Macron será o presidente

O réxime constitucional francés é bastante singular, non é presidencialista nin parlamentario, senón unha mistura de ambos os dous. O Goberno e o seu primeiro ministro precisan a confianza tanto parlamentaria como a do Presidente da República. Esta dupla confianza marca o sistema: as eleccións presidenciais e parlamentarias fanse a dúas voltas, por cadanseus cinco anos e consecutivos temporalmente (as parlamentarias serán en xuño).
No primeiro round pasaron moi igualados a peneira Emmanuel Macron (o máis votado; centro-esquerda independente) e Marine Le Pen (Front National, neofascista), a rentes de cadanseu 23% de votos. François Fillon (dereita conservadora gaullista; seica arrentes do 19,5%) e Benoît Hamon (Partido Socialista; 6,5%), candidatos das dúas principais correntes políticas da V República ficaron fóra, porque ningún dos dous candidatos, vencedores de cadansúas primarias, foron quen de integrar a pluralidade de cadanseus partidos nin aos precandidatos perdedores nas primarias. De feito, o antigo primeiro ministro socialista, Valls, apoiou Macron desta volta.
O resultado é nomeadamente esmagante para o PS. O seu electorado, os millóns que votaron polo presidente François Hollande no 2012, liscou cara a plataforma independente En Marche de Macron (que non existía até hai seis meses) e cara a plataforma de esquerdas do antigo ministro socialista Jean-Luc Mélenchon, que quitou preto dun 18% de votos e que foi, canda Macron, as sorpresas desta campaña, pois que dende hai meses ficou claro que Marine Le Pen pasaba o corte.
Fillon, Hamon e o secretario xeral dos comunistas pediron xa o voto para Macron, canda o actual primeiro ministro. Mélenchon non se ten pronunciado, pois La France insoumise acordou decidir a súa escolla dende as bases. Non semella moi probábel que este voto migre cara Le Pen, mais si cara á abstención.
Velaí que Macron conte con recursos abondo para gañar a segunda volta e acadar a Presidencia. Afastando o perigo dun french exit. Mais fican moitas dúbidas. En primeiro lugar se Macon obterá nas eleccións parlamentarias de xuño un grupo parlamentario potente de seu ou terá que cohabitar coa dereita gaullista e a esquerda insubmisa. En segundo lugar, se haberá reflexión na centralidade sistémica a respecto da fonda desafección de millóns a respecto da Francia e da Europa de hoxe en día.

A arrincadeira A FN de Marine Le Pen acada moitos menos votos en Bretaña e Córsica
O neofascista FN foi moito menos votado en territorios con personalidade nacional de seu, como Bretaña ou Iparralde (Euskadi Norte). Semella que as forzas territoriais ou nacionais achegan un importante sentido da centralidade política. A excepción,porén, foi a illa de Córsica, onde Le Pen foi a máis votada.

As aldraxes do centralismo

O discurso que adoita desenvolver o bipartidismo dinástico, o bipartidismo unionista, para xustificar a subordinación dos intereses galegos aos estatais é a ladaíña esa da falsa solidariedade: “os galegos somos uns pobriños e precisamos da solidariedade do Estado. Logo precisamos máis España e moita España”, pensan en realidade Rajoy, Feijóo, Ana Pastor, Abel Caballero, Carmela Silva ou Pepe Blanco.
Imos con algunha destas aldraxes. No eido da mobilidade, a suposta solidariedade española tradúcese en 40 € (ida e volta) por viaxar de Ferrol a Tui pola autoestrada AP-9. Unha autoestrada que incrementou en case o 37% as peaxes entre 2010 e 2015. Unha vía que non ten alternativa real na rede de estradas gratuítas. Mentres, casteláns e andaluces transitan por autovías de balde entre as súas principais cidades e Madrid conéctase con todo o territorio do Estado por unha rede radial de autovías libres de pagamento. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia da autoestrada. Non por acaso é a terceira máis rendíbel.
Conectada coa aldraxe anterior está a da xestión do tránsito rodado. O Parlamento de Galicia, por iniciativa do nacionalista Anxo Quintana, propuxera a transferencia do tráfico por unanimidade no 2008 e esta foi vetada no Congreso no 2010 polo PP e PSOE. Por que este interese en reter esta competencia? Para xestionaren as multas. Galicia é dos territorios máis exaccionados pola Garda Civil de Tráfico no 2016, onde recadou 19 M€ fronte aos 11M€ da Comunidade de Madrid, onde circulan moitos máis vehículos. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia das competencias de tránsito.
Que dicir da aldraxe ferroviaria? Sevilla cumpre 25 anos de AVE mentres Galicia contará co seu aló polo ano 2022, dotado, ademais, dunha soa vía. Mais o panorama do tren de proximidade é moito peor. As viaxes entre Vigo e Porto, Ferrol e A Coruña e Compostela e Lugo son propias dos anos 60 do século pasado. Mais o corredor atlántico é moi rendíbel. Por suposto, España négalle a Galicia a transferencia do servizo ferroviario de proximidade e media distancia.
Mal negocio fai Galicia co centralismo unionista.

