O necesario comercio de proximidade

A importación do “black friday” é boa escusa para mirarmos cara ao noso comercio de proximidade e decatarnos do dano que sofriu tanto pola Grande Depresión como polas agresivas políticas desenvolvidas polas Administracións. Rajoy, coa súa recentralización favorecedora das grandes superficies comerciais, botou por terra as lexislacións autonómicas protectoras (como a Lei de Horarios Comerciais galega aprobada por iniciativa nacionalista no 2006) tanto nas aperturas como nos horarios. E alcaldes como Francisco Vázquez esmagaron o comercio de proximidade na súa cidade, favorecendo a apertura de tantas superficies comerciais que converteron A Coruña na cidade do Estado con máis m2 de centros comerciais por habitante. Velaí o fracaso do Dolce Vita e do Canton Village. E o peche forzoso de tantos comercios tradicionais.
Os países máis desenvolvidos da Europa decatáronse do íntimo vencello entre unha oferta comercial achegada aos centros e barrios e a propia vitalidade e seguranza da cidade. As cidades sen comercio de proximidade, as cidades que teñen que mercar nos macrocentros das aforas, son menos vitais, menos ricas e menos seguras. Que calidade de vida lle ofrecemos aos habitantes maiores dos nosos barrios condenándoos á dependencia de familiares ou ao uso eterno do coche particular para mercar?
Convén sinalar, tamén, que o comercio de proximidade que nos segue a atender fixo un enorme esforzo ao longo destes últimos anos. De certo que xa se decatou vostede que no negocio onde toma o seu café da mañá, tiveron que prescindir de dous camareiros e o xefe e empregados que fican atendendo multiplicaron os seus horarios. Tamén é xusto recoñecer o enorme esforzo de modernización, profesionalización e especialización dos nosos comerciantes de proximidade para mellor atender as nosas necesidades. Mesmo xurdiron en Galicia novos modelos de éxito que axiña abriron varios establecementos nas nosas principais vilas e cidades. Porque comercio de proximidade non é só pequeno comercio. É a oferta que atende no noso barrio a que permite que este siga a ter vida.
Ten razón Manolo Rivas cando afirma que as cidades morren cando os ricos se pechan en ghettos. Mais tamén comezan a morrer cando a súa veciñanza non pode mercar todo o que precisa na súa contorna vital.

Feijóo e o paradoxo galego

Despois de seis anos e oito meses (oitenta meses!) de goberno Feijóo Galicia é máis pobre e máis dependente no económico e absolutamente irrelevante no político. Nestas circunstancias, o paradoxo é o relativo prestixio do que desfruta o presidente Feijóo, nomeadamente no Madrid político e mediático, consolidándose como número un das posíbeis opcións de remuda para Rajoy como líder estatal.
Vaites paradoxo! Núñez Feijóo prometeu que a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova constituiría unha entidade líder e solvente. Prometeu que a venda a Pemex do 51% de Hijos de J. Barreras era o comezo dunha potente reactivación do sector naval galego. Arestora non hai un só pedido no naval da ría de Vigo mentres vimos como se liquidaba en grande medida o subsector financeiro galego (a absorción do Pastor polo Popular colleu ao presidente en Málaga) durante o seu longo mandato. A ruptura das regras de xogo anulando o concurso eólico determinou a ruína deste sector económico, antes grande xerador de emprego e tecnoloxía.
Non houbo un relato para construír empresa nin para construír País, primando unha xestión ineficiente propia dunha grande Deputación. Manifestouse unha obsesión por ser os campións do equilibrio de contas recurtando a calidade asistencial da nosa sanidade e os servizos sociais, deixando así milleiros sen o paraugas da Risga e das prestacións por dependencia. Mentres, desaproveitouse a oportunidade de planificar o territorio e a mobilidade, de coordinar o sistema aeroportuario galego, de pór as ferramentas para converter os nosos portos nunha grande ferramenta de captación de investimento exterior e de xeración de oportunidades de negocio.
Non hai marca Galicia, malia o grande prestixio internacional dos nosos produtos e de varias das nosas empresas. Non existe unha política exterior no pequeno país europeo que potencialmente ten máis introdutores e embaixadores por Europa e polo mundo. Galicia voltou ser exportadora de man de obra, agora unha xuventude abondo estudada que, marchando, descapitaliza o País e manca as nosas posibilidades de reaxir.
Como é posíbel este paradoxo? Como é posíbel que sigamos a mercar o relato das excelencias de Núñez Feijóo que venden dende Madrid?

