Incapacidades das esquerdas españolas

Dicía Josep Pla que o máis semellante que había a un español de dereitas era un español de esquerdas. Porque partillaban doutrinas dogmáticas e impermeábeis, refractarias á negociación e unha idea de España unitaria, que percebía a plurinacionalidade como realidade que cumpría superar, cando non coma inimiga.
Os anos decorridos non teñen mudado substancialmente as posicións políticas. As esquerdas españolas ben puideron achegarse á realidade plurinacional do Estado con sinceridade e mesmo apreciar no autogoberno das nacionalidades a chave que servise de ferramenta para construír unha sociedade máis xusta, próspera e inclusiva. Mais mercáronlle o discurso territorial á dereita, sen entender que a democracia na España só se pode construír sobre o respecto á liberdade das distintas nacións.
A esquerda española careceu na Galicia dun discurso a respecto do medio rural ou dos problemas do mar, como tampouco a respecto da economía social, as pequenas e medianas empresas ou as diferentes bases económicas da actividade produtiva galega a respecto da española. Estas cuestións, que afectan aos problemas da xente común, foron sistematicamente esquecidas das axendas “progresistas” españolas.
Ao tempo, o autogoberno víase ás veces como angueira periférica pequenoburguesa e, no mellor dos casos, como cuestións secundarias. O certo é que para un progresista español a cuestión nacional galega é secundaria, porque non se trata dun problema da súa nación.
Unha auténtica esquerda federal pensaría en global, mais actuaría en local. Enchouparíase primeiro dos problemas e características económicas, sociais e culturais do País para logo propor solucións reais e acaídas. Mais a lóxica centrípeta minimiza que o factor territorial é inseparábel do social. O fracaso das esquerdas españolas non habería conlevar o fracaso de coalicións de cambio nas nacións do Estado. Mais o establishment progresista español, chámese PSOE, IU ou Podemos, non é quen a velo.
Lembro un misioneiro que nos quería aprender aos rapaces a cantar en swahili. Para el, coñecer esa lingua era un sinal de inculturación indispensábel para enfrontar a súa andaina na África. Nunca entendeu, en troques, que precisaría o galego para o seu ministerio en Galicia.
Aos progres españois pásalles algo moi semellante.

Novo relato, novos actores

Chegamos ao Día da Patria coa evidencia da división do galeguismo político en varias celebracións, coma se caese sobre el a maldición xudía da Vida de Brian. Lóxico é que exista pluralismo, ilóxico é que o galeguismo non sexa quen nin de celebrar xunto o Día Nacional. Velaí as resultas da falla de sentido transversal e inclusivo. As resultas do sectarismo, do esencialismo, do resistencialismo e do fulanismo.
Á vista das circunstancias, non lles haberá estrañar que eu sexa dos que acredite na refundación do galeguismo. Mais penso que, con ser importante, non abonda arestora coa mera concentración parcelaria, co simple traballo de patchwork. Non. O galeguismo político precisa dun novo relato, construído máis sobre as persoas, a vontade cívica de sermos e o benestar. Un discurso que explique por que precisamos dun Partido Nacional para defendermos os nosos intereses, ao representar só un 5 % do PIB e un 5,5 % da poboación estatais e ser as nosas bases económicas pouco relevantes no contexto estatal.
Un discurso que conte por que precisamos do máximo autogoberno para vivir decentemente. Un discurso que defina Galicia como unha pequena nación europea, cos seus problemas e vantaxes e que poña o acento nas oportunidades e nos nosos pontos fortes. Un relato que nos devolva a autoestima. Un relato que non só integre aos galeguistas, senón a todas as persoas demócratas que asuman Galicia como a súa referencia vital. Un relato de inclusión e cohesión e non de división clasista.
Este novo relato precisa de máis horizontalidade e menos burocratización e xerarquía. De máis escoitar á cidadanía e menos evanxelizala. A xente do común xa lles vimos aprendidos da casa. Un novo galeguismo precisa de pobo e ha fuxir do elitismo, atraendo ao tempo o coñecemento.
E precisa, tamén, de novos actores. Precisa da incorporación protagónica das xeracións máis preparadas da nosa historia, mais a carón de novas facianas das xeracións dos maiores e das intermedias. Esas persoas que traballan ben no eido social, profesional ou empresarial. Canto aos que foron até agora actores, a súa experiencia e coñecemento é esencial, malia que nunha fase primeira mellor haberían ficar máis ben na retagarda.

