Castro na historia

O réxime castrista (certamente unha ditadura) non pode ser comparado, nin na súa xénese nin na súa evolución, cos réximes represivos de Pinochet, Videla ou Franco, que xorden de cadanseus golpes militares contra a legalidade constitucional. Nin tampouco coa revolución bolxevique de Lenin, que constituíu un golpe violento dunha minoría contra o goberno constitucional ruso. Calquera destes réximes baseouse nunha represión sanguenta, en que os mortos se contan por ducias de millares (mesmo por millóns no caso soviético), xa que o que se pretende é a aniquilación dos cadros políticos do adversario. Ninguén pode negar que no castrismo non houbese represión nin presos políticos, mais os níveis represivos non admiten comparanza ningunha.
Porén, se Castro entrou na historia foi polo xorne popular e interclasista da súa revolución, desenvolvida fronte á ditadura sanguenta de Batista, só apoiada pola mafia do xogo e polos terratenentes do azucre. O movemento dos barbudos, como a Fronte Sandinista na Nicaragua do 1979, foi quen de xuntar unha potente coalición de clases medias e populares e elementos intelectuais fronte un ditador odiado que só resiste pola violencia.
Ben é verdade que Castro prometera no 1959 unhas eleccións libres que nunca convocou, coa xustificación da invasión norteamericana de Playa Girón no 1961. Esta agresión norteamericana obriga ao réxime castrista a xogar a tope a carta da URSS como aliado. Castro, entón, enfrontou a tarefa de construír o seu modelo colectivista e esqueceu o pluralismo.
No 1959 Cuba era un país con certo grao de desenvolvemento que excluía na miseria a un terzo da poboación e onde os analfabetos se contaban por millóns. A revolución castrista acadou uns níveis sanitarios e educativos propios de Occidente, malia o bloqueo sofrido, nomeadamente intenso dende 1990 por mor da caída da URSS. E, malia os efectos deste bloqueo, acadou que as clases populares gozasen, no conxunto destes 57 anos, dun nível de vida superior ao destes estratos sociais no resto do Caribe e Mesoamérica.
O bloqueo USA blindou toda evolución posíbel do castrismo. Agora o arquivamento da apertura de Obama polo novo presidente Trump pode frustrar unha eventual evolución democrática, desexada tamén por millóns de cubanos que hoxe choran a Castro.

As infraestruturas que precisa Galicia

Os dados do crecemento do PIB galego no terceiro trimestre do 2016 amosan dúas compoñentes esenciais: Galicia exporta máis mercadorías ca España (nomeadamente por mor de Citroën, Inditex e os tecidos empresariais xurdidos arredor das mesmas) e o substancial incremento dos ingresos por turismo. Como país exportador, como país turístico (ben que cun modelo que ten que ser alternativo do masificado de sol e praia), Galicia necesita xestionar con plena independencia os seus portos e aeroportos, hoxe mal dirixidos polo Goberno do Estado baseándose nese título xurídico, propio da lei do funil, que lle chaman o “interese xeral”. Un interese que nunca coincide co interese galego, ao mellor por sermos só o 6% do PIB estatal e o 5,5% da súa poboación.
E, precisamente por sermos un país exportador, para Galicia é prioritario o tren de mercadorías. O eixo ferroviario cantábrico, que comunique os nosos portos coa Europa transpirenaica, é a aposta estratéxica deste país. Somos a escala natural entre a Canle de Panamá, os portos americanos e os da Europa do Norte e temos unhas infraestruturas portuarias modernas. Só precisamos xestión autónoma e profesional e conexión ferroviaria.
Isto non quere dicir que o eixo atlántico e a conexión ferroviaria con Madrid non sexan tamén importantes. Mais o AVE deseñouse só como AVE de pasaxeiros, sen que poida axudar á exportación das nosas mercadorías ao Centro, Sur e Leste da Península Ibérica.
Axuda, pola contra, á exportación de servizos de Madrid, propios da recentralización financeira, publicitaria e da consultoría.
E temos, tamén, o ten de proximidade, que é a principal prioridade. O 75% dos desprazamentos dende ou a Galicia son desprazamentos internos. A Xunta habería de lle esixir ao Goberno do Estado, a carón da transferencia da AP-9, a transferencia igual de fulcral do servizo ferroviario rexional e de media distancia.
Non trabuquemos, pois, as prioridades, Porque somos centrais ollándonos dende o mundo e periféricos se nos ollamos só dende Madrid. A radialidade das comunicacións ibéricas só beneficia á recentralización económica a prol dun MegaMadrid que xa enguliu a Meseta toda e vai camiño de nos engulir ao resto.

