Perdeu a oposición

Feijóo, máis ca o PP, gañou as eleccións nacionais deste 25-S, revalidando a súa maioría absoluta de 41 sobre 75 deputados e mesmo mellorando a súa porcentaxe (sobe do 45,8% ao 47,5%). O trunfo de Feijóo aséntase, evidentemente, no medio rural e nos sectores de idade máis avanzada. Porén, agás en Vigo (34,5%), obtivo bos níveis de voto, ben por riba do 40%, nos principais concellos urbanos de Galicia, demostrando que mantén apoio en todas as idades e franxas sociais. Feijóo papou grande parte dos votos de C´s, que agora sobardou en moi pouco o 3% (fronte á media do 7,5-8%), demostrando que as eleccións galegas son ben diferentes das estatais.
A clave desta excepcional maioría absoluta estivo na resposta política dada polas dúas forzas que competían pola segunda praza (En Marea e PSdeG, empatados con cadanseus 14 escanos). O candidato de En Marea é moi solvente, mais tivo moi pouco tempo para callar, fronte un Feijóo de universal coñecemento. Para máis, Podemos xerou en variadas ocasións tensións e desgaste no potencial electorado mareante e parte do mesmo voltou a vista a un BNG que comezou ao bordo da desaparición e rematou cun sólido grupo parlamentario de 6 deputados e case un 8,4%, cunha Ana Pontón que foi a revelación desta campaña e anuncia o consolidamento dun espazo soberanista galego e máis a inversión dunha tendencia que dende En Marea se xulgaba imparábel. O BNG fixo a mellor campaña.
Peor foi o resultado do PSdeG, que baixou catro escanos (de 18 a 14) e ficou un chisco por baixo de En Marea (17,8% fronte ao 19%). Neste caso, ao relativo descoñecemento do candidato Leiceaga hai que lle engadir a guerra suxa que lle fixeron o alcalde vigués Caballero e outros referentes institucionais socialistas.
Para entendermos a dimensión da derrota da oposición, cómpre ter en conta que o bloque de dereitas PP-C´s acada un 51% dos votos, fronte a un 46,6% do centro-esquerda, mesmo sumando Compromiso e Pacma. Se temos en conta que dende o 2004 os bloques electorais divídense aproximadamente na Galicia ao 50%, podemos ver quen ficou na casa. Esa abstención progresista fixo que os 680.000 votos de Feijóo (moitos menos ca os case 790.000 do 2009) lle desen semellante maioría absoluta.
A abstención do centroesquerda definiu as eleccións galegas. E non é mérito do PP, senón responsabilidade do conxunto das forzas da oposición.

Unha Galicia menos dependente

Das eleccións nacionais do 25 de setembro sairá un novo Goberno, que habería enfrontar a alarmante falla de proxección exterior de Galicia (a eito denunciada polos que máis saben neste país disto, que son Xulio Ríos e a súa equipa de analistas e investigadores do IGADI) e un exceso de dependencia a respecto da cosmovisión madrileña, que acentúa o efecto periferia, cando Galicia é absolutamente central no mapa das grandes rotas marítimas entre a Europa Occidental e a Canle de Panamá.
Claro que para tirarlle proveito a esa centralidade compre que Galicia asuma competencias exclusivas sobre os seus portos. E se non se acadan as necesarias reformas constitucionais e/ou estatutarias cómpre coller estas competencias vía lei orgánica de transferencia, ao abeiro do artigo 150.2 da Constitución. Porque para Galicia é fulcral organizar a súa rede portuaria con plena autonomía. Entre outras cousas para fusionar as Autoridades Portuarias da Coruña e Ferrol e converter este país en ponte entre Londres-Antuerpe-Rotterdam e a canle de Panamá. É unha prioridade galega. Non é unha prioridade española.
Outra transferencia inmediata que hai que quitar, si ou si, é a dos aeroportos, para poder xestionar unha rede aeroportuaria que garanta a nosa interconectividade con Europa potenciando negocios e turismo. O centralismo de AENA é estéril, abafante e prexudicial para este país. Os aeroportos galegos han ser complementarios entre eles, malia que haberían manter cadansúa autonomía de xestión, quizais asumindo fórmulas consorciadas de xestión.
Na política exterior hai que tomar a serio a Unión Europea e manter unha potente Oficina en Bruxelas ao xeito vasco ou bávaro, que constitúa de feito unha Representación Permanente, porque alí adóptanse as decisións principais das nosas vidas. E desenvolver unha activa promoción exterior, nomeadamente nos eixos da lusofonía, da Europa atlántica (velaí os vencellos cos países celtas) e da América hispana, pondo en valor a nosa mesta rede de Centros Galegos.
Nun mundo interdependente Galicia precisa estar no mundo para acadar máis benestar. Precisa desenvolver unha política exterior potente e depender menos, política e mentalmente, de Madrid.

