A peor crise da Unión Europea

Cumpríronse este sábado 60 anos da sinatura do Tratado fundacional da Comunidade Económica Europea, o precedente da actual UE. E, verdadeiramente, a Unión está a sofrir a peor das moitas crises polas que pasou ao longo deste tempo. Esta semana o Reino Unido pedirá formalmente a súa saída, mentres as eleccións francesas e xermanas paralisan calquera caste de decisión sobre o futuro da Unión.
Dende o Tratado da UE (1992) a unificación europea abandonou o pulo social e cooperativo dos pais fundadores, todos pertencentes ás tres ideoloxías da postguerra (socialdemócratas, democracia cristiá progresista e social liberais) que tentaron conciliar na Europa o mercado coa regulación das súas correccións en beneficio da mellor redistribución de rendas e igualdade de oportunidades. Dende Maastricht, pola contra, a Unión ratifica a súa aposta por unha gobernanza oligárquica e moi pouco democrática. Alicérzase a unión monetaria sobre un euro demasiado aprezado para as economías do sur e sobre un Banco Central Europeo como Autoridade Monetaria con plenos poderes alleos a calquera control parlamentario.
Mentres, os Estados membros usan da súa capacidade de bloqueo e frean calquera intento serio para avanzarmos na coordinación fiscal, na unión bancaria e no afortalamento de políticas comúns exterior e de defensa. Das Institucións comúns (Comisión e Parlamento Europeo) saen continuamente propostas de máis e mellor Europa no social, no I+D, na descentralización territorial e no uso eficiente dos Fondos europeos, no control bancario, no artellamento do Orzamento da Unión Europea como instrumento de cohesión social e territorial… Mais o bloqueo dos Estados membros atrasa, cando non anula ou desnaturaliza, estes esforzos, ademais de presentar diante de cadansúas opinións públicas os problemas da convivencia europea (políticas austericidas, crise dos refuxiados) como problemas xurdidos da propia Europa.
O que si funcionou nesta Unión foi a comunidade de Dereito, os seus Tribunais. Foron estes os que construíron un marco de protección para os consumidores non recoñecido até entón na lexislación hipotecaria e financeira española, sempre favorábel á Banca. Polo menos no concreto caso do Estado español, o Dereito europeo substituiu a parcialidade do Dereito español.
Esta crise europea vai obrigar a decidir arre ou xo. O que non medra morre.

O futuro do BNG

Pecha hoxe o BNG a súa xeira congresual, sinalada polo consenso e a remuda xeracional. Ninguén discute o liderado de Ana Pontón, despois do seu sinalado contributo a tronzar os malos agoiros existentes antes das eleccións nacionais deste outono. Ninguén cuestiona a candidatura de consenso que tenta xuntar experiencia e xuventude e onde coexisten aperturistas da UPG -Rubén Cela ou a propia Ana Pontón- canda independentes antigas colaboradoras de Camilo Nogueira, como Ana Miranda, xunto con representantes da liña máis ortodoxa da UPG tradicionalmente hexemónica, como Bieito Lobeira ou Néstor Rego.
Claro é que esta paz interna non só vén alicerzada no relativo éxito electoral do outono, senón tamén nas continuas baixas sofridas pola fronte dende a Asemblea de Amio no 2012 (a última, a de Xavier Vence), maioritariamente derivadas cara En Marea. É dicir, a nova dirección ha ser consciente da perda relativa sofrida dende 2012 (en realidade dende 2009) polo BNG, malia que semelle, quizais con bo criterio, que priorice a politización no nacionalismo das novas xeracións á recuperación das sucesivas perdas numéricas.
A teimuda realidade é que nin En Marea poderá dar cabo do BNG nin a fronte nacionalista cubrir o espazo que comeza a encher a forza mareante. Ninguén dubida que son forzas que compiten parcialmente entre si por espazos políticos semellantes, mais os problemas reais da cidadanía priorizarán a cooperación entre as dúas, moito máis na actual conxuntura na que o PSdeG e o PSOE teiman por se diluír na inutilidade política. Neste senso, acertan os grupos locais do BNG ao minimizar as súas diferenzas cos alcaldes mareantes e apoiar no esencial as súas políticas. Porque semella que no BNG está todo o mundo dacordo en non asumir estratexias de alianza con Podemos, o que podería ser admisíbel. Mais o que resultaría de todo inconveniente sería transladar esta antítese a unha forza plural e nacional, como á En Marea, na que a liña oficialista podemita de Carmen Santos ten tan limitada influencia.
Nestes tempos de dilución socialista, a cooperación entre BNG e En Marea constitúe a única alternativa de goberno, no medio prazo, á maioría absoluta do PP.

