Europa non é o problema

Falábamos hai días nesta coluna da decepción da cidadanía a respecto do proceso de integración europea, tendo en conta o seu déficit democrático, a falla de profundización na unidade política, a falla de control cidadán do Banco Central Europeo e ter adoptado unha unión monetaria sen establecer, ao tempo, un amplo Orzamento federal e a coordinación das distintas políticas fiscais.
Porén, Europa non é o problema, como seica defenden moitas forzas de esquerda radical en Galicia e no resto do noso Continente. Cómpre transformar esta Unión para construír a Europa dos cidadáns e dos pobos, mais cómpre, tamén, recoñecer o avance exercido polo proceso de integración a respecto da Europa comesta polas guerras e máis o marco de estabilidade que ofrece. Non por acaso, se non chegamos a pertencer á Unión Europea, o Goberno do Estado podería estar a intervir militarmente en Catalunya.
Aínda hai máis. Moitas das decisións adoptadas no marco europeo e que teñen xerado efectos prexudiciais para Galicia son responsabilidade do Estado español. Foi Aznar quen consentiu na prohibición da construción naval civil nos estaleiros de Fene en troques de que lle permitisen reflotar unha Navantia eivada pola ineficiencia dos seus estaleiros gaditanos e cartaxeneiros. Foi Felipe González quen reestatalizou en grande medida as políticas de reequilibrio rexional ao propor que os Fondos de Cohesión fosen directamente investidos dende o Goberno estatal e foron este e Aznar os que investiron un billón das vellas pesetas destes Fondos na construción da nova T4 do aeroporto de Barajas. Foi o mesmo González o que desarmou a nosa industria e priorizou as producións mediterráneas a respecto da agrogandaría e da pesca galegas nos Tratados de Adhesión do 1985. Foron PSOE e PP os que impuxeron a circunscrición única electoral no seu propio beneficio. E foron os sucesivos Ministros de Agricultura e Medio Rural do PP e PSOE os que orientaron as subvencións agrarias a prol dos grandes latifundistas casteláns, andaluces e estremeños.
O problema, pois, é moito máis España ca Europa. E a solución máis Galicia, máis e mellor Europa e menos protagonismo e competencias para o Estado.

Europa como garantía do consumidor

A evolución da construción da Unión Europea nos últimos vinte anos foi substancialmente negativa. A primacía reitora dos Consellos Europeo e de Ministros (que representan aos Estados) fronte ao Parlamento Europeo ou á Comisión, que representan o interese común europeo determinou as políticas de austericidio no canto de enfrontar as políticas de crecemento que requiría a Depresión. Velaí o bloqueo do Plan Juncker, que planeou unha enxurrada de investimentos para dinamizar a economía europea e o emprego.
Mais o que tampouco pode negar ninguén é que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) ten desenvolvido unha xurisprudencia que garantiu que Europa sexa unha comunidade de Dereito. Fronte ás sentenzas políticas ás que nos teñen afeitos os Tribunais Supremo e Constitucional españois o Tribunal europeo fía fino con sentenzas xurídicas que lle dan abeiro ao consumidor. Foi o Tribunal europeo o que lle deu unha reviravolta ao procedemento de execución hipotecaria español, permitindo oposicións por argumentos de fondo tradicionalmente vetadas no Dereito procesual español e impoñendo a todos os xuíces estatais o estudo de oficio de calquera cláusula abusiva nas execucións xudiciais. Foi tamén o Tribunal europeo o que declarou abusivos os avais solidarios prestados por persoas físicas que non fosen socios ou administradores das entidades avaladas (mais si, seguramente, os cónxuxes ou ascendentes daqueles).
Os efectos da sentenza do TXUE do 21 de nadal sobardan con moito a anulación da doutrina de patacón do Tribunal Supremo español que limitaba os efectos da nulidade das cláusulas de chan ao 9 de maio de 2013. O que agora dí o Alto Tribunal da UE é que calquera cláusula contractual abusiva ou calquera actuación administrativa ou empresarial que vulnere os dereitos do consumidor han ser eliminadas do mundo xurídico dende o minuto cero, de xeito que ao consumidor se lle restableza na situación da que gozaría se esas cláusulas ou actuacións non tivesen existido.
A aplicación do Dereito nos Altos Tribunais españois está inzada de parcialidades e partidismos. No TXUE rexen os criterios xurídicos e a protección dos dereitos dos consumidores. Europa, desta volta, é unha garantía.