Non está nada decidido

Malia que todas as enquisas publicadas a sete días das eleccións nacionais galegas outórganlle ao PP a maioría absoluta, na banda de entre 38 e 41 escanos, o xogo electoral segue aberto e hai partido. As enquisas coinciden todas cun nível de voto ao PP entre o 43% e o 46,7%, polo que unha meirande mobilización das xeracións novas e intermedias podería producir remudas importantes, na liña das eleccións nacionais do 2005, cando Fraga perdeu a maioría absoluta ou das recentes eleccións estatais de decembro de 2015.
Porén, baten as principais forzas da oposición co relativo descoñecemento dos seus candidatos e candidatas fronte ao xeral coñecemento de Núñez Feijóo. Velaí que as posibilidades reais de alternativa pasen pola non agresión entre as forzas galeguistas e progresistas, pola mobilización da metade da sociedade galega que vota contra o PP e por uns resultados de C´s no limiar dos escanos, mais sen obtelos, pouco por debaixo do 5% en cada unha das catro circunscricións.
O pacto de non agresión entre as forzas progresistas vai indo, en liñas xerais. Porén, máis incerta é a mobilización dese 57,2% da enquisa do CIS que quere “outro ou outros partidos distintos do PP” no Goberno da Xunta, malia que semelle ser posíbel. Por outra banda, as enquisas anuncian que C´s si lle vai roubar uns milleiros de votos ao PP que non lle darán doadamente para escano.
Indubidabelmente existe unha maioría social que perdeu co PP e con Núñez Feijóo estes sete anos e medio. Que perdeu cos graves recortes en sanidade, dependencia e educación, coa suba do desemprego do 12% ao 17,7% e coa redución das rendas salariais. Que viu emigrar milleiros de rapaces e rapazas ben estudados. Que sofriu unha política desleixada, cando non agresiva a respecto dos mexilloeiros, produtores do cerco, gandeiros e sector naval.
Velaí a necesidade dunha remuda na gobernanza deste País. Os partidos que poden darlle a alternativa ao PP (que contará de certo cos escanos de C´s no caso de quitalos) non están a prometer a lúa e os seus candidatos e candidata semellan persoas honestas e competentes. Unha coalición que substitúa o goberno de Feijoo non será o caos nin vai matar ninguén. Pola contra, pode ser o comezo para un programa de goberno a catro anos que revirta o mal camiño polo que Núñez Feijóo leva a Galicia.

O medo de Núñez Feijóo

A Xunta vén de aprobar un decreto de atención ao cidadán que desnaturaliza absolutamente a política de discriminación positiva que lle esixe a Lei de Normalización Lingüística. De hoxe en diante, o mero feito de que o cidadán use o castelán activará a resposta, verbal ou escrita, da Administración autonómica nesta lingua. Até de agora (na teoría, como a todos vostedes lle consta) a lingua de uso preferente era o galego e o castelán usábase obrigatoriamente só cando o demandaba expresamente o usuario.
As políticas de discriminación positiva veñen esixidas polo Estatuto de Galicia, pola Lei de Normalización Lingüística de 1983 e polo Plan de Normalización Lingüística do 2004 (ambos os dous aprobados no Parlamento por unanimidade). O galego é a nosa lingua propia, aínda de uso maioritario, mais minorizada por circunstancias históricas e pola actuación a prol do castelán dun Estado español moi pouco respectuoso coa nosa lingua. A Constitución impón un desequilibrio normativo a prol do castelán, xa que só este é de coñecemento obrigatorio. Neste contexto, estas políticas son esenciais para compensar parcialmente a abafante imposición do castelán en todos os ámbitos da vida pública e comunicacional. Velaí a gravidade deste decreto, que semella pensado para reducir drasticamente o uso e máis o prestixio do galego na vida administrativa.
Como se lle ocorreu esta medida a Núñez Feijóo ás portas das nosas eleccións nacionais? Por medo. Mentres case todos vimos fóra de xogo á candidata de C’s, Cristina Losada, no debate da CRTVG, o líder do PPdeG presentiu o perigo de perder uns milleiros de votos, basicamente concentrados en Vigo e A Coruña e que xiran arredor dos sofismas de Galicia Bilingüe. Por iso retrucoulle en castelán e lle dixo que falaba castelán cando lle petaba. Como xa pasou nas eleccións do 2009 para frearlle o paso á UPD de Rosa Díaz, o líder da dereita subordina a normalidade a respecto do galego que profesa a grande maioría dos seus votantes para reter uns poucos votos de persoas extremistas na cuestión lingüística, ao xulgalos esenciais para manter a maioría absoluta.
Galicia Bilingüe, afastada da centralidade e irrelevante socialmente, segue a lle marcar a axenda política ao PPdeG.

