Unha representación propia

Nestes últimos días, algunhas opinións insistiron na prescindibilidade dunha representación galega propria no vindeiro Parlamento estatal. Dende Podemos afirmábase que un Grupo Parlamentario galego non resolvería o problema dos desafiuzamentos, mentres que o catedrático de Dereito Constitucional R. Blanco Valdés viña dicir que dende formulacións políticas estatais Galicia perde e gaña ás veces, en canto que con representación galega soberana perderíamos sempre por sermos minoría no conxunto do Estado.
Unha e outra perspectiva, partillando certa aparente lóxica superficial, non explican porqué este verán milleiros de galegos coinciden na necesidade de que Galicia teña voz propia na vindeira lexislatura estatal, que abordará, canto menos, unha limitada revisión político-constitucional. Nun tal contexto, Cataluña, Valencia, as Illas Baleares, Canarias, Navarra ou Euskadi van contar con interlocutores propios. E Galicia, cun 5,5% do PIB e un 6% da poboación estatais, non será protagonista se non garante unha representación propia que defenda a nosa identidade e intereses. As bases da actividade económica galega son prescindíbeis para o conxunto do Estado. Que forza estatal vai amparar os nosos sectores lácteo, forestal, naval, tecnolóxico, audiovisual ou mar-industria? Que partido estatal vai defender a mellora do noso financiamento local, que detrae máis de 1100 M€/ano (uns 430 € por cada galego) da cobertura dos nosos servizos sociais ao non ponderar o avellentamento e dispersión poboacionais? Só con estes cartos, os nosos concellos darían amañado as peores consecuencias sociais da Depresión.
Así e todo, unha representación galega soberana e plural non pode casar con ninguén, mais tampouco defender neutralidades imposíbeis. É evidente que hai forzas estatais que acreditan máis ca outras no respecto á plurinacionalidade do Estado, nos valores da rexeneración democrática e da transparencia e nunha axenda social que aposte polas persoas e pola cohesión social. A futura Maré ou candidatura unitaria de País semella que non podería esquecer unha realidade tan evidente.

Unha morte evitábel

A morte de Javier Fernández, batería da coñecida banda galega Los Piratas, petou moi forte na opinión pública por amosar gravísimos defectos de funcionamento en dous dos servizos públicos máis esenciais: a seguranza cidadá e a sanidade pública. De súpeto, decatámonos da extrema fraxilidade dunha democracia que non é quen de garantir a vida e a saúde dun cidadán do común. O que pasou en Ponteareas é máis propio dun país terceiromundista ou de épocas onde os cidadáns eran meros súbditos.
Haberá que agardar ás resultas das pescudas xudiciais, mais de primeiras a intervención policial semella moi desproporcionada. Dous funcionarios policiais con formación en defensa persoal, a priori, non teñen falta de usar as súas armas de fogo para reducir unha persoa descontrolada por razóns de doenza mental. E, no caso de usar estas armas como última razón, cómpre apuntar a partes do corpo menos vitais. Para máis, hai outros instrumentos menos letais e máis eficaces. E, sobre todo, non consta que os funcionarios policiais estivesen eficazmente asesorados pola sanidade pública. Sen prexuízo de respectar a presunción de inocencia do garda que disparou, tanto no ámbito penal como disciplinario, o funcionamento do servizo público policial foi lamentábel. A cidadanía ten dereito a saber, logo, se foi un gravísimo erro dun funcionario ou unha intervención malfadada por mor de graves defectos en medios materiais, formación ou coordinación. Tampouco resulta aturábel que un psiquiatra lle retire, de súpeto, todo o tratamento a un doente desta caste, contra a súa opinión e a da súa familia. Cal foi o alicerce científico desa decisión? Tiveron que ver eses criterios de aforro de recursos que están a deteriorar a nosa sanidade?
Precisamos, pois, dunha investigación xudicial acaída, imparcial e transparente. Porque a morte de Javier Fernández puxo en grave evidencia o funcionamento dos nosos servizos públicos. Para confiar nos empregados públicos que miran pola nosa saúde e pola nosa seguridade precisamos saber todo o que pasou.

