A necesidade política da confluencia

Tres novas enquisas publicadas nos últimos días pola Sexta, ABC e La Razón prognostican que o PP e máis C´s quitarían maioría absoluta. Á vista destes catro anos e das propostas dos de Albert Rivera semella que enfrontaríamos novos tempos de sufrimento para os servizos públicos e os intereses das maiorías sociais, en xeral, mais tamén para o autogoberno e, con el, para as posibilidades de reactivación económica de Galicia.
Velaí que sexa precisa esa ampla converxencia do galeguismo e do progresismo para enfrontar as dúas claves da vindeira lexislatura estatal: a territorial e a das persoas. Tendo en conta que as reformas institucionais que posibiliten a blindaxe e substancial incremento do autogoberno son clave para os intereses da nosa xente. Galicia non ten peso poboacional nin económico no Estado e as bases da súa economía non son importantes para ningún partido estatal. Precisamos, máis ca ninguén, un autogoberno eficiente e ben financiado para garantir o benestar da nosa poboación.
Esta chamada á unidade foi quen a ilusionar milleiros e demostrou que as eivas para a unidade non están na cidadanía do común, senón nas cúpulas políticas. E aí non fica ninguén exento de culpa. Porque se o preacordo de Podemos, Anova e EU supuxo unha emenda á totalidade a un proceso aberto e baseado no protagonismo cidadán, a ausencia do BNG á xuntanza de partidos e organizacións do 2 de outubro tampouco contribuiu ao progreso deste proceso de converxencia.
Remata o tempo. Dez candidaturas municipais de unidade veciñal, Compromiso por Galicia e ducias dos nosos máis senlleiros intelectuais e pensadores veñen de facer as derradeiras chamadas á unidade. Todos sabemos que o acordo é posíbel dende a intelixencia e a xenerosidade. Impedilo será un grave erro histórico e contribuirá directamente ao noso empobrecemento e á nosa irrelevancia.
Pola contra, facer posíbel esta confluencia e abrir canles para a participación cidadá na súa xestión e gobernanza dotaría a Galicia dun instrumento potente para a súa afirmación e defensa do seu autogoberno e dos seus intereses económicos e sociais, mais tamén para animar e estruturar a profundización da democracia e o progreso da economía, garantíndolle á nosa xente o benestar ao que ten dereito.

Pequenas e medianas empresas

Un recente estudo do Banco Mundial afirma que Galicia é dos países onde máis difícil é crear unha empresa, ocupando un dos últimos lugares en comparanza con outros territorios do Estado. Cun 17% de paro, unha demografía adversa e unha baixa taxa de ocupación Galicia, dende o rigoroso respecto á legalidade laboral, fiscal, financeira e ambiental, habería ser o país europeo onde máis doado fose crear unha empresa, substituíndo unha actuación administrativa burocratizante e reactiva por unha actitude de traballo proactiva e colaborativa co mundo do emprendemento.
Malia que sexan cada vez máis as pemes que enfrontan o reto da internacionalizaciòn, Galicia non é allea á tendencia de toda Europa que vencella moitas destas unidades empresariais á súa contorna xeográfica e fainas moi dependentes da saúde relativa da súa proximidade xeográfica. As pemes galegas están moito máis preocupadas con facturar a xeito, para crear e consolidar emprego, que polas condicións máis ou menos vantaxosas da destrución dese emprego. Velaí as diferenzas evidentes entre a grande empresa que monopoliza a representatividade da CEG e os autónomos e pemes, moito mellor representados por organizacións empresariais propias, así como polas territoriais e sectoriais. Vai sendo urxente, xa que logo, a estruturación dunha interempresarial representativa das pemes galegas e o desvencellamento destas a respecto dunha CEG que, alén do seu desprestixio, non mira a xeito polos seus intereses.
Dentro do mundo das pemes é notábel a sostibilidade demostrada pola actividade e emprego creado polo mundo da economía social (cooperativas e sociedades laborais), que confronta cun discurso dominante (até o de agora) de relativo desprezo por estas fórmulas. Fórmulas que conforman mentalidades de mutua cooperación e que demostrarán a súa capacidade de xeración de valor a pouco que as Administracións, nomeadamente a Xunta e os concellos, acompañen a súa andaina.
Os países cunha rede saneada máis tépeda e saneada de pemes son os que manteñen un ecosistema empresarial produtivo e sostíbel, unha sociedade inclusiva e unha boa calidade de vida. Velaí o exemplo de Euskadi, sen irmos máis lonxe.