Aínda hai xuíces en Luxemburgo

Dende fins dos 90 do século pasado foi cotián por case todas as entidades bancarias concertarlle aos consumidores os préstamos con garantía hipotecaria referidos ao Euribor incrementados cunha diferenza adicional (+0,50%, +0,75%, 1%, etc.). Mais introducíase no contrato unha cláusula de chan (normalmente entre o 2,5% e o 4,5%) que actuaba como límite por abaixo. É dicir, se o Euribor máis a diferenza adicional ficaban por baixo do chan aplicábase este.
O Tribunal Supremo (TS) ditaminou que as cláusulas de chan do BBVA, NCG Banco (hoxe Abanca) e Cajamar vulneraban a precisa transparencia, procedendo a anular esas cláusulas. No noso Dereito, os efectos da nulidade consisten en que as partes devolvan o que percebiron cos seus xuros legais dende a data na que se iniciou a relación (é dicir, dende que se outorgou perante notario o préstamo hipotecario). Mais o TS, nese caso, considerou que os efectos despregaríanse só dende a data da sentenza (9 de maio do 2013), non dende a data de cadanseu préstamo, por considerar que doutro xeito poríase en perigo a estabilidade do sistema financeiro. Unha segunda sentenza do TS consolidou esta xurisprudencia, claramente política no canto de xurídica.
Mais algúns xuíces e tribunais dubidaron da compatibilidade desta “doutrina de patacón” coa lexislación europea de protección dos consumidores. E presentaron a oportuna cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), que a resolveu determinando para todos os xuíces europeos a obriga de aplicar a nulidade dunha cláusula abusiva dende a data na que naceu o contrato. É dicir, que os tribunais españois, se consideran abusiva unha cláusula de chan, haberán condenar ao banco a lle devolver ao consumidor todas as cantidades cobradas de máis dende a data de formalización do préstamo, como se a cláusula non tivese existido nunca.
Dende a Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia vimos xa esta oportunidade a primeiros de ano e formulamos unha demanda colectiva perante o Xulgado do Mercantil d’ A Coruña, xa admitida a trámite, para que Abanca devolva as cantidades cobradas de máis dende as datas de cadanseu préstamo até o 9 de maio do 2013. Unha conta aproximada achéganos uns 7.500-8.000 euros a devolver nun préstamo de 100.000 euros pola diferenza de xuros do periodo novembro 2008-maio 2013. Cantidades moi importantes se pensamos que existen, só no caso de Abanca, 76.000 afectados en todo o Estado.
O TXUE reconciliounos co Estado de Dereito. Parafraseando ao muiñeiro de Potsdam que preiteou co rei de Prusia: “aínda hai xuíces en Luxemburgo”.

Urkullu e o dereito a decidir

As recentes declaracións do lehendakari Urkullu cuestionando a viabilidade da independencia de Euskadi (tendo en conta a interdependencia coa que vivimos na Unión Europea) xeraron certa polémica, polo que tiñan de manifestar unha certa renuncia aos obxectivos históricos dun importante sector do PNV, partillado dende outros sectores do nacionalismo vasco.
En realidade Urkullu veu propoñer un pacto bilateral co Estado, na liña do pacto coa Coroa que defendían Arzalluz ou Anasagasti ou do proxecto de Estatuto vasco contido no Plan Ibarretxe. O PNV quere estabilizar o sistema financeiro de cupo, que lle recoñece a plena autonomía fiscal e obter as demais transferencias (sistema penitenciario, réxime da Seguridade Social, plena representación na Europa, seleccións deportivas que compitan coas demais nacións) que lle dean a Euskadi a funcionalidade e fasquía dun Estado libre asociado, vencellado confederalmente ao Estado e á Unión Europea.
Velaí como a proposta de Urkullu non está tan -nin moito menos- afastada dos obxectivos do independentismo catalán e, máis aínda, constituiría unha boa solución que permita coexistir a soberanía de Catalunya, Euskadi ou Galicia coa súa participación confederal nun Estado plurinacional e na propia Unión Europea.
Porén, o problema para esta convivencia plurinacional está na mentalidade recentralizadora e mesmo extractiva das elites financeira, mediática e política españolas e o seu vencellamento a un capitalismo de amigotes e BOE incompatíbel co autogoberno integral das nacións sen Estado. Nacionalidades hoxe subordinadas ao inmobilismo dunha Constitución que evoluíu nun sentido moi restritivo pola interpretación recentralizadora do Tribunal Constitucional e dos dous piares do bipartidismo dinástico.
Este relato da plurinacionalidade española e do dereito a decidir require de aliados políticos e sociais no resto do Estado, require de cidadanía española que entenda os dereitos nacionais de Galicia ou Catalunya. Velaí a importancia da evolución de Podemos neste ámbito e, tamén, da evolución dos propios PSC, PSdeG ou PSE, nun tempo no que parte do centroesquerda estatal comeza xa a se decatar que o relato recentralizador e unionista que lle mercaron ao PP non lles permitirá nunca achegarse á realidade plural do Estado español.

