O talento do audiovisual galego

A Academia Galega do Audiovisual entregou n´A Coruña os Premios Mestre Mateo. Unha gala marcada polo absoluto dominio d’“O descoñecido” (12 agasallos de 16 dominacións). Tamén pola axeitada visibilización dos técnicos que fan posíbel os nosos produtos audivisuais (rexedores, eletricistas, carpinteiros de rodaxe), que por primeira vez entregaron parte dos agasallos. E pola preocupación por acadar meirandes cotas de igualdade de xénero. Nin unha soa directora entre os catro nominados. Como para pensar e actuar.
Salientábel foi a ausencia do Goberno de Galicia e do partido que o mantén. Nin o Presidente, nin o Vicepresidente nin un só Conselleiro. Tampouco foi o voceiro parlamentario do PP. Contrastaba esta ausencia coa presenza de todos os demais partidos, nomeadamente dos da nova política. Se o PP quería amosar en público a súa despreocupación e desafección a respecto do futuro dun sector da importancia económica e cultural do audiovisual galego conseguiuno. Mensaxe recebida, Monte Pío.
A actual desafección da Administración galega contrasta co consenso político existente dende 1999 ao 2009, co desenvolvemento dunha Lei Audiovisual aprobada por unanimidade no noso Parlamento. Xa que logo, acadouse un nível moi bo en canto a cantidade e calidade de técnicos, actores ou directores. Por desgraza, a industria audiovisual galega non é quen de reter este grande talento e moitas tiveron que emigrar. As series españolas están inzadas de actores e actoras de reparto galegos. Outros moitos en desemprego ou subempregados. As condicións de traballo en canto salarios, descansos, xornada, etc. son sinxelamente inaceptábeis.
Foi precisamente a unidade do sector o eixo do discurso do Presidente da Academia, Carlos Ares, que tamén incidiu na necesidade de que o público galego lle esixa máis ao seu audiovisual. A presentadora da TVG, Marga Pazos, por outra banda, insistiu en considerar indisolúbel o audiovisual galego da nosa lingua. O rol da TVG é indisociábel do uso do galego nos nosos produtos audiovisuais. Despois, podemos falar de nos abrir ás dobraxes, de captar rodaxes foráneas a medio dunha boa Film Commission e doutras medidas potentes para relanzar o sector.
Urxe, en calquera caso, unha fonda remuda da política de desafección que Feijóo implantou hai sete anos cara o noso audiovisual.

Os recortes sanitarios matan

Nestas mesmas páxinas publiquei, en xaneiro e febreiro de 2015, cadanseus artigos nos que advertía da grave deterioración da sanidade galega por mor dos recortes e denunciaba que o PP rexeitaba en sede parlamentaria financiar o novo tratamento farmacolóxico da Hepatite C por razóns económicas. Había cartos para promoción taurina ou para as deputacións e non para salvarmos as vidas dos doentes.
Sinceramente eu propio descoñecía a dimensión tráxica da realidade. Porque, mentres tal escribiamos e debatiamos, o 10 de febreiro de 2015 morría á temperá idade de 72 anos Isolina, unha cidadá coruñesa a quen se lle negou este tratamento dende xullo do 2014, cando recaeu na súa recorrente doenza até xaneiro de 2015, cando se lle autorizou xa tarde de máis para evitar a súa morte. Mais, á vista da denuncia penal da Fiscalía, semella que hai varios casos mortais canda o de Isolina.
Un médico da categoría humana e profesional do Dr. Varo (CHUS), con corenta anos de cumprimento do xuramento hipocrático, denunciou abertamente que foron os responsábeis do Sergas os que negaban os tratamentos e que por esas negativas morreron varias persoas. “Tiñamos o OK do laboratorio en vinte e catro horas e a Xunta atrasábase até sete meses”. Velaí a pouca credibilidade do Presidente Feijóo, quen semella ser o único que desvincula os recortes da austeridade coa deterioración da calidade sanitaria, ao tempo de lle botar a culpa aos médicos. Vivimos nun País cun dos presidentes que mellor sabe botarlle a culpa aos outros.
O asunto é dunha gravidade extrema. No pacto social confíamos no Poder para que garanta a nosa vida e a nosa saúde. Agora vemos que os axustes orzamentarios da austeridade, negando os tratamentos da Hepatite C ou xubilando aos médicos con 65 anos, afectan directamente á prestación sanitaria e, en último de contas, á calidade da nosa saúde.

Ten solución España?

