Gaña Leiceaga, perde Feijóo

As primarias para elixir candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta remataron cunha relativa sorpresa, pois Xaquín F. Leiceaga impúxose a Méndez Romeu (55,67% vs. 44,33%). A participación, arredor dun 65%, foi moi alta, en comparanza coas obtidas en procesos de primarias ou congresuais de Podemos, Anova ou o BNG. Quizais sería porque os dous proxectos eran nidios e definidos. E ía haber, de certo, gañadores e perdedores.
O exconselleiro Méndez Romeu achegaba boa capacidade política e relacional, indubidábel intelixencia e ampla experiencia. Achegaba tamén o apoio do superalcalde Caballero (en Vigo Romeu arrasou cun 77% de votos), da presidenta da Deputación pontevedresa Carmela Silva, dos exministros Caamaño e Blanco, do exalcalde lugués Orozco, do ex secretario xeral Pachi Vázquez e dos restos do vazquismo coruñés. Achegaba o proxecto de hexemonía socialista propio da época do felipismo e do guerrismo, que no 2016 é tan irreal que constitúe pouco máis ca unha desculpa para non artellar a alternativa plural que lle dea o relevo democrático a Feijóo.
Fronte esta potente alianza, Leiceaga achegou o sentido común da afiliación de base (que ten claro que o adversario é o PP e non acredita noutras andrómenas) e un proxecto de País que sempre lle acompañou e que lle vai permitir participar con forza nunha coalición galeguista e progresista de goberno, no caso moi probábel que PP e C´s non acaden no vindeiro outubro a maioría absoluta.
É chocante ler que a escolla entre F. Leiceaga e M. Romeu era puramente de persoas ou de grupos. Porque non era tal. Tratábase de decidir entre un proxecto de cambio, con perspectiva de País ou a recreación dun pasado localista e xacobino, en conexión con aqueles que semellan preferir Rajoy ou Feijóo a lle ofrecer á cidadanía unha alternativa plural que mellore a calidade da nosa democracia, que aposte polo crecemento e que enfronte as reformas precisas para lle dar canle á plurinacionalidade do Estado.
Velaí que o perdedor destas primarias sexa, moito máis ca Méndez Romeu e os seus aliados, o propio Núñez Feijóo. Porque agora, coma no xa distante 2005, enxérgase unha moi probábel alternativa plural que sexa quen de arquivar o austeritarismo romo e falto de xestión e ilusión que definiu estes sete anos de goberno do PP no noso País.

Responsables no caso Angrois

A sección da Audiencia con sede en Compostela vén de reabrir a investigación do accidente do Alvia (xullo 2013), anulando a resolución que pechara a mesma e ordenara abrir xuizo oral só contra o maquinista. O Xulgado agora haberá pescudar moito máis polo miúdo, nomeadamente porque ADIF non identificou a xeito o problema de seguranza da propia curva de Angrois, verdadeiramente perigosa, ao emerxer o seu risco de súpeto e sen transición.
A Audiencia non considera, porén, que a falla do novo sistema de seguranza ERTMS sexa delitivo por si propio. Mais abre unha porta a relacionar o grave perigo da curva de Angrois coa falla de medidas de seguranza que eviten dependermos dun só home. Porque no actual sistema de seguranza ASFA prevese que o maquinista poida perder a conciencia, mais non as distraccións, como si prevé o ERTMS. Xa que logo, a grave responsabilidade de ADIF sería permitir que na transición dun treito seguro a unha curva moi perigosa que esixe baixar a velocidade de 200 a 80 kms/h dependeramos dun só home. Dependencia que non existe nas liñas da Alta Velocidade Española (AVE) reais, é dicir a de Valencia, Sevilla ou Valladolid-Zamora. Velaí que sexa posíbel mesmo ampliar a condición de investigado a determinados responsábeis de ADIF pola omisión de medidas de seguranza.
Mais alén das responsabilidades penais están as responsabilidades políticas. Esas que non queren asumir un PP que agachou esas graves chatas de seguranza dende que chegou ao Goberno e un PSOE que inagurou a liña Ourense-Santiago de Compostela ás presas, sendo Pepe Blanco ministro en funcións. O que explica non ter mellorado a fasquía da curva, omitir o sistema ERMTS e outras deficiencias a respecto do verdadeiro sistema AVE implantado noutros territorios do Estado.
Explícanse, deste xeito, os atrancos ás Comisións de investigación nos Parlamentos estatal e nacional, os bloqueos informativos, a falla de investigación administrativa real ou o activismo da Consellaría de Xustiza para substituir os peritos independentes primeiramente nomeados polo xuiz Aláez por funcionarios da Xunta. Algo cheira a podre nos restos dos comboios do Alvia.