Os límites da política institucional

O grande Jabois vén de entrevistar ao alcalde compostelán, Martiño Noriega, quen se amosou moi dubidoso a respecto de se o cambio social pode vir pola vía institucional. Velaí un tema fulcral, que latexa sempre nos procesos de cambio e que adoita ficar á marxe das reflexións dos seus actores políticos. Dicía Anxo Quintana no 2006: “chegamos ao Goberno, non chegamos ao Poder”, e esa análise non mereceu reflexións ulteriores nin na súa propia forza política. É posíbel o cambio real dende a política institucional?
As Institucións viron bastante restrinxidas as súas marxes de manobra nos últimos anos. Velaí o caso dos concellos. Coas reformas á gobernanza local impostas manu militari pola maioría absoluta de Rajoy, resúltalle moi difícil a calquera goberno local remunicipalizar un servizo público ou medrar en persoal. É dicir, resúltalle moi difícil rachar o círculo vicioso da privatización dos servizos públicos e da redución salarial ao persoal que posibilita eses servizos. Os gobernos locais progresistas resultan obrigados a xestionar con moi poucos recursos e son medidos polos parámetros da eficiencia propios das forzas conservadoras e opostas ao cambio. Os gobernos progresistas son os primeiros que han xestionar a xeito, porque se non o fan van perder o apoio, en primeiro lugar, dos sectores máis afectos ao cambio. Mais non sería xusto deixar de sinalar o paradoxo de xestionar a pobreza de recursos dacordo cun marco lexislativo imposto precisamente para evitar unha gobernanza local tendente á mellora dos servizos públicos.
No nível autonómico son patentes tamén estas limitacións. A recente morte dunha persoa en Reus (Catalunya) por mor dun lume causado polas velas que tiña que usar para se iluminar logo de sofrir o corte da luz por falla de pagamento, fixo lembrar como o Tribunal Constitucional impediu a aplicación da lexislación catalá sobre pobreza enerxética. Outro brutal paradoxo que limita substancialmente o autogoberno como solución aos problemas vitais da xente.
Un programa de cambio non pode alicerzarse só no institucional. As súas bases sociais haberían entender as limitacións da política institucional para evitar as tan comúns decepcións cos gobernos do cambio. E os seus líderes manter sempre viva a relación coa sociedade civil para evitar ese illamento tan común nos actores políticos do cambio.