Revélasenos agora que o goberno ZP-PSOE do 2011 quitou Panamá da listaxe de paraísos fiscais por mor de lle garantir ás construtoras do IBEX 35 a adxudicación das obras da Canle de Panamá. Calquera xerente ou directivo dunha mediana empresa galega contaralles o absoluto desleixo co que miran os servizos diplomático e consular españois os seus esforzos de internacionalización. En Madrid os nosos adoitan ser os do palco do Bernabeu. Non por acaso algúns condenaron Anxo Quintana aos leóns por tentar que a enerxía galega aproveitase á cidadanía e aos emprendedores deste País no canto de favoreceren ao capitalismo de amiguetes do IBEX 35 (agás algunha excepción e, moi nomeadamente, Inditex).
Visto o que vimos, miñas donas e meus señores, cómpre matinar un chisco sobre se a axenda social a executar, as medidas cidadás a desenvolver, poden ser enxergadas dende un Centro, Madrid, pexado cos vicios dun inxusto, ineficiente e atrasado sistema de apropiación, contrario ás máis elementais regras da libre concorrencia, ou dependerán, máis ben, dun proxecto nacional, semellante ao vasco, escocés ou islandés (con cadanseus 2,1 M, 5,1 M e 0,4 M de habitantes). Nós temos 2,7 M.
A cuestión non é nin ideolóxica, nin identitaria, nin esencialista. É, totalmente, pragmática e utilitarista. O Estado español está enfeudado nun capitalismo de amiguetes. A Coroa borbónica é a súa Axencia de Comunicación e o PP, PSOE e, agora, C’s, son os seus valedores partidarios. Cómpre que no que eles chaman periferias ou provincias vaiamos sendo quen a albiscalo.
Velaí que haberíamos entender a xeito os procesos que agachan conceptos como a “unidade do mercado” ou a “dimensión empresarial”. Trátase de que as empresas galegas non poidan gañar a cota de mercado mínima para sobreviviren na concorrencia internacional. Trátase de impor as mesmas regras en Getafe, Cartagena ou Betanzos.
Polo de agora é só unha intuición. Mais teño para min que o cambio político e social na España é ben díficil, con Podemos ou sen Podemos. E que si son posíbeis as fondas remudas no inmediato. Nos concellos, no Parlamento de Galicia e na Xunta, e de aí… para o Norte.

Un país de gañadores

Confésolles que me preocupa moito máis o proxecto de futuro deste País ca as leas sobre a súa identidade. Ou sexa, que non perdo un minuto en matinar se somos colonia ou xampú. Agora ben, negar a existencia evidente dunha identidade galega de noso no mundo é cousa de marcianos. Poñamos, a modo de exemplo, o noso dito “Deus é bo, pero o demo non é malo”. Enténdeno ben, verdade? Somos un país con grande sentido do humor e moi pouco dogmatismo estéril. Pois miren, alén dos Padornelos hailles máis de oitenta países que considerarían ese dito propio de herexes ou perigosos e nihilistas revolucionarios, cando non de persoas con gravísimas eivas psíquicas. Unha das grandes pexas de determinados relatos identitarios galegos teñen sido as choromicadas. Contarmos unha historia de perdedores que non é nin real nin atractiva. Que non mola, como dicíamos na escola. E que, claro, resulta moi difícil de mercar. De verdade somos un país de perdedores? Vostedes cren que un País que constrúe Compostela e que inventa o Camiño xacobeo pode selo? Un país que foi quen a botar fóra aos exércitos napoleónicos de Ney e Soult cunha coraxe que lle fixo dicir a Wellington que os galegos eran inimitábeis? Un pobo que foi quen a se recoñecer como tal na emigración, emprendendo unha loita alfabetizadora para cobrir a neglixencia educativa centralista? Un país que viu nacer Inditex, coas súas sombras, mais coas súas fulxentes luces? O relato dos galegos perdedores non é noso. Nace en Madrid para xustificar as inxustizas do sistema centralista, que foi quen empobreceu este País rico. Os mesmos que inventaron o conto do galego na escaleira. Verdade que vostedes saben cando están nunha escaleira se soben ou baixan? Pois iso. Mais o relato ese non é nada inocente. Quere facernos ver como un fato de persoas sen criterio nin orientación. Cando somos un país europeo normal, con moitísimos problemas, coma a meirande parte deles. Velaí que cumpra moita pedagoxía e autoestima para contarmos a realidade. Que podemos ser un País de gañadores. E que o relato dos perdedores abrolla canto máis miramos cara Madrid.