As contas do centralismo

Sempre que o Goberno central quitou a súa información sobre as chamadas balanzas fiscais (2008 e 2012), Galicia resultou suposta beneficiaria da solidariedade do Estado, avaliándose até en 3500 M€ a diferenza ao noso favor entre o supostamente recadado e o recibido.
Claro é que as contas do centralismo son parte dos moitos contos ou ladaíñas que retransmiten os voceiros -oficiais e oficiosos- do centralismo. E levan trampa. En primeiro lugar, contabilizan a Seguridade social contributiva, que non é cuestión de territorios, senón de persoas cotizantes. Eu gaño o meu dereito á pensión contributiva e á contía da mesma independentemente de onde cotizase. Tamén está a trampa do método de contabilización chamado carga/beneficio, que contabiliza como gastados e/ou investidos en Galicia o 5,4% dos orzamentos de Defensa, RTVE, Casa Real, Ministerios, cando a inmensa maioría destes gastos se fan en Madrid. Ou atribúenos o 7% da débeda pública estatal, cando só somos o 5,4% da súa poboación. A quen beneficia o gasto burocrático na súa inmensa maioría? Acertaron, á área de Madrid, que é onde se cobran os soldos e se fai o gasto.
Se empregamos a metodoloxía que os economistas máis neutrais xulgan de aplicación, resulta que no 2015 o Estado recadará uns 12.400 a 12.500 M€ na Galicia dos que a Xunta empregará uns 9000 M€ nos seus orzamentos. Alguén pensa que os servizos que presta o Estado na Galicia acaden o valor de 3.400 M €/ano?
Por outra banda, os nosos concellos receben só o 3% dos 17600 M€ que o Estado destina ás transferencias a entidades locais. É dicir, que nos quitan 500 M€ sobre o 5,4% que por poboación nos correspondería. Por que? Porque o Estado financia os servizos dos concellos só tendo en conta a poboación, non o seu avellentamento ou espallamento. Solidariedade con Galicia? Confórmome de entrada con que nos paguen o que deben. Que poñan eses 500 M€/ano adicionais e que transfiran á Xunta as competencias para distribuír eses fondos de cooperación local, como cumpriría en calquera Estado descentralizado.
As contas do centralismo, amais de se basear nuns dados moi opacos, constitúen pola súa metodoloxía e conclusións un insulto á nosa intelixencia. E que nos alcumen de parvos, sen nos recoñecer o que nos pertence e aínda vendéndonos o favor, sobarda os límites do aturábel na democracia.

A nosa selección

A afección respostou a xeito coa nosa selección nacional de fútbol fronte a Venezuela. 18.000 persoas son moitísimas para un amigábel no serán dun día laborábel e tan complexo familiarmente coma o venres. Mais tamén respostaron os adestradores. Fran González e Míchel Salgado fixeron unha paréntese en cadansúas internacionais e moi competitivas carreiras profesionais, para pór toda a súa ilusión e ciencia nunha equipa que amosou un grande nível de xogo. Para máis de termos a ledicia de ver cooperar Lucas Pérez e Iago Aspas, quitamos a convicción de que esta equipa, con tempo para se conxuntar, aspiraría a se cualificar para as fases finais da Eurocopa ou do Mundial.
E respostaron os xogadores, que o deron todo e saíron pedindo continuidade para a selección. E as empresas patrocinadoras, conscientes de que o apoio á nosa selección potencia cadansúas marcas e fomenta o seu negocio, que eles dirixen dende Galicia con vocación galega.
Velaí que a prohibición fáctica imposta pola Xunta do PP nos últimos sete anos e medio resulte, amais de absurda, revelatoria dun medo acerval á autoidentificación nacional deste País, que quere en moi grande medida ás súas seleccións e aos seus sinais de identidade. Para máis, a selección é un grande pulo para o noso fútbol, ao fomentar o coñecemento dos mellores xogadores profesionais galegos. A nosa selección, dotada do imprescindíbel nível de continuidade, crearía canteira e melloraría substancialmente as escolas do Depor, Celta, Rácing, Lugo ou Compos.
Mais o horizonte vital da nosa selección non pode ser o de xogar amigábeis eternamente. A súa participación internacional non está prohibida en lei ningunha, senón que depende dunha decisión libérrima da Federación Española de Fútbol, dacordo coa normativa FIFA. Noutros deportes, coma o fútbol gaélico, Galicia compite internacionalmente sen problemas.
A participación de Galicia nas fases preparatorias da Eurocopa e do Mundial non ten nada a ver coa unidade de España. Velaí o Reino Unido, que acolle dende sempre cadansúa selección de fútbol ou rugby de Inglaterra, Gales ou Escocia. E ninguén enfermou por iso. No veto da FEF á selección galega latexa unha mentalidade antiga e autoritaria e, dende logo, moi pouco deportiva.

