O mito da creación de emprego

Unha mentira repetida mil veces remata por se asumir, polo menos por amplos sectores sociais, como unha verdade. Boa parte da opinión publicada madrileña insiste en que o Estado español é líder europeo na xeración de emprego. Segundo estes propagandistas de quenda estaríamos saíndo da crise.
Non hai tal. A creación de novo emprego relaciónase intimamente co moi intensivo proceso de destrución de emprego sofrido polo Estado nos anos da Grande Depresión, que chegou acadar un 25,7% de desemprego segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) nos anos 2012 e 2013 (19% agora). Mais o novo emprego non se contrata nas condicións do destruído. Perdeuse, nomeadamente na Galicia, emprego industrial con soldos que hoxe nos semellan dignos. E xeráronse ducias de milleiros de subempregos suxeitos a condicións moi desfavorábeis: xornadas parciais (que logo se converten, moitas veces e sen remuneración adicional, en totais), retribucións baixas pola desregulación (emprego creado á marxe dos convenios ou privatización de servizos públicos) e temporalidade.
Hai expertos que calculan o subemprego no 27% do conxunto do emprego a nível estatal. Estaríamos no Estado en níveis reais de paro estimado do 24-25%, no canto do 19% que nos di a EPA hoxe en día. As novas rendas salariais non xeran, pola súa cativeza, case cotizacións para a Seguridade Social nin impostos directos. Os novos traballadores son pobres, na súa maioría. E unha sociedade que crea un emprego que non permite saír da pobreza é unha sociedade fracasada e con graves problemas de lexitimidade.
Esta caste de emprego non lle permite desenvolver un proxecto de vida á xente nova. Pois logo, a natalidade seguirá nos níveis actuais ou empeorará. A estrutura demográfica española (que lles dicir da galega!) anticipa un futuro con crecementos próximos a cero.
Velaí que o crecemento nominal de emprego dos últimos dous anos non fixese máis que alimentar os desequilibrios dunha economía sen correcta asignación de recursos nin xustiza na distribución.

Demagoxias

É sabido que a actividae institucional ten límitacións retributivas. Velaí que o líder de En Marea, Luís Villares (maxistrado do TSXG) ou Xulio Ferreiro, alcalde d’A Coruña (profesor titular da UDC e maxistrado suplente da Audiencia de Lugo) perdan diñeiro co seu compromiso político. Probabelmente estas limitacións sexan difíciles de obviar, porque é inconveniente converter as retribucións institucionais nunha poxa. Moito máis nun país -Galicia- cun soldo medio tan baixo.
Agora ben, é incomprensíbel como dende Podemos se desenvolve un ataque tan directo contra a dignidade retributiva dos cargos institucionais. Dignidade retributiva que é unha necesidade da política para a xente e, nomeadamente, da política de oposición parlamentaria. Con enfoques demagóxicos como este, Podemos non fai senón validar as ladaíñas da dereita e dos grandes lobbies: “Son todos iguais”, “as súas prioridades son garantirse soldo e privilexios”.
Que os nosos representantes institucionais gocen dun soldo digno, dun bo soporte administrativo e loxístico e de axeitados medios ofimáticos e informáticos constitúe un requisito para que desenvolvan o seu labor con dedicación, eficacia e independencia. Sendo tanto máis importante canto máis afastado estea o seu partido do poder económico e político. O voluntarismo e o voluntariado son moi meritorios, mais adoitan ser bastante menos eficaces.
Por outra banda, o obxectivo dunha forza progresista non ha ser levar o precariado ás institucións, senón dignificar as condicións de vida e traballo dese precariado. Hai talento e experiencia que moitas veces non se aproveita por prexuízos esquerdizantes ou por actitudes adanistas, o que xera déficits de eficiencia e resultados que rematan xerando divorcio con amplos sectores da cidadanía.
A derradeira carta da baralla é pretender que o líder dunha forza emerxente, como é o caso de Luís Villares, financie e conduza douscentos kms. diarios despois da súa xornada parlamentaria para construír partido ou fique sen retribución ningunha entre o 4 de agosto e o 20 de outubro.
Queremos que só os parados ou os ricos poidan dedicarse á política?

