O mito da Galicia subsidiada

PP e PSOE, canda determinados voceiros radicados nunha visión centralista e dependente, sementaron con certo suceso o mito da Galicia subsidiada. Segundo esta tese vivimos da caridade do Estado e o que cómpre é pedir sempre solidariedade. O prezo por esa caridade sería non facer moito balbordo nin confiar nunha Galicia próspera dende a nosa iniciativa empresarial e civil.
Estes días a prensa galega denuncia o que xa manifestou a plataforma galeguista Somos Nós na pasada primavera, canda a precampaña das locais. Os concellos galegos reciben dos fondos estatais só o 3% (menos de 583 M€ sobre uns 17.600 M€), cando por poboación haberíamos recibir case outro tanto. Cando menos 500 M€ que nos substrae o Goberno central. Porque o lexislador español despreza o avellentamento e o espallamento da nosa poboación e só considera o número de habitantes de cada concello. Dándolle máis diñeiro porcentualmente ás cidades e pobos grandes, seguindo aquela máxima mesetaria: “cabalo grande ande ou non ande”. Solución: a de sempre, que nos dean o noso (é dicir uns 1100 M€/ano) e xa o repartirá o Poder Galego como acordemos. Algo de solidariedade viría ben, tendo en conta eses dous factores poboacionais que sofrimos. Pero no financiamento local até de agora somos nós os que lles achegamos aos outros.
Canto ao financiamento autonómico, o Orzamento da Xunta non acada os 9000 M€, mentres que a recadación fiscal da Axencia Tributaria estatal na Galicia no 2015 andará polos 12400 a 12500 M€. A diferenza non a valen os servizos que lle presta o Estado a Galicia, bastante residuais, fóra da cobertura do desemprego. Expertos universitarios fixaron o déficit fiscal do noso País no 2012 nuns 1460 M€. Se a estes cartos lles engadimos os máis de 500 M€ de déficit en financiamento local teríamos 2000 M€ máis ao ano, un 22% máis para o Orzamento da Xunta de cada ano. Máis de 750 €/ano por cada persoa residente en Galicia.
Sen contar con que pagamos máis cara a enerxía eléctrica, malia producir nós esa enerxía cun elevado custo ambiental. Porque sofrimos unha tarifa que beneficia aos territorios non produtores de grande consumo doméstico, como Madrid.
Cumpriría irmos botando abaixo o mito da Galicia subsidiada, comezando polo ámbito das pemes e profesionais, que serían dos máis interesados nunha Galicia autogobernada.

O monte pariu un rato

A decisión dos deputados de En Marea de integrar o grupo de Podemos no canto de tentar a formación dun de seu ou artellar un subgrupo no Grupo Mixto demostrou a falla dunha folla de ruta na coalición galega. Pola contra, quen dirixiu os tempos todos foron Pablo Iglesias e a dirección estatal de Podemos, artellando un suposto grupo confederal. Grupo confederal que ninguén sabe moi ben o que é nin como vai funcionar e no que a galeguidade de En Marea pode ficar agochada.
Certo que a decisión anunciada da Mesa do Congreso, vetando o grupo propio, interpretaba o artigo 23 do Regulamento do Congreso dun xeito manifestamente inconstitucional. Mais que habería que lidar coa Mesa sabíase dende sempre. A folla de ruta diante dunha tal decisión habería estar deseñada de antes e que non viñese marcada por Pablo Iglesias nas dez de últimas. Tendo en conta que a independencia de En Marea (que foi o que se lle vendeu ao eleitor) requiría, como mal menor, a integración dos seus deputados no Grupo Mixto. Onde se van integrar, por certo, os catro deputados de Compromís que partillaron coalición con Podemos no País Valenciano.
Súmase esta decepción a un proceso de conformación da candidatura xa de por si moi pouco transparente e nada participativo. Porque En Marea foi o produto dun pacto entre as cimeiras de Anova, Esquerda Unida e Podemos. Nada a ver, por exemplo, co proceso democrático e cidadán, alicerzado na base social, que deu na conformación da Marea Atlántica coruñesa.
É imposíbel, xa que logo, que moitas persoas que votaron En Marea non sintan agora dúbidas a respecto da súa escolla. Mais, con todo, en política pódese aprender. É moi probábel que sexa unha marea galega quen lle poida disputar a primacía política ao PP de Feijóo nas eleccións autonómicas deste ano. Velaí, pois, unha opción para traballar dende a base cidadá. Para construír participativamente. E para dotarse de programas realistas, pero fondamente cobizosos e transformadores, que dean solución aos problemas reais da xente. O outro, é dicir, falar de máis, improvisar ou enunciar grandes abstraccións, non sería útil nin eficaz. Xeraría, máis cedo ca tarde, unha fonda desafección e unha aceda decepción.

