liña anarquista FAI que dirixía esta central sindical noutros territorios.
A actividade política, sindical e cultural na Coruña, xa que logo, foi dando nunha convivencia natural entre varias correntes do progresismo, do galeguismo e do republicanismo, así como entre os elementos progresistas “burgueses” e os elementos obreiros. Franco habería reprimir de xeito brutal uns e outros.
Foi precisamente a brutaldade represora da ditadura á que fixo perder as referencias a unha sociedade desartellada pola morte ou exilio dos seus mellores. Unha represión que empoleirou persoas até entón irrelevantes na vida social e económica da cidade, que medrara moi substancialmente coa repatriación de capitais de Cuba e co desenvolvemento industrial e financeiro do primeiro terzo do século XX.
Velaí as esperanzas xurdidas co goberno de coalición entre a Unidade Galega, PSOE, PCG e BNPG de Merino. Mais a experiencia foi liquidada coa maré recentralizadora xurdida no 1981 co 23-F á que a burguesía postfranquista e os seus axentes mediáticos serveron de altofalantes. Despois da longa noite de pedra Paco Vázquez, apoiado polo “lobby” coruñés, engaiolou as clases medias coruñesas cun discurso paifoco e arredista, aproveitando a crise económica e a falla de dirección da cidade.

A singularidade da Marea Atlántica
Mais a vocación democrática, solidaria e galeguista da Coruña apareceu, outravolta, coas mobilizacións organizadas por Nunca Máis na fin do 2002 e primeira metade do 2003. Liderados simbolicamente por Manolo Rivas e outros intelectuais, a Coruña cidadá e democrática encheu as rúas por ducias de milleiros, nas demostracións máis populosas da historia de Marineda.
Existía, pois, unha tradición na Coruña de entendemento progresista, de tender pontes para acadar obxectivos comúns por riba das estruturas partidistas. Malia isto, semellaba que os partidos da esquerda galeguista e estatal non entenderan a xeito ou entenderan a medias as leccións do 15-M (que tivo moi cualificada incidencia na cidade) e das europeas de 2014. E naceu na Coruña, dende estas experiencias de Nunca Máis e do 15-M un grupo de persoas, moitos deles unidos por vencellos xeracionais e de compartir o traballo social que, dende unha clave apartidista, comezou pensar esa nova Coruña. Esa nova política para A Coruña sen se someter ao paraugas da forza de moda nas TV estatais. Pensar nunha alternativa municipalista de unidade cidadá, na que os partidos cooperasen, pero non monopolizasen.
Cómpre dicir que naquel xullo de 2014 esta sensibilidade tocara moi de preto ao galeguismo e non só ás organizacións locais de Anova-IN ou Compromiso por Galicia (que o 7 de xullo propuxera publicamente unha converxencia social, política e cidadá para gañar o Concello a partires de determinados denominadores comúns), senón á propria organización do BNG. Representantes tan senlleiros do BNG coruñés como María Xosé Bravo ou o voceiro Xosé Manuel Carril partillaron nas primeiras xuntanzas e na mítica de fins de xullo na Ribeira do Cómaro, preto do estadio de Riazor onde o Deportivo libra as súas batallas na casa.
Xa que logo, a partires do chamado fundacional dos primeiros 99 asinantes, axiña foron 2.000 os cidadáns coruñeses os que adherían ao Manifesto da Marea Atlántica. Dende un propósito común de lle devolver A Coruña á cidadanía e tamén tentando nuclear unha proposta dende os denominadores comúns dunhas bases cidadás moi plurais e diversas.

O factor Xulio Ferreiro
E logo está o factor Xulio Ferreiro. A Marea Atlántica precisaba dun referente común. Os seis partidos adherentes (dende os galeguistas de Compromiso por Galicia até Podemos pasando por todos os partidos do espazo AGE) e máis o proprio grupo independente que abriu o proceso concordaron na conveniencia do profesor universitario e xurista, que resume ben os caracteres de competencia técnica e profesional, vinculación coa cidadanía e respecto pola pluralidade que precisaba a Nova Política na Coruña.
O sábado 13 de xuño Xulio Ferreiro demostrou a súa conexión coa cidadanía e a súa comodidade no contacto persoal. Dende 1981 a Coruña liberal, democrática, galeguista e solidaria non estaba representada na Alcaldía. Pero os reptos son inmediatos e as dificultades obxectivas semellan montañas.
Mais esta será outra historia. Unha nova historia que requirirá no día día de Xulio Ferreiro e da súa equipa de grandes doses de traballo, xenerosidade, competencia técnica e política, diálogo e busca dos mellores apoios e das mellores solucións.