Podemos e o factor nacional (I)

A Podemos hai que lle recoñecer varios méritos evidentes. Foron os primeiros que souberon ler a xeito as novas prioridades da axenda política que marcaron as mobilizacións do 15-M. Souberon repolitizar amplos sectores das capas medias dende a súa pedagoxía a respecto da relación entre corrupción, “casta política” e gobernanza na crise económica. E recoñecen abertamente que o Estado español é un Estado plurinacional, cuestión certamente inédita no contexto das distintas forzas de ámbito estatal.
Para mellor administrar o seu suceso nas eleccións europeas do 2014, Podemos decidiu non participar nas pasadas municipais apoiando en Galicia (non en todos os casos e dende logo con desigual intensidade) a determinadas Mareas ou candidaturas de unidade cidadá. E, ao tempo, deseñou unha estrutura orgánica fortemente centralizada, que garantía todo o poder interno a un grupo pequeno e cohesionado en Madrid arredor de Iglesias, Errejón ou Bescansa, até o extremo de adoptar as decisións sobre as candidaturas ás xerais nunha votación a nível estatal. Das resultas destas decisións, enfraqueceu substancialmente o debate e a participación nas distintas estruturas internas. Mentres, a atención cidadá centrábase nun modelo de participación democrática moito máis horizontal: o das distintas mareas e candidaturas de unidade cidadá, que fornecían os requirimentos da xente de que non só mudasen as políticas, senón que se contase coa súa participación activa para esa remuda.
Mais Podemos esqueceu tamén a clave territorial, malia a valiosa proclamación do seu respecto á plurinacionalidade do Estado e, deste xeito, atopouse co rexeitamento do nacionalismo mallorquín de Més e de dúas das principais forzas coaligadas no Compromís valencíá a partillar candidatura con eles. En Catalunya erraron na lectura da clave electoral, ficando diluídas nunha mensaxe confusa que moitos tentan sumar sen xeito na conta dos votos unionistas. Barcelona en comú, a candidatura que levou Ada Colau á Alcaldía, abstívose de adherir Podemos no pasado proceso electoral e agora ofrece unha ampla coalición, mais de soberanía estritamente catalá, na que Podemos sexa unha peza importante, pero unha peza máis.
O de Galicia é aínda máis complexo. Seguirémosllo a contar moi axiña.

A fin do ciclo

A situación política galega enfronta a fin do ciclo das políticas de recortes do Goberno Feijóo. Cando comezou o seu mandado, hai seis anos e medio, Galicia aturaba moito mellor a crise por mor da súa máis baixa exposición ao mercado de segunda vivenda e á economía do ladrillo. Hoxe en día, facendo balance de danos, Galicia é campioa dos recortes, ao rematarmos 2014 con só un 1,02% de déficit, o que significa pagar a crise con peor sanidade, educación e servizos sociais. Mais tamén fomos campións estatais na destrución de emprego entre 2009 e 2014 (6,2%), segundo a oficina estatística da UE Eurostat. Algúns dados deste periodo son terríbeis: perdemos o 28% do emprego industrial, pasando de 220.000 traballadores industriais a 160.000, entre eles o 80% do emprego do sector eólico. Os ocupados en Galicia baixaron de 974.000 a 923.000 entre 2011 e 2014, das resultas da sangría migratoria da nosa poboación máis xove e preparada.
Os dados da contracción do crédito da nosa economía, tirados de estatísticas do Banco de España analisadas polo economista Aleixo Vilas, son abraiantes. Entre 2009 e xuño do 2015 Galicia pasou de 71.283 a 44.059 M€ de créditos, perdendo un 38,2%, mentres medraban os seus depósitos un 7,2% de 53.872 a 57.749. Dun superávit crediticio duns 18.000 M€, pasamos a financiar os investimentos doutros por case 13.700 M€. Mentres Galicia, cun 6% da poboación do Estado, retén só un 3,15% do crédito, Madrid cun 13,75% da poboación abrangue máis do 27%. Velaí os efectos da recentralización e oligopolización bancarias e da liquidación de facto do Igape.
Esta evolución non foi froito da casualidade, senón directa consecuencia de seis anos e medio dunha política de recortes que renunciou a toda medida de reactivación, agás a relativa continuidade das axudas do goberno de coalición BNG-PSOE ao sector do automóbil. A Xunta do PP non protexeu aos sectores maduros e estratéxicos da nosa economía. Tampouco atendeu aos sectores emerxentes nin soubo identificar as vantaxes competitivas da economía galega.
Estamos a pagar, pois, sermos os primeiros da austeridade e os derradeiros na reactivación.