A Coroa non é neutral

Os derradeiros anos do mandato do rei Juan Carlos afondaron na idea de que a Coroa era a Institución que pechaba e lle daba sentido ao sistema da transición, baseado no bipartidismo dinástico PP-PSOE e no capitalismo do BOE ou de amiguetes, manifestado nas grandes empresas concesionais, construtoras, de distribución eléctrica ou bancarias presentes maioritariamente no IBEX 35. Foi Juan Carlos, asemade, un Rei cun concepto fondamente unitarizante, que chegou defender en San Millán de la Cogolla (2001) que “a nadie se le obligó nunca a hablar en español…”, afirmación que descualifica a Casa Real canto á súa sensibilidade a respecto da pluralidade lingüística e cultural española.
A proclamación do seu fillo Felipe de Borbón fixo agardar de moitas persoas que o novo Rei, como home da nosa xeración e persoa con boa preparación intelectual, ía conectar mellor coa plurinacionalidade do Estado e ía abrir novas vías canto á sensibilidade a respecto dos terríbeis efectos na nosa sociedade do desemprego (e, xa, subemprego) e as grandes inxustizas sociais. Mais iso non foi así. E teño para mín que Felipe de Borbón ten ideas propias a respecto do seu rol institucional e este pasa por un aberto intervencionismo, nunha tradición borbónica que afunde as súas raíces en antepasados do Rei actual, como Alfonso XIII, que chegou aceptar o golpe militar de Primo de Rivera e posibilitar a súa ditadura.
Canto á sensibilidade plurinacional, semella que El Rei sintoniza coas ideas de Albert Rivera cando di que “o Xefe do Estado non pode ser neutral cos independentistas”. Nin sequera cos que acreditan na plurinacionalidade do Estado. Velaí ese concepto historicista e esencialista de nacionalismo español que destilou a mensaxe real do pasado Nadal e a frialdade, cando non hostilidade, publicamente amosadas a respecto do President Mas e, máis recentemente, da presidenta do Parlament catalán.
Mais tampouco semella que os valores da xustiza social e da substitución das políticas de austeridade sexan prioritarias. Pola contra, e ás resultas do que nos revele o vindeiro futuro, semella que a aposta do Xefe do Estado sería un goberno apoiado no bipartidismo dinástico e en C’s, o seu comodín. Un goberno que atopa o rexeitamento da maioría das bases electorais do PSOE e de non poucos dos seus cadros, nomeadamente os do norte do Estado.

A revolución do sentido común

A fin do ciclo do até de agora presidente Núñez Feijóo está a acadar cotas moi intensas de desleixo cara ás necesidades económicas do país e mesmo de descomposición política entre as bases electorais da dereita. Porque os impactos que a crise do sector lácteo ten sobre a economía vilega da Galicia interior e o paralelo da crise do sector cerqueiro sobre a economía vilega da Galicia costeira semella non ser entendidos polo Goberno de San Caetano, malia que os seus alcaldes e referentes locais coñezan ben que é o que está a pasar.
Iniciativas como unha lei de acuicultura que quere entregarlle o control das rías a grandes multinacionais acuícolas en prexuízo do sector mexilloneiro afondan na desafección entre esas bases populares. No derradeiro trimestre do 2015, Galicia é o territorio onde máis medrou a descofianza empresarial (3,2% fronte ao 1,3% estatal). O balance de sete anos de goberno do PP é menos renda, menos actividade empresarial, peores servizos públicos, inacción na defensa dos nosos intereses e absoluto abandono dos nosos sectores económicos estratéxicos.
É evidente que está aberta unha xanela de oportunidade para outra maioría parlamentaria en Galicia, mais os seus axentes haberían ler ao xeito os sinais de cansazo e desafección social e non caer no wishful thinking. A corrupción xeneralizada e o empobrecemento das clases medias esixen que a alternativa de goberno entenda ben os valores da transparencia, da participación política e da rexeneración democrática, nun contexto estatal de cuestionamento dos pactos da transición. Mais a xente o que quere son solucións. E as solucións esixen ter o País cartografado, manexar programas sectoriais e globais, moreas de sentidiño e capacidade contrastada de xestión transformadora.
Porque prometer unha revolución social mañá pola mañá nin é o que quere a xente nin vai xerar máis que frustración. A revolución que cómpre é a do sentido común. A do patriotismo e a inclusión e cohesión sociais. A da eficiencia na transformación económica. A dunha gobernanza que substitúa o enfrontamento que sementou o Partido Popular estes sete anos pola concertación e o consenso.