A depuración socialista

No PSdeG e no PSOE, como en moitas outras organizacións e entidades, o cesamento ou dimisión do presidente ou secretario xeral, ou de máis da metade da directiva ou executiva, determina a necesidade de nomear unha xestora que administre a organización até a celebración do seguinte congreso ou asemblea. Así foi con X. R. Gómez Besteiro no PSdeG e con Pedro Sánchez no PSOE. Mais as xestoras do PSdeG ou do PSOE non poden actuar coma se fosen órganos de dirección ordinarios, porque non teñen lexitimidade ningunha. A súa función é convocar con garantías de participación para todos o vindeiro congreso e administrar a organización no tempo intermedio. De feito, os estatutos federais do PSOE sinalan en 45 días o tempo mínimo para convocar congreso e non fixan tempo máximo. E non o fixan porque precisamente o que cómpre é regular ese tempo mínimo que esixe unha convocatoria en igualdade de condicións, porque, a respecto do tempo máximo, considérase que a xestora por definición é interina e só cumpre a súa misión convocando axiña o congreso.
Pode existir algunha excepción que poida adiar racionalmente ese congreso, como de feito ocorreu no noso país, coa convocatoria das eleccións nacionais galegas. Pero arestora non existen no horizonte convocatorias electorais galegas ou estatais. Imponse, xa que logo, convocar o congreso galego, que é o máis atrasado. E tamén imponse convocar axiña o congreso estatal. Mais o que vemos é como a maioría susanista-felipista na xestora eleita no comité federal procede a unha sistemática depuración dos cadros non adictos e a adiar indefinidamente o Congreso Federal, amosando prácticas de purga e depuración impropias dun sistema democrático. Mentres, o alcalde de Vigo esixe a remoción da xestora do PSdeG pola xestora federal, para lles facer o congreso galego á medida do susanismo-caballerismo-felipismo.
Velaí como a coalición das portas xiratorias usa dun instrumento de administración interina como é unha xestora para depurar a disidencia e convocar futuros congresos á búlgara. Claro é que, á vista da implosión que sofren o PSdeG e o PSOE, o que non sabemos é quen vai ficar daquela a bordo.

Trump e o medo ao cambio

H. Clinton acadou máis votos ca D. Trump (47,7% vs 47,5%) e este non gañou en cidade ningunha de máis dun millón de habitantes. Mais o triunfo urbano da Clinton en todos os estados prósperos non lle deu a maioría do Colexio electoral, elixido en 48 dos 50 Estados (todos agás Nebraska e Maine) ao abeiro de sistemas maioritarios nos que o que gaña por un voto leva os delegados todos do Estado. Un auténtico sistema de contrapeso dos Estados pequenos fronte aos Estados grandes, porque nos sistemas federais, nos sistemas plurais, non só votan as persoas, senón tamén os territorios.
É certo que foron os brancos, sobre todo os homes brancos, os que lle deron o triunfo a Trump. Mais non só os pobres, senón moitos brancos de ingresos medios e mesmo bastante elevados. Trump acadou o 58% dos votos da maioría branca, sobre todo dos homes e dos maiores. Mais, tamén, o 58% do voto das confesións evanxélicas e o 52% dos católicos. Non todas as claves nos levan ao empobrecemento das clases medias e á desindustrialización sofrida polos traballadores industriais, polos blue collars. Tamén está a da resistencia ao cambio, a da incomodidade cunha sociedade que evoluiu cara o empoderamento, sequera fose parcial e imperfecto, das mulleres e das minorías étnicas.
Pola súa banda, a pouco empática Mrs. Clinton (persoa carente de intelixencia emocional e de capacidade de achegamento aos sectores populares) representaba nidiamente a Norteamérica urbana da prosperidade, aos millonarios de Wall St. e ao complexo empresarial militar. Velaí a pouca participación da comunidade afroamericana, a desconfianza de moitos latinos e máis a desafección da xente moza e dos socialdemócratas (liberal en USA) que votaran Sanders. Tamén dos ecoloxistas e esquerdistas que, cos seus votos aos candidatos libertario e verde, definiron a derrota da nativa de Chicago.
Trump gañou por cohesionar mellor a súa coalición electoral, cosida polo medo ao futuro e polo odio a unha globalización que identifican cos produtos chineses e os inmigrantes mesoamericanos. Mais, tamén, por unha pulsión que é moi minoritaria en Los Angeles, Boston ou New York, pero si segue a ser importante en Mississippi, Louisiana ou as Dakotas: make America great again, voltemos ao de antes. Os inmigrantes que fiquen aló no seus países, os negros e as mulleres no seu sitio, os intelectuais, políticos de Washington e xornalistas, toda esa xentalla da opinated people, non definirán máis os camiños da Unión. Unha pulsión ultraconservadora, machista e racista.
O Partido Demócrata pode rachar esa coalición nos vindeiros procesos electorais, separando eses ultraconservadores da América profunda dos traballadores industriais brancos que se sentiron excluídos da prosperidade nos últimos anos. Mais non lles chegará só con políticas inclusivas de discriminación positiva para as minorías raciais ou as comunidades LGTB, senón que terán de lle garantir unha digna subsistencia á América branca, rural e menos instruída. Garantirlle á sociedade toda non só igualdade de oportunidades, senón máis xustiza social. Tamén para as maiorías.
E haberá xogar con outra caste de persoas candidatas. Persoas que demostren non só as súas aptitudes de comunicación coa base popular, senón que manteñan posicións políticas máis inclusivas, máis igualitarias. Mr. Sanders ou Mrs. Obama poderían, cada un dende as súas cualidades, representar en catro anos esa opción gañadora para os demócratas. Malia que fique moito tempo, case 40 meses, para os primeiros caucus e primarias.