A liquidación das deputacións

As Deputacións constitúen un elemento caduco na actual estrutura xurídico-territorial, que desconfía da autonomía local e da vitalidade da participación política veciñal para planificar os investimentos e as obras dende a capital provincial ao abeiro de criterios caciquís, suplantando a vontade expresada polos propios concellos. Para máis, na nosa Galicia constitúe unha disfunción que duplica gasto e que limita a eficacia da acción de goberno da Xunta.
Ademais de se tratar de estruturas pouco democráticas (os deputados son elixidos de xeito indirecto), que só invisten menos dun 25 % dos seus recursos, consumindo en gasto corrente entre o 50 % e o 65 % dos mesmos.
Até de agora, en realidade, só foi indefectíbel o PP na defensa destas caducas institucións, que mesmo Rubalcaba e Pepe Blanco querían suprimir no 2011. Por razóns que agora semellan claras os populares sempre manifestaron que as Deputacións eran para eles parte fulcral do pacto constitucional. E esas razóns ficaron patentes na recente contrarreforma local de Rajoy e Montoro, que potenciou moi substancialmente as competencias das Deputacións a respecto da prestación de servizos municipais nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Catro Deputacións fortes en Galicia limitan a autonomía local e unifican á baixa a calidade dos servizos municipais, servindo tamén de canles para a privatización dos servizos a prol de grandes grupos madrileños ou multinacionais. E sempre serán instrumentos para mancar ou limitar o autogoberno galego, creando liñas directas das capitais provinciais co Goberno de Madrid sen pasar pola Xunta.
As eleccións locais tiráronlle ao PP o goberno de todas as Deputacións galegas, agás Ourense. Mais non tería sentido que as novas coalicións de centro-esquerda xestionasen coma os gobernos provinciais do PP. Cómpre unha gobernanza dirixida primeiro á implantación da transparencia nestas institucións escuras. E, despois, a preparar o camiño para liquidarmos as Deputacións galegas, transferindo os seus medios materiais e humanos á Xunta e aos concellos. Dacordo co criterio case unánime de cidadáns e expertos e no marco da reforma constitucional máis ampla ou limitada que xurdirá das eleccións xerais deste outono.

Decidirmos nós

A aparente converxencia de todos os axentes políticos galeguistas e outros de decisión estatal nunha plataforma galega para as vindeiras eleccións xerais non agacha certas e importantes diferenzas de criterio. Mentres o BNG defende cinguir o acordo ás forzas e sectores cidadáns non integrados noutras estruturas estatais, Podemos ou EU, maila recoñecer a singularidade do espazo políitico galego, semellan querer supeditar a eventual converxencia galega a un lexítimo proxecto que trascendería Galicia.
Velaí porque son precisas, para esta caste de procesos, grandes doses de intelixencia e xenerosidade. E porque é preciso o pulo cidadán, a forza da sociedade non encadrada en partidos políticos. Mais, tamén, a adhesión de ducias de alcaldes, receptores do claro plebiscito das urnas. Porque, canda o grande éxito da Marea Atlántica coruñesa, Compostela Aberta ou Nós Pobra, non podemos esquecer que Pontevedra, Ribadeo, Lalín, Carballo, Teo ou mesmo Narón optaron por decisións en clave de partido moi vencelladas á persoa ou á equipa gañadoras. Galicia é plural e poliédrica na súa expresión política. Descoñecelo e pormos o piloto automático é un camiño seguro para o fracaso.
De certo que a converxencia cara ás estatais non pode caer no erro de excluír ás forzas e persoas que non se consideren nacionalistas ou galeguistas. Na Galicia actúan importantes axentes do cambio que arelan unha fonda remuda das estruturas institucionais e políticas estatais. Mais esa pertenza ou referencia non impide a converxencia, porque en moi grande parte son obxectivos partillados cos galeguistas: transparencia, participación cidadá, loita contra a corrupción ou o afortalamento do Estado do Benestar.
Mais o que si constituiría unha liña vermella nesta plataforma de converxencia é o seu centro de decisión na Galicia: decidirmos nós. O que esixe a formación dun grupo parlamentario de noso, independente de calquera outro. Que non quitaría para colaborar con outras forzas estatais, vascas, catalás ou doutros territorios para acadarmos os obxectivos comúns nos eidos da rexeneración democrática, da afirmación dos servizos públicos e da reforma constitucional que amplíe e blinde o noso autogoberno, chave do noso benestar.