O exemplo do noso derby

Vimos de desfrutar dun derby exemplar. Ningún incidente, milleiros de seareiros das dúas equipas partillando, réplicas do derby das equipas coruñesa e viguesa de xornalistas, avogados… Os seareiros galegos estamos no camiño de converter os partidos da mesma rivalidade nacional no que teñen que ser: na festa do noso fútbol.
Semella que a xente nova e mesmo moitas que xa sobardamos os corenta comprendemos a rivalidade (que xa lles anticipo que será eterna) en termos deportivos e saudábeis. O Dépor (o Celta para a outra metade de Galicia e o mesmo o Breogán, o COB e máis o Obra) pode ser a miña equipa e o meu referente e clave na miña identidade e socialización, mais isto non nos pode pechar en nós propios, sen advertir que Dépor e Celta, A Coruña e Vigo, son pezas senlleiras deste País europeo chamado Galicia que vivimos, gozamos e, ás veces, sofrimos.
Velaí o acerto no uso do noso hino e bandeira nesta caste de eventos. Os seareiros que cantaron este día “La Marselleise” no Stade de France deprendéronos que o patriotismo vai intimamente vencellado á convivencia en liberdade. Os seareiros que cantamos o hino nacional en Riazor expresábamos a convicción de que podemos sentir a Patria sen refugar da nosa identidade deportiva e local, porque Galicia é un espazo de convivencia e un proxecto de futuro común ao norte e ao sur.
Porque o sentimento patriótico non prexudica, senón que lle dá sentido e contido á plena asunción da común identidade europea, ao recoñecemento e potenciación dos vencellos de amizade e solidariedade que nos unen cos demais pobos do Estado e á afirmación das liberdades individuais, dos valores universais da persoa humana e da solidariedade e igualdade. Somos cidadáns do mundo dende a nosa galeguidade.
Bo número de galegos e galegas de orixe latina, magrebí ou doutros pobos europeos celebraron canda nós este derby. O que quere dicir que non hai mellor expresión da identidade que recoñecérmonos nun proxecto común de futuro. O patriotismo do futuro é o patriotismo cívico.

A arrincadeira.- Os xogadores de ambas as dúas equipas non respectaron a escoita do hino nacional, pois que seguiron a quecer polo terreo de xogo. Un erro da organización (que non dos xogadores) que cómpre amañar no inmediato futuro.