Camilo Nogueira

Na recente homenaxe nacional a Camilo Nogueira concorreron todas as forzas políticas e sindicais e unha representación moi plural da sociedade galega. Recoñecéuselle así o seu intensivo traballo, a súa honradez, o seu carácter dialogante e máis a súa teimosía nunha idea cívica, leiga e europea do galeguismo, do patriotismo.
O primeiro acerto de Camilo foi o de albiscar que a autonomía era irreversíbel. Que o Parlamento non era de papel, senón unha realidade que ía influír moito na vida da xente e un ponto de partida cara un auténtico autogoberno. E que cumpría dotar á autonomía dun capital simbólico e normativo que permitise o recoñecemento das Institucións galegas como Poderes lexislativo e executivo dun País e non como unha Mancomunidade de Deputacións. Camilo foi aquí fulcral.
O segundo acerto foi o de reivindicar a europeidade de Galicia e a unidade europea como alicerce do galeguismo. O europeísmo estivera sempre no ADN do galeguismo, até a fundación e primeira evolución da UPG, que procurou os referentes nas loitas anticolonización do Terceiro Mundo. Camilo racha con esta importante tendencia do galeguismo da transición e reivindica o europeísmo de Castelao, Plácido Castro ou Lois Tobío. Para alén disto, demostra que a Citroën non é a multinacional inimiga, senón a principal industria deste País e un dos elementos vertebradores da nosa primeira área urbana. Como tamén reivindica Inditex como fenómeno empresarial nomeadamente positivo, sen o que non se entende a actualidade da nosa segunda área urbana. A foto de Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras, Amancio Ortega e José María Castellano na sede central de Inditex (abril 2001) constitúe un referente da normalización do galeguismo que arestora semella non ser do gosto de bastantes.
O BNG acertou recuperando Camilo para a política institucional no 1997, demostrando que o galeguismo gaña cando é central, xeneroso e inclusivo. Como eurodeputado, facendo uso do galego internacional, exemplificou a forza potencial da Galicia na lusofonía, sen se malmeter en leas normativas estériles. E reivindicou eficazmente na Eurocámara a identidade e os intereses deste pequeno país europeo.
Camilo é dos imprescindíbeis.