Gañou a vella España

A decisión maioritaria (59 vs 41%) do máximo órgano estatal entre Congresos do PSOE acordando a abstención do seu Grupo Parlamentario para permitir a investidura de Rajoy na segunda votación anuncia a implosión e fragmentación do vello partido socialista, cando non a súa pasokización até a irrelevancia.
O PSOE non quixo escoitar ao conxunto da súa afiliación nin á maioría dos seus electores, claramente enfrontados coa política de Rajoy, deconstrutiva das liberdades e dos servizos públicos e tolerante cunha corrupción que aniñou en moitas das estruturas do PP. Asemade, grande parte do seu electorado galego, catalán, vasco, navarro, valenciano ou balear rexeita as políticas recentralizadoras e o inmobilismo territorial do PP.
Gañaron os sectores do PSOE máis vencellados ao inmobilismo arredor do esgotado modelo da transición e á vella España. Os que defenden as portas xiratorias para que os seus se lucren nas empresas de distribución eléctrica e do complexo construtor-concesional que manexan as grandes decisións do Madrid político, financiero e mediático. E os que lle mercan o casposo modelo territorial ao PP. Non por acaso, gañaron polo seu dominio nos territorios do Sur onde reproduciron circuítos caciquís de xestión. Na Andalucía, Susana Díaz partilla con Rajoy o mesmo interese en que se dilúan as investigacións e axuizamentos da corrupción que a cerca. Este común interese explica moitas cousas.
É o trunfo da vella España a respecto da España que podía abrollar, dunha España do século XXI que reivindique as políticas inclusivas socialdemócratas (verdadeiramente socialdemócratas) e a súa convivencia plurinacional. Velaí que o Estado español fique hoxe máis preto de remanecer indefinidamente bloqueado en acadar o cambio nas políticas, nas gobernanzas e no modelo territorial que precisa. Isto será malo para todos e, dende logo, daralle pulo aos territorios que aborden a súa vida á marxe dun sistema caduco e esgotado.
A implosión socialista chegou tamén a Galicia e iso obriga a En Marea e, seguramente, ao BNG para desenvolver propostas que poidan acoller as sensibilidades tradicionalmente vencelladas ao PSdeG. Claro é que isto precisará sentidiño, concordia e integración. Todo o contrario, por certo, do que está a facer Pablo Iglesias.

O lugar do BNG

O BNG enfrontaba as eleccións nacionais do 25 de setembro despois dun proceso de sete anos e medio de continua perda de sufraxios electorais nos comicios galegos e estatais. Proceso este no que teñen moito a ver os propios erros da dirección frontista e os esencialismos e resistencialismos tan propios das dinámicas internas do Bloque.
Xa que logo, as expectativas eran de acadar só mínima representación polas circunscricións atlánticas, sen desbotar a posibilidade, máis remota, de ficar fóra do Parlamento.
Mais o BNG foi quen de reaxir. Elixiu unha moi boa candidata, persoa nova mais de ampla experiencia parlamentaria que foi quen de actualizar e facer atractivo un discurso soberanista e social sen por iso abdicar dos principios nos que se recoñece o sector social que adoita apostar polo BNG.
A campaña de Ana Pontón foi fulcral para conter a corrente de voto usualmente BNG que estaba a emigrar cara á abstención, ao tempo de facer voltar milleiros de votos que apostaran polas Mareas nos procesos locais e estatais do 2015 e 2016, quizais por dúbidas –máis ou menos fundadas– sobre o grao de independencia e galeguidade da oferta electoral mareante.
Velaí eses seis deputados acadados. Un moi bo resultado que triplica os agoiros e lle garanten ao BNG un Grupo Parlamentario, en igualdade relativa de armas a respecto do PSdeG e En Marea. Un moi bo resultado que potenciará a solidez que conservaba o BNG en bo número de concellos pequenos e no eido sindical e lle permitirán competir con En Marea e PSdeG na fixación de cadansúas áreas de influencia social e electoral. Cun Grupo Parlamentario moi anovado e un discurso suave nas formas e rexo no fondo, o BNG será beneficiario, canda En Marea, da previsíbel implosión do PSdeG.
Fica pendente cal será a relación entre En Marea e o BNG. Se vai rexer entre elas a competición ou a colaboración. Arestora aínda gaña a tendencia competitiva, mais moita xente das dúas contornas sabe que isto ten de mudar. Porque, de non apostar ambas as dúas forzas por construír unha cultura do pacto e entendemento (no nível nacional e nos níveis locais), haberá Goberno/s do Partido Popular por moito tempo.