A autoestrada da aldraxe

O 44% da poboación galega vive nos concellos polos que pasa a AP-9 e o 70 % nas áreas territoriais que percorre esta vía, entre Ferrolterra e A Louriña-Tui. A cidadanía galega non ten outro xeito practicábel de circular de Ferrol a Vigo que pagar máis de 36 €, mentres as capitais de Castela e Andalucía gozan de conexións de balde por autovías, en canto Madrid é o ponto de converxencia dun sistema radial de autovías tamén gratuíto.
Aznar ampliou a concesión da AP-9 até o 2048 e preparou a privatización da empresa concesionaria en beneficio do círculo de amigotes de sempre. Foise afastando cada vez máis a xestión e a propiedade da concesionaria e foron reducindo o emprego e empeorando o servizo. A mobilidade e o turismo sofren todos os veráns por estes recortes pola pasividade dun Ministerio de Fomento que non exerce as súas competencias, tendo en conta que a vía é de titularidade estatal.
Porque ocorre que o Goberno do Estado, con esa (i)lóxica do centralismo (común a case todo o unionismo constitucionalista) rexeita o traspaso da AP-9 a Galicia por mor dun suposto interese xeral ao conectar coa fronteira portuguesa. Mais a vía non remata nesa fronteira, senón na autovía A-55, ademáis de que a fronteira xa non é tal no contexto europeo e de que a vía é o eixo principal de vertebración do noso país. A transferencia, xa que logo, é unha das máis urxentes tarefas de Galicia.
O traspaso da AP-9 esixe unha actitude unitaria, de país. Mais o presidente da Xunta, sen dúbida consciente da acelerada mingua da súa influencia perante a dirección estatal do PP, mercoulle ao Ministerio de Fomento unha trapalleira comisión bilateral para a suposta xestión conxunta da vía. Unha comisión que non será eficaz, porque a titularidade seguirá a ser estatal. E ese é o problema, porque só cunha xestión de proximidade controlaranse os servizos que presta a concesionaria e poderanse moderar as peaxes.
Esta realidade haberíanos facer matinar nas consecuencias desta (i)lóxica centralista: unha mobilidade gratuíta no Centro e Andalucía custa unha elevada peaxe na Galicia. Unha realidade que constitúe nin máis nin menos ca unha aldraxe.