Respectarmos a aconfesionalidade pública

O balbordo argallado polo PP contra a aplicación en cadanseu ámbito local do principio de aconfesionalidade polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e polo d’A Coruña, Xulio Ferreiro, amosa a pouca asunción pola dereita do principio constitucional de aconfesionalidade (ou laicidade positiva). Segundo este principio constitucional, os Poderes Públicos non teñen relixión oficial, mais han ter en conta as crenzas maioritarias da sociedade para cooperaren coa Igrexa Católica e as demais confesións. É dicir, nin confesionalidade católica nin laicismo, entendido este como o respecto ás confesións relixiosas no ámbito privado e apartamento destas do ámbito público.
Este principio é xa común a case toda a Unión Europea. Suecia abandonou o luteranismo como relixión de Estado no 2000 e Francia evoluiu dende 1945 dende o laicismo até esta laicidade positiva. A relixión oficial das monarquías británica, danesa ou norueguesa semella pouco máis ca un residuo tradicional e só a confesionalidade ortodoxa grega apártase deste acervo común europeo. A aconfesionalidade ou laicidade positiva é a lóxica conclusión dun proceso que parte das raigames cristiás da Europa medieval para gañarmos a plena autonomía e separación entre a Igrexa Católica e a Res Pública, gañada no século XX logo dun proceso que ten como fitos fundamentais o Renacemento, a Ilustración e a consolidación do Estado de Dereito.
Cómpre, pois, esixirlle aos nosos gobernantes que colaboren sen sectarismos coa Igrexa Católica e demais confesións. O alcalde de Compostela terá que artellar as mellores relacións coa diócese, diante da centralidade do fenómeno xacobeo na conformación histórica da cidade e na súa vitalidade económica actual. Mais non haberá participar nun acto estritamente confesional como é a Ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo. E Cuíña, Ferreiro e os demais alcaldes da Galicia haberán cooperar co labor social e cultural da Igrexa e demais confesións, mais de ningún xeito acudiren como alcaldes ao Corpiño, á Función do Voto, ao Cristo da Vitoria ou a outros eventos confesionais aos que acudirán, se lles peta, coma cidadáns privados.
A dereita extrema sabe que a meirande parte da cidadanía asume xa esta laicidade positiva. E usa destas andrómenas como mecanismo de fidelización dos seus apoios máis radicais.
Velaí que non haxa que lles mercar o relato.

Un proxecto galego autónomo?

En realidade, o que está a suceder no ámbito político de En Marea resposta á pura lóxica. Porque é posíbel, certamente, artellar unha alternativa en clave galega baixo o paraugas da confluencia de galeguistas, municipalistas e progresistas estatais, mais para iso cómpre recoñecer Galicia como o centro de decisión e referencia. Se mudamos esa referencia, ampliándoa cara ao Estado español, por exemplo, os conflitos axiña xorden. E xurdiron.
É realista e moi positivo que dous proxectos independentes, un galego e outro estatal, converxan, colaboren e se asocien en cuestións tan relevantes como arrincarmos a corrupción, construirmos a transparencia democrática, rexenerarmos o sistema político ou facilitar unha economía co centro nas persoas. Colaboren na gobernanza para transformar Galicia e o estado, dende o mutuo respecto, mais o que non é de recibo é que o proxecto estatal de Podemos-IU, certamente orixinal e suxestivo, entenda Galicia a xeito de sucursal ou polo menos de realidade subordinada, como en último de contas a entenden o PSOE, o PP ou C´s.
E non é de recibo porque Galicia conta cuns alicerces económicos absolutamente prescindíbeis no contexto do Estado. É dicir, os sectores e actividades que para nós son fundamentais, o que para Galicia son as cousas de comer, para a cidadanía española son abertamente prescindíbeis. Para máis, Galicia só achega o 5% do PIB do Estado e o 5,6% da súa poboación. E estes feitos irrebatíbeis non se resolven só con máis calidade democrática a nível do Estado nin tampouco cunha outra política fiscal ou social, malia que certamente poidan axudar.
Galicia obtivo na historia bos réditos da colaboración entre galeguistas e progresistas españois, como ocorreu no ano 1936 cando o Partido Galeguista obtivo da colaboración coa estatal Izquierda Republicana o Estatuto de Autonomía. Pero o límite á colaboración entre galeguistas e progresistas españois é o respecto real á nosa identidade nacional e, máis concreta, precisa e exactamente, o respecto e salvagarda dos nosos intereses económicos. Uns intereses económicos que, por moitas voltas que lle deamos, funcionan en clave territorial e non en clave de loita de clases.