A culpa foi do maquinista

O Xulgado de Instrución nº 3 de Compostela vén de rematar a instrución do accidente de Angrois, considerando única persoa presuntamente responsábel do sinistro ao maquinista do tren. O xuíz rexeitou novas probas propostas polas acusacións das vítimas, pechando a posibilidade de acusar terceiras persoas.
Porén, a realidade é que un dos tres peritos xudiciais, César Mariñas, concluíu que este accidente non tería ocorrido se o tren levase equipado o sistema ERTMS, obrigatorio na alta velocidade española. E non o levaba equipado por mor dunha autorización provisional de ADIF do 23 de xuño do 2012, trece meses anterior ao accidente, que non foi acompañada por ningunha medida complementaria ou de reforzo da seguranza. O día do sinistro os viaxeiros do 0730 Alvia eran os únicos usuarios de AVE no Estado que dependían do maquinista. Os demais doutras liñas atopábanse baixo a automatizada protección do ERTMS.
Mais outro dos peritos xudiciais recoñeceu tamén a mala sinalización da perigosa curva d’A Grandeira, pertencente ao antigo tracexado. Cuestión que xa fora advertida polos servizos territoriais da operadora RENFE en decembro de 2011, poucos días despois de que o ministro Blanco abrise oficialmente este tren, a piques xa de cesar como ministro.
En realidade, dous dos peritos (o enxeñeiro industrial e o civil) son funcionarios da Xunta e substituiron aos anteriores peritos xudiciais aplicando o Regulamento galego da xustiza gratuíta que non prevía o caso concreto. O nomeamento destes dous peritos acordouse a requirimento xudicial, polo Departamento do vicepresidente Rueda.
Esta resolución xudicial só pode ser revisada pola Sección 6ª da Audiencia con sede en Compostela. Sección que xa retirou a imputación dos directivos de ADIF acordada polo anterior xuíz Aláez. Mais no mesmo auto no que acordou esta “desimputación”, a Audiencia advertiu que os directivos de ADIF poderían seren imputados outravolta se existisen indicios racionais da súa responsabilidade. E os expertos técnicos e xurídicos opinan maioritariamente que o ditame pericial de Mariñas, emitido posteriormente, demostra a grave responsabilidade de ADIF.
Velaí que a cidadanía e as vítimas, acredoras dunha pescuda a xeito e dun xuízo xusto, agarden por esta última posibilidade, que habería reconcilialas coa fe na Xustiza.

Felipe de Borbón mantiene una celebración muy confesional, militar y unitarizante

