Avarentos e incompetentes

Pois o da Europa dos Estados rematou por ser a máxima expresión de todos os defectos dos malos políticos: a burremia, a incompetencia, a covardía, a roñería…. E, claro, estes defectos aparentemente comúns producen o efecto que vén de denunciar Manolo Rivas: que o partido da inhumanidade lle vaia gañando ao partido da humanidade.
Tomo os adxectivos “avarentos” e “incompetentes” doutra opinión contrastada e valiosa, a do profesor Antón Losada. Porque o acordo entre a Unión Europea e Turquia, vixente dende o domingo 20 para devolver os refuxiados ao país euroasiático, é inhumano. Velaí a opinión das máis acreditadas ONG: ACNUR, Intermon Oxfam ou Amnesty International. Mais tamén é un acordo propio de incompetentes. Con 550 millóns de habitantes Europa ten capacidade para acoller moitos máis refuxiados. O que cómpre é organIzación, vontade política, sentido de Estado e eficiencia. Trátase, ademais, de persoas pertencentes ás capas medias da poboación siria e iraquí cun grao de formación medio a medio alto. Arrequecerían substancialmente unha Europa demográfica e intelectualmente minguante. Que incompetentes e que avarentos!
O terrorismo islamista na Europa é cousa de europeos, persoas nadas aquí. Os refuxiados son totalmente alleos a esta cuestión. E haberían ser os Gobernos europeos os que informasen a xeito. Claro é que estes Gobernos de incompetentes non son quen nin de coordinar as súas centrais policiais e axencias de información e seguranza. Europa será doada vítima do islamismo se non se avanza, de vez, cara á diplomacia e defensa únicas europeas. E cara esa coordinación policial e da espionaxe e contraespionaxe que resulta obrigada.
Mágoa dá ollar cara o Goberno de calquera Estado europeo. U-lo Vaclav Havel, Willy Brandt, Olof Palme ou mesmo Guy Verhofstadt de hoxe en día? Só en países nos que sobrancean partidos moi vencellados aos problemas da cidadanía e á gobernanza de proximidade (Islandia, Escocia, Euskadi…) atopamos unha first minister escocesa Nicola Stugeon, un lehendakari vasco Iñigo Urkullu… Excepcións de carne e óso aos avarentos e incompetentes.
E así nos vai. Pechando Europa á humanidade. Pechando Europa ao coñecemento. E abríndoa ao terrorismo islamista. Coa súa roñería de avarentos. Coa súa burremia de incompetentes.

A Policía de Galicia

Os atentados de Bruxelas amosaron graves deficiencias na coordinación das policías e servizos de información europeos. Precisamos na Europa unha única defensa, unha única diplomacia e unha coordinación de intelixencias e policías a xeito. Se non, os islamistas hannos comer polos pés.
Galicia é un país tranquilo, de pouca delincuencia. Mais a súa seguranza debe mellorar substancialmente. A Garda Civil en Galicia ten unha equipa humana fantástica, a chata é o seu carácter militar, probábel responsábel de repartos arbitrarios de quendas, conplementos salariais e, en último de contas, de elevados –e xustificados– absentismos por Incapacidade Temporal. Dende 2007, Galicia conta co seu propio Corpo de Policía de seu (conxelado, que non suprimido, polo Goberno Feijóo), que integrará á Unidade da Policía Nacional adscrita e podería integrar baixo parámetros civís ao 90% da Garda Civil na Galicia.
O tráfico é claro exemplo de como poderiamos mellorar cunha policía galega e civil. O esquema militarizado e centralista actual é ineficiente (Catalunya e Euskadi, con policías de seu, presentan moita menos sinistralidade). Cómpre considerarmos a densidade da nosa rede secundaria e o noso espallamento poboacional, impondo un modelo de prevención e aprendizaxe, lonxe do puramente recadatorio actual.
A Garda Civil ten excelentes equipas humanas na Policía Territorial, ecolóxica (Seprona, que traballa en ámbitos de competencia autonómica), menores e violencia machista (o Emume) ou marítima (a Garda Civil do Mar) que renderían moito mellor nun esquema civil, suxeito ao mando político da Xunta e ao control democrático do noso Parlamento.
Así mesmo, os incidentes de orde pública con seareiros do Celta e Dépor, 25 de xullo en Compostela, preferentistas, emigrantes retornados ou xentes do mar e do gando nos aprenden a necesidade de que na prevención da orde pública interveñan funcionarios policiais con raigame persoal no País, que entendan a dimensión real dos problemas e eviten represións absolutamente innecesarias. Cómpre abordar o despregamento da Policía de Galicia, entendendo ás Policías Locais integradas no mesmo sistema de seguranza, malia que en distintos Corpos.