Diluíndo a corrupción

Vaia por Deus. Correa ía canda o tesoureiro do PP representando a algunha grande empresa que pretendía algunha importante licitación de infraestruturas nos distintos Ministerios. Ía Bárcenas ao Ministerio de quenda e aquelaba o que tiña que aquelar para que a adxudicación correspondente fose para a empresa amiga presentada por Correa. Acadado o éxito, Correa cobraba e llelo daba a Luis Bárcenas. Así até 2004. Claro, resulta que o Goberno Zapatero chegou á Moncloa a mediados de abril dese ano. Ao mellor o fío rompeuse por ese pequeno detalle.
E foilles así. Non pasou máis nada. Correa e Bárcenas. Bárcenas e Correa. E máis ninguén.
Correa ten dereito constitucional a mentir e, sobre todo, a agachar a verdade que lle prexudique. Mais calquera persoa cun mínimo de formación xurídica ou experiencia institucional sabe que para que esa maquinaria funcione cómpre moita peza do Noso Señor. Nomeadamente altos cargos políticos que decidan e planifiquen, mais tamén funcionarios que tramiten e emitan informes e propostas de adxudicación. Velaí que o relato de Correa poña baixo sospeita xeral a xestión toda na contratación pública dos Gobernos do aznarato (1996-2004), por certo todos partillados por Mariano Rajoy como ministro. Non por acaso o caso Gürtel é o caso PP, coma o caso ERES é o caso PSOE-A.
Enténdese agora a implacábel estratexia obstrucionista seguida polo PP de Rajoy contra esta investigación (e as demais separadas do tronco xeral da Gürtel). Apunten: o PP recusou todos os xuíces instrutores: Garzón, Ruz e De la Mata. Tamén criticou acedamente por parcialidade ao maxistrado De Prada que está axuizando este caso e máis á xuíza Freire, instrutora da causa por encubrimento e danos informáticos (lembrarán que alguén na sede xenovesa borrou os arquivos dos ordenadores que usaba Bárcenas). Mesmo veñen de pedir a nulidade da investigación deste xuízo.
Coincide no tempo esta estratexia de dilución da corrupción do PP, de lle tirar a importancia a unha podremia que acada o PP como organización, cos esforzos de Susana Díaz, líder do PSOE de Andalucía, para diluir a corrupción do caso ERES, coa finalidade de salvar aos xenerais Chaves e Griñán.
Semella que diluír a corrupción é parte esencial do pacto de investidura implícito que PP e PSOE van acordar moi axiña.

O lugar da Marea

Os resultados de En Marea nas pasadas eleccións nacionais galegas foron obxectivamente positivos, acadando o segundo posto en votos por riba do PSdeG. Malia esta realidade, a maioría absoluta do PP e as elevadas expectativas xeradas arrefriaron en boa medida esta realidade obxectiva.
Tampouco axudou o descoñecemento do candidato que, porén, foi a máis na campaña e revelouse como un candidato solvente, con grandes potencialidades e boa capacidade de chegada a amplos sectores sociais. Non só a eses sectores máis militantes e concienciados, que nin gañan eleccións nin definen a centralidade do País.
Mais o tempo político muda as prioridades a toda velocidade. E velaí Villares e En Marea enfrontándose á necesidade de cobrir o oco que está deixando baleiro a crise agónica do PSOE, estendida de vez ao PSdeG. Quere isto dicir que a Marea ha exercer a serio o seu rol de primeira forza da oposición e construir un discurso para maiorías, pivotado sobre a radicalidade democrática, mais tamén sobre o galeguismo e sobre propostas sociais e económicas transformadoras, pero realistas.
Nesta liña de traballo, Luís Villares atopará, de certo, algunhas resistencias, nomeadamente nas direccións galegas de Podemos e de EU, que non aceptan de grao que En Marea sexa un partido independente, galego e de adscrición individual. Mesmo contará no Grupo Parlamentario cun certo número de mareoescépticos, cando non con algunhas persoas que lle traballen á contra. Porén, conta coa maioría galeguista e municipalista da executiva provisional e co moi probábel trunfo destas sensibilidades nun futuro e próximo congreso que defina de vez os parámetros de traballo dos mareantes, afastándoos da perigosa e magmática indefinición.
En Marea precisa que sexa tomada a serio. Que sexa vista como nunha alternativa política seria e real e non coma unha moda. Para iso terá que medrar, madurar e evoluír. Terá que gañar un grao de confianza na sociedade para que sexa percibida como útil. Semella que Luís Villares, Xulio Ferreiro, Antón Sánchez e moitas máis son conscientes disto. Mais os inimigos son moitos e non están todos fóra.