Neutralidades que matan

Absterse ou votar en branco son decisións lexítimas. Pero non son, aquí e agora, decisións cívicas, decisións de cidadáns responsábeis. Galicia enfronta unhas eleccións nacionais decisivas, nas que nos xogamos afondar na depresión social, económica e política que presidiu a vida do noso país nos últimos sete anos e medio ou posibilitar unha alternativa plural que tente darlle a volta a un presente no que sobrancea o abandono do territorio e do medio rural, a emigración da xente nova máis cualificada, a falla de oportunidades empresariais e unha ferreña dependencia dun Madrid cada vez máis invasivo, recentralizador e monopolizante.
A pluralidade de opcións fronte á dereita é unha realidade, é unha circunstancia. E, ben mirado, é unha oportunidade. Existe unha oferta variada que permite escoller cal é o matiz que cada quen quere privilexiar para lle dar o relevo á omnipresente dereita de Rajoy e Feijóo. En Marea, Compromiso, BNG ou PSdeG están hoxe por un cambio substantivo, malia que gradual e tranquilo, polas propias limitacións do marco institucional e pola propia dinámica dun goberno alternativo que terá que botar man do consenso, da participación e da sedución social como principais ferramentas de traballo. Os candidatos principais (Villares, Pontón, Leiceaga ou Bascuas) son persoas honestas e competentes. Non son tolos visionarios nin demagogos. E semellan ser quen a traballar en equipa.
O que se xoga o 25-S non é a revolución, nin a independencia, senón a posibilidade de executar un programa de goberno de ampla base, que mire polos intereses das maiorías sociais, que reactive en beneficio dos máis a economía, que use e amplíe o autogoberno como ferramenta principal do benestar e que se poña a traballar nos grandes eixos do noso futuro: ordenación territorial, política portuaria, innovación, sectores primarios, reindustrialización, acción exterior, afirmación da nosa lingua e cultura… Un programa de goberno plural, pero consensuado, realista, mais transformador, que rache coas inercias e poña en valor o traballo de ducias de milleiros de galegos con ideas e aptitudes. Que poña de vez Galicia na Europa e no mundo.
Sempre haberá repunantes. Mais desta volta o que non vote que non veña chorando despois. Porque hai neutralidades que matan.

Fagan favor, fagan goberno

A análise da recente enquisa do CIS amósanos o extraordinario rendemento electoral que pode quitar a dereita nas eleccións nacionais do vindeiro día 25, en termos de maioría absoluta parlamentaria, dende unha minoría (menos do 45%) de votos. A regra D´Hondt desaquela a representación, premiando aos máis votados e castigando aos demais, nomeadamente cando ningún acada o 50% dos votos do partido máis votado.
Malia todo, a enquisa do CIS (dabondo cociñada, pois converte cadansúas intencións directas de voto do 30,6%, 17% e 11,7% ao PP, En Marea e PSdeG en cadanseus 44,9%, 20% e 20%) reflicte que hai partido. Porque un 37,9% dos enquisados manifestan preferir a Feijóo de presidente, mais un 57,3%! prefire que gobernen outros partidos. Porque C’s semella non vai quitar deputados, mais mantén níveis probábeis de voto arredor do 4% que restan de electores do PP. E porque as forzas de oposición son as preferidas polos segmentos de idade media e nova que, porén, semellan aínda os menos mobilizados.
É evidente, pois, que a eventual activación do electorado galeguista e progresista podería quitarlle a maioría absoluta ao PP. E, nestas circunstancias, acada unha fulcral importancia a escenificación da vontade de pacto das forzas de oposición, como vimos dicindo a eito e como veñen de pedir varias ducias de persoeiros do noso mundo cultural, comunicacional e universitario no seu chamado “Fagan favor, fagan Goberno“. O cidadán que quere votar alternativa ao PP precisa que se lle dean probas da utilidade do seu voto. É dicir, quere saber que posibilitará un goberno plural e alternativo, que faga as cousas dun xeito oposto á xestión do PP nestes sete anos e medio. Semella que as principais forzas da oposición non se opoñen a esta solución. Mais con iso non abonda. Cómpre repetilo a mantenta, cómpre escenificalo, quer nos encontros partidarios, quer nos debates plurilaterais. Cómpre desbotar os tacticismos estériles para construír un modelo de gobernanza que lle dea canle a esa maioría social que agarda por unha solución política non continuísta con estes sete anos e medio de empobrecemento social e económico e deconstrución nacional.
Falen e pacten as liñas básicas dun programa de goberno. Fagan favor, fagan Goberno.