A vitoria do nacionalismo escocés

Para entendérmonos ben os resultados electorais do pasado xoves na Escocia, cómpre entender o seu sistema electoral. O Parlamento escocés conta con 129 escanos (“seats”), dos que 73 (“constituency seats”) elíxense a medio dun sistema maioritario (gaña o escano o que gaña por maioría simple) e 56 elíxense a medio dun sistema proporcional. a razón de 7 por cada unha das 8 rexións electorais nas que se divide o país.
É un sistema pensado para que non haxa maiorías absolutas. E malia isto, no 2011 os nacionalistas do SNP acadaron esta (69/129 deputados). Agora ficaron dous escanos por baixo dela (63/129), malia que aumentaron os seus votos na elección maioritaria dos 73 distritos uninominais (46,5% agora fronte ao 45,4% no 2011). En calquera caso, os verdes, que tamén votaron a prol da independencia no plebiscito de setembro de 2014, acadaron 6 escanos, con máis do 6% do voto ás listaxes rexionais. Xa que logo, sentarán na sede de Holyrood 69 deputados a prol da independencia fronte aos 60 unionistas. Un grande éxito para a first minister Nicola Stugeon, quen repetirá mandato gobernamental, que será xa o terceiro para o SNP.
No unionismo produciuse unha reasignación de voto a prol dos conservadores de Ruth Davidson, que obtiveron 31 escanos (tiñan 15), fronte á grave derrota laborista (gañan 24, perdendo 13 escanos). Os conservadores gañaron todos os distritos uninominais dos borders lindantes con Inglaterra e o centro de Edinburgh e os laboristas perderon votos fronte aos nacionalistas, os verdes e os propios tories. Pola súa banda, os lib dem mantiveron os seus votos e escanos, malia que perdesen a cuarta praza fronte aos verdes.
Os tories perderan votos a moreas na Escocia das resultas da política desindustrializadora desenvolvida por Margaret Thatcher nos 80 do século XX, que xerou moita dor e pobreza interxeracional en moitas comarcas escocesas. A súa recuperación actual, da man de Ruth Davidson (37) ten máis a ver coa clave nacional ou territorial. Os novos votantes dos tories son antigos labour ou lib dem que buscan un referente unionista. Sinal inequívoco da forteza do independentismo na Escocia.
A cidadanía escocesa, xa que logo, vaise aliñando en clave nacional, alicerzándose o independentismo no centro-esquerda e o unionismo na dereita.

Madrid e o capitalismo de amiguetes

A centralización borbónica deulle a Madrid esa fasquía de pequena cidade burocrática e afastada de Europa, centro do sistema oligárquico-caciquil da Restauración que tan ben describiu Joaquín Costa. Unha oligarquía que moi axiña corrixiu o deseño competitivo e exportador dos primeiras propostas de ferrocarrís privados (velaí o Compostela-Carril) pola radialidade con centro en Madrid que define o mapa ferroviario español e o mapa das estradas impulsadas por Primo de Rivera.
O franquismo potenciou Madrid como praza financeira e centro económico. Mais o grande pulo foi o dos últimos corenta anos, coincidindo coa teórica descentralización do poder político. Defíníronse unhas prioridades infraestruturais (autovías e AVE radiais, nova terminal aeroportuaria que custou un billón de pts.), que non só potenciaron Madrid fronte aos eixos atlántico, cantábrico ou mediterráneo, senón que traballan para o grande lobby construtor-concesional.
O lobby da distribución eléctrica recada no seu favor dende un absurdo tarifario que penaliza ao conxunto da industria española e a Galicia como país produtor, mentres favorece aos grandes mercados do consumo doméstico que non producen enerxía, como Madrid. As sucesivas concentracións bancarias priorizan Madrid como praza financeira e vencellan irresolubelmente poder financeiro e poder político. O proceso de privatización das empresas públicas desenvolvido polos gobernos de González e Aznar concentran o IBEX 35 nos sectores regulados e extractivos que viven do BOE e non en empresas que compiten en libre concorrencia.
Este esquema transládase aos medios estatais, todos eles madrileños, que constrúen un discurso que identifica este Madrid do capitalismo de amiguetes coa unidade de España. Botín e Florentino Pérez frustran a operación para galeguizar o capital de Unión Fenosa (2006) e a grande distribución eléctrica presiona a Feijóo para arquivar un plan eólico que beneficiaba aos emprendedores galegos e ao desenvolvemento industrial do País (2009). E, coincidindo coa crise, a presión extractiva dos “lobbies” estatais intensificouse, mesmo concorrendo a actividades e contratacións que antes beneficiaban ás pemes galegas.
Madrid fagocitou Castela e vai camiño de facelo con Galicia.