Integrarmos a diferenza

Os valores de inclusión e cohesión social propios dunha sociedade moderna e democrática esixen integrarmos aos diferentes. Nenos e nenas con diversidade funcional, aqueixados de parálise cerebral, síndrome de Down, cardiopatías ou sofridores de doenzas graves non están a ser integrados a xeito no sistema educativo galego. E as súas necesidades tampouco están a se fornecer no noso sistema sanitario.
Lemos e escoitamos día a día historias de diferentes crianzas que sofren discriminación pola súa condición diferente no noso sistema público (a situación en centros concertados é aínda peor). Se a crianza non controla os seus esfínteres non hai recursos que atendan á súa limpeza e comodidade. Chaman pola nai (sempre pola nai) para que deixe traballo ou ocupacións e vaia á escola atender á filla. Os recortes da dereita non dotan aos centros de persoal non docente que poida atender estas necesidades e outras como axudarlles cos seus problemas de mobilidade ou darlles as menciñas e tratamentos. Carencias impropias dunha sociedade avanzada.
Mais tamén o SERGAS desatende as necesidades destes nenos e nenas. As persoas que sofren parálise cerebral requiren de fisioterapia continua para superar a dor e a rixidez dos espasmos que sofren. As crianzas aqueixadas de cardiopatía requiren de fisioterapia respiratoria continuada. Pois ben, esta continuidade se lles nega. Aténdeselles por quendas e con meses de interrupcións entre elas, frustrando os resultados terapéuticos que esta continuidade obtería.
Non falemos xa dos Centros especiais que tiveron que pechar pola supresión ou redución das axudas. Ou do abandono total das políticas de integración polo emprego das persoas con diversidade funcional. O caso de ASPANAS TERMAL en Ourense amosa ben ás claras o desleixo da Xunta a respecto deste obxectivo.
Coma sempre, as carencias do público atopan na cidadanía unha axeitada resposta para cubrilas. Profesores que atenden esas necesidades materiais non educativas que habería fornecer o persoal non docente que non existe, nenos e nenas atentos a axudar aos seus compañeiros… Mais para integrarmos a diferenza compren solucións políticas e non solidariedade voluntarista.

O lugar do PSdeG

A resaca da batalla do comité federal do PSOE chegou a Galicia, onde Abel Caballero cuestionou xa a representatividade da xestora presidida por Pilar Cancela que goberna o PSdeG dende a demisión de Xosé Ramón Gómez Besteiro. Semella un chisco chocante esta preocupación do alcalde vigués, cando dez dos once membros galegos do comité federal votaron contra Pedro Sánchez, só dous meses despois que o conxunto da afiliación galega ratificase Xoaquín F. Leiceaga como candidato á Xunta, fronte ao candidato apoiado por eses dez membros.
Ao PSdeG ocórrelle algo semellante ao que lle ocorre a moitos outros partidos socialdemócratas europeos: non teñen unha diagnose da situación actual e, xa que logo, non poden achegar propostas de futuro viábeis. Na Galicia agrávase substancialmente esta indefinición pola absoluta inadecuación entre o sucursalismo amosado historicamente por boa parte do PSdeG e a necesidade dun proxecto propio e autónomo para este País.
Precisamente, os níveis máis altos de apoio cidadán aos socialistas nunhas eleccións nacionais galegas déronse cando foron quen a contar cun relato galego de seu. Eis os 28 deputados acadados por González Laxe no 1989 ou os 25 de Pérez Touriño no 2005.
As diferenzas estratéxicas entre ese sucursalismo, que adoita integrar tamén os sectores máis relativistas a respecto da corrupción e máis achegados a unha consideración inmobilista da Constitución, e os sectores renovadores, gañadores das primarias deste verán, xiran arredor da política de alianzas e, en concreto, sobre a necesidade de tecer alianzas naturais con En Marea (canda as distintas Mareas municipais) e BNG. O PSdeG nunca foi quen de ser alternativa por si só, porque na Galicia nunca existiu propiamente bipartidismo. Velaí que recoñecer esa circunstancia e construír acordos de goberno locais e, en diante, nacionais sexa absolutamente preciso para o PSdeG se non quere ser unha organización inútil.
As “vellas glorias” sucursalistas do PSdeG están hoxe en día fóra da realidade, como xa llelo manifestou a afiliación ao empoderar Leiceaga fronte a Méndez Romeu nas recentes primarias nacionais. Non velo sería inviabilizar unha alternativa ao PP por moitos anos.