Unha débeda con Maruja Mallo

Galicia ten unha débeda coa xenial pintora Maruja Mallo (Viveiro, 1902-Madrid, 1995). Malia que naceu na Mariña Occidental, as súas lembranzas eran da Costa da Morte, porque viviu na súa nenez en Corcubión cuns seus tíos. Nos anos 20 xorde como artista naquel Madrid da xeración do 27, canda Alberti, García Lorca ou Dalí, e amosa unha obra orixinalísima inserida nos vangardismos da época. Mais nos primeiros 30 amplía estudos en París, incorporándose ao surrealismo e partillando con Breton e Éluard. No 1936 botou un verán enteiro na Galicia tirando ideas para o seu Cuaderno de Galicia. Exiliouse no 1937 e pasou a Chile, Arxentina e USA para se establecer en Madrid no 1965, nunha cidade gris que tanto contrastaba con aquela cidade brilante dos 20 e 30. Morreu na mesma cidade no 1995, despois de recibir o afecto, mais non o cabal entendemento, de moitos dos referentes daquela movida madrileña dos 80.
Galicia ficou á marxe de todo recoñecemento á obra de Maruja Mallo, unha das melloras pintoras do século XX, a quen sen dúbida lle rebaixou coñecemento a súa condición feminina, o delongado exilio e unha personalidade independente que quizais fixo medrar á personaxe e minguar á artista. Hai, claro, excepcións (a exposición primeira do CGAC e a da Fundación Caixa Galicia, a exposición Mulleres do silencio comisariada por Rosario Sarmiento, o documental Maruja Mallo, mitad ángel mitad marisco, de Antón Reixa para TVE ou a biografía dos historiadores Carlos Nuevo Cal e Emílio Xosé Ínsua Maruja Mallo, de prometedora pioneira a artista universal).
Malia os moitos anos que viviu, a súa obra, cualitativamente moi importante e variada, non é esaxerada cuantitativamente. Quere isto dicir que podería ser obxecto de exposicións temporais ou permanentes na Cidade da Cultura de Galicia, canda outros artistas senlleiros. Que mellor ca unha mostra da mellor arte deste País para encher de contidos unha obra tan desaquelada, mais que está aí e compre aproveitármola.
Maruja Mallo é parte da historia da arte europea e o seu nome ficou asociado de vez cos mellores do surrealismo do Vello Continente. Como ten dito Rosario Sarmiento foi unha muller que loitou dende todas as frontes pola súa liberdade, por ser unha auténtica artista do seu tempo por riba dos atrancos, os prexuízos do seu sexo ou a definición feminina

Galicia faise nos concellos

A administración local é a que está máis preto da cidadanía e a que mellor coñece a contorna. Mais o PP quixo reducir substancialmente a autonomía local impoñendo o máis absoluto equilibrio orzamentario, nivelando os servizos por abaixo e potenciando a privatización destes servizos. A imposición da austeridade aos concellos tivo unha clave evidente de redución da calidade dos servizos.
Unha das reformas esenciais é a que lle devolva a Galicia plenas competencias no réxime local, como instrumento para potenciar a gobernanza municipal dende a autonomía dos concellos. Isto pasa por suprimirmos as redundantes e ineficientes deputacións, incorporando os seus servizos de recadación á Axencia Tributaria Galega e redistribuindo os restantes entre a Xunta, os concellos e, quizais, nos novos entes intermedios. Tamén porque Galicia reciba directamente os fondos estatais todos para artellar un grande Fondo Galego de Cooperación local distribuído consonte aos criterios que interesen ao País. E que reciba o que nos pertence por poboación (un 6%), xa que hoxe perdemos 550 millóns de euros que van para os concellos máis poboados doutros lugares do Estado.
Cara adentro do país, non é certo que a clave da mellor gobernanza estea na fusión dos concellos. A meirande parte dos concelleiros non cobran retribucións e o concello é sempre un elemento que vertebra o territorio, fixa poboación, xera participación cívica e territorializa a democracia. O que si cómpre é unha prestación consorciada dos servizos, artellando quer entes comarcais quer áreas urbanas. Cómpre pór en marcha xa as de Vigo e A Coruña -e quizais a de Ferrolterra-, para garantir a prestación de servizos de calidade en cadanseu territorio. Tan vigués é o de Nigrán coma coruñés o de Oleiros. O fulcral transporte interurbano non pode depender dos intereses empresariais de Vitrasa ou da Compañía de Tranvías.
Cómpre, tamén, que os concellos poidan decidir autonomamente se recuperan para a xestión directa os servizos públicos esenciais. E non só como garantía da súa calidade, moitas veces danada pola xestión dos concesionarios privados que gañan as licitacións á baixa, senón mesmo como garantía de que os servidores públicos perceban unha remuneración xusta.