A ineficacia do estado de excepción

Dende novembro do 2015 Francia vive nun estado de excepción que limita substancialmente as liberdades democráticas, nomeadamente permitindo que a Policía poida deter persoaArmacotiá. Mais estas son restricións pensadas no beneficio cidadán, podemos viaxar libremente por mor desta caste de restricións. O que non achega nada á eficacia policial e si moito ao trunfo do ISIS son restricións das liberdades coma as que rexen na Francia dende novembro, como as detencións policiais sen control xudicial.
O inimigo terrorista islamita persegue a derrota do noso -ás veces cativo e deficiente- réxime de liberdades. O seu obxectivo é asoballarnos polo medo e tentar que Europa resposte ao seu terrorismo con medidas propias de sociedades totalitarias… detencións sen orde xudicial, toques de queda que despoboen os nosos espazos públicos, deportación dos europeos de orixe musulmá, confusión do Islam cos islamitas… Cómpre, pois, que termemos do medo e que pidamos máis e mellor prevención e eficacia policial sen restrición substancial da liberdade, alén das incomodidades dos controis e comprobacións.
A outra obrigada conclusión é a necesidade de abordarmos a nível europeo a coordinación da información das distintas -e necesarias- Policías locais, territoriais e estatais, a xestión conxunta da intelixencia e contrainsurxencia e máis a creación das Forzas Armadas europeas. Porque só un único Exército europeo poderá garantir a nosa seguranza dun xeito militar e economicamente sostíbel, rachando dinámicas estatais moi custosas nos recursos e moi ineficaces nos resultados.

O lobby bancario e as cláusulas-solo

En maio do 2013 o Tribunal Supremo español declarou a nulidade das cláusulas-solo que adoitaban incorporar aos seus préstamos para vivenda Cajamar, BBVA e Caixa Galicia. Mais, contradicindo o disposto para o efecto no Código Civil, limitou os efectos da nulidade ao periodo posterior á sentenza, no canto de aplicala dende a data de outorgamento de cadanseu préstamo.
Unha segunda sentenza confirmou esta liña, consolidando unha xurisprudencia que vincula ao resto dos Tribunais españois. Varios deles, porén, dubidando que unha tal interpretación sexa compatíbel coa protección aos consumidores que recoñece o Dereito europeo, presentaron cuestións prexudiciais ao Tribunal da UE. Os avogados da Comisión Europea apoiaron esta consideración. Mais o avogado xeral do Tribunal, emitiu un ditame -non vencellante- no que confirma que as teses do Tribunal Supremo non vulneran o Dereito europeo (malia que, entre liñas, o propio Avogado Xeral cuestione que o Tribunal Supremo aplicase a xeito o Dereito contractual español).
Outra volta, como xa ocorreu co Supremo, advírtese a cativeza da argumentación xurídica do Avogado Xeral europeo. E a falla de argumentos xurídicos e o emprego de argumentos macroeconómicos ou políticos (“salvarmos á Banca”) son claro sinal do éxito acadado polo lobby bancario español, suxeito a potenciais responsabilidades que algúns avalían até en 7.600 M€, a lle reembolsar a dous millóns de prestatarios españois.
Reestruturar ou resgatar á Banca é unha decisión política discutíbel, que pode crear efectos legais no ámbito do Dereito Público: suba de impostos, novos recortes, etc. Mais nunca pode actuar no ámbito dos contratos privados, incautando sen xusta compensación os cartos percebidos ilegalmente polos Bancos. Se unha cláusula-solo é nula, os efectos hanse computar dende o comezo de todo, dende que o Banco lle ingresou o préstamo ao consumidor.
O Tribunal da UE fixo até de agora un bo traballo protexendo ao consumidor do Estado español, nomeadamente no que atinxe ás execucións hipotecarias. Mais agora habería perder todo o seu ben gañado prestixio se confirma esta caste de argumentos de patacón.

Entrevista en Área Pública, o 13 de xullo, como Secretario Xeral de ACOUGA

O mércores 13 de xullo fun entrevistado por Susana López Carbia no programa “Área Pública”, da Televisión de Galicia, como Secretario Xeral de ACOUGA. Cómpre manter a confianza no Tribunal da UE, porque a nulidade das claúsulas solo só protexe integral e efectivamente ao consumidor se se declara dende o comezo da vixencia do préstamo. A entrevista completa pode verse aquí.