Portas xiratorias e xarróns chineses

O máximo órgano do PSOE estatal entre Congresos causou a demisión de Pedro Sánchez, ao rexeitar por maioría absoluta a súa proposta para a convocatoria axiña dun Congreso Extraordinario con primarias directas para elixir o novo Secretario Xeral. Os baróns e as portas xiratorias, guiados polo xarrón chinés Felipe González, determinan, outravolta, a caída dun Secretario Xeral elixido directamente pola afiliación.
A necesidade de remover Pedro Sánchez había ser moi importante para que estes baróns e portas xiratorias asumisen o dano orgánico e reputacional que esta crise lle ten xerado e lle xerará aínda ao PSOE. Esa necesidade concretábase na continuidade de Mariano Rajoy como presidente do Goberno do Estado, evitando un Goberno alternativo que se enxergaba no horizonte, baseado nos alicerces do PSOE, Unidos Podemos, En Marea, Compromís e demais confluencias e coa aprobación tácita do PNV, ERC e os exconverxentes do PDC.
Como queira que este non nato Goberno alternativo non ía facer revolución ningunha nin tampouco recoñecer de primeiras o dereito a decidir de Catalunya e das demais nacións do Estado, cal era o problema? O problema tiña varias facianas. A da corrupción, onde PP e PSOE andaluz partillan claros obxectivos de dilución das variadas frontes xudiciais ás que concorren. A do mantemento dunha distribución do Poder Territorial xa fracasada, afondando nunha recentralización que só beneficia á inviábel macrourbe madrileña e aos seus axentes financeiros políticos e mediáticos. E a das grandes empresas dos sectores regulados, que querían garantir a continuidade dos marcos normativos favorábeis á concentración bancaria, á grande distribución eléctrica e aos intereses recentralizadores e privatizadores dos grandes grupos construtor-concesionais. Grandes empresas que dominan ao 100% o ámbito comunicacional de Madrid, que exporta doutrina ao Estado todo. Velaí o triste espectáculo do xornal El País e dos informativos estatais da SER, definitivamente abducidos por esta Santa Alianza.
Velaí que este vello PSOE, moi consciente da limitada, pero substancial reforma que se achegaba, preferise salvar o peor do sistema da transición antes de ofrecer unha alternativa viábel para transformalo.

Podemos como problema

En Marea e Podemos enxergan dous proxectos ben distintos, malia que si poidan colaborar en cuestións da axenda social e económica e da rexeneración democrática. Antes semellaba que podían colaborar tamén no eido do recoñecemento práctico da plurinacionalidade do Estado, malia que agora non estea moi claro.
É verdade que Luís Villares foi elixido candiato só 50 días antes das eleccións contra un candidato de universal coñecemento. Tíñao, pois, moi difícil. Mais o certo é que En Marea non tivo oportunidade para se construír como partido ínstrumental de adscrición individual, galego e independente, antes do 26 de xuño, precisamente polo bloqueo que até entón mantiña Podemos.
A formación galega foi bombardeada a eito, quer dende Podemos Galicia, dirixida por Carmen Santos, quer dende a coalición de Secretarios locais que pediron o voto para terceiras opcións. E, sobre todo, foi acosada dende a Executiva estatal de Podemos polo binomio Echenique-Bescansa, primeiro para frustrar o partido instrumental e logo para colonizar as súas candidaturas dende o máis brután entrismo. Polo de agora, o último episodio escribiuno o inefábel Monedero, pontificando dende parámetros abertamente centralistas.
En Marea acadou un resultado electoral aceptábel, malia que ben por baixo das súas expectativas, con ese segundo posto en votos. Ten agora, baixo a dirección de Villares, unha oportunidade para se consolidar como principal referente da oposición, á vista da crise sistémica do PSOE. Para iso cómpre que Luís Villares e a directiva mareante desenvolvan un programa parlamentario e social moi intenso e en clave moi plural, combinando os imprescindíbeis elementos rupturistas no eido da calidade e rexeneración democrática co posibilismo transformador que lle permita achegarse ás capas sociais que seguen instaladas na abstención ou no voto ao PP. Non son xa tempos de asaltar os ceos e Podemos habería de se repregar ao territorio que lle é propio.
Unha Marea así dexergada sería arestora o espazo natural do galeguismo socialdemócrata de Compromiso, que baixou de 15.500 votos no 2012 a pouco máis de 4.000 agora. Afogado pola falla de medios e de altofalantes semella que a calidade dos seus cadros e o rumo que podería adoptar En Marea favorecería esta integración.