A vontade de ser de Galicia

Estase a converter nun certo lugar común que a conciencia de país de Galicia iría en claro devalo. E que a desaparición fáctica da personalidade de seu de Galicia como pobo diferente sería cousa de poucas xeracións.
Comprendo esa tese, porque existen elementos que permiten unha tal lectura. Mais permítanme, como optimista en proceso de reconversión, que vexa a botella medio chea. Na pasada finde publicouse unha sondaxe que reducía ao 17% a cidadanía galega partidaria da autodeterminación. Mais esa porcentaxe acadaba case o 39% (fronte a só un 43% de contrarios) na franxa de idade de 18 a 35 anos. Conciencia de noso en devalo? Tan pouca conciencia nacional non haberá cando Feijóo no 2009 o primeiro que fixo foi deturpar o proxecto das galescolas e suprimir a nosa selección nacional de fútbol.
Nas enquisas do CIS son bastante máis os que se confesan só galegos ou máis galegos ca españois que os que se confesan só españois ou máis españois ca galegos (estes dous grupos achéganse á irrelevancia, mentres son relativamente potentes noutros moitos territorios do Estado). Dous terzos da cidadanía galega confésanse tan galegos coma españois. Mais refugan maioritariamente do Estado centralista ou dos procesos de recentralización que tan ben consideran en Madrid, Murcia ou Estremadura. E amosánse sempre propicios a un meirande uso público e privado do galego, malia que non sexa, por mor de variadas circunstancias, a lingua de uso normal de moitos que así acreditan.
Quere isto dicir que o galeguismo habería ler a xeito estes e outros moitos dados e formular propostas máis horizontais e achegadas á realidade social. Propostas que integren non só aos convencidos, senón aos centos de milleiros de persoas que, sen se definir galeguistas, teñen Galicia como referente vital e tamén aos que usan o castelán respectando e querendo o galego. Propostas que fagan ver na cidadanía que os sectores estratéxicos da economía galega son prescindíbeis para o Estado. Que Galicia non é periférica no eixo Europa-América e que a nosa historia e o noso presente está cheo de historias de éxito que cómpre coñecer e reivindicar.
Formular este relato require arrombar prexuízos ideolóxicos e adoptar modos pragmáticos e aperturistas que a moitos renxerá. Mais se queremos que o galeguismo sexa útil non lles hai outro camiño.

Empresas que viven aquí

Non é certo que a empresa privada, por definición, sexa máis eficiente que a pública. Todos coñecemos exemplos a eito de grandes empresas pertencentes aos sectores regulados, ao capitalismo de BOE e amiguetes, que son moi ineficientes. Gañan tanto por mor da regulación aprobada polo Poder amigo (exemplo, as distribuidoras eléctricas) que só atenden aos seus directivos.
Mais ninguén pode pór en dúbida que un país para medrar, mesmo para existir, precisa do emprendemento empresarial, no sentido que o describiu Schumpeter: innovar técnica e financeiramente nun ámbito competitivo, asumindo riscos e obtendo un beneficio variábel. Non hai nin pode haber crecemento e tampouco distribución da riqueza sen emprendemento.
Velaí a importancia que ten a saúde da empresa familiar galega. Porque o 92,4% por cento das empresas galegas son de propiedade e xestión familiar (sen contar autónomos). 69 das 100 principais empresas que operan en Galicia son de capital familiar galego. E esta caste de empresas galegas xeran máis Valor Engadido Bruto (2,2 M€/ano) que a media estatal (1,6 M€/ano). Tamén xeran máis emprego medio e presentan unha meirande feminización. As empresas familiares potencian o efecto-sede: a localización da xestión na Galicia afasta o risco de deslocalización das actividades estratéxicas e de meirande valor engadido (enxeñaría, dirección e coordinación xeral…), as que xeran postos de traballo mellor remunerados. Por desgraza, a deslocalización de actividades produtivas na actual conxuntura globalizada é dificilmente evitábel.
Mais as empresas familiares enfróntanse con graves limitacións: invisten menos en I+D+i, teñen peor acceso ao financiamento (o Mercado Alternativo Bursátil-MAB é moi limitado aínda), han resolver as crises de sucesión xeracional (poucas empresas familiares acadan a terceira xeración) e deben loitar por profesionalizar a xestión e mellorar a súa gobernanza. Velaí a importancia dos protocolos de sucesión e dos códigos de bo goberno corporativo.
As forzas que constitúen a alternativa de goberno ao PP na Galicia haberían definir a súa liña de actuación a respecto deste piar esencial da nosa economía e do noso benestar.

