A viaxe a ningures de Pedro Sánchez

O pacto do PSOE con C´s que aprobou este sábado a afiliación socialista, malia a abstención dunha metade da mesma, constitúe máis un sinal ca un camiño de goberno, xa que está condenado á derrota parlamentaria. A investidura de Pedro Sánchez non será posíbel, ao só votar a prol os 131 deputados laranxas, socialistas e os dous canarios de CC e NC. Abrirase, entón, o sábado un periodo de dous meses para acadar outro candidato, que semella moi difícil de xurdir. Despois, habería eleccións o 26 de xuño.
Mais o pacto é sinal de cousas que están a pasar. Curiosas, cando menos, se non moi significativas. O PSOE emenda de totalidade o seu programa electoral socialdemócrata e asume propostas nidiamente de centro-dereita, renunciando a medidas (revisión das contrarreformas local, laboral, educativa e de seguranza cidadá do PP) que son de amplo consenso nos ámbitos políticos progresistas de todo o Estado. Deste xeito, recoñece nidiamente que son os das portas xiratorias, os Felipes, Guerras e Rubalcabas, as persoas que mandan no partido. Seica o PSOE renuncia definitivamente á socialdemocracia.
Para máis, o PSOE ratifica de vez a súa inanidade fronte ao problema da plurinacionalidade de España e mércalle a C´s a súa visión centralista, como sempre tendeu a mercarlla ao PP. O PSOE amosou non ter alternativa ao xacobinismo paifoco do PP e de C´s. Velaí a participación tan baixa que a consulta socialista obtivo no PSC.
Canto a Pedro Sánchez, é evidente que se reforzou no curto prazo. Mesmo garantiuse ser o candidato nunhas cada vez máis probábeis eleccións no verán. Mais deixar o amplo espazo do centro-esquerda a outros vaille custar, ao mellor de xeito definitivo, o carácter de referente dese espazo político, onde se sitúa a meirande parte da cidadanía, que refuga frontalmente das resultas da lexislatura do PP.
Ese amplo espazo cidadán pedía un Goberno de progreso. E Pedro Sánchez non soubo, non quixo ou non puido darllo. De aquí a xuño Pedro Sánchez gastará o crédito que gaña estes días e o PSOE ficará máis preto de ser secundario nas preferencias dos sectores sociais progresistas.

O BNG remata o seu ciclo

A calquera persoa patriota non lle pode resultar alleo o que lle ocorra ao BNG. Porque esta organización, coas súas virtudes e defectos, foi quen de artellar un proxecto común que constituiu no seu día a casa común do galeguismo, chegando ser segunda forza política no 1997 e no 2001 e acadando o Goberno autonómico no 2005, canda moitos locais dende 1999. Ao longo da súa historia, a xestión de goberno do BNG caracterizouse por ser rigorosa e bastante eficaz.
Mais unha parte da organización leu atravesadamente os resultados electorais do 2009, que supuxeron a recuperación da Xunta para o Partido Popular.
O continuo camiño percorrido polo BNG entre 1985 e 2009 cara á centralidade e ás clases medias ficou tronzado e determinouse que habería que transitar o camiño na dirección contraria, cara ao esencialismo e a desconfianza diante da sociedade. Das resultas desta lectura, trunfadora por moi pouco en maio do 2009, non só se afastou do centro de gravidade da organización aos centos de cadros relativamente novos que tiñan adquirido canda Anxo Quintana unha acaída experiencia de goberno e tiñan un modelo de País do século XXI. Non, ao mesmo tempo (malia que as dúas cousas xuntas semellen ben difíciles!) afastouse tamén do devandito centro de gravidade aos sectores da sociedade galega máis “lúcidos e rebeldes”, segundo verbas do profesor Beiras. Deste xeito, no 2011 o BNG ollou cara ao 15-M con desconfianza e non soubo interpretar o que estaba a pasar na rúa. Pensaba que todo se amañaba con máis esencias.
A fins de xaneiro do ano 2012 a xuntanza congresual celebrada en Amio afondou nesta liña. Saíron os socialdemócratas de Máis Galiza e os beiristas do Encontro Irmandiño. Como sairán agora os sectores máis próximos a Carlos Aymerich e, quizais, a Xavier Vence. Porque o discurso de Aymerich ou Vence en febreiro do 2016 é moi semellante ao de Teresa Táboas ou X. M. Pérez Bouza en febreiro do 2012.
Neste tempo a cidadanía fartou de agardar por quen perdeu a utilidade de lle resolver os problemas. O BNG enfróntase á dúbida de se precisa unha refundación ou dá por pechado o seu ciclo na historia do galeguismo político para contribuír á emerxencia doutros axentes.