Cidadanía e nova política

A resposta austericida que os Gobernos lle deron á Gran Depresión, xunto coa deterioración política manifestada no divorcio entre amplos sectores sociais e o bipartidismo dinàstico que monopolizou as Institucións os últimos trinta anos, foron o caldo de cultivo da toma de conciencia cidadá, da repolitización de moita xente. Milleiros de persoas decátanse de que eles e a súa contorna se empobreceron, quer ao perderen o traballo ou a súa pequena empresa, quer ao veren reducidos ou precarizados os seus ingresos. E fronte a este empobrecemento os Gobernos sanean a banca e recortan a cobertura do desemprego, a sanidade, a educación e os servizos sociais, agravando substancialmente a mancada situación das clases medias e traballadoras. Mentres, abrollan centos de casos de corrupción que evidencian o afastamento de PP e PSOE a respecto dos problemas da maioría social. PP e PSOE amósanse moito máis pendentes de manter a súa capacidade de empregar aos seus que de artellar políticas de crecemento que xeren emprego e recadación fiscal. Velaí o suceso da representación simbólica de Podemos: eles son a casta e non nos representan.
Na Galicia ocorre todo isto cando formáramos as xeracións máis preparadas da nosa historia. Que ducias de milleiros de persoas novas e amplamente formadas tivesen de emigrar contribuiu rachar o pacto social da transición, por mor da corrupción e desinterese bipartidista.
Considérase, logo, que non só hai que modificar substancialmente as políticas, senón que a cidadania ten de protagonizalas, que os veciños e veciñas han voltar á praza. Velaí a nova axenda: transparencia, limitación de mandatos, candidaturas brancas, candidaturas abertas. Mais os outros partidos, tradicionais alternativas ao bipartidismo, non foron permeábeis a este novo paradigma. Eis o auxe de Podemos primeiro e das marés, despois.
Cunha cidadanía máis formada e consciente, a política terá -xa as está a ter- estruturas moito máis líquidas. Non son tempos xa de organizacións políticas centralizadas e burocratizadas ou de solucións para o pobo sen contar co pobo. A nova política, que prioriza o protagonismo cidadán, veu para ficar.

Tempos de protagonismo cidadán

As últimas eleccións locais mudaron moito o mapa electoral galego, coa queda sofrida polo bipartidismo e máis a aparición de novos axentes políticos de base cidadá. Axiña, pois, os distintos partidos e axentes galeguistas e progresistas presentaron a necesidade dunha candidatura unitaria galega para as eleccións xerais deste ano. Mais tamén xurdiron as limitacións e exclusións e mentres o BNG se manifestaba a prol de que a nova candidatura non incluíse forzas estatais, Podemos aprobaba nun referendo que na Galicia as súas siglas haberían ir “si ou si” e de primeiras. Noutra circunstancia histórica estes límites e exclusións haberían ser definitivos. Mais o tempo político hoxe voa e esta análise, propria da fin de xuño, non serve xa para estes idus de agosto.
Porque nestas semanas foron moitos os partidos e axentes que pediron unidade sen exclusións, dende a adscrición individual das persoas, o protagonismo cidadán e a colaboración de todos os partidos. E dende a sociedade civil xurdiron pluralidade de iniciativas para estruturar este protagonismo cidadán. “Somos Nós” presentaba o 22 de xullo propostas programáticas a xeito de común denominador para esa unidade. Varias candidaturas locais pediron xenerosidade sen exclusións e outras unha candidatura unitaria e soberana. Mentres iniciativas estrictamente cívicas convocaban os moi concorridos Encontro por unha Marea Galega (onte) e máis o Banquete de Conxo 2.0 (hoxe).
Probas todas dun pulo social que quere artellar con sentidiño esa unidade. Compatibilizando a soberanía do que resulte co deseño de pactos coas forzas estatais que mellor entendan a plurinacionalidade, a vontade cidadá de rexeneración e transparencia e a axenda social precisa para recuperarmos a inclusión e cohesión sociais. Porque moita xente xa non quere entregarlle o voto a partidos de decisión centralizada. O que queren é protagonizar tamén o deseño e execución das solucións dende un enfoque galego.