¿Profesa Felipe de Borbón la neutralidad que exige la Constitución española?

A pesar de que muchos consideraron que Felipe de Borbón era el Jefe del Estado adecuado a los nuevos tiempos, a la vista de su relativa juventud y de su indudable preparación intelectual, sus opiniones e intervenciones evidencian parcialidad en cuanto a su concepto esencialista de la supuesta nación española y de su inclinación a la gran coalición participada por el bipartidismo dinástico PP-PSOE con el apoyo de C´s. Ello le puede pasar factura en el futuro.
Los últimos años del mandato del rey Juan Carlos hicieron visible una Corona como Institución que cerraba y daba sentido al sistema de la transición, basado en el bipartidismo dinástico PP-PSOE y en el capitalismo del BOE o de amiguetes, manifestado en las grandes empresas concesionales, constructoras, de distribución eléctrica o bancarias, presentes mayoritariamente en el IBEX 35. Fue Juan Carlos un Rey con un concepto de España muy unitarizante, que llegó a defender en San Millán de la Cogolla (2001) que “a nadie se le obligó nunca a hablar en español“, afirmaciòn que descalifica totalmente a la Casa Real en cuanto a su sensibilidad respecto de la pluralidad lingüística y cultural española.
La proclamación de su hijo Felipe de Borbón hizo esperar de muchas personas que el nuevo Rey, como hombre de nuestra generación y persona con buena preparación intelectual, iba a conectar mejor con la plurinacionalidad del Estado y a abrir nuevas vías en lo referente a la sensibilidad respecto de los terribles efectos en nuestra sociedad del desempleo (y, ya hoy en día, del subempleo) y de las grandes injusticias sociales. Pero no fue así. Felipe de Borbón tiene ideas propias sobre su papel institucional y éste pasa por un abierto intervencionismo, en una tradición borbónica que hunde sus raíces en antepasados del Rey actual, como Alfonso XIII, que llegó a aceptar el golpe militar de Primo de Rivera y posibilitar el reconocimiento legal de su dictadura.
En cuanto a la sensibilidad plurinacional, parece que el Rey Felipe sintoniza con las ideas de Albert Rivera cuando díjo que “el Jefe del Estado no puede ser neutral con los independentistas”. Ni siquiera con los que acreditan en la plurinacionalidad del Estado. Lo vimos al escuchar sus tesis nacionalistas españolas, en su versión más historicista y esencialista,en su mensaje real de la pasada navidad y al comprobar su frialdad, cuando no abierta hostilidad, públicamente mostradas al President Mas y, más recientemente, a la presidenta del Parlament catalán, Carme Forcadell.
Pero tampoco parece que los valores de la justicia social y del relevo de las políticas de austeridade sean prioritarios para el Jefe del Estado. Por el contrario y, salvo lo que nos revele el próximo futuro, se diría que la apuesta del Jefe del Estado es un gobierno apoyado en el bipartidismo dinástico y en Ciudadanos, su comodín. Un gobierno que cuenta con el rechazo de la mayoría de las bases electorales del PSOE y de no pocos de sus cuadros, principalmente los del norte del Estado.
Y es que de la actitud del Jefe del Estado en las próximas semanas dependerá también la futura adhesión del PSOE al sistema monárquico de la transición. En este sentido un gobierno no imposible, como el que podría formar Pedro Sánchez con la aquiescencia de Podemos, IU, PNV o En Marea (con la impagable abstención de ERC y Democràcia i Llibertat) puede ir despegando sectores cada vez más importantes del socialismo español de la adhesión monárquica. Y el actual Jefe del Estado, por su falta de neutralidad puede ser responsable de ello.