Esta é a postura de ACOUGA:

ACOUGA CONFÍA EN QUE O TRIBUNAL DA UE RECOÑEZA A RETROACTIVIDADE TOTAL DA NULIDADE DAS CLÁUSULAS SOLO, MALIA O INFORME DO AVOGADO XERAL

A Coruña, 13 de xulio de 2016. A Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga) cualifica como “documento de conclusións claramente político, influído e case predeterminado polo lobby bancario” a opinión emitida polo avogado xeral da Unión Europea, Paolo Mengozzi, que lle dá a razón ao Tribunal Supremo español na limitación dos efectos da nulidade das cláusulas solo só aos prazos contractuais posteriores ao 9 de maio de 2013.

Fronte ao informe de Mengozzi a respecto das cuestións prexudiciais formuladas por un Xulgado do Mercantil de Granada e unha Sección da Audiencia de Alacante, o secretario xeral de Acouga, Xoán Antón Pérez-Lema, considera que, de acordo co principio de efectividade (*), “é insostíbel” o argumento do avogado xeral de que a nulidade dende o momento do contrato non sempre beneficia efectivamente ao consumidor.

“A nulidade dende o momento do contrato ou beneficia efectivamente ao consumidor ou é neutral nos períodos nos que o tipo contractual referenciado ao euríbor foi superior ao tipo mínimo da cláusula solo, como o período entre febreiro de 2005 e novembro do 2007”, lembra Pérez-Lema.

Para o letrado coruñés, “non é certo, como di desacertadamente o avogado xeral, que non haxa diferenzas substanciais nas cotas dos préstamos con cláusula solo e sen cláusula solo, porque si existen, nomeadamente dende fins do 2008 até maio do 2013”.

Desprotección ao consumidor

Acouga considera que coa postura expresada polo avogado xeral créase un moi negativo precedente que pode destruír todo o prestixio do Tribunal da UE e da propia protección ao consumidor que outorga o Dereito europeo se atendemos a “argumentos de patacón” para socializar as perdas da Banca a cargo dos aforradores.

A asociación galega sinala que se cómpre reestruturar a banca italiana ou española deben adoptarse as medidas oportunas cos cartos públicos, nunca cos recursos dos consumidores.

Tendo en conta a transcendencia do problema a axuizar e a cativeza e falla de solidez das conclusións do avogado xeral, Acouga confía en que a sentenza definitiva do Tribunal da UE chegue á única conclusión posíbel para facer efectiva a protección efectiva dos dereitos dos consumidores que esixe o Dereito europeo: declarar a nulidade das cláusulas solo con carácter retroactivo, dende o comezo de vixencia de cada contrato.

Acouga recorda que o pasado mes de febreiro un xulgado de Primeira Instancia de A Coruña admitiu a trámite unha demanda colectiva presentada pola asociación para instarlle a Abanca a que devolva, con carácter retroactivo, as cantidades abonadas de máis polos posuidores de hipotecas antes do 9 de maio de 2013, data que puxera como límite a sentenza do Tribunal Supremo.

(*) O principio de efectividade esixe analizar se o Dereito procesual estatal permite a aplicación do Dereito substantivo da Unión Europea.