Feijoo e os lumes

Falando dos lumes forestais un xa non sabe se os responsábeis políticos da Xunta non se enteiran ou insultan á nosa intelixencia.
Hai días, boa parte do noso País sofría os tres trintas: temperaturas de máis de 30 graos, ventos de máis de 30 km/h e unha humidade relativa inferior ao 30%. Producíronse, pois, un alto número de incendios que queimaron milleiros de hectáreas. E como reaccionaron os nosos gobernantes? O Presidente Feijóo laiándose da benignidade das normas penais cos delincuentes incendiarios. E Tomás Fernández Couto, que leva dirixindo a Administración forestal de Galicia vinte anos (quitando de setembro 2005 a abril do 2009) botándolle ás culpas aos concellos e aos cidadáns que non limpan as súas fincas.
O abandono de grandes áreas do medio rural e, xa que logo, o dominio do mato e máis a despoboación do noso campo fornecen do combustíbel preciso ao labor dos incendiarios. Cunha tal cantidade de mato e coas condicións ambientais chamadas dos tres trintas os lumes son seguros e tamén é moi probábel a súa capacidade de facer dano. Por outra banda, sabemos dende hai anos, polo macroestudo coordinado polo anterior Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, que máis do 90% dos lumes na Galicia son intencionados, malia que non existan tramas criminais no monte galego e si unha chea de pequenos individuos que procuran coas súas accións cativas vantaxes persoais ou que actúan polo seu illamento social (moitas son persoas pouco relacionadas coa contorna e de moi baixo nível cultural e intelectual).
Sabe ben a Xunta de Galicia que o problema dos lumes non se mellora co Código Penal, senón con prevención, independentemente de que haxa que manter un sistema acaído de extinción. Pero resulta que os instrumentos de prevención despregados polo conselleiro nacionalista Suárez Canal despois da vaga do 2006 (Unidades de Xestión Forestal, empresa pública SEAGA) foron suprimidos e os servizos de extinción recortados e parcialmente privatizados.
Despois da inacción destes seis anos de Goberno Feijóo está a pasar o lóxico.

O sacrificio persoal da galeguidade

Son recorrentes as opinións que acusan á nosa literatura, creación musical, cinema ou artes escénicas de sobrevivir por mor das subvencións. Segundo estas opinións, os nosos escritores, músicos e creadores tentarían construir un espazo que lles garantise determinadas rendas para, deste xeito, non ter que competir no grande mercado español onde serían -disque- irrelevantes.
Non hai tal. O Goberno do Estado mantén un Ministerio de Cultura e un Instituto Cervantes que subvencionan case exclusivamente os productos literarios e culturais en castelán. Mercedes Peón, Susana Seivane ou Milladoiro están inéditos nas canles españolas de TV, mentres que a TVG acolleu xenerosamente a Manolo Escobar e María del Monte. Os nosos literatos asumen un labor penoso e complementario da propia creación: construír e viabilizar un sistema literario galego, mancando as vizosas posibilidades de suceso profesional que terian de se instalar no sistema literario español. Cal non sería o suceso de Manuel Rivas, Suso de Toro ou Xavier Alcalá de escribir en castelán? Ferrín tería xa acadado o Nobel.
Na empresa temos os exemplos do sacrificio de Peinador, Ricardo G. Pastor e Valentín Paz Andrade. Na Igrexa os de Monseñor Arauxo e o teólogo Torres Queiruga, que en calquera país normal tería chegado a bispo.
Que dicir da política! Bóveda foi asasinado xudicialmente e Castelao houbo de se exiliar, confiscados os seus bens. X. M. Beiras, Camilo Nogueira, Paco Rodríguez ou Pablo G. Mariñas terían desenvolvido, de pertencer ao PP ou PSOE, cómodas carreiras políticas, mesmo ministeriais. Pola contra, as súas foron carreiras do salmón, contra corrente, sometidos a un acoso ambiental implacábel que mesmo usou do bulo, desprestixio persoal ou acusación falsa para obter os seus obxectivos. E a persecución é tanto máis renarte canto máis se achega o galeguismo a unha praxe transformadora e realista. Velaí a campaña de derrubo político e linchamento persoal sofrida hai anos por Anxo Quintana.
Pechen os ollos e pensen que sería deste País sen a achega intelectual, cultural, empresarial e política do galeguismo. Un ermo nun recanto afastado. Unha Galicia moi distinta, para peor, á que coñecemos.