O PP, contra dos intereses galegos

Tempos houbo nos que determinados sectores do PPdeG adoptaron un discurso autonomista e até certa praxe de defensa dalgúns intereses do País. Tempos nos que Xosé Cuíña exercía a secretaría xeral do PPdeG “na fronteira da autodeterminación”. Este PP comezou a recuar despois da derrota deste sector na crise do Prestige para seguir coa derrota de Barreiro fronte a Feijóo no Congreso do 2006, o rexeitamento deste á aprobación dun novo Estatuto no 2007 ou a guerra lingüística da campaña do 2009.
Hoxe o PPdeG é unha sucursal do PP español (probabelmente coa excepción do PP ourensán), comezando polo seu indiscutíbel líder, moito máis próximo a facer política unionista por Madrid ou Catalunya ca a defender os intereses galegos. Velaquí algúns exemplos. A AP-9, que é o noso principal eixo de comunicación viaria, continúa sen ser transferido e aturamos as máis altas peaxes do Estado, mentres as cidades castelás e andaluzas conectan entre si por autovía gratuíta. O orzamento de investimentos estatais diminuíu do 2016 ao 2017 un 32% (de 1350 M€ a pouco máis de 900 M€). Os nosos concellos perden case 500M€ ao ano por recibir só o 3% dos fondos. Pagamos a enerxía eléctrica máis cara malia ser un país produtor que sofre o custo ambiental desta produción. Os nosos portos e aeroportos, clave do noso progreso económico, seguen a ser xestionados dende a máis centralista ineficiencia.
Ou sexa, que Galicia fixo moi mal negocio dándolle a Feijóo unha maioría absoluta impensábel arestora en todo o Estado. E que este voto serviu para afortalar os intereses doutros territorios. Como facemos moi mal negocio sempre que pomos os nosos intereses por baixo duns intereses xerais do Estado que nunca poden coincidir cos nosos, porque só atinximos o 5% do PIB e o 5,5% da poboación estatais e os sectores economicamente estratéxicos para nós son secundarios para España.

A arrincadeira: Erdogan oprime os curdos
Ana Miranda, representante do BNG no Parlamento Europeo, contounos en tempo real como Erdogan amañaba un referéndum constitucional sen garantías, impedíndolle á poboación curda o exercicio dos seus dereitos. A Unión Europea habería rachar a entente con Turquía para o acollemento de refuxiados, ao amosar nidiamente que non é, de xeito ningún, un espazo seguro para eles.

A sociedade civil galega

O éxito acadado pola campaña de crowdfunding do ente investigador Oncomet para o desenvolvemento da biopsia líquida amosou como a sociedade civil galega, cando loita por obxectivos concretos e de ampla base, é quen de suplir a vergoñenta incapacidade dos políticos da Xunta.
Porque non é certo que a nosa historia sexa unha historia de individualismos. Na nosa tradicional economía o comunitario abrolla con forza nas rogas (facermos en común as seituras, etc.) e na propiedade mancomunada dos montes, así como na explotación cooperativa da pesca antes da chegada dos cataláns. Os nosos emigrantes fundaron un enxame de sociedades que promoveron a nosa identidade nacional, cultura e a educación das crianzas, suplindo tamén aquí as carencias do Estado centralista. A redención dos foros e o progreso da agricultura viñeron dadas pola extraordinaria potencia do movemento agrarista, fortemente reprimido polo Estado centralista en moitas ocasións.
A salvaxe represión franquista e o fomento xeralizado da emigración (favorecida, entre outras medidas, pola forestación de terras de pasto e cultivo) esfarelou en grande medida o espírito comunitario galego, mais aínda este abrolla con forza nas loitas de Castrelo de Miño, As Encrobas, Baldaio ou Xove. Pero a verdadeira madureza da concienciación cívica faise presente na crise do Prestige. Non só nas 200.000 persoas do Obradoiro o 1 de decembro de 2002, senón en toda a continua enxurrada de mobilizacións en Galicia, Madrid, Barcelona, Euskadi e Bruxelas. Nunca Máis concienciou ambiental e politicamente milleiros de galegos e galegas de varias xeracións, as máis das veces en clave de País.
Nos nosos días, as mobilizacións polas preferentes amosaron que cando a sociedade civil actúa unida por obxectivos concretos xérase conciencia e modifícase a axenda política e social. Os avances na presenza mediática e éxito xudicial teñen moito a ver co esforzo das plataformas de afectados.
Porén, a sociedade civil galega precisa de continuidade asociativa. Precisa que as plataformas dean en axentes sociais permanentes e apartidistas, con obxectivos políticos e sociais nidios e concretos. E, se ACOUGA puido nacer da loita das preferentes, outras organizacións permanentes haberían xurdir desta xenerosidade da cidadanía galega.