Iguais ca todos

As persoas que tivemos a sorte de que nos desen unha educación orientada á liberdade responsábel (“Xoanciño, fai o que ti creas que cómpre, pero non fagas o ridículo”) sentímonos un pouco roibos coa lectura dos whatss enviados polo Xefe do Estado e a súa dona ao seu común amigo López Madrid. Xenro de Villar Mir, penalmente investigado no asunto dos cartóns black de Bankia por gastos sen xustificar superiores aos 34.000 euros e que xa declarara en relación co financiamento ao PP en diñeiro negro na contía de 1,8M€.
Ben, pois toda esta información achábase ao dispor do Rei e da Raíña e, porén, non dubidaron en lle amosar ao López Madrid o seu apoio, quer considerando merde toda teimuda realidade que se interpuxese co seu amigo, quer convidando a xantar ao día seguinte a un individuo deste dubidoso comportamento. E isto só catro meses despois de xurar o mandato real.
Vai para os dous anos o Vello Rei tivo un detalle moi feo: ir cazar elefantes a Botswana coa que estaba a caer. E aos listos do establishment ocorréuselles unha operación para resgatar ao soldado Ryan, quere dicir, á Coroa. Porían no seu sitio ao Fillo, home da miña xeración e abondo preparado. A inmediata distancia que o novo Rei puxo coa súa irmá e o seu cuñado facía albiscar que a remuda lampedusiana podía causar bo efecto aparente.
Mais estas revelacións volven pór ao novo Rei e á súa dona a xogar na liga que xogaba o seu pai: a das persoas que se senten á marxe dos efectos das normas xurídicas e das convencións democráticas. E isto é bastante grave. E non só porque chova sobre mollado. Que tamén.
É grave porque o enorme déficit democrático da Coroa só se vai diluíndo se a Institución é eficaz na plurinacionalidade española e se é exemplar. Da eficacia na plurinacionalidade non hai moito que falar. Os propios discursos do Xefe do Estado denotan unha visión tan mesetaria coma a do Real Madrid. E agora resulta que a exemplaridade pode porse en cuestión.
Non só teñen que ser exemplares, senón parecelo. Porque, ao pretender ser depositarios da “auctorictas” sen se someter ao escrutinio democrático, non son iguais ca todos.

Non se pode vivir con medo

O antigo delegado da edición de Ourense dun xornal coruñés publicou unha “carta aberta a Anxo Quintana” que condensa os lugares comúns todos do obsesivo discurso que dende determinadas trincheiras manteñen fronte ao antigo vicepresidente da Xunta dende despois do verán do 2008.
A obsesión vén xa de vello. E a teima non é só persoal con Anxo Quintana -que tamén- senón con todo o que pertenza ao mundo do galeguismo moderno e capaz de artellar solucións prácticas para este País. Velaí a xenreira que destilou a respecto do manifesto a favor da reconexión coa sociedade, asinado o verán do 2011 -despois do 15-M- pola maioría dos alcaldes do BNG, moitos referenciados como quintanistas.
Anxo Quintana respondeu a carta manifestando que a clave desta xenreira e da insólita campaña de destrución persoal desenvolvida a primeiros do 2009 son as presións exercidas a respecto da adxudicación do concurso eólico, a fins do 2008. Naturalmente, ese relato pertence ao coñecemento do propio Quintana. O que eu lles podo dicir, dende a responsabilidade institucional que na altura exercía, é que encaixa milimetricamente con todos os acontecementos que puiden observar moi de preto ao longo das semanas seguintes, comezando pola estrañísima reacción (decembro do 2008) do representante da Consellería de Medio Ambiente, ordenada polo propio Pachi Vázquez, ao abandonar a comisión que tiña que propor a adxudicación do concurso eólico, sen que constase discrepancia ningunha, nin fáctica nin xurídica coa proposta da Consellaría de Industria. Cal foi a orixe desta orde de Pachi Vázquez?
Quintana, coma calquera, cometería erros políticos. Mais na campaña desenvolvida no 2008-2009 (e insolitamente reaxida agora, cando está fóra da politica activa) o detonante non foron aqueles. Foron os obxectivos serios e factíbeis do concurso eólico, que pretendían un substancial incremento da actividade industrial de Galicia e o empoderamento dos nosos emprendedores a respecto da dependencia co capitalismo español de amiguetes. Obxectivos que cumpría estragar.
Como di Quintana: “o medo a ser o obxecto da próxima cazaría afasta á xente da vida pública… Eu aprendín a lume que non se pode vivir con medo”. Pódese dicir máis alto, pero non máis claro.