Texto íntegro das conclusións do Avogado Xeral

2016-07-13 Acouga

Precisamos o Partido Nacional

O mérito do “Chamamento de Vidán”, asinado por persoas do prestixio e valía de Xavier Vence -antigo portavoz do BNG- Carme Adán, Ana Luísa Bouza, Ana Rúa, Ana Miranda, Alba Nogueira, os antigos alcaldes de Sada e Boiro Abel López Soto e Xosé Deira, Xabier Toba ou o alcalde con maioría absoluta de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, está en diagnosticar a fin do ciclo do BNG, proclamar a necesidade dun novo partido galeguista de vocación maioritaria e distinguir este obxectivo a medio prazo do obxectivo a curto prazo de construir unha maioría alternativa a Feijóo.
Porén, non pode substraerse a unha certa -e quizais non consciente- pulsión de refundar o BNG para dirixir En Marea. Ou, dito doutro xeito, de facer nacer o Partido Nacional que Galicia precisa demasiado vencellado ao obxectivo estratéxico de lle dar o relevo ao PP en tres meses e demasiado dependente dun traballo de patchwork que nun 80 ou 90% recollería antigos afiliados ao BNG no 2011, no canto de sentar os alicerces deste Partido dende a base cidadá e dende o protagonismo de novos perfís, tamén entre profesionais, líderes sociais e xente nova.
Claro é que o coñecemento, a experiencia e o capital político do conxunto dos adherentes -canda os recentemente adheridos ao Foro Galego e tantas outras persoas adheridas ás distintas Mareas locais- será fulcral para posibilitar ese relevo nas eleccións nacionais galegas do outono. E para fornecer de cadros capaces a un futuro goberno de coalición que substitúa ao do PP. Porque nin para empoderar esta alternativa nin para mantela no vindeiro cuatrienio, a cidadanía vai admitir o discurso das xeneralidades e dos lugares comúns, senón que esixirá moita e boa xestión transformadora.
De calquera xeito, a construción do Partido Nacional transcende ás eleccións do outono. Mais, se a substitución de Feijóo non se acada, este proceso vai requirir dunha reformulación xeral e, moi probabelmente, doutras orientacións, no horizonte das eleccións locais do 2019. Neste suposto-dende logo ben negativo- o obxectivo estratéxico a medio prazo non pode ficar arrombado. E a liña estratéxica adoptada por Compromiso (CXG) terá moito que dicir.
Construír o Partido Nacional requirirá de moita intelixencia, nos seus destilados de xenerosidade, paciencia, sentidiño e relegamento dos personalismos. E de se abrir ao País real, a esas ducias de milleiros de persoas que, sen ser nacionalistas, teñen a Galicia como referente.

Angrois ou a desvergoña

A operación político-administrativa para agachar as responsabilidades políticas dos Gobernos de Zapatero (do que era ministro de Fomento Pepe Blanco) e Rajoy (do que é ministra de Fomento Ana Pastor) comezou, en realidade, cando a ministra puxo pé neste País, máis de 24 horas despois do accidente. O obxectivo era duplo: preservar a imaxe do AVE español e, con el, do lobby das grandes construtoras e salvar a PP e PSOE das evidentes responsabilidades políticas.
Vendeuse, logo, a teoría de que as responsabilidades comezaban e remataban no maquinista, mentres se preparaba unha investigación técnica totalmente sometida aos intereses políticos da ministra de Fomento e aos intereses económicos do lobby devandito. Ao tempo, rexeitábanse sucesivamente todas as propostas de comisións de investigación parlamentarias que puidesen depurar as responsabilidades políticas.
Porén, o xuíz Aláez amosou unha grande independencia e converteu a pescuda xudicial nun instrumento potencialmente perigoso para os intereses en xogo. A Consellaría de Xustiza bloqueou as periciais que ían desenvolver os enxeñeiros independentes Alfredo Matesanz e Hugo Ramos e propuxo no seu canto a dous funcionarios da Xunta (un deles antigo concelleiro do PP) que desenvolveron traballos moi curtos de metodoloxía e medios, impropios dunha pericial desta caste. Só o outro perito independente, o enxeñeiro Mariñas, achegou un principio de proba que lle permitiu a Audiencia estimar a apelación das vítimas e reabrir o remate da investigación decidido pola Fiscalía e o xuíz sucesor de Aláez.
Agora sabemos, en boa parte grazas a Ana Miranda, que as vítimas morreron porque na liña Compostela-Ourense non estaba implantado o sistema de seguranza ERTMS, presente en toda a alta velocidade española e que garante frear o comboio no caso de despiste do maquinista. Sabemos que non se investigou a mecánica do descarrilamento. E sabemos que o PP e o PSOE preferiron o lobby ás vítimas, asumindo tamén a consideración de Galicia como mera sucursal: defínese un AVE para toda España e que sexa Galicia quen mude a orografía ou pague as consecuencias.
Dá verdadeiro noxo semellante desvergoña política.