Jimmy, Alsasua e a lei do funil

Dende pouco antes da chegada do aznarato, aló polos noventa, foi abrollando unha liña de opinión publicada que cualificaba os actos de violencia en razón da súa intencionalidade política. Máis aínda, que defende, polo menos implicitamente, distintas respostas sociais e xurídicas a esta caste de violencia, segundo de onde veña. As organizacións Frente Atlético e Ultra Sur defenden ideas de extrema dereita, moi agresivas cos galegos, vascos e cataláns que non asumen o dogma da unidade de España. Un extremista atlético matou ao realista Aitor Zabaleta no 1998 e outros da mesma corda a Jimmy no 2014.
Cúmprense dous anos do asasinato de Jimmy no Manzanares coas pescudas xudiciais atoadas. O xuíz instrutor e o Ministerio Fiscal cualifican só a disputa tumultuaria e arestora non existen acusados do asasinato. As persoas acusadas de primeiras, que chegaron a entrar preventivamente no cárcere, están en liberdade e só a acusación particular mantén a cualificación de asasinato, malia a calidade e intensidade da probas existentes. A prensa madrileña segue a manter equidistancia, cando non certa parcialidade, como se os da casa fosen uns rapaces trabucados e os Riazor Blues uns perigosos terroristas. Por outra banda, os sesenta expedientados pola Delegación do Goberno pola disputa son case todos seareiros do Dépor.
Contrasta esta actitude coa diferenza da intensidade na actuación no caso da agresión aos gardas civís de Alsasua e ás súas parellas. Sen dúbida un feito delictivo brutal, que ha ser severamente sancionado. Mais nunca un acto de terrorismo. A imputación dos feitos como acto de terrorismo permitiu que fose competente un dos Xulgados de Instrución da Audiencia Nacional, que acordou prisión preventiva para seis dos oito investigados. A Audiencia Nacional é unha xurisdición especial que vulnera o dereito constitucional de todas as persoas a seren xulgadas polos seus xuíces naturais. No caso destas persoas, os xuíces de Navarra. O Goberno navarro e o PNV cualificaron esta actuación de gravemente desproporcionada.
Sectores importantes das elites políticas, funcionariais e mediáticas incorporaron xa ao seu sistema de valores que toda persoa ou organización que non asuma o dogma da España única é distinta e mesmo sospeitosa, invertendo con eles a carga da proba, en clara aplicación da lei do funil.

O conto da Galicia dependente

As prioridades económicas do Estado español nunca son as galegas. E isto non é porque nos teñan mala lei, senón porque somos poucos (o 6 % da poboación e o 5,5 % do PIB estatais) e porque os nosos alicerces produtivos son para o Estado totalmente prescindíbeis. Velaí a necesidade dun amplo autogoberno e o prexudicial que é para este país a dependencia.
Nese contexto da dependencia, tivo un grandísimo suceso o mito de que somos un país subsidiado, de que vivimos da solidariedade do resto do Estado. E isto é un conto. No 2015 recadáronse neste País 12.750 M€ entre impostos estatais e cedidos á Xunta. O orzamento da Xunta só acadou os 8.436 M€. É verdade que o Estado tamén presta servizos en Galicia (policía, prestacións de desemprego…) pero estes non valen a diferenza. Por outra banda, só percibimos o 3,1 % dos fondos locais no canto do 6 % que nos cumpriría por poboación, xa que a lexislación de facendas locais española prioriza os concellos de máis poboación. Perdemos aquí uns 550 M€ todos os anos.
Polos teóricos do dependentismo recoñécense implícitamente estes números, mais sempre se opón a cuestión das pensións, dicindo que se non fose pola caixa única, Galicia non podería pagar as pensións. Mais no noso sistema o dereito a percibir unha pensión depende dos anos de cotización e das bases da mesma. Moitísimas persoas en Galicia perciben pensións devengadas en Suíza, Alemaña ou Catalunya, ás que teñen dereito polo traballo desenvolvido neses países. A cuestión das pensións é individual de cada persoa. A dos impostos é territorial.
E logo está o espolio enerxético. Somos produtores netos de enerxía e non podemos recadar impostos pola súa xeración nin beneficiarnos dos custos ambientais que sufrimos xerando a electricidade. A tarifa enerxética penaliza á produción e á industria e beneficia o consumo doméstico e terciario das macrópoles non produtoras, como Madrid.
Tamén as infraestruturas se conciben a prol de Madrid como grande exportador de servizos que recentralizan financeira e empresarialmente o Estado. Billóns de euros investidos na radialidade, mentres os nosos portos carecen de conexión ferroviaria e non temos tren de proximidade.
Mal negocio o da dependencia.