A lingua e o Tribunal Superior de Galicia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a medio dunha sentenza profusa, confusa e difusa, vén de estimar parcialmente o recurso contencioso interposto por unha coñecida organización contraria á nosa lingua a respecto da Ordenanza Municipal sobre uso do galego no concello de Lugo, aprobada no 2012 por unanimidade (PP. PSOE e BNG). A sentenza non foi quen a interpretar a xeito os preceptos do noso Estatuto e das nosas Leis de normalización lingüística e de Administración Local de Galicia, creando un perigoso precedente para inviabilizar determinadas medidas de discriminación positiva a prol da nosa lingua, que é a propia do noso País e a que soporta unha moi minorizada posición, alicerzada tamén por unha insuficiente protección legal.
O fallo anula as obrigas de uso do galego impostas aos concesionarios e contratistas, por considerar que non se pode vulnerar o dereito de opción lingüística dos cidadáns e empresas privadas. Esquece clamorosamente o TSXG un principio básico do Dereito Administrativo que distingue entre cidadáns en xeral e persoas suxeitas a unha relación de suxeición especial. Concesionarios e contratistas atópanse neste último suposto e, xa que logo, é perfectamente legal esixirlle un comprotamento lingüístico determinado. Como acertadamente afirma a recoñecida administrativista da USC, Alba Nogueira, deste xeito dase o paradoxo de que se recoñeza a externalización dos servizos públicos no ámbito local (blindada pola Lei de modernización dos gobernos locais aprobada polo PP) como fonte lexítima de discriminación dos nosos dereitos lingüísticos.
Mais o fallo xudicial vulnera a protección legal da nosa lingua noutros importantes aspectos, ao prohibir a sinalización monolingüe en galego ou o uso preferente da lingua tanto na atención ao cidadán como na formación específica do persoal. Para máis anula o concepto “ámbito lingüístico”, descoñecendo que en Galicia o galego é lingua plenamente oficial e subordinando de feito a nosa lingua a unha posición preeminente do castelán en todo o Estado, que non atoparía cumprida excepción no noso territorio.
Mentres o TSXG acertou claramente ao eximir no IRPF do transmitente os pactos sucesorios subscritos en vida do mesmo, na cuestión lingüística vén de se trabucar gravemente.

O noso dereito a decidir

En Marea defendeu o dereito a decidir de Galicia no debate de investidura de Pedro Sánchez e éste, demostrando a súa boa crianza, asombrouse de que ata Galicia fale de autodeterminación, coma se nós estivésemos predestinados a xogar sempre na terceira división. Ao tempo, foron algúns os que reaxiron manifestando que o debate non debería ir por aí, porque Galicia ten moitas outras prioridades.
Certo que Galicia ten graves prioridades, canto á recuperación da súa industria, ao fomento da investigación e innovación, aos seus sectores produtivos maduros (lácteo, mar-industria, monte-industria) ou á súa vertebración territorial. Pero o que en economía para Galicia é prioritario, para España é pres-cindíbel. Velaí a relación directa entre a cantidade e calidade do autogoberno e o benestar da nosa cidadanía.
Mais a cuestión do dereito a decidir vai máis aló. Os seres humanos definímonos como persoas decidindo dende a autonomía persoal. Prolongar a minoría de idade, estender a tutela… manca o noso desenvolvemento. E son abondos os casos en que o titor confunde os seus intereses cos do tutelado. Cederlle a outra ou outras o control e decisión sobre as nosas vidas é limitante e, probabelmente, pouco interesante no persoal e no económico.
Cos países e territorios vén pasando algo semellante, agravado porque as redes de coidados e solidariedade non existen do xeito que existen entre persoas e familias. O dereito a decidir é a ferramenta para solucionar os problemas sociais e económicos deste intre histórico que vive Galicia. Porque o grao de autogoberno de Galicia habería pactarse co Estado e nunca ser imposto por este. Se non se recoñece esta cuestión non se poden abordar as solucións para “as cousas de comer”, xa que non existirán os vimbios xurídicos e políticos para remunerar a xeito a nosa enerxía, garantirmos o financiamento dos nosos servizos, xestionar no noso interese os portos e aeroportos ou definir unha política industrial eficaz.
Ou sexa que si. Que o dereito a decidir define directamente o noso “status” e o noso benestar.
Mais hai quen prefire ficar na casa paterna toda a vida e pedir unha reducida paga até esmorecer.