Máis Galicia

As eleccións estatais determinaron un rol relevante, mais non determinante, para o proxecto da España plurinacional e rexeneracionista de Unidos Podemos e das confluencias nas que participaban Podemos, IU e Equo, entre elas En Marea. A decepción para os morados foi evidente, malia que en último de contas amosaron que a nova política está aí e, de primeiras, para ficar, de non ser que sigan coa perrencha dos últimos días.
Galicia non é nin a primeira nin será a derradeira vez que sofre ese dilema de contribuír a unha remuda estatal en sentido democrático e progresista. Mais o tempo político para esta contribución xa pasou. É impensábel unha fonda remuda en sentido progresista e plurinacional da Constitución e mesmo das axendas da gobernanza e lexislativa impostas polo bipartidismo dinástico nos últimos trinta e cinco anos.
Mais si é posíbel (complexa pero factíbel) unha fonda remuda lexislativa e da gobernanza na Galicia, que pode adherir a outras nacionalidades e territorios (Catalunya, Euskadi, Nafarroa, Illes Balears, País Valencià) gobernados por coalicións de cambio, quer soberanistas, quer de coalición entre soberanistas e progresistas españois. A recente escolla de Xaquín F. Leiceaga como candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG fai albiscar unha posíbel liña socialista en clave galega, fronte á casposidade españoleira do PSOE andaluz de Susana Díaz ou do PSOE estremeño de Guillermo F. Vara. A meirande parte dos activistas e simpatizantes de En Marea, por outra banda, semellan asumir que Galicia é distinta, conta con intereses de seu moi marcados e ha construír o seu espazo propio. Nomeadamente os dos ámbitos dos distintos municipalismos.
Cómpre, pois, traballar con xenerosidade e intelixencia para artellar unha fórmula de unidade nacional que sexa quen de integrar os distintos galeguismos e municipalismos, ao tempo que siga tendendo a man ás organizacións e persoas non galeguistas que acrediten que Galicia é un país de seu con personalidade e intereses moi diferentes e, xa que logo, que precisa solucións políticas propias e independentes.
Dirán vostedes, pero isto todo non se falou xa o verán pasado e non saiu ben? Certo, mais a dinámica política, nomeadamente os erros de En Marea e o BNG, levounos a unha situación bastante semellante.
Se non vai desta é posíbel que non chegue a tempo.

Intelixencia e sentido de País

Malia que non sexan moi comparábeis os procesos electorais estatais do 26 de xuño e do 20-D coas autonómicas do vindeiro outono, os 68.000 votos perdidos por En Marea e os máis de 20.000 que perdeu o BNG constitúen o pau de palleiro para soerguer a alternativa plural ao PP para gobernar a Xunta. Ou, dito doutro xeito, sen recuperar estes case 90.000 votos é difícil que Núñez Feijóo non acade maioría abonda para gobernar. En Marea sufriu un desgaste non usual nun ciclo tan curto. Parte do voto galeguista retraeuse diante do claro predominio do vector español durante a campaña, reforzando o efecto dos fracasos en formar grupo parlamentario e amosar a utilidade para Galicia da súa representación en Madrid. Tamén pagaron a falla de participación das distintas Mareas municipalistas e máis a ausencia de primarias, ao evidenciarse que moita xente non só quere o cambio, senón participar na súa construción. Para máis, a mera comparanza dos resultados de Compostela e A Coruña cos de Vigo (onde En Marea mantén un 30,3%), sinala que o desgaste pola percepción cidadá da xestión dos gobernos locais (non necesariamente polos resultados obxectivos da xestión) multiplica estes efectos aló onde forzas municipalistas que apoian En Marea gobernan. Pola súa banda, o BNG sufriu o síndrome do voto inútil, malia a incapacidade de En Marea para captar estes 20.000 votos, que van todos á abstención, canda os perdidos polos mareantes. E nin uns nin outros amosaron autocrítica en doses abondas, aínda que, polo menos, non ofrecesen o tristeiro espectáculo de Podemos, que encaixou o seu relativo fracaso apelando a paveras teorías da conspiración que falan de pucheirazo, insultando á intelixencia dos votantes do PP ou ameazando con purgas aos disidentes. Así e todo, hai tempo para reaxir cara ás autonómicas, se se aplica a intelixencia e o sentido de País. Intelixencia para integrar con xenerosidade o mellor coñecemento e os galeguismos e municipalismos todos, canda o progresismo estatal se asume a plena independencia do suxeito político galego e da súa axenda. E sentido de País para ofrecer unha alternativa plural e un programa de goberno de mínimo comùn denominador, comprensíbel, transformador e realista.

Galicia precisa de política exterior

Relatorio da conferencia pronunciada na tarde do 28 de xuño de 2016, no marco do I Congreso Galego de Estudos Internacionais, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, organizado polo IGADI.