O porto exterior

De certo que o alcalde coruñés non estivo acertado cando fixo nunha palestra en Madrid a comparanza entre o porto exterior e o aeroporto de Castellò. De feito vén de recoñecelo nunha entrevista radiofónica. Mais o balbordo xerado por determinadas instancias coruñesas ten moi outras claves que a defensa dos intereses económicos da Cidade.
O proxecto do porto exterior d’A Coruña naceu dun pacto entre o alcalde Francisco Vázquez e o ministro Álvarez Cascos, nas datas do Consello de Ministros celebrado na cidade en xaneiro de 2004. Daquela, desbotando outras alternativas máis viábeis, déuselle pulo ao proxecto de Punta Langosteira. Elemento esencial do acordo era que A Coruña habería financiar aproximadamente unha terceira parte do investimento (180 a 200 M€) alleando como solo para a promoción inmobiliaria os terreos públicos do actual porto, previa desafectación dos mesmos.
Velaí que Xulio Ferreiro teña toda a razón ao rexeitar que o porto d’A Coruña sexa o único no Estado que requira para o seu financiamento da achega da cidade a medio da venda do seu patrimonio. Que requira para o seu financiamento dun “pelotazo” urbanístico, planificado polos mesmos axentes do chamado “lobby coruñés”. Un lobby hoxe en día liquidado pola historia.
O certo é que o alcalde coruñés soubo distinguir a dubidosa orixe da obra do Porto Exterior das grandes posibilidades de futuro para a área urbana e para Galicia inducidas por esta grande infraestrutura. Velaí o road show promocional que o Concello, canda a Cámara de Comercio vai desenvolver na China. Por certo, sen a presenza da Autoridade Portuaria, prisioneira da táctica partidista ditada polo ex alcalde e líder provincial do PP, Carlos Negreira.
O porto exterior d’A Coruña, canda o de Ferrol, son elementos fundamentais para crearmos empresa e riqueza neste país. Mais precisa dunha conexión ferroviaria urxente e do financiamento público. Se houbo recursos públicos para Xixón non se nos pode esixir aos coruñeses que financiemos parte substancial da obra portuaria e, aínda por riba, que lle entreguemos a cerna da Cidade á especulación en beneficio duns poucos que queren gañar sempre.

Sentidiño fronte á barbarie

“Veñen degolar os nosos fillos e as nosas mulleres…
Ás armas, cidadáns”(“La Marselleise”).

O hino francés que cantaban os seareiros do Stade de France despois do seu desaloxo na tráxica noite do venres compúxose no 1792, cando o goberno da Convención, ao xeito da crida da vella Generalitat catalá, chamou ás armas á cidadanía fronte á coalición europea que quería repor Louis XVI. O exército popular formado daquela derrotou aos coaligados monárquicos e os seus oficiais foron a base da temíbel Grande Armée napoleónica.
O inimigo de hoxe en día non se enfronta nun campo de batalla, senón que actúa entre nós. Todos somos o seu obxectivo e os seus efectivos amosan total desprezo pola vida propia. Mais de ningún xeito esta cadea de mortes do Isis é un feito novidoso nin un salto cualitativo. Esta caste de atentados e agresións principiaron coas torres xemelgas de Manhattan no 2001 e seguiron co atentado dos trens de Atocha no 2004, xunto con accións semellantes por todo o mundo. Hoxe Isis, onte Al Qaida, mudan as estruturas organizativas e remanece a mesma barbarie islamista (que non islámica), o mesmo desprezo pola vida propia e allea e o mesmo financiamento dende determinados poderes económicos e políticos da Arabia Saudita e dos Emiratos.
Quere isto dicir que as reaccións estilo Guantánamo e Patriot Act (a lei especial promulgada despois do atentado de Manhattan que limitaba substancialmente os dereitos dos presos islamistas dentro e fóra dos USA) non serven. O mundo é aínda máis inseguro logo da súa promulgación. A loita contra o terrorismo islamista require, primeiro de todo, de sentido común. A restrición das liberdades dalle azos ao Isis, que gaña cando acada os seus obxectivos ao renunciarmos, mesmo parcialmente, ao noso réxime de liberdades e garantías e ao uso dos espazos públicos.
Esta loita require dunha planificación coordinada a nível europeo, que trascenda dos marcos dos vellos Estados. Unha planificación que atenda substancialmente aos fluxos financeiros, ás pescudas na web e ao tránsito ilegal de armas. E que implemente unha política de defensa común, afortalando en Siria e Iraq ás institucións curdas na súa guerra contra o Isis.
É un fenómeno que, por desgraza, xa coñecemos. O que cómpre, pois, é sentidiño e serenidade fronte á barbarie.