Novo pulo ao procès

A investidura por maioría absoluta do Parlament do até de agora alcalde de Girona, Carles Puigdemont (Junts pel Sí e afiliado á CDC) demostra a flexibilidade da política catalá, que mesmo vén de recoñecer o dirixente de Podemos, Iñigo Errejón. E abre un escenario de estabilidade parlamentaria que constitúe un evidente pulo ao proceso soberanista catalán, malia que ao mellor este, como dixo o presidente da Assemblea Nacional Catalana (ANC), grande motor del, precise de máis músculo e de menos velocidade.
A CUP aprobara un veto incondicional a Artur Mas, malia que a metade da súa xente se manifestou a prol da súa investidura. Xa que logo, a decisión de Mas de botarse fóra (xenerosa e politicamente estratéxica) desarmou de vez aos antisistema. Executado o veto a Mas Junts pel Sí foi quen a lles impor non só o voto á persoa de Convergència (CDC) decidida polo propio Mas, senón un pacto de estabilidade parlamentaria que inclúe o prezo da demisión dalgúns dos deputados máis refractarios á investidura do até de agora President.
Esa decisión permítelle a Convergència evitar unas eleccións pouco favorábeis e enfrontar un proceso de refundación que esixen os pasados casos de corrupción e que desenvolverá baixo a dirección do propio Artur Mas. Semella que Democràcia i Llibertat, futura marca dos converxentes, adopta o esquema bicéfalo de distintas persoas nas xefaturas do partido e do goberno que tan ben lle resultou ao PNV. Sabido é que unha nova páxina na historia institucional catalá é imposíbel sen que a mediana burguesía e o centro político teñan sitio nela. E Artur Mas agora traballará para facelo.
Pola súa banda, Esquerra (ERC) fornecerá un 40% do Govern con Junqueras nunha probábel vicepresidencia ou mesmo como conseller en cap. Mentres que as forzas unionistas amosaron a súa sorpresa e contrariedade, Catalunya terá Goberno e folla de rota soberanista esta mesma semana, mentres que en Madrid semella que non hai pacto para a gobernanza nin o haberá nalgún tempo. Mesmo é moi dubidábel en termos constitucionais que Rajoy, como presidente do Goberno do Estado en funcións, reteña as competencias para instar do Senado a aplicación das medidas de intervención da autonomía de Catalunya, consonte co artigo 155 da Constitución.

Grupo propio para que?

Hai dúas semanas defendía nesta páxina que En Marea ten dereito a formar grupo parlamentario de seu, consonte coa acaída interpretación do artigo 23 do Regulamento do Congreso, aprobado no verán do 1982 pola maioría UCD-AP para evitar a formación dos grupos socialistas vasco e catalán. Coincido nesta tese con xuristas notábeis, como o profesor Carlos Aymerich Cano (UDC) e até de agora non coñezo, con nomes e apelidos, nin un só que defenda a tese contraria, como supostamente manifestan esas anónimas fontes xurídicas que consulta a prensa madrileña, á destra e á sinistra.
Un Grupo Parlamentario é unha ferramenta. Que un partido divida os seus deputados en catro grupos é unha fraude de lei, con dano para os recursos públicos. Que cada suxeito político propio (“partido”, na acaída interpretación do artigo 23 do Regulamento) forme o seu Grupo é un dereito. En Marea, polo menos até de agora, constitúe unha realidade política subxacente, un suxeito político autónomo e diferente a Podemos.
A cidadanía galega xa conta con que En Marea coordine os seus esforzos con Podemos e outros canto á rexeneración democrática, á transparencia, á axenda social ou a unha economía pensada máis para as persoas.
Mais Galicia só achega o 5,5% da poboación e o 6% do PIB estatais. Os nosos alicerces económicos son prescindíbeis no contexto estatal. Diante dun futuro Goberno, nesta ou na vindeira lexislatura, vicepresidido ou mesmo presidido por Pablo Iglesias, os intereses galegos baterán contra outros intereses territoriais ou de determinadas elites sociais e financeiras con grande capacidade de presión política.
Porque a tarifa eléctrica que como país produtor nos interesa baterá contra os intereses de territorios de grande consumo doméstico como Madrid. Os intereses da nosa construción naval poderían bater contra os andaluces, os do noso gas contra os asturianos, os do financiamento local contra os que priorizan os grandes pobos andaluces e manchegos e os do financiamento autonómico cos de Catalunya, País Valenciano, Illes Balears ou Madrid.
Velaí os asuntos onde En Marea ten de demostrar a súa autonomía e a súa utilidade ao País. Unha tarefa factíbel, mais nada doada en Madrid.