Xogaron con lume

O resultado electoral das estatais do 20-D deu unha combinación clara, atendendo ao -aparente- programa socialdemócrata do PSOE e á fasquía do seu electorado: tentar un Goberno de progreso con Podemos, IU-Unidad Popular, En Comú-Podem, Compromís-Podem e En Marea. Xuntar ao PNV (clave da maioría simple na segunda votación) e máis obter a ausencia de Esquerra e da Convergència refundada era só unha cuestión de negociación honesta e intensa.
Pedro Sánchez, quen inventou a moi enxeñosa xogada de atar en curto o seu Comité Federal -gobernado pola presidenta andaluza Susana Díaz e polo ex presidente Felipe González e demais portas xiratorias-, apelando ao plebiscito da súa afiliación, non foi quen de ver máis aló e quixo tranquilizar ao Ibex 35 pactando coa dereita aseada de Albert Rivera. O papeliño que PSOE e C’s asinaron era máis ca un canto ao sol. Era a barreira infranqueábel para que as outras forzas progresistas puidesen axudarlle no parto do Goberno de progreso.
Pablo Iglesias non podía, de ningún xeito, mercar ese produto. Mais nel estiveron de máis neste proceso acenos propios dunha inxustificada fachenda. Era evidente que tiña que ser Vicepresidente se saía ese goberno, non o era que amosase unha actitude autosuficiente que agora está a fanar a súa imaxe. Nin tampouco que considerase pouco menos ca subordinados aos que só son -e non por vida- socios na estratexia de rexeneración democrática e de visibilización dunha axenda social.
Das resultas deste despropósito -madrileño sainete-, Rajoy enfronta unhas máis ca probábeis eleccións no verán coa seguranza dun sólido chan electoral que lle pode dar, canda C´s, unha maioría non absoluta, mais si abonda. Porque Sánchez semella vai perder a súa oportunidade e o felipismo susanista imporá un goberno de Santa Alianza.
Pensando na Galicia, cómpre recuperarmos o plan B e mirar polo noso. Catalunya, Euskadi, Nafarroa, o País Valencià ou as Illes seguirán a se gobernar á marxe do diktat das eleccións estatais e cumprir cadanseu proxecto. A alternativa a Feijóo ha de se presentar sólida, plural e digna de confianza. E ollar menos cara ao home do chicho morado e máis cara ás experiencias municipalistas de cambio. Máis, tamén, cara á solvencia do galeguismo canto á gobernanza pragmática e proxecto de País.

Traballar máis e falar menos

O goberno do PP de Núñez Feijóo na Xunta foi ineficaz, cando non tendeu á inacción, malia contar un relato abertamente propagandístico que lle bota sempre a culpa aos outros, dende o bipartito até a Podemos. Ao PP góstalle falar, mesmo manexan ás veces a xeito as claves discursivas. Mais non gosta do traballo. En grande parte porque non lle ven utilidade. Non acreditan na xente deste País e prefiren quedar ben co capitalismo de amiguetes de Madrid.
Mais hoxe é probábel que unha alternativa plural retire Feijóo de Presidente. O que podería reverter a deriva de sete anos de dereita española para construír unha política de crecemento e reindustrialización, desenvolver a investigación e innovación ou vertebrar o territorio. Todo para crear máis e mellor emprego e conseguir que a xente nova que marchou volte. Para xerar un futuro que hoxe non se albisca. Mais as alternativas tampouco se constrúen só coa palabra, con ser esta importante.
Cómpre atraer o mellor coñecemento das necesidades dos galegos. O que supón contar, ao tempo, con xente nova de ideas novas e con xente de experiencia e práctica contrastada.
A alternativa que eventualmente asuma o poder galego no 2016 non pode fallar. É bastante previsíbel que, canda os votos, se confíe tamén un depósito de ilusión. Cómpre non traizoalo.
Non sería admisíbel enlamarse no “falar moito, facer pouco” do PP sen contar coas súas armas comunicativas e de achegamento social. E hai riscos nese senso. Non se trata de xestionar dun xeito continuista, senón de desenvolver unha xestión transformadora consonte cun proxecto de País. Mais o día a día ten que funcionar a xeito, si ou si. As primeiras persoas en se decatar das insuficiencias xestoras dos gobernos do cambio son precisamente as que os votaron.
Precisamente, o galeguismo político, en toda a súa pluralidade, é quen conta coa meirande parte deste coñecemento, desta experiencia e mesmo desta xente anovadora. Non por ser os galeguistas máis listos ca os outros, senón por dedicar as súas angueiras ao estudo dos problemas e solucións do País como centro de referencia. E por contar cun proxecto de País.
Esta realidade permite enfrontar as dúbidas e inquedanzas expostas con certa confianza.