Ocorrencias nada políticas

Un dos fenómenos políticos máis interesantes dos últimos tempos son as candidaturas de unidade cidadá ou “confluencias”, que integran partidos, axentes sociais e persoas do común de moi variada pluralidade. A cidadanía agasalla a unidade, recoñece a superación das diferenzas e aposta forte por esta caste de respostas políticas. Vímolo nas eleccións locais en Madrid e Barcelona e, no noso país, n’A Coruña ou Compostela.
Mais a praxe desta caste de instrumentos políticos habería ter en conta sempre que a cidadanía outorga a súa confianza para unha acción política urxente e de mínimo común denominador. Isto é, para construirmos unha gobernanza transparente e ética, para pormos a economía ao servizo das persoas e para arrincarmos a corrupción, entre outros obxectivos de ampla converxencia.
Xa que logo, estarán de máis ocorrencias como a promoción do veganismo (opción persoal respectábel, pero que non pertence ao ámbito do mandato recebido pola cidadanía), a consideración do aleitamento materno como o único xeito admisíbel para criarmos nenos ou a imposición da doutrina decrecionista, que non é un elemento teórico de xeral aceptación entre as bases cidadás destes novos instrumentos políticos.
Doutro xeito córrese o risco de entrar no ámbito propio da burremia, onde se insiren propostas como a da CUP de Manresa substituindo tampóns e compresas por copas vaxinais ou a bolivariana recomendando á muller venezuelana o uso de toallas sanitarias supostamente revolucionarias.
A xente vota esta caste de alternativas políticas para que resolva os problemas da gobernanza do común dende parámetros de servizo cidadán, renovación e participación democrática. Non vota, pois, para que os seus representantes así eleitos inflúan no ámbito propio das decisións persoais de cada unha nin para crearmos novos problemas onde non os había.
Cómpre, pois, atendermos ao importante, priorizar unha boa xestión transformadora e lembrar a busca constante do mínimo común denominador que permita integrar e seducir máis sociedade.
Por riba de todo, cómpre non perdermos o oremus.

A España uniformista

A aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, no 1981, institucionalizou un limitado autogoberno, que aínda sería restrinxido nos trinta e cinco anos seguintes por mor de sucesivas enxurradas recentralizadoras. Porén, mal que ben, o Estatuto e as primeiras leis da autonomía recoñeceron a cooficialidade do galego e os nosos símbolos nacionais, o hino e máis a bandeira, que axiña acadaron un uso xeneralizado. Recorrentemente as enquisas amosan que entre un 60 e un 65% da cidadanía asumen cadansúa identidade galega e española ao mesmo nível, mentres que un 25% séntense só galegos ou máis galegos ca españois e porcentaxes baixísimas (7-8%) séntense só españois ou máis españois ca galegos.
Contra do uso da nosa lingua e dos nosos símbolos nacionais –socialmente querido, cando non naturalmente aceptado–, veñen alzándose con intensidade crecente nos últimos tempos actuacións excluíntes, abertamente ilegais, de autoridades varias. Velaí o expediente sancionador incoado a un patrón de pesca galego en Santander por locer, canda a española, a bandeira galega no seu barco. Ou a requisa de bandeiras galegas nos estadios de Madrid ou Valladolid e de bufandas dos Celtarras en Vigo por suposta incitación á violencia, mentres en moitos estadios da España profunda locen sen restricións símbolos preconstitucionais ou abertamente nazis. Tamén a ríspida prohibición do hino galego acordada polo comisario da Federación Española no recente partido Basket Coruña-Breogán.
Pola súa banda, o uso normal da lingua galega atópase con moitas restricións de feito nos ámbitos xudiciais e policiais e en todos os vencellados coa Administración do Estado. Restricións que semellan non ir a menos nos últimos tempos, senón a máis.
Que está a suceder? Pois que mentres case dous terzos das persoas na Galicia non ven conflito entre as identidades galega e española, no Estado é crecente a exclusión da identidade galega e das identidades nacionais distintas á España castelá. É dicir, que a España oficial e a social e políticamente relevante non acredita máis nas identidades partilladas que no noso País son –aínda– percebidas con normalidade.
Velaí un problema moi serio.