A proposta europea de Varoufakis

Malia a presenza do alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, na nosa Galicia non tivo un grande impacto a presentación por parte do antigo ministro de Finanzas grego, Iannis Varoufakis da súa proposta DIEM25 (“Por unha Europa democrática no 2025”). Unha proposta paneuropea, de estrita participación individual e que proclama a necesidade dun proceso constituínte europeo para garantirmos a transparencia e a democracia na Unión, diante da actual deriva oligárquica e errática que ameaza, segundo o grego con “desfacer Europa e levarnos a unha situación semellante á do fascismo dos anos 30”.
Falta a verdade quen ve extremismo nunha proposta común europea que bebe de fontes humanistas e democráticas. O propio Varoufakis non é un marxista. É un neokeynesiano de alicerces filosóficos e ideolóxicos semellantes aos dos Nobel de Economía Stiglitz e Krugman, que adhiren a esta proposta. En realidade, esta súa chamada a unha acción global europea para salvarmos a idea da Unión e, quizais, a propia existencia da Europa democrática e humanista que coñecemos, debeu ser a chamada dos socialdemócratas e de boa parte dos liberal demócratas polo menos no 2007. Incríbel o despiste polìtico no que seguen instaladas estas dúas familias políticas europeas, pais canda a democracia cristiá do Welfare State que distinguiu o que ben podìamos chamar The European Way of Life.
Mais non só periga o Estado do Benestar na Europa, senón a propia gobernanza democrática. Porque as forzas oligárquicas multinacionais, os axentes da economía financeira, os chamados mercados, aproveitaron moi ben as carencias institucionais da construción europea, cun Parlamento e unha Comisión moi limitados nas súas funcións, unha clara preponderancia do Consello de Ministros, que representa aos Estados, e dun Banco Central Europeo que só resposta perante Deus e a Historia. Os mercados gobernan na Europa polo seu déficit democrático. Velaí o acerto de Varoufakis ao definir o eixo do seu discurso. Por unha Europa democrática e transparente.
Velaí a grande novidade de Varoufakis: propor unha axenda europea compatíbel coa axenda de cadansúa nación (no noso caso Galicia) ou territorio e que nos obriga asumir que Europa é unha das nosas identidades e dos nosos referentes. Porque cómpre pensar e actuar tanto global como localmente.

Os tres erros de En Marea

Aos dous meses do seu éxito, En Marea enfronta unha onda de certa decepción entre o electorado que o empoleirou á segunda praza nas eleccións xerais. O propio profesor Beiras vén de recoñecer defectos de coordinación e desfase entre a coalición e os seus parlamentarios. Defectos tan importantes como para que En Marea asine canda Podemos un documento onde non hai nin unha liña de referencia á axenda galega e onde as propostas de recoñecemento da plurinacionalidade e reversión da recentralización do PP baten contra propostas centralizantes que pretenden crear Ministerios sen competencias (Igualdade, Vivenda, Cultura) ou descoñecen o ámbito competencial dos Gobernos autonómicos.
O primeiro erro de En Marea foi non integrar o Grupo Mixto e deixarse seducir por esa andrómena do Grupo Confederal de Podemos. Velaí Compromís, está no Grupo Mixto e acada unha visibilidade e presenza moi superior á dos deputados galegos.
O segundo erro foi partillar a delegación de Podemos no proceso de negociación para a investidura de Pedro Sánchez, no canto de desenvolver unha actuación propia e autónoma, con representantes de seu, todo o coordinados con Podemos que fose preciso e factíbel. As resultas deste erro tamén son notábeis: Compromis chegou a un preacordo para o recoñecemento e pagamento da débeda pública valenciana e En Marea segue inédita.
E, en último de contas, o terceiro erro é non construír e contar un relato, en Madrid e na Galicia, que faga presentes os problemas e especificidades do noso País no proceso de negociación dunha nova gobernanza. Non é nada doado, require de coordinación, traballo, experiencia e sorte. Pero o crédito electoral que a cidadanía lle outorgou á coalición galega esixe que este relato se artelle e conte a xeito.
Malia todo ten razón Beiras. O importante non é como comece, senón como remate o conto. Claro que para que muden as circunstancias cómpre, si, toda a auctoritas do profesor.
Mais tamén un mundo de cadros, estruturas e técnicas de comunicación e coordinación que polo de agora non se albiscan por parte ningunha.