Garantirmos unha xustiza independente

Dende a transición o xogo do bipartidismo dinástico PP-PSOE condiciona o goberno do Poder Xudicial dende o seu Consello, eleito baixo control da maioría lexislativa. Dende ese Consello, os grandes partidos controlan os nomeamentos para os Tribunais Supremo, Constitucional e de Contas e mesmo algúns nomeamentos chave dos Tribunais Superiores e da Audiencia Nacional. É moi difícil que un maxistrado poida chegar ao cumio da carreira xudicial se a súa candidatura non se lle fai agradábel ao PP ou ao PSOE. As vocacións para controlar dende unha xustiza independente os excesos dos Poderes Públicos case nunca son propostas para os postos máis altos.
Nos Xulgados e Audiencias predominan os xuíces e xuízas independentes e afeitos a traballar con poucos medios. Porque a Administración de Xustiza sempre se viu restrinxida dende os gobernos estatais dunha e doutra ponla. Velaí a recente reforma da lei procesual penal limitando o tempo das pescudas xudiciais complexas, como son os casos de corrupción. E, no caso de Galicia, esta restrición tamén se vive dende a Consellaría de Xustiza, coa súa política de restrición da cobertura de vacantes de funcionarios. Ou co seu control remoto de determinadas probas periciais do sumario do sinistro do tren Alvia.
Xa que logo, semella que a garantía da independencia do Poder Xudicial ha de se incorporar á fonda reforma constitucional que cumpriría enfrontar a vindeira lexislatura. Boa ocasión, pois, para garantir un Tribunal Constitucional alleo ás maiorías estatais, a provisión independente de todas as vacantes xudiciais, a supresión da xurisdición especial da chamada “Audiencia Nacional” e máis a descentralización efectiva da xustiza, de xeito que o Tribunal Superior de Galicia sexa a instancia ordinaria que resolva todos os asuntos. E un Consello Xudicial galego, con participación relevante de avogados e outros profesionais da xustiza, que constitúa o órgano de goberno xudicial no noso País.
Porque moitas das actuais disfuncións que limitan a independencia xudicial xurden do actual modelo centralizado, incompatíbel coa plurinacionalidade do Estado.

Albert Rivera e Galicia

Vén de presentar Albert Rivera as súas propostas de reforma constitucional: supresión do Senado e asignación das súas competencias a unha Conferencia de Presidentes Autonómicos que terían voto ponderado dacordo con cadansúa poboación e con competencias no financiamento autonómico, supresión do Consello Xeral do Poder Xudicial e asignación das súas competencias ao Presidente do Tribunal Supremo, reforma electoral, redución das competencias autonómicas e derrogación da cláusula que permite transferirlle ás autonomías competencias exclusivas do Estado, supresión das Deputacións e redución á cuarta parte dos concellos.
As propostas do Rivera son claramente agresivas para Galicia. Na Conferencia de Presidentes Galicia só tería o 6% dos votos. Serían, pois, andaluces, madrileños e, quizais, cataláns, os que resolverían as cuestións territoriais dacordo cos seus intereses. Galicia non tería posibilidades de acadar un sistema de financiamento xusto e automático que pondere con xustiza o avellentamento e espallamento da nosa poboación.
A supresión do 75% dos concellos é unha medida desenfocada. O que precisa o mapa local galego é consorciar os servizos locais, para poder prestalos a xeito. Os concellos e os concelleiros cumpren unha función de aproximación das Administracións locais ao territorio que na Galicia, coa metade dos núcleos de poboación do Estado, resulta imprescindíbel. En realidade, o erro de Albert Rivera é querer resolver o mapa local dende o Estado no canto de internalizar o réxime local a prol das autonomías, para que cada unha defina o que lle cómpre a cada un.
O sistema electoral proposto por Rivera penalizaría inxustamente as forzas de ámbito galego, ao esixir un mínimo do 3% no Estado para obter deputados. Esta reforma impediría, “de facto”, que as forzas galegas tivesen representación no Congreso.
Galicia repousa sobre uns alicerces económicos que para o Estado son totalmente prescindíbeis. Velaí a vinculación entre autogoberno e benestar. Se o sr. Rivera leva adiante o seu programa de reformas, os partidos galegos non terán representación no Congreso, os intereses de Galicia non serán respectados na Conferencia de Presidentes e o seu autogoberno limitariase substancialmente. Galicia será máis pobre e dependente.