Un grande paso adiante

Mentres o Goberno do Estado minimiza o paso adiante dado co desarme da ETA, o ministro francés do Interior considerouno “un grande paso adiante”. Pola súa banda, o lehendakari Urkullu definiu o sentimento maioritario da cidadanía vasca cando di que a entrega do arsenal tiña un significado ético central, en canto “certificaba definitivamente que nin unha soa das vítimas debeu morrer nunca”.
ETA foi derrotada politicamente moito antes ca policialmente. Perdeu por milleiros cada ano o seu primitivo apoio social, aínda bastante importante a fins da década dos 80 do século pasado. E a súa deslexitimación social tería sido moito máis rápida de non ser pola actuación dos GAL. Un instrumento de terror creado, financiado, sostido e dirixido polo Goberno do Estado, que rearmou parcial e provisionalmente aquel apoio social, desaparecido por sorte hai bastante tempo.
O cesamento indefinido do fogo en outubro do 2011 constatou unha ETA con reducida capacidade operativa, mais á banda ficáballe capacidade para facer dano uns meses ou mesmo uns anos máis. O adeus ás armas veu precedida dunha intensa negociación na que participaron o PSE, o ministro Rubalcaba (PSOE) e o PNV. Tamén (xusto é recoñecerllo, malia ser canda mozo un seareiro da violencia) dunha moi activa campaña de Arnaldo Otegi para amosarlle ás bases abertzales a necesidade da paz.
Cómpre agora a definitiva disolución da banda para activar o 10º ponto do Pacto de Ajuria Enea, subscrito no 1988 por todas as forzas vascas (agás Herri Batasuna, precedente da actual Sortu). É dicir, para atopar as solucións xurídicas que resolvan o achegamento dos presos a Euskadi e a aplicación de beneficios penitenciarios que permitan pasar páxina.
Todo isto sen prexuízo de afondar nunha política de convivencia e reconciliación que atenda nomeadamente ás necesidades materiais e de inclusión social das vítimas do terrorismo (tamén, por certo, das vítimas do GRAPO ou do GAL). Mais tamén sen inventar novos e adicionais requisitos para activar os precisos mecanismos de política penitenciaria.
ETA foi derrotada politicamente e non ha servir nunca máis como arma política arreboladiza.

Pór sentido común na Marea Galega

Ao elixir Luís Villares portavoz o Consello das Mareas (máximo órgano entre Congresos de En Marea) adoptou a única decisión compatíbel coa lóxica política e o sentido común. Villares é independente, como o 80% dos adheridos a En Marea e, xa que logo, transcende dos partidos fundadores da primitiva coalición electoral (Anova, EU e Podemos) e representa as ideas de substantividade e independencia da Marea galega, así como o alargamento do seu espazo político. Para máis, se BNG, PP, como tamén ERC, Compromís ou Els Comuns, contan con liderados claros, a pluralidade de referentes no caso de En Marea sería pouco comprensíbel e nada operativa.
A decisión, ademais, é substancialmente demócrática. E non só por contar cunha ampla maioría absoluta no máximo órgano intercongresual senón porque o Plenario de En Marea (órgano soberano equivalente ao congreso) tense pronunciado moi maioritariamente por afondar na institucionalización e vertebración dunha organización galega de seu, totalmente independente dos partidos que concorreron na súa fundación. Ademais, este mesmo Plenario rexeitara en proporción de 10 a 1 a adopción dunha normativa de incompatibilidades que lle impedise a Villares, como voceiro parlamentario, participar na súa gobernanza orgánica.
En Marea enfronta a necesidade de visibilizar o seu discurso (tamén en Madrid onde hoxe está case totalmente agachada por Unidos Podemos), espallar e afortalar a organización, dotándoa de urdime orgánica territorial e sectorial e alargar a súa base social e electoral, captando parte substancial dos votos do PSdeG, hoxe en estado de dilución. Nada disto se pode acadar sen un liderado claro, como o que exerce Xulio Ferreiro no ámbito da cidade d’A Coruña.
Os espazos de unidade cidadá, como En Marea, constrúense sobre programas de mínimo común denominador, orientados á maioría social e á resolución dos problemas da xente e tendentes a ocupar a centralidade. Os radicalismos verbais cara á galería poden motivar algúns convencidos, pero afastan ás ducias de milleiros que deciden as eleccións, posibilitando pór en funcionamento medidas que transformen a realidade, que é para o que serve a política. Semella que Villares o ten claro.