A cidadanía galega non terá que pagar como ganancia patrimonial polas herdanzas entre vivos propias dos pactos sucesorios de Galicia

A Coruña, 11 de febreiro de 2016.Xoán Antón Pérez Lema 2015 As herdanzas recibidas mediante pactos sucesorios entre vivos non tributarán no IRPF como ganancia patrimonial. Así o acaba de dictaminar o Tribunal Supremo ao darlle a razón a un contribuinte que se acollera á modalidade do apartamento, prevista no Dereito Civil de Galicia, para transmitirlle en vida aos seus herdeiros a lexítima que lles correspondería.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG) déralle antes a razón ao contribuinte, pero a Administración Tributaria estatal recorreu en casación perante o Supremo, que acaba de confirmar de xeito definitivo a resolución do TSXG que recoñece este dereito especial dos galegos que se acollen a pactos sucesorios como o apartamento ou a mellora.

O Tribunal Supremo aclara de vez que os pactos sucesorios de mellora e apartamento do Dereito Civil de Galicia non tributan no IRPF das persoas (normalmente pais ou avós) que fan a disposición patrimonial, como ata o de agora consideraban tanto a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) como a propia Administración do Estado, descoñecendo o inequívoco sentido do preceptos do Dereito Civil galego. Con esta sentenza péchanse de xeito definitivo os conflitos tributarios xerados pola equivocada cualificación dos pactos sucesorios levada a cabo pola Administración Tributaria, que conducía aos contribuíntes galegos a unha indebida tributación das súas herdanzas no IRPF.

Segundo o letrado coruñés Xoán Antón Pérez-Lema, que representou os intereses do demandante, “esta sentenza dálle moita seguranza xurídica ás institucións sucesorias galegas, moito máis flexíbeis ca as estatais e moito máis conectadas coas modernas tendencias a prol dunha meirande liberdade sucesoria”. Para Pérez-Lema, “Galicia é un bo país para a sucesión”, xa que esta resolución firme do Supremo, “xunto co propio marco fiscal galego para o Imposto de Sucesións, farán moi competitiva a nosa normativa a respecto doutros países e territorios”.

Apartamento e mellora

O apartamento e a mellora están regulados na Lei de Dereito Civil de Galicia e teñen efecto en vida do causante. O primeiro permite acordar a adxudicación en vida de bens da herdanza a quen no momento da celebración do pacto tivese a condición de herdeiro forzoso, a cambio de que este renuncie de xeito irrevogábel a esta condición. Co pacto de mellora poden adxudicárselle bens concretos a un descendente. Este tipo de pactos en vida están prohibidos no Dereito Civil común, que rexe en todo o Estado agás Galicia e os restantes territorios cun dereito civil propio (Euskadi, Navarra, Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares e Aragón).

A actuación profesional do despacho coruñés Pérez-Lema desenvolveuse en colaboración coa Asesoría Bieito de Ourense, o director do cal, o economista Bieito Seara, representou ao demandante na reclamación administrativa perante o Tribunal Económico Administrativo de Galicia.