La llamada “Fiesta Nacional” (denominación que indica de suyo la negación rotunda de la plurinacionalidad del Estado) consiste esencialmente en un desfile militar presidido por el Jefe del Estado, que comienza con un bomenaje a los “caídos por España” en el que se canta “La muerte no es el final” y se rezan oraciones católicas. Como elementos centrales una bandera inmensa, el himno estatal en su versión “extended”, un desarrollo incompatible con la aconfesionalidad del Estado y un gasto improductivo superior a 800.000 euros. Y nada más, salvo una recepción real no pública a 1.500 personas.
La fiesta no refleja la pluralidad cultural y lingüística del Estado, ni siquiera se procura territorializar la conmemoración, que siempre se desarrolla en Madrid. Al contrario que en otras conmemoraciones “nacionales” (el 14 de julio francés, la Diada o el Día de Galicia), el mundo de la cultura, de la economía, del deporte, la sociedad civil… están ausentes, como tampoco tienen el menor protagonismo las propias Cámaras legislativas, los Gobiernos autonómicos, el Poder Judicial o el propio Gobierno del Estado.
La conmemoración estatal descansa esencialmente en los Ejércitos, la bandera y el himno estatales y el Jefe del Estado. En este sentido, en poco se diferencia exteriormente de las celebraciones propias de los sistemas autoritarios y personalistas. Su tono general no es el de una fiesta cívica europea y democrática. Por ello, se entiende perfectamente que l@s President@s catalán, vasco y navarra no hayan comparecido, como tampoco lo ha hecho el secretario general de Podemos. Y si han asistido los restantes Presidentes autonómicos ha sido por la llamada a rebato de la Casa Real, el PP y el PSOE: se trataba de dar un mensaje de supuesta unidad al exterior, motivado por la situación creada por el triunfo independentista en las pasadas elecciones catalanas.
Felipe de Borbón ocupa la Jefatura del Estado desde hace casi año y medio. Y, si bien ha mejorado las formas de la Institución, lo cierto es que no ha apostado por una profunda reestructuración de sus elementos simbólicos y del contenido de sus mensajes. Incluso se diría que ha apostado por la continuidad, al menos relativa, del bipartidismo dinástico (PP-PSOE). No hay gestos de respeto o integración de la plurinacionalidad y concesiones sólo folklóricas al plurilingüismo.
¿Podemos esperar de la Jefatura del Estado un cambio sustancial en su concepción unitarizante del Estado en la legislatura próxima? Nada contribuye a pronosticarlo. Felipe de Borbón pudo haber usado de su “auctoritas” moderadora y mediadora con posterioridad a las elecciones catalanas, para proponer cauces de diálogo efectivo. Pero no lo ha hecho, sino que ha optado por mandar un mensaje desde el polo inequívocamente unionista. Un mensaje que dice que se encuentra cómodo en la concepción unitaria del Estado que profesan su padre y las élites dirigentes del PP y del PSOE. Es decir, el relato de lo que se ha dado en llamar el Madrid político y el Madrid mediático.
Al fin y al cabo, la decisión popular sobre la Corona se adoptó hace casi 40 años, sin que la ciudadanía pudiera elegir específicamente entre Monarquía y República. Felipe de Borbón se sabe blindado en su función, ya que la reforma posible para suprimir la Monarquía precisaría de mayoría de dos tercios de cada Cámara, disolución parlamentaria y referéndum. De ahí que la Corona se apoye en el bipartidismo dinástico, que es quien ha llamado a Madrid a sus Presidentes autonómicos. Y quien insiste en defender una Institución costosa y anacrónica. Y respecto de la que muchos dudan ya de su utilidad.

O dereito á morte digna

Andrea morreu este venres, catro días despois que os pediatras do CHUS lle retirasen a alimentación artificial e lle instaurasen coidados paliativos e nove días despois de que o seu pai e a súa nai contasen nos media o seu rexeitamento a calquera tratamento que non fose de coidados paliativos, para lle garantir á súa filla calidade de vida no seu tránsito.
Existen, aínda, persoas que priorizan o enfoque curativo nestas circunstancias. Mesmo algún ilustre opinador dixo noutro xornal galego que o que se pretendía era determinar a morte da rapaza por inanición e que a alimentación por sonda non constituía de seu un esforzo terapéutico esaxerado. Mais a alimentación artificial, neste caso, alongaba a vida biolóxica de Andrea sen posibilidade real de atenuar a súa doenza e, xeraba, ademais, determinados síntomas refractarios (entre eles aqueles continuos vómitos) que impedían a calidade de vida da nena na derradeira fase da súa vida. Suspender a alimentación artificial e implantar os coidados paliativos non eran unha opción, senón que constituían unha obriga moral da equipa médica.
Destes días quitamos varias ensinanzas. Vimos que a difusión mediática do caso que decidiron o pai e a nai da rapaza foron determinantes da solución. Comprobamos o bon funcionamento do Imelga e do Xulgado de Familia compostelán, pioneiro na mediación en Galicia polo pulo do antigo vicepresidente Anxo Quintana e dos Colexios de Psicólogos de Galicia e de Avogados de Compostela. E constatamos a grande utilidade de termos unha lei galega propia, de dereitos e garantías das persoas enfermas terminais (vixente dende o San Roque último), aprobada pola unanimidade do noso Parlamento. Unha vez máis, demostrouse que o autogoberno político interesa e que as leis de noso (como a que nos permite deixar á nosa morte os bens a quen queiramos agás o cuarto de lexítima, que na maioría do Estado é de dous terzos) melloran a nosa calidade de vida e o noso benestar. Sobre todo cando non respostan a unha maioría mecánica representativa dunha minoría social, senón que emanan do consenso xeral do País.
Andrea descansa xa.