Alvariño na CEG

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) vén de confundir a súa función representativa coas súas lexítimas opinións persoais, aliñando inequivocamente a organización empresarial galega cun determinado partido político por mor da “estabilidade política”. Non se quere decatar Fernández Alvariño da súa función institucional e representativa, que o obrigaría a representar ao seu importantísimo colectivo dende o apartidismo e o respecto á lexitimidade dos concelleiros e alcaldes saídos das pasadas eleccións do 24  maio. Desgrazadamente, a actitude do Presidente da CEG non é nova. O falecido Presidente Antonio Ramilo (1991-2000) identificou os obxectivos da CEG cos do PP, do que foi senador. O mesmo Ramilo que tivo que demitir por graves irregularidades da CEG na xestión dos cursos de formación, polas que segue imputado o seu daquela secretario xeral, Rafael Sánchez Sostre. No nível estatal, o Presidente da CEOE entre 2007 e 2010, Gerardo Díaz Ferrán, defendeu sen pudor ningún os recortes ao Estado do Benestar e máis as rebaixas salariais cando exercía o seu cargo. Logo sería prendido pola creba do Grupo Marsans e arestora está no cárcere. Esta caste de posicionamentos políticos da CEG e da CEOE e máis o claro predominio na súa estrutura e decisións das grandes empresas (IBEX 35 e outras) sobre as medianas e familiares motivan o constatábel afastamento da maioría dos emprendedores e empresarios a respecto destas organizacións xigantescas e pouco transparentes. O que non ocorre coa maioría das organizacións empresariais sectoriais, que viven os problemas do día a día dos pequenos e medianos empresarios e mesmo enfrontan a negociación colectiva cun espirito de diálogo e apertura descoñecido secularmente nos burócratas da CEG e CEOE.
Porque moitas pemes que viven do mercado interior precisan non tanto de reformas laborais como da reactivación da capacidade de consumo das clases medias e traballadoras, o que só se acadará con políticas de crecemento. Neste senso, as políticas de austeridade son, tamén, as peores inimigas do conxunto do tecido empresarial. Nomeadamente das pemes galegas.

A nova política fala galego

Hai dez meses semellaba que as novas respostas á corrupción e ás crises económica e institucional virían no noso País de formulacións estatais, como Podemos e Ciudadanos. Semellaba que o galeguismo ía ficar á marxe desta corrente, arrumbado na vella política partidaria, sen pulo fronte ás novas esixencias da cidadanía, nomeadamente nos espazos urbanos.
Foi na Coruña onde xurdiu a primeira resposta nada da cidadanía (a Marea Atlántica) e á que seis partidos, quer galeguistas, quer estatais, lle deron o seu explícito apoio, mais que xurdía como resposta cívica, galega e coruñesa. O mesmo ocorreu meses despois en Lugo con Lugonovo e en Santiago coa Compostela Aberta. O manifesto Somos Maioría fixo posíbel outros instrumentos análogos con diferentes graos de éxito, en Sada, Cambados ou Gondomar. Tamén Ames, Culleredo, Pobra do Caramiñal e Noia deron pé a marés municipalistas dende unha concepción galega e cívica. Mentres, en lugares como en Ribadeo ou Pontevedra, candidaturas máis improvisadas e menos plurais bateron contra proxectos representados por alcaldes galeguistas solidamente arraizados na cidadanía, como en Pontevedra ou Ribadeo.
Estes meses viron tamén o nacemente da plataforma “Somos Nós”, que non operará en clave local e partidaria, senón galega e social, e que xa anunciou a súa proposta de rebeldía cidadá fronte á secundarización de Galicia na nova escena política, advertindo que moitos dos problemas de Galicia non han ser vistos en perspectiva de clase, senón territorial, e precisan de solucións de noso.
O propio líder de Podemos, Pablo Iglesias, recoñeceu este día a singularidade do espazo político galego, mentres Anova, Compromiso por Galicia e o BNG, con matices diversos, veñen de chamar por unha candidatura galega común e plural para as vindeiras eleccións xerais.
Os partidos e, nomeadamente, os axentes cidadáns semellan ser quen a construír un relato galego para dar solucións aos problemas da rexeneración democrática, da reactivación económica e do mantemento do Estado do Benestar con centro de decisión no País. O galeguismo, entendido máis na súa vertente cívica ca identitaria, non pode ficar á marxe, senón que habería ser parte esencial dese relato.