O noso derby

Cómpre recoñecermos o mérito cando sabemos facer as cousas ben. Neste senso, o clima de amizade e concordia acadado nos nosos derbies fala ben do civismo e do patriotismo de ambas as dúas afeccións. Nestes últimos anos, facendo parte dunha grande remuda xeracional, aquela violencia, aquela intolerancia ficou atrás.
Os vellos localismos foran potenciados aposta para evitar a unidade entre galegos. Así foi no franquismo e así fixeron na transición caducos españolistas como Leri ou Paco Vázquez. A reivindicación dunha Coruña ou dun Vigo paifocos e illados do resto de Galicia procuraba, en realidade, neutralizar o desenvolvemento da nosa conciencia como País.
Velaí como a non doada institucionalización da previa cantando xuntos o Himno Nacional, ou o costume san de irmos xuntos de troula deportivistas e celtistas visibilizan que son moitas máis cousas as que nos unen. E que só nos separa nada máis -e nada menos- que distinto amor futbolístico. O que non impide querérmonos e respectármonos antes, durante e despois do partido. A aperta entre Anxo e Roque no anuncio Imposible sen ti fai máis pola idea de País ca media ducia de mitins galeguistas dirixidos aos de sempre.
No deportivo, o derby debeu rematar en empate. Mais o Celta aproveitou a única oportunidade mentres o Dépor perdeu a única súa. Iago Aspas decidiu e o de Moaña voltou amosar que lle falta en deportividade o que ten a moreas en calidade futbolística. Nesta caste de derbies as provocacións están de máis.
Galicia semella ter integrado xa a rivalidade futbolística no seu ADN, vivindo en galeguidade e amizade o que até hai poucos anos eran eventos de división e enfrontamento.

A arrincadeira. Novo referéndum de independencia en Escocia
Escocia pronunciouse en xuño pasado nidiamente contra o Brexit (62 vs 38%). Europa é para a maioría dos escoceses unha aposta de integración e desenvolvemento, coñecedores de que a conservadora Inglaterra prioriza a desregulación laboral ou ambiental fronte ao fondo sentido comunitarista dos caledonios.
A first minister nacionalista, Nicola Stugeon, vén de anunciar un novo referéndum de independencia cara fins do 2018 ou primeiros do 2019, intrepretando a xeito o fondo malestar dos seus compatriotas a respecto do Brexit.

O galego, cuestión de país

A gravísima minorización da nosa lingua propia resulta inadmisíbel de todo, nomeadamente se temos en conta o desleixo, cando non animadversión, amosados pola Xunta dende que Feijóo decidiu rachar o consenso lingüístico que permitiu a aprobación da Lei (1983) e do Plan (2005) de Normalización. O galego é unha cuestión de País e unha cuestión de cidadanía: cómpre levar á rúa o debate sobre a lingua, sobre como queremos promover e recuperar o seu uso, sobre que recursos queremos destinar a estas fins. E falarmos dos tres alicerces que habería ter esta actuación cidadá: identidade, dereitos lingüísticos e desenvolvemento económico.
Promovermos o galego é unha evidente cuestión de identidade. A nosa lingua (presente, dun ou doutro xeito en 280 millóns de persoas aló polo mundo) e a nosa cultura son as principais creacións do noso pobo. Sen lingua e cultura, Galicia perde personalidade, equipárase a Murcia ou á Rioxa. Pensen de verdade, con independencia da traizón ás nosas raíces, se tal nos convén. Sen identidade somos o 5,5% da poboación e o 5% do PIB do Estado. E, para máis, os sectores económicos para nós estratéxicos son para o Estado prescindíbeis. Si, si que temos moito a gañar co aquel da identidade.
Mais tamén é unha cuestión elemental de dereitos lingüísticos. O galego é a lingua propia de Galicia e plenamente oficial neste País, dacordo co noso Estatuto. Mais somos moitas as persoas que queremos vivir e traballar en galego e non podemos, mesmo de xeito máis limitado canto menos autonomía persoal e económica se posúa. Non só é unha cuestión de atención lingüística nos nosos concellos, hospitais ou servizos de atención telefónica. Tamén temos dereitos lingüísticos, hoxe en día non plenamente tutelados, a respecto da administración de xustiza e na nosa dupla cualidade de traballadores e consumidores. Urxe regular os dereitos lingüísticos no ámbito laboral e de consumo, que hoxe son ámbitos absolutamente desregulados.
E co galego progresamos economicamente. Tanto polas grandes potencialidades do achegamento á lusofonía como pola nosa identificación no mundo como país de noso, a efectos turísticos e de investimento exterior. Porque son os países os que progresan e non as provincias.