España desconfía dos pactos

A incapacidade dos partidos españois para chegar a un pacto de goberno no Estado é paradigmática. PP, PSOE, C’s e Podemos tecen e destecen cara á galería, obsesionados con perder posicións tácticas, resoltos no fondo a non ceder das súas posicións. A lóxica competitiva imponse á cooperativa e avanzar cara ao compromiso non ten premio, malia a realidade da existencia dunha maioría de votos que empurra cara un goberno progresista de centro-esquerda.
En realidade, esta actitude xeneralizada ten fondas raigames na historia política e social de Castela como núcleo que se impuxo aos restantes países do Estado. A Coroa de Aragón, formada polos Reinos de Mallorca, Valencia e Aragón e o Principat catalán, baseábase na confederación voluntaria destes Estados e máis no pacto do Rei con cadanseus parlamentos (superiores ao Rei). Navarra ou Biscaia baseábanse nos pactos forais e na Galicia e Portugal valorábanse sobranceiramente as capacidades de negociación e compromiso.
Pola contra, a Coroa de Castela construiuse sobre a primacía do Rei e a unificación forzosa de leis e relixións. Castela liquidou a tradición de convivencia das tres relixións do Libro que un día imperou en Toledo e expulsou xudeus e musulmáns, mentres sometía á doma e castración ao noso país, liquidaba de feito as Cortes e, logo de sanguentas guerras, suprimía as liberdades aragonesas, valencianas e catalás (1707-1714) e laminaba os foros vascos (1839 e 1876).
O século XIX e o primeiro terzo do XX afondaron nunha España que resolvía os seus conflitos, tanto sociais como territoriais, dende a imposición. Callou, ao tempo, un modelo de español que ten as cousas claras e que pensa do único xeito que se pode pensar. Para este modelo, ben presente na política e na educación, os compromisos e pactos son “componendas” de xente feble ou dubidosa, cando non abertamente disolvente.
A guerra civil e a longa ditadura franquista levaron ás últimas consecuencias esta aversión ao compromiso, permitindo deste xeito que unha pequena elite monopolizase o poder político e as claves do capitalismo de amiguetes que o réxime centralista propiciou.
E velaí o resultado. Desconfianza e aversión cara á plurinacionalidade, fomento do capitalismo de amiguetes fronte á libre concorrencia e incapacidade para construír cooperando. Incapacidade para o compromiso no que gañemos todos.

Bases para un galeguismo útil

A fondísima crise do BNG, o fracaso na constitución do Grupo Parlamentario de En Marea e máis as insuficiencias do galeguismo político para conectar coas novas realidades sociais están a xerar importantes realiñamentos políticos. Medra a conciencia de que cómpre unha ampla converxencia para que o galeguismo reinvente a súa condición de forza útil e garantía de boa gobernanza.
Semella que esta converxencia habería ir moito máis aló que un simple reagrupamento ou “patchwork” de convencidos e vellas glorias. Para ser útil o galeguismo ten que resintonizar co País, nomeadamente coa xente máis nova. Ten que interpretalo e construír un relato novo. E para iso cómpre unha estruturación moi plural e horizontal, dende a adscrición individual, trascendendo dos estreitos límites orgánicos dos actuais partidos políticos. E procurando unha vocación cidadá, aberta e integradora.
Porque un galeguismo útil habería partir da nosa identidade, mais estará moito máis preocupado por Galicia como proxecto cívico e como vontade de ser. E interpretará o autogoberno como o instrumento imprescíndibel para o noso benestar, á vista de que os alicerces estratéxicos da nosa economía son absolutamente prescindíbeis para o Estado español.
Un galeguismo útil só pode basearse na convivencia interclasista nos valores da inclusión e cohesión social. Priorizando os servizos públicos como garantía de benestar. O que esixe tomar conciencia da necesidade dun novo financiamento autonómico e local e dunha compensación a xeito pola nosa vocación de produción enerxética.
Unha tal reformulación do galeguismo está chamada a se entender co progresismo español, nomeadamente con Podemos. Para gobernar e mesmo, probabelmente, para forxar combinacións electorais exitosas. Son forzas que partillan obxectivos no curto, mais dan vida a proxectos moi distintos.
Un galeguismo útil ten vocación de goberno e quere cogobernar axiña. É consciente das dificultades deste momento histórico, non promete asaltar os ceos nin o Palacio de Inverno e fornece día a día de solucións fondamente transformadoras, pero posíbeis. Porque sabe que o patriotismo, a honradez e o proxecto de País esixen unha gobernanza pragmática e útil para a cidadanía.