NOTA 1: pode descargarse aquí a sentenza do Tribunal Supremo: Sentenza do Tribunal Supremo de 09-02-2016.

NOTA 2: o venres 12 de febreiro fun entrevistado en directo no programa “Área pública”, da Televisión de Galicia. Deixo aquí o enlace, onde se comeza a falar deste tema a partir do momento en que se cumpren 1 hora 18 minutos e 30 segundos de emisión.

Electricidade máis barata na Galicia

O Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade a toma en consideración dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) promovida polo sindicato nacionalista CIG para facer posíbel unha tarifa eléctrica diferenciada para Galicia, que aforraría nun 30% as chamadas peaxes da enerxía, co que se acadaría para os consumidores galegos unha media dun 12,5% de rebaixa na factura eléctrica. Cómpre salientar que as peaxes supoñen o 41,5% da factura da luz e o consumo só o 37,5%. O resto son impostos.
Galicia sofre custos ambientais e sociais moi importantes para producir electricidade eólica, térmica ou hidroeléctrica e o 40% desta electricidade consúmese fóra do noso País. Velaí a racionalidade desta proposta. Porque a tarifa eléctrica única para todo o Estado foi imposta por Franco no 1951 e non se aplica nas principais democracias occidentais (USA, Reino Unido, Austria, Alemaña), que. pola contra, tentan que haxa unha real competencia e pluralidade, tanto na xeración como na distribución eléctricas.
A tarifa única española grava aos países produtores como Galicia e aos grandes consumidores industriais, lastrando gravemente a competitividade industrial galega e, en xeral, a española. O sistema está pensado no capitalismo castizo de amiguetes e na visión centralista das cousas típica do bipartidismo dinástico. Beneficiando ás grandes distribuidoras e aos territorios de grande consumo doméstico, como Madrid, que case non xera enerxía.
A ILP contempla, tamén, a obriga da Administración galega de remediar a pobreza enerxética das familias, definindo esta como a situación na que se gasta máis do 10% dos ingresos familiares en luz e gas e non se garante unha temperatura constante na casa entre 18 e 21 graos.
Que os galegos nos decatemos de que esta tarifa eléctrica é unha estafa non gosta en Madrid. Recentemente, en portada, o xornal “Cinco Días” alcumaba de insolidaria e inconstitucional esta proposta. De inconstitucional non ten nada, só require da reforma dunha lei ordinaria, a Lei do Sector Eléctrico. E, canto á solidariedade… que lles parece producir electricidade, pagala máis cara e que, aínda por riba, perdamos todos os anos 500 M€ de financiamento local e 1460M€ de financiamento autonómico por mor da voracidade da Administración do Estado?
Con que dereito nos alcuman de insolidarios?

Tribunais de excepción na Audiencia Nacional

O balbordo xerado pola desproporcionadísima medida de prisión acordada polo xuíz da Audiencia Nacional (AN) Ismael Moreno contra dos monicrequeiros de Madrid pon outravolta no foco neste tribunal (máis ben un variado conxunto de tribunais).
A AN sucedeu en xaneiro de 1977, na súa mesma planta e sen solución de continuidade, ao Tribunal de Orde Pública (TOP) que fundara Franco en decembro de 1963 e que asumira funcións doutros tribunais excepcionais como o de represión da masonería e comunismo. A AN fundouse para xulgar delictos de terrorismo e outros de dimensión estatal, na trabucada idea de que o terrorismo non podía ser perseguido e xulgado polos tribunais ordinarios, nomeadamente os que actuaban en Euskadi.
A súa xurisdición excepcional e a amplitude dos medios materiais coas que foi dotada (fronte á escaseza de medios coa que os gobernos do PSOE e do PP castigaron sempre aos tribunais ordinarios) axiña deu nun tipo de xuíz-estrela, ás veces moi pouco coidadoso na instrución das causas ou que usaba das medidas cautelares, como a prisión, para avanzar nas pescudas, en clara perversión do sistema. Mentres, as súas sentenzas exacerbaban a punición de moitas condutas chegando alargar dun xeito desproporcionado os conceptos de “organización criminal” ou “banda armada” . O Tribunal Supremo tivo que corrixir a eito moitas das desproporcionadas sentenzas da Audiencia Nacional.
Tan cómoda lle era esta xurisdición excepcional ao poder estatal que creou na AN unha Sala do Contencioso Administrativo para os recursos contra actos e resolucións dos seus órganos con xurisdición para todo o territorio do Estado. Esta substracción das funcións propias dos tribunais superiores de xustiza autonómicos afastou a xustiza do cidadán e consolidou de feito un grave déficit na revisión xudicial .
Os expertos administrativistas non dubidan en se referir a esta Sala da AN como “o outro avogado do Estado”, pola súa non acreditada imparcialidade.
A Audiencia Nacional non ten comparanza con órganos xudiciais análogos noutras democracias europeas. Velaí que, falta de toda lexitimidade de orixe e bastante falta de lexitimidade de exercicio, estea hoxe en día absolutamente de máis no noso sistema xudicial.