A rebelión contra as elites

A decisión plebiscitaria británica de botarse fóra da Unión Europea (“brexit”) veu motivada, en grande parte, por unha propaganda mentireira que prometía un substancial incremento do investimento sanitario se os británicos deixaban de contribuír á Unión. Mais a decisión amosou outras facianas. Na ampla maioría a prol do brexit de tantos condados ingleses e galeses non só hai desinformación e medo. Hai un voto de rebeldía fronte a esa minoría que fixa a axenda. Hai un voto contra esa Europa á que adhiren as elites da City, mais tamén os universitarios.
O voto polo brexit foi nomeadamente alto nas cidades e áreas onde existe menos mobilidade social e onde a industria sufriu as peores labazadas das crises. Velaí que nese medo ao inmigrante converxan dereitas e esquerdas. Sectores tradicionalmente tories con antigos votantes do Labour Party. Uns priorizan a soberanía británica e outros porlle chatas á libre circulación de traballadores, porque senten que son eles, os traballadores industriais e parados de longa duración, os que máis perderon coa apertura aos traballadores europeos. O exemplo do fontaneiro polaco (polish plumber), que traballa máis por menos, é paradigmático.
O que está a pasar nos USA, cun exótico e radical Donald Trump en empate técnico coa Hillary Clinton, é algo bastante semellante. Non só apoian ao de New York os brancos conservadores. Tamén unha inmensa maioría dos traballadores industriais, os blue collar, tradicional celeiro dos demócratas. Estes blue collar converten o voto a Trump, canda o voto a prol do brexit, en transversal a esquerdas e dereitas, a traballadores e clases medias.
Falta un discurso nas opcións de centro-esquerda a respecto destes sectores sociais que haberían votarlles. Porque a apertura á inmigración é unha esixencia ética e humanitaria, unha aposta polo futuro e unha decisión economicamente intelixente. Mais non son as elites, nin sequera determinados sectores de formación universitaria, os que teñen que disputar postos de traballo cada vez menos remunerados cos inmigrantes.
Velaí que a desconfianza a respecto das elites vaia medrar nos próximos anos en amplos sectores das clases medias e traballadoras. Como tamén medrarán electoralmente as solucións simplistas e os discursos autoritarios.

A irrelevancia sobrevida do PPdeG

Aos que acreditamos no autogoberno de Galicia, que haxa máis ou menos ministros galegos déixanos bastante indiferentes. Nunca a presenza de presidentes do Goberno e ministros galegos resolveu os problemas de fondo dos galegos. Os únicos avances substanciais dende 1936 foron os derivados da recuperación da autonomía.
Mais dende a segunda metade do século XIX non faltan amplos sectores sociais galegos que acreditan nun xogo de curto alcance, que é o de gañar suposta presenza na Corte en troques de perder identidade e capacidade de autogoberno. E, nese xogo, ter ministros galegos é importante porque mide a relevancia do PPdeG no conxunto do PP estatal.
Feijóo vén de gañar cunha inusual maioría absoluta. O seu trunfo e o correlativo devalo do PSOE foi decisivo para abortar a posibilidade dun Goberno alternativo a Rajoy. Semella, pois, que esta vitoria electoral habería outorgarlle ao PPdeG un rol fulcral no contexto do PP. E vimos que non foi así nesta remuda do Goberno do Estado. Que ocorreu?
No curto prazo, o trunfo de Feijóo empoderou substancialmente a Rajoy, que con 137 sobre 350 deputados interpreta, porén, que pode seguir a traballar coas feituras da maioría absoluta, diante da debilidade do PSOE e de C’s cara un novo proceso electoral estatal, posíbel xa dende o vindeiro verán. E este empoderamento afasta de vez toda perspectiva de que Feijóo poida xogar un papel central no PP estatal, nomeadamente porque afasta toda previsión sucesoria.
Mais o que subxace, alén da devandita conxuntura, é a doma e pacificación do PPdeG e máis a neutralización de Galicia como suxeito político relevante. Tres maiorías absolutas de Feijóo e a debilidade relativa da oposición galeguista e progresista xeraron un escenario que mesmo prexudica obxectivamente, ao condenalos á irrelevancia, aos sectores sociais e políticos que apoian a Feijóo e o PPdeG. Velaí o arrumbamento dos obxectivos tradicionais destes sectores por parte do Goberno do Estado, como o remate do AVE.
A política dependendista e provincial sempre nos fai máis febles e máis pobres.