As grandes oportunidades da Lusofonía

A aprobación da iniciativa lexislativa Paz Andrade foi o primeiro chanzo para a aproximación real da Galicia ás lusofonías, mais non será abondo se este proceso segue a ser tan absurdamente lento nun mundo no que as remudas avanzan a grande velocidade. A nosa comunidade lingüística con Portugal na Europa, Brasil na América, Angola, Mozambique, São Tomé e Príncipe, Guiné-Bissau e Cabo Verde na África e Timor Leste na Asia constitúe unha fonte de oportunidades, nomeadamente no eido empresarial, mais tamén no cultural e no político. Para alén, no segundo círculo da lusofonía achegámonos á China a medio de Macau e á India a medio de Goa.
Ben é certo que para facer parte da Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP) cómpre ser un Estado soberano e nós non o somos. Mais a realidade especial de Galicia (un territorio semiautónomo pertencente ao Estado español que, porén constitúe o berce do corpus lingüístico galego-portugués) podería xerar un status de seu como observador, nunha eventual reforma consensuada das súas normas internas. Por unha banda, contribuiría ao difícil equilibrio entre a exmetrópoli -o Portugal europeo- e o xigante brasileiro. Por outra banda, a presenza de Galicia na CPLP abriría amplas posibilidades para que o Estado español puidese constituír un segundo aliado na UE dos países lusófonos. Todo serían posibilidades de beneficio, tanto para Galicia e o Estado como para os países da CPLP. Se houber gobernantes intelixentes en Compostela e Madrid este camiño xa estaría percorrido, polo menos en parte.
Achegármonos á CPLP, achegármonos ás lusofonías, ha ser un obxectivo de País. E por iso cómpre que todos os partidos, sindicatos e organizacións empresariais, as tres Universidades, o Consello da Cultura, a RAG e todas as Institucións do País promovan e acorden un Plan Estratéxico “ad hoc”, difundido na sociedade e que remate coa súa aprobación unánime no Parlamento de Galicia (canda as iniciativas lexislativas que haxa que promover perante o Congreso estatal).
O achegamento á lusofonía, canda a posta en valor da rede institucional da Galicia exterior, haberían ser os eixos fundamentais da nosa acción exterior extraeuropea. Para estarmos no mundo e valorizar a nosa cultura e personalidade, mais nomeadamente por mor dos nosos intereses económicos.

Xestionarmos os aeroportos

Somos un pequeno país ao Oeste da Europa de potencialidades e vocacións exportadora e turística. Para Galicia un sistema aeroportuario coordinado e eficiente é chave para o seu desenvolvemento económico. Feijóo fracasou en acadar ese sistema porque o problema non é de facer Comités ou levarse ben cun Ministro, senón que é competencial e de xestión. AENA é o sistema de xestión aeroportuaria máis centralizado e burocratizado da Europa, onde son os Poderes rexionais e/ou locais e os consorcios público-privados os que xestionan os aeroportos, no canto das axencias dos Estados. É incríbel que até a xestión das cafetarías, aparcadoiros ou handling se contrate en Madrid. Cómpre distinguirmos entre competencias de navegación aérea (que han pertencer á Unión Europea) e a da xestión dos aeroportos, que Galicia precisa. Velaí como as grandes solucións aos grandes problemas ou reptos galegos veñen sempre da man do incremento do autogoberno. Mais neste caso, Galicia non habería repenicar o esquema centralizado de AENA na súa xestión futura, senón asociar aos concellos e aos axentes sociais á xestión autónoma de cada aeroporto. Coordinar os aeroportos significa especializar. Con menos de tres millóns de habitantes os aeroportos galegos non se poden facer a competencia os uns aos outros, xa que esa competencia inviabiliza determinadas conexións. Ao mellor poden coexistir London Stansted en Compostela e London Heathrow na Coruña, pero a conexión con Dublin, con Amsterdam, con Frankfurt ou con Roma ha ser única. Doutro xeito estaremos potenciando Madrid como facilitador intermedio, con grave dano aos nosos intereses, nomeadamente aos turísticos. Canto á coordinación de rotas, cómpre salientar algunhas evidencias. O aeroporto compostelán ha ser o aeroporto turístico e a grande porta cara Europa e América. A Coruña e Vigo han continuar a súa especialización como aeroportos de negocios, sensíbeis a cadansúas necesidades de Inditex e PSA-Citroën, motores económicos das áreas coruñesa e viguesa. O ramo é garantir unha mobilidade razoábel a respecto dos tres aeroportos. Para que os outros renuncien a determinadas conexións, o aeroporto operante ha estar ben conectado co conxunto do País. Hai que integrar os aeroportos co tren e co bus.