O goberno posíbel

Independentemente da aposta do establishment mediático pola gran coalición PSOE-PP (co ramo de Ciudadanos), semella que arestora a única alternativa a unhas novas eleccións neste mesmo semestre é o chamado Goberno de progreso, seica presidido por Pedro Sánchez e vicepresidido por Pablo Iglesias.
A clave deste Goberno é a de enxergar a plurinacionalidade política do estado español. Porque a Sánchez non lle abonda co apoio de Podemos e IU. Nin sequera co de En Marea, Compromís ou En Comú Podem. Non, precisa ademais do voto a prol do PNV e do apoio a xeito de abstención ou ausencia dos independentistas cataláns de ERC e Democràcia i Llibertat. Velaí o acerto de Pablo Iglesias ao considerar inviábel que Ciudadanos poida apoiar esta alternativa.
Todas estas forzas teñen, por votos, lexitimidade abonda para formar unha base parlamentaria de apoio a un novo Goberno. Un Goberno ao que lle estará vedada a reforma constitucional, mais que terá amplas posibilidades de conformar unha axenda potente.
Un tal Goberno, no territorial, podería tentar encaixar, malia que aos poucos e diluidamente, o dereito a decidir nas nacionalidades e, mentres, reverter a prol dos poderes territoriais a recentralización de Aznar e Rajoy e restaurar a autonomía local dos concellos. Podería tamén enfrontar un cobizoso programa de reformas legais cara á rexeneración democrática, para acadar unha gobernanza transparente e un sistema electoral máis xusto.
Canto ás políticas económicas e a axenda social, si é verdade que a Unión Europea restrinxe bastante a marxe de manobra dun tal Goberno. Mais tamén é verdade que unha fronte de gobernos progresistas europeos (Grecia, Italia, Francia, Portugal, o Estado español e quizais Irlanda) podería reaxustar as esixencias de déficit de Bruxelas e propiciar un xiro cara a políticas máis asimilábeis ás desenvolvidas con bo suceso por Obama. Para máis, as marxes internas (política enerxética, reformas fiscais, etc.) permitirían deseñar políticas sociais e de reactivación económica mesmo no actual contexto europeo.
Un Goberno de progreso desta caste non faría a revolución, nin falla que fai. Mais quizais fose unha posibilidade para ollar cara á cidadanía e non cara ás elites e ir desatoando os graves problemas colectivos, comezando polo social e polo territorial.