A síndrome da CUP

A CUP catalá vén de rexeitar a investidura de Mas, malia que a metade dos votos da súa asemblea de Sabadell do domingo pasado foran a prol desta decisión. A abstención dos cupaires impediría que os 62 deputados de Junts pel Sí invistan ao até de agora president. Haberá novas eleccións en Catalunya o 5 de marzo.
As democracias avanzadas baséanse nas liberdades, na xustiza social, en tecer consensos, na transparencia, na participación cidadá, na inclusión e na cohesión social. Na democracia avanzada “o pobo é quen máis ordena” e a boa gobernanza tenta construirse coa cidadanía, dende a cidadanía e para a cidadanía.
Mais en último de contas, sexa dende posicións indepes, for dende o autonomismo, federalismo ou confederalismo, a política trata de regras de xogo e de Institucións, trata da gobernanza. Un pode estar máis ou menos dacordo -ou en desacordo- co procés, mais do que trata é de construír unha República, nonsí? E velaí o grave erro da CUP, que xa diagnosticou no pasado debate da investidura Pilar Rahola, porque parte substancial desa organización anticapitalista non quere construír novas Institucións de goberno, instalados nun certo aquel de anarquismo que afunde as súas raíces na poderosa CNT-FAI da II República. Mesmo hai nesa organización quen olla con superioridade a vontade de construír pactos e de cumprir unhas regras de xogo. O anticapitalismo foi quen de vencer a construción nacional. Pero xa verán como non van facer mañá a revolución.
As eleccións de marzo serán letais, en primeiro lugar, para a CUP. Esquerra (ERC) vaille papar, soa ou na coalición Junts pel Sí boa parte do seu electorado, consciente da ledicia coa que esta votación da CUP foi recebida nos partidos unionistas. E outra boa parte migrará cara a coalición de ICV, EUiA, Podem e o partido de Ada Colau (Barcelona en comú). Antonio Baños, número un cupaire nas eleccións do 27-S, xa anunciou a súa demisión. Outros, como Julià de Jòdar, poderían ser os seguintes.
E o procés leva un duro golpe. A declaración unilateral de independencia fica máis lonxe ca onte e semella que a bandeira da consulta catalá podería ser a nova referencia das forzas de Junts pel Sí, das que non sabemos se concorrerán xuntas ou por separado, como de certo non o saben arestora nin Mas nin Junqueras.

A voltas co Imposto de Sucesións

Até agora único Goberno galego que aprobou unha reforma para reducir substancialmente o Imposto de Sucesións (IS) nos casos de herdanzas entre ascendentes, descendentes e cónxuxe/parella de feito foi o de coalición entre socialistas e nacionalistas liderado por Emilio P. Touriño e Anxo Quintana, que eximiu de impostos aos herdeiros deses grupos familiares que percebisen 125.000 € ou menos de base impoñíbel do imposto.
A chegada de Feijóo, pola contra, supuxo un incremento moi notábel desta exacción fiscal pola fixación de valores para os bens absolutamente alleos á realidade dun mercado minguante. Custou dun grande esforzo por parte da avogacía galega acadar dos tribunais a moi substancial moderación destes valores, que gravaron nomeadamente a unhas clases medias xa dabondo castigadas pola Grande Depresión.
Mais agora o Parlamento de Galicia incrementou esta exención para os mesmos grupos familiares até 400.000 €/herdeiro. Unha medida absolutamente electoralista que chega tarde de máis, tendo en conta o peso da pasada exacción fiscal na cidadanía. Malia que non deixe de presentar oportunidades para moitas persoas. Porque contar cun Dereito Civil de noso permítenos distribuír parte ou toda a nosa herdanza en vida, a medio de pactos sucesorios que tributan polo IS. Ademais, quen dispoña en vida de todo ou parte da súa herdanza non ten que pagar por IRPF, segundo a doutrina do noso Tribunal Superior. Vantaxes da singularidade e do autogoberno.
Ábrese, pois, un tempo de oportunidade para poder planificar as sucesións, tendo en conta que unha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE cuestionou o distinto trato entre residentes e non residentes neste imposto, polo que é probábel que en poucos anos haxa que abordar unha reforma da súa normativa.
O imposto de sucesións ten moi relativa importancia recadatoria e até de agora ten gravado, nomeadamente, ás clases medias. Porque as grandes fortunas adoitan adoptar fórmulas fiscais varias, só ao seu alcance, que lles permiten safar da súa exacción. É, xa que logo, moi dubidoso que este imposto teña algún efecto progresivo, sen prexuízo de que estea a gravar patrimonio adquirido cunhas rendas que xa pagaron IRPF no seu día.