A España inviábel

O problema para Galicia non é só que os seus alicerces económicos estratéxicos sexan para o Estado prescindíbeis, como vimos nestas semanas coas crises dos sectores naval e leiteiro. Ou que Galicia non poida gobernar os seus portos, doutro xeito seguro referente da grande autoestrada do mar que vai dende Londres, Antuerpe ou Rotterdam á nova Canle de Panamá. Ou que non teña voz propria en Bruxelas para defender os nosos intereses.
O problema, ademais, é que Galicia conta moi pouco (5,5% do PIB e 6% da poboación) nun Estado español artellado de xeito absurdamente radial e centralizado. Un Estado que gastou dos Fondos de Cohesión europeos 6000 M€ (un billón das vellas pesetas) no novo aeroporto de Madrid, coa idea -para ben xa fracasada- de que case todos os aeroportos españois tivesen que enganchar con Madrid para as conexións internacionais. Un Estado que priorizou sobre os necesarios eixos ferroviarios cantábrico (Euskadi-Galicia), mediterráneo (La Junquera-Almería) e atlántico (A Coruña-Sétubal) un AVE concibido radialmente, con centro en Madrid e nula interconexión entre os distintos territorios, ademais de como tren só de pasaxeiros, inhábil para a intermodalidade dos portos e das mercadorías. Un AVE que absorbe todo o investimento do Estado na Galicia fronte a outras necesidades, como a conexión ferroviaria dos portos exteriores d’A Coruña e Ferrol.
O Estado potencia “ad infinitum” o efecto-sede de Madrid. A tarifa eléctrica deséñase á medida do grande consumo doméstico dun Madrid que non produce enerxía. Todas as grandes empresas dos sectores regulados e servizos administrativos estatais instálanse aló. E, até cando nace un proxecto novo e ilusionante, como o de Podemos, enténdese que se pode concibir radialmente dende a Universidade Complutense sen lle preguntar moito á cidadanía que alí chaman “periférica”.

A arrincadeira: O capitalismo castizo do BOE e Inditex.
Na economía española manda o capitalismo castizo do BOE, co seu IBEX 35, no que sobrancean as empresas bancarias ou de sectores regulados, agás o caso de Inditex, que confronta con este modelo económico pola súa competitividade internacional e pola súa relativa falla de dependencia a respecto das decisións políticas de Madrid. Un Inditex fulcral para entendermos economicamente A Coruña.

A descapitalización da nosa sanidade

Como todos os veráns dende 2010 a calidade da atención sanitaria pública diminuíu substancialmente este verán na Galicia. Reducíronse 1.015 camas en todo o país no cuadrimestre do verán. Na Coruña, por exemplo, o colapso das urxencias é total, malia as novas instalacións, e non é nada chocante agardar 24 horas sen atención ao xeito. As listas de agarda medran seguido, malia a creativa contabilización e maquillaxe das estatísticas oficiais do Sergas.
A sanidade pública galega nunca foi cara para a sociedade. De feito só inviste o 6,4 % do PIB, fronte a máis do 11 % da sanidade francesa ou o 14 % dunha sanidade USA que até a reforma de Obama excluía 50 millóns de persoas. Mais Feijoo impuxo a súa política de austeridade (de privación parcial de dereitos, en realidade) sanitaria dende o minuto un do seu goberno. Sabían que o gasto sanitario galego baixou en 460 millóns de euros dende 2009 até o 2014? Pois é certo. O gasto por habitante en saúde baixou nese periodo en Galicia de 1.401 euros a 1.257 euros. A pesares de que a poboación maior e, xa que logo, crónica, medrou continuamente durante ese tempo.
E logo temos o despropósito da xubilación dos médicos aos 65 anos e a imposibilidade de repor estas vacantes. Este proceso está descapitalizando de xeito continuo a nosa sanidade, ao perder non só facultativos, senón o mellor da súa experiencia nos mellores anos da súa vida profesional, polo menos nas especialidades non cirúrxicas. Menos médicos, menos coñecemento, menos atención.
Mentres, é xusto salientar o grandísimo esforzo dos profesionais da sanidade pública galega para manter a mellor atención posíbel ao usuario nesta conxuntura tan desfavorábel. O persoal médico, de enfermaría, de laboratorios… traballa con dedicación e eficiencia nunhas condicións cada vez peores. Quitando os moi poucos casos de médicos que abusan da súa posición a favor dos seus doentes da privada, ás veces “anticipándolles” as probas na sanidade pública.
Os recortes da austeridade deterioraron substancialmente a sanidade galega, atinxindo a súa capacidade de curación. Os recortes da austeridade mancaron, pois, a nosa saúde.