Constitucionalizarmos o dereito a decidir

As cortes xerais a elexirmos o vindeiro 20-D haberían abrir o proceso para unha reforma constitucional que poida encaixar a plurinacionalidade española e axeitar as regras ao século XXI. No 1978 moitas persoas non votamos por idade e os debates monárquico e plurinacional foron limitados polo poder daquel franquismo sociolóxico que inzaba as institucións e que reproduciu algúns dos seus esquemas operativos no modelo da Transición.
Cinguíndonos hoxe só ao modelo territorial, cumpriría reformar o Título VIII para internalizar totalmente o réxime local. Que cada autonomía sexa responsábel da súa organización territorial e réxime local. Quen queira deputacións que as pague. Quen opte pola fusión dos concellos adiante. Ao tempo, cumpriría garantir un financiamento autonómico e local que garantise as correccións precisas por avellentamento e dispersión poboacionais que hoxe non se nos recoñecen.
No nível competencial, cómpre simplificar o réxime atribuíndolle ás autonomías todas as competencias non exclusivas do Estado, que haberían cinguirse ás realmente nucleares. Mais sería intelixente recoñecer o dereito a decidir da cidadanía de determinados territorios para renunciar, se así o prefiren, ás competencias de educación, xustiza, policía e seguranza cidadá e sanidade. A conveniencia dunha autonomía de xestión sanitaria ou educativa da Rioxa ou Murcia é, cando menos, dubidábel.
A Disposición Adicional 1ª, a carón da garantía da foralidade, habería recoñecer a personalidade nacional de Catalunya, Euskadi e Galicia e dos outros territorios que o plebiscitasen no futuro. A estas nacionalidades recoñeceríanselle competencias exclusivas e excluíntes en lingua, cultura, educación, policía e seguranza, Dereito Civil, infraestruturas e políticas económicas e sociais. E, consonte cunha “regra da claridade” inspirada na doutrina do Tribunal Supremo canadiano para o Quebec, recoñeceríaselles o dereito a decidir con determinadas limitacións de participación, votación e tempo mínimo entre referendos.
Esta proposta requiriría só dos trámites da reforma ordinaria (3/5 das Cámaras e maioría cidadá nun referéndum).

En los próximos días podría darse un choque entre la legalidad y la legitimidad en Catalunya