Galicia é sinónimo de calidade internacional en varios produtos e servizos. Por outra banda, conta cunha lingua e cultura propia que a abeira ao mundo lusófono e unha posición xeopolítica envexábel para o seu desenvolvemento como hub portuario entre Panamá e Europa. Mais só achegamos o 5,23% do PIB e o 5,5% da poboación española. Quere isto dicir que as nosas necesidades de promoción exterior, tanto no empresarial canto no cultural, son irrelevantes para España. O servizo exterior español non traballa para nosoutros, polo que teremos que facer este traballo tan importante pola nosa conta.

Por outra banda, contamos cunha mesta rede de Centros galegos, nomeadamente a Iberoamérica, hoxe en aberta crise moitos deles, pola lóxica nova mentalidade dos galegos de segunda e terceira xeración. Nalgúns países, como Catalunya, Uruguai ou Arxentina, a colonia galega mantén unha grande vitalidade e foi quen de xerar unha auténtica identidade compartida. Para máis, os galegos no mundo tenden estar ben recoñecidos polo seu traballo e polo seu carácter emprendedor.

Precisamos, pois, dunha política exterior potente e non só centrada na promoción empresarial, que é fundamental mais ha ser concibida como un dos eixos da propia política exterior, que debe darlle sentido dun xeito global e coordinado. Non acredito nos profesionais da acción exterior que non entenden nin integran a necesidade da promoción empresarial e comercial, mais tampouco entendo aos expertos en internacionalización empresarial e promoción comercial que non son quen a integrar o seu labor nun concepto global de política exterior.

Feijóo liquidou a política exterior galega

O concepto provincial e provinciano de Feijóo definiu dende 2009 moitos eidos da acción do Goberno galego (lingua, promoción turística, deporte). No caso da acción exterior, comezou por misturar inconvenientemente asuntos de política interna, como son os asuntos europeos, coa política exterior propiamente dita.

Mais recoñecendo que son asuntos ben distintos, aproveitaremos para lle dedicar unhas liñas á política europea. A presenza na Unión Europea é fundamental para un Goberno autonómico. E non só con técnicos sectoriais, senón con políticos. Galicia precisa dunha auténtica Misión en Bruxelas, dun auténtico Representante Permanente do seu Goberno, malia que non lle deixen sentar no COREPER. De políticos que a dirixen e coordinen os seus servizos variados, que vivan a vida política da capital europea, que obteñan información de calidade, que fagan lobby. Non é tan difícil, é o que están a facer xa Escocia (por certo con empregados públicos galegos, nalgún caso), ou Bavaria. A Oficina de Bavaria é un palacete a carón das Representacións Permanentes dos Estados Membros da UE. Non precisamos o palacete, ao mellor é un gasto non produtivo, mais si precisamos a mentalidade do palacete. Unha auténtica Representación Permanente subordinada á Presidencia do Goberno galego e que integre os distintos promotores empresariais, culturais… xunto cos representantes da nosa sociedade civil, dos nosos axentes sindicais, sociais e empresariais. É dicir, todo o contrario da lastimeira situación actual da Fundación Galicia-Europa.

Canto á presenza propiamente exterior, caracterízase pola súa fragmentariedade, descoordinación e absoluta sumisión ás directrices da diplomacia española. Como ten opinado o noso mellor experto neste eido e codirector deste Congreso, Xulio Ríos, o Goberno de Feijóo desenvolveu un proceso de demolición da acción exterior galega.

Os obstáculos recentralizadores da lei de acción exterior española do 2014

Acongresoestudosinternacionaisgaliciab acción exterior non foi allea ao proceso recentralizador desenvolvido polo Goberno Rajoy. Este aprobou unha lei de acción exterior (2014) que prohíbe aos Gobernos autonómicos asumiren compromisos internacionais vinculantes, agás expresa previsión nun tratado internacional. Unha lei de moi dubidosa constitucionalidade, pois, malia que as Comunidades Autónomas non teñan personalidade xurídica internacional, si teñen capacidade de xestión e actuación político-administrativa moi relevante, que lles pode levar a asumir compromisos xurídicos alén das meras cartas de intencións. Ademais da clara inconstitucionalidade, albíscase na Lei un concepto regresivo, xerárquico e burocratizante da acción exterior, totalmente allea aos tempos que vivimos.