Un audiovisual para un país

Un ano máis, a entrega dos premios “Mestre Mateo” que organiza a Academia Galega do Audiovisual constitúe un bó momento para analisarmos as actuais dificultades do sector. Un sector que é industria (por certo, dos sectores industriais menos subvencionados con fondos públicos) e cómpre reactivalo como tal. Mais tamén é cultura. E os países sen cultura (os países sen industria audiovisual) non existen, como ben dixo Carlos Ares, presidente da devandita Academia, na Gala de entrega deses premios.
O desleixo cara ao audivisual e, en xeral, cara á cultura, da Administración galega ao longo dos oito anos de goberno Feijóo contribuiu a agravar substancialmente unha moi fonda depresión que o sector é o primeiro en sofrir e o derradeiro en deixar: son os recursos para publicidade o primeiro que recortan as empresas e os recursos para industrias audiovisuais e culturais o primeiro que curtou este Goberno. Das resultas desta grande depresión o sector ficou moi desartellado. Desfíxose en grande parte o traballo desenvolvido dende a Lei do Audivisual do 1999 por varios Gobernos, como recoñecen as empresas do sector.
En realidade, o principal recurso que fica no noso audiovisual son os seus excelentes profesionais: guionistas, técnicos, actores, directores…Mais a realidade cotiá dos nosos actores é arrepiante: o 60% dos artistas galegos acadaron ingresos anuais inferiores aos 6000 €, o que os bota de cheo na pobreza. Os artistas sofren dunha grave desprotección social vencellada ás graves limitacións da súa relación laboral especial, inzada de cotizacións só por días ou por findes que lles impide acadar prestacións por desemprego ou xubilación. Velaí a urxencia de aprobar o Estatuto dxs traballadorxs do audiovisual, que os equipare coa protección social dos traballadores doutros sectores.
Na cuestión industrial, cómpre lembrar que a TVG é a principal ferramenta para a nosa produción audiovisual. Arestora, a galega é a canle estatal que máis inviste en termos relativos en series de ficción. Mais as cifras haberían mellorar en documentais e longametraxes. A galega é unha das canles públicas que menos lle custa ao cidadán na Unión Europea, e a súa existencia débese á promoción da nosa lingua e cultura no mundo, incluídos os nosos produtos audiovisuais.
O sector ten grandísimas potencialidades e os inmediatos retos tecnolóxicos están aí. O audiovisual galego ha ser un asunto de País.

Non máis pena que o cárcere

Rosario Porto ou Laureano Oubiña foron condenados por sentenza penal definitiva a longas penas de cárcere por mor de delictos gravísimos. Penas que han ser cumpridas dacordo coa lei, incluídas as posibilidades (hoxe ben afastadas para Porto) de permisos penitenciarios e progresión ao terceiro grao. Foron condenados a ficar longos anos no cárcere, mais a súa pena remata aí ou, canto máis, en penas accesorias como determinadas inhabilitacións. Quere isto dicir que seguen a ser titulares de todos os dereitos fundamentais (vida e integridade física e moral, intimidade, liberdade de expresión, relixiosa e ideolóxica…), que non fican afectados directamente pola natureza da pena de prisión imposta.
O Tribunal competente dispuxo a inmediata progresión ao terceiro grao (semiliberdade durante o día e as fins de semana) de Oubiña, e a Administración penitenciaria aínda non executou esta resolución xudicial, o que constitúe unha gravísima vulneración do seu dereito fundamental á liberdade persoal, que inclúe desfrutar do réxime penitenciario que decidan os xuíces competentes. Un precedente gravísimo para a convivencia democrática, que coincide neste tempo con numerosas manifestacións de ilexítimas intromisións do Goberno do Estado na administración da xustiza e no funcionamento do Ministerio Fiscal.
Pola súa banda, Rosario Porto cumpre 18 anos de prisión no cárcere máis próximo ao lugar do seu berce, domicilio, arraigo e desenvolvemento, como manda a lóxica e o espírito da Lei Xeral Penitenciaria. O traslado ao cárcere d’A Lama non se xustifica en razóns de tratamento penitenciario e semella castigar actitudes da interna que non están prohibidas por lei ningunha, como teimar en manter a súa inocencia. Trátase, ademais, dunha persoa con demostradas tendencias suicidas, polo que o traslado mesmo pode pór en risco a súa vida.
Nun réxime de liberdades, o penado non é un inimigo nin alguén a destruír. As penas teñen unha finalidade fundamental de reinserción e resocialización, o que exclúe o cárcere perpetuo ou a actual prisión permanente revisábel. Os presos seguen a ser persoas merecentes dun tratamento consonte coa súa dignidade, que non engada ilegalmente un sofrimento adicional ás súas xa rigorosas condicións vitais.