O conto da unidade de mercado

De certo que moitas persoas ficarían pampas diante da adxudicación dos postos do polbo de San Froilán de Lugo a un “chiringuito financeiro” madrileño, sen experiencia hostaleira ningunha. Máis graves foron as adxudicacións dos servizos de comedores escolares a empresas andaluzas que non cumprían os mínimos níveis de calidade e fornecían xantares propios do Sur peninsular, desaquelados a respecto dos nosos costumes e necesidades. Por outra banda, son continuas as queixas a respecto da calidade e axeitamento da comida no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cando a alimentación dos doentes hospitalarios é parte do propio tratamento médico.
Subxace en todos estes casos a sacralización do único criterio do prezo, que beneficia as ofertas das empresas máis grandes e con mellor financiamento. Grandes empresas estatais ou multinacionais, con importantes vencellos cos operadores políticos, mediáticos e financeiros madrileños, que están a expulsar ou, polo menos, a subordinar ás empresas locais (as nosas, as galegas) que son as que achegan experiencia técnica e coñecemento sectorial.
Baixo o pretexto de garantir a unidade de mercado o PP de Rajoy abusou da súa maioría absoluta para aprobar, na fin do 2013, unha lei “ad hoc” que impide ou dificulta en moi grande medida que a Xunta e os nosos concellos poidan priorizar na contratación administrativa e na regulación da actividade empresarial circunstancias ou requisitos que potencien a contratación de persoal local, que esixan requisitos ambientais ou de calidade propios de Galicia ou que tenten fomentar o tecido empresarial local.
Esta Lei de garantía da unidade de mercado (que estudou a eito a Profesora da USC Alba Nogueira, experta en Dereito Público), xunto con outras normas, como a de modernización dos gobernos locais, constitúen en realidade un mecanismo de recentralización que recorta substancialmente o autogoberno galego e local, ao tempo que fana as posibilidades dos Poderes galegos para reactivar a actividade económica e o desenvolvemento sostíbel. Potenciando aos de fóra, mancan as nosas empresas e danan o noso benestar.
Miran moi ben o que lles convén e, para iso, contan os contos que lles cómpre.

O sentido do aforamento

O xa fracasado pacto de investidura entre PP e C’s incluía a supresión xeneralizada dos aforamentos para os representantes institucionais e cargos públicos e xudiciais, incluídos os previstos no Estatuto de Galicia. Unha previsión ben chocante, xa que o aforamento dos deputados e conselleiros galegos é materia estatutaria que non pode ser regulada dende Madrid. Neste e noutros aspectos claramente recentralizadores do fracasado pacto advírtese que os partidos unionistas sonlles supostos constitucionalistas moi pouco respectuosos da Constitución e do Estatuto.
Mais, para alén do indiscutíbel dereito a decidir de Galicia sobre se afora ou non aos seus deputados e conselleiros, cómpre avaliar se segue a ter sentido hoxendía esta institución, xurdida para lle garantir aos parlamentarios protección no seu discurso e acción fronte a eventuais prendementos por parte dos axentes de El-Rei ou dos estamentos xudiciais, fortemente vencellados ao Poder Real. É dicir, a institución do aforamento non naceu como privilexio do deputado, senón como garantía obxectiva da súa función. A cidadanía quería que os seus representantes tivesen protección fronte aos abusos do poder e, xa que logo, deulles inviolabilidade e unha canle procesual para que as acusacións contra deles fosen xulgadas por un Tribunal colexiado, que puidese xulgar estas persoas de xeito máis equilibrado.
Velaí por qué, no caso do aforamento e no caso tamén das retribucións dignas no exercicio da función representativa, é a cidadanía quen gaña, sobre todo se avaliamos o grande poder suxeito a poucos controis dos lobbies e grandes corporacións. No caso de Galicia, ademais, a Sala do Penal do Tribunal Superior de Xustiza semella un órgano acaído para o axuizamento dos deputados e conselleiros, tanto pola experiencia dos seus maxistrados como polo seu carácter colexiado e achegado ao País.
Certo é que, nalgúns casos, os propios políticos interveñen indirectamente no nomeamento de maxistrados dalgúns Tribunais que xulgan aforados, nomeadamente no caso do Tribunal Supremo. Mais semella que a solución, alén de suprimir os aforamentos, sería a de despolitizar o Supremo, modificando a elección dos seus membros e os do Consello Xeral do Poder Xudicial.