Esta lei mesmo lle atribúe ao Estado o dereito de informar previamente a apertura de oficinas exteriores autonómicas. Malia que a decisión última sexa do Goberno autonómico, que sempre conserva a potestade de autoorganización. Máis ben esta capacidade de informe concibiuse dun xeito mediático, para fornecer de papers á prensa co obxecto de desacreditar Gobernos autonómicos que prefiren a acción exterior a outras finalidades orzamentarias. Cousas da trampa da austeridade.

Esta lei teoricamente quere dar un marco físico nas Embaixadas e Consulados españois ás oficinas exteriores autonómicas, mais sen lles outorgar os privilexios diplomáticos nin consulares. Non sei que vantaxe se pode tirar dunha colaboración tan trampulleira, malia que haxa que saber colaborar e en moi concretas e determinadas situacións as Institucións españolas no exterior poidan ser un bo marco físico da acción exterior.

Os Centros galegos e as Casas de Galicia

Galicia conta coa grande vantaxe de dispor dunha mesta rede de Centros Galegos, presentes na vida social, económica e política dos seus países de acollida. Hoxe en día esta caste de Institucións viven nunha crise grave e case permanente, xa que agás excepcións non son quen a atraer aos galegos de segunda e terceira xeración. Mais constitúen un recurso fundamental, que ha ser aproveitado no deseño da política exterior galega. Tanto no que atinxe ás sedes físicas, como ás relacións culturais, sociais, empresariais e políticas establecidas.

Os eixos principais da acción exterior galega

A acción exterior galega ha estar presidida polo concepto de promoción dos intereses galegos. O obxecto da acción exterior galega ha ser o coñecemento do País, porque só se vende o que se coñece e se apreza o que se coñece. Mais, sobre todo, a defensa e promoción dos nosos intereses, que nunca van ser defendidos polo servizo exterior español. Galicia ten que aspirar a ter moitos amigos e poucos inimigos, mais sobre todo a defender eficazmente os seus intereses.

Cales han ser os eixos principais da acción exterior? Atrévome enunciar os máis significativos no futuro:

a. A lusofonía ofrece un vasto campo de actuación na promoción cultural e empresarial e, nomeadamente, no ensaio e experimentación dun “status” oficioso internacional. Galicia non poderá adherir á Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) mentres non sexa independente, mais si pode adherir a xeito de observador. Brasil continúa a ser, coa súa crise, a metade da América Latina. Angola, Mozambique, Guiné-Bissau, Cabo Verde… son as plataformas de penetración en África, como Timor-Leste, moito máis modestamente, pode cumprir esa función no sur do Extremo Oriente.

b. A América hispana, con nomeada atención a México, plataforma comercial aberta a USA e Canadá, Panamá, Cuba, Venezuela, Arxentina, Uruguai, Perú, Chile.

c. A Europa costeira occidental, dende Cabo Norte até o Algarve, priorizando as relacións cos gobernos noruegués, islandés e irlandés e coas autoridades autonómicas galesa, norirlandesa, escocesa e as autoridades locais e rexionais inglesas. No mesmo eixo, coas rexións costeiras francesas e co Benelux, con atención especial, por razóns culturais e políticas, a Bretaña e Flandres.

d. China, Xapón e Corea, no ámbito do Extremo Oriente. De seguro Xulio Ríos podería falarnos horas sobre esta grandísima oportunidade.

Conclusión

Hai hoxe, 28 de xuño, 80 anos que a cidadanía galega decidiu plebiscitariamente acceder ao seu autogoberno e, xa que logo, gobernarse por si e estar por si propia no mundo. O camiño ao noso recoñecemento internacional comezou en setembro de 1933, a través de Plácido Castro, autor da comunicación que nos abriu o recoñecemento como nacionalidade pola Sociedade de Nacións. Hoxe en día, a Grande Recesión e a globalización multiplicaron a necesidade de sermos e estarmos no mundo. Porque só nos estimarán, só mercarán os nosos produtos e servizos e só confiarán en nós se nos coñecen. Velaí que as graves resultas da falla dunha política exterior galega nos convirtan cada vez máis en provincia irrelevante. E as provincias, por definición, non deciden, non avanzan, non progresan.

Velaí, miñas donas e meus señores, que as consecuencias da falla dunha política exterior galega vaian tamén directas, hoxe aos nosos petos, e mañá ás nosas posibilidades futuras de desenvolvemento.