A liberdade de expresión é prioritaria

Antes de que cuestionemos esta enxurrada de condenas na chamada “Audiencia Nacional” por delictos de expresión relacionados co terrorismo, cómpre precisar que o caso da cidadá Casandra non se refire a un acto de terrorismo no senso xurídico, senón a un acto violento contra o Presidente dun Goberno ilegal e ilexítimo, nado da subversión armada contra a orde constitucional republicana do 1936 e subseguinte guerra. O terrorismo require no noso Dereito Penal dunha intencionalidade de atentar contra a orde constitucional lexítima. E o réxime franquista non o era. Velaí que a amnistía de 1977 impida non só o castigo, senón a propia investigación xudicial a respecto desta caste de delictos violentos anteriores ao 15 de decembro de 1976.
Mais, no terreo propio do que si son condutas que conteñen opinións a respecto de auténticos delictos de terrorismo (o que non inclúe o caso de Cassandra) cómpre aplicarmos o sentido común, que PP e PSOE perderon ao agravar a xa rigorosísima lexislación de Aznar no 2015, das resultas do pacto antiyihadista. É absurdo que no 2015 e 2016 o número de condenas sobarde en máis dun 600% ás do 2011, cando aínda actuaba a banda terrorista ETA. Máis da terceira parte dos recursos materiais deste Tribunal de excepción consúmese xa nesta caste de xuízos. Un despropósito.
Desenvolven estas actuacións os Tribunais penais máis condicionados pola maioría pro PP do Consello do Poder Xudicial: a “Audiencia Nacional” que xulga dende Madrid vulnerando o dereito de todos ao xuíz ordinario do noso ámbito territorial e o Tribunal Supremo, que resolve os recursos contra as súas sentenzas. E enxergamos moitas veces dous xeitos de medir, porque non faltan os antigos dirixentes socialistas que xustifican en público o recurso ao GAL e nada se actuou contra deles. Tampouco contra un xornalista e un toureiro que dicían querer eliminar aos adheridos de Podemos.
A convivencia democrática require que a liberdade de expresión sexa prevalente. Os fiscais e xuíces da democracia non poden perder o seu tempo perseguindo e xulgando chíos propios de mal gosto ou propios de descerebrados na twitter. Cómpre eliminar xa do Código Penal as condutas que non supoñan un convite directo, real e inmediato á comisión do delicto.

A renda básica universal

Nos anos 70 do século pasado abriuse nas Cámaras lexislativas dos USA o debate sobre a renda básica universal, é dicir, sobre un ingreso mínimo non suxeito a condición ningunha que recibirían todos os residentes. Republicanos e demócratas discrepaban non sobre a bondade da proposta (que os dous partidos vencellaban a esixencias derivadas da dignidade da persoa), senón sobre a contía da mesma. Hoxe en día esta renda universal está recoñecida como dereito no estado de Alaska e na provincia canadiana de Ontario, mentres que Finlandia a vai implementar axiña con carácter experimental.
Esta proposta xa non pertence ao ámbito da esquerda máis radical, senón que vén de ser asumida como proposta transversal por todo o abano social e político. No foro de Davos lévase debatendo dous anos e o lobby de Silicon Valley recoñece a necesidade desta renda. Porque xa non é cuestión de dignidade das persoas, senón de cohesión social. Malia que todas as revolucións tecnolóxicas xeran novos empregos no medio prazo, no curto destrúense. Calcúlase que cos procesos de robotización perderanse millóns dos actuais empregos. Sen renda básica universal millóns de persoas estarán condenadas ao precariado, cando non á fame. As consecuencias en termos de delincuencia e violencia social poden ser terríbeis.
A renda básica universal, ademais, ten outros efectos sociais e económicos positivos. Absorbe todas as prestacións asistenciais inferiores, permitindo liberar amplos recursos humanos e económicos até de agora adicados ao control burocrático dos solicitantes destes subsidios. Tamén melloraría o funcionamento do mercado de traballo, porque lle daría ás persoas a posibilidade de non se conformar con empregos lixo. Pola contra, non desincentivaría a busca de traballo, xa que a grande maioría da poboación tentaría acadar ingresos superiores a unha renda que garantiría dignidade, mais non o acceso a bens de consumo distintos dos básicos.
O debate está aí, para toda Europa, malia que sería preciso que fose a propia Xunta de Galicia quen definise, co acordo social, a contía e regulamentación desta renda, evitando calquera abordaxe recentralizadora ou uniformista.