Los próximos días verán la aprobación por la Cámara catalana de una resolución iniciando el proceso de la independencia y declarando su desconocimiento de la jurisdicción del Tribunal Constitucional. El mismo Tribunal Constitucional que en pocas horas suspenderá dicha declaración al admitir a trámite el recurso de inconstitucionalidad que interpondrá el Gobierno del Estado. Se avecina un choque entre la legalidad española y la legitimidad de origen del nuevo Parlament.
El próximo lunes el Parlament catalán debatirá una propuesta de resolución presentada por Junts pel Sí y la CUP por la que que se acuerda el inicio del proceso de conversión de Catalunya en una República independiente, al tiempo que se manifiesta que desde su aprobación se desconocerán los mandatos del Tribunal Constitucional, al considerar que ya no tiene competencia en Catalunya por, entre otras, su sentencia de junio de 2010 que anuló parcialmente el nuevo Estatut de 2006, estimando parcialmente el recurso del PP. A esta aprobación (los proponentes gozan de una cómoda mayoría absoluta, 72 diputados sobre 135) seguirá de inmediato la presentación de un recurso de inconstitucionalidad del Gobierno del Estado que supondrá, de modo automático, la suspensión de los efectos de la declaración, en virtud del art. 161 de la vigente Constitución.
A partir de ese momento (que podría ser el propio 10 o como mucho el 11 del corriente mes de noviembre) los efectos jurídicos de la resolución estarían suspendidos, si bien el carácter de la misma es eminentemente político. Pero lo que sí ocurriría, presumiblemente, es el desconocimiento por parte de las Instituciones catalanas de la jurisdicción del Tribunal Constitucional. Un árbitro secularmente casero que, desde hace pocos días, se ha visto reforzado unilateralmente por la mayoría absoluta del PP con la competencia para imponer multas coercitivas y suspender en sus funciones a las Autoridades y funcionarios que desconocieran o incumplieran el tenor de sus sentencias y autos.
Puede darse, por tanto, un abierto choque entre la legalidad vigente y la legitimidad de origen que las urnas del 27-S confirieron al actual Parlament. Una auténtica crisis política en puertas que, presumiblemente, será agravada por la cerrazón intolerante de Mariano Rajoy y Albert Rivera, que intentarán aumentar su votación popular del 20-D mediante el recurso a una supuesta firmeza y “mano dura”.
Este eventual agravamiento podría acabar requiriendo de la mediación, más o menos informal, de determinadas personalidades o instituciones del ámbito de la Unión Europea a fin de que las Cámaras que se constituyan el 13 de enero de 2016 puedan buscar una solución negociada a una declaración unilateral de independencia por la vía funcional, de los hechos consumados. Círculos de la Comisión Europea y varios eurodiputados reconocen abiertamente esta posibilidad.
De lo que sí están seguros en el grupo parlamentario de Junts pel Sí es de que cuanto más contundente sea la reacción de Madrid mayor apoyo popular alcanzará en Catalunya el independentismo y mayor coordinación conseguirán en el corto plazo con la CUP (otra cosa será con el Año Nuevo). Una mayor cooordinación que incluso podría acabar solucionando la investidura del president Mas antes de que el próximo 9 de enero acabe el plazo legal para su investidura, evitando así unas nuevas elecciones que nadie quiere.

Feijóo no país dos ananos

Ao longo dos seis anos e medio do mandato de Feijóo como Presidente de Galicia asistimos á liquidación do noso subsistema financeiro (arestora temos un superávit de aforro de case 14.000 M€ que se inviste nos proxectos doutros) e da nosa industria eólica, que perdeu 4.000 dos seus 5.000 empregos. Tamén á absoluta falla de ideas e solucións para o noso sector naval, lácteo ou mar-industria. Gandeiros, armadores e mariñeiros do cerco na rúa, ducias de milleiros da nosa mocidade mellor preparada na emigración… e o Goberno galego só sabe ollar a Madrid sen iniciativa ningunha para resolver os nosos problemas económicos. Problemas que teñen a ver co feito de que os nosos alicerces produtivos son anecdóticos a respecto do PIB español, polo que os nosos intereses nunca contan no concerto estatal, o que fai o noso desenvolvemento económico e o noso benestar moi dependente das nosas capacidades de autogoberno.
Mais o que si sabe Feijóo é demitir das súas responsabilidades na nosa ordenaciòn aeroportuaria e facer campaña inserindo, con cargo aos fondos públicos, suposta publicidade institucional que, en realidade, constitúe o primeiro acto da precampaña das xerais do PP. Por certo, unha publicidade na que Feijóo anova o seu compromiso co “café para todos” que nos equipara á Rioxa, Murcia ou Extremadura. Na que se manifesta implicitamente conforme coa continúa recentralización dos últimos tempos e cun deficientísimo grao de autogoberno que nos impide desenvolver políticas sociais e económicas que fosen quen de guindarnos da recesión e da continua crise dos nosos principais sectores produtivos.
Velaí a ocasión das eleccións xerais do 20-D e das vindeiras autonómicas para unha fonda remuda na dirección deste País. Para recuperarmos unha gobernanza pensada na cidadanía e nos intereses de Galicia. Mais se o PP deixou hai moito de ser PPdeG, pregándose a unha visión centralista que subordina os nosos intereses económicos, as esquerdas nacionalista e rupturista demostraron estas semanas a súa incapacidade para artellar unha resposta política moderna, en clave tanto dos intereses do País como os das maiorías sociais. Unha resposta demandada por ducias de milleiros de cidadáns desencantados. Un fracaso que haberá pesar no noso futuro.