En Marea e os intereses de Galicia

Concordo coa idea de que Galicia habería ollar moito menos cara Madrid e moito máis cara á Europa e América. Somos periféricos a respecto de Madrid, sendo centrais a respecto do eixo Rotterdam/Antuerpe/Londres-Canle de Panamá. Desgrazadamente, desfrutamos dun autogoberno moi limitado e dependemos de moitas decisións do Goberno do estado. Velaí que teñamos que seguir a ollar cara aló, polo menos para algunhas solucións.
Non é imposíbel que Sánchez (PSOE) forme un goberno de tendencia progresista con Pablo Iglesias (Podemos) de vicepresidente e acade maioría simple na segunda votación de investidura. Este Goberno tería bloqueada a reforma constitucional, pois que o PP conserva a maioría absoluta do Senado e con C´s sobarda os 2/5 do Congreso. Con todo, tería capacidade para votar leis, mesmo leis orgánicas, se é quen de pactar cos 17 deputados independentistas de Democràcia i Llibertat e ERC.
Quere isto dicir que este Goberno, como todos os que dependen da negociación e do compromiso, podería ser unha oportunidade para lle dar pulo a determinados intereses galegos. Comezando pola transferencia do 5,5% dos fondos destinados ao financiamento local que nos corresponden por poboación, para obter os 500 M€ que o Goberno español nos substrae todos os anos. Seguindo por un novo sistema de financiamento autonómico que avalíe a xeito as variantes do avellentamento e o espallamento poboacionais e compense os case 1460 M€/ano de desequilibrio en contra nosa da balanza fiscal entre o que Madrid recada en impostos e o que invisten as Administracións Públicas en servizos.
Continuando pola implementación dunha tarifa eléctrica de noso e a transferencia de todas as competencias estatais en réxime local, educación, portos e aeroportos de interese xeral, salvamento marítimo e outras. Ou polo axeitado financiamento da parte estatal que lle cómpre na atención aos nosos dependentes, nunca cuberta.
Velaí a importancia que ten que En Marea sexa quen de actuar de xeito independente, mantendo a súa personalidade política e axenda. Porque en política (tamén na nova política) non hai amigos. Hai intereses e, xa que logo, hai ou pode haber socios.

A Santa Alianza

Semella que son millóns os cidadáns españois que prefiren o pluralismo á hexemonía e explorar a cultura do compromiso, tan allea á historia de Castela e tan presente noutras mentalidades ibéricas, como a galega, a portuguesa, a vasca ou a catalá.
Fronte a esta temperatura social, a opinión publicada en Madrid, á destra e á sinistra e os que mandan no capitalismo castizo de amiguetes, na economía regulada (grandes bancos, distribución eléctrica, grandes complexos construtores-concesionais) chaman por unha santa alianza constitucionalista, pola reedición do pacto dinástico entre PP e PSOE, ampliado agora ao comodín de Ciudadanos. Un goberno de ampla base parlamentaria para enfrontar “las reformas pendientes”.
E resulta que as reformas pendentes son as que posibiliten completar a mutación constitucional desenvolvida nos últimos anos. Sacralizar a estabilidade orzamentaria e os recortes e recentralizar o Estado, limitando aínda máis a autonomía do noso País e suprimindo practicamente a autonomía local. Recentralizar para anular os poderes locais e territoriais, próximos á cidadanía e deste xeito, posibilitar a privatización de amplas áreas da acción pública dende unha perspectiva centralista, a prol das grandes empresas concesionais españolas, alicerces dese capitalismo castizo de amiguetes, e en claro prexuízo dos emprendedores galegos. Madrid como factótum dunha España única, cunha única lingua, cultura e clase dirixente.
O PSOE historicamente mercoulle á dereita este discurso. Velaí a redución das prestacións por desemprego (Felipe González, 1992) ou o golpe de temón austerizante de Zapatero en maio de 2010. Velaí como todos os ex do felipismo, dende Rubalcaba ou Corcuera até Ibarra ou o propio González, defenden os intereses desta santa alianza, coa mesma fachenda coa que defenden os intereses desas eléctricas coas que xogan ás portas xiratorias.
Nesta conxuntura, enténdese a xogada de Pedro Sánchez na xunta do sábado 30 do máximo órgano socialista entre congresos. Consciente que pactar a santa alianza afástao da meirande parte do seu electorado e condena o PSOE á irrelevancia no medio prazo, someterá a proposta de pacto á que chegue con outras forzas progresistas ao plebiscito da afiliación, que gañará sen atrancos. Porque a meirande parte da afiliación socialista son xente do común que vive e pensa como tal.