Collen uns e outras

Semella que gañou moito apoio social a proposta dunha candidatura cidadá e unitaria galega ás vindeiras eleccións xerais. Unha Maré galega, que integre aos partidos, mais dende o predominio cidadán e social, dende esquemas que posibiliten a adscrición persoal de todos os cidadáns. É dicir, ao xeito no que xurdiu e tomou corpo a Marea Atlántica coruñesa.
Esta candidatura cidadá podería integrar todo o espectro político e social agás aos partidos do bipartidismo dinástico que crearon a grave crise institucional que sofrimos e a Ciudadanos (C’s), por desbotar toda colaboración co galeguismo político. Porque excluír uns ou outras do ámbito do acordo limitaría substancialmente as posibilidades de suceso electoral sen gañar nunha meirande fortaleza ou coherencia internas.
Dous son os problemas fundamentais que penduran sobre esta Maré galega: a falla de flexibilidade de determinados elementos do BNG para integrar persoas e sectores alleos ao ámbito do galeguismo e a decisión de Podemos de se presentar en Galicia só ou en coalición ao xeito de PODEMOS máis X, no canto de diluír as súas siglas na eventual Maré, como de feito están dispostos a facer o resto dos partidos. E os dous problemas son solúbeis, con intelixencia e xenerosidade.
A candidatura galega habería ter o seu centro de decisión en Galicia e os seus órganos e grupo parlamentario ser totalmente independentes de calquera outra estrutura política ou partidaria. Mais habería integrar ás persoas alleas ao galeguismo político que asuman Galicia como referente de decisión. Canto á integración de Podemos precisa dunha reflexión dende este partido, no que xogarían un papel fulcral os cadros galegos que viviron o éxito da Marea Atlántica ou de Compostela Aberta e coñecen os riscos da desunión e, pola contra, o agasallo que sempre obtén a unidade en política.
Mais para que os partidos poidan adoptar as súas decisións, de xeito que uns e outras collan na futura Maré, cómpre tamén dotar esta dun “corpus” doutrinal e programático (a plataforma Somos Nós ven de presentar unha primeira achega) e, sobre todo, dun pulo social, que xurda dende a cidadanía e, quizais, dende o Poder local de moitos concellos grandes, medianos e pequenos. Pulo social que comeza a ser urxente, pois que perder máis tempo sería perigoso.

A Facenda galega

Non se poden manter a xeito os servizos públicos sen un financiamento aquelado. E non hai mellor financiamento que aquel que primeiro recada e despois percebe ou paga o complemento da solidariedade. Alexandre Bóveda primeiro (Estatuto do 1936) e Carlos Mella despois (autor como vicepresidente da Xunta do rascuño de reforma do Estatuto do 1984) deseñaron unha verdadeira Facenda galega. Idea que se transladou despois á proposta do Foro Novo Estatuto (2004) e que agora vén de propor a plataforma cidadá “Somos Nós“, como parte do programa electoral para unha candidatura galega cidadá e unitaria nas vindeiras eleccións xerais. Formalmente temos xa unha Axencia Tributaria galega, malia que baleira dos seus principais contidos. Transferir dende as Deputacións cadanseus Servizos de Recadación permitirá a xestión e liquidación de todos os tributos locais que os Concellos non recadasen por si proprios, o que melloraría substancialmente a administración tributaria local. Mais a principal misión da Axencia Tributaria galega habería ser a xestión, liquidación, inspección e recadación no noso territorio dos principais impostos directos e indirectos. Con plena capacidade normativa no mecanismo da exacción tributaria, naturalmente suxeita á coordinación fiscal que se acordase nos níveis estatal e europeo. Coordinación que habería garantir recadarmos o Imposto de Sociedades por toda a actividade produtiva que se desenvolva no noso territorio (alén do domicilio fiscal da entidade) e os Impostos especiais (hidrocarburos, tabaco e alcol) que se devenguen en Galicia, hoxe en día imputados a Madrid. O sistema haberíase pechar con dous Fondos para garantir a solidariedade; un para investimentos e outro para nivelación de servizos. E coa determinación do “quantum” que Galicia lle pagaría ao Estado polos servizos que presta no noso beneficio.
O outro discurso, o da dependencia e a esmola, non garante un acaído financiamento nin o seu automatismo. O autogoberno no gasto precisa do autogoberno no ingreso.