Un erro histórico

As eleccións catalás evidenciaron que a chave das vindeiras xerais ha ser a territorial. Junts pel Sí presentarase e acadará un mínimo de 20 deputados. O PNV, EH-Bildu e Compromís acadarán cadanseu grupo parlamentario. Geroa Bai manterá a súa representación, canda a Presidencia do Goberno foral navarro. Os nacionalistas canarios e das Illes desfrutarán dunha sólida representación.
Por outra banda, esfarélase como escenario unha alternativa estatal baseada unicamente en Podemos e adherentes. E as experiencias dos gobernos do PNV en Euskadi e dos nacionalistas do SNP na Escocia amosan con claridade que o autogoberno constrúe benestar e posibilita axendas sociais e económicas alternativas ás neoconservadoras que imperan en Berlín ou Madrid. Se Galicia como suxeito político diferente non estivese presente na vindeira lexislatura non disporemos de armas reais contra da enxurrada recentralizadora e privatizadora que o PP e C´s abeiran.
Non existen incompatibilidades reais entre as bases cidadás e sociais das distintas opcións políticas que poderían concorrer nunha hipotética e cada vez máis problemática candidatura galega unitaria. Mais xusto é dicir que, dende a banda do nacionalismo, o BNG semella ir sendo quen a superar os receos que amosaba de primeiras a respecto da integración de sectores alleos ao galeguismo. Pero Podemos non deu aínda paso ningún que demostre a súa compatibilidade real, facendo parte da mesma candidatura, co galeguismo.
As distintas Mareas e candidaturas locais de unidade, os alcaldes e alcaldesas das distintas opcións galeguistas e a ilusión cidadá xerada pola mera constatación da posibilidade dunha unión electoral en positivo demostran que existen vimbios abondo para construír. Falta, apenas, a visión estratéxica en determinados actores para dar o paso irreversíbel.
Dúas candidaturas serían un grave erro histórico. Un erro que deixaría Galicia fóra da reforma política que se vai abrir, si ou si, dende primeiros do 2016. Que condicionaría en negativo as nosas posibilidades futuras de máis benestar e de progreso económico. E o peor de todo é que non se albisca ningún efecto positivo dun erro desta caste. Mesmo nin para o proxecto estatal de Podemos.

Dereito á defensa e presunción de inocencia

A atención mediática no caso do asasinato de Asunta pon no foco o dereito de toda persoa á defensa (a unha defensa profesional e solvente) ou á presunción de inocencia que esixe considerar toda persoa inocente até non ser condenada por u­nha sentenza definitiva.
Cúmprense estes dereitos fundamentais na nosa democracia? Contan Rosario Porto e Alfonso Basterra cunha defensa solvente e profesional? Á vista está que si, que os seus avogados son profesionais rigorosos. Contan estas defensas coas mesmas armas das acusacións? De certo que non. Estes días de xuízo fomos testemuñas de como a oralidade equipara dalgún xeito acusacións e defensas e permite que estas teñan algún xogo. Porque a fase de instrución salientou polo predominio absoluto do xuíz instrutor, da Policía e do fiscal na xeración dunha información que presentaba aos pais de Asunta como culpábeis certos. E diante desa enxurrada de dados e informacións, as defensas xogan con total desvantaxe. Por outra banda, teñan por certo que para ser avogados defensores nunha causa destas cómpre moita profesionalidade e un xorne especial, porque a contorna social non adoita recoñecer o bo traballo desenvolvido e tende a malinterpretalo.
É posíbel a presunción de inocencia despois de todo o visto e lido? Poden nove cidadáns galegos exercer imparcialmente de xurados sen se contaminar polo xuízo mediático? As defensas tiveron a posibilidade de desbotar as persoas nas que os sinais da contaminación eran máis evidentes. E, no que atinxe ao resto, cómpre agardar do sentido cidadán dos xurados un proceso de descontaminación que lles permita ver o caso co mínimo de ecuanimidade esixíbel. O xurado como institución democrática ten moitos inimigos, que non dubidan en usar precisamente esta suposta tendencia á contaminación. Tendencia que é evidente, malia que tamén estaría presente nun Tribunal profesional, pois que os maxistrados tamén viven no mundo, len prensa e ollan a TV.
Como avogado e cidadán preocúpame fondamente a desigualdade coa que xogan as defensas neste xuízo e noutros semellantes. E pregúntome se realmente todos preferimos, no caso de dúbida razoábel, absolver no canto de condear.